O blogue marcado non existe

24 de Setembro de 2009, 16:23

 

 kaput

  Non se recibe dó.

Círculo Semiótico de Vite

Leopardiana

19 de Setembro de 2009, 17:46

 

 

 leopardiana

 

 

 

Si rallegra ogni core.

Sì dolce, sì gradita

Quand’è, com’or, la vita?

Quando con tanto amore

L’uomo a’ suoi studi intende?

O torna all’opre? o cosa nova imprende?

Quando de’ mali suoi men si ricorda?

Piacer figlio d’affanno;

Gioia vana, ch’è frutto

Del passato timore, onde si scosse

E paventò la morte

Chi la vita abborria;

Onde in lungo tormento,

Fredde, tacite, smorte,

Sudàr le genti e palpitàr, vedendo

Mossi alle nostre offese

Folgori, nembi e vento.

 

 

Ah, se un tiver un vestido como o de Miriam Makeba aquel día no Berns Salonger escandinavo, e tivese asemade vagar para agradecer a compaña e oficio dos músicos todos do blogue! Amampondo… Diría así: ahh sah sah aaah!, oooh eh he eh!, ahh sah sah aaah!, oooh eh he eh!, ahh sah sah aaah!, oooh eh he eh!, ahh sah sah aaah!, oooh eh he eh!, ahh sah sah aaah!, oooh eh he eh!, ahh sah sah aaah!, oooh eh he eh!, ahh sah sah aaah!, oooh eh he eh!, ahh sah sah aaah!, ahh sah sah aaah!, oooh eh he eh!, ahh sah sah aaah!, oooh eh he eh!, ahh sah sah aaah!, oooh eh he eh!, ahh sah sah aaah!, oooh eh he eh!, ahh sah sah aaah!, oooh eh he eh!, ahh sah sah aaah!, oooh eh he eh!, ahh sah sah aaah!, oooh eh he eh!, ahh sah sah aaah!, oooh eh he eh!.. E logo rimar o arquexo co corpo todo e ser ritmo e só ritmo e só ritmo nesta hora do regreso, no que volta o home aos seus estudos.

 

Engado do ritmo

17 de Setembro de 2009, 23:49

 

manuel_da_costa

El ojo que ves no es
ojo porque tú lo veas;
es ojo porque te ve.

Ás veces, os poetas, levados polo engado do ritmo, equivócanse. Machado dedicou esa rara consideración dos seus Proverbiosrara para ese peixe de arriba, sen ir máis lonxe— a Ortega y Gasset, autor do ensaio “Vida como ejecución (El ser ejecutivo)”. É probábel que alguén a usase xa para falar da superación hermenéutica da fenomenoloxía, asunto no que un reflexionaba en agosto perante certo queipo con xardas (mortas). Así que o problema maior da conciencia parece ser o problema da diferenciación entre vida e morte. Como Machado non tiña nada de barroco, pensou pouco nos ollos dos mortos e lembrou só os ollos dos vivos. Así, malia algún espello que mediou entre el e algún reflexo, teorizou a mirada. O problema da conciencia acaso sexa tamén o da priorización da vida propia sobre toda morte allea. O problema da desaparición. Aínda que a morte sexa a dunha xarda e o ollo dela quede convertido en centro que reclama  os ollos nosos? Si.

[Fotografía do brasileiro Manuel da Costa. As xardas, aquí]

 

O desigual combate

17 de Setembro de 2009, 1:26

tabernas-11

Seguramente será que non dou aprendido o oficio. O de galego. Ou será que levo sangue das dúas Castelas, de Flandes, de Cataluña e de Cantabria como mínimo, alén dunha proporción (considerábel) de sangue do país, sexa isto o que for. De sangue e do resto de líquidos corporais, claro. Bile incluída. Ou quizais sexa que, como se di agora no xardín Moncloa-Palas, eu xa teño colmadas as miñas aspiracións políticas despois de ser presidente consorte da comunidade de viciños do edificio no que vivo. Razón esta pola que non tería nada que perder, pois nin aspiro a columnista ben pagado nin a insignia de ningunha clase. E ademais os búlgaros cáenme ben. Igual é iso. Igual é que me importan menos que nada a pompa e o carnaval. Igual é que distingo aos que pretenden tumbar a cultura do meu país para proceder logo a facer a autopsia a todos os que confundían o sentido institucional e a dignidade coa sumisión. O cal resta mérito, pode que si, a esta vontade de falar claro polo menos uns minutos ao día. Pero quen falou aquí de méritos?

O combate é desigual. Uns tocan o cornetín de ordes de Sabón con chulería subsidiaria mentres deitan chumbo ardente desde o castelo do seu señor, que aí atrás marcou a toda a tropa a folla de ruta para o curso político 2009-2010 , e outros fan discursos firmes pero abstractos, xustificatorios e nada apostróficos  (por tanto, sen marcar quen é o destinatario coa claridade que o caso reclamaba) nos que malia ficar claro (para algúns, só para algúns) que o que se está a facer é responder ao insulto previo e á tosca e mendaz caricatura reiterada de Roberto Blanco Valdés pois resulta que este nome, o do cornetín, non sae por ningures. Non pido que se mente ao dono, Freixanes, pero si polo menos a quen lle coida a porta e o insultou a vostede e aos seus compañeiros aducindo as máis estrafalarias imaxes e as máis falaces  argumentacións que un soñaría escoitar nunca na boca dun publicista demócrata ou simplemente na dun señor cultivado. E engado algo. O que acabo de indicar non me interesa en absoluto como anécdota: o problema é que me interesa como categoría. Iso é, iso está a ser no meu país a categoría! Ou non nos queremos dar conta?

A partida, seino, xógase case sempre fóra da casa. Eu só digo isto: o espazo público, o logro de alcanzarmos algún día en Galiza unha opinión pública libre, digna e politicamente madura só se concretará se chamamos ás cousas polo seu nome, se declaramos sen veos nin danza a quen estamos a responder cos nosos argumentos e se contraatacamos o bombardeo artilleiro que pretende borrarnos do mapa co calibre proporcionado a esa agresión e sen sordina. Se fai falta, desde outra tribuna, pois hai máis (e censuran menos).

[Rúa Tabernas, na Cidade Vella da Coruña. A foto é de xornalcerto e vén de Flickr]

 

Onde o mundo se chamou A Manchica

16 de Setembro de 2009, 0:34

 

Falabamos o 3 de setembro do outro libro que Celso Emilio Ferreiro prologou a Germán Cid Justo, “poeta  popular” segundo a apreciación do autor do limiar a este Cantigas en gallego traducidas al castellano publicado por La Región en 1977. Arume inquiriu: como foi que tras poñer a caldo entre liñas ao seu viciño, o poeta de Celanova volvía a caer doce anos despois na mesma e escribía outro prefacio máis para o novo libro de versos fatuos e misóxinos daquel señor que o outro día case nin nomeamos?

a-manchica

A vellez é rara. En 1977 Celso Emilio parece xa desarmado ante o estro poético do home da Manchica. Claro que tampouco convén esquecer a etimoloxía porque algo aclarará as cousas (xa saben, “estro” = “tabao” → “ardor na pel producido pola picadura do tabao nas bestas” → “ardor sexual e enaxenación moral dos mamíferos en celo” → “hiperestesia anímica do bípedo implume e propensión lúbrica que o leva a aparearse” → “furor e efusividade poéticos” → “estilo”; cómo son as linguas, mimadriña, teñen máis recursos que o xastre de Andreotti). En fin, que, segundo soubemos na anterior anotación dedicada ao vate, o tipo era algo tabao na insistencia, por el mesmo recoñecida como propensión natural, en particular no que afectar á persecución das mozas durante a súa xuventude, despois e máis despois. Pero o de Celanova semella que xa non se esconde tras as contras da casa. Este limiar, doce anos despois, é outra cousa. Só nas comparacións que estabelece pode pensarse que persista algo do sarcasmo de 1965. Non, nin iso.

