blogosferaArchive for the ‘’ Category

Rosas

15 de Setembro de 2009

 

rosa-sala2

Día de rosas de aniversario, hoxe. Sigamos, pois. Souben deste blogue de Rosa Sala Rose por unha amiga, tamén Rosa. Interesante, o labor desta investigadora, tradutora e ensaísta catalá, autora en Acantilado do Diccionario crítico de mitos y símbolos del nazismo (2003).  O blogue, que abre co seu propio nome, está destinado no fundamental á indagación, sempre documentada e lúcida, da historia cultural de Alemaña e dos acontecementos bélicos que en dimensión macro ou micro definen a presenza dos alemáns na construción e destrución de Europa. O máis recente post, de onte mesmo, fala de suicidios, con atención a dous momentos importantes na historia europea: 1945 e 1989. Impacta ver fotos como as tomadas polas fotógrafas de guerra norteamericanas Lee Miller e Margaret Bourke-White. Son tamén de interese algunhas revisións da idea de heroísmo, as consideracións sobre as memorias escritas na cadea ou, desde logo, a rede que trazan cultura e morte, atravesada como non pode ser doutro xeito pola presenza da Shoah.

 [Rosa Sala nunha foto de Vicens Giménez]

 

Como comunicar?

22 de Xullo de 2009

 

dsc00208

 

A propósito de certas formas de intervención na esfera pública, un meu compañeiro seguidor das prosas que aquí se acumulan comentaba este día comigo que o problema é sempre localizar unha linguaxe e unha zona común de argumentación que habiliten non xa un consenso de análise senón, antes ca iso, o feito mesmo de fundar a posibilidade de comunicármonos con algunha posibilidade de éxito non limitada ao cenáculo inmediato da xente próxima nas esferas ideolóxica ou afectiva.

É posíbel que moito do que se di aquí e acolá respecto dos problemas importantes e dos non tan importantes quede reducido, en efecto, a desafogo emocional ou intelectual, inatendido en definitiva polas maiorías e tamén polas minorías ás que pensamos que de entrada nos diriximos. Voltamos así ao complexo asunto da eficacia da acción política e do debate no espazo público. Voltamos mesmo ao asunto da incidencia social e política da blogosfera.

Para min, e aquí coincido coa análise do colega e amigo, esa é a cerna de todo o que hai por diante. Será que un exceso de elitismo, unha sobredose de brillantez, un esteticismo político… creban calquera posibilidade de conexión con quen decide? Será que no que Debord comezou a definir hai moito tempo como sociedade do espectáculo importa máis un zapato que voa que cen argumentos ben articulados pero raseados? Sen dúbida, hai moito disto. Os populismos de dereita e de esquerda atoparon resposta e lograron canalizar vontades. Hai que reflexionar sobre o modo no que as mensaxes se constrúen e chegan onde está previsto que cheguen, onde se quere que cheguen. Obviamente, hai un aspecto crucial neste asunto: vén dado pola simple idea de rede. Aí está a potencialidade inmensa que aínda non soubemos calibrar. Pero cada día mudan as coordenadas.

E mudan a favor. O simple feito da desafección do público novo polo que significan os medios de comunicación tradicionais, en particular a TV, é de extraordinaria relevancia. Arume dos Piñeiros falaba hai pouco das súas reflexións mentres contemplaba o tratamento dado nun telexornal a unha violación en grupo, falaba diso e por suposto de moito máis: a distancia que se abre entre información e telespectadores por causa da manipulación indisimulada e dun exceso de cesións socioculturais en mente de todos. Así é: unha experiencia común. Cada día máis.

Eu mesmo teño dito aquí que a forza de moitos xornais galegos de implantación digamos non estritamente local (non falemos xa dos xornais de vocación só local) é debida a que prestan algúns servizos demandados por sectores poboacionais decisivos e que ninguén máis ca eles presta. Ás veces —na ducha, conducindo…—, ocórreseme matinar que na perspectiva de poñer límite á hexemonía de La Voz de Galicia, Faro de Vigo e outras cabeceiras poderosas do país, talvez exista unha posibilidade máis eficaz que a de crear medios alternativos. Imaxinen un gratuíto de distribución diaria, con forte implantación urbana, vilega e rural,  limitado só ás esquelas. Imaxinen que iso se puidese lograr. Imaxinen a incidencia no mercado dos medios tradicionais que adoutrinan e gobernan. Imaxino, imaxinen, un gratuíto só de esquelas. Nesta imaxinación está tamén o retrato do país, ou polo menos de cómo un le o país.

