actualidade política galegaArchive for the ‘’ Category

Tomarse un Sosegón®

5 de Marzo de 2009

Son contrario aos efectismos postelectorais cando se concretan de forma automática e mecánica en función do cómputo de votos e escanos e das subsecuentes decepcións ou euforias, fóra de foco ou perante as cámaras de televisión. Considero que esa clase de operativos, de novo pensados para a conversión a espectáculo da política, conducen a miúdo a afondar e extremar erros previamente cometidos. A nefasta reinterpretación da política en sentido mediático asume a vella lei de que o tempo é un ben escaso que se esgota sen tempo para a pausa e o sosego.
Pois ben, considero un deber rexeitar esa norma. O efecto postelectoral trae consigo un movemento expansivo e distensivo como consecuencia da retracción ideolóxica que adoito marca a competencia por iso que se chama “o espazo do centro político”. Pasada a representación, todo volta un pouco máis ao seu. Por iso é perigoso falar en voz alta nestes días. Todo predispón a extremar posicións e xuízos. Se no PP non se impón unha contención de proclamas e xestos, se non controlan o discurso de dirixentes e xefes de negociado, a cousa pinta negra. Poderían atoparse con movementos de aviso antes do remate da primavera.
Ocorre o mesmo noutros lugares. José Blanco acelerou os motores para evitar que o ritmo llo marcasen outras instancias. Probabelmente elixiu un líder para un deserto. Tamén un líder contra o que a Confraría do Istmo puidese promover de seu: un Moreda, por caso. Alguén con perfil nidiamente urbano, afeito ao trato cos poderes fácticos, que a día de hoxe son os mesmos de sempre coa única excepción (até certo nivel) do exército. É dicir, oligarquía, medios e igrexa. E no BNG tamén se dan pasos que semellan precipitados, cando o certo é que antes se conseguiu gobernar polos pelos e agora tamén se perdeu polos pelos.
Eu recuperaría estes días aquela frase necesaria que xa se citou no blog aí atrás: “Descanse un poquito, Prisidente!“. Descansen, reflexionen, practiquen o aquilo-naquilo, calen uns días, ho. Iso que Quintana chama “a xente” precisa tamén acougo, distancia. Sobre todo porque virán tempos duros e non hai que perder a forza toda pola boca.

[Francis Bacon, Home prendendo a luz (1974). Sosegón é marca rexistrada do Laboratorio do Dr. Moskeera, Gures (Mass.)]

inPOSTados (6)

3 de Marzo de 2009

“Por eso creo que la victoria obtenida ayer por Núñez Feijoo, aunque no marca la cima de escaños que obtuvo el PP, es el mayor triunfo obtenido en Galicia, porque es limpia, propia, inteligente e incontestable”. [Xosé Luís Barreiro Rivas, na súa columna de opinión en LVG, 2 de marzo de 2009]
Incontestábel?
Intelixente??
Limpa???
Propia, Sr. Barreiro????
[Barreiro Rivas nunha foto de Manuel P. Rúa]

FAQ 2

2 de Marzo de 2009

Sabe vostede se existe algunha lei de proporcionalidade directa entre os metros cadrados de bandeira de iate e os milleiros de votos glu-glú?
Cantos deses milleiros de votos glu-glú pensa que caeron polas cores da bandeira no encadre de babor?
Cantos deses milleiros pensa que se perderon polo tamaño da bañeira do iate?
Cantos deses milleiros de votos pensa que fixeron glu-glú pola suxestión implícita de corrupción política vinculada co concurso eólico?
Coñece vostede o nome da empresa de publicidade que deseñou e secuencializou o dispositivo foto-iconográfico de La Voz de Galicia para estas eleccións?
Estará limitada a operación de La Voz de Galicia a estrangular os medios que lle fan a competencia na área de influencia coruñesa-compostelá ou transcenderá a ese operativo por incorporar algunha clase de contrato político-mercantil coa forza que venceu nas eleccións?
Esquecerá vostede algún día a deslealdade institucional e a afrenta nacional causada polo PNV e o lehendakari Ibarretxe por fixaren parasitariamente a data de celebración das eleccións vascas o mesmo día que Touriño determinara para as galegas?
Que idade mental atribúe vostede ao socialismo galego acollido baixo as siglas PSdeG-PSOE?
Considera vostede apropiado que máis da metade dun goberno careza de discurso político?
Cederá de novo o PSdeG tras a retirada do seu actual secretario xeral ás vellas tensións de sempre?
Sabería vostede estimar a porcentaxe de novos parlamentarios cun discurso político minimamente coherente que poida ser articulado ademais nun rexistro lingüístico e nun nivel argumentativo á altura do esixido na selectividade?
É posíbel que algunha vez exista un líder político na esquerda galega que combine formación, carácter, sentido da realidade e capacidade de diálogo?
Consiste a sucesión nos postos de mando do PSdeG simplemente no resultado dun pulso entre Francisco Vázquez e José Blanco?
É vostede consciente do poder que conserva Vázquez no istmo coruñés, entendendo por tal accidente xeocultural o poder económico e mediático máis determinante no país?
Cantos telexornais lle quedan ao alcalde Losada se non tritura o acordo co nacionalismo no concello da Coruña?
Cantas veces releu Losada desde onte o manual LVG para fundir alcaldes en quince meses (ed. orix., 1981)?
Que papel reservan as providencias ao ministro Caamaño en relación coa fonda crise do socialismo galego?
Tomará nota sobre o acontecido a esquerda nacionalista extraparlamentaria ou continuará pensando que o seu papel histórico queda cuberto coa consecución de 4.500 votos cada catro anos?
Teremos por fin un estatuto de rexión?
A canto tempo asinamos esta hipoteca?
Podería vostede explicar en menos dun minuto e con palabras sinxelas por que carallo se lle chama a isto “a festa da democracia”?

