actitudes sociaisArchive for the ‘’ Category

“Chapuzas gallegas”

17 de Agosto de 2009

 

samos-foto-de-xavier-lombardero

A peculiar fruición coa que La Voz de Galicia rotula o espazo informativo “Chapuzas gallegas” desde hai uns anos podería ser un dos motivos secundarios polos que, como empresa xornalística, recibe subvencións que superan o millón de euros anuais nas sucesivas resolucións dunha convocatoria da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia destinada ao enaltecemento patrio ou cousa semellante. O caso é que o artigo 2º da resolución pola que se convocan esas axudas, segundo se le no Diario Oficial de Galicia do 2 de decembro de 2008 baixo o epígrafe “Actuacións subvencionables”, recolle textualmente o seguinte:

 

1. Poderán solicitar as axudas obxecto desta resolución as empresas que publiquen, ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións orientadas a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a difusión da súa cultura. Na súa produción informativa deberá ter un especial protagonismo o idioma galego.

2. As empresas xornalísticas e de radiodifusión que se acollan ás axudas reguladas nesta resolución comprometeranse a: respectar, nas informacións redactadas en castelán, a lingua das declaracións da fonte ou da persoa entrevistada, sempre que as citas sexan transcritas en estilo directo, e a introducir a oferta positiva establecida no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, cando menos na relación xornalística cos representantes cidadáns e cargos de responsabilidade pública. A oferta positiva consiste na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a empresa e a persoa entrevistada.

 

 

A redacción da convocatoria non esixe demasiado, a que non? Con todo, talvez non incorramos no que Umberto Eco chamaría sobreinterpretación de concluírmos que con esa mornísima prosa oficial autoexcluiríanse da posibilidade de recibir cartos para a promoción da lingua galega só os medios dedicados frontalmente e sen tapuxos ao vituperio dese obxecto de promoción: a lingua, a cultura e a identidade galegas.

Desde logo, a sección “Chapuzas gallegas” de LVG —curiosamente iniciada cun jacuzzi na ligazón arriba marcada— non semella moi orientada ao sentido que a Secretaría de Medios di querer promover. Excepción ou categoría este detalle que se apunta? Categoría, xaora! Iso sabémolo todos: os promotores do decreto, as empresas subvencionadas ano tras ano (sen maiores flutuacións segundo pode comprobarse nas asignacións de 2008 comparadas coas actuais de 2009) e nós. Sabémolo todos agás os fiscais, os xuíces, os defensores do pobo e os grupos parlamentarios que non tiran dos fíos do estado de prevaricación no que nos fomos afacendo a vivir. Todo iso que noutra altura histórica se chamou indecencia.

La Voz de Galicia e a inmensa maioría dos outros medios subvencionados por “alentar a defensa da identidade de Galicia” cumpren coa súa misión histórica. E o Goberno paga relixiosamente ese esforzo seu. Cos nosos impostos, naturalmente. Tamén cos teus, lectora, lector. Claro, esa cifra é moi menor en termos relativos. En realidade, os medios reciben moitísimo máis por outras vías, non sempre públicas. Quen ignora isto? Un millón de euros por ano non é nada. Supón pouco máis que dous Audis de Touriño, por así dicilo. Pouco máis que oito Audis de Touriño nunha lexislatura. Cartos para promover o galego e a nosa identidade… Como nas “Chapuzas gallegas”. Suxiro que a foto inmediata que LVG saque nesa sección sexa a da páxina 13.548 do DOG deste ano, esa táboa coa asignación última recibida por eles, tan parangonábel por certo aos bidés e retretes reconvertidos a testo floral (textos, testos, que máis ten…) de calquera locus amoenus rural.

