Archive for Agosto, 2009

Enfeite diferencial

31 de Agosto de 2009

 

bernabeu

A día de hoxe un dos lugares e momentos nos que con maior nitidez se concreta en que consiste España desde o punto de vista dos sentimentos primarios paréceme a min que sexa o Estadio Santiago Bernabeu cando o Real Madrid xoga contra os equipos que, en certo imaxinario sólido e amplamente asentado na capital, representan por unha ou outra razón a anti-España. Hai moitos anos que teño a convicción de que ese público é quen mellor interpreta o significado histórico daquelas nacionalidades (tres?) despois baleiradas de diferenza política que os “pais da Constitución” recoñeceron a finais dos anos 70 entre memoria da lexitimidade republicana, os axustes orzamentarios da conxuntura, os sempre complexos encaixes de fueros / huevos con navarros e vascos, o medo á comparecencia militar nalgún entreacto do que non se sabía aínda se ía ser sainete, entremés, traxedia, comedia burguesa ou happening e as ensoñacións neorrománticas de carrete solto alimentadas daquela e aínda hoxe polos cataláns, por unha maioría importante dos cataláns.

Ignoro que pensará sobre o asunto Bautista Álvarez, madridista tan confeso coma discreto (agás subidón incontrolado, seica), pero algo de estimulante hai no momento, triste e non infrecuentemente inxusto en estritos termos futbolísticos, no que o Real Madrid se adianta con algunha carambola raulina no marcador do Bernabeu contra o meu equipo ou contra outros dous moi concretos se falamos da actual nómina de conxuntos da primeira división. Refírome a Deportivo, Barcelona e Athletic Club, claro. Volveu a ocorrer o pasado sábado durante o partido inaugural da liga 2009-2010, Madrid-Dépor. O fenómeno descríbese así: baixo certas circunstancias ambientais de expectativa histórica, tensión hormonal e cálculo infinitesimal, en canto os de branco cobran vantaxe no marcador abrocha en miles de gorxas (pero en moitos miles de gorxas) o cántico que un afastado serán de 1973 percorreu por vez primeira as meninxes ubérrimas de Manolo Escobar & Bros. Si, xusto; ese Y Viva España que todos sabemos de cor tras tanto chute en vea por chiringuitos e festas populares.

Tan reiterado como esta pulsión antropolóxica do estadio de Chamartín (máis vibrante canto máis medo previo pasou o madridismo no partido ou no que agora os necios chaman a previa) é o silencio asociado e case sempre cómplice dos locutores da radio e a televisión públicas (dos privados xa nin falo) encargados da información, o cal conduce a pensar que existan indicacións claras da superioridade sobre a inconveniencia de subliñar ese feito, ese enfeite diferencial co que por pasiva agasalla Madrid, rompeolas machadiano de las Españas, ás “nacións periféricas” do Estado. Porque é claro que o que fan os mexanacamas que pretenden saber de tácticas e que en realidade se limitan a machacarnos con patolóxicos orneos, insensatez cúbica e infantil fachenda expostfactista (do tipo “isto xa o dicía eu no minuto 3 e tal e cal...”) é, no fundamental, interviren como coro da excelencia atribuída aos protagonistas (deportivos, financeiros, mediáticos) de branco. Malia estar afeito un tras tantos anos a esas e a outras regras do xogo non deixa de causar enorme vergonza allea comprobar ano tras ano que nós, os branquiazuis, somos como moito figurantes, ou peor: tenros e dóciles años para a Gran Festa do Sacrificio Merengue. Pero non era dese descaro nin desas feblezas do que hoxe ía falar, certamente.

O que pediría aos meus lectores e lectoras é que colaboren a aclarar que pasa aquí partindo dos seguintes faits accomplis:

1. Ese cántico, o da canción de Escobar, resérvase rigorosamente no Bernabeu para as conxuncións astrais nas que o Madrid se adianta no marcador sobre equipos vascos, galegos ou cataláns (coa excepción do Español). Non se entoa o YVE contra Racing, Sevilla, Getafe ou Valladolid (creo que tampouco tanto contra Osasuna, pero agardarei por carminha-burana-berto-2004información suplementaria). Así, pois, na mellor tradición Hippolyte Taine: raza +  momento + medio + xionllazo do 7 caído no chan = clímax emerxente en forma épico-lírica. Por suposto, estase a falar aquí unicamente do cántico desde as bancadas, pois é certo que o tema de Escobar se pincha por megafonía antes de dar comezo o partido e ás veces tamén no descanso (ignoro se sempre ou se se trata dunha deferencia exclusiva para determinados contrincantes), incluídos neste caso os encontros da selección española. Un inciso: é para este cronista un arcano o regusto do DJ que goberne esas decisións, pois concatena as veces a copla do almeriense con Carl Orff e  con quen faga falta. Aínda que, agora que o penso, pode que o de Orff fose o outro día unha piscadela patriota aos da AVA (Avícola Católica e Azul), sector histórico.

2. O vigor na interpretación de Chamartín gaña en decibelios e bemol duodenal dependendo dunha serie de algoritmos que aínda non son quen de especificar nos que se entremisturan parámetros como a actualidade deportiva, a actualidade política, a situación económica, a posición na táboa clasificatoria, a retentiva renal de cada siareiro, a diferenza conxuntural no marcador (a máis diferenza de goles a favor do Madrid, pero con certo límite, máis gorxas cantando a peza) e o momento estacional.

3. O estro lírico de Escobar aspirou no seu día a integrar en Y Viva España a diferenza rexional con mención explícita (e exclusiva, por certo) de certas marcas identitarias catalás: a sardana e a Costa Brava, nada menos; todo pasado convenientemente polo pasapuré nacional en combinación con estoutros figuremas de neutralización: a Costa do Sol, o fandango, a hidalguía patria e a corrida (de touros).

4. Que clase de historia efectual (Gadamer) conduciu ás masas merengues a esgrimir o himno de Escobar contra a periferia afastándose así do pulo orixinal panhispánico integrador do xenio de El Ejido? Eh? Acaso o feito de non teren alí, na meseta, unha Rianxeira ou cousa similar? Acaso o ritmo inapropiado do chotis? Pero non hai tamén nesa decisión, en medio dela, unha rara contradición consistente en definitiva en recoñecer ao outro como outro nacional? Como diría García-Sabell, cómpre aprofundar.

 

[Arriba, o Bernabeu nun Madrid – Sporting Ciudad. Abaixo, carátula de Berto (2004) en Aduaneiros sem Fronteiras]

 

Dixitopuntura

30 de Agosto de 2009

 

Falouse algo por aquí do uso do furabolos na esfera pública (sobre a súa rendibilidade na esfera privada non é preciso ofrecer detalles). Hoxe sería ben ampliar algo a mirada para atender outros planos. En especial, despois de sabermos que a conselleira de Sanidade dedicou unha parte das súas vacacións de agosto a reler a terceira encíclica de Ratzinger, Caritas in veritate (2009). O cal, como é lóxico, a nós nin nos vai nin nos vén. En todo caso, trátase dun texto que se le en menos dunha hora, polo que cabe imaxinar que Pilar Farjas tería tempo para ler ou reler, ademais, outras pezas teolóxicas ou de literatura fantástica e pode que incluso algún ensaio de certo nivel intelectual.

