alegoríaArchive for the ‘’ Category

Cranach o maniático

9 de Xullo de 2009

cranach21

 

A de veces que Cranach o Vello pintou a escena! Case sempre, en efecto, con esa disposición que sinala Holofernes: mostrar ao pobo de Betulia, sobre o peitoril, nunha escalinata, no templo… que xa non había motivo para o terror, que a cidade (a nación) fora pre-liberada e que era a hora da infantería. Sexo por territorios, podería dicirse (Jan Sanders van Hemessen é máis directo, moitísimo máis directo, neste asunto, que a Biblia non explicita nin declara pero el se atreve mesmo a someter a metonimia, cun xogo interesante entre a empuñadura da espada, fálica sempre nesta clase de representacións da muller que vence ao varón ebrio que a acosaba, e a mirada da xove viúva). E autorizada aquela operación, ese intercambio táctico de sexo por territorios, polos tres xefes da cidade, Ozías e os dous anciáns que custodian as portas e finalmente franquean o paso da muller cando sae ao encontro do inimigo asirio.

Nesta obra de 1531 Cranach prescinde da presenza habitual na iconografía renacentista ou barroca da muller idosa, que en casos pode chegar a ser unha dobre física e espiritual da propia Iudit, segundo acontece en G.P. Sweelinck (e no propio Cranach nunha volta ao tema de 1537, onde a vella non é vella, igual que acontece nos regresos e regresos de Artemisia Gentileschi); aínda que o máis habitual é a adopción dunha actitude de apoio puramente loxístico, case sempre culminada no transporte da cabeza do xeneral por parte da anciá. Serva, administradora, axuda de campo, heraldo, dama de compañía (non no sentido moderno,  posmoderno ou poskitsch da expresión), talvez palanganeira ou similar na tenda de Holofernes, o xeneral que mandaba máis de 130.000 homes, case a décima parte deles arqueiros a cabalo. Esa muller sen nome, esa muller á que a Biblia non dá nome. Ou dá?

 

Illa en terra

31 de Maio de 2009

 maria-lado-fotografada-por-hector-fernandez

María Lado publicou hai agora un ano o seu cuarto libro de poemas, titulado Nove, unha especie de parábola na que combina con decidida implicación narrativa os feitos que foron e mais os feitos esquecidos axiña sobre cómo foi aquilo da illa-mundo visitada pola besta de nome Prestige. Alegoría entón da catástrofe que leva o nome dun buque e de todo o que veu despois? Non creo que só alegoría, porque no relato de Nove aparecen outras pezas, outras liñas de forza ou puntos de fuga; con tendencia simbolizante, sen dúbida, pero ao tempo cun sentido descritivo e narrativo no que o pequeno e continxente, todo o azaroso humano, comparte escenario coa fabulación mítica dun espazo case fóra da historia. E iso presupón outro lugar enunciativo para cartografar a alegorese, para dicir “ti” ou “eu” e logo dicir “mundo”; tamén, por suposto, unha certa ironía no trato coa categorización do histórico, ás veces minimizada diante do íntimo dun círculo de sentimentos fugaz entre actores ou entre eles e público, diante dunha peripecia de ollos ou pel que cruza a páxina e a crónica non sabida como un cormorán con piche nas alas. Porque no fondo a parábola éo sobre amizades e sobre temporalidades, sobre a épica (menor) de poñer remedio ao que nin sequera foi a natureza ou a historia quen desfixo (como un coloso en último extremo eficaz), senón a besta outra de teléfono e informe diante das cámaras, a da xestión do apocalíptico e a dos heraldos seus, ridiculizados polo esforzo titánico de nomes para sempre olvidados por case todo o mundo, porque é certo que as marés fan o seu oficio e os ventos mudan e, logo, o recordado é diverso do vivido e do esculpido sobre pedras e mares. Nunha entrevista en Vieiros, coa fotografía debida a Héctor Fernández que abre esta anotación, xuntou a poeta detalles da súa traxectoria e sobre a composición do libro. Poño un lugar del, o poema número trece, onde acaso entren os fíos que tecen a lectura dita agora: 

 

aínda novembro por un momento en calma, detido en bálsamo

e o sono do cetáceo destila profundo desespero.

