apócrifosArchive for the ‘’ Category

Bricofobia

6 de Xuño de 2009

 

dous-mineiros-de-datong_1996_-foto-de-liu-zheng2

Entre os membros da miña familia, e non falo en sentido estrito de consanguinidade, correu con fortuna excesiva a lenda urbana segundo a cal un non estaría especialmente dotado para as tarefas manuais, eses pequenos arranxos domésticos que a todos nos toca solventar de cando en vez, ou en xeral para a bricolaxe aplicada á resolución dos problemiñas do día a día nunha casa. Todos na familia, en especial unha persoa, tenden a pensar, prexuizosamente, que se eu me ocupo disto ou daquilo o máis probábel é que se resolva a medias o asunto, o “reto”, sexa este eléctrico, mecánico, referido á fontanaría ou ao que for. A verdade é que esta lenda, como moitas outras, é inxusta e pouco ecuánime, opino desde a máis declarada modestia. A cousa ten as súas raíces en episodios escuros de hai moitísimo tempo, incluso cinco ou seis anos, tocantes a algún amaño non especialmente ben conducido por min en todas as súas facianas, debo recoñecelo, respecto de cousas menores e intranscendentes. Unha lámpada, a televisión, unhas cortinas, unha parede con humidades, como moito unha baixante de auga no piso… A palma nese hit-parade en parte apócrifo que se me atribúe —posto que non fun protagonista de todas as medallas adxudicadas—, corresponde a algo que aconteceu en certa altura entre unha bicicleta e eu. Pero sobre iso case preferiría non estenderme. O que a un molesta máis desas esaxeracións é que transcendan os sagrados muros do ámbito familiar e que dalgún xeito cheguen a socializarse.

Hai uns meses aconteceron dous sucesos cun par de amigos, mineiros da conca astur-leonesa, hoxe retirados malia teren eles a mesma idade que eu teño, ano arriba ano abaixo. O caso é que un bo día nos diriximos estes amigos e eu a un trasteiro da miña propiedade no que estaba arrombado un enorme andel de piñeiro, o cal, por certo, vernizara eu mesmo, coas miñas mans, á tenra idade de 15 anos, despois de llo encargar a un carpinteiro que había na rúa Friol, no bairro coruñés de Monte Alto. Vernizárao, lémbroo como se fose hoxe, xunto con Marcuse, un dos meus caros amigos de infancia, con quen logo toquei nun grupo xuvenil (el era o baixo eléctrico, eu percusionista e, tras unha adqusición de segunda man á Orquestra X, que non se chamaba así por nada inconfesábel nin por actuar en lugares inapropiados, senón por falta de imaxinación dos seus membros, tamén baterista; aínda lembro ben o prezo da batería, 12.000 pts). Marcuse, que en realidade se chamaba e se chama Marcos, e que logo fixo Arquitectura Técnica, debuxaba de mil marabillas. Teño pendurado na casa un seu debuxo do Parque Güell de Barcelona. Magnífico. Mágoa que por circunstancias curriculares que non son do caso perdese a parella dese debuxo, un Güell nocturno aínda mellor que este diurno que hai na casa. O caso é que entre os dous, Marcos e eu, vernizamos aquel andel. Na parte traseira deixamos escrita unha fórmula pitagórica para a posteridade, unha sentencia que deixaría constancia do noso labor conxunto naquelas datas memorábeis dos primeiros 70, eu sostendo o bote do verniz, en plena ditadura, e Marcuse dando pasadas e máis pasadas coa brocha baixo a miña eficaz dirección.

Pero regresemos ao conto. Segundo o indicado, estes dous exmineiros dos que falo (sería inxusto cualificalos de algo ociosos?) acompañáronme ao trasteiro, nun dos poucos momentos de descanso que o meu traballo me permite, para retirarmos de alí entre os tres ese andel fóra de uso, que decidira entregar a M. Cando uns anos antes nos trasladamos de casa e pensabamos aínda en usar ese andel para os libros, tiveramos que serralo para acomodalo na parte de arriba do piso. Serralo debidamente, quero dicir, con toda clase de coidados e un repaso posterior digno de ebanista. O bo amigo M. pensaba en usar o andel para outros usos. Non lembro ben se de organización do taller de seu ou para unha finalidade directamente calórica. Crematorio-gastronómica, quero dicir. Como o andel non saía pola porta do trasteiro pensamos en aproveitar que no seu día se serrara por aquela certa cenefa e alí, cuns golpiños ben dados, proceder a separar os dous hemistiquios daquel coloso de dous metros e medio de alto por outro tanto de longo (heterostiquios, en realidade, por estar previamente resolta a separación das dúas partes do andel de acordo cos principios dunha simetría quizais non moi harmoniosa). Por non orixinar destrozos excesivos no andel andándomos a couces, empuñei un machado que alí había. Dei uns golpes bastante firmes para separar as partes encoladas —axudada a cola por pequenos cravos que alí dispuxeran as miñas mañas e o bo sentido, e isto si que molesta que non se lle recoñeza sempre a un. Malia todo sen moito éxito, o dos golpes firmes. Repetín varias veces a manobra utilizando as dúas partes do machado —gume e cabeza— e intentanto aplicar os meus coñecementos de Métrica e de Topoloxía, todo isto baixo a atenta mirada de M. e de R., os exmineiros. Tras un par de minutos algo tensos, quizais menos tempo, M. solicitou o machado e deu un golpe seco (para o meu gusto, excesivamente seco) e, voilà, os putos heterostiquios se separaron como por arte de maxia. O que máis me doeu foi a frase, a única frase, que nos seguintes minutos resoou no garaxe (en realidade aínda o fai cada vez que baixo) mentres cargabamos nun remolque os restos daquel honorábel e antigo andel maltratado: “Un mineru ié un mineru!”.

