autoficciónArchive for the ‘’ Category

Lándoas unplugged

1 de Setembro de 2009

 

k-fareyu-21

 

[Artemio Lándoas descuberto no fondal da cova sen wi-fi na que se retira durante unha parte de agosto (Veguería do Alto Xistral)]

 

Darlle a volta

28 de Xullo de 2009

  

 

 

bouffardwhite

Entre nós, os de aquí do NW, a arte dos contrafacta sempre tivo bastante éxito. Lembro en particular un dos cánticos nas manifestacións posteriores ao afundimento do buque Prestige. A xente cantaba cunha música bastante ben sabida, a de Guantanamera, unhas cousas relativas á idade do máximo mandatario da Xunta naquela hora e a non sei que máis sobre a esperanza de vida nesta parte de Occidente. Non lembro ben o retrouso, que era ao único que se limitaba o que en orixe foi unha composición poética de José Martí encol do traballo, da vida, da camaradaxe e da morte. Porque si, hai que recoñecer que o poema de Martí fala dun señor algo lírico (“mi verso es un ciervo herido” e así) que anceia morrer cara ao sol e non sei que máis (pensen que, desde a intervención de Pete Seeger, a Guantanamera se converteu nunha das cancións máis contrafeitas do mundo). Volvendo a 2002, o que o pobo cantaba (o pobo, Feijóo, o pobo; ou sería cousa de pérfidos intelectuais e da elite transgresora e manipuladora?), o que cantaba o pobo, era isto: “Hai que ir correndo, / Manolo, hai que ir correndo!, / hai que ir correeeeeendo, / Manolo, hai que ir correndo!…” (con algo burda sinalefa queir). En fin, algo así, non estou seguro, xa digo que a miña memoria non é a que foi noutra altura.

O procedemento poético é de tanto interese hipertextual que agora o aplican no think tank de San Caetano para devolver aquel favor e fervor das camadas populares. Con efecto, Feijóo vai aos sitios e solta a música tradicional que se solta nos sitios pero con letra nova. Un pouco en plan surreal, e hippy-oulípico, porque de colleita propia San Caetano cola nos contrafacta das albas de groria mitemas peculiares sobre a conversión do Obradoiro nun melting pot, como convidando á peregrinaxe toda a montar alí mesmo a tenda e a reproducirse ipso facto para hibridar de vez o fogar de Breogán e fomentaren eles a natalidade interracial e intercultural. En ocasións, dado que neses sitios (panteóns, catedrais, consellos, iñases, balcóns, banquetes, parlamentos…) a xentiña está adormecida, resulta difícil decatarse de que é o que se dixo exactamente. Nada!, dirán os máis prudentes. Que se vai dicir? Nada! Pero, si, algo se di e algo se fai. Faise o contrafactum que reconverte Alba de Groria en Alba de Gloria e, en definitiva, equipara Castelao con Lago, ás elites co que o think tank sucursalista de San Caetano deu en chamar, e non é problema de imaxinación (élles outra cousa) pobo.

Ocorría algo similar a todo o anterior na interpretación que de cativos faciamos de determinadas letras de cancións que andaban na radio. A min sempre me quedou na cabeza como cantaba eu aquela Bambola de Pattty Pravo ca. 1968. A versión castelá dicía (no meu criterio): “Baratillo soy…” (meus pais dábanme daquela dous reais para pasar o sábado) e non “Para ti yo soy…” (ollo: non pasen a isto se non o consideran estritamente imprescindíbel para a verosemellanza do conto e non están vacinados contra todo; é simplemente unha proba de que algo de razón levaba o neno Lándoas). Tanto me gustou, de sempre, o procedemento da contrafactoría que cheguei a poñelo en práctica sobre textos propios. Sen maior éxito de público, a verdade. Direi só que en certa ocasión me pediron algo para un suplemento literario dun xornal de sona no país e eu remitín uns contrafacta do meu primeiro e francamente esquecíbel libro de poemas, titulado Sombra de unidade. E agora que o digo, permitirán que lembre algo que ocorreu noutro suplemento tamén dun xornal de renome co que eu me meto aquí ás veces (non creo que sexa por resentimento con aquilo, con isto que agora direi). Resulta que nestoutro xornal publicou alguén que aínda anda por alí unha recensión do meu segundo libro de poemas, só algo mellor que o primeiro. O libro tituleino Pedra de Nadir e resulta que alguén tivo a ocorrencia de rotular, seguro que por mandato directo do editor Rey Fernández-Latorre, do seguinte xeito a recensión: “Os poemas de Arturo Casas pasan pola pedra de Nadir”. Aquel día, non hai por que reservalo, pois pasaron xa case quince anos e durante ese tempo ninguén escoitaría unha queixa en voz alta de quen soubo sufrir en silencio, aquel día, digo, algo se moveu no meu interior, creo que entre o duodeno e o colon transverso, non sabería localizar exactamente onde (está nas hemerotecas, é verídico; o titular, digo), algo que me conmoveu por dentro e me fixo repensar durante polos menos quince minutos a pertinencia da escritura poética en tempo tan menesteroso como aquel era, case tanto coma este.

Pero regresemos ao conto. Titulei o xogo contrafáctico para o outro xornal, localizado noutra ría do país, máis meridional, “Montadito lumbar. Pola unidade da sombra”. A persoa á que llo enviei, a quen quero e valoro moito, nunca me dixo nada sobre o particular. Pasaron xa moitos anos e nunca máis me dixo nada. Eu a el tampouco, por suposto (a finais dos 70 fixera un curso en Mariñán de “Hermenéutica do silencio”, impartido por uns señores da Complutense e un poeta reservado pero moi didáctico).

O caso é que insistín na teima, como Feijóo, que cada día nos larga unha amplificatio nova coa carallada do Medulio. Total, que remitín o feito e refeito para unha antoloxía posterior, varios anos posterior, que se ía publicar en Portugal. Que se ía publicar… e non se publicou na fin pois a iniciativa acabou igualmente fanada. Hai xente que le isto e non me deixará mentir. Agora o contrafactum que presento xa remeda en pouca cousa os poemas de orixe. Pero algo hai deles. Reproduzo o poema en homenaxe a min mesmo, á resistencia propia, xa que agora está en desuso. Tamén como manifesto adiado de estima hormonal por Pattty Pravo, o seu xeito de mover as mans no escenario, mesmo en circunstancia tan dura como a de ter diante depredadores da clase do que comparece no segundo vídeo. As italianas con carácter sempre foron para min o único salvábel de Italia, entre o que non sexa restrita natureza morta. Que país! En fin, deixémolo, que xa abonda de onfaloscopia confesional e isto vai acabar onde acaban tantos e tantos blogues que polo mundo hai. O título do poema é “HLU”, que significaba segundo creo lembrar Historia da literatura universal. Consiste nisto (inédito até hoxe, primicia por tanto):

  

 

—E díganos, poeta:

 

 

Bancadas interminábeis nun estadio sen fondo, cru­ces, pértigas e insignias abandonadas no centro do cena­rio, súbito eclipse e silencio das aves que, deso­rientadas, deixan a ría e se acollen na torre?

 

[TODOS: Nación!!!!]

 

Angustia por se sentir encrucillada na adivinación da morte ou na resolución dun capítulo da historia?

 

[ALGÚNS ILUSTRADOS: Télos!!!]

 

Busca do rastro propio nun espello que­brado ao que se furta­ (oh, cruel envite) aquilo que se nomeou “presenza”?

 

[VARIOS: Identidade!! Encontro!!]

 

Céfiro mesto entre a basa inerte e a gándara de estrelas?

 

[UNS POUCOS: Sacrificio! Amor! Corpo!]

 

Asíntota que lambe o carrusel dos signos?

 

[OUTROS, AFÓNICOS: Babel, xogo, perda…]

 

 

 

 

Cunqueiro fala sobre Colmeiro (Ourense, 1933)

16 de Xullo de 2009

 

Onte á tardiña, despois do panel que tivo lugar sobre a obra de Xoán González-Millán no IX Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, asunto ao que volverei con calma calquera día destes, compartín café con Antón Figueroa, Álex Alonso e Miguel Anxo Seixas nunha das terrazas da Praza de Mazarelos. Falando con Seixas sobre papeis, cousa que non parecerá rara a ninguén, comentei que tiña un texto de Álvaro Cunqueiro sobre Manuel Colmeiro (acaso inédito) de 1933. Quedamos en tratar o asunto e hoxe púxenme a localizar a conferencia entre as carpetas que andan pola casa. Apareceu por fin e agora contarei unha parte de certa historia por ser ela algo curiosa e porque a carpeta azul estaba chea de fichas e pequenos apuntamentos acumulados en distintos momentos que tiran uns dos outros como cereixas e conducen a memoria a tempos pasados, a outras conversas, que sei eu… Algúns preguntan se haberá algunha ficción cruzada, acaso inducida pola novela L’Œuvre na que Zola fabula sobre a vida dun Paul Cézanne presentado ficcionalmente como Claude Lantier.

colmeiro-o-sono-19331

Calculo que contra 1993 o amigo e compañeiro Claudio Rodríguez Fer, con quen naquel momento compartía gabinete no que era Colexio Universitario de Lugo, con nós estaba tamén Luís Miguel Fernández, tivo a xentileza de pasarme o texto dunha conferencia que localizara no Arquivo Luís Pimentel e que pensaba que correspondía a Rafael Dieste. A min tamén mo pareceu naquel primeiro momento. Cedeume unha copia (17 páxinas dun total que pola numeración ascendera en orixe a 20, polo que faltaban tres) e eu fixen despois o propio para que a viúva de Dieste, Carmen Muñoz, a quen daquela visitaba con algunha frecuencia no seu piso da Coruña, puidese ver aquel texto. Non só o leu ela, tamén enviou copia ao máis querido discípulo de Dieste, o enxeñeiro e poeta Gabriel Zaid, a México.

A conclusión compartida por todos era que a letra non pertencía ao escritor rianxeiro, pero que o pensamento crítico e as referencias parecía que si podían ser súas. Como é sabido, Dieste dedicou varios traballos á estética pictórica do seu amigo Colmeiro en distintos momentos da súa vida, de modo que non había nada raro en que aparecese un texto novo. Algunhas desas referencias que menciono aparecerían incluso no ensaio de 1936 La vieja piel del mundo, que para min é. xunto con algúns de Unamuno, un dos libros fundamentais da hermenéutica española anterior á Guerra Civil (por certo, a práctica totalidade da edición orixinal dese libro ardeu nos talleres da Editorial Signo de Madrid no verán de 1936 a consecuencia dun bombardeo da aviación franquista). Indaguei algo máis posteriormente e, segundo observo polas notas acumuladas na carpeta, nalgún momento anterior a 1996 cheguei á conclusión de que o autor daquela conferencia era Álvaro Cunqueiro. Hoxe non hai dúbida posíbel sobre a autoría. Aínda que si me quedan, reitéroo, sobre a veracidade dalgunhas incorporacións ao texto, como a da historia de xove poeta occitano Henri Souvent e a visita en 1906 ao seu paisano Cézanne para ver o cadro Jeune homme a la tête de mort, leit-motiv da primeira parte da conferencia. Cunqueiro chega a ofrecer uns versos traducidos de Souvent, quen segundo observa morrería en 1914 de tuberculose: “Eu ando a buscar a miña testa de morto. / Eu ando a chorar pol-a miña testa de morto. / Eu quero têr, agora de mozo, testa de morto […]”. Como complemento da historia transcribo unha das miñas notas, de data non coñecida, pegada sobre as fotocopias do texto da conferencia: “Á vista dos textos autógrafos de Cunqueiro editados en 1991 polo Consello da Cultura Galega (téñoos) non hai dúbida de ningunha clase: é Á. Cunqueiro o autor deste texto. Tamén interesa ver as respostas de Cunqueiro a Filgueira en 1936 [seguramente fale aí da antoloxía consultada que Filgueira Valverde estaba a preparar por encargo do Seminario de Estudos Galegos]. Colmeiro figuraba entre as súas máis claras preferencias culturais“.