[Pezas]

Champaña no jacuzzi

1 de Marzo de 2009

Gañou. Apostou e gañou. Gañaron os que prepararon a operación toda no istmo. Gañou Vázquez, que regresará. Moitas cousas se van mover nas vindeiras semanas. Touriño rematou a súa vida política en Galiza. Espero que o faga con dignidade e non permita a culminación de certas operacións ligadas á estratexia do istmo. Quintana non creo que peche a andaina no Hórreo, aínda que queda moi tocado no persoal pola circulación de infamias e a utilización de fotos. Corina xa non terá que abrirse ao exilio. Galicia Bilingüe parecerá que alcanza papel na interlocución e na demolición de certos símbolos e ferramentas, pero a realidade é que comeza a súa disolución (por simple perda de funcionalidade).
Como nas autoestradas, un exceso de cautela orixinou riscos enormes para a circulación, para o progreso social e político do país. No PP non se atreverán a facer todo o que anunciaron en letra de grande ou mediano corpo. Aínda así, veñen tempos de resistencia. Esperemos que de algo máis tamén.

[Santiago Rey, quen mantivo até a xornada de reflexión o manifesto “Yo protesto” ben visíbel na páxina de entrada da edición electrónica do xornal LVG]

Vita activa

24 de Febreiro de 2009


As palabras de peche do libro de Hannah Arendt The Human Condition (Chicago, 1958) son para recuperar unha máxima de Catón: “Nunca ninguén está máis activo que cando non fai nada, e nunca estará menos só que cando está consigo mesmo”. Conservando algo de sentido estas palabras, en especial coñecendo o valor moral e político do triángulo semántico labor – traballo – acción e a lectura que diso se fai por Arendt a propósito do lugar da ciencia na sociedade moderna, o certo é que estes cincuenta anos pasan sobre elas e sobre todos nós introducindo dúbidas sobre as dúas partes da fórmula. Penso que en especial polo peso do que vimos chamando globalización económica, multiculturalismo, hibridación etnosocial…, en definitiva por dous factores que no momento presente fan cuña e teñen a forma dunha patera en medio do océano: a concreción que se dea á mundialización en termos económicos e socioculturais (incluída aí a propia noción de estranxeiría, e aquí son de aplicación Derrida, Spivak… e a solución que a iso se dea Posted in acción, actualidade política galega, crítica, Hannah Arendt, pensamento, traballo, vida | Comentarios desactivados en Vita activa

Ámena menos, úsena máis

22 de Febreiro de 2009


“1. Manifestamos nuestro máximo respeto por las dos lenguas oficiales de Galicia, el gallego y el castellano. Ambas forman parte del patrimonio cultural de Galicia y por ello merecen ser objeto de nuestro reconocimiento y protección.

[…/…]

3. La Administración debe abstenerse de imponer hábitos lingüísticos a los ciudadanos, y de establecer cuotas mínimas de hablantes. Cualquier coacción o imposición en este sentido debe ser rechazada, por constituir una clara vulneración de su libertad individual”.

[Galicia Bilingüe, Declaración de Principios, puntos 1 e 3]

“Protesto porque el idioma que antes fue negado ahora se quiere imponer sin contemplaciones ni concesiones al sentido común. Y la lengua se parece en esto al amor. Si nadie por la fuerza pudo retirarla, nadie por la fuerza podrá tampoco imponerla”.

[Santiago Rey Fernández-Latorre, “Yo protesto”, La Voz de Galicia, manifesto presente na edición dixital do xornal desde a data da súa primeira aparición, o 7 de febreiro de 2009]

“No pasaré nunca, reitero, por el aro de la imposición lingüística, porque las lenguas ni se prohíben ni se imponen, se aman, se aprecian y se valoran, —porque— son instrumentos de unidad […] Quiero una Galicia sin adoctrinamientos de ningún tipo, no gobernaré a cualquier precio. Mi precio es alto: se llama Galicia y nunca se deberá a nada que no sea Galicia y los gallegos, y quiero ser y seré el presidente de todos y, sino, tenéis mí palabra y no lo seré; trabajaré para todos sin colores ni distinciones”.

[Emilio Pérez Touriño nun mitin en Noia o 22 de febreiro de 2009, segundo La Voz de Galicia, edición dixital do mesmo día baixo o título “Touriño quiere ser un presidente sin ataduras y no gobernará a cualquier precio”, co destacado en subtítulo da frase citada (os erros ortográficos proceden do orixinal)]

[Xirafa bastante monolingüe rumiando no xardín de Monte Pío, xusto no momento no que se detén a considerar en que medida a historia se repite e os presidentes cansan, mentres lle vén á memoria aquela dramática frase, algo timorata en todo caso, pronunciada no hemiciclo do Hórreo en altísima ocasión histórica (outubro de 2004): “Descanse un poquito, Prisidente”]

"Defender a língua nom é delito. Crónica do 8F"

19 de Febreiro de 2009

Súmome ás 7 razóns de Mario e recomendo ver a información de GZ Vídeos sobre os sucesos do 8 de febreiro en Compostela. É moi certo, nada disto saíu nin sairá non medios de información que controlan o que se debe ver e o que se debe pensar. Información e contrainformación, por tanto. Códigos e contracódigos. E reflexión a fondo sobre o que significa a posesión da linguaxe. Aquilo de abater/asasinar, verbos que todo informador aprende de inmediato a conxugar con corrección política e diáfana distribución semántica. O poder lexítimo abate. Os outros asasinan e reciben informativamente a etiqueta adecuada ao caso. Sempre foi así, claro. O terror é ás veces quen nomea o terror, quen ten o poder de administrar o que iso signifique.
Penso agora, noutra escala, na utilización que o delegado gubernativo Manuel Ameijeiras transmite aos medios sobre a etiqueta “independentismo”, ecuacionada directamente a “violencia” e a “ilegalidade”. Penso nos ecos mediáticos e sociais desa ecuación e na súa equiparación a “terrorismo”, verbalizada nas gorxas bilingües dos violentos bos do día 8 (“Leña! Leña!”). Penso na violencia que rexistra o relato de GZ Vídeos (tamén nos baleiros que se abren nesa narrativa, por suposto), na cámara a contar a súa verdade, nos berros dos manifestantes de GB, na conivencia con quen calculan que son “os seus” (este neofranquismo en gabardina, cada vez máis afouto), nos autobuses fletados desde Aragón ou Madrid (hai máis datos sobre isto?). Violencia boa, violencia mala.

