Anxo TarríoArchive for the ‘’ Category

Tarrío: relectura dun mito

24 de Xullo de 2009

 

medulio02

Este mércores 22 Anxo Tarrío publicou na súa colaboración semanal en Galicia Hoxe unha lúcida e contundente consideración co título “Aló, Presidente!!! Aló” na que, contra o que o primeiro efecto podería suxerir, nada se fala de Chávez nin de salutacións á audiencia. Fálase dun aló adverbial, máis de tempo que de espazo. Ese aló redutor que regresa na mentalidade de quen, como Núñez Feijóo, xoga coas cartas marcadas e trata de promover con vantaxismo político na opinión pública unha nova declinación, perversa, da palabra liberdade. Tarrío fixo ademais algunhas consideracións xenerosas sobre o falado neste blog, pero o relevante é a súa análise da conceptualización que o presidente e os xornalistas fundamentaron, implícita ou explicitamente, da nada inocente voz espetar e dese mitema falazmente reconducido a suposta autoimaxe (local e universal, por iso é un mitema) que nomeamos Medulio. A Galiza soñada polos que cren nela, na súa existencia diferenciada, reducida a Medulio: a claustro detido nun recanto melancólico da historia. Mitema, digo, alén da verdade histórica que a lenda incorpore, algo que non se cuestiona agora. Mitema, o do Medulio, para o que o confuso e insubstancial Feijóo localizou un contrapeso noutro mitema doado de banalizar, o do cosmopolitismo. Escóitese xa o dito por Anxo Tarrío:  

Xa no seu día me chamara a atención o titular con que Galicia Hoxe saía en portada o día dez deste mes sobre a citada intervención que a véspera fixera o Presidente da Xunta de Galicia nun acto tan sinalado como o da conmemoración do 25º aniversario da creación do Consello da Cultura Galega (CCG). Alí pode lerse: “Feijóo espeta diante do CCG que Galicia non está no monte Medulio”. Hai neste magnífico titular dúas palabras nas que non sei se o lector do xornal reparou pero que resumen á perfección a estrutura discursiva de fondo sobre a que está elaborado o texto que prepararon os colaboradores do señor Presidente. Por unha banda, está a forma verbal en presente histórico (nunca tan negativamente oportuno): espeta, do verbo espetar, que en todas as súas acepcións ten os mesmos significados tanto en galego coma en castelán, pero que neste contexto vale por “Dicir ou facer algo dun xeito brusco ou violento; chantar” (Gran Diccionario Xerais da Lingua). A cortesía impediu que os redactores do titular non fixesen do CCG complemento indirecto da oración, cousa doada de perpetrar variándolle levemente algunhas cousas, como introducir nela o pronome enclítico “lle” (non proclítico, Presidente), despois do verbo principal, e pouco máis. E foi oportuna esta redacción porque Núñez Feijóo fíxo de todos os galegos os destinatarios do aviso que, efectivamente, nos espetou en primeira instancia diante CCG, que é unha das sinécdoques representativas do ser total do noso País. E ese aviso, que constitúe de seu, á parte dun insulto á intelixencia, unha obviedade xa ben superada hai moito tempo, non é outro que o que reza o complemento directo: “Galicia non está no monte Medulio”. E velaí a outra palabra (mítica) que eu quería salientar: Medulio. Unha palabra que, na intención de quen lle elaborou o discurso ao Presidente e, xa que logo, do Presidente mesmo, vale tanto como dicir “durmida”, “aló no pasado remoto”, “resistencia aos cambios”, “anacronismo”, “fóra de actualidade”, “pechazón autista”, en definitiva, todo aquilo que o PP dá por sentado que nos define, incluído moi especialmente o empeño en non querermos desaparecer como Nación diluídos nun concepto trangalleiro, aqueloutrado e doente do Estado Español nin renunciar á nosa lingua a favor do castelán.

[Formigueiros, no Caurel. Tomado dunha páxina web de Orlando Álvarez]

BGL

12 de Xuño de 2009

tollii-porta-1991

Vinte anos e corenta números, algúns deles dobres, do Boletín Galego de Literatura, un soño feito realidade por Anxo Tarrío Varela desde a súa cátedra  de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela. El mesmo lembrou hai unha semana algúns datos e eixes desta traxectoria, de gran mérito e vitalidade, na páxina semanal que escribe para Galicia Hoxe.