O libro de Cid Justo é como mínimo peculiar. En páxinas impares a tradución ao castelán do orixinal galego (igual no proemio que nos versos e nos contiños da parte última). De modo que o apuntado na ligazón da revista Viceversa que saíu o outro día é algo inexacto. O poeta da Manchica tradúcese a si mesmo, talvez por ter aspiracións. Tradúcese con bastantes peculiaridades, certamente. Tamén con algúns achados notábeis: “Unha velliña moi vella” dá “Una vieja viejecita”. Non creo que a poesía popular teña que ser conservadora ou reaccionaria, como esta en verdade o é. Tradicionalmente non foi así, sabémolo ben. Agora, cando se fai remedo dela, tende a selo. Porque os poetas populares fixéronse intertextuais e meten o que len e oen nos medios. De aí tanta perda de entidade. O fol do vituperio duro das mulleres non é tampouco o que fora doce anos antes. Con todo, abonda e anoxa aínda. Morra aquí o conto se ven que tal.

[A Manchica, entre Ourense e Celanova, a vista de poeta moi inspirado]  

Rosas

15 de Setembro de 2009, 15:38

 

rosa-sala2

Día de rosas de aniversario, hoxe. Sigamos, pois. Souben deste blogue de Rosa Sala Rose por unha amiga, tamén Rosa. Interesante, o labor desta investigadora, tradutora e ensaísta catalá, autora en Acantilado do Diccionario crítico de mitos y símbolos del nazismo (2003).  O blogue, que abre co seu propio nome, está destinado no fundamental á indagación, sempre documentada e lúcida, da historia cultural de Alemaña e dos acontecementos bélicos que en dimensión macro ou micro definen a presenza dos alemáns na construción e destrución de Europa. O máis recente post, de onte mesmo, fala de suicidios, con atención a dous momentos importantes na historia europea: 1945 e 1989. Impacta ver fotos como as tomadas polas fotógrafas de guerra norteamericanas Lee Miller e Margaret Bourke-White. Son tamén de interese algunhas revisións da idea de heroísmo, as consideracións sobre as memorias escritas na cadea ou, desde logo, a rede que trazan cultura e morte, atravesada como non pode ser doutro xeito pola presenza da Shoah.

 [Rosa Sala nunha foto de Vicens Giménez]

 

Onte

15 de Setembro de 2009, 11:15

 

calendar

Este blogue leva activo un ano e un día. E que?, dirán vostedes. Non, nada. É só que nunca imaxinei que durase tanto. Aínda hoxe non se me alcanza por que razón dura, por que motivos está a durar así. Este local abriu por dous motivos, un imprevisto e outro relativamente previsíbel: o pleito polos marcos con Steiner foi o primeiro (vinme metido nel de socate) e un compromiso académico para impartir un seminario sobre blogues foi o segundo. Daquela pensei en relación co segundo motivo, rememorando Dámaso: “fáltame a outra ladeira”. E pumba! Coñezo unha razón terceira hoxe para seguir tocando o organillo: catarse, literatura. Hai un efecto catártico para quen suscribe vindo aquí como un fuxido, mesmo en horario laboral, como agora, para anotar algo. Uns toman café. Eu escribo algo, o que sexa: escribo, fago escritura, literatura?, si. Na temporalidade hacker na que todos andamos, tanteando, aprendendo, porque isto veu para quedarse, a mistura indiscerníbel de horario laboral e horario de suposto repouso, no día, na noite, que máis ten. Logo existen todos os eus outros do equipo, o Círculo Semiótico expandido, Dora Muriel e as demais colegas. Toda a tropa que constitúe o Ente Lándoas e que se describe acolá abaixo á dereita. E por suposto os siareiros/as, quen le, anota, reflexiona ou me manda a fritir puñetas tras ler o que aquí se di. É interesante todo iso, estimulante. Todo agás eses momentos en que o trato cortés deriva a melifluo. Lévoo mal. O de señor das lándoas e tal. Pero en fin, vai no cargo. O caso é que estiven considerando aí atrás pechar o chiringuito aproveitando a coartada do ano cumprido. Fin de ciclo, nada que engadir, caso resolto… Un bo modo, tamén, de regresar á lectura de blogues. Porque escribir e ler son vasos comunicantes incluso para o tempo dispoñibel. Querería ler máis, escribir menos. Pode que alguén botase en falta as homilías e filípicas do sitio (non contesten a isto, non é un reclamo) se pecha. Outros dirían: por fin calou. E outros, como aqueles aos que se depara un trato especial nesta casa, considerarían: unha mosca cojonera menos. Eses tamén len blogs. Nótaselles na cara. Quizais non lean directamente, polo menos nun principio, pero logo si, porque isto engancha (un saúdo tamén para vós) e porque a mellor prosa e a mellor análise do que está a ocorrer anda nos blogues antes que nos medios tradicionais. De aí os tránsitos, de aí a copia. En fin: entre a catarse que alivia a tensión craneal e o gusto perverso polo paso da nube. A partida está aberta.

Academias, Consellos, intervención

14 de Setembro de 2009, 1:27

En relación co asunto das institucións culturais e coa crítica pública que poida merecer a súa intervención perante as graves agresións en materia de política cultural e lingüística do goberno Feijóo, son varias as voces que insisten nas últimas semanas en reclamar que as valoracións se estendan como mínimo ao Consello da Cultura ademais de á Academia. Diría incluso que hai persoas que senten incomodidade se nun momento dado se critica só á Academia e non se sinala nada complementario do mesmo calibre ccg1sobre a outra institución, presidida segundo é sabido pola terceira autoridade do país en termos de protocolo.

 

Do debate, o que máis me interesa é a diferente percepción social que hai das dúas entidades. Creo que a RAG é relativamente coñecida pola xente, talvez —polo menos en certa proporción— por correlación con outros organismos homólogos noutros países. A maior parte dos medios impresos galegos, por exemplo, ao tempo que silencian por ignorancia militante asuntos de entidade incuestionábel anuncian o catarro de tal ou cal académico da Española, non digamos se o pillou paseando por Boiro ou dando unha conferencia en Ourense. En cambio, penso que do CCG só saben as persoas iniciadas en campos artísticos e universitarios específicos. Pode que iso se deba á diferente representación que se lles asigna á RAG e ao CCG desde os medios impresos. O poder sancionador da RAG en materia lingüística é tamén un elemento importante.

 

Sinalo todo o anterior para explicar, xa que se me demanda, un dos motivos polos que sempre interpretei que a forza social e política dunha declaración da RAG era imprescindíbel no contexto actual e que o era desde hai xa meses. Direi máis: estou convencido de que a insistencia das redes sociais tivo bastante que ver no acontecido en Celanova o outro día. En fin, ese é outro asunto. Volvamos ao rego, que é probábel que para moitos lectores resulte polémico. No meu criterio cando se fala de opinión pública e de intervención social, o mesmo que cando se fala de procesos políticos, hai que autoesixirse pragmatismo e polo menos tanta humildade coma firmeza. A día de hoxe, permítaseme sentar algunhas premisas para o que sinalarei logo, non concibo o debate político se non é para modificar o estado das cousas. Deixaron de interesarme as galerías e as conviccións que non integran o movemento de acordo e de pacto entre as forzas políticas que non se ecuacionan coa dereita, co imperialismo, co sometemento confesional, co gran capital e coa impunidade dos poderosos.