Adeus ao Instituto Rosalía de Castro

18 de Febreiro de 2009

“Consonte co devandito, a cultura galega deberá asumir nos vindeiros anos o reto da súa internacionalización. Trátase de ubicar no mundo unha cultura con personalidade propia a través de programas de difusión e produtos de gran calidade técnica e moi alto valor simbólico, capaces de falarlle ao mundo dende unha perspectiva específica e particular. O Instituto «Rosalía de Castro» de Cooperación Cultural, que creará o novo goberno, será o instrumento axeitado para vehicular a presenza de Galicia no exterior, principalmente naqueles lugares de Europa e América que foron destinos preferentes da nosa emigración. O Instituto «Rosalía de Castro», en colaboración co Instituto Cervantes, ocuparase de difundir e promover o coñecemento da lingua e da cultura galegas, así como de colaborar activamente coas entidades e asociacións galegas do exterior e de recuperar e conservar o rico patrimonio material e inmaterial creado ao longo do tempo pola Galicia emigrante”.

“Impulsaremos a colaboración co Instituto Cervantes para que se difunda a nosa lingua e cultura por todo o mundo”.

En letra azul o que dicía o programa electoral do PSdeG para as eleccións de 2005 (p. 68) sobre a creación dun Instituto específico para a proxección exterior da cultura galega. En vermello o que di o programa deste mesmo partido (p. 210) para as eleccións do 1 de marzo de 2009.

Seremos a única nación da península sen un organismo deste tipo? Se o PSdeG goberna semella claro que si. Se o PP goberna habería algo máis de ambición que no caso anterior. Obsérvese o que a este respecto fabula o seu programa para as eleccións do 1 de marzo:

Colaboración co Instituto Cervantes para promoción e divulgación da cultura galega, pero tamén ca o Instituto Goethe, British Institute, …etc. [requetesic en relación con todo o que se acaba de ler, incluído o peculiar sistema de puntuación, o recouso morfolóxico, a idiocia bipolar e a referencia a organismos de dubidosa existencia, a non ser que o PP fale en realidade do British Institute of Osteopathy e se equivocasen ao colalo aquí en vez de facelo no epígrafe de saúde; por certo, cada vez que neste programa se fala de cultura ou de lingua galegas abrocha o que en uroloxía se denomina incontinencia adversativa severa, pásalles mesmo cando non teñen que contrapesar nada grave, como neste caso, no que é evidente que o cinismo de fondo en toda a argumentación sobre a lingua conduce ao delirio, porque, por dicilo con serenidade: que carallo pensan no PP que vai facer o Goethe-Institut por promover a cultura galega por exemplo en Eslovenia?, a que clase de votantes pensan que enganan con esas mistificacións?]

E se goberna o BNG? O seu programa (p. 155) compromete o seguinte sobre a proxección exterior:

Creación do Instituto Castelao de Lingua e Cultura Galega, co obxectivo de promover internacionalmente a identidade, lingua e cultura de Galiza, centralizando e coordinando todas as políticas de apoio á lingua e cultura galega no exterior.

En fin, botando os cálculos demoscópicos de rigor, adeus ao Instituto Rosalía de Castro. Hai medo a activalo. O PSdeG-PSOE ten medo a crealo e cede á presión dos jacuzzis e do zurro que sae de certas cortes. Para que logo digan que o de Galicia Bilingüe foi un fracaso! Simularán talvez no PSdeG, se alguén pregunta, co retrouso da crise. E haberá quen os crea. Este blog, non. Este blog, que fixo da causa da proxección exterior da cultura galega (lémbrese Steiner alá en setembro) unha das razóns da súa activación e existencia, entra hoxe en semicoma polas emanacións gaseosas deses programas electorais repasados sen a prevención necesaria. Aínda vai ter o mantedor que chamar aos redactores contrarreformistas do PP (contrarreformistas da reforma Albor-Fraga, enténdase) para ver se o reaniman cun “, …etc” con xenebra.

[Isidro de Benito e Francisco Clivilles, Rosalía de Castro (1917), no Parque da Alameda de Compostela ]

A terra quere pobo, en efecto

14 de Febreiro de 2009

Ben interesante, non como adoito nesta caste de simulacro do chateo “ente conspicuo” – “masa disforme”, o encontro dixital das lectoras e lectores con Xosé Luís Barreiro Rivas onte venres na Voz de Galicia. Nun comentario ao post noso do día 12 sinala Tío Pepín que lle pareceu raro que ningunha pregunta das dirixidas a Barreiro se referise á posición Rey, ao j’accuse de jacuzzi do que vimos falando. Desde logo, semella un pouco curiosa esa ausencia. Pero é evidente que non se pode contestar a todo e que non todas as preguntas pasan da portería.

Na figura pública de Barreiro existen na miña percepción algunhas notas chamativas, algunhas contradicións que fan atractiva a súa imaxe e en particular o seu discurso. Quizais porque, sendo un home conservador, proxecta uns hábitos de pensamento que saen dese marco, e tamén porque os seus escritos plasman un proxecto reformista que de se ter aplicado durante a os longos lustros de pax fraguiana terían determinado algo semellante a unha reinvención polo menos administrativa do país (ás veces a reinvención nacional é cousa dos reformistas, por moito que escoza).

