Archive for Novembro, 2008

Con Marcos Valcárcel, nas súas escalas todas

29 de Novembro de 2008

Un azar tráxico prívame de acudir hoxe á homenaxe a Marcos Valcárcel que organizaron en Ourense algúns dos seus moitos amigos e compañeiros. Unha homenaxe que conta coa adhesión entusiasta de varios centenares de persoas que, por admiración, respecto e agarimo, quixeron reunirse arredor de Marcos nunha cea neste frío sábado de novembro.

Non vou, pero estou. Con Marcos, o profesor, o investigador e estudoso, o historiador e analista cultural, o documentalista, o columnista e blogueiro, o activista cultural, o crítico, o editor literario. Con Marcos, mestre nestas e en tantas outras dedicacións orixinadas na súa inesgotábel curiosidade intelectual, na súa dignidade cívica, na perseveranza do estudo, no compromiso fecundo con Ourense e con Galiza. Con Marcos, que sabe xuntar como ninguén en torno á razón, ao rigor e ao coñecemento mans e voces, miradas e vontades. Co propiciador tamén de mil e unha maiéuticas menores ou maiores para que os lectores incondicionais d’As uvas na solaina aprendamos, gocemos, lembremos, riamos e nos emocionemos, asintamos, discrepemos… no teatro das ideas e dos mundos que en tonalidade variábel, como o ceo do outono, se reinventa día a día para ser festa do diálogo a distancia, xema dun dialoxismo blogueiro lúdico e até sarcástico, e porén intelectualmente honesto e cabal. Festa, si. Festa súa e dos amigos e amigas que noutro momento chamei senado máximo da Gallaecia, ese xuntoiro virtual que Marcos preside con suma discreción e elegancia. A que debera posuír e case nunca posúe un presidente de parlamento, ou de parladoiro.
De entre as lecturas de Marcos Valcárcel agroma hoxe na memoria, moi en particular, o limiar seu para a edición que preparou en 1997 d’O libro dos amigos, o volume que Ramón Otero Pedrayo publicara en Bos Aires en 1953 para facer balance sentimental e civil dos seus vínculos de amizade, camaradaxe e colaboración con preto de corenta homes protagonistas da nosa historia no tempo auroral dos anos 20 e a Segunda República. Nunha nota de presentación do volume compilatorio Pé das Burgas, que Marcos Valcárcel deu ao prelo hai agora dez anos, escribira Bieito Iglesias trazando unha ponte afectiva c’O libro dos amigos que unha das angueiras que se propuña para a vida era a de merecer a condición de socio dun clube cordial similar ao de Otero, actualizado no tempo noso con centro no nome claro de Marcos Valcárcel.
No estudo introdutorio á edición do libro que Otero Pedrayo madurou durante anos en Trasalba, o investigador logra culminar unha tarefa complexa, quizais só ao alcance de quen atesoura a capacidade de combinar a mirada do historiador, a do estudoso da prensa e das revistas culturais e a do profesor de literatura. Nese limiar vibra con forza dialéctica e eficacia expositiva, e mais con claridade didáctica e con profundidade analítica, a palabra de Marcos Valcárcel, a de sempre. Esa escritura que acumula oficio e que ao tempo se estimula a si propia polo goce indisimulado de precisar nun estilo directo e diáfano as chaves do acontecer histórico, a atención en diversa escala cartográfica ás duracións diferentes, aos feitos grandes e pequenos, a todo canto desvelar verdade histórica. Marcos Valcárcel escribe así no prólogo ao Libro dos amigos oteriano:

As imaxes da dor e do sufrimento, da barbarie e da crueldade inútil son omnipresentes en toda a obra, pese á prudencia obrigada do momento político. A guerra é sobre todo o fracaso dos soños e das esperanzas doutrora. O escritor está a narrar a destrucción dunha xeración de idealistas: tal é o adxectivo aplicado a Blanco Torres, retratado “no calabozo, xa pertiño da morte, agardando un faiscar xeneroso”, ese faiscar que nunca chegaría para Blanco Torres, nin para Bóveda, nin para Arturo Noguerol, nin para Ánxel Casal nin para Víctor Casas, entre moitos outros.

A distancia temporal non minguou aínda a dor producida pola barbarie. Así, na semblanza dedicada a Marcelo Macías, Otero evoca con gran sensibilidade a cruel realidade dos primeiros anos da posguerra, coa sospeita das traicións e o medo instalado nos corazón de tódalas xentes.


[A fotografía de Marcos Valcárcel tómase do seu propio blog, As uvas na solaina, e é da autoría de Miguel Ángel. Publicouse en La Región o 29 de novembro de 2008. A capa do libro Pé das Burgas (Ourense, Obra Social de Caixa Galicia, 1998) é de Siro López. A fotografía de Otero fíxose en Betanzos en 1952. Figura no volume Teoría de Galicia de Otero Pedrayo (Santiago de Compostela, Alvarellos e Galaxia, 2007)]

Cañifobia

26 de Novembro de 2008


Si, co ñ. Quero dicir, co grafema ñ. Porque non se trata de medo aos cans nin de xogo hipogramático ningún por extirpación última de vocal traseira. Con ñ de Cañizares, administrador de fobias, cidadán incendiario, bispiño valetudinario no referido aos equilibrios mínimos que se deban esixir aos miolos que quecen baixo mitra, valedor da mentira. Non é bo xogar cos nomes, non é bo, pero aquí non xogo, aquí constato, como di agora nas súas memorias un certo parente meu ao que si que lle rodou un o apelido abaixo, o Gran Landa.

Haberá logo que esforzarse, porque non toda tregua é lexítima nin se interpreta por todos como prudencia. “Cada caso é un mundo”, seica dixo o xurista Olabarría, do moi confesional nacionalismo vasco. “Que decidan os centros”, di a ministra Cabrera. Están nun erro, nun erro político moi serio. E emiten ademais unha mensaxe cargada de medo, cargada de cinofobia (agora si) polo que ladre e morda o peor recuncho da nosa historia común.

