Archive for Setembro, 2008

Inmunidade ao resentimento

30 de Setembro de 2008

Calculo que como pouco dous terzos das columnas de opinión publicadas entre 1925 e 1927 por Rafael Dieste como analista político e sociocultural da realidade galega conservan vixencia. Parte daquela produción foi escolmada no mesmo ano da morte do autor, 1981, no volume Antre a terra e o ceo (Ediciós do Castro). Sináloo non por apuntar un carácter visionario senón porque o dato demostra a lentitude dos cambios sociais.

Esta naveta nova, que imos rotular “Diesteana”, ábrese con mención dun artigo de maio de 1927 referido de xeito principal aos políticos do país, pero en realidade válido para calquera persoa con proxección pública no ámbito galego.

O novo estilo que por aqueles anos demandaba Dieste debía superar un lastre antropolóxico e social serio e moi pesado. Naquela primavera de 1927, pouco antes de cesar como columnista en El Pueblo Gallego e de emprender moi outros rumbos persoais, o xornalista arelaba algo aparentemente sinxelo: a irrupción esperanzadora no espazo público de persoas inmunes ao resentimento. Reclamaba esa actitude para o exercicio dun servizo civil eficaz e, no sentido nobre do termo, patriótico. En boa medida, nesas seguimos.

A beleza (natural)

30 de Setembro de 2008

En que medida segue a conmovernos a paisaxe lida desde a mirada que os románticos educaron para eles e despois (semella, por dicilo con pompa, que con perdurabilidade inmarcescíbel: un Caspar Friedrich, por exemplo)? Recibo carta de Iseo desde Edimburgo e lembro un serán de chuva infinita entrando na illa de Skye (An t-Eilean Sgitheanach), realmente conmovido polos ríos verticais a descender dos vellos cumes hébridos camiño de Portree. Un comentario recente neste blog advertiu: “ninguén fala xa da fermosura dos textos”. Habería que facelo? Como dialogar coa beleza? Está superada/vencida a noción nun sentido estético/político? Na pintura de Xesús Vázquez atopo fundamentos para reentrarmos ao sublime e nas súas normas.

Esquezo

29 de Setembro de 2008

Na fotografía, o poeta Davíð Stefánsson (1895-1964) co seu corvo morto. Hermann Stefánsson vai poñer esta imaxe no seu novo libro, a novela O esquezo, que está para saír do prelo. Hermann veu por Compostela na fin de século e xuntos pensamos a escolma de poesía islandesa contemporánea que logo levou o título de Auroras boreais, publicada no ano 2000 por Luís Alonso Girgado nos Libros da Frouma. Malia o que entón saíra nalgún medio, os verdadeiros e únicos tradutores da antoloxía foran o propio Hermann e Perfecto Andrade, de quen hai tempo que non teño novas. O derradeiro poema recollido polo antólogo en Auroras boreais corresponde a Andri Snær Magnason, nacido en 1973, e está referido aos preparativos para asar a cabeza da ovella despois de queimarlle a pelaxe. É un prato típico de Islandia:

A cabeza chamuscada de ovella mírame
cun ollar frío
como se fose eu
quen lle contase

que os que morren polas armas van ó Valhalla.

Calidade literaria

28 de Setembro de 2008

No debate arredor do Garcés houbo tamén unha corrente freática que non hai que esquecer para unha análise cultural como a que estamos a constituír. Refírome á cuestión da calidade literaria, particularmente en relación cos premios. Sorprende a recorrencia desproblematizadora a eses parámetros e a conceptualización persistente da calidade en termos xa algo resesos.

A calidade non é algo que se mida con ningún aparato, nin sequera cos fornecidos pola vella ou a nova retórica, pola vella ou a nova estilística ou calquera outra plataforma que se queira considerar. A calidade, deixando á marxe a dimensión técnica do produto artístico ou literario, é a resultante dun acordo socio-semiótico proxectado ao público e ao mercado a partir dunhas certas bases de intereses compartidos, bases case sempre conxunturais e bastante dinámicas a partir da modernidade. Sainte-Beuve e a tropa toda dos critiques par excellence deixaron de habitar entre nós para sempre.

