actualidade política galegaArchive for the ‘’ Category

Academias, Consellos, intervención

14 de Setembro de 2009

En relación co asunto das institucións culturais e coa crítica pública que poida merecer a súa intervención perante as graves agresións en materia de política cultural e lingüística do goberno Feijóo, son varias as voces que insisten nas últimas semanas en reclamar que as valoracións se estendan como mínimo ao Consello da Cultura ademais de á Academia. Diría incluso que hai persoas que senten incomodidade se nun momento dado se critica só á Academia e non se sinala nada complementario do mesmo calibre ccg1sobre a outra institución, presidida segundo é sabido pola terceira autoridade do país en termos de protocolo.

 

Do debate, o que máis me interesa é a diferente percepción social que hai das dúas entidades. Creo que a RAG é relativamente coñecida pola xente, talvez —polo menos en certa proporción— por correlación con outros organismos homólogos noutros países. A maior parte dos medios impresos galegos, por exemplo, ao tempo que silencian por ignorancia militante asuntos de entidade incuestionábel anuncian o catarro de tal ou cal académico da Española, non digamos se o pillou paseando por Boiro ou dando unha conferencia en Ourense. En cambio, penso que do CCG só saben as persoas iniciadas en campos artísticos e universitarios específicos. Pode que iso se deba á diferente representación que se lles asigna á RAG e ao CCG desde os medios impresos. O poder sancionador da RAG en materia lingüística é tamén un elemento importante.

 

Sinalo todo o anterior para explicar, xa que se me demanda, un dos motivos polos que sempre interpretei que a forza social e política dunha declaración da RAG era imprescindíbel no contexto actual e que o era desde hai xa meses. Direi máis: estou convencido de que a insistencia das redes sociais tivo bastante que ver no acontecido en Celanova o outro día. En fin, ese é outro asunto. Volvamos ao rego, que é probábel que para moitos lectores resulte polémico. No meu criterio cando se fala de opinión pública e de intervención social, o mesmo que cando se fala de procesos políticos, hai que autoesixirse pragmatismo e polo menos tanta humildade coma firmeza. A día de hoxe, permítaseme sentar algunhas premisas para o que sinalarei logo, non concibo o debate político se non é para modificar o estado das cousas. Deixaron de interesarme as galerías e as conviccións que non integran o movemento de acordo e de pacto entre as forzas políticas que non se ecuacionan coa dereita, co imperialismo, co sometemento confesional, co gran capital e coa impunidade dos poderosos.

 

ragDito o cal, engadirei que entendo francamente anacrónicas institucións nas que rexen principios como os das academias nacionais (e non só existen as da lingua, claro). Síntome particularmente lonxe da idea da pertenza vitalicia a esas entidades, o cal ao mellor non era un dato relevante no século XIX, cheo de poetas tísicos e/ou suicidas, pero que si o é no século XXI. Por suposto, resúltame igualmente antipático o fundamento na cooptación tal como se exerce, algo que comentei aquí outras veces, mesmo ao comezo da xeira como blogger, o que levou a algún colega a inducións algo pintorescas sobre posíbeis apetencias persoais (é bastante doado saber quen as ten: fíxense na súa boca).

 

O mundo cultural galego está bastante marcado por inercias e por xerarquizacións nas que pesa en exceso o factor idade. Nada teño contra as persoas de idade, faltaría máis. Aseguro que máis ben é todo o contrario no que afecta a trato e a respecto. Pero institucións como a RAG, máis aínda en circunstancias como estas tan duras que atravesamos —alén do que de conxuntural poida haber no que materializamos no nome da peste que nos veu enriba pola pésima xestión gubernamental dos tempos políticos na lexislatura anterior (por iso máis que por outras razóns, créase)—, deberían ter outra fortaleza e outra capacidade de aparecer oportunamente e de falar claro.

 

Non pode ser que a idade media dos académicos sexa a que é. As persoas que xa cumpriron unha traxectoria e que superan unha certa idade (que lles parece 80 anos?) deberían ter a xenerosidade intelectual e política de retirarse e deixar paso a individuos de capacidade e cunha formación non menos sólida que a que os académicos actuais poidan atesourar. Na RAG deberían entrar dunha vez persoas de menos de 40 anos. Sobre todo mulleres e sobre todo xente que non proveña da filoloxía, porque xa abonda cos que hai. Os estatutos non poden seguir estigmatizando nin racaneando a retirada de quen desexe dar o paso por problemas de saúde ou polo que sexa. É moito o traballo por facer. Son moitas as batallas que dar e múltiples os escenarios. É imprescindíbel a combinación da experiencia e a do ímpeto e capacitación para entender as coordenadas novas que hai por aí fóra. E o capital intelectual que hai fóra da Academia é extraordinario. Ou alguén ten algunha dúbida ao respecto?

 

O CCG xestiona algo mellor eses parámetros. Ten como é lóxico eivas no funcionamento e na súa constitución orgánica. Posúe, doutra parte, a seguridade orzamentaria que lle garante a súa específica entidade estatutaria, e iso é unha vantaxe enorme na comparativa coa RAG. Eu creo, en fin, que ten outro dinamismo, dígoo con franqueza e creo que sen prexuízos. Alén diso carece do timbre sancionador que a Academia autorreclama como marca filolóxica, prerrogativa algo vetusta e francamente molesta tal como se usa (cando menos para a miña sensibilidade), en especial se quen exerce a autoridade está incapacitado por algún motivo para iso. Non falo da Academia nosa só. Falo de todas. En todas as academias do mundo hai ineptos e hai desleixo. E en todas elas hai persoas que accederon á súa cadeira por razóns inconfesábeis ou por redes de favores debidos. Nos outros sitios tamén, por suposto. Pénsese, sen ir máis lonxe, no que significou o franquismo para esta clase de institucións. E considérese de par diso a lonxevidade dos intelectuais acomodaticios… Son eternos. Só quero indicar que a estas alturas un non concede nada por probado se non se lle proba antes.

 

A cooptación incorpora outra pexa que fai que olle con distancia moral esta clase de institucións, tan rifadas coa representatividade das pluralidades sociais e culturais no mundo actual. Falo do reparto de cotas. É moi complicado entrar nesta especie de clubes se non se forma parte, nalgunha medida, desta ou desoutra sección ou grupo. Non só iso: ás veces, as observacións que aparecen nos debates públicos sobre o que cómpre esixir ás institucións trazan vínculos bastante doados de seguir con militancias, simpatías ou outras proximidades (non se me esixan probas, por favor). Non son tan inxenuo como para pensar que habería lugar no mundo actual para outra clase de reparto do xogo. Só pido que non sexa obrigatorio vendar os ollos. Eu nin sei nin quero facelo.

 

Nada do anterior empece o feito de que un saiba que as academias teñen unha función institucional e uns valores simbólicos que proxectan dinámicas socioculturais de certa entidade performativa; nalgúns casos, políticas e aínda nacionais, no sentido construtivo e postulativo do termo. O que me interesa delas como analista é xustamente iso. Como cidadán, como lector e como blogueiro non me explico por que razón algunhas persoas de valía e con capacidade de mover as cartografías que nos definen acabarán tendo 70 ou 75 anos cando entren por vez primeira coa medalla da Academia sobre o peito no vello edificio da rúa Tabernas.

Tremelica o poleiro azul

10 de Setembro de 2009

 

vazquez-vs-aymerich

Tremelica. Logo cabalgamos.

Orabén, hai algo que non se entende. Algúns deputados da oposición retaron ao conselleiro Vázquez a dar os nomes dos altos cargos do bipartito que envían aos seus fillos ou fillas a escolas privadas con separación escolar por sexos. A maioría dos deputados fixeron cuestión diso e doutras miudezas que son estritamente anecdóticas e pertencen á vida privada das persoas e das familias.

A cuestión evidentemente non era esa. Con independencia de que poida existir falta de coherencia entre a posición política pública e a escolla persoal nun ámbito tan decisivo como este da opción polo ensino público ou polo ensino privado, tan a miúdo confesional. Con independencia de que optar (este, aquela, esoutro) polo ensino privado presupoña sempre unha aposta por enfraquecer o ensino público, por restarlle financiamento, por contribuír a un reparto inxusto das cargas fiscais e moito pero moito máis…

Pero a cuestión non era esa, reitéroo. Mais unha vez, o nivel dialéctico e político dos parlamentarios galegos quedou en evidencia. A cuestión é estoutra, señores e señoras deputados: como é que o máximo responsábel da educación no país dispón para uso propio dunha lista de pais /nais que fan uso dun dereito recoñecido polas leis? E tamén esta segunda: Como é que este señor se permite usar esa información como argumento político e a publicidade deses datos como ameaza en sede parlamentaria? Pero non o ven? 

As listas, en todo caso. Unha vella tradición da caverna. O bo é que cabalgar cabalgamos. Case todos.

 

[Na foto de hoxe en El País, Negreira intenta calmar, entre cadeiras azuis, o ardor desideoloxizado a apolítico do conselleiro Jesús Vázquez]

Educar a un presidente

8 de Setembro de 2009

 

celanova-casa-dos-poetasAnoto con brevidade uns apuntamentos relacionados cos acontecementos recentes de Celanova:

1) Algunhas persoas e institucións, tras unha longa fase de reflexión, tomaron a decisión de asumir as súas responsabilidades. Magnífico.

2) Algúns membros do séquito do presidente puxeron caras mentres escoitaban as “imprudencias” que Xosé R. Barreiro, presidente da Real Academia Galega, dirixía ao presidente da Xunta. Algunha prensa di que amosaban o seu malestar.

3) Algúns medios silenciaron ou ocultaron o acontecido. Outros operaron coa calculada diplopia empresarial que lles é propia. Outros magnificaron o significado do episodio. Por aquí está o combate.

4) Sobre os actos institucionais caben dúas clases de pactos tácitos. Óptase en ocasións por unha neutralización ritual do discurso (a fin de non dicir nada novo e de que todo fique en harmonización sonora). Óptase outras veces por elaborar un discurso de fundamentación incoativa: “propoñémonos facer tal cousa”. O que resulta claramente inapropiado e abusivo é empregar un acto institucional para agredir verbalmente determinadas conviccións e programas, en particular se se presupoñen abrazados por unha maioría do público presente.

5) A terceira opción foi a de Feijóo desque agarrou o temón do poder. Cunha especificidade: fíxoo en contextos moi definidos, os que teñen a ver coa política cultural e lingüística. De modo que nunha serie de actos institucionais de toma de contacto ou de celebración cívica e simbólica fixou como pauta vertebradora das súas intervencións afear en público certos compromisos, certas traxectorias, certos consensos, certas políticas. Feijóo subiuse a si mesmo, ao seu cargo, para rifar e agredir a quen lle petou, basicamente aos que non pensan como el, que en Galiza somos maioría, por certo.

6) O pasmo paralizante e irresponsábel de moitos en actos como os indicados non fixo senón incrementar a autoestima que en xeral padece de forma tan patolóxica coma irrisoria case todo individuo da especie humana que accede a cotas de poder relevantes (isto increméntase exponencialmente en casos de persoas intelectualmente capitidisminuídas e/ou hiperhormonadas, máis aínda se elas mesmas foran conscientes, nalgunha fase previa de mínima lucidez, da súa mediocridade mental e/ou moral; véxase o caso paradigmático de Aznar).

7) Educar ao príncipe posmoderno é de novo tarefa do pobo. Eu, modestamente,  estaba a consolidar entre os meus achegados a que iamos chamar “Columna Levante”, cuxo operativo principal consistiría en acudir a actos oficiais nos que se anunciase a plática de Feijóo ou do seu mariachi mediático-administrativo sobre materia cultural para, en plan bastante Gandhi, coller e erguer un a un de xeito educado e digno á mínima faltada do presidente, como nunha respectuosa procesión de caladiños, pero sen tambor nacional nin cilicio na virilla. É mágoa que Barreiro, nalgunha medida, fane a iniciativa ao activar —por fin— algo que malia todo o que se diga só as institucións son quen de activar. Ou non a fana e podemos seguir coa Columna Levante imaxinando que o exemplo cunde e que toda Galiza se ergue e se vai do salón?

8 ) Señor*s: Dignidade e forza contra a impostura! Sátira e firmeza contra a institucionalización da mendacidade e a alienación campante! Linguaxe contra o orneo! Érganse e ábranse se os insultan ou insultan ao país! Basta de contemporizar coa mediocridade, a falsificación e a angostura mental! Somos o que somos non por Marta Rivera de la Cruz nin polas levitacións de Farjas nin polas cotizacións empresariais (acolá) do conselleiro de Economía!! 

 

[Barreiro e Feijóo no acto de entrega á RAG do XXV Premio Celanova Casa dos Poetas. Fotografía de El Correo Gallego]

 

Buridán

6 de Setembro de 2009

 

manuel-vazquez

“Nadie quiere que le impongas un idioma, pero tampoco que ataques a tu lengua. Esa es la combinación de la que no sabe salir”. Iso di hoxe nunha entrevista Manuel Vázquez, secretario xeral do PSdeG, en relación co que o goberno Feijóo está a facer en materia de lingua e, de paso, en relación co que, seica, o BNG concretou na lexislatura anterior como modelo lingüístico co que eles, os ditos socialistas galegos, tiveron que apandar. Tamén di que o seu partido non ten nada que ver co nacionalismo (non di con que nacionalismo exactamente). E di que quere meter paixón na vida política e que van reforzarse porque saben que cousas fixeron mal e daquela van gañar e non sei que do modelo vasco e outros apuntamentos de literatura fantástica.

Quedemos co primeiro: deixando á marxe o que presupón aceptar inscribirse sumisamente no léxico do contrincante político (imposición e outros raros tigmotropismos en procura da medra gorda), deixando asemade á marxe o vaivén de indefinidos e posesivos (malia o cal a mensaxe fica clara), o que di Vázquez… que é?

Iso, que é o que di Vázquez en relación coa lingua hoxe en El País? Haberá alguén que o saiba? Por axudar no paradoxo, procedo á mirepoix:

1) Unha cousa é “un idioma” e outra cousa é “tu lengua”.

2) Hai idiomas que se impoñen e hai linguas atacadas.

3) O idioma que se impón ten que ser por definición alleo, nunca o propio. Pois non se pode impoñer o que xa é propio dun.

4) “Tu lengua” significa a túa lingua; nunca, por definición, outra allea.

5) Daquela que? En que morea xantamos, Pachi? Áteme esa mosca polo rabo, ho.

 

[Manuel Vázquez, líder do PSdeG, na foto de Andrés Fraga que incorpora a entrevista de El País de hoxe]

 

Gran Baamonde

5 de Setembro de 2009

 

anton-baamondeUn excelente Baamonde onte no País. Nesa descrición que compara formas de chegar e traxectorias de arranque dos primeiros cen días dos gobernos bipartito (PSdeG e BNG) e monopartito (PP) e na entrevista a Carlos Mella, no mesmo medio o mesmo día, fican retratadas boa parte das condicións e das expectativas que configuran a realidade na que estamos, a realidade que somos en termos políticos e económicos. Velas, non velas…, querer telas presentes ou non para chegarmos a ter a posibilidade de modificar o futuro inmediato de Galiza é outro asunto.

Como en todo, a estratexia das linguaxes é capital. E, como sempre, hai quen o ten asumido no código xenético e hai quen segue a confiar na evidencia da razón ou do amor/compromiso como algo que se enuncia de seu. Non é así. Por iso a dereita manexa sempre tan ben os tempos, con tanto proveito propio. Fala e sobre todo fai e desfai desde o primeiro minuto do partido.

Acerta Antón Baamonde cando suxire que a marca goberno é algo que se xestiona e se rexistra como tal marca neses cen ou cento cincuenta días que en xeral hai tendencia a considerar de cálculo e instalación. O bipartito tenteou e tenteou, inactuou perante o espello, dubidando que roupa poñer para saír a escena. Tanto que chegou á fin da lexislatura e decidiu entón mover pezas de xeito precipitado e imprudente, quizais por rexistrar a marca que antes non fora quen de rexistrar, ou para modificar a que sabía que quedara no imaxinario mediático e social do país: non outra que a do espello fronte ao espello.

Os tempos políticos. Niso non hai dúbida: hai moito que aprender. Indicios de que se asuma esta verdade de caixón na esquerda nosa? Até o día de hoxe, ningún. 

[Na foto, Antón Baamonde]

Dixitopuntura

30 de Agosto de 2009

 

Falouse algo por aquí do uso do furabolos na esfera pública (sobre a súa rendibilidade na esfera privada non é preciso ofrecer detalles). Hoxe sería ben ampliar algo a mirada para atender outros planos. En especial, despois de sabermos que a conselleira de Sanidade dedicou unha parte das súas vacacións de agosto a reler a terceira encíclica de Ratzinger, Caritas in veritate (2009). O cal, como é lóxico, a nós nin nos vai nin nos vén. En todo caso, trátase dun texto que se le en menos dunha hora, polo que cabe imaxinar que Pilar Farjas tería tempo para ler ou reler, ademais, outras pezas teolóxicas ou de literatura fantástica e pode que incluso algún ensaio de certo nivel intelectual.