A finais dos anos 90 a bibliotecaria Carmen Barbosa, da Biblioteca Pública de Ourense, facilitoume copia cunqueiromecanográfica a partir da microficha dunha páxina de La Región correspondente ao día 15 de xuño de 1933. Nela dábase conta da conferencia de Cunqueiro no Liceo ourensán dous días antes, nun acto que acompañou á exposición de pinturas de Colmeiro e que fora presentado por Eladio López, presidente do Liceo naquela altura. Cunqueiro publicou no mesmo ano 1933 un breve traballo crítico titulado “Colmeiro, pintor” no Boletín de la Universidad de Santiago (17, pp. 145-153). É curioso que nel falase de Cranach o Vello, a vida ten coincidencias. En Grial tamén volvería a falar do pintor de Silleda en 1976.  Algunhas ideas reaparecen. O caso é que a conferencia é interesante non só polo que di sobre a obra de Colmeiro senón por moitos outros motivos. Entre eles, que axuda a entender a evolución estética do propio autor de Poemas do si e non. Tamén é atractiva polo potencial informativo e crítico sobre a arte europea do primeiro terzo do século XX. Transcribo de seguido, sen modificación ningunha, unha breve mostra do manuscrito, ignoro se da propia man do mindoniense:

Cezánne pintara xa un arlequin. Veñen logo os de Picasso, os de Metzzinger. Souvent conta que Cezánne dou un consello trascendental a un pintor novo: Pinta o tubo da tua estufa. Souvent anuncia a verdade inaugural, que fará logo que os homes de Rafael Barradas perdan os ollos. A verdade, unha das mais grandes verdades da pintura de todos os tempos é ista: “Toda pintura debe ceder ao ar ou resistirlle. Ceder ao ar é negar os colores locaes. Resistirlle é dar nos colores a sua forza i-a sua variedade. A luz non eisiste pra o pintor”. Braque ouce  ista verdade e responde con outra: “Non hai que imitar aquelo que se quer crear”, e pra que ninguen s-esqueza, Picasso di que o primeiro que se precisa pra pintar unha mesa é o medila”. Na pintura castelá foi sempre unha preocupazón a profundidade. Picasso reivindica ista preocupazón. Por iso Picasso acaba en pintor italián e L’Ermont fala do “andalucismo” en arte. Ven a perspeitiva do llo, salvada pol-o cubismo a forza de xeometria esencial. Todo limita ao Norde e pasa a cuaresma, a vixilia qeu nos ensiñou a todos Euxenio d’Ors. O cubismo, ponto esencial despois de Cezánne. Era inevitável. Salvou todo o preciso, o que debia ser salvado. Algús quedaron n-el, como matemáticos do aburrimento. O cubismo non creou ningún mito. A xeometria é cenza primitiva, purísima, de esenza, de facer e refacer, exaita, intuitiva, e non podia creálo.

[O soño (1933), de Manuel Colmeiro, e retrato de Álvaro Cunqueiro correspondente ao seu carné de alumno da Universidade de Santiago de Compostela en 1928]

 

Bricofobia

6 de Xuño de 2009

 

dous-mineiros-de-datong_1996_-foto-de-liu-zheng2

Entre os membros da miña familia, e non falo en sentido estrito de consanguinidade, correu con fortuna excesiva a lenda urbana segundo a cal un non estaría especialmente dotado para as tarefas manuais, eses pequenos arranxos domésticos que a todos nos toca solventar de cando en vez, ou en xeral para a bricolaxe aplicada á resolución dos problemiñas do día a día nunha casa. Todos na familia, en especial unha persoa, tenden a pensar, prexuizosamente, que se eu me ocupo disto ou daquilo o máis probábel é que se resolva a medias o asunto, o “reto”, sexa este eléctrico, mecánico, referido á fontanaría ou ao que for. A verdade é que esta lenda, como moitas outras, é inxusta e pouco ecuánime, opino desde a máis declarada modestia. A cousa ten as súas raíces en episodios escuros de hai moitísimo tempo, incluso cinco ou seis anos, tocantes a algún amaño non especialmente ben conducido por min en todas as súas facianas, debo recoñecelo, respecto de cousas menores e intranscendentes. Unha lámpada, a televisión, unhas cortinas, unha parede con humidades, como moito unha baixante de auga no piso… A palma nese hit-parade en parte apócrifo que se me atribúe —posto que non fun protagonista de todas as medallas adxudicadas—, corresponde a algo que aconteceu en certa altura entre unha bicicleta e eu. Pero sobre iso case preferiría non estenderme. O que a un molesta máis desas esaxeracións é que transcendan os sagrados muros do ámbito familiar e que dalgún xeito cheguen a socializarse.

Hai uns meses aconteceron dous sucesos cun par de amigos, mineiros da conca astur-leonesa, hoxe retirados malia teren eles a mesma idade que eu teño, ano arriba ano abaixo. O caso é que un bo día nos diriximos estes amigos e eu a un trasteiro da miña propiedade no que estaba arrombado un enorme andel de piñeiro, o cal, por certo, vernizara eu mesmo, coas miñas mans, á tenra idade de 15 anos, despois de llo encargar a un carpinteiro que había na rúa Friol, no bairro coruñés de Monte Alto. Vernizárao, lémbroo como se fose hoxe, xunto con Marcuse, un dos meus caros amigos de infancia, con quen logo toquei nun grupo xuvenil (el era o baixo eléctrico, eu percusionista e, tras unha adqusición de segunda man á Orquestra X, que non se chamaba así por nada inconfesábel nin por actuar en lugares inapropiados, senón por falta de imaxinación dos seus membros, tamén baterista; aínda lembro ben o prezo da batería, 12.000 pts). Marcuse, que en realidade se chamaba e se chama Marcos, e que logo fixo Arquitectura Técnica, debuxaba de mil marabillas. Teño pendurado na casa un seu debuxo do Parque Güell de Barcelona. Magnífico. Mágoa que por circunstancias curriculares que non son do caso perdese a parella dese debuxo, un Güell nocturno aínda mellor que este diurno que hai na casa. O caso é que entre os dous, Marcos e eu, vernizamos aquel andel. Na parte traseira deixamos escrita unha fórmula pitagórica para a posteridade, unha sentencia que deixaría constancia do noso labor conxunto naquelas datas memorábeis dos primeiros 70, eu sostendo o bote do verniz, en plena ditadura, e Marcuse dando pasadas e máis pasadas coa brocha baixo a miña eficaz dirección.

Pero regresemos ao conto. Segundo o indicado, estes dous exmineiros dos que falo (sería inxusto cualificalos de algo ociosos?) acompañáronme ao trasteiro, nun dos poucos momentos de descanso que o meu traballo me permite, para retirarmos de alí entre os tres ese andel fóra de uso, que decidira entregar a M. Cando uns anos antes nos trasladamos de casa e pensabamos aínda en usar ese andel para os libros, tiveramos que serralo para acomodalo na parte de arriba do piso. Serralo debidamente, quero dicir, con toda clase de coidados e un repaso posterior digno de ebanista. O bo amigo M. pensaba en usar o andel para outros usos. Non lembro ben se de organización do taller de seu ou para unha finalidade directamente calórica. Crematorio-gastronómica, quero dicir. Como o andel non saía pola porta do trasteiro pensamos en aproveitar que no seu día se serrara por aquela certa cenefa e alí, cuns golpiños ben dados, proceder a separar os dous hemistiquios daquel coloso de dous metros e medio de alto por outro tanto de longo (heterostiquios, en realidade, por estar previamente resolta a separación das dúas partes do andel de acordo cos principios dunha simetría quizais non moi harmoniosa). Por non orixinar destrozos excesivos no andel andándomos a couces, empuñei un machado que alí había. Dei uns golpes bastante firmes para separar as partes encoladas —axudada a cola por pequenos cravos que alí dispuxeran as miñas mañas e o bo sentido, e isto si que molesta que non se lle recoñeza sempre a un. Malia todo sen moito éxito, o dos golpes firmes. Repetín varias veces a manobra utilizando as dúas partes do machado —gume e cabeza— e intentanto aplicar os meus coñecementos de Métrica e de Topoloxía, todo isto baixo a atenta mirada de M. e de R., os exmineiros. Tras un par de minutos algo tensos, quizais menos tempo, M. solicitou o machado e deu un golpe seco (para o meu gusto, excesivamente seco) e, voilà, os putos heterostiquios se separaron como por arte de maxia. O que máis me doeu foi a frase, a única frase, que nos seguintes minutos resoou no garaxe (en realidade aínda o fai cada vez que baixo) mentres cargabamos nun remolque os restos daquel honorábel e antigo andel maltratado: “Un mineru ié un mineru!”.

O segundo episodio aconteceu en realidade antes que este que veño de referir. Tamén supuxo unha socialización inxusta desa lenda asociada á miña persoa. E non tanto pola presenza do outro mineiro, este non asturiano senón da parte de Melide, o moi querido para min R., como polo feito de seren testemuñas de todo certa señora a quen chamarei L. e mais outras dúas persoas do lugar que alí se presentaran. Foramos poñer, R. e eu,  uns marcos nunha finca. L. estaba alí por ser ela propietaria da colindante. As outras dúas persoas tamén eran donas de fincas que tocaban coa que nós iamos delimitar, pero delas non falarei moito, por seren discretas e mesmo distantes como viciños. Tratouse sobre os lugares exactos da operación e logo dispuxémonos a espetar uns pesadísimos ángulos de ferro que tiña o amigo R. no seu taller, pezas de algo máis dun metro de longo. Ao primeiro eu termaba daqueles futuros marcos, enferruxados e algo desagradábeis ao tacto, cousa que percibía ben aínda ao través das luvas. Termaba deles e da súa verticalidade. R. trouxera unha maza igualmente desproporcionada que debía de pesar máis de 3 kg. Era xullo e ía unha calor de morrer todos alí mesmo, no acto de fender a terra. O meu amigo suaba de vez metido no buzo azul e daquela, cando quedaba por chantar o derradeiro marco, dixen que por que non intercambiabamos as nosas funcións e posicións… En canto agarrei a maza unha serie de pensamentos fugaces atravesaron pola miña mente. O menos fugaz deles foi este: existían tres puntos posíbeis de contacto no momento no que eu descargase a maza sobre o ángulo de ferro —iso se previamente era capaz de erguela—; en sentido progresivo, respecto de min e do meu corpo, os seguintes: i) o propio ángulo, ii) a man ou o brazo de R., iii) a súa cabeza, non tan separada do marco como sería prudente. Alén deses tres puntos de contacto existía, certamente, un lugar máis que desde unha óptica heurística tiña que ser considerado. Refírome a dar o golpe ao aire, non acertar con nada. A natureza humana ten algo de atravesada, e quizais por iso a min se me pasou fugazmente pola delegación do inconsciente colectivo que debe de existir nalgún punto do cerebro propio que esa cuarta opción, non acertar coa maza en ningún punto de contacto, era de todas as posíbeis a máis irrisoria. Por un instante, só por un instante, logo, dei en pensar que a efectos de socialización posterior do fenómeno, case resultaba preferíbel impactar no cráneo de R. coa maza que describir unha especie de semicircunferencia radial entre cubo-futurista e vorticista pero en todo caso fallida sen paliativos, nin sequera “accidental”, co punto tecno-antropolóxico que esa palabra conserva nas sociedades post-agrarias. O caso é que, sen quecer músculos nin prepararme mentalmente de forma suficiente, a maza subiu. Subiu e a continuación baixou, pero de xeito tan brando e pusilánime que cando chegou ao ferro —porque, contra os prognósticos malintencionados dos alí presentes e pode que de ti mesmo, lector ou lectora, acertei de cheo naquel pequeno ángulo de ferro— este non avanzou na terra nin tres centímetros. Aí foi cando aquela señora L., sen conceder sequera unha segunda oportunidade ao operario, soltou a cáustica sanción: “Ai, Lándoas, isto non é o teu!” [para gardar fidelidade absoluta aos feitos indicarei que o que dixo L. foi: “Ai, Arturiño, isto non é o teu!“; e non podo estenderme agora sobre a pragmática do diminutivo na onomástica do galego común]. A frase, como a madalena de Proust, moveu e conmoveu na miña memoria un cavorco de recordos, entre os cales o máis repetido e cruel foi unha frase escoitada máis dunha vez ao longo dos anos. Unha frase que debería estar penalizada polo dano inmenso que ocasiona nas mentes infanto-xuvenil, adulta e postadulta, e, con toda probabilidade, tamén na senil. Unha frase que encanta espetar a determinados individuos cando son conscientes dunha superioridade relativa (por eles e as súas mentes enfermizas experimentada como absoluta) no plano físico e, en particular, na dimensión atinxente ás habelencias e capacidades manuais do outro. Porque ese é o quid: a outredade traumatizada, violentada, atropelada, laminada.

