academiasArchive for the ‘’ Category

O desigual combate

17 de Setembro de 2009

tabernas-11

Seguramente será que non dou aprendido o oficio. O de galego. Ou será que levo sangue das dúas Castelas, de Flandes, de Cataluña e de Cantabria como mínimo, alén dunha proporción (considerábel) de sangue do país, sexa isto o que for. De sangue e do resto de líquidos corporais, claro. Bile incluída. Ou quizais sexa que, como se di agora no xardín Moncloa-Palas, eu xa teño colmadas as miñas aspiracións políticas despois de ser presidente consorte da comunidade de viciños do edificio no que vivo. Razón esta pola que non tería nada que perder, pois nin aspiro a columnista ben pagado nin a insignia de ningunha clase. E ademais os búlgaros cáenme ben. Igual é iso. Igual é que me importan menos que nada a pompa e o carnaval. Igual é que distingo aos que pretenden tumbar a cultura do meu país para proceder logo a facer a autopsia a todos os que confundían o sentido institucional e a dignidade coa sumisión. O cal resta mérito, pode que si, a esta vontade de falar claro polo menos uns minutos ao día. Pero quen falou aquí de méritos?

O combate é desigual. Uns tocan o cornetín de ordes de Sabón con chulería subsidiaria mentres deitan chumbo ardente desde o castelo do seu señor, que aí atrás marcou a toda a tropa a folla de ruta para o curso político 2009-2010 , e outros fan discursos firmes pero abstractos, xustificatorios e nada apostróficos  (por tanto, sen marcar quen é o destinatario coa claridade que o caso reclamaba) nos que malia ficar claro (para algúns, só para algúns) que o que se está a facer é responder ao insulto previo e á tosca e mendaz caricatura reiterada de Roberto Blanco Valdés pois resulta que este nome, o do cornetín, non sae por ningures. Non pido que se mente ao dono, Freixanes, pero si polo menos a quen lle coida a porta e o insultou a vostede e aos seus compañeiros aducindo as máis estrafalarias imaxes e as máis falaces  argumentacións que un soñaría escoitar nunca na boca dun publicista demócrata ou simplemente na dun señor cultivado. E engado algo. O que acabo de indicar non me interesa en absoluto como anécdota: o problema é que me interesa como categoría. Iso é, iso está a ser no meu país a categoría! Ou non nos queremos dar conta?

A partida, seino, xógase case sempre fóra da casa. Eu só digo isto: o espazo público, o logro de alcanzarmos algún día en Galiza unha opinión pública libre, digna e politicamente madura só se concretará se chamamos ás cousas polo seu nome, se declaramos sen veos nin danza a quen estamos a responder cos nosos argumentos e se contraatacamos o bombardeo artilleiro que pretende borrarnos do mapa co calibre proporcionado a esa agresión e sen sordina. Se fai falta, desde outra tribuna, pois hai máis (e censuran menos).

[Rúa Tabernas, na Cidade Vella da Coruña. A foto é de xornalcerto e vén de Flickr]

 

Academias, Consellos, intervención

14 de Setembro de 2009

En relación co asunto das institucións culturais e coa crítica pública que poida merecer a súa intervención perante as graves agresións en materia de política cultural e lingüística do goberno Feijóo, son varias as voces que insisten nas últimas semanas en reclamar que as valoracións se estendan como mínimo ao Consello da Cultura ademais de á Academia. Diría incluso que hai persoas que senten incomodidade se nun momento dado se critica só á Academia e non se sinala nada complementario do mesmo calibre ccg1sobre a outra institución, presidida segundo é sabido pola terceira autoridade do país en termos de protocolo.

 

Do debate, o que máis me interesa é a diferente percepción social que hai das dúas entidades. Creo que a RAG é relativamente coñecida pola xente, talvez —polo menos en certa proporción— por correlación con outros organismos homólogos noutros países. A maior parte dos medios impresos galegos, por exemplo, ao tempo que silencian por ignorancia militante asuntos de entidade incuestionábel anuncian o catarro de tal ou cal académico da Española, non digamos se o pillou paseando por Boiro ou dando unha conferencia en Ourense. En cambio, penso que do CCG só saben as persoas iniciadas en campos artísticos e universitarios específicos. Pode que iso se deba á diferente representación que se lles asigna á RAG e ao CCG desde os medios impresos. O poder sancionador da RAG en materia lingüística é tamén un elemento importante.