Ler encíclicas non é un pracer para quen suscribe, pero algunha teño lido. En xeral, as últimas parécenme sobreabundantes de soberbia e prepotencia moral e deficitarias en racionalidade. Nada raro, pensarán as lectoras. Certo, porque as relixións funcionan basicamente como corsés vantaxistas da razón e como correas de control social e político para a administración do que seguen chamando (faino de novo Roma) a verdade.

wojtyla-e-cardenalA primeira fotografía que incorpora esta anotación está na memoria de toda persoa de certa idade. Karol Wojtyla, na súa chegada a Managua en 1983, reprendía publicamente ao ministro de Cultura e sacerdote Ernesto Cardenal á vista de todo o mundo (de todos os televidentes do planeta) pola súa implicación coa revolución sandinista e quen sabe por que motivos máis. En fin, algo si que se sabe sobre esas razóns complementarias. Serían seguramente as mesmas que poucas horas despois proclamou o Papa de Roma nunha misa diante de bastante máis de medio millón de persoas, talvez a terceira parte da poboación de toda Nicaragua. Cardenal ten contado que a idea daquela homilía do Papa polaco era someter desde a autoridade espiritual a revolución en marcha. E resulta evidente que algo diso houbo revisando agora o texto. O caso é que entre o público emerxeu unha resposta firme que incomodou a aquel home visionario vestido de branco: “Poder popular!! Poder popular!!”. Isto berraban os fieis contra as palabras de quen pasou de inmediato a reclamarlles silencio. Non podo evitar asociar estas escenas coas de Ceaucescu en Bucarest tres ou catro días antes de ser fusilado; non, naturalmente, porque as historias sexan paralelas senón polo xeito no que as masas ditan sentencia ás veces dun xeito imprevisto pola dirección de escena.

Joseph Ratzinger di que en Caritas in veritate fixa a doutrina social da igrexa católica. E di tamén algo que coincide en moi alta medida co dito por Wojtyla en Managua. Que quen manda e marca o rumbo en cuestións de fe e de actuación pública dos membros desa igrexa (sacerdotes, congregacións e laicos) é Roma. Pilar Farjas, vese que estimulada por eses principios, pronunciou na Semana de Teoloxía e Pastoral celebrada estes días na Coruña unha conferencia titulada “El compromiso político vivido desde la fe“. Probabelmente, non o sei, puido glosar algúns contidos da encíclica que estudou para preparar a súa conferencia e que leu e releu (isto indica que non ten moita memoria a conselleira de Núñez Feijóo: a encíclica tivo saída pública o día 7 de xullo pasado, de modo que non puideron pasar nin cincuenta días desde a primeira lectura). Contidos como estes, por exemplo, que semellan fulcrais na articulación argumentativa —digámolo, piamente, así— dos 79 apartados da encíclica de Joseph Ratzinger e que aparecen nos puntos 28 e 56 (as reiteradas cursivas pertencen ao propio texto):

28. Uno de los aspectos más destacados del desarrollo actual es la importancia del tema del respeto a la vida, que en modo alguno puede separarse de las cuestiones relacionadas con el desarrollo de los pueblos. Es un aspecto que últimamente está asumiendo cada vez mayor relieve, obligándonos a ampliar el concepto de pobreza y de subdesarrollo a los problemas vinculados con la acogida de la vida, sobre todo donde ésta se ve impedida de diversas formas.

La situación de pobreza no sólo provoca todavía en muchas zonas un alto índice de mortalidad infantil, sino que en varias partes del mundo persisten prácticas de control demográfico por parte de los gobiernos, que con frecuencia difunden la contracepción y llegan incluso a imponer también el aborto. En los países económicamente más desarrollados, las legislaciones contrarias a la vida están muy extendidas y han condicionado ya las costumbres y la praxis, contribuyendo a difundir una mentalidad antinatalista, que muchas veces se trata de transmitir también a otros estados como si fuera un progreso cultural.

 

 

56. La religión cristiana y las otras religiones pueden contribuir al desarrollo solamente si Dios tiene un lugar en la esfera pública, con específica referencia a la dimensión cultural, social, económica y, en particular, política. La doctrina social de la Iglesia ha nacido para reivindicar esa «carta de ciudadanía» de la religión cristiana. La negación del derecho a profesar públicamente la propia religión y a trabajar para que las verdades de la fe inspiren también la vida pública, tiene consecuencias negativas sobre el verdadero desarrollo. La exclusión de la religión del ámbito público, así como, el fundamentalismo religioso por otro lado, impiden el encuentro entre las personas y su colaboración para el progreso de la humanidad. La vida pública se empobrece de motivaciones y la política adquiere un aspecto opresor y agresivo. Se corre el riesgo de que no se respeten los derechos humanos, bien porque se les priva de su fundamento trascendente, bien porque no se reconoce la libertad personal. En el laicismo y en el fundamentalismo se pierde la posibilidad de un diálogo fecundo y de una provechosa colaboración entre la razón y la fe religiosa. La razón necesita siempre ser purificada por la fe, y esto vale también para la razón política, que no debe creerse omnipotente. A su vez, la religión tiene siempre necesidad de ser purificada por la razón para mostrar su auténtico rostro humano. La ruptura de este diálogo comporta un coste muy gravoso para el desarrollo de la humanidad.

De todo o que en Caritas in veritate manifesta Ratzinger, nunha prosa obscenamente tautolóxica alén de manipuladora e falseadora da verdade empírica nalgúns momentos, o máis preocupante parece a determinación coa que se afirma a necesidade de participar Deus (en fin, deus, os deuses e demais postulacións confesionais) na esfera pública. Particularmente na súa dimensión política! Deus na esfera pública no século XXI falando pola voz das xerarquías eclesiásticas e esixindo ser parte nas decisións políticas que afectan á comunidade. Pero de verdade será alemán este home? E Farjas, a Farjas que, por suposto deixando á marxe a súa condición de membro do goberno (como se fará iso?), dixo cousas —en público!!— como que “Es pecado limitar el uso de un elemento de comunicación como la lengua”, será de Teruel ou será de Marte?  Será turolense ou será marciana a máxima responsábel da farjas_pilar_toma_posesion2sanidade pública galega cando di en público que “el ateísmo deja a la gente sin fuerza moral”? Someteranos a dixitopuntura para curarnos, aos ateos? Será obrigatorio vacinarse contra o ateísmo e comungar con rodas tautolóxicas king-size antes de pasar a consulta? Instalará confesionarios nos corredores do antigo Hospital Juan Canalejo? Carafio, ese señor si que tiña forza moral; eh, Farjas! Pasará a noción de “pecado” ao novo estatuto de rexión? Que sei eu, algo deste estilo: “Artigo 1. Galicia, rexionalidade histórica, constitúese en Comunidade Autónoma para acceder ó seu autogoberno, de conformidade coa Constitución Española, o Concordato e co presente Estatutiño, que é a súa norma institucional básica despois do Catecismo”; “Artigo 5. A lingua propia de Galicia é o castelán. Será pecado venial falar galego. Será pecado mortal insistir en falar galego, particularmente fóra de usos folk ou das encherolas do día do patrón cos ancestros rurais”.

