blogoloxíaArchive for the ‘’ Category

Onte

15 de Setembro de 2009

 

calendar

Este blogue leva activo un ano e un día. E que?, dirán vostedes. Non, nada. É só que nunca imaxinei que durase tanto. Aínda hoxe non se me alcanza por que razón dura, por que motivos está a durar así. Este local abriu por dous motivos, un imprevisto e outro relativamente previsíbel: o pleito polos marcos con Steiner foi o primeiro (vinme metido nel de socate) e un compromiso académico para impartir un seminario sobre blogues foi o segundo. Daquela pensei en relación co segundo motivo, rememorando Dámaso: “fáltame a outra ladeira”. E pumba! Coñezo unha razón terceira hoxe para seguir tocando o organillo: catarse, literatura. Hai un efecto catártico para quen suscribe vindo aquí como un fuxido, mesmo en horario laboral, como agora, para anotar algo. Uns toman café. Eu escribo algo, o que sexa: escribo, fago escritura, literatura?, si. Na temporalidade hacker na que todos andamos, tanteando, aprendendo, porque isto veu para quedarse, a mistura indiscerníbel de horario laboral e horario de suposto repouso, no día, na noite, que máis ten. Logo existen todos os eus outros do equipo, o Círculo Semiótico expandido, Dora Muriel e as demais colegas. Toda a tropa que constitúe o Ente Lándoas e que se describe acolá abaixo á dereita. E por suposto os siareiros/as, quen le, anota, reflexiona ou me manda a fritir puñetas tras ler o que aquí se di. É interesante todo iso, estimulante. Todo agás eses momentos en que o trato cortés deriva a melifluo. Lévoo mal. O de señor das lándoas e tal. Pero en fin, vai no cargo. O caso é que estiven considerando aí atrás pechar o chiringuito aproveitando a coartada do ano cumprido. Fin de ciclo, nada que engadir, caso resolto… Un bo modo, tamén, de regresar á lectura de blogues. Porque escribir e ler son vasos comunicantes incluso para o tempo dispoñibel. Querería ler máis, escribir menos. Pode que alguén botase en falta as homilías e filípicas do sitio (non contesten a isto, non é un reclamo) se pecha. Outros dirían: por fin calou. E outros, como aqueles aos que se depara un trato especial nesta casa, considerarían: unha mosca cojonera menos. Eses tamén len blogs. Nótaselles na cara. Quizais non lean directamente, polo menos nun principio, pero logo si, porque isto engancha (un saúdo tamén para vós) e porque a mellor prosa e a mellor análise do que está a ocorrer anda nos blogues antes que nos medios tradicionais. De aí os tránsitos, de aí a copia. En fin: entre a catarse que alivia a tensión craneal e o gusto perverso polo paso da nube. A partida está aberta.

Blogosfera ao ralentí

6 de Xullo de 2009

 

 

tempo-de-navegacion-sobre-ocio1

 

Semella estancarse no mapamundi a atención activa á blogosfera, se ben cun reparto desigual entre rexións do globo. A lectura vai a máis na parte oriental do continente asiático e cede claramente espazo ás redes sociais en Europa e as Américas. Algúns datos tomados de eEspaña 2009: Informe anual sobre el desarrollo de la sociedad de la información en España, publicación dirixida por Manuel Gimeno e coordinada por Blanca Villamía e Víctor Suárez Saa para a Fundación Orange (Pozuelo de Alarcón, 2009): 60 millóns de estadounidenses len blogs e 42 millóns dos chineses continentais teñen un blog. Esta última cifra supón que o 78% da poboación chinesa que le blogs tamén os fai. Pero aínda os superan os taiwaneses, onde un 80% da poboación lectora de blogs —si, catro de cada cinco— é así mesmo autora deles. No punto inverso, os británicos: só algo máis que un de cada cinco lectores británicos de blogs publica o seu propio (o 22%, exactamente). Estes datos concretos que menciono poden verse nestas tres páxinas extraídas do informe.

 

O ente

27 de Xuño de 2009

aglomeracao

Algunhas persoas, atentas lectoras deste blog, fanme chegar a consideración, compartida por un sector a día de hoxe minoritario no Ente Lándoas, de que a multiplicación e a pluralidade de discursos é inconveniente para un medio como este. A idea deles consistiría nisto: un blog ten que instaurarse como posición e discurso definidos, porque outra cousa suporía ou ben unha traslación ao ámbito do literario (entendido isto como ficcionalización do suxeito e dos referentes) ou ben unha asimilación de formatos caracterizados en orixe pola combinación de autorías, mundos referenciados, posicións políticas e literacidades. Isto último, dito con brevidade, representaría unha advertencia seria: un blog non é un xornal nin é unha revista, e o autor dun blog non debe xogar a multiplicarse e facer como que son varios os puntos de vista que interveñen no proceso. Por que? Pois porque un blog está moi vinculado á noción de autoría, á identidade enunciadora, a un eu que di, ou, en todo caso, a un nós harmónico, se cadra mesmo unánime. Un blog non sería, pois, un kit de ferretería que permita multiplicar funcionalidades, textualidades, personaxes: aquí para o serio, aquí para o riso, aquí para os encrucillados e outros pasatempos, aquí para o profesional, aquí para o íntimo, aquí para a crítica, aquí para a dermatoloxía, aquí para os soños…