 

Sinalo todo o anterior para explicar, xa que se me demanda, un dos motivos polos que sempre interpretei que a forza social e política dunha declaración da RAG era imprescindíbel no contexto actual e que o era desde hai xa meses. Direi máis: estou convencido de que a insistencia das redes sociais tivo bastante que ver no acontecido en Celanova o outro día. En fin, ese é outro asunto. Volvamos ao rego, que é probábel que para moitos lectores resulte polémico. No meu criterio cando se fala de opinión pública e de intervención social, o mesmo que cando se fala de procesos políticos, hai que autoesixirse pragmatismo e polo menos tanta humildade coma firmeza. A día de hoxe, permítaseme sentar algunhas premisas para o que sinalarei logo, non concibo o debate político se non é para modificar o estado das cousas. Deixaron de interesarme as galerías e as conviccións que non integran o movemento de acordo e de pacto entre as forzas políticas que non se ecuacionan coa dereita, co imperialismo, co sometemento confesional, co gran capital e coa impunidade dos poderosos.

 

ragDito o cal, engadirei que entendo francamente anacrónicas institucións nas que rexen principios como os das academias nacionais (e non só existen as da lingua, claro). Síntome particularmente lonxe da idea da pertenza vitalicia a esas entidades, o cal ao mellor non era un dato relevante no século XIX, cheo de poetas tísicos e/ou suicidas, pero que si o é no século XXI. Por suposto, resúltame igualmente antipático o fundamento na cooptación tal como se exerce, algo que comentei aquí outras veces, mesmo ao comezo da xeira como blogger, o que levou a algún colega a inducións algo pintorescas sobre posíbeis apetencias persoais (é bastante doado saber quen as ten: fíxense na súa boca).

 

O mundo cultural galego está bastante marcado por inercias e por xerarquizacións nas que pesa en exceso o factor idade. Nada teño contra as persoas de idade, faltaría máis. Aseguro que máis ben é todo o contrario no que afecta a trato e a respecto. Pero institucións como a RAG, máis aínda en circunstancias como estas tan duras que atravesamos —alén do que de conxuntural poida haber no que materializamos no nome da peste que nos veu enriba pola pésima xestión gubernamental dos tempos políticos na lexislatura anterior (por iso máis que por outras razóns, créase)—, deberían ter outra fortaleza e outra capacidade de aparecer oportunamente e de falar claro.

 

Non pode ser que a idade media dos académicos sexa a que é. As persoas que xa cumpriron unha traxectoria e que superan unha certa idade (que lles parece 80 anos?) deberían ter a xenerosidade intelectual e política de retirarse e deixar paso a individuos de capacidade e cunha formación non menos sólida que a que os académicos actuais poidan atesourar. Na RAG deberían entrar dunha vez persoas de menos de 40 anos. Sobre todo mulleres e sobre todo xente que non proveña da filoloxía, porque xa abonda cos que hai. Os estatutos non poden seguir estigmatizando nin racaneando a retirada de quen desexe dar o paso por problemas de saúde ou polo que sexa. É moito o traballo por facer. Son moitas as batallas que dar e múltiples os escenarios. É imprescindíbel a combinación da experiencia e a do ímpeto e capacitación para entender as coordenadas novas que hai por aí fóra. E o capital intelectual que hai fóra da Academia é extraordinario. Ou alguén ten algunha dúbida ao respecto?