 

[A foto remitiuma en 2002 un dos meus curmáns montevideanos, Julio Rey. Fíxoa nalgún lugar de México, onde traballou varios anos. Ignóroo todo sobre que sexa ese organismo que promove a campaña de aforro de auga no plano doméstico, ese/a CAPAT]

Blogosfera ao ralentí

6 de Xullo de 2009

 

 

tempo-de-navegacion-sobre-ocio1

 

Semella estancarse no mapamundi a atención activa á blogosfera, se ben cun reparto desigual entre rexións do globo. A lectura vai a máis na parte oriental do continente asiático e cede claramente espazo ás redes sociais en Europa e as Américas. Algúns datos tomados de eEspaña 2009: Informe anual sobre el desarrollo de la sociedad de la información en España, publicación dirixida por Manuel Gimeno e coordinada por Blanca Villamía e Víctor Suárez Saa para a Fundación Orange (Pozuelo de Alarcón, 2009): 60 millóns de estadounidenses len blogs e 42 millóns dos chineses continentais teñen un blog. Esta última cifra supón que o 78% da poboación chinesa que le blogs tamén os fai. Pero aínda os superan os taiwaneses, onde un 80% da poboación lectora de blogs —si, catro de cada cinco— é así mesmo autora deles. No punto inverso, os británicos: só algo máis que un de cada cinco lectores británicos de blogs publica o seu propio (o 22%, exactamente). Estes datos concretos que menciono poden verse nestas tres páxinas extraídas do informe.

 

O ente

27 de Xuño de 2009

aglomeracao

Algunhas persoas, atentas lectoras deste blog, fanme chegar a consideración, compartida por un sector a día de hoxe minoritario no Ente Lándoas, de que a multiplicación e a pluralidade de discursos é inconveniente para un medio como este. A idea deles consistiría nisto: un blog ten que instaurarse como posición e discurso definidos, porque outra cousa suporía ou ben unha traslación ao ámbito do literario (entendido isto como ficcionalización do suxeito e dos referentes) ou ben unha asimilación de formatos caracterizados en orixe pola combinación de autorías, mundos referenciados, posicións políticas e literacidades. Isto último, dito con brevidade, representaría unha advertencia seria: un blog non é un xornal nin é unha revista, e o autor dun blog non debe xogar a multiplicarse e facer como que son varios os puntos de vista que interveñen no proceso. Por que? Pois porque un blog está moi vinculado á noción de autoría, á identidade enunciadora, a un eu que di, ou, en todo caso, a un nós harmónico, se cadra mesmo unánime. Un blog non sería, pois, un kit de ferretería que permita multiplicar funcionalidades, textualidades, personaxes: aquí para o serio, aquí para o riso, aquí para os encrucillados e outros pasatempos, aquí para o profesional, aquí para o íntimo, aquí para a crítica, aquí para a dermatoloxía, aquí para os soños…

É un debate aberto este, segundo sinalo/amos. Un debate aberto no Ente. Como somos bastante organizad*s levantamos actas das reunións. O cal significa que poderiamos documentar esas tomas de posición e os elos da análise que se vai construíndo e erguendo. Un de nós escribiu unha breve peza, mesmo. Dramática, podería dicirse. Teatro-documento, observa o seu autor, agora cun plus de histamina no bulbo raquídeo. Nela estamos todos e todas, interactuando. Tamén a señora Soutelo, tan remisa a publicar segundo ben sabemos. Por non falar da amiga polaco-canadiano-brasileira Katarzyna Modrzewski, a máis hifenizada de nós en termos identitarios e biónicos, con quen recentemente se recuperou contacto. Todos e todas do teatro-documento.

 

Eslavística

6 de Xuño de 2009

estb1

Eslavistas en formación da Universitat de Barcelona, compoñentes dun grupo con xente entre os 18 e os 23 anos, lanzan publicación en liña, a Revista esть. Existen aínda algunhas dificuldades de navegación (comprobo que con navegadores distintos), pero hai xa bastante información e ligazóns de interese que afectan campos complementarios, desde a tradutoloxía aos estudos lingüísticos e filolóxicos ou culturolóxicos, tamén sobre blogues referidos a Rusia, aos Balcáns, a Polonia e a outros países e rexións da Europa oriental. 