Ler encíclicas non é un pracer para quen suscribe, pero algunha teño lido. En xeral, as últimas parécenme sobreabundantes de soberbia e prepotencia moral e deficitarias en racionalidade. Nada raro, pensarán as lectoras. Certo, porque as relixións funcionan basicamente como corsés vantaxistas da razón e como correas de control social e político para a administración do que seguen chamando (faino de novo Roma) a verdade.

wojtyla-e-cardenalA primeira fotografía que incorpora esta anotación está na memoria de toda persoa de certa idade. Karol Wojtyla, na súa chegada a Managua en 1983, reprendía publicamente ao ministro de Cultura e sacerdote Ernesto Cardenal á vista de todo o mundo (de todos os televidentes do planeta) pola súa implicación coa revolución sandinista e quen sabe por que motivos máis. En fin, algo si que se sabe sobre esas razóns complementarias. Serían seguramente as mesmas que poucas horas despois proclamou o Papa de Roma nunha misa diante de bastante máis de medio millón de persoas, talvez a terceira parte da poboación de toda Nicaragua. Cardenal ten contado que a idea daquela homilía do Papa polaco era someter desde a autoridade espiritual a revolución en marcha. E resulta evidente que algo diso houbo revisando agora o texto. O caso é que entre o público emerxeu unha resposta firme que incomodou a aquel home visionario vestido de branco: “Poder popular!! Poder popular!!”. Isto berraban os fieis contra as palabras de quen pasou de inmediato a reclamarlles silencio. Non podo evitar asociar estas escenas coas de Ceaucescu en Bucarest tres ou catro días antes de ser fusilado; non, naturalmente, porque as historias sexan paralelas senón polo xeito no que as masas ditan sentencia ás veces dun xeito imprevisto pola dirección de escena.

Joseph Ratzinger di que en Caritas in veritate fixa a doutrina social da igrexa católica. E di tamén algo que coincide en moi alta medida co dito por Wojtyla en Managua. Que quen manda e marca o rumbo en cuestións de fe e de actuación pública dos membros desa igrexa (sacerdotes, congregacións e laicos) é Roma. Pilar Farjas, vese que estimulada por eses principios, pronunciou na Semana de Teoloxía e Pastoral celebrada estes días na Coruña unha conferencia titulada “El compromiso político vivido desde la fe“. Probabelmente, non o sei, puido glosar algúns contidos da encíclica que estudou para preparar a súa conferencia e que leu e releu (isto indica que non ten moita memoria a conselleira de Núñez Feijóo: a encíclica tivo saída pública o día 7 de xullo pasado, de modo que non puideron pasar nin cincuenta días desde a primeira lectura). Contidos como estes, por exemplo, que semellan fulcrais na articulación argumentativa —digámolo, piamente, así— dos 79 apartados da encíclica de Joseph Ratzinger e que aparecen nos puntos 28 e 56 (as reiteradas cursivas pertencen ao propio texto):

28. Uno de los aspectos más destacados del desarrollo actual es la importancia del tema del respeto a la vida, que en modo alguno puede separarse de las cuestiones relacionadas con el desarrollo de los pueblos. Es un aspecto que últimamente está asumiendo cada vez mayor relieve, obligándonos a ampliar el concepto de pobreza y de subdesarrollo a los problemas vinculados con la acogida de la vida, sobre todo donde ésta se ve impedida de diversas formas.

La situación de pobreza no sólo provoca todavía en muchas zonas un alto índice de mortalidad infantil, sino que en varias partes del mundo persisten prácticas de control demográfico por parte de los gobiernos, que con frecuencia difunden la contracepción y llegan incluso a imponer también el aborto. En los países económicamente más desarrollados, las legislaciones contrarias a la vida están muy extendidas y han condicionado ya las costumbres y la praxis, contribuyendo a difundir una mentalidad antinatalista, que muchas veces se trata de transmitir también a otros estados como si fuera un progreso cultural.

 

 

56. La religión cristiana y las otras religiones pueden contribuir al desarrollo solamente si Dios tiene un lugar en la esfera pública, con específica referencia a la dimensión cultural, social, económica y, en particular, política. La doctrina social de la Iglesia ha nacido para reivindicar esa «carta de ciudadanía» de la religión cristiana. La negación del derecho a profesar públicamente la propia religión y a trabajar para que las verdades de la fe inspiren también la vida pública, tiene consecuencias negativas sobre el verdadero desarrollo. La exclusión de la religión del ámbito público, así como, el fundamentalismo religioso por otro lado, impiden el encuentro entre las personas y su colaboración para el progreso de la humanidad. La vida pública se empobrece de motivaciones y la política adquiere un aspecto opresor y agresivo. Se corre el riesgo de que no se respeten los derechos humanos, bien porque se les priva de su fundamento trascendente, bien porque no se reconoce la libertad personal. En el laicismo y en el fundamentalismo se pierde la posibilidad de un diálogo fecundo y de una provechosa colaboración entre la razón y la fe religiosa. La razón necesita siempre ser purificada por la fe, y esto vale también para la razón política, que no debe creerse omnipotente. A su vez, la religión tiene siempre necesidad de ser purificada por la razón para mostrar su auténtico rostro humano. La ruptura de este diálogo comporta un coste muy gravoso para el desarrollo de la humanidad.

De todo o que en Caritas in veritate manifesta Ratzinger, nunha prosa obscenamente tautolóxica alén de manipuladora e falseadora da verdade empírica nalgúns momentos, o máis preocupante parece a determinación coa que se afirma a necesidade de participar Deus (en fin, deus, os deuses e demais postulacións confesionais) na esfera pública. Particularmente na súa dimensión política! Deus na esfera pública no século XXI falando pola voz das xerarquías eclesiásticas e esixindo ser parte nas decisións políticas que afectan á comunidade. Pero de verdade será alemán este home? E Farjas, a Farjas que, por suposto deixando á marxe a súa condición de membro do goberno (como se fará iso?), dixo cousas —en público!!— como que “Es pecado limitar el uso de un elemento de comunicación como la lengua”, será de Teruel ou será de Marte?  Será turolense ou será marciana a máxima responsábel da farjas_pilar_toma_posesion2sanidade pública galega cando di en público que “el ateísmo deja a la gente sin fuerza moral”? Someteranos a dixitopuntura para curarnos, aos ateos? Será obrigatorio vacinarse contra o ateísmo e comungar con rodas tautolóxicas king-size antes de pasar a consulta? Instalará confesionarios nos corredores do antigo Hospital Juan Canalejo? Carafio, ese señor si que tiña forza moral; eh, Farjas! Pasará a noción de “pecado” ao novo estatuto de rexión? Que sei eu, algo deste estilo: “Artigo 1. Galicia, rexionalidade histórica, constitúese en Comunidade Autónoma para acceder ó seu autogoberno, de conformidade coa Constitución Española, o Concordato e co presente Estatutiño, que é a súa norma institucional básica despois do Catecismo”; “Artigo 5. A lingua propia de Galicia é o castelán. Será pecado venial falar galego. Será pecado mortal insistir en falar galego, particularmente fóra de usos folk ou das encherolas do día do patrón cos ancestros rurais”.

Algún día chegará no que a clase de discurso da conselleira de Sanidade perda a escasa lexitimidade que conserva e conleve en consecuencia, pronunciado en voz alta nun lugar público por un responsábel gubernativo, o inmediato cese nas súas funcións (ocorrería xa, por certo, se Farjas fose parroquiana doutras peñas, khariíta p.e.). Iso non acontecerá, con todo, mentres teñan vixencia os acordos de xaneiro de 1979 entre os estados español e vaticano, pero eses papeis, como todo, teñen data de caducidade. Chegará o día. O día no que as diferentes igrexas e confesións “regularicen a súa situación”, por empregarmos nós a frase coa que Wojtyla fixo dixitopuntura no ollo dun xenuflexo poeta de pelo cano nun lugar de Centroamérica en 1983.

 

[Na foto en branco e negro Wojtyla reprende a Ernesto Cardenal en branco e negro no aeroporto de Managua, 1983. Abaixo, en coloríns de entretempo litúrxico, a conselleira Pilar Farjas e a súa perruqueira (esta última in absentia) xuran en 2009 o  cargo no goberno. O que semella crucifixo confesional de ouro na parte inferior esquerda desta fotografía de EFE é en realidade un crucifixo confesional dourado]

O erro Berg

19 de Agosto de 2009

 

kristina-berg1Kristina Berg equivócase facendo o préstamo que fai para a demolición do que foron as galescolas do goberno anterior. Un préstamo por outra banda innecesario, porque o mundo está cheo de galiñas azuis (a da Universidade de Delaware, por exemplo), non sempre asociadas en termos simbólicos ao mesmo que o conselleiro Jesús Vázquez —ignórase se tras inspirarse en Cirlot ou en Eranos, ou ficando só nunha lectura algo perversa, oportunista e cínica do conto de Carlos Casares— atribúe atropeladamente á pita celeste e desideoloxizada. Así que xa temos icona nova para a rede que Vázquez e Mato rescatan do gulag entre lapsus, coñas e desidia estival, con sol moi torero e rojigualdo sobre a nube azul ao fondo do cartaz (por certo, o sea). Documéntase  todo de modo suficiente nestes vídeos da Axencia Galega de Noticias que rexistrarán para a historia, sen deixar espazo á incredulidade de quen veña tras nós, en que consistiu exactamente en fondo e formas este Goberno Feijóo.

Berg non só cedeu aquilo que non se acaba de ver por que motivo é materia de cesión (a diferenza cromática?, a diferenza articulatoria que xa tratou Platón no Crátilo?); que non se acaba de ver fóra dunhas circunstancias socio-culturais como as nosas, claro. Como as nosas postas do revés, patas arriba, dándolle a volta ao escrito por Casares, algo que a estas alturas é evidente que tonifica a libido de quen manda no país. Moi alén da cesión non lucrativa de dereitos, Berg tomou parte no acto gubernativo e acompañou na mesa aos conselleiros Mato e Vázquez, quen, obviamente, utilizaron esa marca (a marca Casares) dun xeito que poderá cualificarse como se queira pero nunca como desinteresado.

A estratexia é, máis unha vez, perceptíbel e barata. Cáptase lexitimidade galeguista (individual, faniliar, institucional…) mediante acordos non descritos nin publicitados, probabelmente tácitos. Deconstrúese, en paralelo e sen rubor ningún, a cerna estruturante do ideario nacionalista, presentando por exemplo a Castelao, diante da súa tumba!, como un rexionalista estetizante. E así sucesivamente por academias, clubes e consellos.

Berg decidiu libremente incorporarse ao traxecto Feijóo, a esa planificación trazada ao milímetro por estrategas que ninguén debe menosprezar na súa capacitación técnica e que case todos sabemos cara onde dirixen a máquina, malia os erros e os despistes concretos dalgúns subalternos no aparato, como os penosísimos na dicción e na formación do conselleiro Vázquez  na súa intervención de onte (a ver o que di a Conferencia Episcopal cando escoite iso de que o obxectivo da Consellería de Educación do Goberno Feijóo é “formar dende o berce a cidadáns librepensadores”, 43-45″ do vídeo ligado; se iso o di noutro tempo o agora vicesecretario da Mesa do Parlamento veriamos a Martínez Camino con escordadura de larinxe terminal) ou outras veces do propio Feijóo, presunto xefe dun goberno obsesionado con muíños de vento.

Kristina Berg, en fin, faría ben en ler o escrito por Damián Villalaín no último A Nosa Terra baixo o título “Piñeiro, Feixóo e o galeguismo“. Na versión impresa do semanario este artigo ocupou enteira a páxina 6 e viña ilustrado precisamente cunha foto na que Piñeiro escoita unha intervención do propio Carlos Casares (a foto pertence ao Arquivo Familiar Casares-Berg). Déixenme concluír co penúltimo parágrafo de Villalaín. Teño a impresión de que vén ao caso:

Se Núñez Feixóo ten algún respeto por Ramón Piñeiro, e eu non quero dubidar de que isto é así, debería ser máis coidadoso á hora de esgrimir o seu nome con finalidades completamente alleas ás causas ás que Piñeiro dedicou toda a súa menesterosa vida. E calquera que coñeza un pouco a obra do de Láncara, sabe que entre esas causas nunca estivo a desprotección da lingua galega nin o bilingüismo harmónico, ese mítico constructo de pai descoñecido por cuxa definición precisa seguimos agardando moitos galegos.

 

[Kristina Berg nunha fotografía tomada por Xoán Carlos Gil na Fundación Carlos Casares en 2008]

Artes de manipular

19 de Agosto de 2009

cage-e-tudor-no-xapon-1962

A foto é de autoría descoñecida. John Cage préstase á brincadeira e atura  a graza de David Tudor (Xapón, 1962). De ser efectivo o golpe de corda as orellas de Cage caerían en pedazos baixo a campá, no chan do santuario.

E algunhas caerían tamén o pasado 5 de agosto polas praias do país  lendo un artigo de Roberto Blanco Valdés sobre un dos seus temas favoritos: a paz dunha sociedade harmónica que só a ideoloxía dos perversos perturba. Oportunista e coordinado como adoito, o catedrático de Dereito que Santiago Rey emprega para dar lustre académico á súa Fundación e ao seu xornal. Para dar lustre e para atordoar coa campá que tanto lle presta repenicar.

Comento o texto neste arquivo en pdf, de novo por animar prácticas análogas e multiplicadas que entren a avaliar o rendemento desta clase de aproximacións sinxelas e pedagóxicas aos usos falaces da razón. Todo texto é interpretábel e toda posición política está sometida ao criterio dos outros, claro. Non hai graos cero en case nada. A un, xa se vai sabendo por aquí, anóxao un pouco a manipulación exercida desde unha certa posición de autoridade (a da academia) ou de poder (o dos medios, o político…) e a redución consecuente de diámetro da esfera pública até afogar as liberdades e os proxectos outros de convivencia social ou de construción identitaria. A idea esta, tan de Blanco Valdés, tan recorrente, tan prosmeira e sectaria de que todos os que non van con el de excursión e entregan premios a Francisco Vázquez son pérfidos, primitivos ou títeres do nacionalismo malo (que é sempre o alleo, o outro, claro está) non por reiterada e ecoica resulta menos insufríbel. E o caso é que este señor pasa o día largando desde o minarete e acusando aos outros de todo iso: de intolerantes, de sectarios, de manipuladores, de censores. 

Por aí, no que se poida, non se pasa neste blogue. Hai que contestar ás agresións na medida en que se poida, por suposto que si. Con constancia contra os que non moven folla. De modo que o combate será longo e, naturalmente, desigual. Isto último por diversas razóns (non todas en beneficio do xurista-ideólogo de LVG). Longo en especial o combate contra quen apelando á democracia e á lei nega a diferenza e postula sen tregua a falsificación e a simplificación da realidade social. E parecerá soberbia (ou candidez, ou dar couces contra o aguillón, ou…) pero estou convencido de que estas cousas pequenas serven para algo. E o silencio disciplinado tamén, por suposto.

Ideario Feijóo

24 de Xullo de 2009

Día a día o Presidente Núñez Feijóo configura malgré lui un discurso propio que afecta á esfera identitaria. É evidente que esa non era unha das súas arelas vitais nin sentimentais. Faino forzado polo feito de a historia saírlle ao paso, pois a historia e os feitos non se retiran ao paso dos poderosos. Fican. E resulta que el ten que falar. E fala.

castelaoConcretei en análises anteriores algunhas notas sobre o que vai comparecendo nesas alocucións. Hoxe parece mesmo urxente abundar no asunto. Parécemo polo día no que andamos e porque Feijóo volveu falar noutro lugar de forte carga simbólica e incorreu de novo nesa práctica deshonesta de terxiversar textos e ideas alleos.

Pode crerse que para min representa un esforzo non menor dedicar tempo a isto. Non experimento ningún pracer tratando de escudriñar o que en realidade vén dicir este señor. Pois, en definitiva, desde unha perspectiva semiótica e de análise do discurso, un sabe que se dispón a falar do espectáculo de quen aspira a se (re)presentar a si mesmo como a nada, como alguén que postula a conveniencia escénica de non ser e non pensar nada, de quen hoxe se abandeira nun raro furor populista, o de  reducir a cero o respecto xa non á realidade histórica e ao presente senón ante todo á racionalidade humana. A cada paso máis preto daquela norma de Franco, facer como que un non está en política para facer política de vez.

Leo o discurso seu de hoxe en Bonaval, perante o féretro de Castelao, e teño presente de novo o texto de hai dúas semanas no Consello da Cultura. En esquema digo:

1. Feijóo aspira a promover dous ideoloxemas constitutivos de todo o sistema de coordenadas do seu “pensamento” político: un é a súa noción de liberdade, o outro é a súa noción de pobo.