 

O CCG xestiona algo mellor eses parámetros. Ten como é lóxico eivas no funcionamento e na súa constitución orgánica. Posúe, doutra parte, a seguridade orzamentaria que lle garante a súa específica entidade estatutaria, e iso é unha vantaxe enorme na comparativa coa RAG. Eu creo, en fin, que ten outro dinamismo, dígoo con franqueza e creo que sen prexuízos. Alén diso carece do timbre sancionador que a Academia autorreclama como marca filolóxica, prerrogativa algo vetusta e francamente molesta tal como se usa (cando menos para a miña sensibilidade), en especial se quen exerce a autoridade está incapacitado por algún motivo para iso. Non falo da Academia nosa só. Falo de todas. En todas as academias do mundo hai ineptos e hai desleixo. E en todas elas hai persoas que accederon á súa cadeira por razóns inconfesábeis ou por redes de favores debidos. Nos outros sitios tamén, por suposto. Pénsese, sen ir máis lonxe, no que significou o franquismo para esta clase de institucións. E considérese de par diso a lonxevidade dos intelectuais acomodaticios… Son eternos. Só quero indicar que a estas alturas un non concede nada por probado se non se lle proba antes.

 

A cooptación incorpora outra pexa que fai que olle con distancia moral esta clase de institucións, tan rifadas coa representatividade das pluralidades sociais e culturais no mundo actual. Falo do reparto de cotas. É moi complicado entrar nesta especie de clubes se non se forma parte, nalgunha medida, desta ou desoutra sección ou grupo. Non só iso: ás veces, as observacións que aparecen nos debates públicos sobre o que cómpre esixir ás institucións trazan vínculos bastante doados de seguir con militancias, simpatías ou outras proximidades (non se me esixan probas, por favor). Non son tan inxenuo como para pensar que habería lugar no mundo actual para outra clase de reparto do xogo. Só pido que non sexa obrigatorio vendar os ollos. Eu nin sei nin quero facelo.

 

Nada do anterior empece o feito de que un saiba que as academias teñen unha función institucional e uns valores simbólicos que proxectan dinámicas socioculturais de certa entidade performativa; nalgúns casos, políticas e aínda nacionais, no sentido construtivo e postulativo do termo. O que me interesa delas como analista é xustamente iso. Como cidadán, como lector e como blogueiro non me explico por que razón algunhas persoas de valía e con capacidade de mover as cartografías que nos definen acabarán tendo 70 ou 75 anos cando entren por vez primeira coa medalla da Academia sobre o peito no vello edificio da rúa Tabernas.

Educar a un presidente

8 de Setembro de 2009

 

celanova-casa-dos-poetasAnoto con brevidade uns apuntamentos relacionados cos acontecementos recentes de Celanova:

1) Algunhas persoas e institucións, tras unha longa fase de reflexión, tomaron a decisión de asumir as súas responsabilidades. Magnífico.

2) Algúns membros do séquito do presidente puxeron caras mentres escoitaban as “imprudencias” que Xosé R. Barreiro, presidente da Real Academia Galega, dirixía ao presidente da Xunta. Algunha prensa di que amosaban o seu malestar.

3) Algúns medios silenciaron ou ocultaron o acontecido. Outros operaron coa calculada diplopia empresarial que lles é propia. Outros magnificaron o significado do episodio. Por aquí está o combate.

4) Sobre os actos institucionais caben dúas clases de pactos tácitos. Óptase en ocasións por unha neutralización ritual do discurso (a fin de non dicir nada novo e de que todo fique en harmonización sonora). Óptase outras veces por elaborar un discurso de fundamentación incoativa: “propoñémonos facer tal cousa”. O que resulta claramente inapropiado e abusivo é empregar un acto institucional para agredir verbalmente determinadas conviccións e programas, en particular se se presupoñen abrazados por unha maioría do público presente.

5) A terceira opción foi a de Feijóo desque agarrou o temón do poder. Cunha especificidade: fíxoo en contextos moi definidos, os que teñen a ver coa política cultural e lingüística. De modo que nunha serie de actos institucionais de toma de contacto ou de celebración cívica e simbólica fixou como pauta vertebradora das súas intervencións afear en público certos compromisos, certas traxectorias, certos consensos, certas políticas. Feijóo subiuse a si mesmo, ao seu cargo, para rifar e agredir a quen lle petou, basicamente aos que non pensan como el, que en Galiza somos maioría, por certo.