 

somos estación derrotada, admito.

somos e así doe.

porque a terra é escasa. e prados mínimos

non enchen as bocas de miles de cabalos de prata.

 

cada unha destas bestas -sábeo-

mesmo consumidas pola escaseza,

busca entre nós a quen cargar cortando a chaira

como bisturí de pálida brisa.

 

cordas e coitelos colgan dos abrigos

para que lamentar a despedida.

xa nada acala a dor senón o abismo,

estrema última á que esta viaxe se dirixe.

   

A mitra do escaravello

28 de Maio de 2009

manuel_vilarinho-fragmanuel_vilarinho-frag-inv

Coa anotación anterior pretendín introducir un asunto para a reflexión que me parece capital. Existen para min agora mesmo dous eixes que merecen absoluta atención nas coordenadas nas que estamos: un é o da impunidade, outro é o da eficacia da linguaxe-razón. No fondo, son o mesmo problema, desde logo. Interésame pensar nese marco a construción social dos imaxinarios e tamén outras cousas igualmente grandes. Pero neste momento interésame reflexionar sobre a entidade argumentativa da blogosfera, do blogomillo, como movemento de contributo político para o desenvolvemento dunha acción racional no espazo público. A cuestión principal pode formularse así: en que modo aprisiona a linguaxe pública a toma de conciencia sobre a realidade? Xa se sabe que noutros momentos apareceron propostas, incluso no ámbito da estética, para a activación dunha dialéctica negativa. No campo artístico isto conduciu a repensar a vellísima noción de mímese, e aí o expresionismo alcanzou metas que non se deben menosprezar. Como usar a linguaxe e a razón nas coordenadas de campo actuais (aquí, digo aquí, non penso noutro lugar agora mesmo)? Como des-figurar e des-montar o habitus cultural que conduce a entender como normal (aquí, tamén aquí) que xeracións e xeracións de cativos socialmente desprotexidos fosen material sexual funxíbel para o catolicismo irlandés, para os sacerdotes católicos irlandeses, sistematicamente ao longo do tempo, sistematicamente ao longo do tempo… e non pase nada de nada? Por que razón se reduce iso a excepcionalidade? Por que motivo se acepta como normal a permanente intromisión política da xerarquía eclesiástica católica nas estruturas de goberno e da administración, na capacidade de decisión política sobre como vivir e como morrer, tamén por tanto na realidade diaria dos cidadáns, e non pasa nada e non se cambia nada?

A ineficacia da linguaxe mimética, a ineficacia da razón, a impunidade, o secuestro das liberdades, o cinismo social, a hipocrisía institucional e a súa frivolidade mercantil diante dun corpo violado… Velaí unha axenda aberta, tamén para a blogosfera. Só algunha das súas páxinas, claro. Hai outras. E pode que máis perentorias.

Nada que facer logo? Realmente, nada que facer con só a linguaxe e a razón? Que eficacia podemos ter? Con que grao de intervención nos contentamos?

[Fotografía de Manuel Vilariño, Cruz negra, escarabajo rojo (2001). Fragmento e fragmento con inversión cromática]