Semella que o pulo veña da renovación das titulacións filolóxicas tras as pautas marcadas polo EEES e do conseguinte perigo que os eslavistas perciben sobre o futuro inmediato da súa dedicación académica e profesional. Saúdase desde aquí con ledicia a nova. En particular, por dúas razóns: primeiro porque a iniciativa corresponde a persoas moi novas que desexan intervir no debate público e, en segundo lugar, por esa intervención estar dirixida á ampliación das fronteiras de determinadas construcións culturais e mentais (a identidade europea, por exemplo) que esixen permanente axuste e para as que propostas coma esta funcionan como recordatorio incluso político. Porque Europa é algo máis que o que adoito se nos di que é.

Blogs literarios e remediación

28 de Marzo de 2009


Blogomillo vén sendo a catosfera como Galiza é a Cataluña. Máis ou menos, porque con certeza existen especificidades das blogosferas galega e catalá que resultan irredutíbeis entre si. Publicouse hai case un ano o libro que aparece aquí á dereita, La catosfera literària 08, unha escolma de anotacións vinculadas nalgún sentido á noción cultural de literatura, que a día de hoxe segue a ser unha noción inevitabelmente cruzada pola categorización xenolóxica, como ben deixa ver (oír) este vello podcast de Catalunya Ràdio correspondente ao programa L’Internauta. Quero dicir, que seguimos sendo incapaces de pensar a literatura sen facer pasar o concepto polos xéneros ou as agrupacións de xéneros consolidadas pola tradición (os célebres arquixéneros). Nese sentido, era esperábel a pregunta qué é un blog literario?, e igualmente era previsíbel que a resposta pasase polos arquixéneros consolidados. Un blog literario sería, segundo o anterior, un blog asemellado ás formas narrativas, poéticas, ensaísticas… literarias. Indicarei que non me convence (aínda me convencería menos pensar a noción en perspectiva “calidade”, “estilo literario” ou similares). E engadirei que non estou nada seguro de que o que con Paul Levinson chamariamos remediación blog-libro (ou blog literario – libro literario: blook, en definitiva) teña excesivo interese. Na tertulia de Catalunya Ràdio marcada arriba saen argumentos importantes contrarios ao que nalgún sentido postulo. Un deles, quizais o de maior ensulla, consiste en apelar ao feito de que moitos lectores de libros son por completo alleos á lectura de blogs (ou blocs, que os cataláns andan a voltas coa escolla). O primeiro que se me ocorre é que nese avance existe en realidade un pulo retro, unha especie de re(tro)mediación. En termos conceptuais, non tería nada que obxectar. O mesmo que nada teño en contra de que a partir dun filme se escriba unha novela, invertindo o proceso transdutivo máis frecuente. Tampouco quero suxerir con isto que o paso cinema-novela ou o paso blog-novela, por exemplo, sexan en si mesmos conservadores ou limitativos en sentido semiótico ou en xeral comunicativo (simplemente pola minoración de códigos e linguaxes en xogo). Non é iso. Máis ben, o que ocorre é que un blog vén caracterizado por unha nota moi específica: a interacción, o axuste, o dialoxismo que introduce a presenza virtual e efectiva de quen le e coa voz de seu responde, concorre, matiza, insulta, gaba, acompaña, bloquea, motiva, rebenta, sabotea, complementa, suscita, ri, canta, cala, venga, flanea, entende, acorda, agarda, sotela, arrouta, deserta, confesa, lembra, sobreestima, asea, irriga, figura, busca, agravia, lisca, tupe, fica, nace, medra, copula e palma… Así… como pasa un arrouto do blog ao libro? Como se remedia? Como pasa, permítaseme a vaidade, o hiperWitz ou Witz linqueiro (algo p.e. do estilo da ligazón anterior) ao libro? Como pasa un chucho verbalizado (muaaac) do blog ao libro? O blog é a comunidade que nel mora, o circuíto de razóns, sentimentos e linguaxes-mundos que son órbita súa, coido. A remediación é admisíbel, claro. Pero nela só vai algo. Como en todas.