Algunha exemplificación será oportuna. O acordo que chamo socio-semiótico, en certa altura do proxecto de construción nacional galega consistiu a penas na adopción do galego como vehículo de comunicación textual, procurando a ampliación a rexistros e temas inicialmente desatendidos. O acordo socio-semiótico noutra altura do proceso (poñamos primeiros 80) foi o avance e profundización nos rexistros culturalistas da poesía de noso. Pouco despois, o acordo derivou a outro terreo que podería formularse como desprazamento á narrativa, con implicacións obvias tamén para o labor de poetas e xente de teatro. Etc. Os premios acompañaron ese proceso igual que os gastadores de infantería acompañ(ab)an as procesións católicas de semana santa. Por prescrición da autoridade do sistema e por consenso ou tolerancia ideolóxicos.

Os xuris non dirimen sobre calidade (insisto: suposto un mínimo soporte técnico). O curioso é que a miúdo os integrantes dos xuris cren que esa é a súa función, razón pola que incorporan o habitus pericial á súa encomenda e pose. Os xuris, en realidade, dirimen sobre a oportunidade e sobre o axuste entre propostas recibidas e o estado do campo cultural. Dirimen sobre as posicións preexistentes (entre elas as propias, as de cada un dos integrantes do xuri) e as novas tomas de posición expresas nas propostas presentadas a concurso. Por adamismo, por cinismo ou por despiste hai quen segue noutras coordenadas. Alá eles. Ala vós.

Na memoria feble deste analista, o mellor hendecasílabo do vello bacharelato franquista, o único que pervive e canta aínda o seu ritmo heterolóxico nas matinadas en bruma, é este: “logaritmo y logaritmo se van”. Dialéctica, identidade e diferenza, isotopía, tensión amor-morte, materialismo, obliteración da sentimentalidade vacua, desmetaforización, outredade, espellos en ecuación, síntese histórica, impugnación do suxeito lírico, mutis escénico, distancia épica, metafísica menor, (homo)erotismo, escatoloxía, pulsión hormonal, clímax… Uff! Propoño, en fin, que nos relacionemos dun xeito adulto e consciente coa calidade e co xeito de premiala.

Debatir e reconsiderar

27 de Setembro de 2008

En xeral, os debates literarios que vivimos até agora, antes da blogosfera (A.B.), adoitaban vir lastrados por dúas notas. Primeira: a inscrición en cenáculos ou a redución a broncas fortuítas tamén en espazos limitados (unha das últimas foi aquela do cal vivo nun encontro de escritores), o que traía consigo que as informacións transcendían de maneira nesgada e adoito incompleta. Segunda: a falta de inmediatez nas respostas, a ausencia diso que en teatro se coñece como diálogo estíquico (interacción, frases curtas, interrupcións, axustes rápidos, retruques…), tantas veces xerador de tensión dramática e de autoafirmación dos personaxes pero tamén de reaxuste das posicións previas.

No debate desta semana sorprenden algúns aspectos. Ás veces resulta interesante afastarse e ver. E iso foi o que intentei a fin de analizar ou incluso estudar as numerosas intervencións habidas, en xeral cun nivel de argumentación moi salientábel e tamén cun grao de eficacia nos movementos de posicións en verdade notábel. A causa que activou todo isto, os cambios no tipo de debate e nas funcións que tacitamente atribuímos a esa práctica, non hai dúbida que proceden do feito de estarmos a consolidar entre todos a era D.B. (despois da blogosfera), caracterizada agora pola apertura e a xeralización do discurso e o combate dialécticos e, en segundo lugar, pola adopción mental dos usos estíquicos do diálogo. Queda atrás, dalgún xeito, o diálogo de salón. Alárgase a ágora e evítase de vez o ritmo maiéutico, toda guía, toda xerarquización das voces. Resulta apaixonante observalo. Gorentoso.

Reflexionei hai uns días sobre as vellas bases dos vellos premios de noso. O esencialismo na concepción das formas. Todo iso. Agora desexaría regresar aos puntos que xa tocou a xente no blogomillo. Está todo dito? Coido que si, que todo está declarado e todo está contemplado: a noción mutante de autoría, a condición inestábel de texto (in)édito, o anonimato e as plicas, as atribucións dos xuris, o estatuto legal e textual do blog, a peculiaridade da reescritura, o respecto á legalidade, o papel das institucións convocantes dos premios… O que engado son apuntamentos menores.