Aliás, raras veces verbalizou Barreiro en público, que eu saiba, unha das cuestións máis persoais que figuran no chat de onte: a da súa expulsión da vida pública e a das tentativas (diversas) de reincorporación á esfera política e ao exercicio do poder. Cinguireime a iso en seguida, pero antes quero concretar algunha outra nota de contextualización. Por exemplo, a súa opción lingüística no chat. O uso exclusivo do galego nas respostas do encontro, mesmo nas respostas feitas a preguntas formuladas en castelán. Anótoo, simplemente. Anótoo polo contraste coa súa práctica de anos como columnista nese mesmo medio. E anótoo tamén por contraste coas cousas que vimos tocando estes días a propósito de Galicia Bilingüe (incluído o tic José Blanco) e da entrada desa plataforma na campaña ás eleccións do 1 de marzo, confesada como tal pola súa voceira Gloria Lago sen lugar a dúbidas nin a reservas de ningunha especie (“Estamos consiguiendo que los partidos se muevan“). Segundo indica Tío Pepín, é evidente que Barreiro se implica nese debate, que toma partido nel e que se distancia, aínda que sexa con cautela, da posición Rey. Mesmo que se desmarca do abuso mediático destinado á manipulación informativa e ideolóxica pola que se sobredimensiona a deriva violenta (o momento “cristal”) que puido funcionar como séquito ou como testemuño de resistencia (existen valoracións) á marcha dos mil e pico por Compostela (por certo, que Nós-UP pida a ilegalización de GB resulta para min tan inescrutábel como un tratado de teoloxía positiva).

O que me confirma tamén este encontro co politólogo é algo que hai moito tempo teño como certo. Percibo de sempre a xa longa xeira do Barreiro columnista na Voz como unha demorada Brief an den Vater, ou Carta ao Pai, pendente de algo que sería redutivo concretar na liña culpa-perdón, pero que desde logo está absolutamente inscrito na sombra de Manuel Fraga (e nunca, ou case nunca, na de Fernández Albor, por certo). Percibo as análises de Barreiro como lúcidas e asemade como seriamente pexadas por algo que levan enriba, unha laxe pesadísima procedente da súa expulsión da vida pública mediante operativos político-xurídicos que si terían merecido na súa sazón algún j’accuse, e non dos de salón nin dos de cuarto de baño precisamente. En Barreiro hai tamén algo de tráxico-shakespeareano, que no meu entender explicaría a aceptación (resignación) dun exilio académico con tanxencias ao público. Naturalmente, non diría nada disto se non fose porque creo que excede en moito o sentido do privado, porque creo mesmo que atravesa de les a les un libro como A terra quere pobo.

Velaquí xa o que mencionei arriba sobre o pathema da expulsión:

—Sr. Barreiro, no sé si me contestará a la pregunta. Mi opinión es la siguiente, dado el bajo nivel de la clase política gallega -en general-, creo que una persona como Vd. daría un buen Presidente de la Xunta. Es posible retomar su carrera política hacia tal fin, o lo tiene descartado. Un saludo.

—A política e os políticos non son elementos illados do contexto social, económico, organizativo e cultural dunha sociedade, e cometería unha equivocación quen carente de unha organización adecuada e dun contexto cultural necesario para plantexar unha etapa de rexeneración política se lanzase á area confiando só nas súas forzas. Cando a min me botaron fora da política cunha maniobra evidente que o PP debería explicar agora e cando o conxunto da cidadanía me negou o pequeno apoio que necesitaba para aguantar non se perdeu só a miña carreira persoal senón que se perdeu tamén en honor e gloria de Fraga un instrumento de acción política coma era o nacionalismo centrista que hoxe sería unha maravilla para dinamizar e elevar de categoría o nivel da nosa política. Nas actuais circunstancias a miña volta á política sería coma se Springsteen subira ao escenario sen amplificación ou sen destellos de luz, ou se Messi saíra a xogar con equipo formado por dez inexpertos e máis el. Iso sería melancolía pero non sería música nin fútbol e algo así sería tamén a miña volta á política que sería un bó espectáculo pero estéril.

[Barreiro Rivas nunha fotografía tomada da páxina web que incorpora o encontro dixital mencionado]

J’accuse no jacuzzi

12 de Febreiro de 2009

Seguir falando do fracaso da convocatoria de Galicia Bilingüe é un erro. Talvez teña algún sentido táctico ou emocional facelo. O problema é chegar a crelo.

Un indicio de que non hai tal fracaso é o xeito no que algúns reaccionaron estes días a todo o proceso que conduciu até a manifestación do pasado domingo en Compostela. Galicia Bilingüe e a conexión que representa con UPyD, o partido de Rosa Díez, e outras plataformas conservadoras ou fascistoides da súa trastenda non fracasan desde o momento no que están forzando tomas de posición e declaracións de terceiros para delimitar un espazo ideolóxico e mediático de cara ás eleccións do 1 de marzo. Non fracasan desde o momento en que acollen significadas adhesións por parte de responsábeis políticos e cargos públicos do PP. Porque é evidente que a cuestión ten unha dimensión que transcende ao debate sobre o modelo lingüístico da educación ou da vida pública. Isto é innegábel. Que noutra zona do ángulo parlamentario e do reparto de poder, dirixentes políticos como José Blanco cheguen a sentir a necesidade táctica de lanzar unha mensaxe de rebelión (sic) contra a imposición de falar galego é un indicio do que se sinala.