Non creo que haxa debate en termos propiamente xurídicos e constitucionais. E é só aí onde se ten que dirimir calquera controversia relativa aos dereitos fundamentais. Porque tampouco son os centros os encargados de decidir sobre se é aceptábel e lexítimo estudar trigonometría ou sobre se é legal o acoso escolar. O artigo 16 da Constitución vixente ten tamén un apartado 2 que raramente se cita no pseudodebate sobre a presenza dos signos relixiosos nos centros e nos actos públicos nos que está representado o Estado. Di ese apartado que “Ninguén poderá ser obrigado a declarar sobre a súa ideoloxía, relixión ou crenzas”.

A doutrina Cabrera, que vén sendo a doutrina Zapatero e a doutrina Borbón (máis todo o que levamos acumulado por cinofobia desde 1975 a hoxe), conculca ese principio legal. O pai valisoletano que agora está na totalidade dos micrófonos de radios e televisións foi obrigado, na práctica, a declarar sobre ese campo que delimita e ampara o apartado 2 do artigo 16 da Constitución. Eu tamén agora mesmo. Igual que calquera cidadán (alumno, nai, profesor, directora…) que a partir deste momento solicite aos centros, ao abeiro da resolución xudicial de Valentín Sastre e encurralado pola doutrina Cabrera, a retirada de signos relixiosos ou sectarios de lugares tan preeminentes como a parte frontal das aulas de institutos e escolas, muro de carga que sostén a civilización e a racionalidade nas que eu aínda creo.

[A fotografía da estola tómase dunha web “for purity and tradition in catholicism”]

Eu sei quen son (aprox.)

25 de Novembro de 2008

Non lembro de onde tomei esta imaxe. Tampouco lembro exactamente quen son eu ao entrar aquí. Quixen primeiro ser lándoas ou casas. Observei a rendibilidade de ser unhas veces aquel e outras veces estoutro. Ou os dous por xunto. Ou a súa intersección. Ou o espazo que mediaba. Agora, desde a resurrección, son lándoas. Só. Pero o caso é que esa decisión non é doado que teña correspondencia fóra do espazo dela mesma. Non é sinxelo trasladala a quen le, fágao desde a confianza e unha cordialidade non expresa, fágao desde algunha clase de raro resentimento; fágao desde a indiferencia intelectual, fágao desde algunha forma de proximidade afectiva.
Por que un nick? Por que non o nome directamente, o rosto? Isto preguntoumo onte no traballo unha amiga moi querida. Non o preguntou como obxección. Moito menos para impugnar nada. Era, máis ben, unha dúbida sobre os sistemas comunicativos que a blogosfera abre e sobre os graos de proximidade e responsabilidade entre o que a voz-blog afirma e o que o nome propio real asume ou asumiría chegado o caso. O nick tradúcese a este propósito, así o entendo, como unha declaración relativa á correspondencia non directa entre o dito e o pensado, entre o efectivo e o fictivo. O nick advirte sobre a convivencia de textos adxudicados a un nome que non se compromete plenamente. Que se reserva. Non por introducir a falsificación de nada (nin sequera dunha identidade) senón por debilitar desde o incipit a presunción de que falar nun blog e como falar na vida real. E non é así.
Quero dicir, non ten por que ser necesariamente así. O nick, por exemplo, admite e acolle a contradición interna. E ninguén ten dereito a chistarlle a iso. O nick abre a caixa lúdica e propicia as escalas do eu (1:10, 1:100, 1:1.000). O nick libera tensión aínda que só sexa calzado como un chapeu fungo. Dramatiza e teatraliza o escenario do blog, cancha que non é probabelmente a idónea para a práctica dunha dialéctica sobria e pautada. Escóitese ao sabio Medela Kabuki onte mesmo aló polo comentario 50 (aprox.) dunha anotación do blog de Marcos Valcárcel, As uvas na solaina: “porque a risa, o teatro, ao abrir un terceiro escenario dialéctico nos libera da sobre-abundancia emocional”. E así fai o blog. O anickado e anicado máis ca o desnickado e crecho, coido. E escóitense aliás as voces todas dos case 300 comentarios dun post recentísimo do blog …mmmm…, de Estíbaliz Espinosa, xa teatro en período de aclimatación ao écran (todo chegará), nunha procura ceiba e brava de norma nova. Teatro, si, o de …mmmm…, porque incorpora a expectación in fieri, aínda que sexa unicamente para os conxurados nesa cerimonia, nesa ebriedade, non todos anickados nin agochados por certo.
Por que un nick? Só por iso? Creo que só cando se garante un anonimato sen reservas o discurso é percibido no espazo blogosfera como iso e nada máis: un discurso pendurado de si mesmo. Un discurso que, por selo, depende dunhas condicións de enunciación e dunha identidade, dunha autoría se se quer (nada diso pode ser neutralizado, e ademais non é preciso), de todo o resto de consideracións que se desexe concretar a propósito da ineludibilidade dun lugar desde o cal se di e que permite dicir e intervir… Pero, en calquera caso, ese blog vido da anonimia limita consigo mesmo e coa rede de ideas e de temas, emocións, imaxes… acumulados no marco interno. Fóra, nada determinado, nada tanxíbel. Só linguaxe e mundo.
Porén, cando existe un (re)coñecemento da voz-blog é moi complexo desligala do personaxe sabido ou real. Tamén do que iso representa no plano funcional (a famosa función-autor, que en Foucault tiña un valor redutivo á vez que de configuración dunha autoridade). Hai quen estará satisfeito con isto. Entre eles, pero non só, aquelas persoas que escriben blogs como unha forma de continuidade coa súa actividade profesional, do tipo que sexa, ou como unha forma tamén contigua doutra parcela tamén importante, a sentimental. Aquí, a miúdo, a ecuación “nick = nome real” acaba reducindo a primeira parte desa fórmula a puro alcume.
Asinar blogs co nome real a min paréceme ben, tan lexítimo como facer o contrario, tan gallardo, tan dialéctico…, máis arriscado. Si, tamén mais arriscado. En especial, por que hai máquinas varrendo o espazo exterior. Ora, a idea de presentarse como lándoas supuxo nalgún momento para min a posibilidade de extirpar a cerna do que, para a maioría dos que me len, sexa eu. Na miña familia directa ou no meu vecindario, nas asociacións ás que me ligo ou nos cenáculos nos que conspiro, ninguén sabe que ando por aquí. No 99% das comunidades que len/fan blogs en Galiza tampouco non se sabe. Nalgún 1% restante, ou menos, si. E para esa porción o meu nome real ten un significado bastante preciso que eu, en cambio, non me atribúo a min mesmo como eixe de ren. O nick sería entón todo o contrario dunha máscara, ou sería unha máscara tal como a puido entender só algunha clase de dramaturxia moi antiga.
Iso é: o nick como alegación de pluralidade na propia máscara, no seu aceno invariábel posto aí á dereita, na convexidade da kettle. Como reclamación en voz baixa de sermos varios os que levamos o nome real que nos puxeron (e isto non é Pessoa, ou é Pessoa moi pero moi poluído por Bakhtín). De fastío sobre a autoridade atribuída e de fastío sobre o orneo estepario. De querencia de fratria sorora e de sororidade fraterna, en horizontalidade, en compañía, sen xerarquía, sen púrpura nin desprezo. Na diferenza, habitándomos a diferenza e cuestionando a certeza. Dando e recibindo xénero de toda caste, en pé de igualdade. Leña e rosas só se for en pé de igualdade. Como algúns medievais que debatían e bebían, partimen-vai-partimen-vén a catro ou nove bandas. Rindo, porque o riso iguala (ás veces, non sempre, claro). Querencia de irredutibilidade, si. De novo esa palabra, de novo esa idea necesaria. Aínda que (certo, pero non sempre) a fiinda é só dun, o dono do local, que diría Fragmentos, digo Juan Luis.