Porque iso si, as chapuzas que saca este xornal a través do cal podemos entender o que efectivamente somos apuntan sempre cara a un feísmo específico, un feísmo de clase. Non urbano, non de recualificación de solos, non de finanzas, non de Vuitton servido en palangana aurífera, non de moqueta. Non. Aquí, nas páxinas do xornal coruñés, o que mola é o cutre. Polo que devecen estes xornalistas nados en Teixeiro, A Laracha, Arzúa ou a Agra do Orzán é polo cutre a escala menor (só a escala moi menor e sempre cun punto de alienación e falsa conciencia). Revísese a serie. Considérese, asemade, a autoría popular desas fotos, a mirada que as alecciona, a educación cívica e estética recibida con esa mirada, a que mece a conciencia de noso desde as páxinas do xornal de referencia no país.

Aprovéitese logo —non evado o outro problema, en todo caso secundario para min— e estabelézase unha consideración antropolóxica (e ecolóxica) sobre o sentido último  das pezas sanitarias reutilizadas como elemento de ornato en hortas e xardíns privados, non necesariamente no sector máis recóndito dos mesmos, o cal resulta tamén significativo. Por que camiño se chegou aí? Por que camiño histórico demos niso? É diferente ese vieiro ao que habilita as vellas potas do caldo para fins análogos? Hai un punto de simple agradecemento polos servizos prestados?, hai un non querer destruír e esquecer senón simplemente xubilar aquilo do que tan preto nos sentimos durante tempo e tempo por vía dixestiva ou epitelial? Hai un factor de xénero nesas decisións? Son os homes ou son as mulleres quen chantan retretes floridos a carón do pozo?

E, xa postos, considérese a chave comparada do asunto. Somos nós os únicos entre os indoeuropeos que o facemos? Esas chapuzas gallegas de LVG son só galegas? Que clase de reminiscencia etno-estética hai detrás? Figurará no Catálogo Aarne de constantes folk? Por que LVG suscita esta exploración xeocultural de xeito tan apaixonado? Sabe algo que nós non saibamos? Que se investigue todo isto, por favor! Que se investigue a fondo. E a propósito de pescudas, nestoutra resolución en DOG do Goberno galego (do anterior, non do monopartito senón do bipartito) poden verse os cartos asignados á investigación básica nas tres universidades galegas, co reparto cuatrienal decidido. Vexan, calculen cantos proxectos de investigación en química orgánica, edafoloxía, inmigración, osteoporose ou acuicultura se poderían soster co millón de euros anuais que LVG recibe por promocionar o galego (a catro anos, 80 proxectos cunha asignación similar á recibida, por exemplo, polo titulado Síntesis de derivados deuterados de la Vitamina D de interés biomédico, que levou segundo o DOG mencionado 50.312€ para o cuatrienio 2008-2011; ou 135 proxectos do tipo do titulado Algoritmos genéticos en problemas de satisfactibilidad: estudio formal y aplicación a answer set programming, que levou un montante de 29.555€ para o mesmo período). Señores, basta xa de imposicións.

 

[Fotografía de Xavier Lombardero tomada na parte de Samos e incorporada á serie “Chapuzas Gallegas” de LVG]

  

 