A frase, que non negarei que ao longo da vida eu mesmo pensei nalgún caso aplicar a terceiros (aplicala non só no plano físico, aínda que hai cada un por aí que pra que…, senón tamén no intelectual, poñamos nas tarefas crítica, docente e tal…), a frase, digo, resulta ser tan manida como efectiva. Heina grafar aquí para escarnio propio e alleo. Dá algo de cousa anotala, pero en definitiva un, se fai un blog, é para dicir a verdade e para confesar co mundo. Iso é. Eis a frase: Quita, quita, que te vas manchar! Que inmensa crueldade encerra este decasílabo…

 [Fotografía titulada Dous mineiros de Datong (1996), de Liu Zheng]

 

As (c)idades do (c)ego

23 de Maio de 2009

ac-por-map-1973eu-lalia

 

“Avec le temps”, o poema de Léo Ferré, que vai na banda sonora desta semana, aí na columna da dereita, cantada por el mesmo, por Jane Birkin e por Abbey Lincoln. Tres versións moi diferentes, ou pode que non tanto, porque nelas, como en toda performance, o que nos informa, conforma, deforma, transforma… é un torbón de signos, algúns deles, moitos, alleos por completo a calquera propósito de quen supostamente di, de quen se dirixe en aparencia a nós, a ti, Abbey Lincoln por caso. Penso desde logo nas fotografías que alguén subiu a YouTube xunto coa música.

Ai, ai, ai…! A banda sonora da semana, a BS!, que neste lapso entre Lándoa e Lándoas, algo longo de lesbos por razóns técnicas e biográficas, o artífice foi descubrindo que en realidade era o único que a parroquia botaba a faltar. Non era a letra, ca. A música era!, algo do que confeso ignoralo todo. Só polo corpo e non pola ánima o queren a un. Así foi (animula vagula blandula / hospes comesque corporis…) e así será.

Non lembro agora mesmo se no blog anterior a este era eu algo máis novo. Coido que daquela adoitaba esquivarme como asunto, como obxecto, como subject. Ou polo menos facía como de quen, expresión esta moi da miña infancia por certo. Entón que? Quizais pola fundación da rede de fans que con clamor se anuncia (faime enorme graza o uso desta palabra —clamor— en determinada prensa, poñamos La Razón, poñamos El Correo Gallego cando se postula máis local que adoito) en Facebook tras un post recente ponderado amicalmente por Nubosidade (conceptualizadora exacta da pijocracia que quece motores sobre a moqueta de San Caetano)…, quizais porque o blog novo comece con perigo a literaturizarse (i.e., a narcisificarse?)…, quizais porque somos moitos os que convivimos nun nome e o nome xa nos vai ficando estreito… Quizais era máis novo e le temps s’en va. E pode que por iso poña hoxe estes recordos gráficos de 1973, de 199o, de 2002. Un retrato que me fixo Migueliño (Miguelanxo Prado; digo isto e xa me piden as neuronas contar algo daqueles anos); unha das primeiras fotos que me fixo Marga no piso da Rúa Nova, sobre os tellados do mundo (digo isto e xa me falta tempo para poñer unha foto memorábel dela fumando —miña dela—que nunca vou poñer); un autorretrato en espello, de tantos que van, e no que pode apreciarse que nas súas orixes programáticas o Círculo Semiótico de Vite foi en realidade apenas Lingüístico e cun punto de allo-simulador metafórico dos globechos que a banda deseñada emprega para significar pensamento non articulado en linguaxe audíbel, hoxe corrixido (o allo, o pensamento) porque os tempos son ben máis glamourosos nese bairro de Compostela chamado Vite. Esta fotografía, tomada nun baño embutobutoxa na casa actual, arriba do que era a Cal das Barras, foi no seu día un envío para Helena González despois de conversas que tivemos naquela altura pola Concha e o Kursaal, en Donostia, nas que ela me afeaba o corsé teocom que entón usaba eu por baixo da camisa (o século nacendo). 

Xa que logo, amiguitos e amiguitas, como exercicio de reflexión para a finde propoño isto: Comenta nun máximo de 300 palabras se o que di o cabrón de Ferré sobre canas, esquezos, cabalos, rostos, distancias, alteridades, esgotos, amores, hipotecas, morte… è vero ou se simplemente è ben trovato. Recoméndase non deixarse levar polos movementos faciais —ollos, arcos ciliares e zona labial sobre todo— de Ferré, un ichó para sensíbeis, como en xeral o é sempre a lingua francesa.

[Lándoas, as tres idades, ou tal]

Hexagónica

11 de Maio de 2009

Lía en René Char o poema “Sobre a superficie dun estanque xelado”: “Ámote, / inverno de chuvieiras belicosas. / Agora escintila a túa imaxe / alí onde o seu corazón se inclinou”. E fun directo a un vello Teorema en bruma que logo foi titulado Informe para unha álxebra da cidade. Non lembro as datas. Pode que finais dos anos 70. O peculiar é a aparición alí mesmo dunha ficha cun hexágono debuxado e seis nomes nos vértices. Anotei daquela, non sei cando, a observación sabida de que o hexágono é a figura de maior número de lados que pode facer composición con outros polígonos semellantes. Logo fálase dun Editor e dise isto: “Existirá como figura do relato e presentará aos seis do colectivo. Quedará a dúbida de se el é un invento deles ou eles o son del”. Os nomes dos vértices van acompañados da idade, a procedencia xeográfica e unha mínima descrición do carácter. Anoto: “Arnalte G. Prádanos, 26, Baralla, epistológrafo logorreico, escribe un Tratado sobre a ineptitude“, “Xulia Bértomo, 24, Guísamo, alegórica, seguidora de VW [?]”, “Rafael Louzao, 20, Moeche, seguidor de Chesterton”, “Artur Muíños Paz, 19, Guitiriz, lírico, toques cunqueirianos”, “Manuel Seoane Brizzola, 23, Rábade, teórico, metarrelati[… ilexíbel] “, “Margarida Amieiro, 23, Lugo, épica e disfraces [sic]”. Eses. Os seis vértices do relato. Os do colectivo… Isto último é o que maior entusiasmo induce na memoria. Porén, nada máis consigo lembrar. Nin iso lembraba. Non creo que sexa de hai tanto tempo. Non pode ser.

[Botón de nácara]

Rotring

4 de Maio de 2009


Hoxe, procurando entre vellas carpetas, atopei unha azul que dicía PROSAS. Nela están algúns contos (primeiros 80), o comezo dunha novela (anos 70), materiais diversos e algúns debuxos que fixen cuns Rotring que merquei a finais dos anos 70 e que aínda teño porque me resulta difícil desfacerme de nada. Aparece mesmo na parte posterior da caixa de cartón tamén conservada isto: “Oferta ‘Promoción Escolar’ Limitada 1.600 Ptas”. Boto contas e decido que iso naquel tempo era unha fortuna importante. Podía equivaler á metade da parte que un estudante universitario paga hoxe por compartir piso con outros compañeiros/as. Divertíame debuxar naquel tempo. Agora ollo para estas dúas cuartillas e véñense á memoria moitos fíos: a mesa naquel terceiro de Santiago de Chile, as protestas contra as axencias inmobiliarias pola carestía dos pisos, as amizades idas… Ollo para os debuxos e sei que pouco diso entra neles. Fago hermenéutica do propio. Intento saber daquela hora, marzo e abril de 1980 polo que está anotado ao pé doutros debuxos da serie. Intento recoñecerme no trazo. Logo atendo o voo nervoso dunha lavandeira no patio. Nunca antes as vira aí. Onte, xantando en Cecebre, falamos das moitas que había na estrada na que xogabamos. Era agosto.

[Restos]

Surrealismos hoxe

2 de Maio de 2009

Magnífica a sección que TriploV dedica ao surrealismo. Atende de xeito particular os cursos do movemento en América Latina, así como a actualidade das prácticas surrealistas en diferentes campos artísticos, literarios e do pensamento.

Recollo aquí as que son case as derradeiras palabras de Woman-bomb, da escritora, directora e teórica croata Ivana Sajko, nalgún sentido relacionada co movemento surrealista. A intervención é do Marqués de Sade:

Ignorance and fear —these are the bases of religion and governance. Fear becomes habitual and changes to need; and our needs rise up, hemming us in, suffocating our lust for liberty.

[Ivana Sajko en Woman-bomb (2004)]

Maside teórico

6 de Abril de 2009
Co fío do texto de onte, saen outros no taller do blogueiro. Entre eles a dimensión teórica de Maside, que analicei en traballos de hai case quince anos e que hoxe sinto algo alleos nalgún punto da argumentación, pero sobre todo na linguaxe crítica aplicada. Vía entón conexións claras entre o movemento renovador da plástica galega de preguerra e a estética fenomenolóxica. As liñas conducían a Ortega, a Heidegger, ou ao Hartmann que se coñecería bastante despois… Mesmo a Adorno nalgún punto. Pensei tamén no interese de Maside por verse e situarse como signo para si propio (como nestas fotos). Algo sobre o que sen dúbida tivo que falar por extenso con Dieste, el mesmo afectado por esa doenza non só posmoderna da autoficción, en especial nun libro como o Félix Muriel. Recupero, traducidos e levemente abreviados, uns parágrafos escritos quizais contra 1995:
Resulta constatábel en Ortega y Gasset e en Rafael Dieste a consi­deración da obra artística como unha opera­ción fenomenolóxica, como instru­mento de visión ou logos herme­néuti­co destinado ao desvelamen­to do ser. No que afecta a Dieste esa reflexión é moi recu­rrente, se ben dous dos lugares en que mellor se manifiesta son “Análisis de una breve nota de Masi­de”, texto non destinado a publicación e utilizado para a preparación dunha conferencia, e a propia conferen­cia aludida, cuxo título foi “La estética pictórica de Carlos Maside (con alusiones a otros pinto­res gallegos coetáneos)”, lida na Galería Sargadelos de Madrid o 23 de maio de 1975.

As glosas de Dieste decla­ran o grao de proxi­mi­dade teórica entre el mesmo e Carlos Maside —o máis raciona­lista dos reno­vadores, o máis metafísico e entregado á meditación sobre o transcendente, segundo o escritor rianxeiro—, vínculo que os conduciu a pensar de forma conxunta no Vigo prerre­publicano todo un sistema de problemas interre­lacio­na­dos relativos á arte.

Para Maside a arte consistía precisamente en realizar o irrealizábel, acto equi­va­lente a un crear da nada, e que, sobre a transposición da serie de elementos sensíbeis do obxecto represen­tado en canto imaxe tería que vir definido pola incorpo­ra­ción das sensacións suprasensíbeis, encargadas en fin de inte­graren á ficción do cadro os funda­mentos do ser, da cousa, e que, concretamente, opera­rían por negatividade ou oposición para amosar na fugacidade e transito­riedade do ser a súa presenza eter­nal, a súa perduración no tempo como tal ser (o repouso expresa ou suxire así o move­mento, a vida fai o propio coa morte, etc.). Exactamente nese punto radicaría para Maside o que denominou o fundamento do aparecer.

Agrego simple­mente que o comen­ta­rio de Dieste matiza algunhas impreci­sións concep­tua­is e nominais do texto de Maside, pero asume os seus criterios sobre a ficción artísti­ca, sobre a verdade e sobre esa dobre visión, tan próxima aos pos­tulados de Nicolai Hartmann (á marxe da chave negati­vista, que á súa vez ha lembrar desenvolvementos debidos a Adorno). Na conferencia, Dieste lamenta, por outra parte, o pouco que deixou escrito Maside, e suxire a posibilidade de que nalgún momento decidise desfa­cerse da súa obra teórica. A teoría estética que reconstrúe ten a súa base, pois, en discusións, comentarios e exames de obra comparti­dos no decenio anterior á Guerra Civil, sobre todo nos anos nos que coinci­diron en Vigo.
[Maside en dúas fotografías das que descoñezo autoría e data]

Desconcerto

4 de Abril de 2009

En 2001 Antón Lopo propúxome facer un número da Revista das Letras, con poemas novos e unha entrevista que logo se titulou “Lopo & Casas en (des)concerto”. Publicouse o 19 de xullo. Recollo a última pregunta súa e a resposta que daquela dei:
LOPO.— Nestes poemas que publicamos en rDl, vostede insiste nos roteiros dunha poesía de esculca formal e contidos desvergonzados. Nun momento en que os poetas galegos parecen instalados nas convencións, vostede inclínase cara á imaxinación e o xogo. Non cre que se pode considerar pouco seria a súa proposta? Ou, pola contra, opina que o motor lúdico é a única aposta seria da poesía?