Algún día chegará no que a clase de discurso da conselleira de Sanidade perda a escasa lexitimidade que conserva e conleve en consecuencia, pronunciado en voz alta nun lugar público por un responsábel gubernativo, o inmediato cese nas súas funcións (ocorrería xa, por certo, se Farjas fose parroquiana doutras peñas, khariíta p.e.). Iso non acontecerá, con todo, mentres teñan vixencia os acordos de xaneiro de 1979 entre os estados español e vaticano, pero eses papeis, como todo, teñen data de caducidade. Chegará o día. O día no que as diferentes igrexas e confesións “regularicen a súa situación”, por empregarmos nós a frase coa que Wojtyla fixo dixitopuntura no ollo dun xenuflexo poeta de pelo cano nun lugar de Centroamérica en 1983.

 

[Na foto en branco e negro Wojtyla reprende a Ernesto Cardenal en branco e negro no aeroporto de Managua, 1983. Abaixo, en coloríns de entretempo litúrxico, a conselleira Pilar Farjas e a súa perruqueira (esta última in absentia) xuran en 2009 o  cargo no goberno. O que semella crucifixo confesional de ouro na parte inferior esquerda desta fotografía de EFE é en realidade un crucifixo confesional dourado]

E pur si muove

28 de Agosto de 2009

 

hlg1-4

 

Anunciacións

27 de Agosto de 2009

 

  cartelojos

 

 

Ofrécese caspa para escenografía política (convencións, congresos, campañas…). Seca e solta. Útil para ideoloxía de amplo espectro. Preferíbel ao por maior. Tamén detall en cómodo kit-agasallo de empresa para inicio de curso político. Caspa humana autóctona de diversa procedencia xeográfica (Santa Comba, Os Peares, O Salnés, Fonsagrada, Ferrol…). Amplo stock de caspa cosmopolita (Melbourne, Viena, San Francisco, Dubai, El Escorial…). Bo prezo: 99 € / tonelada a do país. Razón: Sr. Rogelio. Tel.: 663991129. Non chamar en horario de sesta.

Primeira liña de monte. Venda ou aluguer de tempada. Seis chabolos adosados con materiais HQ. Construción bastante legal. 28 m2 cada chabolo máis garaxe exterior. Cociña-salita, dous dormitorios amplos, cuarto de baño rústico. Boas comunicacións. Facilidades. Construcións O’Maromo. Irixoa e As Felgosas.

►Locutor deportivo para performance de apoio. Especializado en relatar in situ acontecementos que merecen prosapia e grandilocuencia: primeiras comuñóns, plenos municipais, partidas de mus e outros eventos. Amplo rexistro en timbre, coloratura e sotaque (inclúense variantes Mar del Plata, Nápoles e Setúbal). Máster TKT en Magnificación a Pé de Cama de Acto Erótico-Afectivo para Matrimonios Desmotivados. Emolumentos razoábeis agás extras (dixitación, vestiario ad hoc, amplificación acústica para amolar comunidades…). Chamar en horario de mañá. Atende Marcelo Rancato. Tel.: 611108951.

Intercambio de vivencias. Señora maior con tendencia relativamente controlada á facundia ofrécese a aturar o relato das últimas vacacións familiares a cambio de poder largar logo un par de horas seguidas sen interrupción para queixarse de asuntos diversos tamén de índole familiar. Non se demanda atención especial. Discreción garantida. Razón: 986081763. Preguntar por Salvadora. Abstéñanse bispos e enquisadores de R.

► Chaperos de labranza. Presentámonos suados e en mono de traballo azul. Lugo e Terra Cha. Mobilidade en taxi ou en tractorada (fóra diso, discreción, olor e octanaxe a demanda). Tríos, quintetos, pastoral e dodecafónica. Agro-servizos Pena Furada, Outeiro de Rei.

Alúgase rede de galescolas para produtoras cinematográficas especializadas en gore e torture-porn. Seminova e con boa distribución en toda a rexión. Cada checa dispón de sala de electrochoque, bidés de inmersión lingüística, lote de mandilóns de castigo e fío musical con discografía de adoutrinamento. Chame á Xunta e pregunte por Jesús.

Traspásase Estado por irse das mans e non poder atendelo. Chamar a Tribunal Constitucional en horario laboral (9-11 h. e 12,30-14,25 h.).

► Desexaría coñecer persoas interesadas por este anuncio que aparece hoxe neste blogue. Escribir a Artemio Lándoas, AP-9, 15000 e pico – Aquí.

 

 [Ollos, de Carles Santos, de quen se incorpora, como homenaxe ou tal, unha variación sobre un anuncio seu e do Grup de Treball en La Vanguardia Española (1973)]

 

Tumbas e periódicos vellos

26 de Agosto de 2009

 

tumba-de-shakespeare

Falouse algunha vez por aquí de epitafios. Entre o de Shakespeare e o de Huidobro quedo francamente co primeiro. O do poeta chileno, en Cartagena (Valparaíso), invita aos visitantes a remexer no sepulcro para atopar aló no fondo o mar. Mala cousa, porque hai quen fai unha hermenéutica plana e mete alí os fuciños por descubrir apenas terra. O de Shakespeare, no lugar onde naceu, é algo máis tradicional. Advirte con toda claridade a prosmas e gobernantes (valla a redundancia de ser preciso): largo de aquí, non se vos ocorra mover esta pedra nin tocar un só metacarpiano da osada. Non digo nada disto por Lorca, créase. Nin tampouco non por Castelao, agora que se fan os 25 anos daquel episodio. A razón é ben máis simple. Dei cun xornal vello, de setembro de 2007, no que se fala dos poetas chilenos que quixeron que os enterrasen a carón de praias (algo máis complicado do que poida parecer, tendo á vista o mapa de Chile). Desde hai anos dedico parte de agosto a ler periódicos vellos que non lin no seu día. Non hai motivación ningunha que teña racionalizada, nin para gardalos nin para recuperalos anos despois. Podería andar entre a síndrome de Dióxenes e algunha outra patoloxía da culpa. Que importa. Ou tamén cun sentido peculiar do paso do tempo e do que Filgueira Valverde chamaría “gozo eterno” (unha boa columna xornalística, unha boa reportaxe, unha boa análise…  gózanse moito máis fóra do tempo orixinal, créase; canto á chamada información, tanto ten lela do día como conxelada). O caso é que naquel xornal collido no cuarto dos xornais vellos (un é rico e pode permitirse esta clase de distribución do espazo) falaba diso, de epitafios e de tumbas de escritores. A de Huidobro é fea a rabiar e por iso non a reproducirei aquí. E o seu epitafio non está á altura do que o poeta quixo ser e  acaso foi. A foto de arriba corresponde ao lugar onde quedaron os restos mortais de Shakespeare. Tómase de Flickr. Lese sen maior dificuldade o que o epitafio advirte. Pero advirte máis a sinxeleza da pedra.

 

Coa lúa no couce

25 de Agosto de 2009

 

Hai que sincerarse, por unha vez. Nestes derradeiros días de vacación a un só lle presta baixarse un dixestivo de Bombay Sapphire con Hippolytus, lembrando as ondas de Ortegal, poñer Cadena Cien camiño do híper e ver algunha peli de acción antes de entrar nun longo semicoma.