É un debate aberto este, segundo sinalo/amos. Un debate aberto no Ente. Como somos bastante organizad*s levantamos actas das reunións. O cal significa que poderiamos documentar esas tomas de posición e os elos da análise que se vai construíndo e erguendo. Un de nós escribiu unha breve peza, mesmo. Dramática, podería dicirse. Teatro-documento, observa o seu autor, agora cun plus de histamina no bulbo raquídeo. Nela estamos todos e todas, interactuando. Tamén a señora Soutelo, tan remisa a publicar segundo ben sabemos. Por non falar da amiga polaco-canadiano-brasileira Katarzyna Modrzewski, a máis hifenizada de nós en termos identitarios e biónicos, con quen recentemente se recuperou contacto. Todos e todas do teatro-documento.

 

Fugas de tempo

25 de Xuño de 2009

applause

 

Para Jakob F. Moske-Rowinski, batuta esgrevia

Estes días coincidiron varios momentos de conversa nos que apareceu o asunto. A fraxilidade da vida, a fugacidade do tempo, o modo extremo no que os ritmos nos cambiaron a percepción da intimidade de quince ou vinte anos para aquí. Onte mesmo, un amigo británico comentábame que un colega seu dunha universidade inglesa, persoa reputada e de idade en torno aos 40 anos, tomara a súbita decisión de abandonar a súa brillante carreira profesional, que con tanto esforzo emprendera nun centro de prestixio en Londres, para entrar a traballar como arquiveiro nun organismo secundario dependente da Unión Europea, en Bruxelas. Valoraba o feito de “saír” do traballo a unha hora determinada, con tempo para as súas cousas. Por certo, non me pareceu especialmente cedo a hora de saída que mencionou William.

Máis terríbel ca isto son outras cousas que aparentan ser miúdas. Recentemente falouse aquí de batutas e do vicio privado de dirixir na luz tenue do solpor orquestras inexistentes (non tan inexistentes, porque os timbais aínda ocupan o seu cando un os acomoda entre a lámpada de pé e o radiador). Algo peculiar de ter blogue aberto son as cousas que lle ocorren a un por este simple feito. Le máis xente calquera parvada destas nun só día que todos os lectores que se puideron ter, que sei eu…, por exemplo dun libro de poemas publicado nos mid-90s. Con apenas nove meses ou pouco máis de vida blogueira a un servidor xa lle aconteceron varios episodios singulares no ámbito das relacións persoais, non todos de interese público e non todos publicábeis; nin todos, loxicamente, tórridos (curiosa esa frase, che, digo a de “tórrida relación”, a providencia nos libre delas, ou en fin, iso…).

Pero unha das cousas máis raras, dignamente casta en termos xerais, foi a que deu continuidade epistolar ao asunto ese das batutas. O que un consideraba perversión tan vergonzante coma infrecuente resultou ser, en realidade, ocupación extensa e ampla, nada insólita entre un segmento apreciábel da poboación adulta. Maioritariamente masculina, é certo, do cal se poderían extraer algunhas conclusións. E, ademais, non se oculta tanto o asunto a ollos dos demais como un podería pensar. Velaí o que no seu momento declarou aquí mesmo Berenguela, esa saída do armario ou, neste caso, da tarima. Ben, ao que iamos. O caso é que un amigo do día a día, que tiña (e teño) por persoa seria e moi ocupada no seu escrutinio de vírgulas, confesou nun momento confidencial que el tivera que abandonar esa perversión de dirixir na casa, vello rito que viña practicando desde a adolescencia. Díxome que lle roubaba moito tempo. Anunciouno abaixando algo a voz, como dando a entender que había máis ingredientes no conto. A min non me sorprendeu en exceso ese dato sobre a perda de tempo. Dirixir é en efecto un mester cargado de esixencias e paciencia. Teño suxerido aquí que unha sinfonía non é o mesmo que unha marcha de infantería ou un oratorio de intendencia. Non todo é Chueca. Imaxinen Mahler e non digamos Sibelius: ás veces adormecen as dedas todas aló embaixo, sobre chancleta e tarima. Hai batutas que gallan nesas chairas musicais. Ben, prosigo. Entre grolo e grolo de café, agardei imperturbábel e cómplice algún complemento informativo do meu colega. El demorou con pericia antropolóxica para evitar que un inimigo común que atravesaba onda nós cara ao corredor escoitase a historia. E engadiu logo, textual: ti non sabes a cantidade de minutos perdidos que me voaban no comedor da casa mentres recibía o aplauso do público despois dunha boa interpretación!