[Capa do libro compilado por Toni Ibañez La catosfera literària 08, Cossetània Edicions, 2008. Atoparanse datos sobre a historia do libro neste sitio]

Blogs, resistencia e entrismo

18 de Marzo de 2009

—Cumpre, pois, as ordes da Resistencia e cumpre tamén as miñas: infíltrate no Blok-K e olla alí o que podes facer.

(X.L. Méndez Ferrín, Bretaña, Esmeraldina, 1987)

[A terra de Brec’helean ou Brocelianda, Bretaña]

Crítica da razón blóguica

13 de Decembro de 2008

Anuncian publicación académica offline Mortimer T. Shadigho, Sara Ipsilova e Bretal Borreiros (eds.), Tagging our Lives: Blogosphere & Galician Blogomillo Today (West Palo Bajo, University of Southern California, 2008, 382 pp.). Presento, traducido, o índice:

0, Introdución: Suxeito, comunidade, folksonomía, silencio

1, Logocentrismo (as 3 valencias de “logos” / “logo”) e gagocentrismo

2, Falogocentrismo (as 3 valencias de “falo”), histeroloxía, roce perineal
3, Onfalogocentrismo, ou centro 2.0

4, Disnarrativas, disdescritivas: formalidades

5, Diálogos, duólogos, isegorías, disrazón tróllica

6, Mosteiros, covas célticas, falansterios, cibercomunas, sororidades

7, Argumento, suxestión, brado

8, Warblogging, treguas, armisticios, quintacolumnismo, traizón e metástase

9, Blogroll, do ut des e control de natalidade no blogomillo

10, Ti non sabes con que estás a postar: exercicio da autoridade e VIPismo blóguico

11, A institución-blog: quen canoniza aquí?

12, Nación e (in)diferenza. Neoprovincialismo geek, memismo doméstico e nanopulsión arred(em)ista

13, Da capucha ao tutti quanti: metarrazón simposíaca e vis poscómica n’As uvas na solaina (cun apuntamento sobre Metela ex machina)

14, Logos frouxo, todoquisquismo, quedada disruptiva e desafección moral. De Szymborska á Gentalha: o curioso caso (boney) …mmmm…

15, Micropena e mama grande: corpo, sexo, cyborg, prótese e epéntese

16. Grela a outredade?: inmigración, negritude escasa, subalternos étnicos e todoacén chínico. Formalidades alófonas no blogomillo

17, Reintegratas, isolinos e terceira vía: o/a nada dit-(o/[a])(-so/a); ou sexa, o nada dito(so) contra a nada dita/ditosa

18, Autoxestión ou promiscuidade: representacións da escolla dixitación /telepalpadela / ferrete no campo blóguico
19, Homoerótica no blogomillo: unha phantasma percorre Escocia e pouco máis, meus

20, Bloguismo local vs bloguismo global (unha matapilla ineludíbel cun apéndice sobre blogomillo exterior e mandarinato a distancia)

21, Construír multitudo: peniña de tempo ou alicerzando a posnación?

[Ilustración tomada do post “Mapping the Blogosphere”, CR Blog]

De quen é un blog (2)?