CASAS.— Desque pechei Momentum. Circungrafía, o meu terceiro libro, cousa que aconteceu contra 1994 —malia o libro saír no 97 (todos os meus libros de poemas saíron tres ou cinco anos despois de escritos)— non volvera a escribir poesía. Por tanto, pasaron sete anos sen facer practicamente nada nese campo, todo o máis algún texto pequeno para revistas, dous ou tres como moito, obra aforística, microrrelatos para autoconsumo. Tampouco estou seguro de que faga ben publicando agora “Dereito Natural”. Neste tempo pasaron cousas, pasáronme cousas como lector e tamén na miña relación coa literatura e coa vida. Cando saíu Momentum escribín unhas palabras preliminares nas que facía explícita e pública a conciencia de pechar un ciclo e unha concepción da escrita. Estaba moi seguro diso.

En Galiza hai agora mesmo unha ducia de poetas cun nivel extraordinario. Iso, estatisticamente, non é normal. Por temperamento e por outros motivos éme difícil converxer decididamente con outras poéticas activas do momento, pero o certo é que nestes anos ler e estudar determinados autores e autoras galegos —e non nego que Pepe Cáccamo e Chus Pato son para min referentes principalísimos, como tamén o son Avilés de Taramancos, Méndez Ferrín e varios outros escritores, tamén poetas doutras tradicións—, levoume a tomar nota de que hai espazo para unha literatura poética que, facendo da elaboración discursiva e do traballo coa palabra case un emblema, interveña no eido social e político con algunha eficacia.

Nese sentido, estes textos de “Dereito Natural” non van alén da vontade de experimentar un discurso civil que aspira a abrir o diámetro xa amplo desa clase de rexistro. Vostede destaca a dimensión lúdica, outros apreciarán neles a parodia de certas convencións ou de certas poéticas, outros a denuncia das manifestacións diversas e inesgotábeis do abuso e da impunidade…

Non lle sei se isto é menos serio que o que antes escribía (tendo a crer que non, máis ben todo o contrario). Se é menos metafísico, menos esencialista, menos hermético…, etiquetas estas que se atribuíron á miña poesía en diversos momentos. Pero o que noto é que “Dereito Natural” pode ser un indicio do que me interesaría saber facer no futuro (se eu tiver futuro como escritor, cousa que está por ver). Con independencia ademais do marco xenérico que escolla, porque non nego que me interesaría recuperar unha relación máis normal coa novela ou aínda co teatro. Mesmo como lector.

Doutra parte, eu son un señor que entre as súas perversións confesábeis conta a escrita de dicionarios, de bibliografías e doutras empanadas semellantes. Agora mesmo, cando saio do traballo, o corpo pídeme outra relación coas palabras, outra mirada. Con moita frecuencia, humorística e crítica, nas primeiras versións case sempre algo máis duras e acedas que nas que finalmente dou ao prelo, se as dou.

Os cinco poemas que agora publico quizais naceron cun propósito máis definido de instalarse no gume dunha provocación menor e nunha apertura interpretativa que acaso sexa temeraria, porque non faltará quen os lea xusto ao revés de como eu os comprendo. Tanto me ten. A literatura é con frecuencia un exercicio de compensación. Lendo e escribindo compensamos algunhas carencias que nos amolan. Neste tempo menesteroso e tartufón, con iso abonda.

[Antón Lopo sorrí en 2006 (Dentro). Abaixo e fóra, As tres idades do sorriso (2003), de Amalia Iglesias Serna]

Arturo y yo: neobarrosos

29 de Marzo de 2009

Por algún motivo que non se me alcanza, experimento unha certa proximidade co arxentino Arturo Carrera (1948), neobarroco ou neobarroso case da quinta do poeta trotskista-anarquista Néstor Perlongher (1949-1992), autor este último de libros de poemas como Alambres (1987) e tamén, na condición de antropólogo social e militante polos dereitos dos homosexuais, de estudos como O negócio do michê. Prostituição viril em São Paulo (1987), inicialmente a súa tese de doutoramento en Campinas.

Agora que recibo de Laura un mail a nome cambiado (AC↔AC) e que ademais María falará, tel quel, de Severo Sarduy e neobarroquismo no Festival Pop Vite Nuove 09, coñecido tamén en círculos goliárdicos como “Festival Didi-Hip-Hop Amarrado/a al Duro Banco 09 horas/día”, é o momento de recuperar definitivamente un celebrado poema do libro Arturo y yo (1984), de Carrera. Este, algo longo para o habitual nesta ventá, de título “El potlatch de las siestas”:

Un coloquio remoto se hundía en la exageración

(miniatura de una incertidumbre
que lo amparaba): Algo querrá ahorrarnos
siempre, la pena de la escritura

El campo.
Todas sus cruzadas de comadronas
invisibles.
La arena de oro el sentido y del sentido,

madres desaparecidas. Vuelvo a una patria
de terrores pueriles y asaltos
a la pequeña oscurecida urbe
de la memoria: Oh, tristeza

Me has enfrentado al lujo insoportable
de mi desnudez.

Aquí está el mapa de lo reído y de lo
por reir.
Los lugares que deslizan su ritmo reificado
en lo alarmante:

El tiempo
que contrae
el abismo
de los niños.

Hay que enfermarse.
Hay que enloquecer.

“Hay tres minas jugando
al Ludo, podés creer?”
-dijo Mariano.
“Parece que juegan y
cuando las mirás fijamente
desaparece el tablero”.

“Estás en pedo -dijo Julio.
Más borracho que ellas”.

Busca el agravio de la alucinación
compuesta (se despereza en estos
campos)

Sus patios para dar mis vueltas.

Sus sótanos para retocar heroicamente
los homenajes al cuadrado.

El campo.

Unas cartografías silbadoras. Colores
repetidos en los timbres, oh, monjes:

Vosotros que de la plegaria hicisteis
una partitura, un mapa para el acting
de escoger de la luz la calentita sombra
quejumbrosa.

Vosotros,
para quienes el mal y el bien
son el paisaje: el paseo más puro
de la contemplación

Estamos en Indio Rico,
a escasos kilómetros de Pringles y
es la industria de los noveleros,
con sus flechas de macizo oro y sus
boleadoras de pepitas áureas forradas
de billetes de cuero…
Estas son dunas, dunas mínimal, y
estas son napas con láminas de mica
traspapeladas.

Ahora estoy en Pringles,
en la azotea de mi casa donde soy Vatek,
con mis astronomías lanares y gozo,
como también de día gozo, tendiendo
desnudo la ropa: paso por el silencio
costumbres que el almuédano corta
al llamar a la Meca: duda, por todas
sus geometrías secretas donde la luna
entierra unas cerezas frías…

Hijo,
y padre.
Pero con un juego limpio
bajo la nariz ganchuda: el amor,
el equilibrio tumultuoso del “galpón”
donde unos tumultuosos quemaban los
juguetes y el trigo.

Malones.
Malones señores pintados con su crueldad
que cunde como el fuego del deseo
en la pampa.

Pero hay el barullo de lo pequeño, aún,
cruzando el cielo matizado sobre
cardos y escobas albinas y estolas plateadas.
El brillo del panadero, erizo suavísimo
con su relámpago tieso de madrugada,

y también el llanto,
el llanto ameno del siringo, angustiante,
y prolongado…

Estímulo de la secreta alegría de la sensación
de simular tantos discursos y prometer más
mímicas,
más mordeduras.

Algo que quiere ahorrarnos
la pena de la escritura: No hace mucho le
dije a Emeterio: No he fundado ningún sistema
nuevo de lectura; nada original: ni siquiera,
volverme imperceptible… ahora enmascararnos
los brazos, las manos… (No dijo nada y después
pensando que iba al mar con los chicos dijo:
“Comprate una sombrilla, es algo que puede
durarte años”).

Genet sabe que el goce le es negado por
principio -dijo Sartre.

¿Yo busco el agravio de la muerte?
No; enumero el sentido de una desaparición
escrupulosa:

el arco iris no.
los niños no.
un amor no.
un cuerpo que al pasar
deja que el deseo nómade se precipite en él
como una nevisca incandescente,
como una lluvia
fulminante. No.

una idea célibe no. viuda no.

una frase fastuosa que aparece
en la mitad de un ingenuo
momento,
de una ingenua desaparición

Del campo. No.
Del fauno o silvano que aflojó los cordones
soltó los ojos en los manojos de doradas
espigas. No.

Un sileno no.
Un coribante con su falo serruchado
en la mano,
bailando y restallando de dolor,
bailando y restallando. No.

Genet sabe que el goce
le es negado por principio:
Natachita me trajo su libro de cuentos
y Natacha, la madre, leyó en ruso.
Un cuento que no entendí, pero que
disfruté bestialmente
como una bestia que se sale de su ajustada
maya.
Natachita me miraba.
Liliana agachó la cabeza y alzó, imperceptiblemente,
los difíciles hombros: Ella también escuchaba…

Natacha cantaba, en realidad, ese cuento
maravilloso. Cuando terminó, alguien dijo: “¡Qué lindo!”
Natacha se apresuró a explicarnos que era un cuento
que le leían asiduamente a Pushkin.

Me despedí de todos ellos, como siempre,
besando a cada niño: coronando con un acto de
malsana estupidez aquella estupenda “lección”
de poesía.

Un poema agora de Néstor Perlongher na súa propia voz. “Cadáveres”, tomado xustamente do libro arriba mencionado Alambres.
[Arturo Carrera e Néstor Perlongher]

Teatro proício 3

18 de Marzo de 2009

Fin de Lándoas etc.

Momento central
19,40 h. da xornada electoral referida. O mesmo espazo cúbico do momento inicial, envolto agora nunha luz como de placenta asnal, amarelecente por tanto. O público, que na parte anterior non chegou nunca a gozar dunha posición axeitada nin cómoda para seguir a obra, por rodear en O a alta mesa camilla central na parte baixa do escenario, na mellor tradición Fluxus 70s, pasa agora a situarse nun lugar que para algunhas sensibilidades podería parecer de privilexio, por canto supón ascender no cubo e colocarse na superficie cenital do mesmo, en toda a súa extensión. Orabén, sería discutíbel tal condición de privilexio. De feito, unha parte dos espectadores nega a colaboración e abandona a sala de San Marcos (dez ou quince destes son reclamados polo seu nome e dni por unha furgoneta azul con megáfono exterior que rube a cen a costa vindo de San Lázaro: last-minute carrexo?, desgraza familiar?, ignórase). Outros fican na sala, pero deambulan abaixo, como nunha circunferencia ou espiral circunscrita á mesa camilla, facendo roda, se cadra maledicente, ao xeito de groundlings non plenamente decididos a quedarse. O caso é que un sector moi amplo do público accede á proposta da Directora de Escena e ocupa o lugar cenital mencionado, aparentemente de privilexio, segundo xa se dixo nesta didascalia. A pega, motivadora da sedición parcial, é que esa posición pública pasa a ocuparse por suspensión corporal. Con efecto, cada espectador/a aparece pendurado/a dos nocellos a xeito de Pipistrellus pipistrellus, isto é, como unha pequena colonia de morcegos ananos (arredor de cento once, cento trece individuos). Perigo de caída non hai ningún, razón pola que incluso acceden, os pipistrelos humanoides, a que os tremoístas lles aten os pulsos nas costas. Por se acaso algo pasar, portan, iso si, sostido nas manciñas á altura do óso sacro, cadanseu pequeno abano de Manila a xeito de penuxe caudal. Reitérase que o perigo é limitado para os individuos da colonia, por canto desde a posición cenital até os cabos de groso aceiro que sosteñen o jacuzzi hai non máis de tres metros de distancia. Malo sería que en caso de caída os pipistrelos non puidesen reaccionar e alcanzaren con algunha parte do corpo un deses cabos. É máis, a dirección de escena (isto non se dixera até agora), como medida precautoria invisíbel estendeu xa no momento inicial unha ampla malla metálica 9 x 7, un metro por baixo dos cabos de aceiro, de modo que nin o tipo do jacuzzi nin o cátedro en manguites do monociclo circense pasaron nunca perigo ningún como frontispicio distópico da farsa. Aliás…, aliás nada. Abonda! Só unha outra consideración. O público contempla agora o jacuzzi (envolto durante o momento central nunca especie de arielita que o protexe dos elementos e do guano quiróptero), o teléfono glauco e a mesa camilla en picado cenital. Para evitar seren cegados pola brillante epiderme craneal do Académico, levan todos lentes de sol. Os groundlings fican aló embaixo/enriba nunha anamorfose que para os morcegos máis centrados podería describirse así: hai un planeta central cun tipo dentro, logo, atrás, como nunha eclipse hai un satélite con protuberancias periféricas (a mesa de autopsias) e, ao fondo, móvense corpos astrais, meteoritos, lixo espacial. Fosbury salta agora para eles dun xeito epifánico e como sen mérito: por baixo do listón. Tres ou catro pipistrelos son incontinentes emocionais e vendo esas imaxes ceden a unha ouriñaxe secuencial, ampliada a vontade e segundo o grao de perversión individual a todo o momento central da peza. A fluencia minxitoria deslizándose corpo arriba até faciana ou guedella (segundo constitución e idade dos incontinentes) e logo caendo en mélica pingada sobre o tapete azul da mesa camilla fai que acorde da sesta o Intelectual Morto, quen declama como recén chegado de ultratumba “Oye, patria, mi micción!” en castelán do que en tempos fora arrabalde da Gaiteira (con caída de velar implosiva). Os obreiros do porto exterior voltaron ao traballo. Do coito tectónico colexiado e da epéntese de iodo nas praias sobrevoadas de Bens, Malpica, Gures, Corrubedo e A Lanzada —Eros polítropo, Chibo raptor, voo nupcial de sesta plurilingüe e multiorgásmica— naceu, en acelerado portento biolóxico, un bebé multicontinental, multirracial e polifónico que medra dous anos por minuto e sorprende en primeiro lugar á nai que o krew, unha fermosa muller de Carnota que ha lembrar á Cecilia d’O Castro – Sargadelos, serie 1984, entre exipcíaca e atlántica, poderosa. É unha nena a criatura. Póñenlle Orquialxia da Emancipación Relativa Fanada Wyspianski Paredes Mbengue da Silva Paruhum Ledo (en adiante, Orquialxia da Emancipación Relativa Fanada). Desempeñará un papel relevante no momento final da auto-farsa. Seguen no escenario os personaxes do momento inicial, pero incorporáronse tamén Galicia Milindres, o Sistema Literario e a Inocencia Pública. A medida que avanza o momento central aparecen outros personaxes, segundo se irá vendo.