O que máis me sorprendeu do asunto foi o claro que o tiñan a inmensa maioría das persoas que interviron, cando para min resulta evidente que se trata dun caso de gran complexidade por unha serie ampla de motivos (os mentados e algúns máis: p.e., a autoría múltiple dun texto aberto á construción plural). En segundo lugar, chamou a miña atención a necesidade que moitos tiveron de amosar ou suxerir unha relación de amizade ou de trato diverso con algún dos dous poetas en litixio (sobre todo, moi sobre todo cun deles), así como a consideración non expresa de circunstancias persoais para dirimir a xustiza poética acaída a este nó. En terceiro lugar, pasmei coa comparecencia de peritaxes e coa apelación crecente a esta clase de informes técnicos; pasmei para ben polo que supón de entrar nunha fase menos marcada polo “desinterese” (Bourdieu, Figueroa…), iso malia estar bastante lonxe da maioría das conclusións técnicas publicadas. Catro: fiquei confuso coas derivas morais e coa apelación a vellos códigos de conduta. Cinco: celebrei que algúns discursos mudasen os matices e aínda, algo, os fondos das análises de partida.

Entendo, en fin, que o debate, este debate D.B., demostra que hai vimbia para a constitución dun campo literario peculiarmente autónomo, que o capital simbólico ten prezo, que a feira está viva. Gocemos!

Soledad Felloza

27 de Setembro de 2008

Debo a Arume dos piñeiros a recomendación de visitar o fotoblog da actriz e narradora uruguaia Soledad Felloza. Atopo preto de alí Fonseca en Photosynth. Inmenso!

Ars canendi, ou gabias baixas

27 de Setembro de 2008

Andei onte á tarde por Fonseca. O PEN Clube facía entrega dos Premios Rosalía de Castro a Álvaro Mutis, Jon Kortazar, Joan Margarit e Mia Couto. A Universidade de Santiago de Compostela sumouse á ocasión e o reitor Senén Barro entregou a Medalla de Ouro da institución ao novelista colombiano. Interveu como mantedor do acto Luciano Rodríguez, da Universidade da Coruña, con presenza e palabras tamén da conselleira Ánxela Bugallo. Copresidiu Luís González Tosar.

Deixo á marxe o ritual laudatorio e os discursos de xorne oficial, requintados de máis por momentos. Tamén a pouco sobria intervención do violinista, que debera interpretar con menos ímpeto e máis oficio a “Negra sombra”. Falo xa dos discursos dos galardoados porque é para o que abro agora o blog.

Kortazar, que pechou a rolda con emoción e oratoria de lei, estivo exactamente no seu papel (algo, como se verá despois, non tan doado). Falou do seu ingreso como lector no mundo das letras, soñando xa daquela a ponte de palabras que el contribúe a erguer desde hai ben anos entre as literaturas vasca e galega. Unha ponte pouco transitada, engado eu, que na memoria do profesor da EHU anota como pedra baselar unha mesa redonda de comezos dos anos 70 en Bilbo, con intervencións de Manuel María e Gabriel Aresti e con boura na sala.

De Joan Margarit, interesante poeta non homologábel a J.V. Foix nin a Josep Carner —discrepo do suxerido polo mantedor—, ficaría coa actio. Voz magnífica de barítono dramático e dominio do xesto no atril para transmitir a forza do hermeneuta que pervaga nos textos. Margarit equivócase emporiso no intento de recondución da tradición central na que Rosalía bebeu, que non foi a inglesa. É interesante con todo apreciar o modo no que a súa localización persoal como poeta o conduce a interpretar os poemas rosalianos, a fértil concomitancia co que na tradición das poéticas da experiencia en lingua inglesa se vén resolvendo desde o século XIX. Margarit le Rosalía desde esa tradición. E a iso ten todo o dereito do mundo, xaora.

A Mutis e a Couto ignoro que lles pasaba pola cabeza na hora boba na que redactaron ou matinaron os seus discursos, se tal fixeron. Seguín tenso as súas intervencións respectivas, sincopadas con segmentos inerciais, anémicos, disparatados…, e outros agresivos. Con certeza, sen pretendelo.