2. A acepción Feijóo de liberdade incorpora como antónimo de uso o termo imposición. Mentres que a acepción Feijóo de pobo sitúa como antitética a idea de elites culturais.

3. Para Feijóo e para quen inspiren o seu discurso oficial, que talvez non sexan exactamente os seus subordinados no Gabinete, as liberdades corresponden ao pobo innominado, mentres que as imposicións corresponden ao exercicio e á intervención das elites culturais.

4. O pobo é galeguista. As elites culturais do país propenden ao nacionalismo. Galeguismo e nacionalismo han de promoverse desde o discurso do poder como concepcións antagónicas. O mesmo que pobo e elites culturais.

5. O pobo en Feijóo caracterízase, alén do anonimato, pola aceptación mansa do que sobrevén de fóra en forma de superestrato cultural ou de dominación. As elites son o Medulio, é dicir, un reduto enclaustrado que se limita a exercer a resistencia perante os ritmos naturais da historia.

6. El, Feijóo, intentará no seu mandato dous logros históricos que na súa linguaxe non pública poderían definirse como “definitiva despolitización da esfera pública” e “sometemento tras rendición, e posterior tutela, dos resistentes do Medulio”. Esa é a tarefa histórica de Feijóo. En tradución libre a unha linguaxe adulta, permítome transcribila nestoutros termos: populismo sustentado nun pacto financeiro-mediático de non agresión entre o poder institucional e os poderes efectivos ou reais e logro dunha definitiva rexionalización da nación (aténdase a un punto feble deste equilibrio inestábel: a posibilidade de que a rexionalización político-cultural levada ás súas últimas consecuencias supoña algunha clase de restrición da autonomía do poder económico e/ou mediático do país).

7. Un mecanismo que merece optimizarse é o da manipulación ou terxiversación, mesmo deconstrutiva, de mitos e símbolos identitarios, entende Feijóo. Esa é unha tarefa que el interpreta que debe afrontar directamente: incidindo nas institucións e nos lugares nalgún sentido sacralizados polas elites culturais nacionalistas ou simplemente galeguistas (se estas se excederen nalgún momento por algunha razón, mesmo desde dentro do PP).

8. No Consello da Cultura, o pasado día 9 de xullo, Feijóo golpeou até cansar no fígado identitario diso que algúns chamaron “criterio filolóxico” (algo que, serei claro, merece revisión desde un punto de vista empírico e sociolóxico, con total franqueza) e outros describiron como “filoloxización da cultura”. Veu dicir alí, en definitiva, que a cultura galega non ten por que facerse en galego. Aínda máis: que pode ser máis galego culturalmente alguén que se exprese en castelán que alguén que se exprese en galego. E aínda isto: que Valle-Inclán é máis galego que por exemplo Rodríguez Mourullo ou Guerra da Cal (por poñer nomes, xa sei que é probábel que  Feijóo non lese nada deles, de ningún deles, de ningún dos tres, quero dicir). E vaia, só por procurar un punto de encontro e animar a rebotica, até entraría un nese debate… Pero, claro, só a condición de… (isto, outro día).

9. Hoxe, no Panteón de Galegas Ilustres, Feijóo fixo outras cousas, moi na liña de usar a conveniencia propia o dito por terceiros, o discurso de outros, en especial se nel detecta algunha plusvalía simbólica. Moi na liña tamén de saírse do guión institucional e, non sei se por entender mal aquilo de se poñer á defensiva, acabar na mala educación e no vicio máximo de calquera acto retórico: ignorar por completo o sentido empático e suasorio do kairós. Malia todo o cal, tamén debe recoñecerse que pronunciou unhas certas palabras de Castelao, nada menos que da Alba de Groria de 1948 (escribo groria por non escribir gloria e evitar así irmos todos con Lancelot xusto alí en data tan sinalada como esta). Si, Feijóo falou do que na edición anotada que eu manexo Castelao enunciou comobeckett “substractum insobornable da patria galega”. Iso aparece máis ou menos así no texto que esta vez si remitiu Presidencia ou polo menos o partido aos medios de comunicación e que eu recupero sen anotación marxinal ningunha (polo de agora). Un texto co  algo aparatoso marbete de “manifesto” ao que accedín hai unhas horas polo favor dun amigo xornalista. Será posíbel iso do substractum etc.? Diríao de veras? Pois si, díxoo. Curiosamente, creo que un Touriño, por caso, nunca repetiría esas palabras de Castelao, nin na intimidade. Pero igual me equivoco.

10. Entón, que está a acontecer aquí? O que ocorre é que Feijóo usa de novo un lugar emblemático para seguir castigando o fígado identitario como unha especie de adaíl antielitista e rexionalista. Para alén das modificacións que introduciu na cita de Castelao (quen por certo atuaba ao seu público naquel 25 de xullo bonaerense, nun texto algo modificado ou normativizado na cita usada) e para alén doutras cuestións menores, o que Feijóo fixo hoxe foi deconstruír por completo a mensaxe de Castelao de 1948, que non esquezamos que era un canto á irmandade no exilio político e na emigración social ademais dunha homenaxe aos galeguistas, republicanos e en xeral demócratas asasinados desde 1936, e sobre todos eles unha homenaxe a Bóveda. De forma que Feijóo usa a Castelao, cita a Castelao, expele mesmo o que nel é un simple flatus voci (“patria galega”). E non como substractum senón como superestrato discursivo e ideolóxico, como un xogo cínico entre pastiche e cambalache para así reformular e negar o pensamento de Castelao. Como se dixo por aquí hai pouco, para espetar de novo onde máis doe. Por que? Acaso é malévolo Feijóo? Non nos precipitemos. Diso tratarase no punto 12, derradeiro de hoxe.

11. Alba de Groria foi un emotivo discurso (persoalmente, tería algo que engadir a esa valoración pero non o farei aquí) articulado, tras un moi interesante exordio, en dúas partes: unha, a final, centrábase en efecto no pobo (nese pobo reconducido a espírito e a unha aparente —en Castelao, só aparente— mansedume, que tanto chifla ao Presidente Feijóo) e outra, a inicial, referíase aos nomes propios, aos nomes históricos, ás elites… (horreur, Rueda, Varela!) encabezadas por Prisciliano e con colofón (vaia!) no nome de Valle-Inclán. Era o que Castelao chamou de modo acaso inconveniente pero acaído ao acto cívico daquel día naquel exilio “Santa Compaña inmorredoira” (polo medio, Xelmírez, Pardo de Cela, Faraldo, Rosalía e moitos máis, algún deles tamén presente a carón do lugar que ocupaba hoxe o orador). Por tanto, de novo, Feijóo furta unha parte substantiva da mensaxe e do texto: todo o que lle sobra ou estorba: as elites, os intelectuais, os ideólogos e idealistas, os que soñaron e fixeron a nación. E con que fica? Con iso que el soletrea como p-o-b-o e que Castelao chamou tamén, por conmover á xente, “a espranza celta”, “xermes incorruptibles da nosa futura hestoria” e demais.

12. Non esquivo a pregunta. É Feijóo malo? Por que nos trata así? Sabe o que fai? Como conxectura técnica, diría que Feijóo non ten nin puta idea de cara onde vai, que non se dá conta en absoluto de todo o que se está a cargar, que se sente como un Harry Potter benévolo que poñerá as cousas no seu sitio: o das liberdades e o pobo, o do pobre neno que experimenta a imposición de ter que chamar “conxunto baleiro” ao que propiamente se ve que é un “conjunto vacío”. Cada vez máis, Fraga —de novo por dar un nome—, o que Fraga Iribarne representou, esváese da súa memoria. Pouco ten que ver xa con el nin co sentido institucional de quen a estas alturas arelaba ser conserxe do Izelig1nstituto de Vilalba (e isto si que empeza a ser canalla, o de non nomealo conserxe a don Manuel e darlle a oportunidade de concluír os seus servizos ao Estado como sempre quixo) e ten que andar recibindo condecoracións do carniceiro de Guiné Ecuatorial. Pero Feijóo si ten algo na cabeza (algo, apenas algo, non extrememos os xuízos) no marco identitario e na súa planificación do que ten de ser a Galiza futura e a política cultural que a tal ideación corresponda: i) a bandeira da liberdade debe tapar a do dereito e a lei; ii) os dereitos explícitos dos cidadáns sométense a unha noción tácita, esencial, abstracta e nunca continxente do comodín liberdade; iii) en canto oio falar de cultura saco o DOG e amanso o patio; iv) todo intelectual ten un prezo (barato); v) toda cita e todo símbolo son susceptíbeis de sometemento á lei do calcetín; vi) a esfera pública pode e debe reconducirse a casino ou no peor dos casos a taberna (por aquí a andrómena do harmónico, o cordial e outras variantes que frivolizan o conflito); vii) o pobo ten a palabra e para iso se fan inquéritos e periódicos, para que a teña; viii) a identidade é dos que veñen, nós non a precisamos e limitámonos a asimilar a dos que veñen a vernos (como Kundera!, como Beckett!, como Zelig!); ix) a identidade é unha deconstrución e, como debeu dicir Píndaro e non dixo xustamente por ser elite cultural, hai que chegar a ser o que non somos, coma min e como a oposición.

Todo o anterior está a facer o seu efecto. As cartografías xa son outras, é certo. Feijóo malia non saber exactamente onde quere ir está logrando algo: un desarme, un certo decaemento, algúns actos de reacción mal calibrados e con carencias tácticas penosas. Pero os montes seguen onde estaban, incluído o Medulio e todos os significados que anden na órbita dese nome como mínimo eufónico. Reaccionemos!

 

Materiais para unha clínica da alienación

19 de Xullo de 2009

 

feijoo-con-varela

Avancemos algo na análise de onte. Sempre é importante coñecer que é o que di aquel contra quen queremos intervir dialéctica ou politicamente. E ese traballo ás veces non se fai, por desleixo ou por aborrecemento coas razóns dos demais. Esa é a motivación que, con sentido político, me leva a fornecer algunhas ferramentas retóricas con compromiso didáctico. Fágoo no arquivo que propoño para relermos o discurso do Presidente Núñez Feijóo no Consello da Cultura Galega o pasado 9 de xullo. Quen sabe se tamén para facer prácticas escolares cando chegue o tempo. Porque os cidadáns e cidadás, os maiores e os menores de idade, debemos coñecer cara a onde nos queren levar. É unha obriga civil estarmos ao tanto diso.

E a análise do discurso tamén serve para eses mesteres. Serve, por exemplo, para mostrar que un pretendido discurso sport de defensa do cosmopolitismo e de rectificación das políticas culturais de base identitaria pode ser intelectualmente vacuo e perigoso en termos sociais e políticos alén de innobre e malintencionado na utilización das citas e das fontes ou autoridades que se suxire refrendarían a posición propia, cousa que no discurso Feijóo – Varela non se dá, non se dá case nunca, como eles saben perfectamente. E non só a propósito de Villares. Tampouco existe correspondencia entre o que Milan Kundera di en Le Rideau (2005) e a oposición provincianismo – cosmopolitismo tal como é construída no discurso de Feijóo. E o curioso é que Kundera é xunto con Villares a autoridade que o Presidente habilitou como fundamento basal do discurso sobre o que el entende por cultura e identidade. Pois ben, nin o pensamento de Villares está representado só coas citas que del se toman nin Kundera di o que Feijóo semella adxudicarlle, ese estrafalario argumento segundo o cal o cosmopolitismo radica en instalarse noutra lingua e noutra cultura. Kundera nin di iso no capítulo titulado “O provincianismo dos pequenos” nin tampouco no titulado “O provincianismo dos grandes” (por que Feijóo se referiría no seu argumentario só ao sinalado no primeiro e non ao sinalado no segundo?, por que será?). E algo máis: Kundera despreza a noción e a voz Mitteleuropa, a usada por Risco, segundo pode lerse en varias das súas obras e entrevistas. De modo que esta clínica da alienación ten unha vía en paralelo, que non me parece esaxerado describir como unha clínica da terxiversación. Nada sorprendente, concedo, para quen escoitou falar a Feijóo do parque móbil da Xunta de Galicia ou da imposición lingüística do galego no noso país.

A análise do discurso serve tamén, por exemplo para elaborarmos a cartografía dos valores que o PP e o Goberno actual, e con eles todos os seus valedores financeiro-mediáticos, postulan para nós, cidadáns e contribuíntes galegos. O documento que se pode descargar aquí ten un obxectivo non tan humilde, por tanto: ver como se constrúe o discurso cultural do poder galego, cales son as súas ideas-forza, qué é o que propón. E a partir de aí, o arquivo e as anotacións pretenden levarnos á reflexión sobre os mecanismos acaídos contra esa intervención da dereita nacionalista española na esfera cultural (e insisto en algo básico que outras veces incorporei neste blog: a cultura é máis que a lingua, moito máis que a lingua; a cultura é máis que a literatura, moito máis que a literatura). Unha intervención que no plano epitelial é equivalente, en efecto, a un perezvarelismo con foulard, pero que no fondo aspira a un avance sen volta atrás nun proceso estúpido e irresponsábel de alienación e destrución cultural que nin sequera é compartido pola totalidade dos dirixentes actuais dese partido, nin moito menos polas súas bases e votantes. O seu é un proceso con operativos estratéxicos doutro tempo que xa non se usan en ningún sitio. Porque estes gobernantes, alén de cínicos e insensatos, son bastante iletrados.

Hai que paralos. Imos paralos.

 

[Continuará nesta pantalla en forma lacónico-aforística. Moi en breve]

Feijóo no CCG, ou eloxio da alienación

18 de Xullo de 2009

goberno-galego

 

O discurso do Presidente Alberto Núñez Feijóo no acto solemne que conmemorou en Raxoi os 25 anos do Consello da Cultura Galega foi obxecto de controversia en varios lugares e moi probabelmente será lembrado no futuro como un dos momentos máis irresponsábeis do seu mandato, que desexo breve, bastante breve.

Anotarei algo: non sei como tratar un asunto desta entidade. Un asunto que percibo como de extraordinaria importancia política e que porén chega á cidadanía a través dos medios como unha especie de minucia protocolaria e festiva á que non hai que prestar maior atención. E malia todo, este discurso de Feijóo podería estudarse en calquera escola de retórica como paradigmático en varios planos: discursivos, performativos e ideolóxicos. En particular en tres dimensións. A primeira é a  narrativa: cómo chegamos a ser o que somos e non outra cousa distinta. A segunda é a patética, referida á lectura emocional da nosa condición periférica en Europa. A terceira e última e a argumentativa, e aquí é onde o pensador que lle escribe o conto a Feijóo fala do provincianismo dos procesos de construción nacional (pero non de todos, claro: só dos diferentes ao lexitimado pola existencia do Estado, pois o discurso naturaliza a postulación nacional de España, fóra de  cuestión e nunca provinciana) fronte ao divino cosmopolitismo. A peza oratoria leva a quen a ature á peculiar conclusión de que os máis cosmopolitas son os grandes escritores que abrazaron para expresarse unha lingua  diferente da súa orixinal ou materna. Así, Joyce, Kafka, Beckett, Kundera (sic). O anterior non é tan exacto como poda parecer, pero ese non é o asunto hoxe. De todos modos haberá que voltar a todo isto porque considero que aí reside a mandorla conceptual do discurso de Feijóo no CCG.

Pero hai máis. Hai, por exemplo, unha inelegante, maleducada incluso, deslealdade institucional, pois todos sabemos que non se vai a unha celebración á que se nos invita co único obxectivo de augar a festa aos anfitrións. E hai de porparte unha tamén inelegante deslealdade persoal co presidente do Consello da Cultura, polo uso perverso e intelectualmente obsceno de dúas citas descontextualizadas que, resulta obvio, Ramón Villares nunca poñería ao servizo da causa argumentativo-ideolóxica defendida por quen sabía que despois del ninguén podería retrucar. E o caso é que esas dúas citas son as efectivas e reais chaves vertebradoras do discurso todo de Núñez Feijóo ese día. Ese día que foi á casa daquel seu amigo, quen alén dese dubidoso privilexio é a terceira autoridade do país segundo os protocolos oficiais sancionados pola Xunta de Galicia.

Algo máis? Abofé que si. Porque non falei aínda desa pílula de diámetro superior ao da gorxa de calquera ser humano. Voltarei a ela con detalle. Menciono só que se trata dese canto a alienación cultural na que se abandeirou no Consello da Cultura  ese señor que nos preside. Apréciase agora a grave e onerosa realidade que nos caeu enriba pola incompetencia táctica de Touriño e de Quintana e pola intromisión tamén táctica do poder financeiro-estratéxico-mediático vinculado co triángulo escaleno Iñás-Piazza di Spagna-Sabón.