6) O pasmo paralizante e irresponsábel de moitos en actos como os indicados non fixo senón incrementar a autoestima que en xeral padece de forma tan patolóxica coma irrisoria case todo individuo da especie humana que accede a cotas de poder relevantes (isto increméntase exponencialmente en casos de persoas intelectualmente capitidisminuídas e/ou hiperhormonadas, máis aínda se elas mesmas foran conscientes, nalgunha fase previa de mínima lucidez, da súa mediocridade mental e/ou moral; véxase o caso paradigmático de Aznar).

7) Educar ao príncipe posmoderno é de novo tarefa do pobo. Eu, modestamente,  estaba a consolidar entre os meus achegados a que iamos chamar “Columna Levante”, cuxo operativo principal consistiría en acudir a actos oficiais nos que se anunciase a plática de Feijóo ou do seu mariachi mediático-administrativo sobre materia cultural para, en plan bastante Gandhi, coller e erguer un a un de xeito educado e digno á mínima faltada do presidente, como nunha respectuosa procesión de caladiños, pero sen tambor nacional nin cilicio na virilla. É mágoa que Barreiro, nalgunha medida, fane a iniciativa ao activar —por fin— algo que malia todo o que se diga só as institucións son quen de activar. Ou non a fana e podemos seguir coa Columna Levante imaxinando que o exemplo cunde e que toda Galiza se ergue e se vai do salón?

8 ) Señor*s: Dignidade e forza contra a impostura! Sátira e firmeza contra a institucionalización da mendacidade e a alienación campante! Linguaxe contra o orneo! Érganse e ábranse se os insultan ou insultan ao país! Basta de contemporizar coa mediocridade, a falsificación e a angostura mental! Somos o que somos non por Marta Rivera de la Cruz nin polas levitacións de Farjas nin polas cotizacións empresariais (acolá) do conselleiro de Economía!! 

 

[Barreiro e Feijóo no acto de entrega á RAG do XXV Premio Celanova Casa dos Poetas. Fotografía de El Correo Gallego]

 

Loairas

27 de Xuño de 2009

 

 

neves-raseadas2

 

 

Un gran Fito na nosa HC

18 de Maio de 2009

fitopaez

Exacto. Iso foi o que dixo o presidente Barreiro, o da RAG, en relación coa nova etapa que o Temoneiro Feijóo pactou en Láncara con non se sabe quen. O Pacto e Aparición de Láncara! Eis: espéranos, da man do novo goberno do PP, un Fito na Nosa Historia Cultural. Así o dixo Barreiro e así o anuncian as fotos. Da man, digo, porque iremos dela, da súa man provisora e tutelar, sen imposicións. Confiados, ledos e absortos polos camiños da terra mentres no horizonte de Fisterra emerxe ou afunde un grandísimo ovo astral cun 33% inscrito na casca. Non se sabe de que. Pero todos ficamos unxidos, acaso untados, pola idea da pax lingüística, pola idea do pacto que deixa fóra a Gloria e o seu mariachi.

Virá logo por fin Fito Páez ao Xacobeo 2010? Pasou o tempo das rancheiras no Monte do Gozo? Iso ten que ser!!

E se non se trata diso, que tal se empezan a tratarnos a todas e a todos como cidadáns libres, maiores de idade, dotados dunha intelixencia (emocional) como mínimo parangonábel coa súa propia de seu? Que tal se contan algo do que se coceu (ou fritiu, ou pasou na grella) ao longo dos últimos dez días? Que tal se nos asubían os nomes e os cargos que pactaron e de que andrómenas consideran estar seguros nas institucións chamadas a Raxoi? E, en fin, sen ánimo de amolar, que tal se nos permiten, non só aos 63.929 da manifestación de onte, a reserva da dúbida en relación co que Feijóo promete e compromete? Somos parvos… todos?