Mutis, por exemplo, quixo cantar as excelencias de Cunqueiro pero non documentou a mínima enciclopedia persoal sobre o país que o agasallaba. Glosou así os galeguismos na prosa do Cunqueiro das Crónicas do sochantre e de Merlín e familia, libros lidos polo autor do Maqroll na casa duns amigos barceloneses (e Corneille, mestre, metería el galicismos no Polyeucte?). Couto, infelizmente intemerato e olímpico, falou de Antonio Machado, García Lorca, Juan Ramón, Celaya… e un algo de Rosalía lidos no Mozambique natal. Ars canendi no salón nobre de Fonseca. Non se actúa así na casa do anfitrión. Fracaso no cálculo e coido que na iniciativa en principio cordial do PEN. Deberan repensalo todo e esixir como pouco un chisgo de correspondencia e un par de consultas na Wikipedia antes de entregar a placa.

I+D e tal

27 de Setembro de 2008

Os operarios chegan na furgoneta. Panorama da obra. Cálculos mentais sobre o labor que van desenvolver. Sobre as necesidades para desenvolvelo. Ferramentas? Organización? Brainstorming. Distribución de funcións e de espazos de traballo. Os operarios levan cadanseu kit de operario. A portabilidade do kit. Porén, precisan ferramentas doutra dimensión para desenvolveren o labor, o labor que lles é propio e para o que foron contratados. Reúnense no after hours Reixa e deciden presentar unha solicitude ao Organismo Superior de Distribución de Material de Obras. Piden prestado un chimpín e cargan papeis. Presentan instancia e atado colosal de currículos e soños nunha oficina delegada: Unidade Célere de Transmisión de Solicitudes. Os traballadores da UCTS teñen a man as ferramentas que os operarios precisan. Facianas en recálculo remutuo. Cesión de expediente. Transmisión da solicitude en a penas vinte días. Defectos de forma. Oito meses transcorren. Resolución. Favorábel! Subvención da compra do material imprescindíbel para comezaren a exercer labores profesionais. As ferramentas chegan dous meses despois. Tasadas e escasas, chegan. Outra cuadrilla de operarios, a carón deles, fai botellón e lamenta o fracaso propio. Acolá, un terceiro fato reparte unha bolsa con Gestus exipcíaco. A UCTS fornece a fume de carozo datos á Delegación de Ocio e Xentalla. E esta, tamén con dilixencia, ao Ministerio de Máquinas e Ferramentas Ditas Necesarias. O MMFDN elabora estatísticas en cuestión de minutos e no telexornal mediodía dominical aparece un subsecretario lambido que informa sobre o importante incremento nos gastos en I+D+I+O+C+I+A. O diferencial cos países do noso tal acúrtase neste exercicio significativamente e tal. Logo un crime brutal. Logo algo sobre unha montaxe escénica a partir dun libro de Vargas tal. Logo sports: Sergio Sauca fala dos trunfos dos nosos sobre rodas e pistas do globo e experimenta, tras un intenso boca a boca coa patria, os refluxos dunha lene orquialxia decididamente crónica.

Bases fóra?

23 de Setembro de 2008

Moita información no Cabaret Voltaire sobre a retirada do Premio González Garcés de Poesía a Eduardo Estévez. Haberá que meditar e falar despois con autonomía sobre esa decisión e a consecuente promoción do libro de Xabier Lama do estatus de finalista ao de gañador.

Alén disto, Lemn Sissay saca novo libro en outubro, Listener. A capa, á que accedo hoxe, é, entre moitas outras cousas afortunadas, un azar e unha necesidade para pensarmos o Garcés e o resto dos premios literarios que se convocan no país. E no mundo, en realidade. Sissay nunca levaría esta clase de premios, ca! Non teño a man as bases do PGG, pero case seguro que falaban de versos (400, 600…), como case todas as convocatorias de premios de poesía. E verso é en verdade un concepto restrinxido, en desuso na praxe actual dos poetas, un concepto acaso antigo (iría moito mellor liñas, p.e.). Como tamén o é o de ficción ou o de drama/teatro. Por non falar dos premios de ensaio. Trátase de fórmulas que exclúen moito máis do que parece de aplicárense con rigor. Fórmulas doutro tempo, talvez do XIX. Malia iso os xuris non problematizan case nunca as preceptivas que munícipes, xestores e/ou persoas coa mellor vontade encamban a eruditos e lletraferits que acceden de boa fe a xulgar e comparar textos. Talvez porque sexa inusual que os xuris lean as bases? Non o sei. Ignóroo todo sobre estas cousas, con franqueza. Haberá que meditar sobre a retirada e sobre todo o que con ela houbo. Haberá que regresar sobre as bases vellas dos premios e intentar impugnalas en bloque e a priori, ou cando menos esixir para elas unha boa man de pintura. Noutro caso, como se berraba antes do asunto do muro: Bases fóra! E premios, maiormente, tamén!