Tactos da grafía

1 de Xuño de 2009

22_001-jouissance-productions-the-woman-who-left-herself-elenb-photography-sorcha-kennyresizeresize1

 

Hai quen non o entende. O pracer da escrita, que non hai motivo para pensar que deba ser menor cando se trata de dar forma ao pensamento, á análise, e non obrigadamente a iso que alguén denominou hai algún tempo beleza, elocuencia, ficción, arte verbal, poesía… nocións limitadas a miúdo nun sentido empobrecedor, estetizante, no peor valor que esta expresión posúa. En ocasións si que o é, si que é menor ese pracer, hai que recoñecelo; pero cando menos para quen aquí asina esa circunstancia resulta excepcional. O pracer de escribir calquera cousa parte xa da grafía, desta materialidade, deste tacto. E comparece case sempre. Iso é o estraño da doenza de escribir. Presentes tamén —pracer e grafía— cando non se usa de forma directa o papel e foi en realidade unha selección previa a determinante da ocupación do espazo polas palabras: tipos de letras, tabulacións, formato. Aquí, sen ir máis lonxe, nesta pantalla. Ou nun aviso para alguén, xa o teño dito. Nunha mensaxe trivial, calquera cousa. Ou nun ensaio longo. Nunha breve nota a rodapé. Nun recordatorio para nós mesmos (“Nota para o futuro *”, escribiu un día meu fillo * a propósito dun videoxogo, aparcado temporalmente aos 10 anos, que pensaba retomar cando pasase un tempiño). Todo iso… Tamén nun poema, claro está. Tamén nun poema, si, tamén nun poema. 

 

O blog é unha ferramenta extraordinaria de causar pracer para quen goce con esta inocencia sen consecuencias de xuntar sílabas e non dicilas en voz alta nun lugar con xente á vista. Todo queda a man para quen escribe. Xúntase e fica logo ao alcance dos dedos (o que non lle ocorre ao xornalista tradicional, por procurarmos agora un paralelo socorrido): o dito onte, o dito hai uns anos, o medio dito. Os ríos visíbeis e as correntes submersas das procuras e dos cruces de palabras, ideas, imaxes. Ao alcance dos dedos propios, diso estou a falar, de pel e tacto; porque a lectura allea aínda non existe nese momento que menciono, ás veces nin se prevé. Creo que nunca existe cando se escribe co propósito cabal de procurar o goce de concretarmos algo específico (sabido enteiramente ou non tanto) e logo xa se verá qué pasa con quen veña…

 

Hai quen non entende que alguén serio (non afirmo selo) diga e faga algo como un blog, perda así o tempo no espello alienador e serial, como nun ascensor de grandes almacéns no que un se contempla repetido, multiplicado, oco. A dimensión pública dese pracer e dese mostrar algo, que no blog alcanza un punto dificilmente superábel de autonomía como discurso, tamén como texto ou tecido preciso do que se quixo poñer, constituiría de seu unha inconveniencia para tal ou cal cousa… Do que se quixo poñer, insisto. Ou expresar, comunicar, activar…, de preferírense estoutros termos que supoñemos máis nobres. Ninguén enmenda, ninguén corrixe aquí no blog, ninguén suxire ou media… se un non quere. Nada entre o propósito autorial —sabido e prefixado ou non, ao xeito dun Poe e dun Auden ou un Montaigne (falamos disto hai pouco)— e a recepción inmediata por parte de quen agarda ou simplemente coincide que pasaba por alí. Nada? Nada que non sexa o encrucillado absoluto de signos no que respiramos, nada que non sexa a grella semiótica e imaxinario-simbólica das linguaxes e limitacións que nos constitúen, incluída a que permanece en cada un de nós na forma mínima dos monosílabos da caverna, os utilizados como berro de furia, de medo, de paixón… pola especie. Nada, agás todo iso, que nalgún sentido, si, o é todo. Todo e nada. Por iso hai tantos blogs nos que algúns dos considerados grandes escritores e publicistas esvaran, aquí e acolá. Ninguén lles pon no sitio correcto as comas das frases e das argumentacións. Ninguén lles tira un punto sobrante. Ninguén dita preceptos sobre gramática ou sobre semántica e mundos e estratexia. O pracer insuperábel do espello só para un, o narcisismo ao cubo, pensará alguén. A eficacia discursiva como responsabilidade só persoal, dirá outro. O mercado reducido a sensación, a onanismo intelectual… A hipóstase outravolta do concepto e da función autor, acusará displicente aquel de alí. O corpo a corpo retórico, digo eu. Eu, un pronome bastante persoal, si. Pero quen anda nisto sabe que esa é só unha parte do asunto. Unha parte que pervive o instante estrito que dura a grafía e o tacto aínda recorda. Non concordo cos moralistas que denuncian o pracer da escritura como indicio de malversación de algo ou como aburguesamento. Tampouco con quen considera que todo remate nese instante (pensaba que non sería preciso mencionalo). Falo apenas do oficio de escribir. Do oficio de escribir un blog nun país como o noso neste tempo.