[A fotografía tomeina doutro blog que agora non podo concretar]

Palabras extremas

22 de Novembro de 2008

Estiven onte ao serán na Libraría Couceiro de Compostela. Na moi concorrida presentación do libro coordinado por Manuela Palacios e Helena González Palabras extremas: Escritoras gallegas e irlandesas de hoy (Netbiblo, 2008). O volume, plural en contidos e análises, reflexiona sobre algunhas das liñas de debate abertas a propósito da poesía escrita por mulleres das dúas culturas referidas no título: o corpo, o territorio, a nación, a lingua, a identidade, o sexo, a enfermidade, a paisaxe, a linguaxe, a relixión, a sexualidade, a política, o mito, a hibridación, a poscolonialidade… Os referentes son en particular a obra de Chus Pato, Anne Le Marquand Hartigan, María do Cebreiro, Ana Romaní, Mary O’Donnell, Celia de Fréine, Xela Arias, Lupe Gómez, Eavan Boland e outras poetas de Irlanda e de Galiza. Un traballo colaborativo, asentado na irredutibilidade das propostas, as poéticas, os métodos, as obras e as autoras. Un traballo que indaga na posibilidade de xuntar textos críticos, entrevistas, autopoéticas, manifestos, contrastación metodolóxica e teorización no campo delimitado por feminismos e posfeminismos non só baixo o prisma do xénero. Reproduzo, en tradución, un parágrafo dun texto teórico e manifestario de María do Cebreiro (asina a poeta, por tanto) que, na miña opinión, está destinado a ser peza de referencia nos debates por vir. O título do texto é “Nuestro cuerpo es un campo de batalla. El sentido político de la poesía gallega escrita por mujeres”:

Era político, de verdade, o corpo cantado polas mulleres galegas nos anos 90? A miña resposta é que non. Un paradoxo derivado das condicións que instaurou a modernidade tardía é que, ao expropiar de sentido as categorías “fortes”, a palabra política entre elas, estamos na obriga de repetirnos para sermos escoitados —xa non digo comprendidos. Resulta cáseque estúpido ter que precisar qué entendo por política en contextos onde debería darse por suposto. Pero haberá que descender (ou ascender) na escala de concreción todas as veces e todos os graos que for preciso. Ao meu entender, é político o texto que aborda criticamente determinadas áreas de problematicidade. Para simplificar, parécenme especialmente pertinentes o campo das relacións de produción, o campo da desigualdade xenérico/sexual e, para a literatura vehiculada en lingua galega, o campo do conflito lingüístico/nacional.

[Ilustración: Ana Mendieta, “Untitled”, Body Tracks, 1974]

Cumpra a lei, alcalde Losada

20 de Novembro de 2008


Algúns incautos pensan que a historia está limitada a ser o que noutro tempo pasou, unha especie de fosa séptica ou depósito de espantos (Benjamin, Outeiriño) que nunca debe ollarse nin abrirse porque iso é só cousa de profesionais, alxibeiros, xurróferos, historiadores, arquiveiros, tanto ten. Abrir o depósito conlevaría moitas veces, seica, a exposición ao que os neoplatónicos alexandrinos chamaron “emanación”. E iso é un perigo: gases, res gesta e tal. Así pensa talvez Javier Losada Aspiazu. Así, talvez, boa parte da corporación que preside no Concello da Coruña.

Pero non. A historia, veña Nietzsche a contalo e con el o Unamuno vedraño e baril do outono salmantino de 1936, é tamén —pode que ante todo— a posta en discurso do pasado desde un presente do que ninguén pode fuxir. Nin sequera os historiadores. A historia é dicir o pasado desde hoxe, desde o momento actual no que decidimos falar, facer enunciación, contarnos.
Manter un día máis a homenaxe estatuaria ao xeneral Millán-Astray nunha praza e nun xardíns públicos da cidade non é equivalente á prudencia diante da fosa séptica da historia. É —créao, señor alcalde— enunciar en presente o fascismo, hora a hora. E aínda que non comparta a análise, vostede está obrigado a cumprir e facer cumprir a lei. Cúmpraa de vez.