Estado de sitio

23 de Setembro de 2008

Tanto tempo en obras, tanta suspensión de dereitos, tanto abuso da lei entrópica das construtoras e as administracións locais (ocupo o teu espazo e o teu tempo porque os preciso como salivación), tanto consenso vertical.

Providence

22 de Setembro de 2008
A imposibilidade de esquecela.

Politropía

22 de Setembro de 2008

Moi de acordo con Croques e con Brétemas: memorábel o artigo de Suso de Toro de hoxe, co ton exacto para entrar en territorios que son moi complexos para a sensibilidade política que impera no Estado e para a que día a día alicerza a liña editorial de El País. Nunca lin nada de Suso de Toro que me deixase máis de acordo coa análise de fondo e cos argumentos utilizados. Entendo incluso que obvie o que obvia, malia non ser pouco (expreseino en diversos foros e está presente neste blog). Ás veces, como querían os vellos mestres de retórica, para alcanzar algún avance no entendemento das cousas resulta máis efectivo un silencio -un non dicilo todo- que o dedo índice a mostrar a realidade construída e aos artífices da súa construción. Normalmente, son as circunstancias, o lugar, o auditorio… o que marca esa clase de decisións, ese reparto entre o dito e o calado, entre a idea de España e a idea de Galiza (nosotros), entre cruz e raia: politropías… Chapeau!

Depretto 2

22 de Setembro de 2008

Outro lugar do relato de Inone Depretto, autora así mesmo do libro de poemas en prosa Istria (2003):

Pasaban as horas e só nalgún momento breve se distanciaron as imaxes real e proxectada. O habitual era que entre ambas, unha no fondo da sala e outra ante a varanda, se instalase unha rara tensión que reclamaba o regreso ao lugar de traballo. “Inocencia: esquezo da propia condición, pero non mediante unha pasaxe procurada ou desexada en dirección a algún lugar doutra claridade, non por unha entrada ao irracional”. Só aquel acto de dirixirse un instante á fiestra para non verse, para sentir o vento que entraba na rada… e o reclamo regresaba. Volver á escrita, pensar a besta, a súa brutalidade cándida e inintelixíbel.

Extremos

21 de Setembro de 2008

Regreso aos razoamentos de Estévez, tratados na anotación anterior.

Non é admisíbel en termos de racionalidade nin tampouco en termos de boa convivencia civil suxerir que os extremos dunha confrontación política, sexa a que sexa, se sitúen no cumprimento e no incumprimento das leis. O cumprimento da lei non debería verse nunca como un extremo senón como un eixe referencial da vida pública. Se existe unha Constitución os poderes públicos deben estar moi atentos a observala e facela cumprir. Se existe un Estatuto de Autonomía, o mesmo. Se existe unha Lei de Normalización Lingüística, pois evidentemente tamén. As leis non son só “os grandes documentos” aos que alude Estévez.

Un dos serios problemas políticos e culturais no noso país radica xustamente niso. Na redución das leis a literatura. Por certo, algúns xuíces e algúns fiscais deben de ter impreso un lema semellante a ese nalgún lugar oculto das vísceras.

Territorios mentais

20 de Setembro de 2008

Algúns artigos de Xerardo Estévez parécenme moi bos. Non porque comparta en maior ou menor proporción o que di. Iso é outra historia que agora non vén ao caso. Falo de que os seus artigos transmiten con claridade unha mensaxe, en xeral con argumentación impecábel e con consideración moi estimábel á intelixencia lectora. En particular, xulgo oportunos e ben razoados —como parece consubstancial ao autor e ao seu oficio— os artigos sobre o territorio ou sobre urbanismo.