 

[A fotografía, The Woman Who Left Herself, tómase da páxina Performance – Jouissance Productions de M-E Photographers]

 

Cóctel

10 de Maio de 2009

Hai uns días, nunha velada literaria non moi estimulante seguida dun cóctel algo máis animado e desde logo bastante mundano, unha dama achegouse á persoa coa que eu estaba a falar, creo que dos nosos respectivos plans para as vacacións, e sen importarlle en absoluto a miña presenza, naquel momento diría que sen considerala sequera (pero logo se verá que esa percepción era errada), fixo a seguinte proposta á miña interlocutora: “Quero que escribas un blog como se foses eu, poñéndote no meu lugar e relatando con xeito o que eu che irei contando”. O que aquela muller solicitaba á miña amiga era que dese forma ás súas impresións e reflexións diarias, aos seus biorritmos, ás súas experiencias xornada a xornada, e que o fixese na primeira persoa que correspondía non á escritora senón a quen fora, a quen iría sendo, suxeito deses acontecementos. Naturalmente, a miña amiga ficou uns instantes pendente dalgún complemento á proposta, recibida por certo de alguén que non coñecía de nada, de alguén que vía por primeira vez pero que declarou auténtica paixón pola forma de entender o literario que asociaba á traxectoria pública de X, a miña amiga. A dama ofreceu unha cantidade importante por anotación e un plus por mes se o blog chegaba a consolidar unha audiencia relevante, fixada de inicio en 350 hits por día antes de se cumprir o primeiro mes desde a activación. Ía mediar na conversa, quizais simplemente para desculparme e para as deixar falar con algo máis de privacidade, pero a muller, que percibiu o aceno, cortou con sequedade algo excesiva e brusca, sen ollar para min: “Vostede cale e escoite. Preciso unha testemuña do que estamos a acordar”. X aceptou. Ten un contrato en prácticas que non dá para moitas alegrías e aceptou o trato daquela dama de ollos grises que se atribuíu a si mesma talento literario pero que dixo carecer de tempo para a escrita e o mantemento periódico do blog. Imaxino que axiña lerei os primeiros resultados desa colaboración, que polo que oín dicir terá fundamento en conversas telefónicas que ambas van manter a primeira hora da mañá martes, xoves e sábados. Comprometinme a non revelar dato ningún do alí falado (penso que o sucinto relato que acabo de ofrecer non supón quebranto da promesa). Engado que a velada e o cóctel referidos non tiveron lugar aquí.

 [Integrantes da Orquestra Cocktail Latino]

Blogs literarios e remediación

28 de Marzo de 2009


Blogomillo vén sendo a catosfera como Galiza é a Cataluña. Máis ou menos, porque con certeza existen especificidades das blogosferas galega e catalá que resultan irredutíbeis entre si. Publicouse hai case un ano o libro que aparece aquí á dereita, La catosfera literària 08, unha escolma de anotacións vinculadas nalgún sentido á noción cultural de literatura, que a día de hoxe segue a ser unha noción inevitabelmente cruzada pola categorización xenolóxica, como ben deixa ver (oír) este vello podcast de Catalunya Ràdio correspondente ao programa L’Internauta. Quero dicir, que seguimos sendo incapaces de pensar a literatura sen facer pasar o concepto polos xéneros ou as agrupacións de xéneros consolidadas pola tradición (os célebres arquixéneros). Nese sentido, era esperábel a pregunta qué é un blog literario?, e igualmente era previsíbel que a resposta pasase polos arquixéneros consolidados. Un blog literario sería, segundo o anterior, un blog asemellado ás formas narrativas, poéticas, ensaísticas… literarias. Indicarei que non me convence (aínda me convencería menos pensar a noción en perspectiva “calidade”, “estilo literario” ou similares). E engadirei que non estou nada seguro de que o que con Paul Levinson chamariamos remediación blog-libro (ou blog literario – libro literario: blook, en definitiva) teña excesivo interese. Na tertulia de Catalunya Ràdio marcada arriba saen argumentos importantes contrarios ao que nalgún sentido postulo. Un deles, quizais o de maior ensulla, consiste en apelar ao feito de que moitos lectores de libros son por completo alleos á lectura de blogs (ou blocs, que os cataláns andan a voltas coa escolla). O primeiro que se me ocorre é que nese avance existe en realidade un pulo retro, unha especie de re(tro)mediación. En termos conceptuais, non tería nada que obxectar. O mesmo que nada teño en contra de que a partir dun filme se escriba unha novela, invertindo o proceso transdutivo máis frecuente. Tampouco quero suxerir con isto que o paso cinema-novela ou o paso blog-novela, por exemplo, sexan en si mesmos conservadores ou limitativos en sentido semiótico ou en xeral comunicativo (simplemente pola minoración de códigos e linguaxes en xogo). Non é iso. Máis ben, o que ocorre é que un blog vén caracterizado por unha nota moi específica: a interacción, o axuste, o dialoxismo que introduce a presenza virtual e efectiva de quen le e coa voz de seu responde, concorre, matiza, insulta, gaba, acompaña, bloquea, motiva, rebenta, sabotea, complementa, suscita, ri, canta, cala, venga, flanea, entende, acorda, agarda, sotela, arrouta, deserta, confesa, lembra, sobreestima, asea, irriga, figura, busca, agravia, lisca, tupe, fica, nace, medra, copula e palma… Así… como pasa un arrouto do blog ao libro? Como se remedia? Como pasa, permítaseme a vaidade, o hiperWitz ou Witz linqueiro (algo p.e. do estilo da ligazón anterior) ao libro? Como pasa un chucho verbalizado (muaaac) do blog ao libro? O blog é a comunidade que nel mora, o circuíto de razóns, sentimentos e linguaxes-mundos que son órbita súa, coido. A remediación é admisíbel, claro. Pero nela só vai algo. Como en todas.