Vidas oclusivas, vidas fricativas

16 de Xuño de 2009

nena_daconte-he_perdido_los_zapatos-frontal

Anótoo para exploralo como dialéctica outro día. Hoxe só iso. Algo ocorreu entre Miguel de Unamuno e Nena Daconte, no tempo transcorrido; algo ocorreu que ten un correlato na ciencia fonolóxica, nesa abstracción da oclusión e da fricación, previa á teorización sobre o continuum larínxeo-alveolar e á emerxencia da idea de caos. Fonosimbolismo tamén nos eidos que abren entre filósofo e dúo. E onomancia, pois non pode ser o mesmo chamarse Pepe que chamarse Fifí, chamarse Tata que chamarse Fofó ou Fofito, aínda que este último hipocorístico atempera a fricatividade no xiro derradeiro de seu. Nomes oclusivos malia as aparencias (Unamuno) e nomes fricativos malia o propio (Daconte). Poéticas oclusivas e poéticas fricativas? Claro! No campo da poesía hispánica Unamuno andaría polos penedos aqueles da oclusión encabalgante e Nena Daconte andarían polas chairas esoutras dos estanques e dos parques temáticos, fricativos eles (fricativa sobre todo ela na redución articulatoria que remite a unha minoría de idade declamatoria, sentimental e intelectual, propiciatoria no imaxinario patriarcal de cazas e capturas —supóñase un Pondal pola parte de Neaño— no límite do estupro), si, fricativos eles na dicción e no pensamento, insisto, como un demorado flato oral, nasal, vaxinal. Anal non, anal non. Un flato emitido empero como crítica da linguaxe. E como apoteose do ripio (“tardamos mucho en no volver / a ver la luz del sol nacer”, onde o eneasílabo se alcanza como sexa, faltaría plus).  Compróbese, compróbese se non se me outorgar creto. En termos puramente empíricos e comparados. Primeiro este “El Aleph” (2009) do dúo omnipresente, co vídeo de autor (J.A. Bayona)  e a inconsistencia dos vellos conceptos a derrubarse con feitura plástica desde as alturas hermenéuticas  de tellados ou as baixuras metamórficas de patio urbano, entre kubricko e gadameriano todo, con palabras rotas (“corazón” – “razón”, e logo “compartir” – “partir”, “sentimiento” – “miento”, “ilusión”, ¡”pareja” – “reja”!, “confianza” —mágoa perder aí o xogo que tería dado “fianza” de tirar algo máis da corda, coa isotopía aquela do préstamo hipotecario, euríbor e tal— e, en fin, pero non ao final senón polo medio, ¡¡”sentido”!!…, que clímax conciliatorio e diexético o de sentido meu-deus!). E de contado, todos quietos, o contrapunto: un soneto de Unamuno, un soneto mal composto que non sei ben por que sempre me amolou un chisco. Que mente, Unamuno!, ese prodixio de facer el crítica aos postestruturalistas e á posmodernidade antes de existir nada semellante ao estruturalismo ou a Barthes, nin en Salamanca nin en Fuerteventura nin en París. Todo iso nos catorce versos do soneto en cuestión. Antes, escóitese e véxase, se se quer, Nena Daconte, que fan da corda e da fricatividade ontolóxica alegorese e sostén da súa poética enteira, segundo se preanuncia xa na foto que arriba incorporo, non sei se carátula tamén nin penso comprobalo:

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/qFg9OVEGUIg" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

[Por se alguén bloquear o acceso, que temo que si, clíquese neste punto e váiase acolá: http://www.youtube.com/watch?v=qFg9OVEGUIg]

Velaquí agora o soneto de Unamuno, “Don Juan de las ideas”, da serie “De nuevo en casa” de Rosario de sonetos líricos (1911), escrito en Salamanca no outono premoriente e encabalgante de 1910, cen anos antes de Nena Daconte fricativizarnos a todas horas cerebelo e linguaxe mentres a AP-9 transcorre no parabrisas e afoga o tempo, oclusivo ou polo menos africado, con este pó quente que vén do Sahara, seica:

Don Juan de las ideas que cortejas

todas las teorías, libertino

del pensamiento, eterno peregrino

del ansia de saber, sé que te quejas

 

de hastío de inquirir y que aconsejas

a los mozos que dejen el camino

de la ciencia y encierren su destino

de la santa ignorancia tras las rejas.

 

No amor a la verdad, sino lujuria

intelectual fue siempre el alimento

de tu mente, lo que te dio esa furia

 

de perseguir a la razón violento,

mas ella se vengó de tal injuria

haciendo estéril a tu pensamiento.

 

 

 

Homofobia e xustiza

24 de Febreiro de 2009


Mal día o martes de entroido para un galego tomar posesión como ministro de Xustiza, pero hai cousas peores. Como a do xurado popular vigués que botou man da vella e abominábel apelación ao “pánico sexual” para absolver ao individuo que en 2006 asasinou dúas persoas por medo insuperábel a ser violado por elas. O xurado popular, en cambio, valorou como delictivo o incendio posterior da vivenda na que moraban as vítimas (acto destinado polo agresor á eliminación de probas). Porque morto o can acabada a raiba, supoño que pensarían os sete membros do xurado que entenderon de xeito tan peculiar a “defensa propia”. Mañá mércores hai unha concentración na Praza do Toural de Compostela ás 20 h. convocada polos colectivos LGBT contra a homofobia. Entendo que Caamaño está convidado.