No artigo “El difícil equilibrio“, que apareceu onte venres en El País, hai pistas que axudan a reconsiderar certos debates abertos en relación coa cuestión da lingua. A observación de Estévez vén sinalar tres territorios de consideración do galego a día de hoxe: o nacionalista, o galeguista e o rexionalista. Aceptémolo para avanzar algo nas formulacións do autor, que engade logo: mentres que nacionalistas e rexionalistas teñen claro un programa sobre a lingua, unha estratexia de intervención, os galeguistas (espazo onde Estévez semella autorrepresentarse) non a teñen. Algo máis complicado resulta aceptar o suposto programa nacionalista, que Estévez describe como unha sacralización identitaria. E tamén é complicado aceptar sen máis o programa rexionalista, limitado á folclorización na perspectiva de Estévez. Deixo á parte, tamén por avanzar, a evidencia que esa tripartición substancia en relación co triángulo parlamentario presente no Hórreo.

Voltemos aos nutrientes discursivos de Estévez, porque na parte final do artigo retoma a idea do difícil equilibrio que o título anuncia e estabelece un parangón a todas luces inconveniente, diría incluso que falaz en termos dialécticos, entre lingua e territorio, entre o problema da lingua e o problema do territorio, para sermos máis exactos.

Supostamente habería tamén tres opcións a propósito da ordenación e uso territorial. Unha delas equilibrada, consistente nun compromiso entre conservación e transformación. Cales serían as outras dúas? Pois para Estévez o sometemento a intereses económicos e inmobiliarios e, no extremo oposto, a intocabilidade paralizante do territorio. Non me interesa agora mesmo pensar se nesa tripartición reaparece o tic tripartito de antes.

A falacia, sobre a que reclamo a atención de quen lea, é a da analoxía de fondo desenvolvida no artigo, que culmina nestas palabras: “Lengua y territorio demandan de quienes se sitúan en los extremos del entusiasmo o el escepticismo un esfuerzo de aproximación. Conseguir el equilibrio es ineludible para evitar la confrontación”.

Un pode compartir algúns pre-textos benintencionados, algo da intellectio deste artigo do ex-alcalde de Compostela. Pero deplora por falaz a resolución última que o autor atopou para expresala.

inPOSTados (2)

20 de Setembro de 2008

“O home é un animal territorial feroz”. [George Steiner en diálogo con Antoine Spire, 1998]
[…]
ps1. cfr. Xabier Cordal en Galicia Hoxe (20.09.2008) e Suso de Toro en El País (21.09.2008).
ps2 (21.09.2008). Javier Marías, que terá que ver a subxectividade coa impostura? O que Juan Cruz debeu cuestionar ou matizar foron como mínimo un par de cousas: 1) que unha lingua determinada (o éuscaro neste caso) constitúa nalgún modo un soporte antropolóxico ou cultural favorecedor da violencia e 2) que existan universidades en Galiza nas que é obrigatorio o uso do galego con exclusión doutras linguas. Ademais diso, pero isto sería simplemente para mellorar nota, puido lembrarlle a Steiner a existencia dunha tradición literaria que só un necio desprezaría, unha tradición que por exemplo no marco da lírica medieval é das máis importantes do mundo. Estou convencido de que calquera persoa imparcial que viva fóra do Estado que compartimos interpretaría que as omisións de Cruz e as observación de Steiner sobre a pluralidade cultural e nacional do Estado teñen un contido político claro. O mesmo que a súa indignación e algunhas das súas frases (“la furia gallega ha caído sobre él [GS] como el rayo”), señor Marías. E as intervencións políticas si están sometidas a resposta pública. Ou vostede pensa que non? [Envío unha tradución deste texto, con algunhas variantes, á sección “Correo” de EPS o 21.09.2008]

inPOSTados (1)

20 de Setembro de 2008

“Ja sóc aquí”. [Miguel Ángel Revilla, 1961]