TI > [Nefroloxicamente húmido/a] Xa estamos!

A INTELECTUAL DESMARCADA > [Baixo o paraugas negro] Mexan por nós e dicimos que chove [Riso breve].

A INOCENCIA PÚBLICA > [Simultaneamente. Baixo o paraugas verde] Nunca choveu que non escampase!

GALICIA MILINDRES > [Simultaneamente. Paraugas amarelo] ¡Llueve sobre mojado! Co Patrón non pasaban estas cousas. [Riso].

O SISTEMA LITERARIO > [Ton empírico malia reflexivo] Ben sei que non me corresponde a min dicilo, porque eu non valoro, eu constato. O meu é ver e calar, nunca exercer a crítica. [Pausa]. Ben o sei, pero hoxe… se calo rebento. O caso é que a esta peza se lle vai toda a forza dramática pola boca teatral. Moito espectáculo, moita pantalla, moita danza quieta e pouco drama. Que se fixo do diálogo? Da tradición moral-sacramental e dos seus repertoremas que se fixo? Pero sobre todo, quen paga isto? Non me dirán que todo é unha montaxe de don Arengas.

O ACADÉMICO > Oiga, un respecto!

O SISTEMA LITERARIO > [Con retranca pouco sistémica] Home, falou a institución… Non foi sen tempo, señor. Aínda que un esperaba outra actitude e outra gallardía da(s) súa(s) parte(s), e non llo digo só a título persoal.

O INTELECTUAL INTEGRADO > [Paraugas vermello. Vaticinante] Meu deus…! Aquí aínda vai pasar algo.

A POLITOLOXÍA ILUSTRADA > [Incorporándose ao xuntoiro] Que quen paga isto? Eis a única cuestión de peso que se pronunciou arredor desta mesa desque comezou a comedia.
LÁNDOAS > [Emerxe outravolta para recuperar o fío metateatral. Ti volves brincar na cadeira, diante da túa computadora] Non é comedia, que é farsa sacramental. [Dío silabeando, e xunta sen querer, ridiculamente, o -sa de farsa co sa- de sacramental: far – sasa – cra -men -tal] Fóra do cal, ten razón o Sistema. Aquí non hai drama, señores, non hai dialéctica. E a culpa é, claro está, da Directora. [Tusidos reiterados, de discrepancia]. Se me deixasen a min só, verían vostedes o que era a forza dramática. Pero ela non. Ela [pedante] deturpa o dialóxico. Todos acabamos sendo como bonecos de ideas fixas sobre o escenario, sen tensión interior, sen conflito íntimo nin na conciencia, nin no peito, nin nas éngoas. Claro, á señora Directora [retintín e espavento esaxerado] interésalle o efecto teatral, a interacción escénica, o sampler, a luminotecnia sen emoción, a suxestión pop, o ruxe-ruxe coral e o salto de altura repetido e repetido. [Berra] Sen paixón ningunha! Traizoa a tradición!

A DIRECTORA > [Desde abaixo, que para o público é arriba] Vostede a calar, langrán! Isto non é Marat-Sade, por moito que haxa un tipo na bañeira escribindo unha redacción de tema libre. Aquí o autor non pinta nada. E, ademais, vostede nin autor é. É per-so-na-xe, como o tipo do jacuzzi, outro bobo con ínfulas de ira-do-pobo, igual que vostede, só que con pasta e cínico, con moitísima pasta e moi cínico. Así que deixe de presentarse aquí como o factótum do couso, señor Weiss. Ou queda só en vinculeiro de Rubia Barcia e o tres-en-uno ferreteiro? [Aceno frívolo-burlesco de medio corpo para arriba mentres mo di. Logo dá media volta e farfalla algo, coido que isto]: Tal para cal, maragato e medio! [Acciona o sampler agora e repite, distorsionándoo, o discurso de Lándoas, ou sexa, o meu. Repíteo varias veces… Risada longa da Directora, aplaudida por unha das gavelas de ñáñaras peripatéticos que non dá decidido se fica no teatro ou marcha de tazas. Queda ecoando a miña frase distorsionada no sampler “Ela deeeeeeeeeeeturpaodialóxico”, “Ela detuuuuuuuuuuuuurpa odialóxico”, “Ela deturpa turpa turpa turpa…”].

LÁNDOAS > [Aparte] Heina sacar no meu blogue á tipa!

GALICIA MILINDRES > [Almibarada e algo prima donna, simula dar unha coitelada pero non perde o sorriso histórico] Ay, yo me pido el papel de Carlota Corday. [O tipo do jacuzzi altérase e váiselle un borrancho na redacción. O seu auxiliar, atento a todo, acude solícito no monociclo cunha restra de folios limpos. Entra na arielita e deita unha presada de sales de baño por toda a parte. Algo desa caspa olímpica cae na mesa camilla, segundo xa se dixo, tamén sobre Galicia Milindres, que nese momento declara:] Tráioche os nomes, Marat!

O CORO QUIRÓPTERO > [Máis de cen voces, unísonas] Gloria a deus nas alturas! [Neste momento soa o teléfono glauco e comezan a moverse as aspas do aeroxenerador, lentamente de principio, sen efectos perceptíbeis sobre a sala durante os primeiros cinco minutos alén do bambeo que empezan a experimentar os colgados. Continúa a chuva de caspa e auga de jacuzzi]. Eses paraugas! Non se ve nada!!!

A INOCENCIA PÚBLICA > [Dramática de vez] E lo? Somos personaxes todos? Eu tamén? As nadas reptantes tamén? [Olla para o chan] Esqueceuse de nós a Natureza? [Pausa] Quen carafio manda aquí?

O TIPO DO JACUZZI > [Próelle o lombo e usa unha rascadoira vermella. Olla reiteradamente cara a abaixo mentres o fai. Finalmente berra, molesto pero engolado] A ver se calan a boca aí abaixo. [Pausa e subidón de clase despois, entre quixotesco e cínico, entre Señor Vences e Laudamuco] Chamo aos corazóns nobres, como fan adoito os grandes medios en momentos centrais da vida como este que representamos no gran mercado do mundo. Eu teño por norma cumprir coa miña responsabilidade: rañala, mollar os pés, gardar a roupa, compor esquelas e facer de BT. [Sube desde a mesa camilla neste momento unha minestra de murmurios e comentarios. Pausa. O ton agora pasa a ser de tenente coronel] Calen, coño! Van dar o resultado das enquisas a pé de urna!

A SOBERBIA POLÍTICA > Pois mira ti! Como se iso tiver algún interese para nós. [Pausa] Pan comido.

A INOCENCIA PÚBLICA > BT? [Tose].

O ACADÉMICO > [Burlón] Si, BT. Claro que BT.

GALICIA MILINDRES > BT, banda transportadora, correa de transmisión, mulleriña. Faino como dios ahí onde lo ve. No le sé cómo, pero hasta autobuses del Ebro mobilizaron os que pagan para la movida nuestra en la precampaña. Que ben saíu todo! Que contenta quedou Rosa! E Paco nin lle conto! [Risada].

O TIPO DO JACUZZI > Silencio, Milindres!

[Cae un quiróptero polo exceso de acaneo eólico. Era o máis próximo ao muíño. Mentres descende, intenta alzar o voo, ou como pouco pairar a media altura, mediante un movemento compulsivo e mecánico da penuxe caudal administrada pola equipa de tremoia-atrezo. Non o consegue. Sesenta e tantos anos, elegante, baixote, discreto na caída, diríase mesmo que digno. Da súa boca non se oe unha palabra de queixa ou medo. Ruído apreciábel no impacto, que é dobre: primeiro nunha beira da malla e logo, tras rebotar nela e subir momentaneamente como medio metro (instante que dá azos caudais ao pipistrelo), nunha beira do escenario. Este último ruído é menos metálico, máis serio. Cae xusto a carón dun grupo de casulos metamórficos. Fica quieto no chan, como morto].

CASULO METAMÓRFICO > [Voz profetizante, como de xornalista deportivo despois de rematado un partido] Víase vir.

A INOCENCIA PÚBLICA > Pobre pipistrelo!

O INTELECTUAL INTEGRADO > Dioloteñanagloria!

[Óese aquí de novo a risada longa de Medela, que vén súbita desde Lobeira sobre serras e vales. Dial radiofónico a procurar emisora. Radio Voz, RNE, COPE, Radio Galega… Sinais horarios das 20 h. Anuncio de inquéritos. Montaxe: sete minutos de cortes. O público empeza a amosar incomodidade cervical e problemas respiratorios. Toses compulsivas, como entre dous movementos dunha sinfonía de Sibelius. Por certo, soa de fondo, moi baixa, Finlandia, op. 26: andante sostenuto, allegro moderato, allegro, nove minutos longos (por tanto dous máis que os cortes informativos). Proxéctase asemade na pantalla do fondo unha entrevista televisiva a Th.W. Adorno, en alemán con subtítulos en finlandés, na que se desprestixia a música de Sibelius. Unha dama do público en posición quiróptera recita de memoria, parte inicial en francés e parte final en portugués, o capítulo “A estética tradicional como irreconciliábel coa arte actual”, da Teoría estética (1970) do francfortiano. Tamén lle leva sete minutos. As toses aumentan en especial en dous momentos: cando menciona A colonia penitenciaria de Kafka e cando se fala dos risos en Final de partida de Beckett. A dama recitadora, extraordinariamente delgada e móbil na corrente eólica, viste unha saia gris longa que lle cubre o rosto. De non ser pola arquitectura obtusa dos xeonllos semellaría unha lámpada parlante de deseño milanés. Sábese aproximadamente quen é, ou onde está, apenas polas liñas de miradas cruzadas entre o conxunto dos espectadores pendurados. Segundo vai dicir as derradeiras palabras do capítulo, cae tamén por efecto da lufada, cae como unha folla lenta de ameneiro, como nunha danza irónica de Palucca durante os bombardeos de Dresde. Mentres descende até o escenario, allea a toda xesticulación, declama: “se é que alguma vez pôde chegar de outra forma].