Así, pois, o texto de Feijóo pasará ás máis extravagantes antoloxías sobre o revisionismo histórico, sobre a colonización e a alienación culturais, sobre os conceptos de  resistencia cultural, hibridación, aculturación…, pois este home que a min antes me parecía intelectualmente limitado ten que ter acceso a algunha esotérica e potente tradición teórica, talvez recadada nos sotos da FAES ou noutro templo do saber. Direino directamente e xa sen ironías: constitúe un inaturábel insulto á intelixencia que un licenciado universitario manexe algúns conceptos de cultura xeral como o fixo Alberto Núñez Feijóo nese lugar que o texto estatutario de noso destaca nos termos que o fai.

Cando cunha mistura de desleixo e estupefacción accedín hai unha semana aos breves apuntamentos sobre o acto recollidos en prensa —na inane, na pérfida, na lexíbel e na outra—, acudín case de inmediato ás webs institucionais da Xunta en procura do texto. Porque un pensa, fíxense vostedes, que os textos pronunciados en ocasións solemnes da índole da que aquí se comenta deberían ser de acceso público. Por simple respecto aos cidadáns e cidadás, ou aos contribuíntes, palabra esta que cada vez máis penso que hai que recuperar para a esquerda cando se fala destas cousas. E é que non todo o mundo recibe un convite insstitucional para acudir a eses actos; non todo o mundo ten acomodo na pequena e incómoda sala magna do Consello da Cultura Galega, atafegante a partir de maio e insufríbel en termos acústicos polo inconsútil fío musical que chega desde a escaleira de Xelmírez dos pulmóns dun gaiteiro (incombustíbel e artísticamente menor) ao que habería que pagar de inmediato, entre todos, o plus que lle falte para alcanzar unha pensión digna que goce rodeado dos seus.

Falando xa moi en serio, sinalo isto: os discursos dun Presidente do Goberno en ocasións da entidade institucional que aquí se comenta son os que marcan políticas, son os definitorios dun rumbo, son os que estabelecen e aclaran unha cartografía e anuncian unha forma de intervención. Este de Feijóo o día 9 de xullo de 2009 de maneira absolutamente incontestábel.

Por iso mesmo, celebrei que o Consello da Cultura decidise pendurar onte o vídeo do acto, que incorpora tamén o discurso do Presidente Feijóo entre os minutos 43 e 57. E celebrei hoxe á maña, así mesmo, que a partir dese vídeo a dirección de Galicia Hoxe decidise que os seus redactores o transcribisen (“O Presidente no CCG“) para llelo ofrecer aos lectores, o certo é que con poucas grallas ou modificacións en relación co que en efecto pronunciou Feijóo (ningunha delas substancial e case todas por simple conmiseración lingüística, se ben hai unha de signo inverso, moi ao comezo da transcrición, porque o poscolonial Feijóo non fala do Obradoiro como “meeting point” senón como “melting pot“). Antes de pasar a unha parte máis analítica do que quero contar, suxiro que lean o texto á vez que teñen á vista as imaxes. Observen as actitudes do orador, fíxense ben nos seus acenos, bastante comedidos pero con algún momento de excepción, atendan tamén á resposta do público, ao meu xuízo inapropiada se temos en conta o que alí se dixo. Claro que ese público era, como diría o Presidente Feijóo, plural; por moito que a min me pareza máis ben singular, tan singular que non creo que en ningún outro lugar do mundo reaccionase así á afrenta recibida: 14 segundos de aplausos para un torpedo dirixido á liña de flotación do buque (un segundo máis que os aplausos que seguiron á intervención de Ramón Villares).

Cansa tanto relatar isto que hoxe xa non o aturo máis. Deixo para un post doutra hora a análise do texto presidencial. Pero por se alguén se animar a estudalo déixoo aquí en pdf, con só unha mínima edición de páxina e sen modificacións sobre o publicado en GH.

Un complemento: o outro día dixen que cómpre saber quen lle escribe estas cousas disparatadas e imprudentes a Núñez Feijóo. Algo avanzamos a día de hoxe. Ese ideólogo/a non é filólogo/a. Con certeza. Diría máis: non sabe gramática. Así que podería ser ese señor que aparece na foto estreitando a man do Presidente tras a toma de posesión do Goberno. Tería lóxica, lóxica orgánica, quero dicir: porque estas materias son da súa incumbencia, da de Varela, visto o asunto desde unha perspectiva conservadora. Ou é que o conselleiro de Cultura alén de saber linguas sabe gramática?

O da gramática dise porque no discurso de Feijóo hai un momento no que se menciona que “nós” (o Nós de Risco e os demais membros da súa xeración e o nós de “nós mandamos”) é un posesivo. E… vaia, como que non. Os posesivos son eles, os señores e señoras da foto da axencia EFE que abre esta anotación. Nós somos sinxelamente persoais, como o pronome nós, e tamén un pouco ambiciosos e testáns. Apropiámonos da lingua e apropiarémonos do futuro. Ñam!

[Continuará nesta pantalla en forma lacónico-aforística. Moi en breve]

Golpe a golpe

11 de Xullo de 2009

 

feijoo

A estratexia está definida e está servida para que a entenda todo o mundo. Procura enunciar os criterios programáticos de intervención no plano cultural e lingüístico alí onde existe un valor simbólico engadido, alí onde presupón que se concentra a sociedade civil e onde se incorporan os que representan, tamén simbolicamente, unha vontade nacional de persistencia e de pacto. Amparado neses lugares por unha posición institucional que non resulta doado contestar ou afear desde o auditorio, fai ditado da súa análise cultural e de paso insulta. Non sempre querendo —ás veces si—, insulta. En ocasións, un pode pensar que busque unha reacción, un xesto de resposta desde o público parangonábel ás célebres garrafas do día da manifestación de Galicia Bilingüe en Compostela. Será iso? Será a impagábel fotoxenia dos cristais rotos? A ira en primeira páxina dos que non aturaron a provocación? Procura iso o Presidente?

Non estou convencido do que algúns analistas promoven desde diversos espazos de opinión: a idea de que Feijóo estea a utilizar esta fase do seu goberno (a fase inicial é sempre a dos grandes xestos e a das grandes rectificacións da situación herdada) para promocionarse como alternativa pensando nun novo fracaso de Rajoy nas eleccións xerais de 2012 ou de cando sexa. Non. Alguén que accede ao poder de forma tan inopinada como correspondeu a este home non chega a proxectar esa clase de previsión tan axiña. El está aterrando. Está facendo probas. Pero na escala do país. Polo de agora abóndalle, créase. Está testando con eses discursos que non sabemos quen documenta e redacta, pero que mostran impericia, descoñecemento e soberbia moral a partes iguais, até onde aguantará a xente, até onde se soporta no país o insulto, até onde pode desarmar nesa progresiva trivialización de conceptos como liberdade, igualdade, cosmopolitismo e resistencia, nese abandeirarse na falsificación do real (imposición, inmersión, provincianismo…). Vai aos lugares simbólicos, rebaixa aos representantes das institucións culturais, mófase deles ofrecendo orzamento e deixándoos en evidencia con declaracións e fotos risíbeis destinadas a desarmar compromisos, permítese boutades coa historia dos antepasados que ningún gobernante de ningún país administraría dese xeito (proben a mudar Medulio por Numancia, sen ir máis lonxe), ergue unha delirante e ofensiva polaridade entre provincianismo e cosmopolitismo que na súa estrutura profunda significa “cultura desde a identidade e a lingua propia” vs. “cultura desde unha lingua diferente da propia”, lexisla á contra e toma con desleixo algunhas das funcións que lle corresponden como autoridade máxima do país. Para que? Resulta evidente: o programa cultural e político de Feijóo e o dos seus valedores económicos, sociais, ideolóxicos, relixiosos e mediáticos consiste, no plano que aquí estou tratando, en algo que se formula con moi poucas palabras: promover de vez a rexionalización da nación.

Por iso comezaron por onde se comezan sempre estas cousas (tanto nos movementos construtivos coma nos deconstrutivos): polo ensino. E no escenario comparece un aspecto máis, en parte novedoso. Feijóo séntese tan seguro, tras estes meses, que mesmo se comeza a permitir o luxo de prescindir dunha das armas que mellores resultados estaba a dar ás posicións aleccionadas polo Opus Dei, FAES, a catacumba neofranquista e os poderes financeiro-mediáticos locais. Falo evidentemente do cinismo. Que Feijóo necesite cada día menos dese recurso indica moito sobre a recomposición do mapa en tres meses de recuperación do poder.

Algo hai que esperar da nosa dignidade como pobo. Algo que non creo que deba vir atravesado por nada máis que a esixencia de respecto á historia e á nación, alén de á verdade dos feitos. Nada histriónico, por tanto. Nada xestual, bufo ou circense. Hai que esperar, mesmo desde a dereita que con el goberna, un exercicio discreto pero firme e permanente de dignidade. E iso debe comezar, ineludibelmente, desde arriba, desde quen ocupa postos de responsabilidade real ou simbólica. Debe comezar por non rir as grazas de quen se comporta como tirano, debe pasar por non condecoralo, por non acompañalo nin convocalo, debe seguir por non ser séquito nin claque de quen vén decidido contra nós e contra os nosos intereses. O único que limita á cultura galega é a obscena incapacidade e falta de interese dos gobernantes do país para poñerse ao seu servizo.

 

ps. Vídeo do acto de clausura dos actos conmemorativos do XXV aniversario da creación do Consello da Cultura Galega, coa intervención do Presidente Núñez Feijóo á que se fai referencia no post e tamén a de Ramón Villares e outras autoridades e persoas vinculadas coa historia do CCG. A partir dese vídeo, Galicia Hoxe recupera na edición do día de hoxe o texto lido por Feijóo (18 07 2009).

300? Só 300?

9 de Xullo de 2009

 

caravaggio4

300 anotacións con esta, seica. Había que celebralo con algo experimental, non? Así que a decisión foi por Caravaggio. El e a súa discípula Artemisia Gentileschi son dos poucos que pintan Iudit en plena faena. Outros preferiron retratala co traballo feito, mesmo con Holofernes atopado ao día seguinte polos seus servidores, descabezado; ou coa fermosa viúva abandonando o lugar do crime en medio da noite, levando na man sen excesiva prudencia a cabeza do xeneral asirio. Pero esta imaxe de Caravaggio que aparece arriba está en xerundio. E ese é xustamente o tempo político no que agora andamos. Cortando cabezas e tal! Nos medios públicos, por exemplo.

Alén diso, hai que morrer con dignidade. Sobre isto non imos facer cuestión. Pero convén lembrar aquilo do tipo dos lentes. Como era? Sangue? Cadavres? Ah, si! Non tiran ao lixo brazos de panadeiros inmigrantes… Non, non, non era así, que iso é alí pola parte de Levante. Semente? Doazón de que? Non lembro, síntoo. Ah, si! Enterran semente! Están a enterrar semente! Coitados…

 

[Caravaggio, Giuditte e Oloferne (et al., digo eu), 1599]

 

A batalla da linguaxe

23 de Xuño de 2009

 

Algo que preocupa de verdade en relación coa nova situación política propiciada polo trunfo electoral do PP nas eleccións do 1 de marzo é o cambio cultural que nalgún modo vai tomando forma no país. “Cambio cultural” non no sentido anecdótico que se poida localizar en determinados momentos ou decisións, algunhas tan marcadas como as que tivemos ocasión de constatar no organigrama da CRTVG e na eliminación de programas como Aberto por reformas ou Libro aberto. Nótese, con todo, esa vocación por pechar o que estaba ou era aberto, por clausurar espazos, por reducir e delimitar ágoras, por cancelar programas, proxectos. Até agora é ao que se dedicaron desde a nova administración, parece claro. Pero ao falar de “cambio cultural” querería transcender ese ámbito de decisións reflectidas no DOG e ir ao non escrito, ao non documentado. A todo aquilo, a todo isto, que temos xa diante de nós en forma de novas prácticas e de novo metadiscurso. Esta aposta firme por modificar algo que máis ou menos estaba pactado en termos institucionais e que agora creba.

Hai un estado maior detrás do activismo de Galicia Bilingüe? Alén das antipatías que provoque a súa emerxencia como interlocutora social, o certo é que conseguiu algo non doado: entrar nas coordenadas de diario, estar dentro, formar parte da paisaxe. Están aí e teñen o apoio dos medios para seguir estando. Ademais, parecen dispoñer dunha saneada situación orzamentaria, un motivo máis para sospeitar que ese estado maior non visibilizado pero si percibido con claridade por todos aposta a fondo pola plataforma e está implicado na planificación e na táctica. Creo que tamén como práctica de laboratorio. Se funcionase ben aquí, por que non noutros lugares unha vez realizados os axustes que conveñan a cada caso?

Dito isto engado algo simple: creo que non somos conscientes a día de hoxe de que o que se presenta como batalla da lingua é antes unha batalla, ou unha guerra, pola linguaxe. E isto implica dúas vertentes: a dos conceptos e a dos relatos. Eles comezaron polos relatos: comparecencias nos medios, en particular madrileños, para contar historias familiares que rompen o corazón. O cerne sentimental cífrase en frase como esta: “llaman conxunto baleiro al conjunto vacío“. Por inverosímil que pareza, ese relato é efectivo. Os rapaces fican desorientados, as familias rotas. Así non hai quen estude álxebra. Así, a Física ou a Filosofía son inalcanzábeis, para o alumnado, para as nais e pais, para as academias que ofrecen clases particulares… Conmovedor. Tanto como o vídeo brutal que agora lanzan e que me chega a través de Brétemas (por certo, en relación con algúns comentarios: eu si penso que hai que coñecer e analizar o armamento inimigo, sobre todo cando está destinado a eliminarnos; a estratexia de non darlles cancha valía antes, cando aínda non tiñan forza, agora non é iso o que hai que facer, agora hai que estudar a situación e intervir nela). De novo, o exercicio da apropiación de relatos alleos (Chicken Run). Aquí burdo e, dígoo con franqueza, probabelmente fallido en termos de empatía diexética e icónica, aínda pensando en mentalidades e sensibilidades á dereita do conselleiro Vázquez. 

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/ovpSTcNg7nk" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

A batalla da linguaxe abandeirouse igualmente en conceptos. E aquí temos unha responsabilidade enorme todos. Por permitilo. A palabra-concepto que funciona como eixe é sen dúbida imposición. Seguida de preto por liberdade. Pero comeza antes. Comeza polo nome. Galicia Bilingüe é un nome que non se corresponde en absoluto co programa. É un nome, creo que eles mesmos o concederían despois dun par de vasos compartidos, cínico. Colosalmente cínico. Éo no substantivo e no adxectivo. Éo, multiplicado, como sintagma nominal e como sintagma conceptual, como ideoloxema e como programa de intervención social e política. Pero funcionou! Funcionou até o punto de que partidos como o PPdeG e o PSdeG resituaron o seu discurso en relación con eses conceptos. E iso é moito logro. Así que o concepto-relato da “imposición” está ben entre nós e circula xa polas rúas de cidades e vilas con altofalantes, con fachenda. Mesmo sen ocultar en exceso o glosario de uso vinculado coa intervención. Por exemplo: “bilingüe: dise do que é ou quere ser unilingüe”; “Galicia: NW”; “liberdade: foulard, placebo, chirifú. U.t.c.m.” (onde o m final significa obviamente maquillaxe).

Como reaccionar? Que facer? O primeiro, sen dúbida, é contribuír a que todo o mundo entenda a situación nas súas complexas coordenadas de fondo, que non son só políticas senón tamén culturais. A mensaxe ten que chegar a todos, non só ao mundo académico e da educación. O expolio pretende ser moito máis que de “conxuntos baleiros”. Éo de relatos e de conceptos. O roubo é de linguaxe e de linguaxe-cultura  antes que de lingua. É preciso entendelo e é preciso espallalo, inicialmente como barreira de protección. Logo xa se verá. Convén tamén estar moi pendentes á reacción que sen dúbida se producirá con incidencia cada vez máis perceptíbel nalgúns sectores da dereita, por oportunismo ou por convicción. Máis dunha vez a solución (o parche) neste país noso veu de aí.

E, en fin, en fin polo de agora, reitero algo no que neste blog se vén insistindo moito. O papel das institucións é capital. Comprazan ou non os nosos criterios, porque esta é unha cuestión secundaria. Cando Barreiro dixo en Láncara o que dixo, e ademais coa actio oratoria que aplicou ao caso, talvez tras escoitar a verbalización informal dalgunha clase de compromiso coa institución que preside, non foi seguramente consciente do seu colaboracionismo. Feijóo ten máis dominio escénico do que semellaba. Levou a Láncara ao goberno todo e logo saca peito con iso. A primeira vez na hisstoria que tal cousa ocorría! Só por ser Piñeiro o personaxe? Non. Tamén por iso, pero non só por iso. Ollo: a escenografía de salón foi sempre unha arte ben cultivada pola dereita. Pero a batalla non está aí. Está fóra.

 

ps. Posíbeis problemas para GB polo uso indebido das imaxes de Chicken Run (2000), a película de Nick Park e Peter Lord (27 06 2009).