[Capa do libro compilado por Toni Ibañez La catosfera literària 08, Cossetània Edicions, 2008. Atoparanse datos sobre a historia do libro neste sitio]

A catro mans

23 de Febreiro de 2009

Unha das experiencias máis intensas da etapa inicial dos meus estudos universitarios foi a epistolar. Viña dun grupo bastante amplo de amigos que carecía dunha delimitación estrita, de xeito que en función do plan de traballo/diversión o núcleo tomaba unhas ou outras dimensións, compúñase dun ou doutro xeito. O caso é que unha parte importante daquel núcleo (Hervada, Pedreira, Cuco, Orzo e Janolas) decidiu facer Enxeñaría, algo que en 1975 implicaba cursar un selectivo na Faculdade de Ciencias compostelá e logo saír con destino Madrid xa para concretar se Industrial, Camiños, Telecomunicacións, Naval ou o que for. Outros amigos optaron por quedar na Coruña, en Arquitectura, por exemplo. Outros foron a Económicas. Ninguén a Letras, eu tampouco. O caso é que tras o selectivo, fiquei bastante desasistido de camaradaxe naquela inhóspita Faculdade de Ciencias, até que como é lóxico apareceron outros vínculos e relacións, os meus amigos matemáticos.

Coa separación de 1976 xurdiu a posibilidade de mantermos contacto epistolar. Só querería hoxe mencionar unha clase de escritura que daquela me causaba unha diversión incomparábel, un profundo pracer intelectual e vital. Eran as cartas que viñan de Madrid a catro mans: Janolas e Orzo. Amigos que decidiran compartir habitación e que escribían xuntos a carta. Normalmente, comezaba un deles e se estendía en asuntos académicos, sociais, existenciais, musicais, pecuniarios ou da militia/furor amoris, todo o que un ten na cabeza aos 18 anos. Cando cansaba, retomaba a carta o outro colega. Eran cartas longas as que viñan. Pero o que quería comentar era unha práctica que a min me facía rir como un tolo. Tras a escrita de A viña como digo a escrita de B, pero a escrita de B consistía ante todo en rebater o dito por A, en tumbar por completo toda a súa construción de identidade persoal ou mundo exterior, non só mediante unha argumentación consecutiva e dialéctica tras os folios redactados previamente polo compañeiro senón mediante moi subversivas, dialóxicas, grosas e carnavalescas impugnacións en notas laterais ou a rodapé, tachóns, debuxos ad hoc, remedos estilísticos e outras falcatruadas textuais e gráficas que posteriormente retomaría A no corpo textual adxudicado a B coa finalidade de lle devolver a graza.

Cartas a catro mans, bakhtinianas, paródicas, polifónicas, heteroglósicas, sen nós sabérmolo entón, porque naquela altura Spivak, por exemplo, era Michael e non Gayatri, e a irracionalidade de π resultaba moito máis motivadora que a correspondente de Apollinaire (ou así así). Lembrei isto porque recibín a semana pasada unha mensaxe por correo electrónico tamén a catro mans escrita desde París por persoas moi queridas, xa xubiladas. E pensei en que medida ese desdobramento pode darse en casos de autoría individual. Porque, como é natural, eu intentaba estar ao nivel dos amigos de Madrid e procedía a inventar alteridades, dobres e réplicas nas cartas de resposta. Muriel xa estaba alí, ou case, estaba cando menos ¿Qué es un axioma? Movilidad y semejanza, pode que un dos primeiros libros que lin de Dieste e que conduciu logo a unha publicación en prensa.