Deseiva do tempo

19 de Marzo de 2009


Adiei a lectura de Arcaico o tempo que respira, o último libro de poemas de Paulino Vázquez (Galaxia, 2008), por pensar na primavera. Éncheme agora os bronquios de invernía, bosques, poalla, ruína, faias, desolación. Faime lembrar a chaira interminábel de biduídos brancos na néboa que vai do lago Peipus ao Báltico, naquel século XX fenecente. A contracapa menciona, noutros termos, o que estes poemas son. A lamentación do arqueólogo moral que anota e religa o testemuño dos socalcos lidos, a escasa consistencia dos restos a se desfacer nas mans, a concesión cultural á barbarie; tamén a conciencia do corpo que apalpa a morte. Paulino Vázquez, o eu que constitúe discurso e modula métricas libres de quen oe a música das fontes, fónicas e semánticas a vontade as métricas, fabrica espirais no regreso que non cesa dese léxico da devastación, da capitulación, da relectura de Pound, tamén conservadora e relixiosa no sentido non mercantil e non xerarquizante deses termos malqueridos pola modernidade que outros conxugaron por nós. A alienación e o acabamento. Eses son os asuntos deste tratado moral no que conviven a temporalidade e o tropo medievais, a espacialidade e a arquitectura barrocas e os imaxinarios románticos e modernistas (ingleses sempre neste poeta maior entre os do seu tempo, neste poeta de obra breve). Lamentación, profecía tamén. Antes que elexía, despedida. E, sempre, a denuncia da usura, a denuncia ecolóxica e cultural da usura. Escóitese:

Arcaico o tempo que respira en arañeiras
esculpe cinza a morte, o tempo as estacións
o ocre nos muros nos que cesa a chuvia gris
como teselas dun mosaico repasadas por escamas
ásperas de arxila, onde repousa oculto
o desgaste das palabras escritas na poeira
inmemorial da morte —cinza que sobre a cinza
se derrama como as dalias sobre as escalinatas
dos pazos baleiros —arcaico xace o tempo que respira
detido como os ocres dos estanques
tallando un lique negro, nos cansados
frisos de pedra nos que se apousenta
a morte cicelada nas vellas metopas
(como xeada estiñada en arañeiras)
nas cardinas de orvallo, nos limiares
do tempo que respira larvado, inmemorial
levando a morte a cada cousa, inerte
aos acantos, ás esculpidas hedras vexetais
aos fúnebres barrocos que se consumen
na xeada, ás ramaxes funestas que coroan
acios de morte acaso —acenante o tempo
destrutor, como un destello de xade na penumbra
velado por máscaras que agoiran o presente
esvaíndose, esculpindo cinza a morte
antes de que o tempo descanse nos seus umbrais.

Hai once anos, cando recensionei para A Trabe de Ouro o libro de poemas anterior a este de Paulino Vázquez, A experiencia inglesa (edición de autor, 1998), escribín palabras que agora debería matizar nalgún sentido. Escribín que a obra poética do autor se deixaba explicar sobre a base dun sistema de coordenadas transdución anamorfose. Está previsto que leamos as escenas da dubidosa realidade ou da verídica ficción desde unha identificación postural e discursiva co que a tradición trasladou a nós sobre tal ou cal personaxe/mundo [así seguía a nota crítica n’A Trabe]. O xogo non exclúe nunca ao propio autor empírico, por suposto. El, e a súa voz, son así mesmo material anamórfico e transdutivo, pero sempre mediado e fictivizado. Mediado entre outras cousas polo que o brevísimo John Keats chamaba negative capability, interesante en canto concepto para T.S. Eliot e os seus criterios distanciadores sobre a disociación da sensibilidade. Isto supón unha cesión de espazo ao matérico das cousas, aos derrelictos cultu(r)ais que o poema incorpora, aos discursos outros, sen que nada disto se someta en fin á personalidade do poeta. O poeta está nos seus poemas, si, mais a través dunha emoción reflexiva, a través das lembranzas apócrifas que o seu imaxinario acumula como pedras romeiras dun milladoiro non tan aleatorio. Deste xeito os poemas non resultan colonizados, non nos danan coa exposición dos marcos dunha propiedade experiencial à la mode. Paulino Vázquez —eliotiano convicto e confeso— é doutra clase de poetas, a dos elusivos, a dos non-efusivos [textual na Trabe todo o anterior, que, insisto, agora matizaría].

[Capa do libro, que reproduce o cadro de Gustav Klimt Bosque de faias]

Blogs, resistencia e entrismo

18 de Marzo de 2009

—Cumpre, pois, as ordes da Resistencia e cumpre tamén as miñas: infíltrate no Blok-K e olla alí o que podes facer.

(X.L. Méndez Ferrín, Bretaña, Esmeraldina, 1987)

[A terra de Brec’helean ou Brocelianda, Bretaña]