[Fotografía dos xenerais Francisco Franco e José Millán-Astray, probabelmente cantando o himno da Lexión. Tomouna Bartolomé Ros en data e lugar que descoñezo]

Seis anos sen González-Millán

19 de Novembro de 2008


Na fin de semana que vén cumpriranse seis anos do falecemento de Xoán González-Millán e da súa esposa Esperanza Canedo tras un accidente de tráfico preto de Nova York. Na anotación anterior a esta mencionei o seu nome por parecerme ineludíbel á hora de trazar unha planificación para a proxección exterior da cultura galega que pase polo campo magnético da academia norteamericana e do mundo universitario en xeral.

Foi curiosa a sensación que tiven no momento de intentar localizar nos buscadores habituais unha fotografía, unha referencia, os textos das homenaxes. Queda pouco de Xan accesíbel por aí, na rede. Apuntamentos xornalísticos sobre as homenaxes de hai dous e catro anos na vila natal, algo sobre o número especial do Anuario de Estudos Literarios Galegos de 2002 coordinado e dirixido por Dolores Vilavedra ou a recente publicación das Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos ao coidado de Helena González e María Xesús Lama (cunha mesa redonda arredor da súa personalidade e obra desde catro puntos de vista complementarios), un foro en internet que agora non son quen de localizar… É pouco. É moi pouco.
Atopo logo unha fermosa semblanza de Helena González a falar das laranxeiras do Salnés. Alí recóllese algo que ao parecer eu dixen nos días tristes da morte deste home fundamental para o pensamento literario e a teoría cultural de marca galega. Escribín daquela así: “¿Quedarán continuadores, escola…, alguén que dialogue con Habermas, Gramsci, Thompson, Bourdieu, Figueroa… como el o facía? Con franqueza, penso que non. Murcha con el unha das partes que o bosque non é quen de rexenerar en por si”.
E hoxe reiteraríao. Pido desde aquí que o Consello da Cultura e culturagalega.org expoñan con máis luz e a mellor orde posíbel canto custodien nos seus arquivos sobre a figura e a obra de Xoán González-Millán (1951-2002) a fin de preservar a súa memoria e de reactivarmos entre todos o seu fundamental legado teórico-crítico e a dimensión programática do seu pensamento.
[A fotografía tómase da lapela do libro de X. González-Millán Literatura e sociedade en Galicia (1975-1990), Vigo, Xerais, 1994]
ps1. Véxanse tamén, de Gabriel Rei-Doval, as emotivas e á vez profundas evocacións “Unicornio albiazul en Manhattan” e “A porta da amizade“. Incorpóroas no mesmo día da anotación orixinal, na tardiña, tras ler o seu amábel comentario (19 11 2008).
ps2. Recibo así mesmo indicacións do CCG, segundo as cales non obra no poder do Consello nin de culturagalega.org material relevante sobre Xoán González-Millán que contribúa a documentar as carencias na información accesíbel en liña que deixei anotadas no post. Grazas tamén a Manuel Gago pola rápida resposta á mensaxe remitida. Creo lembrar, ao mesmo respecto, que na páxina da Asociación Internacional de Estudos Galegos, e por suposto nas da City University of New York durante un tempo despois do fatal accidente, houbo a disposición pública unha compilación de semblanzas e de datos biobibliográficos. Estou seguro de que culturagalega.org estimaría recibir esa información se alguén a compilou ou dispón dela. A idea sería, segundo entendo, configurar un pequeno espazo que oriente ás persoas e investigadores desexosos de localizar referencias e textos (19 11 2008).
ps3. Magnífico. Imos avanzando algo na teima da recuperación e da accesibilidade de textos en liña. Helena González recupera o índice de Vieiros que contiña unha serie de colaboracións tras o pasamento de González-Millán. Segundo ela mesma observa no cuarto comentario a esta anotación semellan desactivadas as ligazóns. Falaremos con Vieiros por ver de resolvelo a tempo para cando se cumpran os seis anos. Beizóns, Helena (19 11 2008).
ps4. Avanzamos, abofé que si. Eis a resposta veloz e impecábel de Vieiros. Marcos S. Pérez, coordinador de “Máis Alá”, recupera hoxe os textos de autoría múltiple aos que se refería onte Helena González e outros complementos dos que na redacción dispuñan: unha bibliografía galega de González-Millán e o artigo “Lexicografía e nación literaria”. Espléndido traballo, Marcos. Grazas e boa andanza (20 11 2008).
ps5. E algo máis. Neste caso, a aparición dunha entrada na Galipedia dedicada a Xoán González-Millán. Beizóns emocionadas a Xabier Cid polo milagre de facelo en menos tempo do que leva pedilo e por comezar xa coa ampliación de referencias e de documentación mediante ligazóns en notas. A información irá medrando. Grazas tamén a Lara Rodríguez porque ía facer o que fixo Xabier (20 11 2008).
ps6. Desde California, Dolores Vilavedra ponme na pista desta necrolóxica súa en Estudis Romanics, 26 (2004), pp. 490-2. Boa estadía e gratitude chea de afecto (20 11 2008).
ps7. Incorporo ligazón ao relatorio de Itamar Even-Zohar que clausurou o simposio Entre o nacionalismo literario e a literatura nacional, celebrado o 5 de setembro de 2003 no Graduate Center da City University of New York en homenaxe a Xoán González-Millán. Posteriormente, xunto con outros relatorios e colaboracións novas, o texto de Even-Zohar sería compilado por Dolores Vilavedra para o Anuario de Estudios Literarios Galegos 2002 (pp. 39-53). O título do artigo é “Solucións anticuadas e a industria de ideas” (20 11 2008).
ps8. O Diario Cultural, dirixido por Ana Romaní na Radio Galega, rescatou na emisión de hoxe venres o programa especial que dedicara a González-Millán hai seis anos. Queda arquivado no seu blog (21 11 2008).
ps9. Escribe de novo Gabriel Rei-Doval desde Milwaukee para aclarar outra das cuestións formuladas na anotación. Sinala que o “Grupo González-Millán de Estudos Galegos” creouse no ano 2003 durante o congreso da AIEG en Barcelona. E engade que a principal actividade do Grupo foi a promoción da lista electrónica Galician Studies. Esta lista segue en funcionamento a data de hoxe (25 11 2008).