[O Fito de Láncara]

Insuficiente

11 de Maio de 2009

Insuficiente, señor Presidente. Algo é algo, pero resulta escaso e sobre todo semella transferir a agresión a unha especie de entidade escura, innominada, allea a nós. Cando non. O oitavo pasaxeiro está aquí. Témolo na nave. E ten nome. Evite, pois, o pronome impersoal e repita comigo: Vostedes, inimigos da lingua…! E logo engada o que preferir, segundo criterio propio ou, mellor, segundo a pertinente análise e unha declaración colexiada da totalidade dos membros da Academia. Porque, reitero algo repetido neste foro, debe ser a Academia quen fale. Enteira, íntegra. Co rigor e a solemnidade que o caso demanda. Tendo as leis e a historia, non os sentimentos agora, por referencia. A xente precisa esa intervención. E a vostedes non lles quedan moitas oportunidades máis para falar. Isto, o que Feijóo pretende activar en conivencia con outras segundas persoas de plural que tamén hai que aprender a verbalizar, vai moi en serio. Non hai espazo para a frivolidade nin para a inacción. Moito menos para algunha clase de temor contábel.

[Xosé R. Barreiro, presidente da Academia Galega. Fotografía de Amador Lorenzo, hoxe en Xornal de Galicia]

1 comentario perdido no proceso de mudanza

Anónimo disse…
Quen di a RAG, di USC. Habería que ver canta xente está disposta a arriscar algo polo idioma en vez de llelo esixir aos demais.
13-05-2009 0:23

 

A Academia debe falar

29 de Abril de 2009

Tras o anuncio que o presidente Feijóo vén de facer nunha cadea de radio e o que nela e noutros medios se avanza de xeito algo máis que oficioso sobre a súa decisión de lanzar de inmediato a temida ofensiva contra a Lei de Normalización Lingüística e as normas que a desenvolven e que amparan os dereitos lingüísticos dos galegos, a Academia Galega ten o deber impostergábel de falar, ten a obriga política (no máis nobre sentido desta nobre palabra) de intervir. Debe facelo antes de que sexa tarde e de que os feitos consumen unha situación sen volta. Ten que facelo porque así llo demanda o artigo 1 dos seus vixentes Estatutos, onde se recolle que o seu obxectivo fundamental como institución consiste na “ilustración, defensa e promoción do idioma galego”.
[Manuel Murguía, primeiro presidente da Real Academia Galega]

ps. Brétemas: “Feijoo no labirinto” (01 05 2009).

Ledo e a heteroimaxe

8 de Febreiro de 2009

Teño falado aquí dos ritmos da Academia, dos usos da cooptación e da opinión que iso me merece. Hoxe saúdo a entrada de Margarita Ledo polo que representa en relación coas pautas aquelas. A Academia prima sempre unha liña de tradición nas súas escollas e iso seguramente é consubstancial ao seu estrito marco institucional. Pero hai que recoñecer que con Ledo entran algunhas notas novas. Baixará algunha centésima a media de idade dos académicos (asunto serio, créase) pero sobre todo supón abrir algo máis a casa para a entrada de aires non filolóxicos. Un non ten nada contra a filoloxía se esta é consciente das súas forzas e méritos, do que representa na sociedade actual. Ora, se intervén desde a impostación anacrónica e a imposición dun discurso lento, como fai adoito, entón si que convén abandonar a posición do loto. Así, Ledo representa prestar atención a outras chaves: ao fílmico, á fotografía e á visualidade, aos imaxinarios, ao xornalístico. Iso ademais do feito de ser muller (a quinta na Academia) e á marxe da literatura, por suposto. Na medida na que isto último sexa relevante na súa traxectoria, que o é, en particular no eido da narrativa.

Interesoume o que declarou o outro día sobre a conveniencia de sabermos administrar a nosa heteroimaxe fóra. Incidirmos na imaxe que os demais teñen de nós e que, certamente, depende nunha proporción non doada de estabelecer dos desequilibrios e impugnacións que nós saibamos e desexemos introducir nos paveros e ríxidos estereotipos que nos definen na mirada do outro. No que a min respecta, son testemuña de que a día de hoxe nós, por exemplo, somos en xeral bastante máis claros e decididos que os que nos xulgan indecisos. Xestionar determinados asuntos axuda a velo claro. Somos máis directos que outros habitantes da península ou do continente. Asegúroo.
A imaxe do peirao e a emigración, de Manuel Ferrol, dicía Ledo que non podía seguir constituíndo a tarxeta de visita dos galegos no mundo. Iso crin entender. Eu apúntome a esa idea. A todo o que supoña dinamizar a autoimaxe e a heteroimaxe. Xestionarmos a heteroimaxe, a imaxe que os outros concretan sobre nós, é unha tarefa que importa. Nunca se controla totalmente esa ficción pactada e consensuada en procesos de longa duración histórica, pero o problema comeza a ser serio cando nós mesmos aceptamos e cremos como verídica unha imaxe que se nalgunha altura puido ter algo de validez agora mesmo carece de sentido e de precisión. Iso é sen dúbida o peor que teñen os estereotipos. Non que falseen a realidade, que tamén. Falo fundamentalmente da súa renuncia, por definición, ao axuste, á dialéctica do tempo, ao cambio.