[A fotografía tómase da web da federación Aturuxo]

J’accuse no jacuzzi

12 de Febreiro de 2009

Seguir falando do fracaso da convocatoria de Galicia Bilingüe é un erro. Talvez teña algún sentido táctico ou emocional facelo. O problema é chegar a crelo.

Un indicio de que non hai tal fracaso é o xeito no que algúns reaccionaron estes días a todo o proceso que conduciu até a manifestación do pasado domingo en Compostela. Galicia Bilingüe e a conexión que representa con UPyD, o partido de Rosa Díez, e outras plataformas conservadoras ou fascistoides da súa trastenda non fracasan desde o momento no que están forzando tomas de posición e declaracións de terceiros para delimitar un espazo ideolóxico e mediático de cara ás eleccións do 1 de marzo. Non fracasan desde o momento en que acollen significadas adhesións por parte de responsábeis políticos e cargos públicos do PP. Porque é evidente que a cuestión ten unha dimensión que transcende ao debate sobre o modelo lingüístico da educación ou da vida pública. Isto é innegábel. Que noutra zona do ángulo parlamentario e do reparto de poder, dirixentes políticos como José Blanco cheguen a sentir a necesidade táctica de lanzar unha mensaxe de rebelión (sic) contra a imposición de falar galego é un indicio do que se sinala.

Pero moito máis relevante que todo iso é a manobra manifestaria de Santiago Rey no seu xornal, ese “Yo protesto” que na edición dixital de La Voz de Galicia abriu páxina durante nada menos que catro días e que agora mesmo segue sendo accesíbel nunha posición menos destacada da web. Rey, co soporte dalgunhas persoas do mundo empresarial e profesional coruñés, dun catedrático de Dereito Constitucional da USC e dun intelectual, asumiu en realidade co seu manifesto, en forma e fondo, as posicións de Galicia Bilingüe e todo o cinismo social que vai no seu guiñol. Fixo coincidir ademais a publicación dese texto coa celebración da manifestación do pasado domingo, como querendo subliñar unha concordancia de fondo e unha empatía coas consignas. Imaxino que os membros de GB estarán moi satisfeitos con ese apoio.

Trátase dun erro de colosais dimensións nunha persoa da súa traxectoria empresarial e política. Un erro de análise e un erro estratéxico, acaso derivados dunha inquietude puramente contábel e conxuntural. Pero ante todo, e isto é o único que desexo destacar hoxe aquí, estamos perante un desafío á sociedade civil galega e á legalidade. Un desafío que se dirixe de modo especial ao campo da cultura galega. Unha declaración pública desa entidade, no que é estritamente o plano lingüístico-cultural que incorpora, non debera quedar sen resposta social nin, atención!, resposta institucional. Non se pode amosar conivencia nin fraqueza moral con esta clase de asuntos. Non se deben rir estas supostas grazas a quen paga ou convida. As institucións están para algo e é perentorio que cumpran co seu deber. Como tales institucións, loxicamente. Porque non estamos diante das reflexións dun columnista calquera un día calquera. Estamos diante doutra cousa moi distinta.