Nos blogs hai un desdobramento parecido entre o xeito no que escribimos o post e a forma na que intervimos nos retruques e comentarios. A min compráceme de maneira moi especial esa heteroloxía, esa esquizoleria que move incluso a refutarse ou a rirse dun mesmo, manxar olímpico. Lembreino tamén, aquel mundo dos vinte anos, porque o outro día recibín un regalo de aniversario moi especial, o libro de Xenaro García Suárez Dos signos de Stendhal aos imaxinarios de Musil, atento ás relacións entre matemáticas e literatura e pendente non só dos autores mencionados no título senón tamén de Mallarmé, Dieste, Dostovievski, Calvino, Mann…

[M.C. Escher, Autorretrato en espello esférico, 1935]

Privacidades

27 de Xaneiro de 2009

Un dos parámetros que se move a maior velocidade entre os que dan conta do que somos en termos culturais é o da delimitación privacidade / publicidade. Este mesmo parámetro, por certo, parece moi importante asemade para informar sobre o blog como discurso que reformula ou actualiza as escritas do eu e procura dalgún xeito o territorio social da intersubxectividade.

A delimitación que menciono ten un correlato nesta outra: espazo privado / espazo público, cruzada hoxe pola idea que Marc Augé fixo célebre coa etiqueta non-lugar.

Falando hai un momento con persoas novas, detectei un par de observacións formuladas con naturalidade. A primeira relacionábase coa inestabilidade dos non-lugares na percepción que deles teñen as novas xeracións, para as que me parece probábel que o concepto sexa inoperativo e aínda pintoresco. Detectei mesmo a posibilidade dun movemento conceptual de inversión coa idea de lugar, de xeito tal que unha praza pública podería ser percibida por algúns, non agora pero si talvez nun futuro non lonxano, precisamente como paradigma da transitoriedade e da funcionalidade espida, dúas das marcas asignadas por Augé aos non-lugares. A outra observación, marcada igualmente por un aceno nalgún sentido nihilista, ou acaso por unha crítica nada cínica dos imaxinarios da memoria, referíase ao testemuño histórico e por extensión á historicidade. Ao testemuño experiencial, directo, ao que pode ser verbalizado polos protagonistas auténticos dos sucesos vividos. Con referencia a Vonnegut e ao seu coñecido relato sobre os brutais bombardeos sofridos por Dresde cando a Alemaña nazi estaba xa derrotada —pero non necesariamente entroncada co xiro lingüístico e pragmático das ciencias sociais—, a idea que surxiu era bastante simple. Para que (precisamos) a historia?

[Dresde tras os bombardeos aliados de febreiro de 1945]

Voces no blog (case unha poética)

29 de Decembro de 2008

Hernán Casciari dixo hai unhas semanas no Evento Blog 2008 celebrado en Sevilla que existen dous grandes grupos de blogueiros. Os que xa escribían ou facían algo con signos e símbolos antes de que se inventase o formato blog e os que descubriron que tiñan algo que dicir ou que escribir xustamente cando souberon da existencia dos blogs. O razoamento de Casciari é que só serían blogueiros os segundos, porque os primeiros deberían seguir denominándose escritores. Escritores que aproveitan un novo formato, si, pero nada máis. Malia a distancia irónica activada polo experto, é claro que o termo blog queda rebaixado de categoría nesa polarización súa.

Non me convence por completo Casciari. De entrada, pola relevancia que outorga ao autor efectivo do blog, en detrimento palmario das voces que neles se localicen, asociadas a suxeitos non necesariamente existentes no mundo real. Ademais é un pouco inxusto, por canto semella priorizar os individuos que tiñan relación coa escritura pública antes da emerxencia dos blogs, non hai tanto tempo. E engade algo máis Casciari: os blogueiros da liña B e os seus subprodutos teñen os días contados.

Debo reiteralo: tampouco me convence esa xerarquía, nin ese vaticinio. A cuestión é que existe bastante xente, cada día máis por motivos biolóxicos, que entra en relación coas literacidades electrónicas e cos actos comunicativos a distancia en simultaneidade co seu acceso aos formatos tradicionais e ás literacidades lineais. Digamos que todos os que aínda non alcanzaron a maioría de idade, boa parte deles nativos dixitais, polo menos no mundo occidental. Cabe adoptar, pois, unha perspectiva máis flexíbel.

O relevante é o tipo de pacto que o blog estabelece entre quen o administra e quen sexan os destinatarios del. O pacto blóguico, podemos chamalo así, con pedantería suficiente, incorpora canda el unha serie de decisións que se ofrecen aos lectores e aos visitantes (distinción nada banal). E é máis: ese pacto non se instaura con firmeza. En realidade, o pacto é cambiante, pode modificarse a vontade. O único que se precisa para iso é activar o cambio, sen previo aviso.
As decisións dependentes do marco comunicativo que chamamos pacto blóguico son moi diversas. Unha das máis relevantes é a determinación do suxeito ou suxeitos con voz e a clase de vínculo que se afirme mediante a concorrencia desas voces-suxeitos. Atención: non se está a falar das voces que entren discrecionalmente a comentar un determinado post ou anotación. Esa é outra dimensión. Fálase, previamente a tal continxencia, do feito de que a voz-suxeito pode comparecer como unha entidade singular ou como unha entidade polimorfa, polifónica, polidiscursiva. Así que unha das iniciais acoutacións do pacto blóguico afecta á permisividade sobre a multiplicidade dos suxeitos.