[Margarita Ledo Andión nunha fotografía tomada do soportal AVG]

inPOSTados (3)

6 de Outubro de 2008

“Paréceme que a cultura galega, ata agora, non soubo proxectarse verdadeiramente no exterior. Non abonda con que se fagan traducións de obras galegas a outras linguas, nin con que se creen lectorados no estranxeiro, nin con que se fagan expedicións a Cuba para gastar os cartos en mojitos. Por exemplo, o caso Steiner nunca debera ter ocorrido de termos feito o mesmo que fixeron en Cataluña. Pois ben puidemos ter con alguén de tanta relevancia intelectual atencións semellantes ás que alí se lle renderon”. [Xosé Luís Franco Grande, 2008]

Non dou creto a que isto, nin a maior parte do que arrodea a isto, o escriba (e o escriba tan mal) un académico da RAG. Non dou creto.

Antoloxía consultada 1936

5 de Outubro de 2008

Saúdo emocionado a edición, por parte de Xesús Alonso Montero e Ana Acuña, dos materiais básicos que Xosé Filgueira Valverde xuntou a partir de 1935 para conmemorar o centenario de Rosalía de Castro cunha antoloxía consultada da poesía daquel tempo culturalmente glorioso, o da Segunda República. A riqueza informativa do volume e o propio proxecto de Filgueira, próximo a outros coevos noutras literaturas, demandan a maior atención lectora e constitúen un reclamo para calquera investigador interesado por aquela conxuntura histórico-cultural. O volume, coeditado polo Museo de Pontevedra e a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales supera as 300 páxinas e incorpora respostas e (en case todos os casos) obra de trinta e dous poetas entre Eladio Rodríguez e Xosé María Álvarez Blázquez, pasando por Otero Pedrayo, Antón Zapata, Cunqueiro, Carballo Calero, Celso Emilio e outros nomes fundamentais daquel tempo. Todos de varóns, por certo.

O que haxa de exactitude na noción non sempre clara de “antoloxía consultada” aplicada ao proxecto de Filgueira Valverde ou ao de Fernández del Riego en 1955 é asunto para outro marco. A ausencia de diálogo, frecuente por aquí, entre o que se publica e o xa publicado a propósito do mesmo asunto cerra vías de debate e fai que algúns, só algúns, os menos preclaros, deban rebobinar e rebobinar carretes para complementar o traballo sen dúbida preciso e encomiábel de investigadores ou publicistas. Cousas das academias (reais, republicanas, nacional-populares…), quen o dubida? Por certo, ao fío deste xúbilo, case experimenta un a curiosidade por saber quen viría despois dos 26 poetas da Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000, publicada por TrisTram en 2003, 712 páxinas, e que, obsérvese, incluía tamén ela a produción de Álvaro Cunqueiro.

Cooptación e esperanza de vida

16 de Setembro de 2008

No plano institucional, é unha cuestión grave. Por fortuna, a esperanza de vida experimenta modificacións á alza. Faino sen tregua e iso afecta a todo o mundo. En particular, ao mundo acomodado. En que sentido toca iso ás academias, aos consellos nos que non existe un límite de idade para o exercicio dun compromiso executivo e de intervención política e cultural? As circunstancias de excepcionalidade non interesan aquí. Fálase só de aritmética, de medias, de modas estatísticas. Fálase de eficacia social, non de vaidades nin de lexitimacións. E fálase tamén da exclusión. I saw the best minds of my generation e das seguintes facendo roteiros literarios.