Alternativas á hipoteca da presenza na proxección cultural exterior

17 de Novembro de 2008

Na intervención do pasado xoves 13 no V Simposio O libro e a lectura da Asociación Galega de Editores, correspondente á mesa redonda referida na anotación de onte, dediquei os minutos iniciais a explicar os motivos polos que falo da “tentación incoativa” a propósito da proxección exterior da cultura galega nos últimos vinte anos (entramos no proceso de comezar a considerar os alicerces que fundamentarán o arrinque de…, toda esa linguaxe dos protocolos diplomáticos e das dúbidas fundacionais) e a comentar logo o que iso supón para unha hipoteca da presenza, da presenza nosa no mundo, da urxente incorporación dunha proporción máis alta dos nosos produtos culturais, e dos nosos libros en particular, á metacultura da diferenza que marca a encrucillada histórica actual en tan alta medida como o fan a globalización dos mercados ou a progresión á uniformidade na cultura de masas.

Recoñecín o xoves, por suposto, os avances nesa esfera desque en agosto de 2005 tomou posesión o goberno PSdeG-BNG. Non existe comparación posíbel entre o que representou a escura e caótica política cultural de Jesús Pérez Varela (1996-2005!) e do PP en xeral (1989-2005) e o que está a supoñer a intervención do equipo de Ánxela Bugallo, persoa por certo de verbo áxil e pulcro, tan infrecuente entre os políticos e parlamentarios en activo.

Concretei a seguir algunhas ideas a propósito do desequilibrio na percepción da cultura como bens e como ferramentas e elaborei unha hipótese sobre o problema da cohesión cultural nese terreo para o caso galego. Algúns colegas e unha parte do público déronme a entender logo que o interpretaran apenas como unha apelación á complexa cohesión política —programática e estratéxica— do bipartito, pero tivo que deberse a algún erro comunicativo pola miña parte, pois non era diso do que pretendía falar.

Finalmente pasei a formular algunhas propostas concretas para a acción cultural e a proxección internacional da cultura galega. Non me deu tempo a mencionar todas as que agora paso a relacionar con máis espazo, pero si as principais, mesmo con algún detalle. Apreciarase que en máis dun caso gardan evidente proximidade co postulado por Manuel Bragado en diversos foros, incluída a blogosfera. As propostas son estas, urxentes todas no meu criterio:

