antoloxíasArchive for the ‘’ Category

“Chapuzas gallegas”

17 de Agosto de 2009

 

samos-foto-de-xavier-lombardero

A peculiar fruición coa que La Voz de Galicia rotula o espazo informativo “Chapuzas gallegas” desde hai uns anos podería ser un dos motivos secundarios polos que, como empresa xornalística, recibe subvencións que superan o millón de euros anuais nas sucesivas resolucións dunha convocatoria da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia destinada ao enaltecemento patrio ou cousa semellante. O caso é que o artigo 2º da resolución pola que se convocan esas axudas, segundo se le no Diario Oficial de Galicia do 2 de decembro de 2008 baixo o epígrafe “Actuacións subvencionables”, recolle textualmente o seguinte:

 

1. Poderán solicitar as axudas obxecto desta resolución as empresas que publiquen, ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións orientadas a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a difusión da súa cultura. Na súa produción informativa deberá ter un especial protagonismo o idioma galego.

2. As empresas xornalísticas e de radiodifusión que se acollan ás axudas reguladas nesta resolución comprometeranse a: respectar, nas informacións redactadas en castelán, a lingua das declaracións da fonte ou da persoa entrevistada, sempre que as citas sexan transcritas en estilo directo, e a introducir a oferta positiva establecida no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, cando menos na relación xornalística cos representantes cidadáns e cargos de responsabilidade pública. A oferta positiva consiste na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a empresa e a persoa entrevistada.

 

 

A redacción da convocatoria non esixe demasiado, a que non? Con todo, talvez non incorramos no que Umberto Eco chamaría sobreinterpretación de concluírmos que con esa mornísima prosa oficial autoexcluiríanse da posibilidade de recibir cartos para a promoción da lingua galega só os medios dedicados frontalmente e sen tapuxos ao vituperio dese obxecto de promoción: a lingua, a cultura e a identidade galegas.

Desde logo, a sección “Chapuzas gallegas” de LVG —curiosamente iniciada cun jacuzzi na ligazón arriba marcada— non semella moi orientada ao sentido que a Secretaría de Medios di querer promover. Excepción ou categoría este detalle que se apunta? Categoría, xaora! Iso sabémolo todos: os promotores do decreto, as empresas subvencionadas ano tras ano (sen maiores flutuacións segundo pode comprobarse nas asignacións de 2008 comparadas coas actuais de 2009) e nós. Sabémolo todos agás os fiscais, os xuíces, os defensores do pobo e os grupos parlamentarios que non tiran dos fíos do estado de prevaricación no que nos fomos afacendo a vivir. Todo iso que noutra altura histórica se chamou indecencia.

La Voz de Galicia e a inmensa maioría dos outros medios subvencionados por “alentar a defensa da identidade de Galicia” cumpren coa súa misión histórica. E o Goberno paga relixiosamente ese esforzo seu. Cos nosos impostos, naturalmente. Tamén cos teus, lectora, lector. Claro, esa cifra é moi menor en termos relativos. En realidade, os medios reciben moitísimo máis por outras vías, non sempre públicas. Quen ignora isto? Un millón de euros por ano non é nada. Supón pouco máis que dous Audis de Touriño, por así dicilo. Pouco máis que oito Audis de Touriño nunha lexislatura. Cartos para promover o galego e a nosa identidade… Como nas “Chapuzas gallegas”. Suxiro que a foto inmediata que LVG saque nesa sección sexa a da páxina 13.548 do DOG deste ano, esa táboa coa asignación última recibida por eles, tan parangonábel por certo aos bidés e retretes reconvertidos a testo floral (textos, testos, que máis ten…) de calquera locus amoenus rural.

Porque iso si, as chapuzas que saca este xornal a través do cal podemos entender o que efectivamente somos apuntan sempre cara a un feísmo específico, un feísmo de clase. Non urbano, non de recualificación de solos, non de finanzas, non de Vuitton servido en palangana aurífera, non de moqueta. Non. Aquí, nas páxinas do xornal coruñés, o que mola é o cutre. Polo que devecen estes xornalistas nados en Teixeiro, A Laracha, Arzúa ou a Agra do Orzán é polo cutre a escala menor (só a escala moi menor e sempre cun punto de alienación e falsa conciencia). Revísese a serie. Considérese, asemade, a autoría popular desas fotos, a mirada que as alecciona, a educación cívica e estética recibida con esa mirada, a que mece a conciencia de noso desde as páxinas do xornal de referencia no país.