 

ragDito o cal, engadirei que entendo francamente anacrónicas institucións nas que rexen principios como os das academias nacionais (e non só existen as da lingua, claro). Síntome particularmente lonxe da idea da pertenza vitalicia a esas entidades, o cal ao mellor non era un dato relevante no século XIX, cheo de poetas tísicos e/ou suicidas, pero que si o é no século XXI. Por suposto, resúltame igualmente antipático o fundamento na cooptación tal como se exerce, algo que comentei aquí outras veces, mesmo ao comezo da xeira como blogger, o que levou a algún colega a inducións algo pintorescas sobre posíbeis apetencias persoais (é bastante doado saber quen as ten: fíxense na súa boca).

 

O mundo cultural galego está bastante marcado por inercias e por xerarquizacións nas que pesa en exceso o factor idade. Nada teño contra as persoas de idade, faltaría máis. Aseguro que máis ben é todo o contrario no que afecta a trato e a respecto. Pero institucións como a RAG, máis aínda en circunstancias como estas tan duras que atravesamos —alén do que de conxuntural poida haber no que materializamos no nome da peste que nos veu enriba pola pésima xestión gubernamental dos tempos políticos na lexislatura anterior (por iso máis que por outras razóns, créase)—, deberían ter outra fortaleza e outra capacidade de aparecer oportunamente e de falar claro.

 

Non pode ser que a idade media dos académicos sexa a que é. As persoas que xa cumpriron unha traxectoria e que superan unha certa idade (que lles parece 80 anos?) deberían ter a xenerosidade intelectual e política de retirarse e deixar paso a individuos de capacidade e cunha formación non menos sólida que a que os académicos actuais poidan atesourar. Na RAG deberían entrar dunha vez persoas de menos de 40 anos. Sobre todo mulleres e sobre todo xente que non proveña da filoloxía, porque xa abonda cos que hai. Os estatutos non poden seguir estigmatizando nin racaneando a retirada de quen desexe dar o paso por problemas de saúde ou polo que sexa. É moito o traballo por facer. Son moitas as batallas que dar e múltiples os escenarios. É imprescindíbel a combinación da experiencia e a do ímpeto e capacitación para entender as coordenadas novas que hai por aí fóra. E o capital intelectual que hai fóra da Academia é extraordinario. Ou alguén ten algunha dúbida ao respecto?

 

O CCG xestiona algo mellor eses parámetros. Ten como é lóxico eivas no funcionamento e na súa constitución orgánica. Posúe, doutra parte, a seguridade orzamentaria que lle garante a súa específica entidade estatutaria, e iso é unha vantaxe enorme na comparativa coa RAG. Eu creo, en fin, que ten outro dinamismo, dígoo con franqueza e creo que sen prexuízos. Alén diso carece do timbre sancionador que a Academia autorreclama como marca filolóxica, prerrogativa algo vetusta e francamente molesta tal como se usa (cando menos para a miña sensibilidade), en especial se quen exerce a autoridade está incapacitado por algún motivo para iso. Non falo da Academia nosa só. Falo de todas. En todas as academias do mundo hai ineptos e hai desleixo. E en todas elas hai persoas que accederon á súa cadeira por razóns inconfesábeis ou por redes de favores debidos. Nos outros sitios tamén, por suposto. Pénsese, sen ir máis lonxe, no que significou o franquismo para esta clase de institucións. E considérese de par diso a lonxevidade dos intelectuais acomodaticios… Son eternos. Só quero indicar que a estas alturas un non concede nada por probado se non se lle proba antes.

 

A cooptación incorpora outra pexa que fai que olle con distancia moral esta clase de institucións, tan rifadas coa representatividade das pluralidades sociais e culturais no mundo actual. Falo do reparto de cotas. É moi complicado entrar nesta especie de clubes se non se forma parte, nalgunha medida, desta ou desoutra sección ou grupo. Non só iso: ás veces, as observacións que aparecen nos debates públicos sobre o que cómpre esixir ás institucións trazan vínculos bastante doados de seguir con militancias, simpatías ou outras proximidades (non se me esixan probas, por favor). Non son tan inxenuo como para pensar que habería lugar no mundo actual para outra clase de reparto do xogo. Só pido que non sexa obrigatorio vendar os ollos. Eu nin sei nin quero facelo.

 

Nada do anterior empece o feito de que un saiba que as academias teñen unha función institucional e uns valores simbólicos que proxectan dinámicas socioculturais de certa entidade performativa; nalgúns casos, políticas e aínda nacionais, no sentido construtivo e postulativo do termo. O que me interesa delas como analista é xustamente iso. Como cidadán, como lector e como blogueiro non me explico por que razón algunhas persoas de valía e con capacidade de mover as cartografías que nos definen acabarán tendo 70 ou 75 anos cando entren por vez primeira coa medalla da Academia sobre o peito no vello edificio da rúa Tabernas.

Un fascista é un fascista é un fascista

13 de Setembro de 2009, 1:06

 

noivosdaparca2 

 

franco-e-landoas1

 

Unha noz é unha noz é unha noz

11 de Setembro de 2009, 23:54

 

noces

Afeito a escoitar e a ler palabras non sempre sensatas durante algunhas horas cada día, pouso os ollos á noite nunha bolsa negra de plástico. É despois da cea. Ábroa. Non me parecen gran cousa, a verdade. Mentres parto e mastico as noces leo a parte posterior da bolsa. Penso: iberismo e sinestesia. As noces dan tristeza, dicía Pepe. Dúas ou tres si, a partir de aí entra a melancolía. Se a marca é Borges todo se multiplica. Probaríaas o axente de publicidade antes de redactar estas frases? Por que nos fai isto? Transcribo en calquera caso, despois de sorprenderme tamén polo feito dunha empresa como esta recoñecer por escrito que na bolsa se lles puido colar algún cacahuete ou traza. Tamén di que as noces son “do país”, expresión que desde neno me parece un pouco metafísica. Transcribo:

Tu nuez ibérica, por los cinco sentidos. Pequeño tesoro redondo. Con ligeras pinceladas de azabache. Destellos en su piel agradablemente áspera. Su paladar crujiente susurra un sabor rugoso, con la intensidad de las raíces ibéricas de nuestra tierra.

Era isto de verdade necesario?, pregúntome. Conclúo para min coa nona noz, agrilloado xa na saudade: o tipo chegou a terceiro de carreira, topou con Garcilaso e as abellas aquelas fonosimbólicas e toledanas e deu a volta para casa. Isto é unha especie de vendetta por el non poder coa filoloxía e as églogas. De aí este caos cacofónico de palabras que se eu fose xurisconsulto proporía levar sen remisión posíbel ao Código Penal. Escribir “susurra un sabor rugoso”? Cinco anos e un día. E de aí en adiante.

[Noces, ou sexa, noces]

 

Tremelica o poleiro azul

10 de Setembro de 2009, 21:52

 

vazquez-vs-aymerich

Tremelica. Logo cabalgamos.

Orabén, hai algo que non se entende. Algúns deputados da oposición retaron ao conselleiro Vázquez a dar os nomes dos altos cargos do bipartito que envían aos seus fillos ou fillas a escolas privadas con separación escolar por sexos. A maioría dos deputados fixeron cuestión diso e doutras miudezas que son estritamente anecdóticas e pertencen á vida privada das persoas e das familias.