A opinión pública e o voto

22 de Xuño de 2009

 

tourino-audi-360Segundo pode verse nun post moi lúcido e clarificador de Calidonia, o Centro de Investigaciones Sociológicas vén de facer público o informe correlativo a unha enquisa feita en Galiza tras as eleccións do 1 de marzo. As datas exactas da consulta foron do 7 ao 31 dese mes de marzo. Todos os datos son relevantes e non creo que eu poida engadir nada ao anotado por Calidonia. Acaso só algún subliñado reiterativo: a diferenza de votos para a consecución do escano decisivo foi moi escasa e a batalla decidiuse nos últimos días da campaña en zonas urbanas moi específicas, xusto aquelas nas que o dominio e control da opinión pública por parte de La Voz de Galicia son absolutos. Este medio facía ostentación hai uns días desa influencia á hora de orientar o voto: un 45,6% da poboación galega prefire ese xornal para informarse segundo os datos do CIS. Os efectos da manipulación co asunto do Audi e co asunto do iate estaban ben calculados. O mesmo que o xogo dos tempos e a propia coordinación, en días consecutivos, entre a manifestación en Compostela de Galicia Bilingüe e o manifesto “Yo protesto” do editor Rey Fernández-Latorre.

Se neste blog se fai tanto fincapé nesta zona do problema político que temos enriba é por algo. Alén das percepcións persoais e das distancias éticas, insisto, é por algo. E resulta evidente que o problema nunca se solucionará se non se logra reducir como mínimo nun terzo a influencia sociocultural e política deste xornal, a súa pegada, o cal non é tarefa doada se se consideran os intereses económicos e doutro tipo que ten detrás como sustento da súa hexemonía. Un complemento ilustrativo: segundo a enquisa do CIS, o medio que segue en influencia a La Voz de Galicia sería Faro de Vigo, pero a enorme distancia, pois a porcentaxe de seguimento resulta ser neste caso de só o 16,8%, pouco máis dun terzo que a correspondente a LVG. Este dato e os complementarios, referidos a outros medios, quedan reflectidos no informe mencionado (que pode descargase aquí) do xeito que se amosa máis abaixo. Podería pensarse, e é certo, que as distancias ideolóxicas entre os medios relacionados nesta nómina son a miúdo escasas ou incluso nulas. A cuestión, aquí e en calquera outro lugar que se desexe considerar, radica como é evidente na conversión da opinión pública nun xoguete en mans de quen exerce o poder. Iso é o que permite construír a realidade. Iso é o determina tamén a percepción dos dereitos individuais e colectivos. Eis o detalle dos datos referidos á pregunta 13 da enquisa do CIS:

  

Pregunta 13ª

 

¿Y qué periódico prefiere Ud. para informarse? (Respuesta espontánea)

 

  

El País 8.6

El Mundo 2.4

ABC .6

La Razón .2

Público .4

El Correo 1.1

La Voz de Galicia 45.6

El Ideal Gallego .9

La Opinión .7

Xornal de Galicia .5

El Correo Gallego 3.5

Diario de Bergantiños .1

Diario de Pontevedra 1.8

Faro de Vigo 16.8

Atlántico .1

Diario de Arousa .1

El Progreso 4.7

La Región 5.2

Periódicos digitales .1

Periódicos económicos .1

Periódicos gratuitos 1.5

Todos .6        

Otras respuestas 1.3

N.S. .1

N.C. 3.0

 

(N) (1770)

 

  

 [Na fotografía, Touriño saíndo do célebre Audi, non sei se recordan]

  

Falou o oráculo

17 de Xuño de 2009

rbv

Invístese de autoridade técnica e de inmaculada asepsia xurídica, pero o que elabora é un discurso plenamente ideolóxico, con moi importante carga de violencia simbólica contra quen considera os seus adversarios políticos. Estes son, a día de hoxe, segundo o que el mesmo se encarga de reiterar á mínima oportunidade, todos os que non comparten un ideario conservador e radicalmente nacionalista na defensa da identidade e da esencia española, entendida esta nun sentido ahistórico e, nos seus fundamentos xurídicos, claramente preconstitucional. De modo que o noso constitucionalista está desconstitucionalizado. 

 

O seu programa é ultraconservador en cuestións sociais e políticas. Ten pleno dereito a emprender esa ruta, desde logo, e a facelo con teimosía e cegueira xurídica; ou, noutro plano, servindo os intereses que serve. Pero non ten dereito ningún a concretar un día si e outro tamén un intolerábel e perverso ideoloxema, xermolo potencial do autoritarismo máis perigoso: “Os que non pensan o que eu penso son violentos e exercen con violencia a súa intervención política”. Isto é o que Roberto Blanco Valdés di hoxe na súa columna de opinión. Iso é o que di unha e outra vez. E iso é inadmisíbel.

 

Os trucos para manter tal liña de argumentación son intelectualmente obscenos e, porén, bastante eficaces en relación co nivel medio de formación dos lectores dun xornal como La Voz de Galicia. Isto é o que a min me preocupa. O certo é que non teño interese ningún en polemizar no plano persoal con Blanco Valdés, o que me parece urxente é contribuír a parar esa maquinaria criminalizadora de todo o que se sitúe uns centímetros despois da socialdemocracia galeguista. No artigo de hoxe, por exemplo, fala de “auténtica intifada” para referirse ás moi cívicas e pacíficas accións de protesta contra a consulta a pais e nais argallada polo Goberno Núñez Feijóo. Tirou alguén aquí algunha pedra? Deixando agora á marxe o valor semántico que este home outorgue á palabra, como se atreve a falar de intifada? A min paréceme que o seu discurso si é violento, porque forza de vez a verdade e forza seguido a realidade, a que está aí fóra, na rúa, no mundo laboral, na convivencia cotiá. Iso si é tirar pedras: tiralas desde a súa posición de constitucionalista e de algo non desemellante ao rol de editorialista do xornal no que publica. Por iso falo de violencia simbólica, por equiparacións como a de hoxe, cando afirma que a normalización lingüística non é máis que “el cambio, mediante la imposición, de los hábitos lingüísticos de la sociedad”. Isto si é violencia e, alén diso, creo que constitúe unha mostra bastante pura de cinismo social. Pero o máis relevante é que converte en criminais, ou en algo moi próximo a iso, a todos os que interpretan i) que o castelán ten en Galiza unha posición de superioridade abrumadora sobre o galego na práctica totalidade dos usos institucionais e no uso lingüístico por parte de instancias dos distintos poderes actuantes na vida pública e ii) que os falantes de galego se ven a diario na obriga de facer cesión dos seus dereitos constitucionais para manteren a través desa renuncia a paz social e un mínimo de sosego persoal. 

 

Asemade, Blanco Valdés auspicia coas súas palabras a conversión en sospeitosos de non-se-sabe-que de todos os que empregan a lingua galega para estabelecer unha comunicación interpersoal ou social. O ideoloxema de base é simple: falar castelán e defender a súa hexemonía é natural, falar galego é defender a súa normalización como lingua de comunicación é político. Asociado a isto, na práctica discursiva deste columnista é relativamente usual introducir algúns termos en lingua autóctona. Un día un por aquí, outro día esoutro por acolá. Fáganme un favor: sigan eses usos e intenten detectar a súa fundamentación pragmática ou performativa. En termos menos técnicos: fíxense en que circunstancias mete algunha palabra en galego no marco da súa argumentación. Descubrirán que a norma non tan oculta é bastante sinxela e que de novo obedece un patrón ideolóxico reaccionario, promotor da subalternidade da que o vixente Estatuto define como lingua propia do país. Aí vai completamente da man co patrón Rey Fernández-Latorre e o sostén do autonoxo que pagamos cada un de nós cos nosos impostos co destino ficticio de normalizar o uso do galego nos medios de comunicación. Prevaricación e cinismo todo revolto. De novo o intolerábel asumido e aceptado por case todos. Por unha maioría, aquí si, pois nada efectivo se fai para conseguir que esa vergonza remate.

 

O furibundo nacionalista que é Roberto Blanco Valdés interpreta ademais, día si e día tamén, que en Galiza existe algo semellante a aquela maioría natural da que falaba Fraga Iribarne. E iso é tamén falso, rotundamente falso. O pobo falou o 1 de marzo, acéptese. E curiosamente para naturalistas como Fraga e como Blanco, a maioría social (real) non coincidiu exactamente coa maioría natural (suposta), porque houbos máis votos á esquerda que á dereita (poucos máis, si, pero máis), por usarmos eses termos que favorecen que nos entendamos e que, en realidade, son parte constitutiva da ficción política que, de novo con violencia simbólica incesante, publicistas como Blanco Valdés contribúen a manter activa desde posicións moi poderosas para a conformación e control da opinión e do espazo públicos (“El ojo público”, rotula sen rubor o columnista a súa colaboración, tamén aquí disfrazando de criterio o que adoita ser simple doutrina).

 

Por último, Blanco Valdés, con contumacia talvez efectista pero de novo intelectualmente reprobábel e eticamente abeirada á infamia,  insiste en considerar que toda acción política contra os seus intereses de clase ou contra as súas crenzas políticas ou académicas obedecería a unha planificación en mans dun extremismo que identifica coas siglas BNG, o cal convertiría en satélites e autómatas só aptos para a consigna a todos os que nos declaramos contra a concepción do Estado que este constitucionalista menor defende con visceralidade, falacias e vellos trucos sofísticos, un deles pensar que os que discrepamos somos minoría activa mentres que el e os seus (os seus lectores, o seu patrón, os seus correlixionarios…) son a maioría silenciosa, segundo o título da súa columna proclama hoxe. Era boa!

 

  [Roberto Blanco Valdés, columnista de La Voz de Galicia e catedrático da USC]

 

 

6 x 1

15 de Xuño de 2009

urna

 

 

 

Isto… Desculpen que insista, amigo Vázquez, amigo Lorenzo, amigo Feijóo, xa saquei o asunto o outro día. E non acabo de velo, con franqueza. Non acabo de ver por que razón o meu criterio a propósito do uso das linguas oficiais no ensino ten a sexta parte do valor que ten o criterio do Sr./Sra. X, el(a) con seis fillos en idade escolar e eu cun único fillo nesa situación?

 

A sexta parte, si. Porque a el/ela tráenlle seis cuestionarios da escola e a min só un (se mo traen, cousa que aínda non ocorreu). E logo, cando se faga o cómputo (porque eu créoos a vostedes e penso que si, que realizarán o cómputo), está claro que o criterio de X contabilizará seis veces máis que o meu, isto con independencia dos criterios respectivos de X e meu, que agora mesmo non vén ao caso tratar (ou pode que si, ou pode que si, he he…).

 

Podería explicarme alguén —insisto— por que debo contentarme con estas raras regras? Quen me ampara? O Valedor? Algún ministro? ZP, que hoxe recibe a Feijóo? O Constitucional? Santa Rita? Blanco Valdés, sempre tan recto e ecuánime?

 

Só isto, señores. Non entro noutras miudezas neste momento —e podería!—, pero iso penso humildemente que vostedes deben explicalo un pouquecho. Non? Á marxe, naturalmente, de que como xa explicaron vostedes isto é unha simple consulta, un chirifú de nada.

 

Claro que, reconsiderado o asunto, tamén podemos ampliar ese criterio a calquera proceso decisorio de xorne democrático. Por exemplo, nas comunidades de viciños. Ou nas comisións que interveñen nunha oposición para corrixir os tests dos opositores. Ou nas eleccións sindicais. Ou para elixir ao representante patrio en Eurovisión. Ou como norma de decisión no Parlamento Galego. Tes tres fillos? Votas tres veces na investidura. Non tes ningún? Pois non votas. Mmm… Interesante, interesante isto de ter tropa pequena na casa.

 

 

[Urna vella do terzo familiar]

 

 

Restar para eliminar

10 de Xuño de 2009

linguassuman1

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística está a facer algo positivo e estimo que, na medida da súa capacidade, eficaz en relación coa consulta programada pola Consellería de Educación a propósito do uso das linguas no ensino: decidir constituírse en interlocutora e falarlle ás nais e aos pais chamados a participar na enquisa. Faino deixando tan clara a súa opción como a perspectiva aplicada na argumentación, que é técnica e profesional, non ideolóxica. A Coordinadora vai repartir un tríptico: as linguas suman. Fai o que debe facer.

Hai, porén, entidades, institucións e administracións que non están facendo o que deben. É probábel que nalgúns casos isto sexa así por prudencia orzamentario-contábel; noutros porque se espera ao resultado da consulta para falaren elas despois. Da primeira motivación nin paga a pena falar (refírome aos fitos de Láncara e demais retablos das marabillas). A segunda constitúe desde o meu punto de vista un craso erro de cálculo. Ou, o que é peor, algo que aspira a ocultar a inexistencia de criterio ou que alimenta con luz e taquígrafos unha cesión irresponsábel ao derrotismo histórico. Poderiamos falar, en fin, do feito de que quizais noutro país con algún sentido da dignidade civil algunhas institucións farían, talvez, un chamamento formal ao boicot, unha declaración a prol da abstención, se non directamente unha convocatoria pola resistencia nalgunha vertente eficaz (esta palabra, asúmase de vez, é capital, resulta  irrenunciábel no programa político de quen teña e queira ter conciencia democrática e conciencia nacional), nalgunha vertente que podería implicar mesmo algo semellante a unha sabotaxe cívica e pacífica do protocolo Feijóo-Vázquez para eliminar o galego da vida pública. E, por seguir pensando na dignidade, quizais noutro país esas institucións ás que apelo decidisen coordinarse, falar quizais non solemnemente pero si dignamente cun único discurso, breve, directo, claro. Unha voz institucional contra o abuso, unha voz polos dereitos fundamentais, unha voz pola nación, que naturalmente se sumaría a outras voces e a outros discursos provenientes doutras coordenadas do espazo público.

Existen, con todo, outros posíbeis niveis de intervención que suporían mesmo unha vía para a paralización externa (vouno dicir así sabendo que o uso é impropio) dunha consulta anómala e alegal por varias razóns. Unha, algo máis que técnica, é que se vai converter á parella de proxenitores en emisor único de opción e decisión —de voto, dixo o conselleiro Vázquez nun lapsus que nin se parou a matizar—, o cal contravén o sentido profundo da democracia e presupón unha unanimidade que non por probábel converte en lixeiro o asunto. Outra, tamén algo máis que técnica e coa que é probábel que estea encantada a parte Opus do actual goberno, consiste en que dado que o alumno/a é o elemento de engarce “democrático” da decisión, parece que os pais e nais con varios fillos acabarán emitindo opinión (voto) por cada un deles, así que o meu voto, por exemplo, podería valer a cuarta parte que o do meu viciño do 2º F se este tiver catro fillos en idade escolar e eu só un. Ninguén aclara isto. Ninguén aclara nada. E o caso é que do que de aí resulte sairá a base retórica para o preámbulo do decreto alternativo que a nova administración, por moito que o negue, ten precociñado e articulado, ignoro se en forno Opus, en forno FAES ou en forno Génova (tripartito?, pentapartito?, hai avances nese terreo da unidade do goberno?, seguro?).

Non hai tanto tempo, un entendera non-sei-que-exactamente a propósito do referendo que ía activar o goberno Ibarretxe. Son niveis diferentes incluso na óptica dos autodenominados partidos constitucionalistas, é certo. Pero a argumentación xurídica de fondo con aplicación ao referendo vasco non só debería ser igualmente aplicábel á consulta Vázquez-Lorenzo senón que ademais tería que ser corrixida e aumentada para a ocasión. A ausencia de autoridade para levar a cabo unha consulta desa clase (que con medias palabras se presenta como vinculante, como se tal cousa couber), súmase unha palmaria e case diría  ostentosa ausencia de garantías, con diversos mediadores e transportadores da enquisa no periplo Consellería-Nais e Pais-Consellería. Existen con certeza máis garantías en procesos de elección de cargos ou representantes para asuntos triviais na vida comunitaria, ou aínda nunha conxuntural participación como espectadores-votantes de TV para determinar algunha nimiedade. E hai algo máis, que non concorría no caso vasco. Será chamada a opinar sobre este asunto, capital para a cidadanía toda e para o futuro do país, só unha parte da poboación galega, unha parte bastante reducida, aínda que iso non é agora a cerna do asunto, porque o que importa é xustamente iso, que é unha parte: a configurada polos cidadáns que teñen fillas ou fillos escolarizados.

O Delegado do goberno central declarou algo hoxe aos medios. Pero aquí non é unha declaración política o que corresponde. Un inciso: entre outras razóns coadxuvantes, o PP activou o seu plan de destrución da convivencia social e cultural porque nin o PSOE nin o PSdeG emitiron previamente sinais suficientes de advertencia para que non o fixese. En fin, o goberno Rodríguez Zapatero está na obriga de defender os dereitos constitucionais de galegos e galegas. O Ministro do Interior, en particular, tamén. Rubalcaba debería lembrar aquilo de que “No hay que ser un genio del Derecho para conocer las tachas de inconstitucionalidad”. Debería lembrar esa frase esgrimida contra o referendo paralizado no País Vasco e tamén que existe, que segue a existir, o Tribunal Constitucional. Debería lembrar que as leis, os Estatutos de autonomía, as Constitucións e todo iso están para cumprirse.