Aprovéitese logo —non evado o outro problema, en todo caso secundario para min— e estabelézase unha consideración antropolóxica (e ecolóxica) sobre o sentido último  das pezas sanitarias reutilizadas como elemento de ornato en hortas e xardíns privados, non necesariamente no sector máis recóndito dos mesmos, o cal resulta tamén significativo. Por que camiño se chegou aí? Por que camiño histórico demos niso? É diferente ese vieiro ao que habilita as vellas potas do caldo para fins análogos? Hai un punto de simple agradecemento polos servizos prestados?, hai un non querer destruír e esquecer senón simplemente xubilar aquilo do que tan preto nos sentimos durante tempo e tempo por vía dixestiva ou epitelial? Hai un factor de xénero nesas decisións? Son os homes ou son as mulleres quen chantan retretes floridos a carón do pozo?

E, xa postos, considérese a chave comparada do asunto. Somos nós os únicos entre os indoeuropeos que o facemos? Esas chapuzas gallegas de LVG son só galegas? Que clase de reminiscencia etno-estética hai detrás? Figurará no Catálogo Aarne de constantes folk? Por que LVG suscita esta exploración xeocultural de xeito tan apaixonado? Sabe algo que nós non saibamos? Que se investigue todo isto, por favor! Que se investigue a fondo. E a propósito de pescudas, nestoutra resolución en DOG do Goberno galego (do anterior, non do monopartito senón do bipartito) poden verse os cartos asignados á investigación básica nas tres universidades galegas, co reparto cuatrienal decidido. Vexan, calculen cantos proxectos de investigación en química orgánica, edafoloxía, inmigración, osteoporose ou acuicultura se poderían soster co millón de euros anuais que LVG recibe por promocionar o galego (a catro anos, 80 proxectos cunha asignación similar á recibida, por exemplo, polo titulado Síntesis de derivados deuterados de la Vitamina D de interés biomédico, que levou segundo o DOG mencionado 50.312€ para o cuatrienio 2008-2011; ou 135 proxectos do tipo do titulado Algoritmos genéticos en problemas de satisfactibilidad: estudio formal y aplicación a answer set programming, que levou un montante de 29.555€ para o mesmo período). Señores, basta xa de imposicións.

 

[Fotografía de Xavier Lombardero tomada na parte de Samos e incorporada á serie “Chapuzas Gallegas” de LVG]

  

 