7 de Decembro de 2008

Cando Lándoa resucitou, hai tres semanas, formulaba esa pregunta e recibín algunhas respostas de moito interese, algunhas delas fóra deste espazo branco. Existe un campo aberto de condominio nos blogs, iso semella evidente. No entanto, ninguén negará a autoridade de quen o abriu e administra. Esta é unha cuestión maior, con derivacións múltiples, que, por exemplo a min, me poñen con frecuencia no límite da retirada por simple fastío coas condicións do medio. Falo do acto de exercer algunha forma de censura, ou simplemente de marcar unhas regras do xogo que estreitan a liberdade de expresión. Todo iso, tan complexo, tan inaturábel. Pero falo tamén de algo máis sutil, menos tanxíbel. Todos sabemos que cando unha casa se abre e se dan as condicións mínimas de impunidade é difícil substraerse á tentación da rapina. Digo que é difícil, así en xeral, porque a historia da especie humana demóstrao día a día. Non falo de ti nin de min, falo da especie. A impunidade probada e segura é campo aboado para que os dedos medren. Así foi sempre e así o demostra o paradigma-guerra e calquera outro que en escala reducida presupoña as condicións da impunidade, da cambadela que sae gratis. Fálase do poder, claro, do poder pequeno e do poder outro. Nunca antes de hoxe neste blog impuxera e aplicara o administrador unha pauta censora explícita. Hoxe fíxoo, por duplicado. E non é agradábel, créase. Pero seguirá a facelo en adiante se non se atende unha regra básica que irá saíndo nesta prosa. A tentación de animalizar determinadas condutas é socorrida cando se fala do que vou falar. Aquí esquivarémola. Pero parece inadmisíbel aceptar que nas paredes da casa propia fiquen pintadas anónimas destinadas só ao desprestixio persoal e non ao debate, por mínima que sexa a achega argumentativa de quen se decida a participar. Desque abriu este local fun deixando máis dunha pintada desas, admitinas aí expostas por considerar que en realidade constituían un desprestixio da voz e da mentalidade que as inspirara. Pensaba: con tal de que tiren contra o blogger ou contra as súas posicións aguantalo vai no soldo, que como tamén teño razoado en varios lugares, é un soldo sentimental e/ou simbólico, pero soldo ou capital á fin. Orabén, que dereito ten un como administrador do condominio a deixar á vista notas dirixidas a terceiros por comentaristas anónimos que non se xogan nada deixando aquí ou acolá a pegada dun resentimento, dunha baba frouxa ou dunha enfermidade contaxiosa que ten tratamento e á que os demais non temos por que expoñernos? Porque, en efecto, hai baba contaxiosa, baba de medre, con lévedo tan poderoso coma fétido. E a baba blogueira ou foral ten algo diso: empeza un a babarse e en cousa de días estrágase calquera posibilidade de intercambiar razóns ou de escoitar a palabra allea. Considera un (un son eu) ter lumbares suficientemente en forma para cargar determinadas pexas ás que se expón por vir dar aquí, ao condominio. Pero nunca aceptará un que isto acabe convertido nun repositorio de babas nin nun peirao para cargar containers de lixo dirixidos a terceiros. De modo que se declara activada a potestade de limpar a casa. E agora, noutro nivel, outra observación, a segunda das anunciadas como censuras do día, deste día entre a Inmaculada Constitución e a Concepción que nos demos a nós propios. A propósito de anotacións como a que precedeu a esta, que talvez nunca se debeu incorporar ao blog por tratar sobre un asunto que enlaza o público co privado (co privado non meu, porque disto se fala; un blog trata sempre sobre o mundo privado do seu activador, por pouco que sexa, por pouco que queira…, e os riscos e as silvas comezan a andar e a desmedrar en canto a man escribe, e está ben que así sexa, etc.), recibíronse algúns comentarios, benintencionados sen dúbida, que entraron a debater, estimo que fóra de lugar e fóra de tempo, asuntos de enorme interese no debate público. Por exemplo, sobre determinadas tendencias sexuais do clero católico ou sobre as condicións da escola franquista e demais. Asuntos relevantes e dignos de atención máxima, ninguén o poñerá en dúbida, e menos eu. Orabén, reclamo agora aquilo que os mestres de retórica chamaron kairós. Ás veces non é momento. Ás veces non é o lugar. Iso é todo. Por ese motivo, decidín tamén, ao abeiro das prerrogativas que me autoconcedo por administrar o condominio, eliminar varios comentarios que non me parecían oportunos para o momento, para ese momento que non é meu, que non é meu nin tampouco é de ninguén que por aquí escriba. E rematarei con vontade de aclarar os termos da convivencia de palabras (volto por tanto á censura 1). Para min, e teño errado algunhas veces nisto no blog propio e nos blogs alleos, un blog do tipo deste que polo de agora seguirá andando non é o mellor sitio para darse ánimo entre amigos (nisto é no que teño errado nalgunha ocasión como comentarista) ou para deitar baba anónima inimiga. Querería argumentos, razóns, debate. Directo, serio, duro, a fondo. E tamén riso e tamén sentimento e fraternidade, como non? Pero a baba podre, sobre todo esa, hai que tragala. Cada un a súa. Espero que se entenda e se asuma a norma por popa e por proa. E se non se asume, a cousa é clara: en canto as lea as guindo.

[Fotografía de Pablo Iglesias]

Eu sei quen son (aprox.)