Pero moito máis relevante que todo iso é a manobra manifestaria de Santiago Rey no seu xornal, ese “Yo protesto” que na edición dixital de La Voz de Galicia abriu páxina durante nada menos que catro días e que agora mesmo segue sendo accesíbel nunha posición menos destacada da web. Rey, co soporte dalgunhas persoas do mundo empresarial e profesional coruñés, dun catedrático de Dereito Constitucional da USC e dun intelectual, asumiu en realidade co seu manifesto, en forma e fondo, as posicións de Galicia Bilingüe e todo o cinismo social que vai no seu guiñol. Fixo coincidir ademais a publicación dese texto coa celebración da manifestación do pasado domingo, como querendo subliñar unha concordancia de fondo e unha empatía coas consignas. Imaxino que os membros de GB estarán moi satisfeitos con ese apoio.

Trátase dun erro de colosais dimensións nunha persoa da súa traxectoria empresarial e política. Un erro de análise e un erro estratéxico, acaso derivados dunha inquietude puramente contábel e conxuntural. Pero ante todo, e isto é o único que desexo destacar hoxe aquí, estamos perante un desafío á sociedade civil galega e á legalidade. Un desafío que se dirixe de modo especial ao campo da cultura galega. Unha declaración pública desa entidade, no que é estritamente o plano lingüístico-cultural que incorpora, non debera quedar sen resposta social nin, atención!, resposta institucional. Non se pode amosar conivencia nin fraqueza moral con esta clase de asuntos. Non se deben rir estas supostas grazas a quen paga ou convida. As institucións están para algo e é perentorio que cumpran co seu deber. Como tales institucións, loxicamente. Porque non estamos diante das reflexións dun columnista calquera un día calquera. Estamos diante doutra cousa moi distinta.

[Fotografía da manifestación de Galicia Bilingüe o 8 de febreiro en Compostela. Tomada da páxina web da asociación]

O poder de dar nome ás cousas

10 de Febreiro de 2009

Confésoo. Cada vez que, ciclicamente, El Hijo del Trueno se ve forzado a intervir porque a Historia o demanda, ou porque algo importante debe ser reaxustado entre fígado e petos, tremo como mapoula silvestre ante o Klaus e agocho logo a caluga coa humildade de quen sabe desde neno que os seus días desembocarán fatalmente nunha esquela nas follas que el pilota con liberalidade e galeguismo ben entendido. Esa clarividencia de xuízo e de exposición, ese desinterese, esa clase, ese tinte… Ese kairós tamén seu de falar cando cómpre (“es necesario levantar la voz y llamar la atención de los corazones nobles, como hemos hecho siempre en momentos cumbre, desde grandes medios de comunicación, aquellos que tenemos como norma cumplir con nuestra responsabilidad. Y eso ha de hacerse por encima de cualquier posición cómoda, aun a riesgo de ganarse las incomprensiones de unos [PP?, certo PSOE?] y las declaradas hostilidades de otros” [BNG?]), na oportunidade exacta para mudar o rumbo dos acontecementos, aínda que se dea a malfadada coincidencia de que ese sexa xusto o día no que unha extrema dereita disfrazada de igualitarista e demócrata demanda unha política lingüística anticonstitucional e antiestatutaria e nos chama aos demais imbéciles por non percibir país e mundo cos seus lentes, non outros que os do privilexio de clase e a alienación nacional.

E agora, serios. Atención ao xiro dialéctico e político deste editor a tres semanas das eleccións. As súas palabras e argumentos soan esta vez directamente a berlusconismo malia a fatuidade dese título que procura o parangón que procura (miñaxoia!). Os argumentos do editor constitúen violencia porque confunden e manipulan negando validez política a case todo o que se move nos hemiciclos de occidente e porque incorporan unha actio profética que resulta cínica nunha persoa que representa o que el é. Non é que haxa un anti-sistema aos mandos da Voz. Non é simplemente que se declare que todo está mal entre a dereita social e o marxismo contemplativo, un pouco ao xeito de quen inspira aproximadamente tres cuartas partes do discurso Rey (Roberto Blanco Valdés, naturalmente, vid. infra). Atentos ao xiro, moi atentos ao xiro e ao seu engarce social co que supón un populismo transversal e supostamente desideoloxizado.

Por riba, atribúese Rey Fernández-Latorre certa tradición galeguista (de seis nomes mencionados, cinco pertencen a mortos e non van chistar; chistarán os vivos citados ou non citados que colaboran no xornal?, chistará Barreiro?) para forzar un desprestixio de determinadas políticas culturais e lingüísticas máis que moderadas en relación cos programas de goberno publicitados no inicio da lexislatura. Violencia e terxiversación as de Rey que semella claro que aspiran a converxer nalgún sentido co vazquismo e con certo cinismo social moi poderoso no istmo coruñés. Violencia non do tipo da que retratan o seu periódico e outros medios en lugares privilexiados e ben visíbeis, identificando independentismo e resistencia á falsificación da realidade; ou tamén, noutra esfera, independentismo e revolta social. Violencia da outra, da que non se nomea, da impune, da que se exerce desde o poder e sae gratis. Violencia manipuladora da que non se resolve varrendo as rúas ás 5 da tarde. Da outra. Da que sabe Vázquez (que casualidade que me saia xa dúas veces neste post!, será que releo estes días en Larrea e ando propenso á pre-visión onírica?, será que volve e Rey o sabe?). En fin, que as condeno, todas, a das botellas lanzadas e a destrución de mobiliario urbano (iso é violencia, o resto de accións atribuídas ese día aos contramanifestantes non o é) e a das falacias calculadas dun individuo con tanto poder. Pero sei medir e comparar o dano que fai cada unha delas. E comparo tamén a resposta que recibe cada unha delas.