Son moitas as razóns sociais, políticas e tamén xurídicas para deter unha consulta que vai supoñer unha quebra de enorme envergadura no país e que está destinada con absoluta claridade a que un dos poucos elementos que garanten un principio de igualdade de dereitos fundamentais sexa conculcado con aparencia democrática. O Conselleiro de Educación e o Presidente Feijóo, que interveñen como se a maioría do seu grupo parlamentario fose similar á que perfilan as cifras do concello ourensán de Avión nas recentes eleccións europeas (sobre un 90% de votos para o PP), esquecen que e só un o escano que lles outorga a lexitimidade para gobernar o país. Pero non é esa a cuestión principal que hoxe é preciso tratar aquí. O relevante é que o operativo Feijóo-Vázquez-Lorenzo, o operativo PP, está destinado a preservar o feito de que unha parte da poboación galega desenvolva a súa actividade cidadá e a totalidade da súa participacións na vida social e cultural absolutamente á marxe dunha das dúas linguas oficiais do país. Iso é algo que hoxe xa se pode facer coa única reserva (sobre o papel, non na realidade) da esfera do ensino. Á inversa é obvio que resulta imposíbel.

E por seguir indagando nas inversións, pregunto: que ocorrería se un goberno afín a outro nacionalismo (non ao español) impulsase unha consulta como a que a finais desta semana se vai activar en Galiza? Que pasaría se un goberno, por exemplo monocolor do BNG ou de CiU, empregase esas mesmas preguntas con intercambio dos lugares de aparición das dúas linguas oficiais do país en cuestión, Galiza ou Cataluña? Interviría nese caso o Ministerio do Interior? Non pregunto polo que dirían os xornais de Madrid, de Valencia ou de Ferrol; tampouco polas declaracións na COPE ou noutras emisoras de radio e televisión. Pregunto polo que faría Interior, polo que faría a fiscalía, polo que faría o Constitucional.

 

ps. Véxase AQUÍ o documento asinado o día 10 de xuño por doce sindicatos e organizacións do ámbito do ensino contra a consulta da Consellería de Educación, a ausencia de garantías e a manipulación tendenciosa vehiculada nas preguntas do inquérito. Asinan o documento: CIG · CCOO · CSI-CSIF · FETE-UGT · STEG · CAE · ASPG · Nova Escola Galega · Asociación de Directores e Directivos de IES de Galicia · Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra · Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística · A Mesa pola Normalización Lingüística. Préstese especial atención ás recomendacións sobre as implicacións das respostas  posíbeis (10 06 2009).

 

A democracia e a intervención do poder

21 de Maio de 2009

 No número 143 da revista Tempos Novos (abril 2009, pp. 30-35) apareceu unha entrevista que me fixo Belén Puñal e que ilustraron as fotografías de Tamara de la Fuente. O marco foi o dosier que a revista titulou “1-M. Estratexias políticas e mediáticas”. Agora a entrevista publícase tamén en formato dixital (TemposDixital).

tourino-e-rey-bn1A conversa foi longa e pausada. Arredor dunha hora. Talvez algúns aspectos tiven ocasión de analizalos e desenvolvelos un pouco máis polo miúdo do que aparece no texto da entrevista, pero no básico iso que se recolle é o que dixen e é tamén o que penso. O meu criterio non variou en ningún dos aspectos tratados, aínda que é certo que desde o 27 de marzo, día no que mantivemos o encontro, foron numerosas as incidencias rexistradas na política galega e no seo dos tres partidos representados no Parlamento. Como tamén na esfera estatal, coa crise de goberno que supuxo, entre outros asuntos sen tanta confluencia co tratado na entrevista, o acceso de José Blanco ao Ministerio de Fomento.

Reproduzo de seguido o texto tomado de TemposDixital:

Que significado ten para vostede o 1-M?

Aínda non hai consciencia do que significa isto. No que se refire ao proxecto nacional, o feito de que o estatuto quede aparcado ou pase a ser unha cuestión secundaria na axenda paréceme dunha gravidade extrema. Coido que os medios, especialmente os máis implicados co mundo económico, financeiro, industrial, eólico,… aprenderon moitísimo desta experiencia. Fixeron un cursiño moi acelerado, e para eles moi produtivo, sobre como manexar a opinión pública. E a opinión pública galega é moi manexábel por feblezas emocionais.

Estas eleccións situáronnos ante un mapa do voto inédito no país. Se falamos de Galicia como realidade, en que estadio coida que estamos?

É un momento moi determinado pola situación económica internacional, de expectativa, de indefinición industrial, cunha cantidade de postos de traballo no aire extraordinaria. No terreo político, Galicia unha vez máis opta pola subsidiariedade, pola subordinación. Polo que Fraga chamaría “facerlle un servizo a España”. Por non ter axenda propia. E iso é nefasto.

Aínda non está Galicia madura para un proxecto propio?

Non me convence esa expresión. A cuestión non é esa, senón de liberdades. Admitimos e fomentamos unha hipoteca das liberdades públicas, e o Goberno bipartito non fixo nada para cambiar a situación. Estamos permanentemente condicionados a que opinen por nós os medios e as empresas, a que non exista unha boa articulación da opinión pública, a que non haxa debate público, a que se criminalicen determinadas posicións políticas. Blanco Valdés está permanentemente identificando independentismo e terrorismo, e paréceme inadmisíbel. O bipartito fixo bastante ben a xestión, pero a min non me chegou un discurso político no sentido nobre que ten a política de construír realidades e discurso. Descreo de que iso se deba a unha falta de conexión entre dúas sensibilidades políticas. Están afastados nos discursos públicos, pero non tanto no resto de cuestións, e nese sentido falta política.

E se falamos de Galicia como proxecto, cara a onde debemos ir?

Hai unha palabra básica, que define os momentos fundamentais da historia de Galicia. É “dignidade”. Nas eleccións, houbo unha renuncia clara á dignidade, no sentido de saber dar resposta aos infundios, á irrupción do poder con maiúsculas, de deixarse enganar por cantos de sereas de ínfimo nivel. Da mesma maneira que o Prestige serviu para reactivar as vitaminas de moita xente, agora hai un movemento en marcha coma reacción á manipulación política que debería tamén render resultados, non só electorais, senón tamén sociais e culturais. Galicia ten que recuperar a dignidade cultural e política, e iso só se fai falando en pé de igualdade co poder.

Cales son as dificultades, internas e externas, para un proxecto baseado na liberdade e na dignidade?

Autoconvencernos da nosa identidade nacional e establecer cal sería o noso papel no escenario histórico que se abre para o Estado español. Se goberna o partido que goberna, a nosa aproximación tenderá a ser ao modelo Murcia. Se gobernan as alternativas, e se nos convencemos de que a única alternativa ao goberno pasa por un bo entendemento e unha boa xestión da colaboración a partir dos concellos e deputacións e do que se teña, a partir de aí eu creo que haberá que decidir entre o modelo Murcia e o modelo Cataluña.

Por que o discurso de Galicia Bilingüe arramplou con todo o que se consideraba politicamente correcto dende hai vinte anos?

Por unha banda, ter dotado a Galicia Bilingüe dun estatuto de interlocución no debate público retroalimentou as súas forzas, e iso é algo ao que todos contribuímos nalgunha medida. E por outra, teño a impresión de que Galicia Bilingüe talvez non tiña unha programación tan exacta do que ía acontecer no futuro, canto aos seus propios contactos e pactos, como o que finalmente o propio proceso activou. Creo que algunhas persoas tiñan bastante calculados os movementos, e Galicia Bilingüe foi un peón relevante nese proceso. As últimas semanas, que corresponden á campaña electoral, estiveron moi pautadas por unha serie de movementos mediáticos. E iso só se resolve ben, coa precisión coa que se fixo, se hai técnicos e cálculos demoscópicos moi finos detrás.

Movementos pautados mesmo até na propia xornada de reflexión…

Absolutamente. E isto é algo que non se debe esquecer. De feito, estamos vendo que nestas últimas semanas a actuación de Touriño responde a unha especie de toma de terra. Parece que todo o seu carácter, que nunca antes saíra, o sacou despois das eleccións. Isto obedece tamén a outros condicionantes, basicamente á soberbia política e a unha certeza de que as cousas estaban consolidadas, cando obviamente non o estaban. O reparto da dereita e da chamada esquerda, no país, está moi equilibrado. Hai que ser moi conscientes de que os últimos días son moi importantes, non tanto polo que digan os políticos –é un discurso ao que non se lle presta maior atención pública–, como polos movementos mediáticos.

Coida que iso de que a prensa é o cuarto poder quizais nunca quedou tan claro en Galicia como agora?

Claro. Por falar de La Voz de Galicia, a prima donna deste concerto, todos temos máis ou menos na memoria momentos anteriores da súa traxectoria. Todos sabemos que puido representar a dirección de Pillado no seu momento ou a toma de posición con Augusto Assía en relación cos pactos do mundo sindical. Moito máis fresco temos o primeiro momento en relación co Prestige e todos tamén, a pouco que nos fixemos, temos capacidade de análise para saber cales son as circunstancias e os operativos que fan variar a suposta posición editorial de La Voz de Galicia.

Cales son para vostede esas circunstancias?

O reparto eólico foi o factor fundamental, a aspiración a que se reformule ese reparto, e a que determinadas opcións non recibisen a súa parte da torta. Pero hai outro factor, a aparición en escena do partido de Rosa Díez, de Unión Progreso y Democracia (UPyD). Non son analista para determinar a que condicionantes corresponde esa extraordinaria emerxencia dunha forza política que chega a alcanzar os 25.000 votantes practicamente sen traballar nin coñecer o terreo, a través da fulguración mediática de Savater ou Díez. Estou convencido de que ten apoios importantes no mundo empresarial e político galego, se cadra como factor de recambio. O meu razoamento é que algunhas figuras da política galega coma Francisco Vázquez non son alleas a ese movemento de fichas.

Falaba no seu blog do entrismo, como esa actitude de certos conformadores de opinión, en aparencia de esquerda ou centro esquerda, que á hora da verdade acaban servindo estratexias conservadoras…

Iso foi unha broma da linguaxe trosquista.

Por que ese pudor a manifestarse abertamente nunha liña explicitamente conservadora, tanto de La Voz como doutros medios e sectores intelectuais?

La Voz de Galicia é no país o xornal único para moita xente que non necesita facer un esforzo de matización dentro do abano político. Ademais non ten competidores no outro lado do campo, e polo tanto aspiran a que sexa un xornal que lea todo o mundo, e aparentemente neutro. Tamén é o xornal das esquelas a día de hoxe. É un medio que a xente, sobre todo certos lectores, manexa apenas para a información local directa, ou pouco máis. Como proxecto histórico perdeu o rumbo. Alén diso, o seu nivel de autoesixencia profesional está en mínimos.

Pero tamén hai certos intelectuais que están nesa liña. ac1

O que nos xogabamos estas eleccións era moitísimo e nese sentido eu non podo entender que haxa colaboradores simplemente galeguistas –non vou dicir nacionalistas–, ou que se sitúan na esquerda, que nunca digan nada en relación coas posicións públicas de carácter político que toma o medio no que eles están intervindo. Paréceme un acto de covardía.

Entrando en responsabilidades concretas, cales son as de Touriño e Quintana?

Absolutas. Aí non hai matices, son os responsábeis do que pasou e cargarán toda a vida cunha responsabilidade política por este erro colosal que cometeron. Porque ademais toda a súa estratexia, todo o pacto de goberno e todo o que se tivo que aguantar desde posicións máis ou menos de esquerdas, foi sobre a base de que este era o inicio, e polo tanto, tiña que facerse ao ralentí. Ese ralentí levou a que o camiño que se quería andar fose moito menor do previsto, e a partir de aí, foi un fracaso colosal, de cálculo, ritmos, discursos…, que está a ter un efecto pertubador extraordinario para o futuro.

Sendo como foron as marxes de esquerda e dereita tan pequenas, a perda dunha parte do seu electorado de esquerdas foi especialmente grave para o bipartito…

Si, sen dúbida, e moitas veces por cuestión simbólicas. Outro erro moi grave da fase final do proceso foi que a presidenta do Parlamento acudise a un acto relixioso como o que supón a translación dos restos do apóstolo Santiago o 30 de decembro. Ela representa o poder popular. Non pode participar nesa teatralización lexitimadora que equipara poder civil e poder relixioso, en diálogo público, cun representante dunha institución político-relixiosa. Fíxese: iso ten unha forza desmoralizadora extraordinaria.

Que cuestións cre vostede que frustraron máis as bases sociais críticas nestes anos de xestión do bipartito?

No PSdeG-PSOE decepcionou moito, ao comezo, que Touriño confiase en exceso en tecnócratas, en xente de perfil político limitado, para o labor de goberno, opción que evidentemente respondía a una estratexia política. Esa percepción das bases trasladouse despois ao conxunto da sociedade, porque a parte socialista do goberno demostrou de maneira fidedigna carecer de discurso político. No campo do nacionalismo, o problema fundamental das bases foi de ritmos, de non aceptar que o ritmo non puidese incrementarse.

Mais ás bases tamén lles custou aceptar determinadas políticas realizadas dende o goberno. Talvez así o amosa a baixada do BNG en Ferrol, onde puido ser clave a oposición a Reganosa…

En Ferrol hai outra cuestión que cómpre ter en conta, a aparición de Terra Galega. Case todos os votos de Terra Galega, uns 18.000, están en Ferrolterra. A morneza en relación con fenómenos como Reganosa seguramente pasou factura. Tamén entendo que as bases do BNG probabelmente nunca chegaron a entender se compensaba facer tanto esforzo eólico para quedarse cunha porción que aproximadamente era a metade da inicialmente considerada polo propio BNG como innegociábel. A xente percibe talvez un exceso de protagonismo do BNG en cuestións simbólicas pero vaiamos a cuestións orzamentarias e vexamos a descompensación que se produciu entre o simbólico e o económico.

O PP mantén unha gran forza social. Onde radica?

O PP non ten inimigos naturais de suficiente tamaño no campo mediático e ademais sabe que calquera pequeno fallo que cometa a esquerda será sobredimensionado. O PP vive cómodo e relaxado na súa biosfera. Os predadores, no medio que habita e controla, non lle fan maior pupa. Nese sentido presupoño que o blogomillo pode constituírse en catalizador: ten moito que facer nos anos vindeiros, e para iso eu coido que ten unha capacidade grande de convocatoria, de mobilización, de facer ruído e chegar a máis capas sociais.

Unha das grandes perdas da esquerda estivo no voto mozo e urbano. Ponnos ante un mapa sociolóxico novo?

Hai que ter en conta unha vez máis a situación económica. Iso supón que a xente que accede ao voto nunha situación de inestabilidade, de falta de seguridade, etc. pense nas alternativas.

Por onde coida que debe ir a procura de novos líderes tanto no PSdeG-PSOE como no BNG?

O grave da situación actual é que existe unha percepción moi xeneralizada de provisionalidade nas decisións que se tomen nos vindeiros meses. E iso en termos políticos é nefasto, sempre se acaba pagando un prezo.

Dáse por suposto que existen tapados…

Planea a idea de provisionalidade, á espera da aterraxe dalgunha gran figura, e cando falamos de gran figura en relación co PSOE todo o mundo sabe a quen me refiro. Iso pasaría por unha adxudicación inicial da carteira de Obras Públicas a José Blanco. No BNG non hai ese referente externo, esas plataformas mediáticas, sociais e culturais que pode proporcionar a televisión do Estado, e todo se ten que cociñar doutra maneira. Creo que se están dando movementos en falso, que se están equivocando por todas partes, coido que aínda non se sabe quen será o líder nin que líder se necesita. Ningún dos que até este momento se mencionaron ten a forza que puido ter no seu día Quintana. E para ir para atrás realmente non sei se fai falta moverse.

Son compatíbeis as culturas políticas do PSdeG-PSOE e do BNG?

Non só non son incompatíbeis, senón que teñen puntos de converxencia moi marcados e hai que darse conta de que o futuro necesariamente pasa por aí. Non hai outra alternativa, non hai ningunha posibilidade de maioría absoluta para ningunha destas dúas forzas políticas no curto prazo

No BNG fálase da necesidade urxente de refundar a organización…

É unha evidencia.

O debate xira arredor da posibilidade tanto de conformarse en partido como de centrar a solución no volver a conectar cos movementos sociais. Para vostede, cal é a vía?