O CORO DE MORCEGOS > [Máis de cen voces, pero dúas menos que antes, ao unísono] Sáquennos de aquí!! Imos morrer todos, como nunha peli de Bruce Willis furioso!!

SANTA MADRE > [De mitra e incensario, con acólitos como recén saídos dunha sesión de terapia electro-convulsiva. O vento zoa mil zoares] Pipistrelos de pouca fe! Deus apreta pero nunca afoga. Estes dous que caeron fixérono por todos nós, nun sacrificio nobilísimo que os conduce á vida eterna. O vento é fonte de vida, é alento divino, plusvalía de isobaras. Confiade no Altísimo para que as xunte co seu debuxo preciso sobre cuíñas e castros, sobre cabos e esteiros, desde o Courel a Compostela con dixitación perfecta de megawatios de amor. Pai, Noso Señor, fai que o nordés sexa nordés na Capelada e o suroeste entre aurífero nas rías e lucre mesmo os vales agochados. [Caen seis ou sete máis. O tipo do jacuzzi abandona a oblea a todo correr, tapando cu e sexo con senllos suplementos culturais que tiña alí apartados. Coa sección “Letras No Ficción” dun deles oculta a parte dianteira e coa sección “Letras en Galego” doutro suplemento fai o propio co zafanario. Fica pois a arielita deshabitada. A auga conxunta de jacuzzi e chuva cae a eito sobre a mesa camilla e desátase unha certa desorde anímico-política. Os tertulianos todos, incluída a Politoloxía Ilustrada e unha recén chegada Mentira que non abre a boca, suben á mesa porque as cadeiras tamén foron caendo. Usan pastecas e poleas para recuperar caídos. Compoñen un grupo que finalmente remeda o tableau danzante do Géricault na Balsa da Medusa, como unha patera camilla, pero non se sabe a quen fan sinais cos panos]. Confiade no Altísimo, fillos! Confiade na magnanimidade do seu aloumiño ventoso. Vaiamos todos xuntos da man en comuñón: comunidades de montes, poderes públicos, asociacións de viciños, banca e caixas de aforros, parafarmacias e multinacionais da enerxía, cooperativistas e construtores, xornalistas e quiosqueiros, pensionistas e ecoloxistas, dentistas e burócratas, bipartito e dióceses, moinantes e intelectuais. O vento é de todos e todos somos vento, todos somos Igrexa! [Caen tres máis. Logo dous. A mitra vai boa que voou. Collérona os operarios do porto exterior. Un caboverdiano que coidaba de Orquialxia da Emancipación Relativa Fanada intenta calzarlle a mitra, por protexer á nena, pero o bebé é xa de obra de vinte anos e o perímetro craneal seu supera o do arcebispo. O caboverdiano tira coa mitra. Dous gatos chutados de Penamoa fan disputa por ela no momento en que na pantalla do escenario coagula un sorriso que xa non val un pataco. O gato sen mitra cruza o escenario e fabula para si: “República e independencia ou nada”].

A INOCENCIA PÚBLICA > [Arriba, na mesa, caendo da burra e movendo un pano en dirección oeste, o que fai que emerxa un peito redondo e materno por baixo da blusa rota] Weiss, que nolo conte todo Weiss!

CORO DE CASULOS > [No chan, case afogando en metade da tormenta] Tarde piaches!

[Riso pánico de Medela, agora desde a Praza do Azougue de Betanzos. Tras parolar cos restos de Andrade o Boo, en San Francisco, avanzan ambos en dirección ao Lastras. Un gato cunha mitra suxa pasa fulgurante entre os peronés enfraquecidos do conde eumés no momento en que se dispuña a subir os chanzos da taberna. O ruído da osada contra helmo e loriga conmove ás vellas que fan fiada sen fío pé da fonte. O riso de Medela dura e faise nesa altura pancreático, carnal. Inopinadamente, o Azougue énchese de xente, tras a porta do Lastras pecharse ao mundo. De xente que accede desde oito rúas ou ruelas que alí embocan. En silencio, con cadanseu móbil na man. Veñen de Xinzo e de Viveiro, de Zas e de Baiona, do Barco e da Fonsagrada, de Melide e de Melón. Son unha ciberturba e ninguén sabe de donos].

[Mentres, no espazo cúbico envolto nunha luz como de placenta ovina, cae o jacuzzi. Caen doce pipistrelos máis. Cae a malla. Quen negaría que aquí remate o momento medio do auto sacramental intitulado Fin de Lándoas?]

[Na fotografía, morcegos da Galitzia ucraína profunda, doutra clase distinta. Este texto é un perpetuum mobile. Modifícase sen previo aviso e reformúlase sen pausa. Continuará?]

Teatro proício 2

16 de Marzo de 2009

Fin de Lándoas (2 x 1: Auto sacramental, Farsa inmóbil)
Momento inicial
Espazo cúbico envolto nunha luz placentaria —como de placenta vacuna— que lembra o lugar predestinado para unha rotativa nunca instalada dun xornal-soño, capaz que chegado das ucronías dun exilio estraño. No centro dese espazo érguese unha mesa camilla cun número de cadeiras non doado de precisar; talvez sete, oito. As cadeiras son altas e teñen un mecanismo de izado para os ocupantes. A luz proxéctase neste momento inicial até dous terzos da altura do espazo cúbico, non desde o nivel inferior do escenario senón desde o que correspondería a un terzo da altura total que acabará por descubrirse segundo se desenvolva o auto. Por tanto, iluminarase de partida só o terzo central do volume (considerado en vertical). Como pano de fondo hai unha pantalla sobre a que intermitentemente se proxectarán as imaxes do salto de Dick Fosbury en México 1968 (récord olímpico, 2,24 m). Á dereita da pantalla e algo adiantada, calcúlese unha gran columna branca que a ausencia de luz corte a media altura, algo por riba do nivel alcanzado pola mesa camilla. Esta ten un diámetro de cinco metros, con outros catro metros de alto, de modo que as persoas que sentan arredor dese cilindro con tapete azul ceo están relativamente distantes unhas das outras, nalgún sentido abducidas e aqueloutradas, se ben trasladan en todo momento impresión de perfecto acomodo á situación. Sobre a mesa hai catro grandes paraugas pousados. A medida que a acción arranque, a luz placentaria ampliará a zona iluminada cunha progresión dun metro por minuto (50 cms para arriba e outros 50 para abaixo medidos na vertical da columna), até ocupar o volume completo do espazo bauhaus descrito. Devagar, iso permitirá descubrir unha cuadrilla de operarios á esquerda e a existencia de seres —ou nadas— reptantes no escenario, por toda a parte, envoltos como nun casulo metamórfico (parte do público?, animais disecados en vida?, políticos cesantes?). Os primeiros fuman e constrúen un porto exterior. Á dereita, a columna branca vai desvelándose progresivamente como aeroxenerador, parte improbábel, acaso apenas simbólica, dun parque eólico, porque o certo é que a carón del non hai outro muíño máis senón unha especie de escultura pública de cerámica mediterránea, asemellada ás que identifican os paseos coruñeses e con distinción estética de marca opus-vazquista: trátase de dúas enormes mans de tres metros de alto, sen código claro, xuntas polos pulsos e con habitus receptivo, indiscutibelmente obra de Lladró. A medida que a luz descenda irá véndose que o aeroxenerador é eixe dunha escaleira exterior de caracol que lembrará a montaxe do Macbeth pensada por E.G. Craig en 1906. Cando a luz ascenda por completo, non aínda no momento inicial, descubrirá arriba un jacuzzi sostido por dous grosos cabos de aceiro. Un individuo de idade indeterminada chapuca ás veces nel, os pés por fóra. Ao tempo semellará redactar ou corrixir algo, como concentrado na gramática. Haberá un teléfono ao seu carón. Un teléfono glauco que ocupará medio metro cúbico e estará suspenso dun cabo vertical, xusto á altura do ventre do écrivant. Un empregado deste, con manguites de linotipista e barrete académico, vai e vén en monociclo funambulario polo tirante de aceiro que sae cara a esquerda da pantalla desta computadora (a túa) e que vai dar a un obelisco (esquerda). Detense ás veces a facerlle a pedicura ao tipo do jacuzzi ou deita sales de baño que acaban caendo como caspa olímpica sobre escenario e público. Neses momentos o empregado sorrí e anota nunha libreta series de Fibonacci, a súa oculta paixón. Máis adiante, cando o do jacuzzi se mova na bañeira e o aeroxenerador medio tapado por bambolinas abanee o aire do escenario (e da sala toda), é probábel que a bañeira comece a oscilar como un bambán, de dentro a fóra do écran (do teu, internauta). Entón desvelarase que os cabos de aceiro que sosteñen o jacuzzi conectan o aeroxenerador e o obelisco, de parte a parte do escenario. Algo de auga eólica caerá sobre a mesa camilla e nese momento os personaxes que nela aparezan (en xeral, intelectuais e grupos escultóricos afíns) abrirán os paraugas para non mollarse. O público, arredor da mesa de braseiro, móllase algo. Ti, desde logo, tamén. Un curmán teu que traballa na Xunta pásache unha toalla. Agora. Porque algo chapuca xa o tipo do jacuzzi, oculto nas sombras superiores. O obxecto de exaltación neste auto semella ser plural (mesa, jacuzzi, información, enerxía…), se ben o tipo do jacuzzi ocupa unha centralidade escénica irrefutábel, reforzada máis adiante cando fique enmarcada a bañeira nun obxecto esférico acristalado, perceptíbel por tanto desde calquera ángulo de visión como circular e brancuxento. Exacto, como unha oblea.

TI > Ostia! Que me mollo!

AS VOCES DE TRES SEÑORAS DA LIMPEZA CON CADANSÚA FREGONA INDUSTRIAL > O seco molla e o mollado seca. Deitemos o alento no caldeiro impuro!

A VOZ DA DIRECTORA > Veña, veña, rapaces! Asegurádeo ben.

[As Tres Señoras da Limpeza e a Directora permanecen nas sombras inferiores. A última diríxese dando voces a un grupo de tremoístas dividido entre a parte de abaixo e a zona iluminada. Tres tremoístas —os únicos visíbeis— sosteñen cordas desde o tapete da mesa. Izan un corpo inerte. É o do intelectual morto]

A VOZ DO INTELECTUAL MORTO > A modo! Aínda me habedes mancar!

[Do pescozo do corpo inerte pende un cubo-urna dourado que escintila no ar ao tempo que se procede ao izado: contén o capital simbólico do finado]

OS TREMOÍSTAS DA MESA > Iso é. Quietiño aí.

[Colocan o corpo inerte nunha cadeira da dereita. O cubo-urna co capital simbólico (C-UCS) fica sobre a mesa. Os tremoístas descenden logo en cadansúa tirolina. Mentres o fan, ábrese o C-UCS como se fose unha caixiña de música. Soa Negra Sombra en versión sinfónica. O defunto pecha o cubo-caixa cun manotazo torpe. Silencio posterior. Ao longo do momento inicial do auto a caixa abrirase de novo dúas veces máis e o defunto sempre procederá do mesmo xeito, con violencia crecente no xesto]
O ACADÉMICO > Non che hai nada como estar morto para que recoñezan os méritos dun. Fixo vostede como deus finando. Fágame caso.

[Dillo ao Intelectual Morto mentres ascende ao sitial de seu tras accionar un mecanismo na cadeira. Asemade, brune a calva cun longo pano branco movido enerxicamente de lado a lado, ao xeito dos limpabotas]

CORO DE OPERARIOS DO PORTO EXTERIOR (COPE) > [Canta] Bailaches, Carolina? Bailei, yes I do. Tell me con quen bailaches. Bailei en Xanadu.

[O coro de operarios canta na parte esquerda do escenario, escura aínda. Divídense en dous grupos: nativos e inmigrantes (eslavos, peruanos, subsaharianos, caboverdianos e sobre todo indonesios, que usan como koiné un inglés estraño mesturado con galego, portugués e castelán estraños, inopinadamente tamén francés). Comparten miserias e piollos, fraternalmente, como en Charenton. Os galegos enuncian os heptasílabos impares. Os estranxeiros, os pares. Repiten tres veces e rin. Pausa de dous minutos e ruído a seguir de mazas e maquinaria lixeira, que non cesará até que se indique expresamente. O coro emprega a partir de aquí dicción recitativa, interveña por partes ou por xunto]
VOCES DO SECTOR NATIVO DO COPE > Así e todo, manda carallo! O día das eleccións, a festa da democracia, domingo… e nós aquí currando como parias.
VOCES DO SECTOR MULTICULTURAL DO COPE > What’s wrong? Fiesta! Se resides, decides. Se decides, la cagas. If you work, you get money. Fiesta na rúa! Festival of democracy!! Défécation politique! Trabalho e carro para toda a gente!! Auto e moças!! [Escachan a rir]
TODOS OS DO CORO > [Acenan entre lascivos, escatolóxicos e lúdicos, pero non se ve] Assim, assim! Bailei en Xanadu!! Bailei en Xanadu!!