Por último, violencia ineficaz, inocua, inoperante, a do editor Rey mentres se ate a ese metrónomo vacuo de pedir e solicitar sempre o mesmo desde unha retórica de coros e danzas (“toda la rémora y la falta de perspectivas se quedan en el abandonado paraíso del Finisterre”). Como a inmensa maioría dos cidadáns que len xornais, un nin é imbécil nin permite ser tratado como tal. Pero isto é o de menos agora. O relevante, ademais da leña que mandou dar Ameixeiras e o que agora faga o fiscal, é a pauta política do editor do xornal que máis xente le, ou follea, en Galiza. A tres semanas das eleccións e con toda a redacción en posición de revista (algúns mediopensionistas xa o pillaron, e ecoan).

[O editor de La Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre]

ps. Antón Baamonde contextualiza o asunto e opina desde o blog O Café na Trincheira (25 02 2009).

Iconografía electoral

7 de Febreiro de 2009

Chamoume a atención o feito compartido polos tres candidatos a presidir o Goberno: ningún deles olla á espectadora, ao votante, nestes primeiros carteis da precampaña. Nesa iconografía prostética ou prostática (Hal Foster?), que herdamos da modernidade e que aspira á concreción dun home novo, é sempre interesante agardar polos modos nos que a maquinaria electoral decide a primeira fórmula de contacto antes de solicitar directamente o voto, algo delimitado segundo a lei aos días da campaña. Entón, observo.

Feijóo opta por un contacto co público novo, dinámico, urbano. Contempla algo, nun plano inferior ao dos ollos, entre abstraído e concentrado, pode que algo atribulado, ao jamesdean , pero ao tempo sport, seguro, con causa. Talvez olla o programa das oposicións á xudicatura, un estado de contas vido do Caribe ou o bíceps femoral. Non dou atopado o cartel para poñelo aquí, pero vostedes sabén do que falo.


Quintana sorrí contido e semella ensoñar un paradiso new deal de terceiras idades desprexuizadas en adosados luminosos co híper preto mentres atura con dignidade igualmente escandinava unha otite na parte esquerda, xa caendo á moa superior do xuízo, e lembra aínda o cocido do martes na Paradanta. Hai ausencia de verdadeira concentración nese escoitar / mirar seu, acaso pexado un chisco pola cruz institucional sobre o ombreiro dereito ou pola dixestión demorada de xenos e costela.

Touriño emerxe ex machina sobre fondo negro e considera riscos globais ollando a esquerda e dereita da espectadora, ora ledo (malia sen saber por que) ora grave pero espilido. Vémolo poste si poste non nas estradas todas do país, marcando territorio e tuneladoras. Pondera entremedias, entre poste e poste telefónico, cánto se pasou a xefatura de campaña co xogo case anarcoide (ou non, obámico!, iso, obámico!) de negros e vermellos sobre os que aluca el en indisimulado pero tenue contrapicado, o presidente que nos une a todos/as, pero en particular aos maiores de 50, pois para eles e elas, para nós, vai este primeiro tiro seu, que os novos nin perciben.

[A fotografía de Hans Bellmer supoño que sexa de mediados dos anos 30. As outras son de setenta anos despois]

FAQ 1

31 de Xaneiro de 2009

Coñece vostede alguén que non sexa independentista?

Coñece vostede alguén que postule en termos políticos a dependencia nacional?

Coñece vostede alguén que non sexa nacionalista? Cal é a súa nacionalidade (a del/dela, a do non nacionalista)?

Que significa hoxe ter e manter con(s)ciencia de nación?

Substitúe a declaración pública á política?

Que é (para vostede) (hoxe) a política?

Cal é a incidencia performativa (histórica) dunha declaración sobre unha toma de posición política propia cando esta se reconduce, por asfixia mediática, á esfera do privado?

Substitúe o testemuño á acción?

Conserva algunha lexitimidade social o que noutra altura histórica se chamou “intelectual”?

Cantos intelectuais por km2 son admisíbeis nas condicións de ilegalización do pensamento que estamos a experimentar en termos culturais e mediáticos?

Dependería a resposta á cuestión anterior do grao de autonomía nacional e do grao de autonomía do campo de produción ideolóxica de que se trate?

Só intelectuais, artistas e outros suxeitos catalogábeis dentro do marco do chamado exotismo histórico manteñen a prerrogativa de declararse algo en termos de verbalización pública?

Son o mesmo discurso público e verbalización pública?

Hai posibilidade dun discurso público non verbalizado?

Como medirmos a eficacia das declaracións públicas?

A opción que queda é posibilismo raso e calculador vs. estatuaria pública nunha historia posíbel/improbábel?

Que facermos con tanto papel?

[Furtivos nunha praia. Fotografía de La Voz de Galicia]

Arredistas e irredentistas

29 de Xaneiro de 2009

Agora que Ferrín pide facermos outing colectivo no debate sobre a soberanía nacional e que a demanda coincide no tempo coa floración de mimosas e mais de facemillos, con todo o mundo a bombardear para que un abra trinque e faga amigos, vénme aos miolos unha dialéctica estraña, que non modulo nin matizo e que, como dirían os poetas posrománticos finiseculares (finiseculares de aí mesmo, non só os do XIX), abrocha de modo espontáneo e ceibo da ialma.

Percibo, en efecto, un movemento de contrarios a percorrer pantallas. Poñámoslle nome: arredismo do eu e irredentismo do nós. O primeiro mangonea en chats e foros, funciona e desarma no espacial-identitario. O segundo goberna en Facebook, sen ir máis lonxe. O seu funcionamento especialízase no crono-identitario.

O arredismo do eu implica unha pulsión por abandonar o que se é, a identidade individualizada que cansa e provén xa do vello ennui pascaliano (nada a ver coa frivolización Gainsbourg, que lembra máis ben a ensoñación dun Pour-soi sartreano a percorrer corredores filolóxicos e a custodiar todo parler-femme). O arredismo do eu conduce á multiplicación viral da identidade. Senta un cos dedos no teclado e xa é tantos coma teclas. En minutos a identidade abisma ao exponencial. Nun chat paquistaní que espiei esoutro día preguntaban segundo entrabas: casta? relixión? E un pode arredarse de si, centrifugarse na voráxine, evadirse do sangue e do fedor que emana de boca e horario. O vicio é individual.