Non o sei. O tempo histórico do frontismo entendido como o entende a UPG pasou. Porén, estamos nun tempo histórico no que abrochan as converxencias de plataformas distintas con sensibilidades parciais. Aí entramos no debate un pouco habermasiano arredor de se a multiplificación de perspectivas e de forzas na esquerda non é un acto de servizo á dereita, que creo que en certa medida si o é. Parcializar a intervención a partir de claves como o compromiso ecolóxico, de xénero, reparto da riqueza, colaboración cos países en desenvolvemento…, nunha multiplicación de perspectivas, compromete a existencia dun discurso único de reacción contra a dereita. E a dereita ten un discurso único, tívoo sempre. Observe a xestión que fai do que lle digo a Igrexa católica. Aí está o paradigma.

Pasa entón o futuro do BNG pola renuncia ao frontismo?

Non sei se o futuro do Bloque debería pasar pola renuncia ao frontismo. Dende logo ten que pasar pola renuncia ao frontismo entendido nun sentido estalinista, no sentido tutelar do calibre do control que exerce a UPG, como unha especie de referente case moral tras de cada acto, de cada elección, de cada nome Pero iso significa renunciar a outro tipo de construción de plataformas plurais? Non. Agora, deixar unha plataforma plural para pasar a ser outro tipo de plataforma plural é un acto político de extrema indefinición e perigoso para a propia cohesión do Bloque, e aí nace a posibilidade da escisión, o que para min en termos simplemente políticos non sería unha desgraza.

Ao PP veulle ben que existira UPyD… Nese sentido, cre que ao BNG lle viría ben que aparecese un partido á súa esquerda?

Non lle viría ben, pero é certo que hai moita xente que está á esquerda do BNG en termos económicos e de políticas sociais, e sobre todo nun sentido que poderiamos chamar ético, de non aceptación de tutelas e de autoridades pre-políticas.

Para vostede non sería dramática esa posibilidade?

Non. Incluso podería axudar a que se reperfilasen nalgún sentido as posicións editoriais dos medios. A tutela da UPG é a día de hoxe o motivo fundamental que poden ter persoas situadas no espectro do centro para non botar BNG. Non sei o que podería pasar se aparecese unha forza política que aglutinase sensibilidades de esquerdas e que soubese prescindir de calquera tutelaxe. Dende logo estou seguro de que a primeira vista á dereita iso encantaríalle. A min, dígoo con claridade, ese reparto non me parecería unha situación tan vantaxosa para a dereita no medio prazo. Non o contemplo como algo apocalíptico.

Canto tempo lle queda a Galicia Bilingüe?

Está claro que o movemento Galicia Bilingüe será fagocitado de inmediato por parte do PP e dos medios que o apoiaron porque a súa persistencia sería un elemento de desequilibrio extraordinario para un goberno da dereita. Canto ao discurso de Galicia Bilingüe, se se exerce en sentido programático tal e como eles o declararon, e se o sacamos do ámbito da educación e o levamos ao xurídico, sanitario, etc., creo que moitos asinaríamos esa opción. Garántame vostede que vou ter un xuíz e procuradores que me van permitir intervir en galego a todas horas e en calquera lugar. Garántame que a administración central do Estado me vai atender en galego se quero. Claro, iso está fundamentado no cinismo: unha cousa é o que se di e outra é o que se quere. O PP fixo un programa no que defendía algo que en realidade non quería. O que quere é outra cousa moi elemental, que é a que quere tamén La Voz de Galicia e Santiago Rey Fernández Latorre: laminar por completo a cultura galega se non pasa polo aro da docilidade e a subordinación.

Na cultura xógase unha parte importante do espectro ideolóxico. Fálase de que, no novo goberno, Cultura será unha consellería única xunto con Educación e Política Lingüística…

Non me fai falta coñecer onde vai estar Cultura para saber o que quere facer coa cultura galega a xente do PP. Coñezo ben a traxectoria de Pérez Varela, sei o que significou, sei que iso é o antónimo absoluto do que eu chamo dignidade, e por tanto creo que é iso do que temos que estar pendentes.

Coida vostede que o decreto do galego será finalmente derrogado?

Non se atreverán. Creo que saben que se fan iso terían para a totalidade da lexislatura aí o talón de Aquiles. E saben que a capacidade de mobilización da Galicia actual por razóns simbólicas deste calibre é extraordinario.

Como están as forzas dos movementos sociais galegos?

Temos un bo estado físico e anímico no ámbito cultural e social. A capacidade que ten o mundo cultural e o mundo social de mover as máquinas é moita, e aí hai moito que facer, e se vai facer, máis aló de xestos. Unha chamada de atención ao mundo cultural para min sería romper coa simple satisfacción que pode dar facer un xesto puntual e despois esvaecerse nese ronsel de autocompracencia. O blogomillo e o mundo das ciberturbas, os novos medios, xogarán un papel importante, primeiro para desenmascarar todo o que pasou nos últimos meses, e a partir de aí para a intervención permanente, no día a día, e facer que o goberno do PP non o teña fácil.

Estas eleccións foron síntoma ou consecuencia?

Foron consecuencia, e foron consecuencia dunha intervención directa e brutal do mundo económico, financeiro e mediático na realidade política do país. Os galegos e as galegas temos que comprometernos con nós mesmos a tomar nota, a non esquecelo nunca e a saber quen é cadaquén.

   [Na fotografía superior Emilio Pérez Touriño e Santiago Rey Fernández-Latorre nunha fotografía de arquivo que reproduce Tempos Novos na anteportada do dosier indicado. Na outra fotografía, de Tamara de la Fuente, o entrevistado no seu lugar de traballo]

 

Raptar a realidade

3 de Maio de 2009

 Exactísimo hoxe Suso de Toro na súa columna de El País. Titúlaa “Fuera piel de cordero” e nela describe con precisión os operativos mediáticos do nacionalismo español en relación co Estado ben entendido, que como ocorre sempre nesa esfera arrinca cunha precisa planificación dos usos da linguaxe. Sempre a manipulación comeza por aí, xa se sabe. Primeiro é o dominio da linguaxe e o sometemento previa caricaturización dos enunciadores de mensaxes contrarias ou simplemente diferentes, despois vén o resto, até a claudicación de calquera outredade, até a asimilación de toda diferenza, até a comuñón confesional e única nalgúns principios morais e políticos emanados de quen sabe que cloaca dos poderes de sempre.

 Insistirei en algo postulado noutros momentos neste mesmo lugar: un dos compromisos colectivos básicos que ten por diante todo aquel que se sinta demócrata é axudar a sacar á luz con rigor e sobre todo con eficacia política o secuestro da linguaxe por parte de quen prentende anularnos, algo que comeza por ser sempre un secuestro da razón e un secuestro da realidade.

 O encontro de tres nacionalistas na COPE esoutro día constitúe unha manifestación meridiana de como se monta unha realidade paralela fundamentada na falsificación dos feitos. Entre Pedro J. Ramírez, Federico Jiménez Losantos e un Alberto Núñez Feijóo tacticamente reducido pola corveira COPE a labores de palanganeo radiofónico (e alá el se iso colma o seu ego e a súa folla de servizos) argallaron unha retórica na que unha vez máis se promoveu a confusión entre dominados e dominadores, entre vítimas e vitimarios, entre dereitos e abusos, entre o caos e a lei. Basicamente por referencia á lingua, aínda que non só, porque no mesmo paquete se meteu o asunto do parque móbil e todo o resto de contas do rosario desta xente pía.

 Reitero máis unha vez a cerna do asunto: hai que retar a quen sexa, incluído o actual conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e naturalmente o presidente do goberno, a que nos sinale un só caso na escola galega dos últimos vinte anos no que un neno ou unha nena que no momento de ingresar en Ensino Primario tivese como lingua inicial o castelán modificase por factores sociais, institucionais e ambientais referidos ás estruturas escolares esa opción de uso lingüístico en favor do galego. Déannos un só caso, un só caso que contraste coa realidade esmagadora que dá conta real do proceso inverso, o único que existe, o único documentado: o dos nenos e as nenas que empregando no ámbito familiar e social a lingua galega mudan esa opción tras un par de anos de escolarización (incluso menos tempo en zonas urbanas ou nas vilas). Déannos un só caso de nenos ou nenas que á porta da escola se despidan dos pais en castelán e regresen a casa un curso ou dous despois saudándoos en galego, pedíndolle auga á nai ou ao pai en galego. Un só caso!

 De modo que iso que se recolle na nota da COPE sobre o compromiso de Feijóo para a “reposición de los derechos civiles en los colegios” é un insulto intolerábel á verdade e á intelixencia. O Estado funciona, abofé que funciona cando se trata de impor a idea de que España segue a ser unha. E isto sabémolo requetebén todos, incluídos os tres tartufetes da tertulia matinal do 28 de abril na COPE, os falsificadores da FAES e os seus adlátares, os catedráticos de Dereito Constitucional, os editores dos grandes medios centenarios galegos e o bispo de Compostela, nacionalistas de ben todos eles.

 E un derradeiro apuntamento. Núñez Feijóo é moi libre no plano individual de decidir a quen serve. Nós, as cidadás e cidadáns de Galiza, temos a obriga de lle lembrar sen tregua que alén de chamarse Alberto e ter uns ideais e uns gustos persoais é o presidente do goberno do país e que por dignidade institucional non pode ocuparse das palanganas que lle poñan nas mans en público individuos como Federico Jiménez Losantos.

 [Jiménez Losantos, vocalista]

A Academia debe falar

29 de Abril de 2009

Tras o anuncio que o presidente Feijóo vén de facer nunha cadea de radio e o que nela e noutros medios se avanza de xeito algo máis que oficioso sobre a súa decisión de lanzar de inmediato a temida ofensiva contra a Lei de Normalización Lingüística e as normas que a desenvolven e que amparan os dereitos lingüísticos dos galegos, a Academia Galega ten o deber impostergábel de falar, ten a obriga política (no máis nobre sentido desta nobre palabra) de intervir. Debe facelo antes de que sexa tarde e de que os feitos consumen unha situación sen volta. Ten que facelo porque así llo demanda o artigo 1 dos seus vixentes Estatutos, onde se recolle que o seu obxectivo fundamental como institución consiste na “ilustración, defensa e promoción do idioma galego”.
[Manuel Murguía, primeiro presidente da Real Academia Galega]

ps. Brétemas: “Feijoo no labirinto” (01 05 2009).

Movemento de terras

26 de Abril de 2009

En tempo de tribulacións, facer mudanza. Iso é, contra o que dixo Íñigo de Loiola. Porque nel pesaba o nome cambiado, o ardor guerreiro do ignatius escollido pola súa universalidade (o lume está en toda a parte) en contra do antropónimo vasco, e en cambio nun o que pesa é o significado do nome propio, Artemio, o intacto, o tipo puro que se adapta pero é intocábel. E niso andamos. Movéndonos. Premovéndonos. Noli me tangere pero botádeme unha man, comentei.

Brétemas, que acaba de facer no Faro de Vigo unha lúcida análise do Prontuario Feijóo para a Eterna Permanencia, mudou de Blogger a Blogaliza hai dous meses e recoñece estar satisfeito polo cambio. Tanto que suma a súa voz, como hoxe facemos nós aquí, a prol dun movemento coral, como na operística romántica, como no Guillaume Tell de Rossini, pola independencia do canto. Saudemos pois o Blogaliza 2.0 e vaiamos xubilosos onda os bosques de Uri.

De modo que si, ingresaremos na orde muxideira, no Groupe µ que argalla na retórica, na información, na comunicación e na semiótica. Ben axiña nesta pantalla.

[Na foto o Groupe Muuuuuuu en 1970]

Medir os tempos

9 de Abril de 2009


Segundo xa se sostivo por aquí, dereita e esquerda nominal diferéncianse hoxe nalgunhas pautas, si. Unha delas, das máis destacadas, é no xeito de medir os tempos de intervención/comunicación á hora de combatir ao contrincante político. Sempre me irritou a inversión anotada por Michel Foucault a partir do apotegma de Karl von Clausewitz, segundo a cal a política sería a guerra desenvolvida e continuada con outros medios —Clausewitz dixérao ao revés no célebre Vom Kriege (1832), do que se dispón en liña dunha tradución ao inglés. A fin de precisar argumentos, engadirei que esa torsión sintáctica molesta máis no sentido intelectual que no ético. Desde logo, asumo a exactitude de fondo do quiasmo foucaultiano: a dominación consiste moi a miúdo en facer que o abuso sexa percibido como pacto. Por aí derivariamos á noción gramsciana de hexemonía, segundo é ben sabido; ou mesmo ao Zygmunt Bauman que en Liquid Modernity, tendo presentes conflitos como o balcánico ou o iraquí (o primeiro, o de 1990), reformula a Clausewitz para indicar que a guerra hoxe é a promoción do libre comercio mundial por outros medios. Novos matices quedarán para posterior ocasión.

O asunto entra hoxe no blog a propósito dunha das últimas comparecencias de Pérez Touriño como presidente do goberno. Interrogado polos xornalistas en relación coas declaracións de Baltar das que se informou aquí nun post hai un par de días, Touriño volveu ás andadas: dixo que iso non era novidade e acabou na vella linguaxe formularia da peor resignación antropolóxica. “Éche o que hai”, esa é a fórmula por el aplicada tamén cando o acusaron disto e do outro, nuns momentos nos que a partida estaba en xogo e nada fora decidido aínda. Esa combinación melancólica de suficiencia moral, soberbia intelectual e desgana física para baixar ao ring da argumentación foi o que derrotou ao bipartito o 1 de marzo. Esa abulia, ese baixar os brazos, esa convicción sobre o feito de estar á marxe da loita política, esa indolencia que tanto lembra ao último Felipe González na Moncloa, xa a partir de 1993, resulta por completo inadmisíbel en quen aspira a gobernar un país. Iso é o que abre a porta á reacción, esa entrega desmoralizadora, irresponsábel. Certo, é probábel que Baltar, cando compareza perante un tribunal (que creo que esta vez non escapa), xure e farfalle que el non dixo tal e que todo se debeu a unha mala interpretación do reporteiro e tal e cal e agora imos tomar unha de callos xuntos vosté e mais eu, e eu son incombustíbel e guapo, un campeón e tumba e dalle. Si, e que? E que, Touriño? Todos sabemos o que ese individuo leva anos e anos facendo cando hai eleccións, en efecto, pero até agora non se dera unha circunstancia tan favorábel como esta para conducilo perante a xustiza por delictos libremente confesados contra as leis, incluída aí a electoral. Se a conversa está rexistrada (difícil, porque Baltar non é parvo) algo debería pasar, algo tería que pasar.

Alén do anterior, a dereita de sempre non actuaría así. Funciona coa pauta do can de presa. Sabe calcular o momento preciso para trabar e facer dano. Por exemplo, a dereita non largaría agora, antes da constitución do novo goberno e en plenas vacacións de pascua, o escándalo Hernández. A dereita esperaría a que o tipo fose conselleiro de Obras Públicas. E cobraría así unha peza de caza maior, non un paspallás ou unha miñoca. Naturalmente, estou a pensar na dimensión mediática de todo este asunto, que si, é tamén venatorio, polo menos venatorio xa que non bélico no sentido Clausewitz-do-revés. Porque se concederá que non é o mesmo forzar a renuncia dun deputado que forzar a dun membro do goberno. E que non se dan conta? Cal é o motivo para facer política como hermanitas de la caridad cando un ten fronte a si todo o que o PP ten neste país noso (o que ten á vista e o que ten camuflado como paisaxe)? Alguén entende a esta xente? Esta sedicente finesse d’esprit que en realidade non é máis que panfilismo e dervichia basal, autismo político.

[A ilustración tómase da páxina http://www.myspace.com/coachisrael]

A democracia aparente

7 de Abril de 2009

Leo o capítulo VIII da vixente Lei Electoral, “Delitos e infracciones electorales”. Leo despois as declaracións de José Luis Baltar a Xornal de Galicia o domingo 5 de abril. Pregunta o xornalista ao presidente da Deputación de Ourense se o carrexo é un invento seu. Responde Baltar: “Lo hacemos todos, pero nosotros ganamos. Hay que trabajar. En todas las elecciones voy a Nogueira para vigilar cómo va la cosa. Vi a una pareja y tuve dudas. Le pregunté si me darían el voto, me dijeron que sí y entonces les cambié las papeletas que llevaban en la mano por unas del PP. Los acompañé hasta la mesa y luego comprobé que le iban a votar al PSOE”.
Vai pasar algo? Que fai a fiscalía?
Resulta obvio: iso que declara Baltar é un episodio que sabemos mínimo. O tipo, fachendoso como é, pletórico na súa estatura moral, ardido na hiperestesia ocasionada pola vitoria e por saberse co control absoluto de cada centímetro cadrado da provincia de seu, afeito ao vaivén hormonal do trombón fálico-retórico (burrada colosal seguida de inmediata retracción da vara; infamias persoais seguidas de calculadísimas peticións de desculpas), no límite último da súa lenta retirada da vida pública institucional, confesa algo. O tipo confesa algo mínimo. Mínimo, si. Sabemos que iso que di Baltar representa na escala dos mapas etopolíticos deste self-made man unha minucia, un nanocouso, un retallete do catálogo brutal de sometemento a intereses propios e de partido da bendita democracia, desta democracia tamén lenta del e do seu partido. En efecto, mínimo o acto do tipo na xornada electoral, mínimas as consecuencias. Pero a fiscalía non pode ignoralo. Ten a obriga constitucional de intervir. Máis aínda por ocupar Baltar o cargo que ocupa. E non debería agardar a que ninguén, particulares ou partidos políticos, promova nada.
A fiscalía ten que observar se hai ou non hai delicto no que Baltar confesa que fixo o día 1 de marzo. De habelo, terá que concretar aínda en que número. Cantos son os delictos confesados nesas palabras mínimas polo presidente da Deputación?
[Baltar no seu gabinete da Deputación de Ourense. Fotografía de Suso Arjomil publicada en Xornal de Galicia]

A realidade explicada a nenas e nenos

12 de Marzo de 2009

Pasou algo de tempo desde o 1 de marzo. Abondo para formular de modo sumario —dentro das limitacións de quen asina— unha análise directa do acontecido fundamentada en datos e por suposto tamén en percepcións e valoracións persoais, como é natural discutíbeis:

1. O reparto de votos entre o que convencionalmente denominamos esquerda e dereita resulta ser a día de hoxe en Galiza 1:1.