A cuestión evidentemente non era esa. Con independencia de que poida existir falta de coherencia entre a posición política pública e a escolla persoal nun ámbito tan decisivo como este da opción polo ensino público ou polo ensino privado, tan a miúdo confesional. Con independencia de que optar (este, aquela, esoutro) polo ensino privado presupoña sempre unha aposta por enfraquecer o ensino público, por restarlle financiamento, por contribuír a un reparto inxusto das cargas fiscais e moito pero moito máis…

Pero a cuestión non era esa, reitéroo. Mais unha vez, o nivel dialéctico e político dos parlamentarios galegos quedou en evidencia. A cuestión é estoutra, señores e señoras deputados: como é que o máximo responsábel da educación no país dispón para uso propio dunha lista de pais /nais que fan uso dun dereito recoñecido polas leis? E tamén esta segunda: Como é que este señor se permite usar esa información como argumento político e a publicidade deses datos como ameaza en sede parlamentaria? Pero non o ven? 

As listas, en todo caso. Unha vella tradición da caverna. O bo é que cabalgar cabalgamos. Case todos.

 

[Na foto de hoxe en El País, Negreira intenta calmar, entre cadeiras azuis, o ardor desideoloxizado a apolítico do conselleiro Jesús Vázquez]

Educar a un presidente

8 de Setembro de 2009, 13:23

 

celanova-casa-dos-poetasAnoto con brevidade uns apuntamentos relacionados cos acontecementos recentes de Celanova:

1) Algunhas persoas e institucións, tras unha longa fase de reflexión, tomaron a decisión de asumir as súas responsabilidades. Magnífico.

2) Algúns membros do séquito do presidente puxeron caras mentres escoitaban as “imprudencias” que Xosé R. Barreiro, presidente da Real Academia Galega, dirixía ao presidente da Xunta. Algunha prensa di que amosaban o seu malestar.

3) Algúns medios silenciaron ou ocultaron o acontecido. Outros operaron coa calculada diplopia empresarial que lles é propia. Outros magnificaron o significado do episodio. Por aquí está o combate.

4) Sobre os actos institucionais caben dúas clases de pactos tácitos. Óptase en ocasións por unha neutralización ritual do discurso (a fin de non dicir nada novo e de que todo fique en harmonización sonora). Óptase outras veces por elaborar un discurso de fundamentación incoativa: “propoñémonos facer tal cousa”. O que resulta claramente inapropiado e abusivo é empregar un acto institucional para agredir verbalmente determinadas conviccións e programas, en particular se se presupoñen abrazados por unha maioría do público presente.

5) A terceira opción foi a de Feijóo desque agarrou o temón do poder. Cunha especificidade: fíxoo en contextos moi definidos, os que teñen a ver coa política cultural e lingüística. De modo que nunha serie de actos institucionais de toma de contacto ou de celebración cívica e simbólica fixou como pauta vertebradora das súas intervencións afear en público certos compromisos, certas traxectorias, certos consensos, certas políticas. Feijóo subiuse a si mesmo, ao seu cargo, para rifar e agredir a quen lle petou, basicamente aos que non pensan como el, que en Galiza somos maioría, por certo.

6) O pasmo paralizante e irresponsábel de moitos en actos como os indicados non fixo senón incrementar a autoestima que en xeral padece de forma tan patolóxica coma irrisoria case todo individuo da especie humana que accede a cotas de poder relevantes (isto increméntase exponencialmente en casos de persoas intelectualmente capitidisminuídas e/ou hiperhormonadas, máis aínda se elas mesmas foran conscientes, nalgunha fase previa de mínima lucidez, da súa mediocridade mental e/ou moral; véxase o caso paradigmático de Aznar).

7) Educar ao príncipe posmoderno é de novo tarefa do pobo. Eu, modestamente,  estaba a consolidar entre os meus achegados a que iamos chamar “Columna Levante”, cuxo operativo principal consistiría en acudir a actos oficiais nos que se anunciase a plática de Feijóo ou do seu mariachi mediático-administrativo sobre materia cultural para, en plan bastante Gandhi, coller e erguer un a un de xeito educado e digno á mínima faltada do presidente, como nunha respectuosa procesión de caladiños, pero sen tambor nacional nin cilicio na virilla. É mágoa que Barreiro, nalgunha medida, fane a iniciativa ao activar —por fin— algo que malia todo o que se diga só as institucións son quen de activar. Ou non a fana e podemos seguir coa Columna Levante imaxinando que o exemplo cunde e que toda Galiza se ergue e se vai do salón?

8 ) Señor*s: Dignidade e forza contra a impostura! Sátira e firmeza contra a institucionalización da mendacidade e a alienación campante! Linguaxe contra o orneo! Érganse e ábranse se os insultan ou insultan ao país! Basta de contemporizar coa mediocridade, a falsificación e a angostura mental! Somos o que somos non por Marta Rivera de la Cruz nin polas levitacións de Farjas nin polas cotizacións empresariais (acolá) do conselleiro de Economía!! 

 

[Barreiro e Feijóo no acto de entrega á RAG do XXV Premio Celanova Casa dos Poetas. Fotografía de El Correo Gallego]

 

Buridán

6 de Setembro de 2009, 12:07

 

manuel-vazquez

“Nadie quiere que le impongas un idioma, pero tampoco que ataques a tu lengua. Esa es la combinación de la que no sabe salir”. Iso di hoxe nunha entrevista Manuel Vázquez, secretario xeral do PSdeG, en relación co que o goberno Feijóo está a facer en materia de lingua e, de paso, en relación co que, seica, o BNG concretou na lexislatura anterior como modelo lingüístico co que eles, os ditos socialistas galegos, tiveron que apandar. Tamén di que o seu partido non ten nada que ver co nacionalismo (non di con que nacionalismo exactamente). E di que quere meter paixón na vida política e que van reforzarse porque saben que cousas fixeron mal e daquela van gañar e non sei que do modelo vasco e outros apuntamentos de literatura fantástica.

Quedemos co primeiro: deixando á marxe o que presupón aceptar inscribirse sumisamente no léxico do contrincante político (imposición e outros raros tigmotropismos en procura da medra gorda), deixando asemade á marxe o vaivén de indefinidos e posesivos (malia o cal a mensaxe fica clara), o que di Vázquez… que é?

Iso, que é o que di Vázquez en relación coa lingua hoxe en El País? Haberá alguén que o saiba? Por axudar no paradoxo, procedo á mirepoix:

1) Unha cousa é “un idioma” e outra cousa é “tu lengua”.

2) Hai idiomas que se impoñen e hai linguas atacadas.

3) O idioma que se impón ten que ser por definición alleo, nunca o propio. Pois non se pode impoñer o que xa é propio dun.

4) “Tu lengua” significa a túa lingua; nunca, por definición, outra allea.

5) Daquela que? En que morea xantamos, Pachi? Áteme esa mosca polo rabo, ho.

 

[Manuel Vázquez, líder do PSdeG, na foto de Andrés Fraga que incorpora a entrevista de El País de hoxe]

 

Gran Baamonde

5 de Setembro de 2009, 12:23

 

anton-baamondeUn excelente Baamonde onte no País. Nesa descrición que compara formas de chegar e traxectorias de arranque dos primeiros cen días dos gobernos bipartito (PSdeG e BNG) e monopartito (PP) e na entrevista a Carlos Mella, no mesmo medio o mesmo día, fican retratadas boa parte das condicións e das expectativas que configuran a realidade na que estamos, a realidade que somos en termos políticos e económicos. Velas, non velas…, querer telas presentes ou non para chegarmos a ter a posibilidade de modificar o futuro inmediato de Galiza é outro asunto.

Como en todo, a estratexia das linguaxes é capital. E, como sempre, hai quen o ten asumido no código xenético e hai quen segue a confiar na evidencia da razón ou do amor/compromiso como algo que se enuncia de seu. Non é así. Por iso a dereita manexa sempre tan ben os tempos, con tanto proveito propio. Fala e sobre todo fai e desfai desde o primeiro minuto do partido.