O irredentismo do nós consiste nun movemento de ex-pulsión, de auto-propulsión no carrusel da vida xa vivida ou case vivida, pero conduce a outro territorio, a territorios comúns. Basicamente, hai unha nostalxia do tempo neste caso. Facebook alela acenos e os acólitos desa mística acoden en comuñón ás campás da vella infancia para reconquistar pasados, vidas que puideron ser, anagnórises diferidas, como no atildado Eliot. Alí, onda a terra usurpada da xuventude ida para sempre, localizamos nomes, pasos, sombras. Ou tamén onda a fronteira deíctica que constitúe a linguaxe e anuncia estou aquí. Nunca só, na horda.

[Xardín da Place André Maginot de Nancy, La Lorraine et l’Alsace retrouvée]

Seme, impeachment, sangue, votos

5 de Xaneiro de 2009

Contra o que unha maioría da xente pensa, a retórica é hoxe unha disciplina ben viva. Non só como depósito dun saber antigo do que se ocupan algúns eruditos con caspa senón tamén como un repertorio dinámico de ferramentas argumentativas e suasorias. Demóstrano sen ir máis lonxe a linguaxe publicitaria e a comunicación pública dos políticos en exercicio (reitero isto, “en exercicio”).

Creo estar cada día máis seguro de que neste último campo se produciu un cambio moi importante de tendencia a partir do caso Clinton-Lewinsky. É como se todas as escolas de retórica activas no planeta decidisen mudar de manual a partir de entón (“entón” refírese ao impeachment por perxurio e outras imputacións, que vistas desde a perspectiva aberta polo 11-S semellan comparativamente ridículas). Decidisen, por exemplo, que antes que a versión argumentada da verdade o único que verdadeiramente importa transmitir a unha cidadanía reconfigurada a público é a capacidade de negar a evidencia. O máis chamativo é que a esa posición se sumasen de forma tácita sectores institucionais, mediáticos, xurídicos (!) e unha moi relevante maioría dese público.

No arranque do século XXI, e lido o asunto en perspectiva demoscópica, o mellor político é aquel que con maior convicción persoal saiba negar o que para outros —para os demais— é perceptíbel de xeito directo mercé aos sentidos ou á razón (perceptíbel mesmo de forma inmediata).

No básico, esa convicción persoal contra o evidente procede de dúas fontes: ou ben dunha fe cega no discurso propio ou ben da idiocia, dunha idiocia incluso mórbida. Creo probábel, non seguro, que aquela célebre intervención de Colin Powell perante a Asemblea Xeral da ONU antes da entrada en Iraq das tropas estadounidenses correspondía ao primeiro deses ámbitos. Igual, por certo, que todo o que agora deriva da crise económica mundial (tipos con autoridade técnica impuxeron un discurso-fe intereseiro sobre a realidade, sobre os feitos, tamén sobre a lei e o control público das finanzas; o discurso aguantou o que a fe inducida nos mercados; perdida esta, perdido todo). Polo contrario, creo probábel que unha parte non menor das declaracións que os medios publican en forma de entrevistas —a deportistas, famosos, ociosos, artistiñas, burócratas, intelectuais…— corresponden ao segundo ámbito (preguntas necias: respostas necias). E xulgo, en fin, así mesmo verosímil que unha figura en termos históricos tan improbábel como a de Aznar resulte dunha combinación inopinada deses dous inputs, cegueira e idiocia, a carón dun terceiro chamado ambición (ambición persoal, por suposto).

En termos retóricos, a negación da evidencia conleva unha consecuencia: que a actio (o xeito de presentarse e de “actuar” ao facermos público o noso discurso) se impoña con violencia sobre a inventio (o asunto pensado, o que se quere dicir, a consideración das probas vinculadas) e a dispositio (o xeito no que se ordena e se argumenta o asunto pensado). Oito anos con George W. Bush aos mandos foron definitivos nesa esfera inventivo-dispositiva. Houbo de feito unha especie de dislocación funcional da oratoria institucional, que incomprensibelmente resultou aceptada como praxe lexítima de terxiversación da verdade por unha maioría de produtores e consumidores de información. Ese é o caldo de cultivo da impunidade, unha impunidade que case chegou a albiscar o Clinton do falso testemuño e das trabas á acción da xustiza, pero que non perdurará no tempo en tanto praxe lexitimada porque acabará vencida en canto a democracia saiba reinventarse e os tribunais internacionais cumpran cometidos máis honestos que os que hoxe lles asigna o poder global.

Do anterior deriva que na política actual a narratio pertenza en moi alta medida á actio. E tamén que a argumentatio sexa xa materia plena desa actio abdutora, omnipotente. O cambio, estou convencido, é cultural. Difícil de corrixir ou matizar. Apoiouse de modo claro e oportunista no proceso aberto polo terrorismo islamista e nútrese da vontade occidental de reaxir contra a ameaza empregando armas de calquera calibre. Por iso, nestes días, a moitos non lles resulta raro escoitar dicir á ministra de Exteriores de Israel que en Gaza non hai un problema de emerxencia humanitaria. Por iso imos asimilando tamén que pechar Guantánamo será un proceso longo que Obama sabe xa que non poderá acelerar.

Tampouco resulta estraño, nin chega a percibirse inequivocamente como cínico —nunha escala infinitamente menor á anterior, malia ir referida igualmente á festa da democracia e ao sagrado calendario—, escoitarmos a Ibarretxe encaixar as súas non-narracións e os seus non-argumentos en pura actio que xesticula e remexe mans con cellas para velar a verdade sobre unha banalidade tan inmensa, vista contra o masacre de Gaza ou contra a tortura en Guantánamo, como a que poida caber nun domingo de marzo no país por el gobernado e mais no noso. A actio fica así limitada ao que noutro tempo se chamou cara. E pode un imaxinar, sen grande esforzo, a que poría o lehendakari se a xogada fose á inversa.