2. Este equilibrio case exacto nas opcións, que ronda os 800.000 votos para cada un deses dous supostos sectores ideolóxicos (non hai tal en realidade, por diferentes causas), presupón que os momentos inmediatos á celebración das eleccións son absolutamente decisivos.

3. De toda a vida, isto sábeo moito mellor a dereita que a esquerda. Sábeo e aplícao. Sábeo e aplícao até as 19:59 horas da xornada electoral mediante todos os procedementos que a lei permite e mediante moitos outros que repugnan á ética democrática aínda que a lei non os penalice de xeito explícito.

4. A dereita domina mellor os tempos políticos e mediáticos que a esquerda. Proba irrefutábel, con implicacións que teñen que ver co punto segundo, foron dous factores recentes: a resolución do controvertido reparto eólico a tres meses das eleccións (unha de dúas: prepotencia obtusa ou temeridade cega nas condicións nas que se fixo, con responsabilidade compartida dos dous socios de goberno) e a aparición simultánea dun novo xornal a comezos de decembro, algo que coa traxectoria tan curta até o 1M era moi evidente que só podía causar problemas, nunca render beneficios, a xestores e promotores directos ou indirectos pola previsíbel animadversión dos outros medios cos que ese xornal pasaba a competir, sobre todo do máis forte, La Voz de Galicia.

5. A dereita, unha vez que se incorpora ao ring electoral, sabe castigar o fígado até o desfalecemento ou o abandono do contrincante. Baltar é un exemplo magnífico do que se apunta. A esquerda nosa, a galega, ignórao todo sobre este aspecto. É pusilánime, piadosa, medrosa e pánfila. Ten incluso algo do espírito do seminarista: considera que se non se pecou o mellor é rumiar en soidade as acusacións que caian, porque o pobo é sabio e non sei cantas outras necidades que Gramsci desmontou sobradamente. Ademais, o socialismo galego nunca soubo promover a figura do segundo malencarado, do defensa central á vella usanza. Esa voz que reparte leña sen excesivas contemplacións, pero que logo asume con disciplina, simulación de acatamento e docilidade de aceno as matizacións que lle faga, entre o desleixo e a reconvención, o número 1. Sobre iso, o PSdeG , ignórao todo. E non será por falta de exemplos dos que beber.

6. A dereita, na súa inmemorial connivencia cos poderes fácticos, non experimenta pudor de ningunha clase no recurso ás mañas extrademocráticas con tal de alcanzar o poder. A dereita, alén diso, sabe poñer en práctica o que con todas as precaucións polo uso figurado da etiqueta, reclamada desde as vellas prácticas trotskistas, chamaremos entrismo. Así, numerosos conformadores de opinión habitualmente considerados de centro-esquerda ou dunha esquerda ornamental serven en realidade estratexias conservadoras. Ás veces non o saben eles mesmos, porque en xeral se fala aquí de individuos de tallaxe intelectual no rango S – M. Pero a maioría das veces si que o saben. Sábeno eles e sábeno as súas nóminas, igualmente entristas.

7. O entrismo, como é natural, non se deu só na esfera mediática no noso país. O caso de Francisco Vázquez (conservador, católico, local-nacionalista, muñidor do máis feroz antigaleguismo coruñés, militante impenitente da medra patrimonial) é paradigmático do que quero indicar: un individuo que pasa por republicano e socialista, guerrista en tempos!, e que impuxo con éxito esa ominosa mascarada a varias xeracións de cidadáns e de compañeiros de partido, deixando ademais unha pegada ideolóxica e imagolóxica brutal no coruñesismo menos democrático.

8. A dereita convive sen problemas coa frivolización da vida pública. Sabe facelo. Ten ese habitus, polo que non precisa esforzo ningún (véxase o escándalo Carrera Pásaro, véxase o sostenuto Baltar, os excesos, o vaivén verbal-caciquil). A esquerda non o ten, carece dese habitus. Cando quere frivolizar cae no ridículo e faino con consciencia de estar a remedar o que non lle corresponde. Quintana debe de estar pensando arreo sobre isto.

9. Estas eleccións gañounas La Voz de Galicia. A súa foi a única intervención decisiva en todo o proceso electoral. Fíxoo en boa medida (pero non só) á luz pública, xustamente polo indicado no punto anterior. A dereita non precisa esconder a maquinaria de guerra, a frivolidade, a instalación no límite exacto da ilegalidade e varios metros alén do que deberían ser as normas éticas e políticas dunha democracia merecedora de tal nome. O feito de que o editor Santiago Rey mantivese na páxina de acceso de LVG en Internet o escrito “Yo protesto” durante a totalidade da campaña electoral, xusto até a xornada de reflexión, cando foi retirado, é dunha gravidade extraordinaria e non debe valorarse só pola incidencia directa que puido ter nos lectores ocasionais. Foi ante todo un xesto fático e performativo: estou aquí, permanecemos aquí e ides ver o que pasa por facerdes o que fixestes. Iso cara a fóra, con fachenda e, insisto, no gume da inmoralidade e do que pode ser admisíbel na intromisión política dos medios como manipuladores da realidade. Cara a dentro, esa exposición permanente do escrito —intelectual e politicamente ruín— significou unha chamada á orde dos empregados da empresa, en todas as súas divisións. E tamén un aviso (mental, político, laboral). Esas divisións do medio mencionado son a día de hoxe cómplices na desactivación dun cambio histórico que era imprescindíbel para Galiza como proxecto nacional. Creo que somos moitos os que nunca o esqueceremos. E, en contra do dito por Barreiro Rivas, isto non foi algo menor, isto non forma parte da atribución de funcións que as institucións e os axentes públicos teñen dereito a exercer ou a poñer en práctica cando o consideran oportuno. En absoluto é iso o que fixo LVG. O que fixo LVG foi, con total claridade, outra cousa.

10. Isto último que se describe, sabido por quen pensou e acaso secuencializou o proceso todo en colaboración directa cos responsábeis da empresa mencionada (infundios, fotografías manipuladas na súa localización temporal e na súa proxección social, selección de datas para cada golpe de efecto, etc.), foi un elemento máis de afortalamento da táctica de derruba do bipartito. Por iso mesmo resulta inverosímil que Francisco Vázquez permanecese alleo á partida.

11. A estratexia á que fago referencia podería estar encamiñada a algo moi concreto a medio prazo: garantir no noso país un abrocho novo, o de UPyD, o partido de Rosa Díez, Savater e algúns outros que contan como lexitimidade curricular principal a de estar ameazados polo terrorismo de ETA (léase o seu programa electoral se se desconfía do que sinalo). Non son moitos, pero son os suficientes como para lograr, por exemplo, que o discurso terxiversador da imposición do galego sobre o castelán (falsificación irreal da verdade contrastada por observadores e técnicos neutrais que, porén, alcanzou un rendemento social e electoral moi apreciábel) movese a cartografía electoral nese ángulo pequeno que era preciso facelo. Ou non tan pequeno ao final. Calculo que polo menos un 20% do electorado tradicional socialista da zona urbana atlántica (Coruña, Ferrol, Vigo, Pontevedra) decidiu nesta ocasión negar o voto ao PSdeG.

12. A soberbia intelectual (?) e política de figuras como o conselleiro Méndez Romeu, e tamén nalgunha medida a da garda pretoriana do presidente Touriño, xunto coa insubstancialidade política e a baixada de brazos nos momentos máis tensos dun amplo sector do Goberno nomeado por aquel, converxeu irresponsabelmente co detallado no punto anterior. De modo que o conselleiro de Presidencia é a día de hoxe a faciana máis obvia do que significa a renuncia ao único xeito posíbel de desaloxar á dereita do poder en Galiza: converxer nalgunha forma co nacionalismo. Isto explica, como é lóxico na lóxica que ambos comparten, os parabéns que recibe por parte de analistas como Blanco Valdés. Reiteraraos, xa se verá, con precisa puntualidade, ás veces revestidos de advertencia. Porque do que se trata é de que desapareza das institucións o nacionalismo que el tilda de independentista á menor ocasión que se lle preste, criminalizando con vileza moral dous paxaros dun só tiro.

13. O papel de articulistas máis ou menos tocados coa marca de “editorialistas” en La Voz de Galicia foi igualmente eficaz para alcanzar os obxectivos trazados. Non falo tanto do que poidan representar os homes da casa, un Ventoso ou un Casal, ocasionalmente brillantes pero case sempre ecoicos, vacuos e tendentes á simpleza de análise e argumentación. Falo doutras sinaturas, falo dos que outorgan á causa de Rey o prestixio académico, a distinción, o fru-fru intelectual. Cumpriron o papel asignado Blanco Valdés, desde un discurso político absolutamente homologábel ao de UPyD, e Barreiro Rivas, nese seu zigzagueo cansino entre o vello espazo electoral dereitista-galeguista e a dependencia de esquemas de análise de xorne centralista e estatalista, pero á vez cunha probada eficacia retórico-homilética aprendida onde mellor se aprenden esas cousas. E digo asignado co dobre valor de auto-asignación e hetero-asignación. Desde logo, para min, as súas non son sinaturas libres. Descúlpenme se me equivoco, porque o asunto é groso. Pero a circunstancia histórica éo aínda máis.

14. Alén da gravidade histórica da manipulación exercida desde La Voz de Galicia neste proceso electoral, existen algúns aspectos que merecen unha atención especial: un é a súa constancia na xestión do cinismo social e político, que alcanza máxima expresión no mencionado manifesto do editor, cun correlato na rúa no papeliño de figurante adxudicado conxunturalmente a Galicia Bilingüe como úvula armada dun movemento destinado —sinalouno noutros termos Manuel Rivas— á extinción definitiva da cultura galega como realidade diferenciada e autónoma, non alienada e non subordinada, non rexionalizada e miniaturizada. Outro aspecto é o factor probatura-rodaxe: Santiago Rey acaba de constatar algo que xa el mesmo intuía, que desde a frivolización política, a instalación nun proto-berlusconismo populista e a soberbia de clase, pode argallarse na cousa pública e pode na práctica un (el) decidir quen presida o Goberno galego. É dicir, aprendeu a conxugar, a escala, os xogos de rol que outros donos de medios moi poderosos levan anos practicando en Madrid. Non entro agora na responsabilidade que o poder lexislativo, executivo e xudicial teñen en que iso se manteña así, en que se favoreza, ás veces entrando directamente na prevaricación, esa necia política en relación coa subvención aos medios. Por que temos que pagar como contribución á normalización lingüística un programa de actuación destinado en realidade a garantir a hexemonía da outra lingua e o mantemento dos seus privilexios? Non é iso prevaricación por parte de quen libra os fondos? Que nome lle poñemos aos receptores deses cartos?

15. Galicia Bilingüe era un bo nome, en termos publicitarios, para intervir contra o bipartito. Pero é unha pésima marca estando no Goberno o PP. En catro meses máximo, amortizados e disoltos.

16. Os risos máis altos na noite do 1M estou seguro de que se escoitaron en Roma. Co fracaso do bipartito —Touriño chegou a interiorizar o termo bi-gobernación na noite electoral— Vázquez riu de novo. Ecoan aínda eses risos na Piazza di Spagna. Volverá. En realidade, nunca se foi. Pero voltará a María Pita. Calquera expectativa de futuro de UPyD no Estado pasa polo nome de Vázquez. E iso sábeno moitos dos que moven os fíos da cousa pública para se, chegado o caso, Rajoy precisase axuda de infantería e intendencia. A que espera(ba) Vázquez? Desde logo, a isto. Pode que a algo máis, si. Calquera de nós sería quen agora mesmo de redactar o discurso que el fará público ese día, o da volta. Así de previsíbel me parece todo.

17. En relación co punto segundo mencionado no apartado 13, os medios —prensa, radio, TV (e agora vén máis TV)— tomarán nota das posibilidades enormes que teñen na súa man. O país semella aceptar a infantilización, a idiotización e a sedación. Hai unha entrega a esa tutela. E os medios con maior influencia, reitéroo, tomarán boa nota diso. Falta (díxose sempre) sociedade civil, esfera pública, debate. O fracaso neste punto podería parecer definitivo, pero non o é. A rede ten que asumir a responsabilidade que lle corresponde neste ámbito.

18. É imprescindíbel nos vindeiros meses unha demostración de forza. Non direi da esquerda. Direi dos demócratas. En parte, esas mobilizacións han vir pola cuestión da lingua e da educación. Ben está. E ben estaría tamén que algunhas institucións adormecidas levantasen de cando en vez se non a voz cando menos un dediño para pedir turno de palabra a ver se llelo conceden. Virán tamén as mobilizacións polo avance na destrución de emprego industrial e pola crise económica. E pode, en fin, que veñan de novo algún día polo que, tras o Prestige e a xestión que daquilo fixeron entre outros estes Feijóo e Rajoy, acordamos chamar dignidade. Pero eu animaría desde este humildísimo foro a que esa mobilización chegue ao día a día e teñamos moi claro quen serviu en bandexa esta victoria a un partido que ten como un dos seus obxectivos prioritarios desmontar a nosa dignidade como nación, domesticar a nosa dignidade cultural e social e pulverizar a nosa dignidade política.

19. As cuestións nominais para a remuda de dirixentes do PSdeG e BNG non saíron aquí. Non quero entrar nelas agora por simple preguiza e por non anoxar. Pero entendo necesario tratar aos derrotados, aos responsábeis maiores da derrota por seren eles dous quen dirixiron as respectivas forzas políticas e o propio Goberno, con tanto respecto persoal como distancia moral. A súa responsabilidade histórica é enorme, aínda tendo presente o dito aquí sobre a intervención decisiva dos medios e o non dito aquí sobre a guerra suxa non de superficie montada pola dereita, con tres variantes básicas, a viguesa, a ourensá e a coruñesa. Creo que Touriño e Quintana terán bastante con levar ese peso na súa conciencia política e civil. Ambos, é moi evidente, desaparecerán do mapa político en breve. Primeiro Touriño. Despois Quintana. Con esas desaparicións, en todo caso, non debera desaparecer o espírito de colaboración entre as forzas ditas de esquerda. Iso constitúe a única alternativa hoxe por hoxe á eternización no poder do PP. E ademais, deixando á marxe cuestións de convivencia persoal e abrochos esporádicos de momentos de tensión, estes tres anos e medio de goberno de coalición foron exemplares na traslación á sociedade de algo moi evidente: había entendemento e compromiso malia os proxectos seren bastante diverxentes.

20. Algo para rematar en relación con Feijóo. Á marxe de todo o que se vai ter que tragar este home en relación con asuntos de automoción e demais, sería magnífico que nos evitase a vergonza dunha nova toma de posesión con espectáculo público e escenificación do acceso ao poder. Hai tres anos e medio, cando aquel horror de Touriño e Quintana cos tempos medidos no Obradoiro, case como uns Pimpinela relativamente politizados, reflexionei sobre o difícil que resulta aprender, ser cauto, ser discreto nesta clase de momentos. Tamén reflexionei sobre a medida na que os socios de goberno acabarían intentando asimilar certos operativos do fraguismo. En fin, Sr. Presidente de case todos os galegos, tome posesión, agarre logo a feijooneta e traballe arreo sen facer ostentación de nada. Non xogue a ser Obama percorrendo avenidas en Washington nin a ser Fraga entre foles e bandullos. Se quere gaiteiros ou trombonistas ese día, métaos na zona de carga do monovolume ou da C15 de segunda man que estime adquirir e que os músicos lle amenicen a viaxe, pero en privado, por favor, e só entre o Hórreo e Monte Pío. Pase do Obradoiro, faga caso. A partir de aí, ollo! Vai haber moita xente no país que non permitirá un paso atrás en determinados logros históricos e democráticos. Palabra!

[Fragmento do mapa de Domingo Fontán, 1834]