Un exemplo de proxección cultural

19 de Setembro de 2008

Estonia é un país pequeno a carón dun xigante. Alcanzou a independencia en 1991, se ben antes desa data tamén se liberara da dominación estranxeira no período 1918-1940. A lingua estonia pertence ao tronco ugro-finés (non ao eslavo), o cal permite unha certa comunicación coa poboación finlandesa, amante das praias bálticas da zona de Pärnu, no Golfo de Riga. Non todos os habitantes de Estonia teñen a lingua oficial do país como lingua vehicular ou de uso familiar. Existe unha porcentaxe moi importante de poboación de orixe rusa. Representan un terzo do total e maioritariamente se comunican na lingua eslava que lles é propia. Así que quedan algo máis dun millón de persoas que teñen o estonio como lingua de seu. A literatura estonia experimenta desde 1991 unha emerxencia notábel, como en xeral todo o campo cultural, loxicamente amparado polo Estado. A pequena publicación trimestral Estonian Literary Magazine, con soporte impreso e electrónico (este con menos contidos e bastante limitado na parte gráfica), paréceme un magnífico exemplo das posibilidades que ofrece o inglés para unha efectiva proxección exterior da cultura e as letras nacionais.

Tinduf (Cuba)

18 de Setembro de 2008

Liman Boicha, o poeta saharauí, contaba hai meses a experiencia de moitos outros coma el: do deserto ao Caribe para medrar e estudar en Cuba. Entre os oito e os vintepoucos anos sen regreso posíbel á casa dos pais. Quince anos sen velos, sen vivir os campos de refuxiados, os esforzos por facer prosperar as breves terras de cultivo en Tinduf. Quince anos de estudos e desterro, de construción delicada dun eu e de fráxil reformulación dun nós. Despois, o regreso, sendo non se sabía que exactamente.
Mohamed Salem Abdelfatah (1968), chamado Ebnu, outro dos poetas da coñecida como xeración da amizade, escribe:

Aínda vivimos nos recantos
da nada
entre o norte e sur das estacións
.

Minhos e frangos

18 de Setembro de 2008

Algo sobre “Os camiños da vida” de Ferrín hoxe no Faro de Vigo e en La Opinión. Desde hai moitos anos estou convencido de que o único camiño transitábel para un reencontro efectivo de recoñecemento mutuo, aliviado de resentimento histórico, entre nós e os máis que plurais mundos construídos en lingua portuguesa —entre culturas e non só entre elites culturais ou grafías— non cruza o Miño senón o Atlántico. Eurorrexións á parte, Brasil debería ser meta prioritaria, ten de selo.

[…]

ps1. A fotografía corresponde a unha guía de Lisboa entregada cun xornal galego en 2004. A lenda sobreimpresa proclama: “El pollo, ingrediente básico del frango”.
ps2. Este post e algúns dos previos non corresponden á data nin á hora que Blogger marca.

Depretto

18 de Setembro de 2008

Inone Depretto (Trieste, 1968), dramaturga e escultora, dirixe en Ratisbona a revista de artes Wortaufschüttung e é autora de varios tratados xeométricos, entre eles L’asimmetria del circolo (1991) e Abbild und Nachbild (1999). Conta con exposicións individuais en Bratislava, Klagenfurt, Lille, Nantes, Porto Alegre, Lyon, Cracovia e Liubliana. Recollo o comezo dun relato seu:

Para escribir decidira situar un espello longo sobre a mesa do comedor, movida até a parede oposta á gran ventá aberta ao sur. Iso permitíalle contemplarse nos actos sucesivos da meditación, as primeiras notas, consultas, correccións… Ignoraba por que o facía pero o aceno que a boca debuxaba no espello indicaba pracer. Así podía dicirse. Pero, por que non perderse de vista?, por que levar a man estendida ao espello mentres compuña aquel Bestiario da inocencia a contraluz dun reflexo? Escribía mentres se ollaba “Inocencia: non saberse”.

Naipelo

18 de Setembro de 2008

Problemas con Blogger estes días, si. Tranquiliza ao naipelo saber que Mestre Brétemas tamén os ten e pide axuda.

Expensas

18 de Setembro de 2008

Houbo un carácter ritual, mesmo sacrificial, no acto público de sentar á mesa da amiga encausada? Houbo quintacolumnismo en relación co que sabemos (tristemente) sobre o prezo por cuberto e algúns outros pormenores? Houbo exceso estatuario no xesto? Cicerón non asistía? O guión foi de Buñuel? Esquezamos.

Medios, analistas e opinión pública

17 de Setembro de 2008

En relación co artigo de hoxe de JL Sucasas en Vieiros, que non fala do que parece e fai ben, desexo suxerir algo. A liberdade de opinión nos medios está enormemente condicionada na Galiza actual por unha serie de pautas que máis ou menos todos recoñecemos sen dificuldades. Pautas ás veces ideolóxicas, desde logo, pero tamén de carácter propiamente empresarial, referidas ao mercado e á financiación a medio prazo.