Choverá o 1 de marzo? Con que intensidade?

28 de Decembro de 2008

Choverá? Fará vento ese día? Cantos mortos votarán? E os vivos, carretarán a eito? Sorrirá quen nunca o fixo? De onde me ponderarán a min e ao meu bloguecho se gañan os bos? Dunha romana? Pobueno!
[A imaxe sobre a felicidade contida do conselleiro ASC naquel moi chuvento verán de 2007 é de Berto Yáñez, a quen algún Rey do país debera pagar un soldo vitalicio para facernos sorrir cada día cunha desas e para que se deixase de montar empresas con outros sabios/as desexosos unicamente de vivir ben]

Un curso, nada menos

19 de Outubro de 2008


Unha vez aclarado (e comprometido) polo presidente Touriño que non vai haber adianto electoral e habida conta da situación social e económica do país, é esixíbel un sobreesforzo na acción de goberno e no pulo lexislativo por parte dos dous partidos que apoian ao executivo. De actuarse con intelixencia e de non haber nervos á hora de manexar reloxios aos que aquí non temos que dar corda (o vasco e o europeo), quedaría nada menos que todo un curso político por diante. Moitos meses e moito labor que facer, en particular se se aproveita ben a estabilidade do Goberno.

Todos deberiamos convencernos —e Touriño e Quintana os primeiros— da impostergabilidade de determinadas decisións e da conveniencia de apurar un ritmo de actuacións que, para un sector moi amplo do centro-esquerda e para unha proporción aínda máis alta do galeguismo e do nacionalismo, foi lento e cauto de máis nestes tres anos longos.

O primeiro ano da lexislatura (nalgúns departamentos, bastante máis tempo) foise na toma de contacto co poder e coa administración e nos primeiros axustes e tanteos co mundo empresarial, financeiro e mediático. Despois, a brutalidade e a eficacia da maquinaria do lume no verán de 2006 supuxo un pesado lastre e case un noqueo para varias consellarías e tamén para a presidencia e a vicepresidencia da Xunta, moi pendentes ademais do reto que supuña revalidaren a opción maioritaria no ámbito do poder municipal e provincial, dirimido nas eleccións locais de maio de 2007.

Todo iso é certo. Pero o Goberno ten que convencerse de que estes meses últimos até as eleccións non pode dedicalos á simple expectación sobre o curso da crise económica mundial, nin a unha marcaxe fraternal e paralizante nin a darlle a volta a clepsidra absorta das horas de xeito mecánico até a chegada do día D. Nin pode tampouco dedicar o tempo a saborear a inercia de quen sabe que até a meta queda só rodar costa abaixo e certa precaución coas caídas, máis aínda despois de revalidar o acordo no ámbito estatal co apoio do BNG aos orzamentos do PSOE.

O Goberno ten que convencerse de que a moi probábel nova victoria fronte á dereita será seguramente menos apurada que en 2005 e igualmente de que as eleccións marcarán pequenas flutuacións (irrelevantes cun mínimo de perspectiva histórica) no reparto dos 38 escanos que dan a maioría. Por iso mesmo, o prioritario é marcar un ritmo ascendente de autoesixencia, de planificación global e de obxectivos concretos a curto e medio prazos.

En Galiza, o pacto seguirá sendo o único escenario de intervención e de goberno. Por iso mesmo, resultaría imprudente adiar algúns marcos de acordo con capacidade directiva e proxectiva para a acción de goberno en 2009 e nos anos vindeiros. Sería nefasto adiar de novo a toma de decisións para a resolución de certos problemas de complexidade probada relegados a unha especie de conxelador político porque agora non hai certezas. Sería inaceptábel enrocarse outravolta en determinadas encrucilladas só porque vai haber quen levante a voz desde algún púlpito ou tribuna ou porque non é posíbel o acordo interno. É esixíbel que nestes meses se fagan cousas e se pacten decisións con independencia da posíbel mobilidade do marcador parcial de escanos no parlamento. E resulta fundamental que se expoña aos votantes que camiños se tomarán e que ritmos se van marcar nalgúns dos asuntos que vertebran e conforman unha sociedade como a nosa. Non se pode encistar problemas só porque non haxa folgos ou vontade para ollalos cara a cara.

Neste sentido, a retórica paternalista que despreza a pluralidade e enfaixa a esfera pública por simple cálculo ou prurito demoscópico é un ataque directo á democracia mesma e, como tal, debería ser desactivada e desprestixiada de vez. Algo que o Goberno debería tamén saber interpretar é que a ausencia dun contrapeso parlamentario a unha dereita ultraconservadora en máis dun parámetro dos que definen a súa intervención pública (e menos pública) non significa que ese contrapeso non exista na sociedade civil. Existe, claro que existe, e da súa exclusión na toma de decisións é responsábel o mesmo aparato legal que durante decenios permitiu o voto dos mortos, moi en particular dos mortos de dereitas ou dos afíns a quen lles poña flores golosas aos seus herdeiros. Iso tamén debera modificarse de modo inmediato e para sempre.

[…]
ps. Méndez Romeu, conselleiro de Presidencia, fai balance: nunha entrevista publicada hoxe en El País, exhibe como principais logros políticos destes tres anos longos de bipartido 1) a consagración do PSdG-PSOE como punto de equilibrio perante excesos programáticos e/ou discursivos de todos os demais partidos e 2) a domesticación institucional do BNG. A min, aínda concedendo un punto de relativa veracidade á análise, non me parece moito para tanto tempo (20 10 2008).