 

hurtlockerg

 

 

Furabolos

25 de Agosto de 2009

 

blanco-e-hernandez-competindo-cos-dedinhos

A xente do común non o sabe, pero a unidade temática 3 do célebre De Viris Illustribus in the Age of Media (New Haven, Punctum Press, 2001), do consultor e profesor estadounidense Francis Petraccioni, dedica todo un apartado a un tema fundamental na vida pública e na vida empresarial sometida a foco baixo o epígrafe (traduzo) “Como sinalar co furabolos sen parecer imbécil”.

Toda a nosa clase pública, intúo que a través dunha especie de prontuario alegal fotocopiado (tiven oportunidade de ver eses folios), tirado desa biblia da comunicación aplicada á icónica do poder, accede na semana inmediatamente posterior ao seu nomeamento a unha especie de inmersión neses mesteres: un cursiño acelerado e básico para manter diante do público ou perante a masa de votantes unha presenza e unha auctoritas entre viril e estatuaria fundamentada no uso e disfrute do furabolos (apartado 3.2.1., “Razón áurea e angulística do furabolos: entre a verticalidade e os 15º, cunha amoestación sobre a inconveniencia performativa de ultrapasar esa inclinación”).

O dedo estirado serviu tradicionalmente a pintores e escultores como marca diso, da autoridade do patriarca (e ás pombas urbanitas serviulles asemade para pousar na estatuaria civil de porte dixital e defecar alí tranquilamente sobre o espazo público cando a calva do prócer resulta invisitábel para o seu non moi esixente sentido do aseo público). Petraccioni aduce mesmo razóns psicanalíticas de fondo, e baixa a indagar á fase anal dos políticos USA (isto non é difícil en termos de campo), para explicar o que el chama “furor furabólico”, consistente no abuso do aceno e explicado en termos prácticos co caso do gobernador dun pequeno estado da costa atlántica, quen cada vez que intuía o clic dunha cámara experimentaba unha pulsión dixital irreprimíbel, unha incontinencia eréctil do furabolos (digital priapism) que nunha ocasión tivo consecuencias clínicas (nun mitin preelectoral o gobernador aloumiñaba á súa esposa e cativos para as cámaras e entre a falta de práctica real desa proxémica e a hiperabundancia de clics fotográficos acabou metendo compulsivamente o dedo na órbita esquerda da dona e do fillo maior, até o punto de que aquilo semellaba ao final unha peli gore algo desagradábel) e supuxo a fin da carreira pública do político, agora empregado como guía turístico nunha coñecida empresa da Gran Mazá.

Por aquí, na BHR (Blue-Hen Region), un señor que con probabilidade tivo acceso á versión orixinal do libro de Petraccioni é o director xeral dunha caixa de aforros do norte. Faino relativamente ben o tipo, o de estirar o dediño á menor previsión de punctum, acompañando ese xesto adoito cunha elevación do queixo, entre 20 e 35 graos, que minora o papo e acentúa o corte de pelo entre casual e de tipo-en-idade-provecta-que-lanza-a -mensaxe-de-que-puido-vivir-máis-intensamente-do-que-o-fixo-pero-agora-xa-foi.

Hai outros espécimes rexionais, miñasxoias, que aínda non asimilaron plenamente a doutrina Petraccioni. Entre eles, estes dous mandatarios da foto de arriba, un ministro e un conselleiro de obras públicas. Coa pasta que terán e aínda con fotocopias… Ocorreulles esa mañá, con todo, o peor que lle pode ocorrer a un político cando se atopa con outro de signo contrario (descúlpese a falta de precisión ontolóxica). O caso aparece descrito por Petraccioni nun subapartado da unidade temática 3 (o 3.4.5.2) onde se reclama absoluta precaución co rigor dixital en circunstancia de espectacularización agonística, casco incluído. E non é só que a competencia furabólica de signo contrario propenda á anulación fáustica, que si, senón que a xente arredor pois se distrae e non acompaña debidamente a dramatización dese momento pretensamente histórico e a la postre inane. Pode, en casos como o actual, que por estaren todos preocupados pola fotoxenia do casco. Na foto de AI, por exemplo, os adláteres políticos e técnicos diversos das dúas administracións —con colaboración escénica dos poderes locais— confusos polo cruce dixital e a hibridación de auctoritas (nin os galóns distintivos no casco de Blanco, nin a severidade relativa do rictus entre ministerial e chacineiro, nin a superior verticalidade do dedo de seu abondan para desequilibrar a partida), acaban ollando, indebidamente, un panel ministerial do horizonte inmediato que indica o mes e o ano da finalización desas obras do AVE que case todo o mundo chama accesos a Galiza cando é obvio que o que son é accesos á meseta e a Madrid. Por iso sorrín os polos arredor, contribuíndo sen querer, ou querendo, á ridiculización de ambos xefes. Pois nada hai máis patético nesta vida que estender o dedo ou outras partes do corpo do varón ilustre e que ninguén preste atención a esa desmesura iluminada.

 

[O ministro Blanco e o conselleiro Hernández en pugna dixital. Foto de AI en El País, 22 de agosto de 2009]

 

As regras da partida

24 de Agosto de 2009

 

syra-alonso2

Non se trata de trazar parábolas nin de comparar o incomparábel. Pero a casualidade fai que se crucen lecturas e  relecturas que conducen a unha conveniencia. A de precaverse contra a insensatez, ou a inxenuidade, de considerar que o labor de xuíces e maxistrados é puramente técnico. A de non esquecer a condición política da súa actuación, que en momentos como o actual pode mesmo incorporar, na decisión colexiada de expertos presentados á opinión pública simplemente como iso —como un grupo de especialistas altamente cualificados para determinar en sentido técnico se hai axuste ou non o hai entre unha Constitución e un Estatuto de autonomía—, nada menos que o rumbo histórico inmediato dun Estado. De modo que as deliberacións conxuntas e tamén as consideracións máis persoais dos maxistrados do Tribunal Constitucional ao longo dos últimos anos, meses, días, horas… probabelmente garden unha proporcionalidade variábel segundo os casos e os individuos pero, en todo caso, consistirán antes que nunha intervención pericial e experta nunha especie de intento de resolver unha inecuación vinculada a unha álxebra algo estraña na que se combinan máis parámetros dos que un podería imaxinar. Intúese que con algo maior complicación da que a redución nominal conservadores / progresistas (por empregar etiquetas que en realidade significan outra cousa) permitiría sospeitar.

Insisto en que no texto que agora se reproduce son outras as cuestións tratadas, é outra a historia, por moito que, en efecto, todo proveña do mesmo pozo negro que a historia adoito é. Corresponde ao capítulo XVIII do “Diario de Tordoia” dos Diarios de Syra Alonso, na tradución do castelán orixinal ao galego que Anxos Sumai preparou para a colección “Mulleres” da editorial A Nosa Terra no ano 2000. Un libro imprescindíbel, no meu criterio.

Era setembro e era outubro de 1936. Neste fragmento escrito dous anos e medio despois dos acontecementos vividos, Syra Alonso, tras unha semana implorando información no Goberno Civil da Coruña e nos cuarteis de Falanxe e sobre a sorte do seu home, o debuxante e pintor Francisco Miguel, alcanza os datos que lle foran ocultados no cárcere. Dá coa verdade no Xulgado de Carballo, cando un xove xuíz lle presenta unha certificación para asinar:

francisco-miguel-_natureza-morta_1930

Carballo está a trinta quilómetros da Coruña. Vou ata alí acompañada polo meu irmán Fernando e polo doutor Manolo Varela. O coche parou diante dun modesto edificio, hai un pequeno xardín como todos os xardíns destes lugares: xeranios e roseiras e unhas diminutas palmeiras que son o ornato principal destes recantos. É día de feira, pasan soldados, mulleres, rapaciños, anciáns, mozos. Hai moito barullo nas estreitas e empinadas rúas; todo vive, os seres, as plantas, ¡todo menos el!