Acerta Antón Baamonde cando suxire que a marca goberno é algo que se xestiona e se rexistra como tal marca neses cen ou cento cincuenta días que en xeral hai tendencia a considerar de cálculo e instalación. O bipartito tenteou e tenteou, inactuou perante o espello, dubidando que roupa poñer para saír a escena. Tanto que chegou á fin da lexislatura e decidiu entón mover pezas de xeito precipitado e imprudente, quizais por rexistrar a marca que antes non fora quen de rexistrar, ou para modificar a que sabía que quedara no imaxinario mediático e social do país: non outra que a do espello fronte ao espello.

Os tempos políticos. Niso non hai dúbida: hai moito que aprender. Indicios de que se asuma esta verdade de caixón na esquerda nosa? Até o día de hoxe, ningún. 

[Na foto, Antón Baamonde]

Curso de Esculca

4 de Setembro de 2009, 23:44

 

Os vindeiros 17, 18 e 19 de setembro terá lugar na Faculdade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela o curso de verán de Esculca (Observatorio para a Defensa dos Direitos e Liberdades) A tutela internacional dos direitos e liberdades públicas fundamentaisO programa pode consultarse aquí.

 deportation-class

[A ilustración tómase do Boletín Esculca número 19]

 

A pluma e a espada

3 de Setembro de 2009, 20:38

 

celso_emilio_ferreiro

Ás veces pensamos que a escrita é para o vento, o cal non sería pouco en todo caso. Os amigos convencen de que non era así. O vento, se acaso, leva e trae de volta onda nós un aceno. Hoxe chegaron varios, de distintos lugares do continente.

Darase agora continuidade a unha anotación de madrugada, nacida dunha mesurada irrigación interna e do desaxuste entre o reloxio mental e os externos calendarios, crudelísimos, que marcan ritmo de galera a esta altura do verán. De limiares era o conto. E se lese naquela hora da noite, entre o gin e o yang, un limiar en concreto, este de Celso Emilio Ferreiro ao libro Mis pobres versos (1965) dun mando ourensán da Guardia Civil, malia estar advertido reiteradamente sobre o caso, creo que non daría ningunha caste de creto aos ollos e pasaría moi logo a considerar que chegara o momento de facer algo diferente a esa entrega pagá ao body-building.

Digo con este circunloquio, en suma, que Anxo Tarrío leu a dúbida e resolveu disipala enviando o arquivo que se xunta na ligazón de arriba (clíquese, por favor!). E nel, no arquivo, por xunto, glosa e exemplos abondos da poética autorial como para preguntarse moitas cousas, como para preguntarse en realidade… todo.

A análise do prologuista incorpora de modo progresivo e sabio a lenta sedación precisa para que o vate aquel que aquí non nomearemos dubidase, como nós agora, sobre que era aquilo que tiña entre as mans, sobre que facer: se crer que a carta-limiar de Celso Emilio era inocente na pauta que sinala —acompañándoo— o delirio misóxino e babeco do poeta ou se levar ao de Celanova, de pillalo, a algún lugar incómodo con tricornios nas perchas. Pero a intelixencia obnubilada é o que ten. Puido máis a vaidade do bardo e aquel querer vivir seguido en risco nietzscheano, acatado polo militar con absoluta e cega determinación. Non convén engadir nada á provocación do narciso, nada á traca satírica de resposta. Nin sequera sobre a condición moral do prologado. Nin sequera sobre a posibilidade de que descoñecese a publicación, tres anos antes, de Longa noite de pedra. E de Celso Emilio, que engadir? Brincadeira tabernaria levada ao prelo. Non se acredita nin lendo.

 

Bruxa curva

3 de Setembro de 2009, 2:40

 

maria_gaetana_agnesi1Se onte foi sobre epílogos, hoxe sobre prólogos. Borges dixo na ocasión memorábel de publicar o seu Prólogos con un prólogo de prólogos (1974) que cando os astros son propicios o limiar non é unha forma subalterna do brinde senón unha especie lateral da crítica. Agora que se lembra que Celso Emilio morreu hai trinta anos recordaremos un prólogo seu case inverosímil a un libro de poemas escrito, creo, por un guardia civil. O amigo Anxo Tarrío tenme falado del pero a verdade é que nunca o lin. Non sei se o título era Mis pobres versos. Algo así. Tampouco sei se Celso Emilio corroboraba no limiar a precisión e exactitude de tal título. Si vexo no de Borges ao Sartor Resartus de Carlyle (1945 na edición bonaerense) que todas as calellas conducen ao centro do labirinto onde el quere chegar. Á certeza de Carlyle: a historia é unha escritura sagrada e o universo é unha farsa, o cal dá pé á invención dun libro, “de area” di Borges, escrito por un tal Fillo-de-Deus-Bosta-do-Demo, ou Diogenes Teufeldsdröckh, que é xustamente o obxecto de comentario no Sartor Resartus (“O xastre rexastrado”, dígase). Reformúlaas o prologuista, as conviccións do visionario escocés, indicando que o Sartor é o libro máis traballado pola desolación que el coñeceu. Pero non lera A fronteira infinda, recén publicado en Castrelos cando saíu a compilación de título especulativo Prólogos… “A caza de bruxas”, por exemplo. Déitome xa mentres escribo e penso en Maria Agnesi, unha das poucas matemáticas recoñecidas con sitio de seu (ás veces do pai) polos historiadores da ciencia, traducida axiña ao inglés por un británico profesor en Cambridge que confundiu as palabras e deixou para sempre en todas as linguas fóra do italiano orixinal un erro singular, tamén sospeitoso na explicación (eu non acredito), pola proximidade entre os substantivos versiera e avversiera. Coa curva/bruxa de Agnesi pode xogarse aquí. Cun Carlyle menor, moi menor, xóguese nun post como o anterior a este. Xa se sabe: os grandes heroes, coma el, perfilados contra o pano escuro da historia. Perigosísimo en termos sociais, demagóxico e cínico, e tamén mal traducido a si mesmo, como todo en Thomas Carlyle, o inspirador da serpe.

[A matemática Maria Gaetana Agnesi (1718-1799), nun retrato de Bianca Milesi Mojon (1836)]

Xeremías baixa á rúa

2 de Setembro de 2009, 12:46

 

rembrandt-jeremiah1

Naquel tempo baixou Xeremías á rúa Real e ao Cantón Grande para comprobar como senta solitaria entre as nacións a cidade populosa pasados xa os Caneiros e principiando o curso político. A princesa entre as provincias sometida a tributo. Ninguén a consola e lonxe están os galeguistas bos que noutro tempo acompañaran a paseata do profeta entre comisarías, covas, portos exteriores, cidades da cultura, parques eólicos e rotativas. Hoxe, os gobernos traballan mal aquí e en Madrid, e as oposicións traballan mal en Madrid e aquí. Todo é amargura, quiasmo e aflición, e el sofre tanto… Máis aínda sofre el sabendo que Quin mantén choferesa e frigo de 12 voltios no maleteiro do carro. De aí o pensar quiasmático, peripatético e bipolar que tanto rende a finais de lexislatura e a comezos da inmediata, sobre todo entón se estratexia e operativos foron ben. Con todo, queda a rúa, a voz da rúa. Solitario, solitario vaga Jeremy a orillas del Duero-Monelos Canalizado e pon a orella na mellor tradición Casares, un dos bos no bo sentido da expresión. Ah, angulemia de vox populi así, nesta altura do verán, co jacuzzi morno… Baruc o leal ecoa axiña acolá nas covas do Yohakin bíblico, a discoteca fronte a cal asenta hogano a kefia palestina. Canta dor, mon dieu, canta dor a súa; e cálculo. Mágoa non ter tempo aquí para exercitarmos o cálamo segundo é demandado nos comentos por quen imaxina ao blogger humilis como gurú do transvase Mandeo-Sarela salvador da nación nestes idus menesterosos. Arume, mentor no ecrán, caro amigo, que afasten de min tal copo, rediola! Que o afasten de vez. Que eu volto xa ao escrutinio da vírgula e mais á intimación de pedicuras locais por castas emerxencias. E outros colegas hai no blogomillo que o fan mellor, moito mellor que un. E varios son, que son varios e moi superiores en prosa e análise a cantos xuntos cobran por ecoar a dor e os cálculos do dono. Pois o mundo está ao revés. Tanto, que hai quen desde os biosbardos critica a lectura e estudo deste mal sen se decatar de que por aí comezan sempre a acción e a intelixencia. Pois non abonda con non ler ou ignorar con desprezo intelectual a quen a maioría le unhas veces de modo directo (a encíclica semestral) e outras, isto é moito máis relevante, de modo indirecto mercé ao efecto coercitivo co que o discurso plastificado do editor impregna logo cada páxina e cada himpo radiofónico dos seus empregados durante os 365 días do ano. Todos e cada un. As hipotecas, xa se sabe.