Non é doado subsistir vinte anos para unha empresa desta clase nos tempos que vivimos; non é doado, para empezar, se falamos da súa dimensión primaria, a do sustento orzamentario, que é o que permite manter o equilibrio e o rumbo ao longo de tanto tempo. Este é sempre un plano delicado e máis que complexo cando se trata de revistas universitarias. Tarrío soubo conducilo con discreción e talento, o que lle permitiu aplicar pautas en verdade infrecuentes no eido da publicación académica.

Alén disto, a revista soubo interpretar a finais dos pasados anos 80 algo relevante que mantén absoluta vixencia: a conveniencia dunha expansión e dunha actualización dos Estudos literarios de marca galega en dous sentidos, o dos métodos e o dos obxectos de análise e estudo. Nese sentido, Anxo Tarrío promoveu e brindou con xenerosidade e perspicacia un espazo de diálogo e convivencia para que especialistas en literatura galega compartisen páxinas con colegas especializados noutras tradicións culturais e literarias, un espazo asemade para o intercambio de perspectivas epistemolóxicas e de aplicacións metodolóxicas diversas. Segundo a el mesmo lle aprace explicar, o proxecto corresponde a unha publicación feita en Galiza sobre literatura e sobre literaturas, o cal non é o mesmo que falar dunha publicación sobre literatura galega. O Boletín acolle este campo de estudos, por suposto, pero faino sen exclusividade de atencións, segundo saben moi ben os seus lectores e lectoras. Como tampouco practica exclusividade de ningunha especie en relación cunha lectura restrinxida ou inercial do fenómeno literario. Tarrío, e este paréceme outro dato importante que fala con anxo-tarrio1claridade do seu talante como director da revista e como coordinador do grupo de colaboradores que o acompañou e acompaña no periplo, incorporou así mesmo ampliacións comparatistas e interartísticas, algunhas delas tan inusuais no ámbito académico (de noso ou de radio máis amplo) como as que se concretaron en monográficos sobre banda deseñada, as relacións entre literatura e cinema ou a literatura infantil. A este propósito, a publicación paréceme exemplar. Éo tamén noutros aspectos. Un deles, que todo lector estima, é o exquisito coidado gráfico e a de novo plural nómina artística de debuxantes, gravadores, pintores, fotógrafos… que ilustraron as sucesivas entregas do BGL. Outra faciana tamén interesante é a constituída polas páxinas de peche da publicación, dedicadas á obra literaria de narradores, poetas e dramaturgos, consagrados ou de traxectoria aínda non tan firme, a quen se convida adoito a reflexionar en voz alta sobre esa tarefa creativa súa mercé a unha modalidade complicada pero moi atractiva que chamamos poéticas de autor.

Longa vida, pois, a este proxecto fundamental! Longa vida, desexo hoxe aquí, a unha revista que para quen asina constitúe, non o vou ocultar, unha das referencias centrais e máis queridas da súa peripecia como investigador. Como tamén o é o nome do seu director, o meu profesor e mestre Anxo Tarrío Varela. No Boletín publiquei a instancias súas diferentes traballos a partir de 1991. Unhas veces recensións, noutros casos artigos, e tamén entrevistas, bibliografías e traducións. Creo que un total de dez colaboracións neste tempo xa non tan breve, incluídos dous números monográficos tan laboriosos como satisfactorios. A nova política que se está a emprender por parte do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC permitirá axiña que o Boletín Galego de Literatura e outras revistas da casa poidan consultarse libremente on line, talvez antes de que remate o ano. Unha expansión nova, da que temos que felicitarnos todos porque favorecerá un acceso universal a traballos sobre a nosa cultura e a outros moitos, escritos igualmente en lingua galega, debidos a investigadores e investigadoras de moi plural procedencia sobre literaturas alleas que, por medio de soños como este de Anxo Tarrío, son á vez e de vez nosas.

Parabéns emocionados por estes vinte anos do Boletín e beizóns por tantas e tantas horas de dedicación, caro amigo.

[Augaforte “Porta” (1991), da artista estonia Vive Tolli, publicado na monografía 2 do BGL, e fotografía recente de Anxo Tarrío Varela, tomada do xornal Galicia Hoxe]