O segundo episodio aconteceu en realidade antes que este que veño de referir. Tamén supuxo unha socialización inxusta desa lenda asociada á miña persoa. E non tanto pola presenza do outro mineiro, este non asturiano senón da parte de Melide, o moi querido para min R., como polo feito de seren testemuñas de todo certa señora a quen chamarei L. e mais outras dúas persoas do lugar que alí se presentaran. Foramos poñer, R. e eu,  uns marcos nunha finca. L. estaba alí por ser ela propietaria da colindante. As outras dúas persoas tamén eran donas de fincas que tocaban coa que nós iamos delimitar, pero delas non falarei moito, por seren discretas e mesmo distantes como viciños. Tratouse sobre os lugares exactos da operación e logo dispuxémonos a espetar uns pesadísimos ángulos de ferro que tiña o amigo R. no seu taller, pezas de algo máis dun metro de longo. Ao primeiro eu termaba daqueles futuros marcos, enferruxados e algo desagradábeis ao tacto, cousa que percibía ben aínda ao través das luvas. Termaba deles e da súa verticalidade. R. trouxera unha maza igualmente desproporcionada que debía de pesar máis de 3 kg. Era xullo e ía unha calor de morrer todos alí mesmo, no acto de fender a terra. O meu amigo suaba de vez metido no buzo azul e daquela, cando quedaba por chantar o derradeiro marco, dixen que por que non intercambiabamos as nosas funcións e posicións… En canto agarrei a maza unha serie de pensamentos fugaces atravesaron pola miña mente. O menos fugaz deles foi este: existían tres puntos posíbeis de contacto no momento no que eu descargase a maza sobre o ángulo de ferro —iso se previamente era capaz de erguela—; en sentido progresivo, respecto de min e do meu corpo, os seguintes: i) o propio ángulo, ii) a man ou o brazo de R., iii) a súa cabeza, non tan separada do marco como sería prudente. Alén deses tres puntos de contacto existía, certamente, un lugar máis que desde unha óptica heurística tiña que ser considerado. Refírome a dar o golpe ao aire, non acertar con nada. A natureza humana ten algo de atravesada, e quizais por iso a min se me pasou fugazmente pola delegación do inconsciente colectivo que debe de existir nalgún punto do cerebro propio que esa cuarta opción, non acertar coa maza en ningún punto de contacto, era de todas as posíbeis a máis irrisoria. Por un instante, só por un instante, logo, dei en pensar que a efectos de socialización posterior do fenómeno, case resultaba preferíbel impactar no cráneo de R. coa maza que describir unha especie de semicircunferencia radial entre cubo-futurista e vorticista pero en todo caso fallida sen paliativos, nin sequera “accidental”, co punto tecno-antropolóxico que esa palabra conserva nas sociedades post-agrarias. O caso é que, sen quecer músculos nin prepararme mentalmente de forma suficiente, a maza subiu. Subiu e a continuación baixou, pero de xeito tan brando e pusilánime que cando chegou ao ferro —porque, contra os prognósticos malintencionados dos alí presentes e pode que de ti mesmo, lector ou lectora, acertei de cheo naquel pequeno ángulo de ferro— este non avanzou na terra nin tres centímetros. Aí foi cando aquela señora L., sen conceder sequera unha segunda oportunidade ao operario, soltou a cáustica sanción: “Ai, Lándoas, isto non é o teu!” [para gardar fidelidade absoluta aos feitos indicarei que o que dixo L. foi: “Ai, Arturiño, isto non é o teu!“; e non podo estenderme agora sobre a pragmática do diminutivo na onomástica do galego común]. A frase, como a madalena de Proust, moveu e conmoveu na miña memoria un cavorco de recordos, entre os cales o máis repetido e cruel foi unha frase escoitada máis dunha vez ao longo dos anos. Unha frase que debería estar penalizada polo dano inmenso que ocasiona nas mentes infanto-xuvenil, adulta e postadulta, e, con toda probabilidade, tamén na senil. Unha frase que encanta espetar a determinados individuos cando son conscientes dunha superioridade relativa (por eles e as súas mentes enfermizas experimentada como absoluta) no plano físico e, en particular, na dimensión atinxente ás habelencias e capacidades manuais do outro. Porque ese é o quid: a outredade traumatizada, violentada, atropelada, laminada.