LÁNDOAS > [Elemento emerxente sorpresivo. Fai un aparte só para ti, alucando por tras da pantalla da computadora como un cíclope de Odilon Redon] Este texto é un perpetuum mobile.
TI > [Sobresaltándote] Ostia, que susto!
O ACADÉMICO > [Non se entera do anterior, que acontece noutra dimensión do espazo-tempo. Non se entera de nada, de case nada. En realidade, non se sabe se se entera, probabelmente si se entera. Diríxese ao Intelectual Morto. Entre tanto acceden a cadansúa cadeira outros dous personaxes] Daquela que? Xa votou?
O INTELECTUAL MORTO > [Levísimo aceno de monicaco. Voz fraca, como desafiuzada] E logo non! Os mortos somos sempre os primeiros en votar. Mantemos o elo sagrado entre a historia que foi e a historia que é. Eis a nosa misión.
O INTELECTUAL INTEGRADO > [Xa incorporado á súa cadeira] Así é… Así é, meu señor.
A INTELECTUAL DESMARCADA > Pois eu desta non voto. Pensei votar inútil, pero ao final decidín que nin iso. Non fun e non vou.
O ACADÉMICO > [Lustrando de novo parietais e mesmo frontal, cambiando xa de dirección e alcanzando case a altura do occipital] Mala decisión, neniña. [Logo olla cara a abaixo: a luz foi medrando, pero aínda non se chega a ver nada novo, só máis espazo, nin seres nin nadas, que diría Gómez]
A INTELECTUAL DESMARCADA > Bótelle un fieito!
O INTELECTUAL INTEGRADO > Miña dona, miña dona, un pouquiño de respecto. [Diríxese logo ao Intelectual Morto] E vostede non ten frío, así espido?
O INTELECTUAL MORTO > [Cachazudo] Pois mire, voulle dicir unha cousa: desque acabei de apodrecer, case van alá cinco anos, teño unha caste de insensibilidade para o frío. O calor élle outra cousa, xaora! No panteón pásanse putas de verán, disimulando a expresión.
[Segundo o Intelectual Morto anda a expoñer a súa razón a luz alcanza por fin a parte baixa do jacuzzi e ilumina, abaixo, os movementos da cuadrilla de operarios do porto exterior. Algunha maza que sube e recibe a luz. O Intelectual Integrado olla para estes últimos con mirada experta. Os outros tres alzan a vista sobre as súas cabezas e contemplan o ventre negro do jacuzzi como quen albisca a proximidade dunha treboada. Cesa o ruído de obras nese momento. Simultaneamente, sube o volume da locución que describe o salto iterativo de Fosbury. A luz alaranxea e do ventre do jacuzzi emanan estreliñas e potencias neobarrocas. Óese ladrar xalundes, pero de súpeto todo o orbe é ladrido. O Monte do Gozo abre nesa altura en dous, como nun parto telúrico. Ecoa nel a risada dionisíaca de Medela. Un minuto, dous. Fosbury salta e salta conseguindo o ouro olímpico n veces. Un individuo avanza entre o público correndo. Leva unha pértiga. Con ela efectúa un chimpo prodixioso e tras unha vistosa cabriola con caracol aéreo encaixa nádegas e coxas con precisión suíza nunha das cadeiras libres. Nin se despeitea co salto. É a Soberbia Política. Segundo acomoda o corpo e repasa as caras arredor da mesa, inquire:]
A SOBERBIA POLÍTICA > E lo, aínda non chegaron a Mentira, a Tutela Democrática e o Libre Mercado Enerxético? E a Inocencia Pública… non arrimou hoxe ao cenáculo? Pero se nen sequera están aquí a Politoloxía Ilustrada e o Sistema Literario! Nin a Santa Madre!! Señores, nin a Santa Madre!!! Pero que vexo? Nin Galicia Milindres chegou ao patio!! Mi ma…! Cacho parladoiro de pousafoles imos ter. Cacho exaltación con sordina! Catro intelectuais e o pobo embaixo.
A RISADA DIONISÍACA DE MEDELA E DO FUSO NEGRO > [Estéreo longínquo: fff] Ha ha ha ha ha ha ha ha ha ha ha ha haa haaaa!!! Touporroutou!!!
O ESPECTRO DA PROXECCIÓN EXTERIOR DE GALIZA > [Pé da mesa, en cadeira de rodas e con manta de cadros sobre as pernas, capitidisminuído] Soan tremoias! Ouh, mísero de min no Mundo. Presinto a morte do nasciturus que son ou fun.
[A Soberbia Política non se decata de que arriba da súa cabeza, como a dous metros ou algo máis, hai un jacuzzi. Sorpresivamente cae algo de auga, non moita, e os tres Intelectuais e o Académico pillan, espilidos, cadanseu paraugas. A Soberbia Política reacciona tarde e non consegue ningún. Móllase]
CORO COPE EMBAIXO > [Trasunto de vulgo malia saberse “saber”. Circulan arredor da mesa camilla e entre o público, que tamén a rodea en metonimia de corpo social-electoral. Todos se mollan aló embaixo, un sitio popular e infame para contemplar a obra] Assim, assim… bailei en Xanadu, bailei en Xanadu.
[Hora da sesta comunal. Algunhas espectadoras idosas e non tanto fan rolda carnal co subcoro de subsaharianos, que retoma o retrouso-consigna “Auto e moças para a gente!”. Óese unha voz algo rouca de vicetiple, vindo acaso de dentro da faldra da mesa camilla: “Aquí xógome a i-alma” . Cega logo a luz laranxa como nun orgasmo tectónico, exponencial: converxen as razas todas do porto exterior no salgado sorbo marítimo, cunnilingüe, de herbas do país, paso previo á unión carnal das nacións proletarias coa Terra (coa Nosa Terra). Nesa altura, en prolepse de dezaseis días, a pantalla na que saía Fosbury recolle imaxes de Ratzinger aterrando en Yaundé. Levou a África a boa nova: o uso do condón coadxuva á propagación da SIDA, polo que é preferíbel non usalo. O preferíbel é, engade, non usar o corpo, esquecelo. Iso declara o Papa branco ao continente negro. Aumenta asemade, con todo, o ritmo obreiro das razas baixo a carpa lúbrica e alegórica. A Nosa Terra treme enteira con epicentro en Triacastela. O grao na escala Richter é 3,9]
[Este texto é un perpetuum mobile. Modifícase sen previo aviso e reformúlase sen pausa. No se recibe duelo. Non se opta a nada. Continuará?]

Nota bene

14 de Marzo de 2009

Recíbense na redacción consultas sobre o título Fin de Lándoas, auto sacramental e farsa inmóbil que comecei a redactar onte e que non sei que rumbo nin que esperanza de vida textual poida ter porque aquí nada está previsto. É certo, o autor escribe, o autor larga. Non se para moito de entrada. Logo revisa disposición xeral do post e retoca texturas, recoloca textículos, corrixe grallas… porque esta ventá de Blogger e estas lentes regresivas autoriais resultan inaturábeis. Grallas e estilo, logo. Porque o estilo é a marca do bufón, segundo dixo Bacon (ou foi Prado?). Alto aí, dómine, que xa te vas.

Estes días pasáronme cousas singulares. Xente que me retira o saúdo polo que escribo ou deixo de escribir e logo o reintegra se tal, declaracións de filias e parafilias textuais, inchume correlativo do paquete de xestión e ridículo incremento de autoestima, relecturas do Código Penal… Tamén un par de anónimos. Un deles á vella usanza, recurtando letras de xornal e de libros de poemas da xeración dos 80, lindísimo. Son estimulantes os anónimos. Incluso na ameaza. E iso foi o que me levou a titular o auto sacramental así, Fin de Lándoas. Recoñezo algo pulgueira a diferenciación entre Lándoa, o blog, e Lándoas, unha das voces que fala no blog (non a única, eh!). Entón, Fin de Lándoas non vai referido, caro Gilles, a que de novo anuncie aquí o suicidio crónico da prosa esta que me chuto por canear o tedio (vivido e morrido, o suicidio, p.e. aló por outubro ou novembro, non me lembra). Non. Fin de Lándoas, o título, porque no auto sacramental —pero moi na parte última, xusto alí no que Evantio (De Fabula, s. IV d.C.) inscribiu definitivamente como catástrofe, retrucando así un post do vello Aristóteles— morrerá o prota, i.e. Lándoas, intúo que de forma violenta, pero non o sei seguro. En fin, cousa común en literatura. Nada serio.

[Autorretrato con filólogo, imaxe sobre mesa camilla falsamente atribuída a Lándoas, Avenida/Avenida de Rubine, anos 80 d.F.]

Teatro proício

13 de Marzo de 2009

Fin de Lándoas (2 x 1: Auto sacramental, Farsa inmóbil)

Momento inicial
Espazo cúbico envolto nunha luz placentaria —como de placenta vacuna— que lembra o lugar predestinado para unha rotativa nunca instalada dun xornal-soño, capaz que chegado das ucronías dun exilio estraño. No centro dese espazo érguese unha mesa camilla cun número de cadeiras non doado de precisar; talvez sete, oito. As cadeiras son altas e teñen un mecanismo de izado para os ocupantes. A luz proxéctase neste momento inicial até dous terzos da altura do espazo cúbico, non desde o nivel inferior do escenario senón desde o que correspondería a un terzo da altura total que acabará por descubrirse segundo se desenvolva o auto. Por tanto, iluminarase de partida só o terzo central do volume (considerado en vertical). Á dereita da pantalla, calcúlese unha gran columna branca que a ausencia de luz corte a media altura, algo por riba do nivel alcanzado pola mesa camilla. Esta ten un diámetro de cinco metros, con outros catro metros de alto, de modo que as persoas que sentan arredor dese cilindro con tapete azul ceo están relativamente distantes unhas das outras, nalgún sentido abducidas e aqueloutradas, se ben trasladan en todo momento impresión de perfecto acomodo á situación. Sobre a mesa hai catro grandes paraugas pousados. A medida que a acción se desenvolva, a luz placentaria ampliará o cono iluminado cunha progresión de medio metro por minuto (25 cms para arriba e outros 25 para abaixo medidos na vertical da columna), até ocupar o volume completo do espazo bauhaus descrito. Devagar, iso permitirá descubrir a existencia de seres —ou nadas— reptantes no escenario (parte do público?, animais disecados en vida?, políticos cesantes?) e unha cuadrilla de operarios á esquerda. Estes últimos fuman e constrúen un porto exterior. Á dereita, a columna branca vai desvelándose progresivamente como aeroxenerador, parte improbábel, acaso apenas simbólica, dun parque eólico, porque o certo é que a carón del non hai outro muíño máis senón unha especie de escultura pública de cerámica mediterránea, asemellada ás que identifican os paseos coruñeses e con distinción estética de marca opus-vazquista: trátase de dúas enormes mans sen código claro, xuntas polos pulsos e con habitus receptivo, indiscutibelmente obra de Lladró. Cando a luz ascenda por completo, non aínda neste momento inicial, descubrirá arriba un jacuzzi sostido por dous grosos cabos de aceiro. Un individuo de idade indeterminada chapuca ás veces nel, os pés por fóra. Ao tempo semellará redactar algo, como concentrado na gramática. Haberá un teléfono ao seu carón. Un teléfono glauco que ocupará medio metro cúbico e estará suspenso dun cabo vertical, xusto á altura do ventre do écrivant. Un empregado deste, con manguites de linotipista e barrete académico, vai e vén en monociclo funambulario polo tirante de aceiro que sae cara a esquerda da pantalla desta computadora (a túa). Detense ás veces a facerlle a pedicura ao tipo do jacuzzi ou deita sales de baño que acaban caendo como caspa olímpica sobre escenario e público. Máis adiante, cando o tipo do jacuzzi se mova na bañeira e o aeroxenerador abanee o aire do escenario e a sala toda, é probábel que a bañeira comece a oscilar como un bambán, de dentro a fóra do écran (do teu). Algo de auga eólica caerá sobre a mesa camilla e nese momento os personaxes que nela aparezan (en xeral, intelectuais e grupos escultóricos afíns) abrirán os paraugas para non mollarse. O público, arredor da mesa camilla, móllase algo. Ti, desde logo, tamén. Un curmán teu que traballa na Xunta pásache unha toalla.