[Fotografía da manifestación de Galicia Bilingüe o 8 de febreiro en Compostela. Tomada da páxina web da asociación]

In dubio morreo

16 de Xaneiro de 2009

A antropóloga panameña Gladys Block publica no último número de Sociological Papers Today o traballo “In dubio morreo: No-sound of kisses”, no que repasa o tópico cinematográfico “beixo-por-silencio” e en particular a incidencia nos comportamentos sociais de tan socorrido imaxinema fílmico. En definitiva, o tránsito entre o visual e o mundo da vida dese pulo tantas veces contemplado nas pantallas que move a un individuo a romper o discurso doutro (mesmo o seu parrafeo dubitativo no transo de declarar algo complicado, acaso amor) cun beixo máis ou menos semiotizado como paixón. Un beixo, de porparte, largacío, inacabábel ás veces, de xeito que o espectador resulta conducido nese instante a un ricto de varia lección que só a escuridade da sala exculpa. Certamente, son numerosos os tics visuais do movemento osculario de procedencia fílmica que traspasan as nosas vidas e afectan as prácticas sociais. Quen non sorprendeu, dobrando a rúa nun solpor de abril, unha parella bicándose no momento exacto no que un dos partícipes no intercambio de salivación (habitualmente, pero non sempre, un de sexo feminino) ergue nun ángulo de 60-95º (dependendo do índice de masa corporal) a perna esquerda? Quen non foi testemuña, no momento dun acceso labial igualmente sorprendido, dunha especie de imposición de man branca sobre caluga bruna, trasunto a miúdo dunha dialéctica produtiva, malia furtiva, do ficcionalizado encontro inter-clases? Fílmica toda esa linguaxe, lexicalizado ese habitus. Dalgún xeito, amortizado mesmo como pragmatema sentimental.

O que me resulta máis enigmático do expediente Block, aplicado por certo ao grupo de idade 16-39 na zona do estado de Utah non dominada por confesións erorrelixiosas que comezan por M, é a procedencia do lema latino que emprega no título do seu paper, pois até agora considerábao eu restrinxido á zona (ampla) de Mieres. Foi precisamente un mierense, amigo do Gran Arume, quen na transición, dominado por un certo desarranxo ideolóxico-hormonal, activou o formulario e argumentario in dubio morreo, entón cun sentido eminentemente práctico ou, como diría Heidegger, pro-xectivo. Ontes, nunha reunión de colegas, alguén puxo no meu maxín xuvenil esa pauta, orixinando na reunión un pathos admirativo non exento de sorpresa, pois con frecuencia consideramos que os compañeiros de traballo son persoas de vida ordenada. Ca! Ao César o que é do César. E a Asturias o que de alí procede. Só falta agora que a señora Block revele se naquela hora, early oitentas, moraba ela en Mieres.

[Breznev e Honecker suspenden un joc-partit sobre materialismo histórico e proceden. Na instantánea apréciase o Gestus 2 dos acima mencionados. Aliás, Igor Kolodronovich, testemuña presencial dese ósculo histórico e fontaneiro durante quinquenios na nomenklatura moscovita, tenme comentado en privado que no instante exacto captado pola cámara (Gestus 1, punctum 3) Honecker erguía a perna esquerda, 45º aprox. Hollywood omnipotente ]

Topoloxía

25 de Decembro de 2008

Talvez por unha indixestión orixinada polo moito que nos últimos tres meses se falou da proxección exterior da cultura galega, empezan a agromar discursos, públicos e en particular privados, que aconsellan a reversión do esforzo e do gasto orzamentario asociado nun sentido diferente. Persoas de bo siso, capacitadas para a análise cultural e política, levan algunhas semanas falando de que o que aquí se precisa de verdade é unha boa “proxección interior”.

Madia a ten! O perigo da consigna (que vén de vello) é que esquece unha cuestión capital: a proxección exterior dunha cultura é tamén, pode que ante todo, proxección interior (por prestixio, por igualación con outras políticas, por concorrencia no mercado internacional, polo intercambio de ideas, por esa dialéctica do oreo que tan ben viría…).

Por que se pensa que a dereita non fixo nada en relación con todo iso nos interminábeis anos do seu control? Fraga Iribarne, Pérez Varela (que viña do que viña e entrou para o que entrou) e moitos máis arredor deles xogaron ese xogo e instauraron esas regras sabendo moi ben o que facían: folclorizar, rexionalizar, limitar as tensións ás posicións controlábeis, avanzar no clientelismo tamén na cultura. Reducir e paralizar, en suma.

