Represión fascista en Betanzos 1936-1939

A fotografía corresponde a Bernardo Miño Abelenda, un dos trinta e catro betanceiros asasinados polo fascismo entre os anos 1936 e 1939. Miño, labrador e socialista, era coñecido como “o Pablo Iglesias brigantino”. Foi aquí o máis vello dos represaliados con resultado final de morte; no seu caso, como adoito, por “hemorraxia interna torácica”. Asasinárono na casilla de San Paio, no km 2 da estrada a Ferrol, xunto con outro socialista (Antonio Lagares), un comunista de só 17 anos (Manuel Fernández) e un anarquista (Camilo Naveira). Miño estaba próximo aos 70 anos. Na mesma noite do 28 de outubo de 1936, neste que foi o “paseo” máis sanguinario en número de mortos dos acontecidos nos arredores da cidade brigantina, os fascistas deixaron por morto a un quinto home, o uxetista de 20 anos Francisco Moreno. Este mozo, electricista de profesión, recuperaríase posteriormente das feridas de bala e acabou voltando á terra na que nacera, Arxentina. Ademais das trinta e catro vítimas sinaladas e das numerosas persoas represaliadas orixinarias de Betanzos, na localidade asentouse un dos campos de concentración que Franco utilizou en Galiza para o control e a represión de presos non galegos (entre eles, Vicente Ferrer). Tal campo fixo uso da vella fábrica de curtidos do bairro da Magdalena, propiedade da familia Etcheverría, moi próxima ao lazareto medieval, ao núcleo de vivendas da poboación xitana de Betanzos na actualidade e tamén á zona escolar da vila. A práctica totalidade da información que estou a dar tómoa das investigacións de Xesús Torres Regueiro, en particular no número 29 do Anuario Brigantino e no 23 d’A Xanela. Revista cultural das Mariñas. Nalgunha ocasión teño falado con Alfredo Erias, o director do Anuario, e con outros amigos sobre as enormes posibilidades que o espazo da Magdalena ofrece aínda hoxe para a dignificación das vítimas do franquismo en Betanzos e para unha contextualización moi aproveitábel en termos pedagóxicos e civís da realidade histórica brigantina desde a Idade Media até hoxe mesmo. Hai tempo aínda para iso, reitéroo, malia os intereses máis mesquiños e innobres faceren todo o posíbel, como agora de novo na Casa Gótica, para que os muros dolosamente debilitados derruben canda si calquera forma de memoria, patrimonio, dignidade e cultura.

One ResponseRepresión fascista en Betanzos 1936-1939 to “”

  1. Ana Bande Says:

    A desmemoria só é un síntoma doutra doenza aínda máis grave que é solidariedade co mal. Estamos a piques de perder o pouco que queda da arqueoloxía do fascismo, e iso en plena “democracia” esixiría, cando menos un debate moito máis presente nos medios. Só en estes preciosos (en tódolos sentidos) e en pés de páxina atopamos pistas do que en pouco serán centros comerciais e hoteis de luxo que agocharán a memoria deses mortos que tango molestan agora. Que os deixemos en paz, din, e eu, lembrando as verbas de Carlos Fernández digo ¿por qué non os deixaron en paz no 36? Aquí temos todo por facer e aínda estamos tratando de agochar o lixo que outros deixaron mal enterrado. Faltan intelectuais afoutos da talla daquela Beate Klarsfeld que nos lembrou un precioso documental esoutro día na TV2, eso sí, de madrugada que é cando dous parvxs quedamos a ver a tele. Faltan políticos dignos. Faltan víctimas con ánimo para falar e sobre todo falta quen escoite. Dos nosos campos de concentración só saben uns cantos do “ladrillo” que agora fuxen cara outros predios, veremos en que remata a cousa. Camposancos foi un capricho de Karpin que agarda ser pasto das lapas ou da selva. En fin.