Entro no xulgado, unha sala espaciosa con esa cheirume a humidade, ese cheiro tan característico de Galiza. Estou diante dun home novo ao que miro desconfiada, aínda que en verdade non lle atopo nada estraño. É un home alto, delgado, cun pálido rostro que iluminan uns escuros ollos de franca e nobre mirada e un afectuoso sorriso cunha marcada expresión de piedade.

Despois de cambiar con el unhas palabras de simples saúdos, vai cara ao armario. As súas mans collen un groso caderno e le con voz un tanto insegura o que hai escrito nel:

“Número 29. Cadáver sen identificar. Cadáver descoñecido, aparecido no punto chamado de Margade, do lugar de Que de Arriba [Queo de Arriba] da parroquia de Bértoa. Un home de trinta a trinta e tres anos, alto, viste traxe gris, camisa branca, xersei color beige, zapatos e calcetíns castaños; todo en bo uso. Ten a cabeza desfeita e tres feridas, unha no ombro esquerdo e dúas no ventre, ao parecer de bala”.

O xuíz fai unha pausa como se desexase poñer punto final á lectura.

¿Francisco Miguel, desposuído no cuartel  da garda civil de toda a súa documentación, pensou talvez en dicirme o derradeiro adeus neste pano de mesa que a noite do 28 lle levara coa cea á prisión?, ¿neste pano de mesa que o xuíz atopou no seu cadáver, suxeito entre o xersei e a camisa cun alfinete? Tremendo de emoción collino entre as miñas mans, bicábano os meus beizos, as vermellas manchas de sangue falábanme da súa morte.

Acabo de ler algo que o xuíz coas súas mans intenta agacharme naquel groso caderno.

Rematamos a lectura, doume conta de que a súa conciencia parece tranquila por terme permitido ler o que a lei lle prohibe, pero o que a súa persoa non admite. Sen embargo, o certificado que veño de ler é substituído polo que segue:

“Número 29. Nome e apelidos: Francisco Miguel Fernández Díaz. Na vila de Carballo, provincia da Coruña, ás dezasete horas e quince minutos do día cinco de outubro de mil novecentos trinta e seis, procédese a inscribir a defunción de Francisco Miguel Fernández Díaz, de trinta e seis anos de idade, natural da Coruña, provincia da Coruña, fillo de don Román e de dona Marcelina, domiciliado na referida cidade da Coruña, de profesión pintor e de estado civil casado con Syra María Alonso Brufau, matrimonio do que deixa tres fillos chamados Francisco Alberto, Xoán Ramón e Sandro de trece, sete e tres anos de idade. Francisco Miguel faleceu dun colapso cardíaco, no punto chamado campo de Margade, do lugar de Que de Arriba da parroquia de Bértoa. Asinan o xuíz e mais as testemuñas”.

 

[Syra Alonso nunha fotografía tomada en Lisboa en 1942. Natureza morta (1930), pintura de Francisco Miguel]

De testadores

23 de Agosto de 2009

 galinas-extremenas-azuis1

 

Testar polos, testar a ideoloxía, testar o mercado, testar o voto, testar a idiocia, testar a baba, testar o espello, testar por testar. Diso vai o test que se xunta, preparado polo CSV. Adecuado para terceiro ciclo de Primaria.

[Máis galiñas azuis,  estremeñas neste caso]

 

Lapidacións en Irán

21 de Agosto de 2009

 

IRAN FRANCE PROTEST

Sakineh Mohammadi é unha muller iraniana condenada por suposto adulterio nun xuízo sen garantías. Amnistía Internacional fai unha chamada á mobilización para impedir a lapidación ditada polo tribunal, pendente neste momento só da resolución dunha Comisión de Indulto na que non cabe depositar excesiva confianza. Pido ás lectoras e lectores deste blog que sumen a súa sinatura á acción promovida por AI. Os prazos son curtos.

Oviparidade e ideoloxía

20 de Agosto de 2009

 

ovos-desideoloxizados1

 

 

Acaban de informarme. O Conselleiro de LibrePensamento e Moita Liberdade ten mentes de promover en setembro, en colaboración coa Consellería de Medio Rural Libre, un novo control de paternidade/maternidade no marco do que el mesmo redenominou antonte Escolas de Redes Infantís (0-3 anos). Prevese un kit de acompañamento entre cuxos elementos se incluirán, como gancho para a participación, packs con media ducia de ovos azuis importados de Chile, unha libreta de aforro infantil de Caja Madrid, unha noveliña de Kundera titulada L’Ignorance e unha rifa para unha viaxe de tres ou catro persoas a Agadez, onde se poderá ver apurando o paso unha exposición itinerante sobre a cultura dos tuaregues ou homes azuis. Coa foto superior hai idea de facer cartaces na entrada das galescolas desinfectadas, seica. A pregunta prevista é: “Cales destes ovos non son ideolóxicos?“. Ignórase a día de hoxe se tamén tomará parte na consulta a SXPL. O que si se sabe é que os resultados do inquérito serán coñecidos con absoluta dilixencia, pode mesmo que antes da celebración da consulta.

ovos-azuis

Escoitar e mirar

20 de Agosto de 2009

 