[Continuará?]

Silencio administrado

23 de Xaneiro de 2009


Creo que este venres sairá na edición galega de El País algo sobre os autores que calan. En fin, todo o que se convoca coa expresión “preferiría non facelo”, xa moi ecoica e impostada pero aínda enigmática pola asimilación cultural prevalente da figura do escritor, a quen poden adxudicárselle unha pluralidade grande de veleidades, pero raramente a da discreción, a da vontade de non ser percibido como voz ou conciencia. A xente pensa que escritoras e escritores sempre queren estar. Mesmo estar antes que ser. Por diferentes motivos, Melville, Rimbaud, Kafka, Joe Gould, Oreiro, Salinger, Vila-Matas e todas as tanxencias que saen da postulación dun eu que fala procuran logo algunha forma de ocultamento dos discursos e do suxeito, na vida persoal ou na figuración dun personaxe de ficción. Abandono das quintelas literarias, silencio administrado. Quintelas: Beatriz, Anxo. A pares, Paulino, a pares. Incontábeis pero contados, porque logo están os que non se contan. Espero que M exculpe algo que talvez saia o venres no xornal mencionado: calar porque alguén entendeu (e publicou) que un desexaba calar; non contradicir esa interpretación; facer diso un compromiso. Ou velo todo como unha miraxe entre os espellos, un terceiro home que pasa. Compénsese iso entón cunha poética para un proxecto fanado. Foi escrita hai catro anos, pero algo conservará do que daquela puido haber de certo:

Se non resultase histriónica e excesiva a palabra para case calquera balance, se non parecese letra de tango ou reclamo dunha atención que non desexo, diría, como en forzada conversa de ascensor, que o poeta do meu nome fracasou en todos os obxectivos que algún día fixo propios. E dado que só subo até o segundo andar e le temps s’en va, declaro, a xeito de apeo das leiras de meu, isto que segue: asumín en Sombra de unidade (1990) un discurso próximo a un esencialismo metafísico e abstracto no que as quietudes místicas e os non-rostos pintados por De Chirico foron referente principal (RD diría que quixen facer poesía a-confesional e estatuaria, con demouca do eu); concretei nas circungrafías de Momentum (1997) unha historia non desemellante sobre o eu/ti inalcanzábeis, que quixo ser tamén gravura e danza sobre un taboleiro de xadrez/corpo para explorar o descentramento das identidades e o abismo que sempre representan as accións de coñecer ao outro, autocoñecerse e despois contalo. En Pedra de Nadir (1995) acougara na lírica para ollar a morte e a oquedade. Conmovido acaso polo tango aquel e non sabendo dominar o silencio, a poesía —escasa— que escribín nos últimos dez anos non me parece outra cousa que a impugnación —pode que algo cínica e oportunista— do previamente dito.

[Carátula do DVD da edición alemá do filme Blast of Silence (1961), de Allen Baron]

ps1. Saíu o anunciado en EP. O texto é de Daniel Salgado (23 01 2009).
ps2. Complemento imprescindíbel de Helena González en Das orixes de marzo: “Elas e a síndrome de Rimbaud” (31 01 2009)

Miles gloriosus

20 de Xaneiro de 2009


Falando de autoimaxe e de priapismos como o do animal de Canetti (o animal do que fala Canetti; vid. infra), sempre sentín a tentación de someter a análise narratolóxica a letra da rancheira de Joaquín Sabina “Y nos dieron las diez“. Hoxe é tarde e non podo estenderme, pero direi o mínimo que calquera que preste atención ao discurso sabiniano podería percibir sen esforzo. Abstereime de valorar as dimensións biografista, psicanalítica, figurativa, antropolóxica, trópica e rítmica do poema: “fue en un pueblo con mar”, “tú reinabas detrás de la barra del único bar que vimos abierto”, “broma macabra” por “broma pesada”, etc., nalgún caso recoñecerei que non exentas de certa graza. Gracejo, para ser máis preciso.

Cinguireime á análise do relato e do mundo por el constituído. Atenderei en particular aos desaxustes diexéticos, aos embragues e desembragues enunciativos (p.e., entre o verso 1 e o verso 2; non, isto mellor non) e tamén, algo, á fachenda performativa do eu que fala e protagoniza os sucesos, desenvolvidos nun lapso dun ano que se retroalimenta co retrouso da historia desa dilatada emoción, dito este (y nos dieron…) ás veces no que é un aparente “case-directo” ou evidentia recente e, xa na parte final do relato, como un eco lembrado que en realidade corresponde ao momento da escritura da canción, o membro xa relaxado con certeza doce meses despois do lance erótico acontecido no que acabamos sabendo que era lugar natal da narrataria (para o caso, unha serrana de litoral).

A historia, complementada nos seus baleiros informativos, é máis ou menos esta: o cantante dun grupo pop-verbeneiro-amariachado acaba un concerto nunha localidade mariñeira (só alguén moi de aló dentro di “un pueblo con mar”), sae de marcha talvez escoltado polo mariachi que o acompaña no escenario e localizan, xa case pechando, un bar no que unha muller fermosa atende na barra e serve as copas. Semella haber bo feeling instantáneo, acaso inducido por anagnórise feromónica que rapidamente se desenvolve en intercambio táctil de tipo descompensado (var. dixital-inguinal): ela debuxa un corazón cun dedo no lombo do pavo e el corresponde introducindo a man debaixo da saia. Ben. A min todo iso tanto me ten como narratólogo.

O que me molesta un pouco é o xeito no que esta clase de música anestesia o bulbo raquídeo do común da audiencia e consegue infiltrar, sen percepción por parte deses terceiros, unha serie realmente notábel de imprecisións narrativas. Porque a ver, se é verán e acabou o concerto e foi de copas e ela chiscou un ollo e o mariachi todo se retirou discretamente ao hostal e as farolas tal e tumba e o verán non sei que e a lúa atopounos espidos ao anoitecer, como é que só son as 10 pm, i.e. as 22 h., no momento en que o eu lírico comeza a experimentar unha certa turxencia emocional? Pero a que hora acabou ese concerto, señor? Ás 7 pm? Era un concerto para a infancia?

Obsérvese que, por cortesía analítica, non entro agora a dirimir a credibilidade ou verosemellanza do longo sostenuto do narrador, que, segundo testemuño propio, iría desde as 10 pm até as 3 am como mínimo. Cinco horas!! En fin, acéptoo, acepto todo, Sabina. Incluso o de que rompas os cristais do Banco Hispano Americano antes de ser absorbido, o banco, por Botín. A min iso dáme igual. E o papel actancial dos municipais, reducidos a figurantes, o mesmo. O que non é de recibo é ese tratamento do tempo da historia, home.

[Sabina despois de declarar]

Voces no blog (case unha poética)

29 de Decembro de 2008

Hernán Casciari dixo hai unhas semanas no Evento Blog 2008 celebrado en Sevilla que existen dous grandes grupos de blogueiros. Os que xa escribían ou facían algo con signos e símbolos antes de que se inventase o formato blog e os que descubriron que tiñan algo que dicir ou que escribir xustamente cando souberon da existencia dos blogs. O razoamento de Casciari é que só serían blogueiros os segundos, porque os primeiros deberían seguir denominándose escritores. Escritores que aproveitan un novo formato, si, pero nada máis. Malia a distancia irónica activada polo experto, é claro que o termo blog queda rebaixado de categoría nesa polarización súa.

Non me convence por completo Casciari. De entrada, pola relevancia que outorga ao autor efectivo do blog, en detrimento palmario das voces que neles se localicen, asociadas a suxeitos non necesariamente existentes no mundo real. Ademais é un pouco inxusto, por canto semella priorizar os individuos que tiñan relación coa escritura pública antes da emerxencia dos blogs, non hai tanto tempo. E engade algo máis Casciari: os blogueiros da liña B e os seus subprodutos teñen os días contados.

Debo reiteralo: tampouco me convence esa xerarquía, nin ese vaticinio. A cuestión é que existe bastante xente, cada día máis por motivos biolóxicos, que entra en relación coas literacidades electrónicas e cos actos comunicativos a distancia en simultaneidade co seu acceso aos formatos tradicionais e ás literacidades lineais. Digamos que todos os que aínda non alcanzaron a maioría de idade, boa parte deles nativos dixitais, polo menos no mundo occidental. Cabe adoptar, pois, unha perspectiva máis flexíbel.

O relevante é o tipo de pacto que o blog estabelece entre quen o administra e quen sexan os destinatarios del. O pacto blóguico, podemos chamalo así, con pedantería suficiente, incorpora canda el unha serie de decisións que se ofrecen aos lectores e aos visitantes (distinción nada banal). E é máis: ese pacto non se instaura con firmeza. En realidade, o pacto é cambiante, pode modificarse a vontade. O único que se precisa para iso é activar o cambio, sen previo aviso.
As decisións dependentes do marco comunicativo que chamamos pacto blóguico son moi diversas. Unha das máis relevantes é a determinación do suxeito ou suxeitos con voz e a clase de vínculo que se afirme mediante a concorrencia desas voces-suxeitos. Atención: non se está a falar das voces que entren discrecionalmente a comentar un determinado post ou anotación. Esa é outra dimensión. Fálase, previamente a tal continxencia, do feito de que a voz-suxeito pode comparecer como unha entidade singular ou como unha entidade polimorfa, polifónica, polidiscursiva. Así que unha das iniciais acoutacións do pacto blóguico afecta á permisividade sobre a multiplicidade dos suxeitos.

De aí depende outro parámetro fulcral: a autoridade blóguica. Unha lei aparentemente válida sería esta: a maior monoloxismo nas voces-suxeitos maior posibilidade de exercitar a autoridade blóguica (que quedará en mans da voz eminente, case sempre nestes casos equiparábel en termos discursivos e de control á voz do administrador do blog). Outra cousa será a dirección que se dea a tal autoridade, tendente unhas veces a un discurso profesional / pericial / testemuñal e outras a un discurso directamente autográfico e expositivo, ou como dirían algúns, onfalo-céntrico.

Observarase: pero esa delimitación é en realidade trasunto dunha chave distinta, a da ficcionalización (ou non) do blog. Pois non exactamente. Aquí anotarei unha peculiaridade que desde logo converxe coas prácticas escriturais que veñen recoñecéndose co rótulo autoficción. O que quizais ocorra é que o blog se instaura de raíz, en tanto pacto, xusto como iso, como autoficción; unha autoficción que renuncia mesmo á rebaixa do narrativo que é consubstancial a ese modo. Algo así como preasumir a disnarratividade da experiencia, aceptar que xa non é preciso romper ningún relato.

De modo que, de non sinalarse de modo explícito o contrario, queda activada, por defecto, unha advertencia do estilo seguinte: “Canto aquí se diga pode ser certo e pode non selo; pode ser verídico e pode ser inventado; pode ser pensado ou asumido e pode non selo; pode adxudicarse ao emisor anónimo, anickado ou arriba asinante, ou non”. Pero ademais, segunda parte: “A suposta asunción por parte do autor das decisións que caiban respecto ás correlacións anteriores dista de ser un compromiso en firme, pois é susceptíbel de modificación sen previo aviso”. Estariamos, en consecuencia, perante unha autoficción pluscuamirónica capacitada para impugnarse como tal, post a post.

[Publicado co mesmo título no terceiro número do suplemento cultural “Nós” do Xornal de Galicia, (27 de decembro de 2008, p. 4). O suplemento, baixo o título xenérico “A forza do blogmillo”, recolle artigos de Manuel Ángel Candelas Colodrón e Anxos García Fonte, coordinadora do suplemento “Nós” e xefa de Cultura e Sociedade no xornal. Candelas Colodrón presenta un completo panorama crítico sobre os blogs en galego, e apunta que non estar no blogomillo (con blog propio ou como autor de comentarios) significa hoxe non estar. García Fonte, nun artigo titulado “Un mundo sen cancelas” [sic; cancelas, non Candelas] detense nas motivacións que están detrás dun blog e tamén no eixe privacidade / publicidade, para o que cita a idea de Juan Varela sobre as “identidades de dominio público“.
Non lembro a procedencia do cartel soviético que abre o post]