  1. Debemos aprender a usar o par cohesión-proxección sen exceso de condicionantes identitarios.
  2. Cómpre evitar toda clase de efectismo no que respecta á proxección cultural e literaria. A prioridade debería outorgarse a políticas que manteñan unha velocidade de cruceiro, ás pensadas para o medio prazo.
  3. Nese mesmo sentido, é capital a idea de procesualidade. Debe desbotarse a obsesión polas metas inmediatas, polos eventos fulgurantes, polo impacto mediático, pola ocorrencia refundacional. A aposta debe orientarse non ao curtopracismo senón a logros de calado máis profundo, sólidos, sen volta atrás.
  4. A política cultural en relación coa proxección exterior debería ser obxecto dun pacto o máis amplo posíbel entre as forzas políticas —non só as parlamentarias— e os interlocutores culturais, asociacións, fundacións e outros axentes, cun lugar de preeminencia para o Consello da Cultura Galega, con funcións asignadas nese campo. A política cultural no exterior non pode depender de quen goberne para existir ou deixar de existir. Evidentemente, quen goberne acabará imprimindo un selo propio. E todos podemos calcular que o vigor e compromiso dese selo variará enormemente en función de que man o posúa e manexe.
  5. O acordo de mínimos para a planificación da proxección exterior da literatura e do libro galegos debería manter marxes de autonomía, pero tería que estar integrado para un mellor funcionamento nun acordo programático sobre a proxección exterior da cultura galega como conxunto orgánico de bens e de ferramentas. Isto sobre todo, deixando en segundo plano a dimensión máis ou menos protocolaria e festiva de determinadas convocatorias.
  6. A administración debería evitar calquera tentación de seguir adiando decisións de fondo. E tamén calquera propensión ao silencio administrativo nestes aspectos.
  7. Dado que o horizonte práctico do mapa electoral define para Galiza un futuro de pacto de progreso ou de goberno da dereita, tería que definirse canto antes (debería estar definido xa) o reparto de funcións e de responsabilidades de goberno e de planificación relativamente á proxección exterior no caso de o PP non alcanzar a maioría absoluta no Pazo do Hórreo. Non pode ser que Presidencia, Cultura e unha Secretaría Xeral ou varias vaian por libre nese ámbito. O mundo da cultura e o propio CCG deberían demandar explicitamente que non sexa así.
  8. A proxección exterior da cultura non pode pensarse igual e homoxénea para a totalidade dos espazos nos que se desexa actuar ou intervir. Isto paréceme fundamental. E de resultas: existe a obriga de pensarmos estratexias diferentes para situacións diferentes, sen caer en abstraccións ou en xeralizacións programáticas supostamente válidas para todo tempo e todo lugar. Un exemplo obvio: a atención á especificidade do galego no mapa das linguas neolatinas (e no par lingua-cultura correlativo) non pode homologarse para a exportación indiferenciada ao espazo da lusofonía e a outros espazos lingüístico-culturais.
  9. A proxección exterior da cultura galega, e tamén da literatura e do libro, ten que considerar a fondo a chave da pluriubicación relativa de Galiza no mundo. Galiza non é a mesma realidade cultural contemplada por outras das nacións peninsulares que contemplada por Suíza, por Turquía, por Mozambique ou por Uruguai. Habería que pensar con moita claridade o esforzo concreto en determinadas áreas.
  10. Defendo que, por motivación ben distinta, Brasil e os Estados Unidos de América deberían constituírse desde xa en referentes principais. Fráncfort, Boloña e Guadalaxara —como mínimo— deben ser igualmente polos de presenza continuada pola visibilidade global que as súas feiras e mercados representan.
  11. Nesa ubicación plural e relativa á posición efectiva do outro, sería imprescindíbel unha priorización doutra orde, limitada —se se quer expresar así— ao “do ut des”. Galiza debería localizar, non só a través do expediente que poida representar Galeusca (e aquí o fundamental é desde logo Barcelona), interlocutores privilexiados por algún motivo específico de orde cultural ou conxuntural. Habería que primar nese campo unha política de continuidade con eses interlocutores, que poderían ser os do arco atlántico, os da lusofonía, os das nacións europeas sen estado, etc. Pero non só eles. Cabería pensar, complementaria e subsidiariamente, en espazos lingüístico-culturais consolidados historicamente e con algunha plusvalía específica de presente e de futuro; ou tamén en “culturas claramente alleas”, afastadas de nós xeoculturalmente pero coa escala e condicións de emerxencia/asentamento da nosa propia cultura. Aquí, en especial se pensamos nos espazos culturais homólogos en canto ás dimensións, a bilateralidade e a cooperación (intercambios, traducións…) poderían estar iluminadas polo principio da correspondencia, ese do ut des desde logo simbiótico e interesado, enriquecido mutuamente pola interacción e tamén pola difusión nas zonas de influencia inmediata respectiva.
  12. A proxección exterior e a propia política de traducións non pode seguir dependendo no grao que o fai de relacións persoais máis ou menos institucionalizadas a través do mundo académico, editorial ou de certas predisposicións discrecionais. Non pode ser que, por exemplo, a rede de lectorados e de centros de estudos galegos se constitúa e configure desde apenas o voluntarismo, o pulo discrecional e o ofrecemento de terceiros. No ámbito anglosaxón —sobre todo nel— iso está pexado ademais polo importante grao de mobilidade profesional das persoas predispostas a consolidar eses centros de estudo. Noutra perspectiva, é imprescindíbel dignificar e amparar tales centros e os lectorados en xeral, dotándoos dun mínimo de condicións no que atinxe á remuneración do persoal, materiais de apoio, seguros médicos e axudas para desprazamentos e acomodo nos lugares de destino. Igualmente, ese apoio habería que amplialo aos centros promotores de talleres de tradución do/ao galego abertos á participación de persoal discente ou investigador en formación en universidades estranxeiras (Oxford, Corcaigh/Cork, Stirling, Cracovia, Bangor, Bradford no seu día…).
  13. É fundamental atender os lugares nos que a academia exterior foi quen de crear polos de actividade galeguista e de promoción do coñecemento e a investigación no ámbito dos Estudos Galegos. Algo que tan ben soubo facer, con vigor colaborativo e sempre cordial, un home insubstituíbel, Xoán González-Millán, até o seu falecemento en novembro de 2002, axiña irán seis anos. O papel de certas universidades, sobre todo en Reino Unido, Alemaña, Italia e Irlanda, é moi relevante, pero insuficiente, quizais sobre todo pola ausencia de redes coa eficacia que poida representar unha entidade como The Anglo-Catalan Society, creada en 1954, até agora cun único correlato no campo da galeguística europea sobre o que eu posúa información, a Deutsch-Galicische Gesellschaft, presidida polo profesor da Universidade de Duisburg-Essen Alf Monjour e con Marga Romero como vicepresidenta. A existencia dalgunhas revistas universitarias tamén moi marcadas polo esforzo voluntarista e unha ilusión impagábel por facer cousas nese ámbito —en Rennes (Cahiers Galiciens / Kaieroù Galizek), en Cracovia (Almanach Galicyjski), en Birmingham (Galician Review) ou en Trier (Galicien Magazin), ou mesmo en Madrid con Madrygal, a revista da Universidad Complutense— é encomiábel, pero de novo insuficiente. Sería básico pensar onde está a forza fundamental, por razóns de prestixio, de orzamentos, de influencia e de vitalidade, e orientar a ollada ás universidades norteamericanas, basicamente estadounidenses, convertendo aí en interlocutores á Asociación Internacional de Estudos Galegos, á Real Academia Galega e de novo ao CCG. Pénsese nunha publicación como Catalan Review. International Journal of Catalan Culture, con máis de vinte anos de actividade, e na propia fortaleza da North America Catalan Society, fundada en 1978. Outro lugar de incidencia básico sería Brasil. De novo por razóns demográficas e pola vitalidade da súa emerxencia cultural e académica. Pero tamén por moito máis ca iso. Brasil suporía a este respecto a prioridade dunha relación co mundo da lusofonía, ao que pertencemos de raíz, non marcada por principios de tutelaxe ou de resentimento, algo difícil de esquivar por uns e por outros cando falamos polarmente ou en termos de bilateralidade Galiza-Portugal.