A proxección interior (rede de bibliotecas, clubes de lectura, institucionalización e planificación, convenios coas librarías para que non escondan certos libros) non abonda. É imprescindíbel, pero non abonda. A proxección exterior da cultura non presupón detraer nada da proxección interior. Ou pode que algo si, pero só no arranque dos motores porque despois eses orzamentos revertirían multiplicados cara adentro en valores simbólicos e en valor comercial. En presenza, en definitiva.

A proxección interior e a proxección exterior corresponden a unha mesma e única estratexia. Tan difícil é entendelo?

[Carátula da película de Frank Oz In & Out (1997)]

Estatística e solución

24 de Outubro de 2008


As estatísticas reforçam as nossas seguranças. Pelo menos as minhas e as daquele herói da estória que, um dia, nos idos anos oitenta do século XX, enviei ao saudoso matemático Professor Luís Albuquerque, por conhecer as suas predilecções no género —tempos depois ele confessava-me deliciar-se a recontá-la: determinado passageiro frequente tinha um medo horrível de andar de avião por causa das bombas (era o tempo da sua proliferação a bordo), mas acreditava muito em estatísticas. Foi por isso consultar um especialista sobre as probabilidades de ir uma nun avião que tomasse. A resposta não o tranquilizou. As ditas não eram nada desprezíveis. E duas bombas? Aí, o homem das estatísticas acalmou-o: praticamente nenhuma. Tende para zero. Então dali em diante ele passou sempre a viajar com uma bomba na mala.

[Onésimo Teotónio Almeida, “Estoria pouco original do medo”, do libro Aventuras de um nabogador & Outras estórias-em-sanduíche. Lisboa: Bertrand Editora, 2007]

Un Zelig íntimo

16 de Outubro de 2008

Tenmo contado varias veces AA. E será por incredulidade propia ou por exceso de convicción súa que nunca acabei de asimilalo. Razón pola que o contarei mal. Pero antes, unha reflexión: nas vellas barberías (pode que aínda nas novas, malia xa non chamarse así), sobre todo cando neno, un experimentaba perante o espello a incómoda sensación de ser a vangarda do universo todo, unha vangarda que contaba como asistente primeiro co barbeiro e que adoito se continuaba, antes de saír fóra daquel recinto-mundo e daquelas liturxias, na tribo de clientes a esperar, vellos, outros nenos acompañados ás veces das nais e, en certos días ou a certas horas, homes aínda en idade laboral. Un nunca noutro momento da vida infantil experimentaba tanta responsabilidade nin tanto temor a non estar ao nivel esperado para o primeiro ser humano a este lado do espello.

Fóra de metafísicas, raro era que se dese unha comunicación privada co barbeiro. Simulábase apenas. E simulábase asemade a representación desa privacidade inexistente, en particular a partir do momento en que un deixaba de ser neno e pasaba a ter patillas e opinión. De maneira que había público, creábase ese público no acto de cortar o pelo a un tipo non impúber. Así é que nada do que o barbeiro dixese quedaría unicamente entre el e ti a partir de certa idade. E todos, absolutamente todos, coñecían ao barbeiro —as suas opinións e actos— igual ou mellor que ao pai. Por certo, falando de pais, o meu, cando morreu o seu vello barbeiro e non deu atopado outro ao que acudir despreocupado de resultados estéticos nin de ren e se metía en consecuencia na primeira barbería que atopaba sen xente, o meu, digo, sabedor da tendencia irreprimíbel á facundia no sector, empezou a contestar por sistema á impertinente pregunta “como quere que llo corte?” cun sinxelo “calado!”.