assessment_workshop

Cando, a finais da primavera pasada, asistín a un dos penúltimos actos literarios nunha algo abafante tardiña compostelá, fun testemuña dun episodio que acaso non sexa tan singular como a min me pareceu aquel día. Na mesa do acto situábanse catro persoas. Dúas delas falaron bastante e o acto demoraba o remate, previsto aproximadamente segundo os cánones para as 21 h. Na sala estabamos unhas vinte persoas, eu na parte central da sala, algo á dereita. Na fila anterior á miña un individuo non moi ben encarado duns cincuenta anos facía acenos que deixaban ver que se sentía incómodo coa duración das peroratas. Ao primeiro con discreción, posteriormente con certo afán de protagonismo. Pero o que desexo relatar aquí é o que ocorreu entre medias. Digamos que eu estaba situado detrás deste señor, nun ángulo duns 255 graos (o equivalente ás 00:43 h. que agora mesmo está a marcar o meu reloxio). Diante do individuo aquel, dúas filas por diante para ser máis exacto (por tanto, tres por diante da miña posición na sala, e desculpen que isto vaia camiño de La Jalousie, pero o detalle é preciso), exactamente na súa vertical,  considerada esta como paralela á parede da dereita, estaba unha muller nova de longa cabeleira negra e fermosa figura. Tardei case media hora en ver o seu rosto desque reparei na súa presenza. De feito só o cheguei a ver con detalle cando abandonou a sala, dez minutos despois de facelo, ás 21:36 h., o individuo que sentaba entre ela e eu. Algo chegaba a percibir da forma da súa orella esquerda, certo é, algo do óvalo facial, pero nada máis ca iso, descontado o movemento delicado dun abano sostido coa man esquerda. En cambio, por estar relativamente libre de público a zona na que todos tres sentaramos, e por ficarmos situados en termos relativos ela e eu no ángulo citado de 255 graos pero máis ou menos ao triplo de distancia existente entre o individuo malhumorado e eu —tamén por facilitalo a clase de cadeiras da sala, que eran como as dos vellos cafés—, o certo é que a liña de visión de talle, van, coxas e nocellos era inmellorábel. Vestía unha blusa branca e unha saia de flores negras. A medida que o acto literario se facía algo pesado reparei en algo insólito. O individuo do bigotiño louro levaba uns minutos gravando co móbil a intervención do terceiro orador (imaxinei que podía ser amigo seu, incluso que podía ser seu pai). De entrada, non prestei maior atención ao que facía por estar eu concentrado nesa altura no cálculo do ritmo co que a moza cambiaba a posiciónpes dos pés, acaso no punto exacto no que o tedio impide deixalos quietos. Entre vintecinco e corenta e tres segundos, calculei. As sandalias eran negras e as unllas estaban pintadas en cor escura tamén, polo menos as do pé esquerdo. No nocello do mesmo lado, caendo ao peito do pé, crin apreciar unha pequena tatuaxe, un motivo ornitolóxico creo, acaso unha rara galinácea de cor turquesa. Nese momento ela moveu a melena cun aceno algo brusco, como se fose xirar o corpo para procurar coa mirada algo situado detrás dela. Acaso eu mesmo, considerei durante nanosegundos. Pero o que quería sinalar, o relevante desta historia, é que xusto en paralelo con ese xesto non completado de ollar ela para a parte posterior da sala o individuo xirou tamén con precipitación o corpo, un corpo, non o dixen antes, vulgar, tanto ou máis que o meu, aínda que conservaba todo o pelo o tipo. En fin, pasou ese instante algo vertixinoso e eu fiquei sorprendido por aquel contrapunto. Faltaban aínda uns dez minutos para que o do bigotiño loiro se levantase e abandonase a sala (cando o fixo, cando se levantou, pensei por un momento que ía dar voces contra alguén da mesa). O caso é que o cabrón do tipo, constateino sen resquicio ningún de dúbida inmediatamente, o que estaba a gravar en realidade era á rapaza, o depravado. Zoom diante zoom atrás percorreu a súa anatomía posterior enteira deténdose onde mellor lle parecía e chegando incluso (podería xuralo) a forzar unha toma a carón despois de simular unha caída das chaves. Eu, a un metro escaso e malia que deixara os lentes na casa, puiden seguir todo o proceso na pantalliña do móbil. De arriba abaixo o langrán, cunha delectación miserábel, particularmente na curva do van e no ombreiro dereito, algo máis descuberto, non tanto na canle que baixo a blusa debuxaban as lumbares, e aí discrepamos. Cando aquel obseso se sentiu satisfeito pechou a rodaxe e se levantou como un lóstrego. O cuarto orador acababa de indicar algo ao parecer relevante e polémico, non prestei atención; os murmurios na sala marcaron certa tensión dialéctica e xusto entón o tipo do bigote, baixote e loiro el, largou con aquel tesouro pixelado deus sabe con que finalidade inconfesábel. Aos dez minutos ergueu tamén a moreniña. Resultou ser de faciana pouco agraciada e de andar torpe, de modo que a descompensación entre isto que sinalo e as proporcións corporais resultaba chamativa á vista, inxusta. Pensei entón no depravado e decidín saír eu tamén antes de acabar o acto. Seguina durante dez ou quince minutos para asegurarme de que non había ren que temer e logo fumei un charuto á saúde da autonomía do campo e dos intelectuais facundos.

O erro Berg

19 de Agosto de 2009

 

kristina-berg1Kristina Berg equivócase facendo o préstamo que fai para a demolición do que foron as galescolas do goberno anterior. Un préstamo por outra banda innecesario, porque o mundo está cheo de galiñas azuis (a da Universidade de Delaware, por exemplo), non sempre asociadas en termos simbólicos ao mesmo que o conselleiro Jesús Vázquez —ignórase se tras inspirarse en Cirlot ou en Eranos, ou ficando só nunha lectura algo perversa, oportunista e cínica do conto de Carlos Casares— atribúe atropeladamente á pita celeste e desideoloxizada. Así que xa temos icona nova para a rede que Vázquez e Mato rescatan do gulag entre lapsus, coñas e desidia estival, con sol moi torero e rojigualdo sobre a nube azul ao fondo do cartaz (por certo, o sea). Documéntase  todo de modo suficiente nestes vídeos da Axencia Galega de Noticias que rexistrarán para a historia, sen deixar espazo á incredulidade de quen veña tras nós, en que consistiu exactamente en fondo e formas este Goberno Feijóo.

Berg non só cedeu aquilo que non se acaba de ver por que motivo é materia de cesión (a diferenza cromática?, a diferenza articulatoria que xa tratou Platón no Crátilo?); que non se acaba de ver fóra dunhas circunstancias socio-culturais como as nosas, claro. Como as nosas postas do revés, patas arriba, dándolle a volta ao escrito por Casares, algo que a estas alturas é evidente que tonifica a libido de quen manda no país. Moi alén da cesión non lucrativa de dereitos, Berg tomou parte no acto gubernativo e acompañou na mesa aos conselleiros Mato e Vázquez, quen, obviamente, utilizaron esa marca (a marca Casares) dun xeito que poderá cualificarse como se queira pero nunca como desinteresado.

A estratexia é, máis unha vez, perceptíbel e barata. Cáptase lexitimidade galeguista (individual, faniliar, institucional…) mediante acordos non descritos nin publicitados, probabelmente tácitos. Deconstrúese, en paralelo e sen rubor ningún, a cerna estruturante do ideario nacionalista, presentando por exemplo a Castelao, diante da súa tumba!, como un rexionalista estetizante. E así sucesivamente por academias, clubes e consellos.

Berg decidiu libremente incorporarse ao traxecto Feijóo, a esa planificación trazada ao milímetro por estrategas que ninguén debe menosprezar na súa capacitación técnica e que case todos sabemos cara onde dirixen a máquina, malia os erros e os despistes concretos dalgúns subalternos no aparato, como os penosísimos na dicción e na formación do conselleiro Vázquez  na súa intervención de onte (a ver o que di a Conferencia Episcopal cando escoite iso de que o obxectivo da Consellería de Educación do Goberno Feijóo é “formar dende o berce a cidadáns librepensadores”, 43-45″ do vídeo ligado; se iso o di noutro tempo o agora vicesecretario da Mesa do Parlamento veriamos a Martínez Camino con escordadura de larinxe terminal) ou outras veces do propio Feijóo, presunto xefe dun goberno obsesionado con muíños de vento.

Kristina Berg, en fin, faría ben en ler o escrito por Damián Villalaín no último A Nosa Terra baixo o título “Piñeiro, Feixóo e o galeguismo“. Na versión impresa do semanario este artigo ocupou enteira a páxina 6 e viña ilustrado precisamente cunha foto na que Piñeiro escoita unha intervención do propio Carlos Casares (a foto pertence ao Arquivo Familiar Casares-Berg). Déixenme concluír co penúltimo parágrafo de Villalaín. Teño a impresión de que vén ao caso:

Se Núñez Feixóo ten algún respeto por Ramón Piñeiro, e eu non quero dubidar de que isto é así, debería ser máis coidadoso á hora de esgrimir o seu nome con finalidades completamente alleas ás causas ás que Piñeiro dedicou toda a súa menesterosa vida. E calquera que coñeza un pouco a obra do de Láncara, sabe que entre esas causas nunca estivo a desprotección da lingua galega nin o bilingüismo harmónico, ese mítico constructo de pai descoñecido por cuxa definición precisa seguimos agardando moitos galegos.