  14. A existencia de publicacións monográficas no ámbito exterior centradas na literatura e na cultura galegas non é contraditoria coa tarefa sempre pendente e mellorábel de incorporar a perspectiva galega no marco xeral dos estudos literarios, culturais e comparatistas. Por exemplo, poñendo a dialogar os nosos produtos culturais e os nosos produtores cos vinculados a outros espazos, acudindo así ao que con Helena González denominariamos “transversalidade da presenza”. É interesante a este respecto a vindeira aparición dun número especial de CLCWeb, a prestixiosa publicación en liña dirixida por Steven Tötösy de Zepetnek, centrado no comparatismo galego. Pero insisto: o comparatismo de marca galega ten a obriga, non moral pero si intelectual e académica, de situar esa marca na liña de visibilidade con moito maior empeño.
  15. Sería conveniente considerar a oportunidade estratéxica de determinadas intervencións concretas limitadas por áreas. Por exemplo, ninguén debería sentirse excluído se nun momento determinado o esforzo de proxección decide concretarse, dentro por exemplo do sector literario, na literatura infantil e xuvenil, ou nunha determinada poética ou grupo xeracional. Nunca é factíbel, nesta orde de cousas, exportalo todo nin facelo todo de golpe. O logro extraordinario para Compostela da segunda sede mundial, a carón de Oslo, do International Board on Books for Young People (IBBY), é algo sobre o que nunca se falará abondo. O exemplo de proxección e localización de mercados que representa Kalandraka é igualmente un logro con enormes virtudes para servir como referencia e exemplo.
  16. É improrrogábel a situación actual polo que se refire á creación prevista de diferentes organismos que se ocuparían da proxección exterior e da procura de facilidades de movemento e tradución para o libro galego. A Lei do Libro e da Lectura de Galicia de finais de 2006 compromete a creación dunha Cámara do libro que tería como misión primordial a promoción da exportación do libro editado en Galiza. Non me consta que iso funcione en realidade. Pero, ademais, tal instancia sería insuficiente con esa operatividade. Habería que ir máis lonxe, por exemplo ao que Manuel Bragado reclama con tenacidade, unha Oficina do Libro Galego con estratexia de país e capacidade de xestión profesional relativa a todo o que signifique promoción, tradución e proxección exterior do libro e da literatura galegos.
  17. Igualmente, é inadiábel a creación do comprometido Instituto Rosalía de Castro, que formou parte dos programas electorais dos partidos hoxe no poder e do propio pacto de goberno asinado por BNG e PSdeG no verán de 2005. Sería así mesmo fundamental a reformulación orgánica, funcional e socio-cultural do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que para comezar debería abrir á sociedade e ao público, sen tantas e tan pesadas reticencias técnicas e informáticas, a produción dos seus investigadores.
  18. Resulta encomiábel e da maior utilidade e proxección que a Consellería de Cultura e Deporte puxese en marcha o portal Letras de Galicia – Galician Books e a web ReadGalicia, onde se atopa información en galego, inglés, portugués e castelán (por que non complementala co francés?) sobre aspectos moi importantes do intercambio cultural e da proxección exterior, pero nin o primeiro substitúe ao Instituto Rosalía de Castro nin a segunda fai o propio cunha entidade parangonábel co Ireland Literature Exchange ou co Estonian Literature Centre, por falar de institucións públicas relativamente homólogas en tamaño e capacidade ás que aquí aspiramos a fundar.
  19. O libro galego e a súa proxección exterior abrangue como é lóxico a produción literaria para distintos públicos e en distintas variantes xenolóxicas e de soporte, pero é algo máis ca iso. Hai libro non literario, e todos deberiamos telo moi presente. Aliás, non toda a literatura se delimita como narrativa ficcional. E tamén a todos corresponde manter activa esa obviedade: a existencia da literatura dramática, do ensaística, da poesía. Os seus públicos, xuntos, non alcanzarán nunca a dimensión comercial do público lector de relatos e novelas, pero iso non xustifica algúns esquezos. A este respecto, e tendo presente o peso dunha tradición de séculos, a poesía segue a ser a grande esquecida da proxección exterior. Vai para dez anos que propuxen a creación dun Centro Internacional de Poesía con sede en Galiza e con atención á produción poética propia e internacional, aproveitando para iso todo o que podemos aproveitar: sermos punto de cruce de diversas tradicións culturais e lingüísticas, dispormos dun repertorio medieval, moderno e posmoderno de entidade, compaxinarmos unha feraz liña de poesía lírica e satírica de carácter popular con tendencias poéticas na vangarda da experimentación sobre os novos lugares para a poesía poslírica (música, performance, danza, poesía visual, hipertexto…). Estou seguro de ver activo ese Centro algún día.
  20. Finalmente, e regresando ao binomio cohesión-proxección, sería importante activar os foros para a consecución dunha imaxe de marca asumíbel pola maioría de nós. E nesa imaxe de marca, alén do nivel icónico, sería moi oportuno concretar o que desde hai xa algúns anos se vén consolidando noutros lugares como unha renovación da autoimaxe a partir da historiografía. Nese campo, a renovación da historia literaria galega é unha tarefa pendente. A historia literaria, como disciplina actual, é algo máis que a articulación dos vellos modos narrativos de xorne identitario ao servizo dunha causa romántico-nacionalista envorcada sobre as orixes/esencias e con sede de cumprimento histórico. Ese esquema periclitou, está esgotado, mesmo para nacións que non chegaron a completar un ciclo de fundación como estados, mesmo para nacións que non chegaron a cuestionar o historicismo pola propia dependencia e sometemento, coloniais ou doutro signo. A Galiza do século XXI precisa ferramentas historiográfico-literarias novas, e precisa telas listas e en uso canto antes. Faise imprescindíbel unha historia literaria que renuncie de vez a teleoloxismos e a determinismos, unha historia literaria feita desde a reflexión sobre a identidade e a diferenza, cunha relación non procedimental nin mecánica co ideario nacionalista (o galego e os outros). Unha historia literaria en diálogo cos procesos de cambio discursivo e heurístico das alternativas historiográficas en marcha no mundo, definitivamente afastada por tanto de toda tentación positivista. Unha historia literaria que dialogue coa propia historia efectual da serie inaugurada por Manuel Murguía e que integre o debate teórico sobre a historia en xeral, aberto por Annales e a historia cultural, e sobre a historiografía literaria en particular (de Barthes a Greenblatt, ou de Ricoeur a Bhabha, Valdés e despois), central ao longo de toda a posmodernidade. Unha historia literaria vacinada contra a exclusión, integradora, decidida ao autocuestionamento e á renovación metodolóxicos. Sobre iso, os editores teñen probabelmente algo que dicir e algo que facer.