Existe un cálculo de opinión nos medios e os lectores somos adestrados nesas prácticas. Afacémonos sen maior resistencia a elas. Precisamos isto e podemos/queremos chegar até aquí, calculan os medios. O poder político e o poder económico arbitran a partida: conceden, distribúen, retiran, sancionan. Non é nada novo, aínda que resulta por completo inaceptábel.

Nese vello xogo aparecen as voces singulares, os opinadores libres, cunha función de marca, no sentido medieval do termo. É unha función que conxuga con habelencia cálculo e simulación por parte dos vértices. É unha función-máscara que vira en ocasións a función-mascota. É un xogo cínico aquel, por tanto. Sitúo o mascarón lexitimado e libre que opina sen corda sobre o que quixer e marco con el un territorio, un arredor, un cortalumes-aura, un silencio que me protexe e que exhibo como diploma ou como trofeo. Dentro do círculo, administro, calculo o que se pode dicir, ordeno a finca. E de cando en vez, con patetismo, alzo a voz e marco un exabrupto sobre o un asunto social candente. O sol, por exemplo.

A blogosfera ten unha capacidade extraordinaria: a de poñer todo iso en claro. A de analizar aos analistas e á totalidade do sistema, que Sucasas contempla nun plano de coordenadas progreso – identidade pero que eu suxeriría ampliar a algunha outra dimensión. Pode semellar tarefa para moito tempo, pero esas calendas han chegar. A liberdade xogará entre nós non inscrita nese cálculo. A blogosfera contribuirá a deslindar o espazo para que tal cousa aconteza. Eles xa o saben. Nós precisamos e merecemos outros medios, outra sintaxe e outra opinión.

Executoria

16 de Setembro de 2008

A providencia é bárbara a propósito dos azares. Mágoa tanta preguiza para seguila, cando ademais, certamente, a nota do PEN Clube a un nin lle vai nin lle vén e non foi un prodixio de intelixencia nin de contención nin de estratexia ou oportunidade. Ante todo polo da coautoría de Cruz e outras hipérboles, parte das cales merecerían matizacións que Basilio Baltasar está claro que aforra hoxe no xornal El País (tamén, o mesmo texto, no blog do autor). O editor asina o seu artigo e non deixa lugar a dúbida sobre as bandas transportadoras que o conmoven: “Director de Relaciones Institucionales del Grupo Prisa y de la Oficina del Autor”.

O texto é vulgar, mal razoado, tamén con sobredose suprarrenal, impropio nas formas de El País e subversivo en relación co seu propio libro de estilo. E, porén, como o seu precedente, xestado tamén no íleo, resultará estimulante para moitos. A oficina semiótica podería concentrarse a propósito deste texto nos dramatis personae, a presentación que fai deles, a obscenidade intelectual das descricións paralelas, a adxectivación…, todo ese sobreesforzo, toda a redundancia. O sobreesforzo aplicado a Steiner, por exemplo. Ordinario, sen paliativos, na pauta impositiva. Basto, manipulador. Basto e intelectualmente mesquiño como o confronto entre o PEN internacional, tan fino!, e o PEN local, gavela de goliardos dipsómanos, cretinos en hábitos da máis brava estopa.

O singular do caso é que este Baltasar cava unha trincheira nova e non contesta só ao redactor ou redactores da nota do PEN, como acaso encomendase alguén. Evita verbalizar, por exemplo, a súa molestia perante o ataque externo á patria non tan plural. Esa que espreme e espreme cada vinte palabras para supostamente dar no lombo do sagrario galeguista. Ruín nos argumentos e no ritmo da prosa. Velaquí un búmerang mal rematado, dos que golpean en mal sitio, como tamén se ha comprobar co paso dos días.

En fin, por rematarmos: a censura é cousa seria. É fariña doutra saca. Unha entrevista non é o ditado dun director xeral a un subordinado. Non todo se transcribe nas entrevistas. Non todo é pertinente. Non mentará isto o manual de estilo?
[…]
ps. Véxanse as oportunas consideracións de Perfecto Conde (Croques, 16.09.2008).