Blogs literarios e remediación

28 de Marzo de 2009


Blogomillo vén sendo a catosfera como Galiza é a Cataluña. Máis ou menos, porque con certeza existen especificidades das blogosferas galega e catalá que resultan irredutíbeis entre si. Publicouse hai case un ano o libro que aparece aquí á dereita, La catosfera literària 08, unha escolma de anotacións vinculadas nalgún sentido á noción cultural de literatura, que a día de hoxe segue a ser unha noción inevitabelmente cruzada pola categorización xenolóxica, como ben deixa ver (oír) este vello podcast de Catalunya Ràdio correspondente ao programa L’Internauta. Quero dicir, que seguimos sendo incapaces de pensar a literatura sen facer pasar o concepto polos xéneros ou as agrupacións de xéneros consolidadas pola tradición (os célebres arquixéneros). Nese sentido, era esperábel a pregunta qué é un blog literario?, e igualmente era previsíbel que a resposta pasase polos arquixéneros consolidados. Un blog literario sería, segundo o anterior, un blog asemellado ás formas narrativas, poéticas, ensaísticas… literarias. Indicarei que non me convence (aínda me convencería menos pensar a noción en perspectiva “calidade”, “estilo literario” ou similares). E engadirei que non estou nada seguro de que o que con Paul Levinson chamariamos remediación blog-libro (ou blog literario – libro literario: blook, en definitiva) teña excesivo interese. Na tertulia de Catalunya Ràdio marcada arriba saen argumentos importantes contrarios ao que nalgún sentido postulo. Un deles, quizais o de maior ensulla, consiste en apelar ao feito de que moitos lectores de libros son por completo alleos á lectura de blogs (ou blocs, que os cataláns andan a voltas coa escolla). O primeiro que se me ocorre é que nese avance existe en realidade un pulo retro, unha especie de re(tro)mediación. En termos conceptuais, non tería nada que obxectar. O mesmo que nada teño en contra de que a partir dun filme se escriba unha novela, invertindo o proceso transdutivo máis frecuente. Tampouco quero suxerir con isto que o paso cinema-novela ou o paso blog-novela, por exemplo, sexan en si mesmos conservadores ou limitativos en sentido semiótico ou en xeral comunicativo (simplemente pola minoración de códigos e linguaxes en xogo). Non é iso. Máis ben, o que ocorre é que un blog vén caracterizado por unha nota moi específica: a interacción, o axuste, o dialoxismo que introduce a presenza virtual e efectiva de quen le e coa voz de seu responde, concorre, matiza, insulta, gaba, acompaña, bloquea, motiva, rebenta, sabotea, complementa, suscita, ri, canta, cala, venga, flanea, entende, acorda, agarda, sotela, arrouta, deserta, confesa, lembra, sobreestima, asea, irriga, figura, busca, agravia, lisca, tupe, fica, nace, medra, copula e palma… Así… como pasa un arrouto do blog ao libro? Como se remedia? Como pasa, permítaseme a vaidade, o hiperWitz ou Witz linqueiro (algo p.e. do estilo da ligazón anterior) ao libro? Como pasa un chucho verbalizado (muaaac) do blog ao libro? O blog é a comunidade que nel mora, o circuíto de razóns, sentimentos e linguaxes-mundos que son órbita súa, coido. A remediación é admisíbel, claro. Pero nela só vai algo. Como en todas.

[Capa do libro compilado por Toni Ibañez La catosfera literària 08, Cossetània Edicions, 2008. Atoparanse datos sobre a historia do libro neste sitio]

Antoloxía consultada 1936

5 de Outubro de 2008

Saúdo emocionado a edición, por parte de Xesús Alonso Montero e Ana Acuña, dos materiais básicos que Xosé Filgueira Valverde xuntou a partir de 1935 para conmemorar o centenario de Rosalía de Castro cunha antoloxía consultada da poesía daquel tempo culturalmente glorioso, o da Segunda República. A riqueza informativa do volume e o propio proxecto de Filgueira, próximo a outros coevos noutras literaturas, demandan a maior atención lectora e constitúen un reclamo para calquera investigador interesado por aquela conxuntura histórico-cultural. O volume, coeditado polo Museo de Pontevedra e a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales supera as 300 páxinas e incorpora respostas e (en case todos os casos) obra de trinta e dous poetas entre Eladio Rodríguez e Xosé María Álvarez Blázquez, pasando por Otero Pedrayo, Antón Zapata, Cunqueiro, Carballo Calero, Celso Emilio e outros nomes fundamentais daquel tempo. Todos de varóns, por certo.

O que haxa de exactitude na noción non sempre clara de “antoloxía consultada” aplicada ao proxecto de Filgueira Valverde ou ao de Fernández del Riego en 1955 é asunto para outro marco. A ausencia de diálogo, frecuente por aquí, entre o que se publica e o xa publicado a propósito do mesmo asunto cerra vías de debate e fai que algúns, só algúns, os menos preclaros, deban rebobinar e rebobinar carretes para complementar o traballo sen dúbida preciso e encomiábel de investigadores ou publicistas. Cousas das academias (reais, republicanas, nacional-populares…), quen o dubida? Por certo, ao fío deste xúbilo, case experimenta un a curiosidade por saber quen viría despois dos 26 poetas da Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000, publicada por TrisTram en 2003, 712 páxinas, e que, obsérvese, incluía tamén ela a produción de Álvaro Cunqueiro.