A frase, que non negarei que ao longo da vida eu mesmo pensei nalgún caso aplicar a terceiros (aplicala non só no plano físico, aínda que hai cada un por aí que pra que…, senón tamén no intelectual, poñamos nas tarefas crítica, docente e tal…), a frase, digo, resulta ser tan manida como efectiva. Heina grafar aquí para escarnio propio e alleo. Dá algo de cousa anotala, pero en definitiva un, se fai un blog, é para dicir a verdade e para confesar co mundo. Iso é. Eis a frase: Quita, quita, que te vas manchar! Que inmensa crueldade encerra este decasílabo…

 [Fotografía titulada Dous mineiros de Datong (1996), de Liu Zheng]

 

Grafar a nada

3 de Xuño de 2009

tormento

 

Hai quen non o entende. O tormento da escritura, que non hai motivo para pensar que sexa menor cando se trata de grafar o pensamento, a análise, e non obrigadamente iso que alguén denominou hai tempo belezaarte verbal, poesía. […] O corpo a corpo retórico, observabas… Ti, xaora, un pronome bastante persoal. Pero quen anda nisto sabe que esa é só unha parte do asunto. Unha parte que pervive o instante estrito que dura a grafía e o tacto recorda. Concordarei cos vellos cirenaicos que denunciaron a trivialidade da indagación, o suplicio de acudir á escrita, como indicio de malversación de algo —a vida— ou como simple rasto da antiga vaidade humana. Concordo con quen considera que todo remate neste instante (era preciso mencionalo). Falo apenas do oficio de escribir. Neste tempo.

 

Tactos da grafía

1 de Xuño de 2009

22_001-jouissance-productions-the-woman-who-left-herself-elenb-photography-sorcha-kennyresizeresize1

 

Hai quen non o entende. O pracer da escrita, que non hai motivo para pensar que deba ser menor cando se trata de dar forma ao pensamento, á análise, e non obrigadamente a iso que alguén denominou hai algún tempo beleza, elocuencia, ficción, arte verbal, poesía… nocións limitadas a miúdo nun sentido empobrecedor, estetizante, no peor valor que esta expresión posúa. En ocasións si que o é, si que é menor ese pracer, hai que recoñecelo; pero cando menos para quen aquí asina esa circunstancia resulta excepcional. O pracer de escribir calquera cousa parte xa da grafía, desta materialidade, deste tacto. E comparece case sempre. Iso é o estraño da doenza de escribir. Presentes tamén —pracer e grafía— cando non se usa de forma directa o papel e foi en realidade unha selección previa a determinante da ocupación do espazo polas palabras: tipos de letras, tabulacións, formato. Aquí, sen ir máis lonxe, nesta pantalla. Ou nun aviso para alguén, xa o teño dito. Nunha mensaxe trivial, calquera cousa. Ou nun ensaio longo. Nunha breve nota a rodapé. Nun recordatorio para nós mesmos (“Nota para o futuro *”, escribiu un día meu fillo * a propósito dun videoxogo, aparcado temporalmente aos 10 anos, que pensaba retomar cando pasase un tempiño). Todo iso… Tamén nun poema, claro está. Tamén nun poema, si, tamén nun poema. 

 

O blog é unha ferramenta extraordinaria de causar pracer para quen goce con esta inocencia sen consecuencias de xuntar sílabas e non dicilas en voz alta nun lugar con xente á vista. Todo queda a man para quen escribe. Xúntase e fica logo ao alcance dos dedos (o que non lle ocorre ao xornalista tradicional, por procurarmos agora un paralelo socorrido): o dito onte, o dito hai uns anos, o medio dito. Os ríos visíbeis e as correntes submersas das procuras e dos cruces de palabras, ideas, imaxes. Ao alcance dos dedos propios, diso estou a falar, de pel e tacto; porque a lectura allea aínda non existe nese momento que menciono, ás veces nin se prevé. Creo que nunca existe cando se escribe co propósito cabal de procurar o goce de concretarmos algo específico (sabido enteiramente ou non tanto) e logo xa se verá qué pasa con quen veña…

 