 

[Xeremías lamenta a destrución de Xerusalén, de Rembrandt, 1630]

 

Lándoas unplugged

1 de Setembro de 2009, 0:21

 

k-fareyu-21

 

[Artemio Lándoas descuberto no fondal da cova sen wi-fi na que se retira durante unha parte de agosto (Veguería do Alto Xistral)]

 

Enfeite diferencial

31 de Agosto de 2009, 13:33

 

bernabeu

A día de hoxe un dos lugares e momentos nos que con maior nitidez se concreta en que consiste España desde o punto de vista dos sentimentos primarios paréceme a min que sexa o Estadio Santiago Bernabeu cando o Real Madrid xoga contra os equipos que, en certo imaxinario sólido e amplamente asentado na capital, representan por unha ou outra razón a anti-España. Hai moitos anos que teño a convicción de que ese público é quen mellor interpreta o significado histórico daquelas nacionalidades (tres?) despois baleiradas de diferenza política que os “pais da Constitución” recoñeceron a finais dos anos 70 entre memoria da lexitimidade republicana, os axustes orzamentarios da conxuntura, os sempre complexos encaixes de fueros / huevos con navarros e vascos, o medo á comparecencia militar nalgún entreacto do que non se sabía aínda se ía ser sainete, entremés, traxedia, comedia burguesa ou happening e as ensoñacións neorrománticas de carrete solto alimentadas daquela e aínda hoxe polos cataláns, por unha maioría importante dos cataláns.

Ignoro que pensará sobre o asunto Bautista Álvarez, madridista tan confeso coma discreto (agás subidón incontrolado, seica), pero algo de estimulante hai no momento, triste e non infrecuentemente inxusto en estritos termos futbolísticos, no que o Real Madrid se adianta con algunha carambola raulina no marcador do Bernabeu contra o meu equipo ou contra outros dous moi concretos se falamos da actual nómina de conxuntos da primeira división. Refírome a Deportivo, Barcelona e Athletic Club, claro. Volveu a ocorrer o pasado sábado durante o partido inaugural da liga 2009-2010, Madrid-Dépor. O fenómeno descríbese así: baixo certas circunstancias ambientais de expectativa histórica, tensión hormonal e cálculo infinitesimal, en canto os de branco cobran vantaxe no marcador abrocha en miles de gorxas (pero en moitos miles de gorxas) o cántico que un afastado serán de 1973 percorreu por vez primeira as meninxes ubérrimas de Manolo Escobar & Bros. Si, xusto; ese Y Viva España que todos sabemos de cor tras tanto chute en vea por chiringuitos e festas populares.

Tan reiterado como esta pulsión antropolóxica do estadio de Chamartín (máis vibrante canto máis medo previo pasou o madridismo no partido ou no que agora os necios chaman a previa) é o silencio asociado e case sempre cómplice dos locutores da radio e a televisión públicas (dos privados xa nin falo) encargados da información, o cal conduce a pensar que existan indicacións claras da superioridade sobre a inconveniencia de subliñar ese feito, ese enfeite diferencial co que por pasiva agasalla Madrid, rompeolas machadiano de las Españas, ás “nacións periféricas” do Estado. Porque é claro que o que fan os mexanacamas que pretenden saber de tácticas e que en realidade se limitan a machacarnos con patolóxicos orneos, insensatez cúbica e infantil fachenda expostfactista (do tipo “isto xa o dicía eu no minuto 3 e tal e cal...”) é, no fundamental, interviren como coro da excelencia atribuída aos protagonistas (deportivos, financeiros, mediáticos) de branco. Malia estar afeito un tras tantos anos a esas e a outras regras do xogo non deixa de causar enorme vergonza allea comprobar ano tras ano que nós, os branquiazuis, somos como moito figurantes, ou peor: tenros e dóciles años para a Gran Festa do Sacrificio Merengue. Pero non era dese descaro nin desas feblezas do que hoxe ía falar, certamente.

O que pediría aos meus lectores e lectoras é que colaboren a aclarar que pasa aquí partindo dos seguintes faits accomplis:

1. Ese cántico, o da canción de Escobar, resérvase rigorosamente no Bernabeu para as conxuncións astrais nas que o Madrid se adianta no marcador sobre equipos vascos, galegos ou cataláns (coa excepción do Español). Non se entoa o YVE contra Racing, Sevilla, Getafe ou Valladolid (creo que tampouco tanto contra Osasuna, pero agardarei por carminha-burana-berto-2004información suplementaria). Así, pois, na mellor tradición Hippolyte Taine: raza +  momento + medio + xionllazo do 7 caído no chan = clímax emerxente en forma épico-lírica. Por suposto, estase a falar aquí unicamente do cántico desde as bancadas, pois é certo que o tema de Escobar se pincha por megafonía antes de dar comezo o partido e ás veces tamén no descanso (ignoro se sempre ou se se trata dunha deferencia exclusiva para determinados contrincantes), incluídos neste caso os encontros da selección española. Un inciso: é para este cronista un arcano o regusto do DJ que goberne esas decisións, pois concatena as veces a copla do almeriense con Carl Orff e  con quen faga falta. Aínda que, agora que o penso, pode que o de Orff fose o outro día unha piscadela patriota aos da AVA (Avícola Católica e Azul), sector histórico.

2. O vigor na interpretación de Chamartín gaña en decibelios e bemol duodenal dependendo dunha serie de algoritmos que aínda non son quen de especificar nos que se entremisturan parámetros como a actualidade deportiva, a actualidade política, a situación económica, a posición na táboa clasificatoria, a retentiva renal de cada siareiro, a diferenza conxuntural no marcador (a máis diferenza de goles a favor do Madrid, pero con certo límite, máis gorxas cantando a peza) e o momento estacional.

3. O estro lírico de Escobar aspirou no seu día a integrar en Y Viva España a diferenza rexional con mención explícita (e exclusiva, por certo) de certas marcas identitarias catalás: a sardana e a Costa Brava, nada menos; todo pasado convenientemente polo pasapuré nacional en combinación con estoutros figuremas de neutralización: a Costa do Sol, o fandango, a hidalguía patria e a corrida (de touros).

4. Que clase de historia efectual (Gadamer) conduciu ás masas merengues a esgrimir o himno de Escobar contra a periferia afastándose así do pulo orixinal panhispánico integrador do xenio de El Ejido? Eh? Acaso o feito de non teren alí, na meseta, unha Rianxeira ou cousa similar? Acaso o ritmo inapropiado do chotis? Pero non hai tamén nesa decisión, en medio dela, unha rara contradición consistente en definitiva en recoñecer ao outro como outro nacional? Como diría García-Sabell, cómpre aprofundar.