[A ilustración é de Miguelanxo Prado e representa a Praça Sete de Belo Horizonte, a capital de Minas Gerais. Tómase do seu libro Belo Horizonte, Barcelona, Norma Editorial, 2006]

ps1. Vía Brétemas: amplo sector da emisión do Diario Cultural da Radio Galega do xoves 13 de novembro centrado nas relacións internacionais do libro galego e incorporado posteriormente ao Blog do Diario Cultural. Contén unha entrevista coa vicedirectora da Feira Internacional do Libro de Fráncfort, Mary Fé Boix, e tamén opinións de Manuel Bragado, Miguel Anxo Murado e Arturo Casas (17 11 2008).

ps2. Conclusións do V Simposio O libro e a lectura. O libro galego no mundo: presente e futuro na páxina web da AGE (20 11 2008).

ps3. culturagalega.org fala con Mary Fé Boix, Roberta Chinni e Amelia Guardiola, directivas responsábeis das Feiras de Fráncfort, Boloña e Guadalaxara respectivamente (20 11 2008).

ps4. Velaquí o apoio en formato pdf para proxección e o vídeo preparatorio, co mesmo material máis voz, da lúcida, crítica e moi amena intervención de Xabier Cid na mesa redonda do día 13 no V Simposio da AGE (20 11 2008).

ps5. Camilo Nogueira, “Un territorio común”, Vieiros, 3 de decembro de 2008 (06 12 2008).

Aberto por resurrección?

16 de Novembro de 2008


De quen é un blog? Esa era a cuestión da sexta feira. Preguntaba por non telo claro. Non se trataba dunha pregunta retórica, nin moito menos. E tampouco se non trataba dun residuo das numerosas atencións recibidas polo blogueiro que hai vinte días pechou por defunción e semella agora abrir por resurrección. Todo está por ver. Todo está por vir. Non hai nada certo e nada se sabe. Un quere pechar, en particular pechar esta fórmula, esta inercia, esta poética. Pero sería frívolo ignorar algúns consellos, algunhas recomendacións, algunhas esixencias de quen tamén fixeron blog (este blog), como traslocen as palabras recentes de Fra Vernero e de Igor. O certo é que un blog permite cousas como a que agora emprendo: complementar e compartir o dito noutro lugar, precisalo, abrilo a un público amplo. E Fra Vernero ten toda a razón, a facelo, quéirase ou non, coa autoridade asumida por un xefe de pista, que o problema é que logo se aplica —a autoridade— sobre troianos e tirios, sobre trols e conmilitóns. Xurdio asunto para unha comedia este da autoridade centrípeta do blogger! Velaí outra das obsesións no peche de outubro.

Ben. Acaso pola incapacidade persoal para desentenderme dun certo trobar clus, é inhabitual que o que os medios me atribúen tras algunha intervención pública garde a semellanza prevista co que eu quixen expresar. A culpa (?) que aí haxa só corresponde ao locutor, non se comparte. No simposio da Asociación Galega de Editores, onde atopei voces do blogomillo tan importantes e queridas como as de Cesare, Manuel Gago ou Fran Alonso, falei durante quince minutos escasos nunha mesa redonda que comezou con retraso, prorrogou practicamente até ás 15 h. e á que se incorporou un cuarto participante en principio non previsto, pero con certeza inexcusábel para a aclaración da cartografía coa que nos xogamos a proxección exterior da cultura de noso, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará (por certo, se non representar moito custo, eu cambiaba o de Creación por outro termo —Produción?— ou directamente eliminábao para a vindeira lexislatura e deixaba o rótulo abreviado en DXdeDF; porque dirixir a creación cultural parece indixesto e anacrónico, e estou seguro de que a sensibilidade dos responsábeis actuais do departamento así o recoñecerá). Presentounos co oficio e xenerosidade que son marca da casa o editor Fran Alonso. Con el e Bará estabamos na mesa tamén Helena González, Xabier Cid e un servidor. O público, numerosísimo, como nas intervencións todas desa mañá frienta. O gaiteiro do Obradoiro-Xelmírez, impenitente, ubicuo, eterno. Propoño ao Consello da Cultura Galega que lle pague unha xubilación anticipada e libere o raciocinio dese pentagrama. Vaticino: dentro duns anos algún antropólogo cultural demostrará que o desenvolvemento histórico das tarefas administrativas e dos debates intelectuais e/ou programáticos do CCG estivo profundamente afectado polo martirio gaiteiro, previsto en orixe para guiris ou peregrinaxe, pero incisivo e letal en realidade na res publica da nación, da usc, do concello, da hostelaría vip e da mesma diócese compostelá. Arma de guerra dos nosos inimigos malos esa gaita de diola!
Logo desta anotación rizomática irá outra máis lineal na que, ao fío das sempre fundamentais observacións de Manuel Bragado sobre a proxección exterior do libro galego, incorporarei unha parte do que dixen ou pensaba dicir no Consello da Cultura Galega o pasado xoves 13. É curioso: na presentación de Fran Alonso frivolicei coa morte morrida de Lándoa e agora, sen cálculo preciso e sen temor á contradición que estou a erguer, abro esta memoria de ultratumba. Que Fran, Chateaubriand e a Providencia, todos tres, o disimulen!
[A ilustración para o cartel do V Simposio O Libro e a Lectura. O libro galego no mundo: presente e futuro é de Abraham Carreiro. O deseño gráfico, de Pepe Carreiro]

De quen é un blog?

14 de Novembro de 2008

[…]

ps. Unha resposta de alguén moi experimentado (16 11 2008).