De aí depende outro parámetro fulcral: a autoridade blóguica. Unha lei aparentemente válida sería esta: a maior monoloxismo nas voces-suxeitos maior posibilidade de exercitar a autoridade blóguica (que quedará en mans da voz eminente, case sempre nestes casos equiparábel en termos discursivos e de control á voz do administrador do blog). Outra cousa será a dirección que se dea a tal autoridade, tendente unhas veces a un discurso profesional / pericial / testemuñal e outras a un discurso directamente autográfico e expositivo, ou como dirían algúns, onfalo-céntrico.

Observarase: pero esa delimitación é en realidade trasunto dunha chave distinta, a da ficcionalización (ou non) do blog. Pois non exactamente. Aquí anotarei unha peculiaridade que desde logo converxe coas prácticas escriturais que veñen recoñecéndose co rótulo autoficción. O que quizais ocorra é que o blog se instaura de raíz, en tanto pacto, xusto como iso, como autoficción; unha autoficción que renuncia mesmo á rebaixa do narrativo que é consubstancial a ese modo. Algo así como preasumir a disnarratividade da experiencia, aceptar que xa non é preciso romper ningún relato.

De modo que, de non sinalarse de modo explícito o contrario, queda activada, por defecto, unha advertencia do estilo seguinte: “Canto aquí se diga pode ser certo e pode non selo; pode ser verídico e pode ser inventado; pode ser pensado ou asumido e pode non selo; pode adxudicarse ao emisor anónimo, anickado ou arriba asinante, ou non”. Pero ademais, segunda parte: “A suposta asunción por parte do autor das decisións que caiban respecto ás correlacións anteriores dista de ser un compromiso en firme, pois é susceptíbel de modificación sen previo aviso”. Estariamos, en consecuencia, perante unha autoficción pluscuamirónica capacitada para impugnarse como tal, post a post.

[Publicado co mesmo título no terceiro número do suplemento cultural “Nós” do Xornal de Galicia, (27 de decembro de 2008, p. 4). O suplemento, baixo o título xenérico “A forza do blogmillo”, recolle artigos de Manuel Ángel Candelas Colodrón e Anxos García Fonte, coordinadora do suplemento “Nós” e xefa de Cultura e Sociedade no xornal. Candelas Colodrón presenta un completo panorama crítico sobre os blogs en galego, e apunta que non estar no blogomillo (con blog propio ou como autor de comentarios) significa hoxe non estar. García Fonte, nun artigo titulado “Un mundo sen cancelas” [sic; cancelas, non Candelas] detense nas motivacións que están detrás dun blog e tamén no eixe privacidade / publicidade, para o que cita a idea de Juan Varela sobre as “identidades de dominio público“.
Non lembro a procedencia do cartel soviético que abre o post]

De diarios a dietarios

14 de Decembro de 2008

O que de común teñen os textos enmarcados baixo a etiqueta diario é menos do que se atribúe a ese brioso sector da “literatura do eu”. Sobre todo se abrimos o abano do tempo e do espazo e consideramos obras que chegan a nós co recendo doutras culturas ou doutra idea do que sexa unha personalidade, un suxeito, unha vida.

O propósito de contar os pormenores dunha viaxe a Oriente no século IV, como fixo a galega Exeria no seu Itinerarium, é irredutíbel ao que nas postrimerías do século XVII resolve o xaponés Bashō no haibun titulado Oku no hosomichi, “Senda ás terras profundas”. E, por descontado, ao que poida representar o diario moderno (Gide, Kafka, Pla, Moreiras…) e a súa moi vixente modelización canónica, coa dobre variante que é frecuente observar, a de carácter máis ben íntimo e a aberta ao social.

Xusto desa alternativa privado-público provén unha insegura clasificación, a que opón diarios e dietarios, cando é evidente a existencia de escalas e cartografías complementarias nada despreciábeis. Tres exemplos: as memorias de publicación póstuma dos grandes nomes da vida pública e intelectual na Francia do XIX, as ditas autobiografías estéticas e o que a posmodernidade instaurou arredor da inestabilidade do eixe verdade/ficción. Chateaubriand (e aínda o Portela Valladares de Dietario de dos guerras), fronte a Woolf, Musil ou o diario erótico de Anaïs Nin. Perante estes modelos, o terceiro: as volubilidades de Vila-Matas ou a simulación vida-teatro de blogs como …mmmm…, de Estíbaliz Espinosa.