 

[Arriba, o Bernabeu nun Madrid - Sporting Ciudad. Abaixo, carátula de Berto (2004) en Aduaneiros sem Fronteiras]

 

Dixitopuntura

30 de Agosto de 2009, 0:41

 

Falouse algo por aquí do uso do furabolos na esfera pública (sobre a súa rendibilidade na esfera privada non é preciso ofrecer detalles). Hoxe sería ben ampliar algo a mirada para atender outros planos. En especial, despois de sabermos que a conselleira de Sanidade dedicou unha parte das súas vacacións de agosto a reler a terceira encíclica de Ratzinger, Caritas in veritate (2009). O cal, como é lóxico, a nós nin nos vai nin nos vén. En todo caso, trátase dun texto que se le en menos dunha hora, polo que cabe imaxinar que Pilar Farjas tería tempo para ler ou reler, ademais, outras pezas teolóxicas ou de literatura fantástica e pode que incluso algún ensaio de certo nivel intelectual.

Ler encíclicas non é un pracer para quen suscribe, pero algunha teño lido. En xeral, as últimas parécenme sobreabundantes de soberbia e prepotencia moral e deficitarias en racionalidade. Nada raro, pensarán as lectoras. Certo, porque as relixións funcionan basicamente como corsés vantaxistas da razón e como correas de control social e político para a administración do que seguen chamando (faino de novo Roma) a verdade.

wojtyla-e-cardenalA primeira fotografía que incorpora esta anotación está na memoria de toda persoa de certa idade. Karol Wojtyla, na súa chegada a Managua en 1983, reprendía publicamente ao ministro de Cultura e sacerdote Ernesto Cardenal á vista de todo o mundo (de todos os televidentes do planeta) pola súa implicación coa revolución sandinista e quen sabe por que motivos máis. En fin, algo si que se sabe sobre esas razóns complementarias. Serían seguramente as mesmas que poucas horas despois proclamou o Papa de Roma nunha misa diante de bastante máis de medio millón de persoas, talvez a terceira parte da poboación de toda Nicaragua. Cardenal ten contado que a idea daquela homilía do Papa polaco era someter desde a autoridade espiritual a revolución en marcha. E resulta evidente que algo diso houbo revisando agora o texto. O caso é que entre o público emerxeu unha resposta firme que incomodou a aquel home visionario vestido de branco: “Poder popular!! Poder popular!!”. Isto berraban os fieis contra as palabras de quen pasou de inmediato a reclamarlles silencio. Non podo evitar asociar estas escenas coas de Ceaucescu en Bucarest tres ou catro días antes de ser fusilado; non, naturalmente, porque as historias sexan paralelas senón polo xeito no que as masas ditan sentencia ás veces dun xeito imprevisto pola dirección de escena.

Joseph Ratzinger di que en Caritas in veritate fixa a doutrina social da igrexa católica. E di tamén algo que coincide en moi alta medida co dito por Wojtyla en Managua. Que quen manda e marca o rumbo en cuestións de fe e de actuación pública dos membros desa igrexa (sacerdotes, congregacións e laicos) é Roma. Pilar Farjas, vese que estimulada por eses principios, pronunciou na Semana de Teoloxía e Pastoral celebrada estes días na Coruña unha conferencia titulada “El compromiso político vivido desde la fe“. Probabelmente, non o sei, puido glosar algúns contidos da encíclica que estudou para preparar a súa conferencia e que leu e releu (isto indica que non ten moita memoria a conselleira de Núñez Feijóo: a encíclica tivo saída pública o día 7 de xullo pasado, de modo que non puideron pasar nin cincuenta días desde a primeira lectura). Contidos como estes, por exemplo, que semellan fulcrais na articulación argumentativa —digámolo, piamente, así— dos 79 apartados da encíclica de Joseph Ratzinger e que aparecen nos puntos 28 e 56 (as reiteradas cursivas pertencen ao propio texto):

28. Uno de los aspectos más destacados del desarrollo actual es la importancia del tema del respeto a la vida, que en modo alguno puede separarse de las cuestiones relacionadas con el desarrollo de los pueblos. Es un aspecto que últimamente está asumiendo cada vez mayor relieve, obligándonos a ampliar el concepto de pobreza y de subdesarrollo a los problemas vinculados con la acogida de la vida, sobre todo donde ésta se ve impedida de diversas formas.

La situación de pobreza no sólo provoca todavía en muchas zonas un alto índice de mortalidad infantil, sino que en varias partes del mundo persisten prácticas de control demográfico por parte de los gobiernos, que con frecuencia difunden la contracepción y llegan incluso a imponer también el aborto. En los países económicamente más desarrollados, las legislaciones contrarias a la vida están muy extendidas y han condicionado ya las costumbres y la praxis, contribuyendo a difundir una mentalidad antinatalista, que muchas veces se trata de transmitir también a otros estados como si fuera un progreso cultural.

 

 

56. La religión cristiana y las otras religiones pueden contribuir al desarrollo solamente si Dios tiene un lugar en la esfera pública, con específica referencia a la dimensión cultural, social, económica y, en particular, política. La doctrina social de la Iglesia ha nacido para reivindicar esa «carta de ciudadanía» de la religión cristiana. La negación del derecho a profesar públicamente la propia religión y a trabajar para que las verdades de la fe inspiren también la vida pública, tiene consecuencias negativas sobre el verdadero desarrollo. La exclusión de la religión del ámbito público, así como, el fundamentalismo religioso por otro lado, impiden el encuentro entre las personas y su colaboración para el progreso de la humanidad. La vida pública se empobrece de motivaciones y la política adquiere un aspecto opresor y agresivo. Se corre el riesgo de que no se respeten los derechos humanos, bien porque se les priva de su fundamento trascendente, bien porque no se reconoce la libertad personal. En el laicismo y en el fundamentalismo se pierde la posibilidad de un diálogo fecundo y de una provechosa colaboración entre la razón y la fe religiosa. La razón necesita siempre ser purificada por la fe, y esto vale también para la razón política, que no debe creerse omnipotente. A su vez, la religión tiene siempre necesidad de ser purificada por la razón para mostrar su auténtico rostro humano. La ruptura de este diálogo comporta un coste muy gravoso para el desarrollo de la humanidad.

De todo o que en Caritas in veritate manifesta Ratzinger, nunha prosa obscenamente tautolóxica alén de manipuladora e falseadora da verdade empírica nalgúns momentos, o máis preocupante parece a determinación coa que se afirma a necesidade de participar Deus (en fin, deus, os deuses e demais postulacións confesionais) na esfera pública. Particularmente na súa dimensión política! Deus na esfera pública no século XXI falando pola voz das xerarquías eclesiásticas e esixindo ser parte nas decisións políticas que afectan á comunidade. Pero de verdade será alemán este home? E Farjas, a Farjas que, por suposto deixando á marxe a súa condición de membro do goberno (como se fará iso?), dixo cousas —en público!!— como que “Es pecado limitar el uso de un elemento de comunicación como la lengua”, será de Teruel ou será de Marte?  Será turolense ou será marciana a máxima responsábel da farjas_pilar_toma_posesion2sanidade pública galega cando di en público que “el ateísmo deja a la gente sin fuerza moral”? Someteranos a dixitopuntura para curarnos, aos ateos? Será obrigatorio vacinarse contra o ateísmo e comungar con rodas tautolóxicas king-size antes de pasar a consulta? Instalará confesionarios nos corredores do antigo Hospital Juan Canalejo? Carafio, ese señor si que tiña forza moral; eh, Farjas! Pasará a noción de “pecado” ao novo estatuto de rexión? Que sei eu, algo deste estilo: “Artigo 1. Galicia, rexionalidade histórica, constitúese en Comunidade Autónoma para acceder ó seu autogoberno, de conformidade coa Constitución Española, o Concordato e co presente Estatutiño, que é a súa norma institucional básica despois do Catecismo”; “Artigo 5. A lingua propia de Galicia é o castelán. Será pecado venial falar galego. Será pecado mortal insistir en falar galego, particularmente fóra de usos folk ou das encherolas do día do patrón cos ancestros rurais”.