Ao conto. En Tal, nos 60 ou nos 70, houbo un barbeiro que deshabilitaba aquela convención da privacidade representada, aquela metapragmática tribal. Fulminábaa con naturalidade plena e á vista da clientela toda. Pasaba o seguinte e o barbeiro, que o coñecía de sempre e non tiña máis ca un corte posíbel no catálogo e sobre iso non había nada que falar, lonxe de interesarse polo absurdo da moda inquiría simplemente dúas, tres, como moito catro cousas, relativas estritamente ao asunto conversacional e para ir pechando alternativas até dar, como diría Ortega, co escorzo. Abría así: Fútbol? Mulleres? Touros? Festas?… Naquela altura os barbeiros aínda non disertaban sobre Lacan nin sobre a capa de ozono, nin tampouco de política extra-municipal, de maneira que a cousa paraba por aí. O cliente respondía as dúas, tres sílabas, como quen introduce unha moeda. E case sempre respondía “Fútbol!”. Entón, de xeito mecánico, mentres as tesouras ou o maquinillo calugueiro comezaban xa coa rapa, o barbeiro inquiría: Madrid? Athleti? Sevilla? Celta? E o tipo sometido xa ao ritmo sacrificial contestaba o que lle petaba. E listo, porque o resto consistía basicamente en asentir mentres abaixaba o queixo ou escoraba á esquerda as cervicais.

Até aquí nada especial, dirase. Ben. O caso é que o barbeiro de Tal asimilaba e somatizaba en décimas de segundo esa información e tras esas tres/catro preguntas tipo test verbalizaba un discurso barbeiro perfectamente adecuado ao caso e cohesivo cos gustos da cabeza que tiña entre as mans. Adecuado non en sentido temático (iso faino calquera) senón desde o punto de vista persoal daquela cabeza, daquel suxeito paciente. De modo que se o cliente era do Athleti, cousa común naqueles anos, o barbeiro comezaba a cantar, como unha gramola, as excelencias épicas de Iríbar, Orue, Arieta ou Uriarte e todo o resto. Durante dez ou quince minutos, dependendo do pelame. Se a selección ía sobre mulleres da talla tal, pois o mesmo. As festas de Cambados? As mellores. El Viti? Un fenómeno.

Cumprido o rito e aseado o cliente cambiaba xa logo tamén a opinión. Á vista de toda a xente.

inPOSTados (3)

6 de Outubro de 2008

“Paréceme que a cultura galega, ata agora, non soubo proxectarse verdadeiramente no exterior. Non abonda con que se fagan traducións de obras galegas a outras linguas, nin con que se creen lectorados no estranxeiro, nin con que se fagan expedicións a Cuba para gastar os cartos en mojitos. Por exemplo, o caso Steiner nunca debera ter ocorrido de termos feito o mesmo que fixeron en Cataluña. Pois ben puidemos ter con alguén de tanta relevancia intelectual atencións semellantes ás que alí se lle renderon”. [Xosé Luís Franco Grande, 2008]

Non dou creto a que isto, nin a maior parte do que arrodea a isto, o escriba (e o escriba tan mal) un académico da RAG. Non dou creto.

Inmunidade ao resentimento

30 de Setembro de 2008

Calculo que como pouco dous terzos das columnas de opinión publicadas entre 1925 e 1927 por Rafael Dieste como analista político e sociocultural da realidade galega conservan vixencia. Parte daquela produción foi escolmada no mesmo ano da morte do autor, 1981, no volume Antre a terra e o ceo (Ediciós do Castro). Sináloo non por apuntar un carácter visionario senón porque o dato demostra a lentitude dos cambios sociais.

Esta naveta nova, que imos rotular “Diesteana”, ábrese con mención dun artigo de maio de 1927 referido de xeito principal aos políticos do país, pero en realidade válido para calquera persoa con proxección pública no ámbito galego.

O novo estilo que por aqueles anos demandaba Dieste debía superar un lastre antropolóxico e social serio e moi pesado. Naquela primavera de 1927, pouco antes de cesar como columnista en El Pueblo Gallego e de emprender moi outros rumbos persoais, o xornalista arelaba algo aparentemente sinxelo: a irrupción esperanzadora no espazo público de persoas inmunes ao resentimento. Reclamaba esa actitude para o exercicio dun servizo civil eficaz e, no sentido nobre do termo, patriótico. En boa medida, nesas seguimos.