En tempos e coordenadas sentimentais moi afastadas, tanto Exeria coma Bashō, superados os corenta anos de idade, escribiron os seus diarios de viaxe con pautas definidas, configuradas nas respectivas tradicións nas que beberon, diversas e á vez converxentes na comprensión da viaxe como un movemento espiritual. Só nalgún sentido como unha exploración do eu. En Exeria, mesmo con certa conciencia de xénero, hoxe incómoda porque remite a unha comprensión subalterna da autoría feminina na tonalidade expositiva e na temática, e tamén canto ao que se atila —é irrelevante— de instalación no pre-literario. En Bashō, igualmente con conciencia de xénero, agora no sentido de clase poética, porque un haibun é un híbrido cultural chino-xaponés e textual (prosa e verso). Busca, pois, doutra forma de dicir(se) e doutra forma de entender(se). Velaí a marca de todo diario non trivial.

Non é eludíbel en consecuencia o nome do diarista Stendhal. A autoindagación, non sempre voluntaria ou decidida: “Vou facer cincuenta anos e vai sendo hora de coñecerme” (no limiar á Vida de Henry Brulard). Moi noutras coordenadas, vemos o Castelao que no libro II de Sempre en Galiza lamenta: “[este texto] semella todo el unha confesión máis que un guieiro político”. Ese acceso á intimidade, propiciado pola navegación atlántica, non estaba ausente tampouco no “Adro” estremeño e estremeiro desta obra mixta de Castelao, pero si, e é ben mágoa, no seu Diario 1921, coevo do Quadern gris dun novísimo Josep Pla.

Pode que coa excepción do incisivo e revoltado Antón Tovar, a literatura de noso nutra unha curiosa reticencia cultural neste terreo, equilibrada con fórmulas como a extensión coral de Ramiro Fonte nas súas prosas eumesas ou coa intención retabular e poderosísima en linguaxe e carga plástica de Bieito Iglesias en “Días soltos”, o seu dietario de aparición mensual.

[Este texto apareceu onte 13 de decembro, co mesmo título, na “Páxina de autor” (p. 16) que pecha o suplemento de cultura Nós de Xornal de Galicia. Ilustración: Giorgio de Chirico, Portrait prémonitoire de Guillaume Apollinaire (1914)]

Crítica da razón blóguica

13 de Decembro de 2008

Anuncian publicación académica offline Mortimer T. Shadigho, Sara Ipsilova e Bretal Borreiros (eds.), Tagging our Lives: Blogosphere & Galician Blogomillo Today (West Palo Bajo, University of Southern California, 2008, 382 pp.). Presento, traducido, o índice:

0, Introdución: Suxeito, comunidade, folksonomía, silencio

1, Logocentrismo (as 3 valencias de “logos” / “logo”) e gagocentrismo

2, Falogocentrismo (as 3 valencias de “falo”), histeroloxía, roce perineal
3, Onfalogocentrismo, ou centro 2.0

4, Disnarrativas, disdescritivas: formalidades

5, Diálogos, duólogos, isegorías, disrazón tróllica

6, Mosteiros, covas célticas, falansterios, cibercomunas, sororidades

7, Argumento, suxestión, brado

8, Warblogging, treguas, armisticios, quintacolumnismo, traizón e metástase

9, Blogroll, do ut des e control de natalidade no blogomillo

10, Ti non sabes con que estás a postar: exercicio da autoridade e VIPismo blóguico

11, A institución-blog: quen canoniza aquí?

12, Nación e (in)diferenza. Neoprovincialismo geek, memismo doméstico e nanopulsión arred(em)ista

13, Da capucha ao tutti quanti: metarrazón simposíaca e vis poscómica n’As uvas na solaina (cun apuntamento sobre Metela ex machina)

14, Logos frouxo, todoquisquismo, quedada disruptiva e desafección moral. De Szymborska á Gentalha: o curioso caso (boney) …mmmm…

15, Micropena e mama grande: corpo, sexo, cyborg, prótese e epéntese

16. Grela a outredade?: inmigración, negritude escasa, subalternos étnicos e todoacén chínico. Formalidades alófonas no blogomillo

17, Reintegratas, isolinos e terceira vía: o/a nada dit-(o/[a])(-so/a); ou sexa, o nada dito(so) contra a nada dita/ditosa

18, Autoxestión ou promiscuidade: representacións da escolla dixitación /telepalpadela / ferrete no campo blóguico
19, Homoerótica no blogomillo: unha phantasma percorre Escocia e pouco máis, meus

20, Bloguismo local vs bloguismo global (unha matapilla ineludíbel cun apéndice sobre blogomillo exterior e mandarinato a distancia)

21, Construír multitudo: peniña de tempo ou alicerzando a posnación?

[Ilustración tomada do post “Mapping the Blogosphere”, CR Blog]