Algún día chegará no que a clase de discurso da conselleira de Sanidade perda a escasa lexitimidade que conserva e conleve en consecuencia, pronunciado en voz alta nun lugar público por un responsábel gubernativo, o inmediato cese nas súas funcións (ocorrería xa, por certo, se Farjas fose parroquiana doutras peñas, khariíta p.e.). Iso non acontecerá, con todo, mentres teñan vixencia os acordos de xaneiro de 1979 entre os estados español e vaticano, pero eses papeis, como todo, teñen data de caducidade. Chegará o día. O día no que as diferentes igrexas e confesións “regularicen a súa situación”, por empregarmos nós a frase coa que Wojtyla fixo dixitopuntura no ollo dun xenuflexo poeta de pelo cano nun lugar de Centroamérica en 1983.

 

[Na foto en branco e negro Wojtyla reprende a Ernesto Cardenal en branco e negro no aeroporto de Managua, 1983. Abaixo, en coloríns de entretempo litúrxico, a conselleira Pilar Farjas e a súa perruqueira (esta última in absentia) xuran en 2009 o  cargo no goberno. O que semella crucifixo confesional de ouro na parte inferior esquerda desta fotografía de EFE é en realidade un crucifixo confesional dourado]

E pur si muove

28 de Agosto de 2009, 16:01

 

hlg1-4

 

Anunciacións

27 de Agosto de 2009, 13:01

 

  cartelojos

 

 

Ofrécese caspa para escenografía política (convencións, congresos, campañas…). Seca e solta. Útil para ideoloxía de amplo espectro. Preferíbel ao por maior. Tamén detall en cómodo kit-agasallo de empresa para inicio de curso político. Caspa humana autóctona de diversa procedencia xeográfica (Santa Comba, Os Peares, O Salnés, Fonsagrada, Ferrol…). Amplo stock de caspa cosmopolita (Melbourne, Viena, San Francisco, Dubai, El Escorial…). Bo prezo: 99 € / tonelada a do país. Razón: Sr. Rogelio. Tel.: 663991129. Non chamar en horario de sesta.

Primeira liña de monte. Venda ou aluguer de tempada. Seis chabolos adosados con materiais HQ. Construción bastante legal. 28 m2 cada chabolo máis garaxe exterior. Cociña-salita, dous dormitorios amplos, cuarto de baño rústico. Boas comunicacións. Facilidades. Construcións O’Maromo. Irixoa e As Felgosas.

►Locutor deportivo para performance de apoio. Especializado en relatar in situ acontecementos que merecen prosapia e grandilocuencia: primeiras comuñóns, plenos municipais, partidas de mus e outros eventos. Amplo rexistro en timbre, coloratura e sotaque (inclúense variantes Mar del Plata, Nápoles e Setúbal). Máster TKT en Magnificación a Pé de Cama de Acto Erótico-Afectivo para Matrimonios Desmotivados. Emolumentos razoábeis agás extras (dixitación, vestiario ad hoc, amplificación acústica para amolar comunidades…). Chamar en horario de mañá. Atende Marcelo Rancato. Tel.: 611108951.

Intercambio de vivencias. Señora maior con tendencia relativamente controlada á facundia ofrécese a aturar o relato das últimas vacacións familiares a cambio de poder largar logo un par de horas seguidas sen interrupción para queixarse de asuntos diversos tamén de índole familiar. Non se demanda atención especial. Discreción garantida. Razón: 986081763. Preguntar por Salvadora. Abstéñanse bispos e enquisadores de R.

► Chaperos de labranza. Presentámonos suados e en mono de traballo azul. Lugo e Terra Cha. Mobilidade en taxi ou en tractorada (fóra diso, discreción, olor e octanaxe a demanda). Tríos, quintetos, pastoral e dodecafónica. Agro-servizos Pena Furada, Outeiro de Rei.

Alúgase rede de galescolas para produtoras cinematográficas especializadas en gore e torture-porn. Seminova e con boa distribución en toda a rexión. Cada checa dispón de sala de electrochoque, bidés de inmersión lingüística, lote de mandilóns de castigo e fío musical con discografía de adoutrinamento. Chame á Xunta e pregunte por Jesús.

Traspásase Estado por irse das mans e non poder atendelo. Chamar a Tribunal Constitucional en horario laboral (9-11 h. e 12,30-14,25 h.).

► Desexaría coñecer persoas interesadas por este anuncio que aparece hoxe neste blogue. Escribir a Artemio Lándoas, AP-9, 15000 e pico – Aquí.

 

 [Ollos, de Carles Santos, de quen se incorpora, como homenaxe ou tal, unha variación sobre un anuncio seu e do Grup de Treball en La Vanguardia Española (1973)]

 

Tumbas e periódicos vellos

26 de Agosto de 2009, 11:57

 

tumba-de-shakespeare

Falouse algunha vez por aquí de epitafios. Entre o de Shakespeare e o de Huidobro quedo francamente co primeiro. O do poeta chileno, en Cartagena (Valparaíso), invita aos visitantes a remexer no sepulcro para atopar aló no fondo o mar. Mala cousa, porque hai quen fai unha hermenéutica plana e mete alí os fuciños por descubrir apenas terra. O de Shakespeare, no lugar onde naceu, é algo máis tradicional. Advirte con toda claridade a prosmas e gobernantes (valla a redundancia de ser preciso): largo de aquí, non se vos ocorra mover esta pedra nin tocar un só metacarpiano da osada. Non digo nada disto por Lorca, créase. Nin tampouco non por Castelao, agora que se fan os 25 anos daquel episodio. A razón é ben máis simple. Dei cun xornal vello, de setembro de 2007, no que se fala dos poetas chilenos que quixeron que os enterrasen a carón de praias (algo máis complicado do que poida parecer, tendo á vista o mapa de Chile). Desde hai anos dedico parte de agosto a ler periódicos vellos que non lin no seu día. Non hai motivación ningunha que teña racionalizada, nin para gardalos nin para recuperalos anos despois. Podería andar entre a síndrome de Dióxenes e algunha outra patoloxía da culpa. Que importa. Ou tamén cun sentido peculiar do paso do tempo e do que Filgueira Valverde chamaría “gozo eterno” (unha boa columna xornalística, unha boa reportaxe, unha boa análise…  gózanse moito máis fóra do tempo orixinal, créase; canto á chamada información, tanto ten lela do día como conxelada). O caso é que naquel xornal collido no cuarto dos xornais vellos (un é rico e pode permitirse esta clase de distribución do espazo) falaba diso, de epitafios e de tumbas de escritores. A de Huidobro é fea a rabiar e por iso non a reproducirei aquí. E o seu epitafio non está á altura do que o poeta quixo ser e  acaso foi. A foto de arriba corresponde ao lugar onde quedaron os restos mortais de Shakespeare. Tómase de Flickr. Lese sen maior dificuldade o que o epitafio advirte. Pero advirte máis a sinxeleza da pedra.

 

Coa lúa no couce

25 de Agosto de 2009, 22:45

 

Hai que sincerarse, por unha vez. Nestes derradeiros días de vacación a un só lle presta baixarse un dixestivo de Bombay Sapphire con Hippolytus, lembrando as ondas de Ortegal, poñer Cadena Cien camiño do híper e ver algunha peli de acción antes de entrar nun longo semicoma.

 

hurtlockerg