 

[Kristina Berg nunha fotografía tomada por Xoán Carlos Gil na Fundación Carlos Casares en 2008]

Artes de manipular

19 de Agosto de 2009

cage-e-tudor-no-xapon-1962

A foto é de autoría descoñecida. John Cage préstase á brincadeira e atura  a graza de David Tudor (Xapón, 1962). De ser efectivo o golpe de corda as orellas de Cage caerían en pedazos baixo a campá, no chan do santuario.

E algunhas caerían tamén o pasado 5 de agosto polas praias do país  lendo un artigo de Roberto Blanco Valdés sobre un dos seus temas favoritos: a paz dunha sociedade harmónica que só a ideoloxía dos perversos perturba. Oportunista e coordinado como adoito, o catedrático de Dereito que Santiago Rey emprega para dar lustre académico á súa Fundación e ao seu xornal. Para dar lustre e para atordoar coa campá que tanto lle presta repenicar.

Comento o texto neste arquivo en pdf, de novo por animar prácticas análogas e multiplicadas que entren a avaliar o rendemento desta clase de aproximacións sinxelas e pedagóxicas aos usos falaces da razón. Todo texto é interpretábel e toda posición política está sometida ao criterio dos outros, claro. Non hai graos cero en case nada. A un, xa se vai sabendo por aquí, anóxao un pouco a manipulación exercida desde unha certa posición de autoridade (a da academia) ou de poder (o dos medios, o político…) e a redución consecuente de diámetro da esfera pública até afogar as liberdades e os proxectos outros de convivencia social ou de construción identitaria. A idea esta, tan de Blanco Valdés, tan recorrente, tan prosmeira e sectaria de que todos os que non van con el de excursión e entregan premios a Francisco Vázquez son pérfidos, primitivos ou títeres do nacionalismo malo (que é sempre o alleo, o outro, claro está) non por reiterada e ecoica resulta menos insufríbel. E o caso é que este señor pasa o día largando desde o minarete e acusando aos outros de todo iso: de intolerantes, de sectarios, de manipuladores, de censores. 

Por aí, no que se poida, non se pasa neste blogue. Hai que contestar ás agresións na medida en que se poida, por suposto que si. Con constancia contra os que non moven folla. De modo que o combate será longo e, naturalmente, desigual. Isto último por diversas razóns (non todas en beneficio do xurista-ideólogo de LVG). Longo en especial o combate contra quen apelando á democracia e á lei nega a diferenza e postula sen tregua a falsificación e a simplificación da realidade social. E parecerá soberbia (ou candidez, ou dar couces contra o aguillón, ou…) pero estou convencido de que estas cousas pequenas serven para algo. E o silencio disciplinado tamén, por suposto.

Ascender as escalas das esferas

18 de Agosto de 2009

 

luisavillaltaSon palabras nun verso de Luísa Villalta, aínda que lembrarán ao dicilas en voz alta Pitágoras ou Viqueira. Figuran nun libro dedicado a Carlos Paredes en 1997, organizado por Alberto Augusto Miranda e editado polo Departamento Literário da Sociedade Guilherme Cossoul de Lisboa (Edições Tema). Lembreino hoxe, cumpridos cinco anos da morte do guitarrista, ao ler no blogue de Saramago que “aquela música era feita de alvoradas, canto de pássaros anunciando o sol”. Luísa escribira estes versos memorábeis: “Estaba o ar imposíbel tinxido en soños de paxaros / tal era a vontade de ascender as escalas das esferas / axudándonos só do propio timbre / medido contra o eco dos abismos”. Versos sobre Eurídice escritos na Coruña en 1997. Lémbroa agora de chapeu cando xantamos nun bar de San Lázaro o 1 de decembro de 2002, despois da manifestación, moi mollados. Entrara logo cando estabamos nos cafés Helena de Carlos e lembrará o que me dixo sobre Luísa transcorridos uns meses. E lémbroa tamén a Luísa cando nos coordinaba na Área 1 do Foro da Cultura Galega, igualmente en Compostela, entre febreiro e agosto de 2000. Sobre Eurídice e sobre moito máis o seu poema en homenaxe a Carlos Paredes. Como podiamos supoñer que ían falecer o mesmo ano 2004, ela no final do inverno e el catro meses despois, en xullo? Pregunta estúpida, como todas as que facemos en relación co azar. O azar e a morte a voltas, como o sábado en Céltigos, aquela estrada. Algún día, algún día, amigo… E así os outros poemas daquel pequeno libro vermello e gris da Cossoul en memoria do guitarrista de Coimbra. Os de Anna Hatherly, por exemplo. E os de Amadeu Baptista, Egito Gonçalves, Viale Moutinho, Casimiro de Brito, Firmino Mendes, Ana Maria Ferreira, Pepe Cáccamo, Xulio L. Valcárcel, Mário Cláudio, Isabel Aguiar Barcelos, Emanuel Jorge Botelho… O Alberto convidárame tamén a min para a ocasión e enviei ocarlos_paredes poema “O leme (Diálogo lembrado)”, que calquera día recupero aquí e que escribín ouvindo repetidamente Mudar de Vida na guitarra do vello Paredes, enfermo desde 1993. Vida a súa certamente inusual no que afecta á concepción da arte e da súa función ou lugar público, mesmo na consideración do que signifique ser autor e ao tempo ser traballador, empregado, operario. El, por exemplo, nun hospital lisboeta, arquivando placas e informes no servizo de radioloxía. Mudar de Vida leva tamén o ánimo, pero será por outras razóns, aos poemas de Xohana Torres, o que pecha Estacións ao mar, por exemplo (hei de transcribilo outro día;  Manoli entenderá o camiño). E tamén, acaso, o entenda Vicente Araguas, a quen me pareceu ver por Neda ou Glasgow domingo morning na estrada. Camiño el de Xuvia, naturalmente; e nós de Betanzania. Un querería ter tempo, ver Xuvia nas dúas formas que Araguas lle deu e logo contalo con algún detalle. Mudar de vida ou tempo e regresar á Terraza de Sada cunha cervexa na man e Luísa Villalta nas cores todas daquel cristal contra o eco dos abismos.

 

[Luísa Villalta e Carlos Paredes en fotografías de autoría e momento que non podo precisar]

“Chapuzas gallegas”

17 de Agosto de 2009

 

samos-foto-de-xavier-lombardero

A peculiar fruición coa que La Voz de Galicia rotula o espazo informativo “Chapuzas gallegas” desde hai uns anos podería ser un dos motivos secundarios polos que, como empresa xornalística, recibe subvencións que superan o millón de euros anuais nas sucesivas resolucións dunha convocatoria da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia destinada ao enaltecemento patrio ou cousa semellante. O caso é que o artigo 2º da resolución pola que se convocan esas axudas, segundo se le no Diario Oficial de Galicia do 2 de decembro de 2008 baixo o epígrafe “Actuacións subvencionables”, recolle textualmente o seguinte:

 

1. Poderán solicitar as axudas obxecto desta resolución as empresas que publiquen, ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións orientadas a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a difusión da súa cultura. Na súa produción informativa deberá ter un especial protagonismo o idioma galego.