Hai quen non entende que alguén serio (non afirmo selo) diga e faga algo como un blog, perda así o tempo no espello alienador e serial, como nun ascensor de grandes almacéns no que un se contempla repetido, multiplicado, oco. A dimensión pública dese pracer e dese mostrar algo, que no blog alcanza un punto dificilmente superábel de autonomía como discurso, tamén como texto ou tecido preciso do que se quixo poñer, constituiría de seu unha inconveniencia para tal ou cal cousa… Do que se quixo poñer, insisto. Ou expresar, comunicar, activar…, de preferírense estoutros termos que supoñemos máis nobres. Ninguén enmenda, ninguén corrixe aquí no blog, ninguén suxire ou media… se un non quere. Nada entre o propósito autorial —sabido e prefixado ou non, ao xeito dun Poe e dun Auden ou un Montaigne (falamos disto hai pouco)— e a recepción inmediata por parte de quen agarda ou simplemente coincide que pasaba por alí. Nada? Nada que non sexa o encrucillado absoluto de signos no que respiramos, nada que non sexa a grella semiótica e imaxinario-simbólica das linguaxes e limitacións que nos constitúen, incluída a que permanece en cada un de nós na forma mínima dos monosílabos da caverna, os utilizados como berro de furia, de medo, de paixón… pola especie. Nada, agás todo iso, que nalgún sentido, si, o é todo. Todo e nada. Por iso hai tantos blogs nos que algúns dos considerados grandes escritores e publicistas esvaran, aquí e acolá. Ninguén lles pon no sitio correcto as comas das frases e das argumentacións. Ninguén lles tira un punto sobrante. Ninguén dita preceptos sobre gramática ou sobre semántica e mundos e estratexia. O pracer insuperábel do espello só para un, o narcisismo ao cubo, pensará alguén. A eficacia discursiva como responsabilidade só persoal, dirá outro. O mercado reducido a sensación, a onanismo intelectual… A hipóstase outravolta do concepto e da función autor, acusará displicente aquel de alí. O corpo a corpo retórico, digo eu. Eu, un pronome bastante persoal, si. Pero quen anda nisto sabe que esa é só unha parte do asunto. Unha parte que pervive o instante estrito que dura a grafía e o tacto aínda recorda. Non concordo cos moralistas que denuncian o pracer da escritura como indicio de malversación de algo ou como aburguesamento. Tampouco con quen considera que todo remate nese instante (pensaba que non sería preciso mencionalo). Falo apenas do oficio de escribir. Do oficio de escribir un blog nun país como o noso neste tempo.

 

[A fotografía, The Woman Who Left Herself, tómase da páxina Performance – Jouissance Productions de M-E Photographers]

 

Cóctel

10 de Maio de 2009

Hai uns días, nunha velada literaria non moi estimulante seguida dun cóctel algo máis animado e desde logo bastante mundano, unha dama achegouse á persoa coa que eu estaba a falar, creo que dos nosos respectivos plans para as vacacións, e sen importarlle en absoluto a miña presenza, naquel momento diría que sen considerala sequera (pero logo se verá que esa percepción era errada), fixo a seguinte proposta á miña interlocutora: “Quero que escribas un blog como se foses eu, poñéndote no meu lugar e relatando con xeito o que eu che irei contando”. O que aquela muller solicitaba á miña amiga era que dese forma ás súas impresións e reflexións diarias, aos seus biorritmos, ás súas experiencias xornada a xornada, e que o fixese na primeira persoa que correspondía non á escritora senón a quen fora, a quen iría sendo, suxeito deses acontecementos. Naturalmente, a miña amiga ficou uns instantes pendente dalgún complemento á proposta, recibida por certo de alguén que non coñecía de nada, de alguén que vía por primeira vez pero que declarou auténtica paixón pola forma de entender o literario que asociaba á traxectoria pública de X, a miña amiga. A dama ofreceu unha cantidade importante por anotación e un plus por mes se o blog chegaba a consolidar unha audiencia relevante, fixada de inicio en 350 hits por día antes de se cumprir o primeiro mes desde a activación. Ía mediar na conversa, quizais simplemente para desculparme e para as deixar falar con algo máis de privacidade, pero a muller, que percibiu o aceno, cortou con sequedade algo excesiva e brusca, sen ollar para min: “Vostede cale e escoite. Preciso unha testemuña do que estamos a acordar”. X aceptou. Ten un contrato en prácticas que non dá para moitas alegrías e aceptou o trato daquela dama de ollos grises que se atribuíu a si mesma talento literario pero que dixo carecer de tempo para a escrita e o mantemento periódico do blog. Imaxino que axiña lerei os primeiros resultados desa colaboración, que polo que oín dicir terá fundamento en conversas telefónicas que ambas van manter a primeira hora da mañá martes, xoves e sábados. Comprometinme a non revelar dato ningún do alí falado (penso que o sucinto relato que acabo de ofrecer non supón quebranto da promesa). Engado que a velada e o cóctel referidos non tiveron lugar aquí.

 [Integrantes da Orquestra Cocktail Latino]