2. As empresas xornalísticas e de radiodifusión que se acollan ás axudas reguladas nesta resolución comprometeranse a: respectar, nas informacións redactadas en castelán, a lingua das declaracións da fonte ou da persoa entrevistada, sempre que as citas sexan transcritas en estilo directo, e a introducir a oferta positiva establecida no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, cando menos na relación xornalística cos representantes cidadáns e cargos de responsabilidade pública. A oferta positiva consiste na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a empresa e a persoa entrevistada.

 

 

A redacción da convocatoria non esixe demasiado, a que non? Con todo, talvez non incorramos no que Umberto Eco chamaría sobreinterpretación de concluírmos que con esa mornísima prosa oficial autoexcluiríanse da posibilidade de recibir cartos para a promoción da lingua galega só os medios dedicados frontalmente e sen tapuxos ao vituperio dese obxecto de promoción: a lingua, a cultura e a identidade galegas.

Desde logo, a sección “Chapuzas gallegas” de LVG —curiosamente iniciada cun jacuzzi na ligazón arriba marcada— non semella moi orientada ao sentido que a Secretaría de Medios di querer promover. Excepción ou categoría este detalle que se apunta? Categoría, xaora! Iso sabémolo todos: os promotores do decreto, as empresas subvencionadas ano tras ano (sen maiores flutuacións segundo pode comprobarse nas asignacións de 2008 comparadas coas actuais de 2009) e nós. Sabémolo todos agás os fiscais, os xuíces, os defensores do pobo e os grupos parlamentarios que non tiran dos fíos do estado de prevaricación no que nos fomos afacendo a vivir. Todo iso que noutra altura histórica se chamou indecencia.

La Voz de Galicia e a inmensa maioría dos outros medios subvencionados por “alentar a defensa da identidade de Galicia” cumpren coa súa misión histórica. E o Goberno paga relixiosamente ese esforzo seu. Cos nosos impostos, naturalmente. Tamén cos teus, lectora, lector. Claro, esa cifra é moi menor en termos relativos. En realidade, os medios reciben moitísimo máis por outras vías, non sempre públicas. Quen ignora isto? Un millón de euros por ano non é nada. Supón pouco máis que dous Audis de Touriño, por así dicilo. Pouco máis que oito Audis de Touriño nunha lexislatura. Cartos para promover o galego e a nosa identidade… Como nas “Chapuzas gallegas”. Suxiro que a foto inmediata que LVG saque nesa sección sexa a da páxina 13.548 do DOG deste ano, esa táboa coa asignación última recibida por eles, tan parangonábel por certo aos bidés e retretes reconvertidos a testo floral (textos, testos, que máis ten…) de calquera locus amoenus rural.

Porque iso si, as chapuzas que saca este xornal a través do cal podemos entender o que efectivamente somos apuntan sempre cara a un feísmo específico, un feísmo de clase. Non urbano, non de recualificación de solos, non de finanzas, non de Vuitton servido en palangana aurífera, non de moqueta. Non. Aquí, nas páxinas do xornal coruñés, o que mola é o cutre. Polo que devecen estes xornalistas nados en Teixeiro, A Laracha, Arzúa ou a Agra do Orzán é polo cutre a escala menor (só a escala moi menor e sempre cun punto de alienación e falsa conciencia). Revísese a serie. Considérese, asemade, a autoría popular desas fotos, a mirada que as alecciona, a educación cívica e estética recibida con esa mirada, a que mece a conciencia de noso desde as páxinas do xornal de referencia no país.

Aprovéitese logo —non evado o outro problema, en todo caso secundario para min— e estabelézase unha consideración antropolóxica (e ecolóxica) sobre o sentido último  das pezas sanitarias reutilizadas como elemento de ornato en hortas e xardíns privados, non necesariamente no sector máis recóndito dos mesmos, o cal resulta tamén significativo. Por que camiño se chegou aí? Por que camiño histórico demos niso? É diferente ese vieiro ao que habilita as vellas potas do caldo para fins análogos? Hai un punto de simple agradecemento polos servizos prestados?, hai un non querer destruír e esquecer senón simplemente xubilar aquilo do que tan preto nos sentimos durante tempo e tempo por vía dixestiva ou epitelial? Hai un factor de xénero nesas decisións? Son os homes ou son as mulleres quen chantan retretes floridos a carón do pozo?

E, xa postos, considérese a chave comparada do asunto. Somos nós os únicos entre os indoeuropeos que o facemos? Esas chapuzas gallegas de LVG son só galegas? Que clase de reminiscencia etno-estética hai detrás? Figurará no Catálogo Aarne de constantes folk? Por que LVG suscita esta exploración xeocultural de xeito tan apaixonado? Sabe algo que nós non saibamos? Que se investigue todo isto, por favor! Que se investigue a fondo. E a propósito de pescudas, nestoutra resolución en DOG do Goberno galego (do anterior, non do monopartito senón do bipartito) poden verse os cartos asignados á investigación básica nas tres universidades galegas, co reparto cuatrienal decidido. Vexan, calculen cantos proxectos de investigación en química orgánica, edafoloxía, inmigración, osteoporose ou acuicultura se poderían soster co millón de euros anuais que LVG recibe por promocionar o galego (a catro anos, 80 proxectos cunha asignación similar á recibida, por exemplo, polo titulado Síntesis de derivados deuterados de la Vitamina D de interés biomédico, que levou segundo o DOG mencionado 50.312€ para o cuatrienio 2008-2011; ou 135 proxectos do tipo do titulado Algoritmos genéticos en problemas de satisfactibilidad: estudio formal y aplicación a answer set programming, que levou un montante de 29.555€ para o mesmo período). Señores, basta xa de imposicións.

 

[Fotografía de Xavier Lombardero tomada na parte de Samos e incorporada á serie “Chapuzas Gallegas” de LVG]

  

 

Isomeracións (v), ou Fiat lux

6 de Agosto de 2009

 

serpente

 

Enerxía. Emerxía. Aboiaba. Aboia. Avoa. Nai. Parto. Reparto. Eólico. Áulico. Áureo. Ouro. Euro. Iure. Facto. Pacto. Acordo. Esperto. Experto. Experiencia. Peritaxe. Portaxe. Porta. Saída. Ostracismo. Arcade. Arcadia. Cadillac. Luxo. Mancho. Limpo. Himpo. Hampa. Amparo. Paro. Abro. Baixo. Corda. Cordial. Bilingüismo. Guarismo. Ismo. Istmo. Península. Ibérica. Iberdrola. Trola. Troia. Crónica. Hepatite. Pathos. Patos. Praia. Ínsula. Barataria. Barata. Cociña. Lume. Incendio. Chuvia. Chove. Piove. Governo. Ladro. Cadela. Candela. Cándida. Balanite. Glande. Testículo. Testemuña. Teste. Edición. Dicción. Voz. Vez. Tirada. Lanzada. Man. Mangado. Mollo. Chove. Piove. Goberno. Cambio. Corto.

 

[Alan Beck, Serpes, 1991]