25 de Novembro de 2008

Non lembro de onde tomei esta imaxe. Tampouco lembro exactamente quen son eu ao entrar aquí. Quixen primeiro ser lándoas ou casas. Observei a rendibilidade de ser unhas veces aquel e outras veces estoutro. Ou os dous por xunto. Ou a súa intersección. Ou o espazo que mediaba. Agora, desde a resurrección, son lándoas. Só. Pero o caso é que esa decisión non é doado que teña correspondencia fóra do espazo dela mesma. Non é sinxelo trasladala a quen le, fágao desde a confianza e unha cordialidade non expresa, fágao desde algunha clase de raro resentimento; fágao desde a indiferencia intelectual, fágao desde algunha forma de proximidade afectiva.
Por que un nick? Por que non o nome directamente, o rosto? Isto preguntoumo onte no traballo unha amiga moi querida. Non o preguntou como obxección. Moito menos para impugnar nada. Era, máis ben, unha dúbida sobre os sistemas comunicativos que a blogosfera abre e sobre os graos de proximidade e responsabilidade entre o que a voz-blog afirma e o que o nome propio real asume ou asumiría chegado o caso. O nick tradúcese a este propósito, así o entendo, como unha declaración relativa á correspondencia non directa entre o dito e o pensado, entre o efectivo e o fictivo. O nick advirte sobre a convivencia de textos adxudicados a un nome que non se compromete plenamente. Que se reserva. Non por introducir a falsificación de nada (nin sequera dunha identidade) senón por debilitar desde o incipit a presunción de que falar nun blog e como falar na vida real. E non é así.
Quero dicir, non ten por que ser necesariamente así. O nick, por exemplo, admite e acolle a contradición interna. E ninguén ten dereito a chistarlle a iso. O nick abre a caixa lúdica e propicia as escalas do eu (1:10, 1:100, 1:1.000). O nick libera tensión aínda que só sexa calzado como un chapeu fungo. Dramatiza e teatraliza o escenario do blog, cancha que non é probabelmente a idónea para a práctica dunha dialéctica sobria e pautada. Escóitese ao sabio Medela Kabuki onte mesmo aló polo comentario 50 (aprox.) dunha anotación do blog de Marcos Valcárcel, As uvas na solaina: “porque a risa, o teatro, ao abrir un terceiro escenario dialéctico nos libera da sobre-abundancia emocional”. E así fai o blog. O anickado e anicado máis ca o desnickado e crecho, coido. E escóitense aliás as voces todas dos case 300 comentarios dun post recentísimo do blog …mmmm…, de Estíbaliz Espinosa, xa teatro en período de aclimatación ao écran (todo chegará), nunha procura ceiba e brava de norma nova. Teatro, si, o de …mmmm…, porque incorpora a expectación in fieri, aínda que sexa unicamente para os conxurados nesa cerimonia, nesa ebriedade, non todos anickados nin agochados por certo.
Por que un nick? Só por iso? Creo que só cando se garante un anonimato sen reservas o discurso é percibido no espazo blogosfera como iso e nada máis: un discurso pendurado de si mesmo. Un discurso que, por selo, depende dunhas condicións de enunciación e dunha identidade, dunha autoría se se quer (nada diso pode ser neutralizado, e ademais non é preciso), de todo o resto de consideracións que se desexe concretar a propósito da ineludibilidade dun lugar desde o cal se di e que permite dicir e intervir… Pero, en calquera caso, ese blog vido da anonimia limita consigo mesmo e coa rede de ideas e de temas, emocións, imaxes… acumulados no marco interno. Fóra, nada determinado, nada tanxíbel. Só linguaxe e mundo.
Porén, cando existe un (re)coñecemento da voz-blog é moi complexo desligala do personaxe sabido ou real. Tamén do que iso representa no plano funcional (a famosa función-autor, que en Foucault tiña un valor redutivo á vez que de configuración dunha autoridade). Hai quen estará satisfeito con isto. Entre eles, pero non só, aquelas persoas que escriben blogs como unha forma de continuidade coa súa actividade profesional, do tipo que sexa, ou como unha forma tamén contigua doutra parcela tamén importante, a sentimental. Aquí, a miúdo, a ecuación “nick = nome real” acaba reducindo a primeira parte desa fórmula a puro alcume.
Asinar blogs co nome real a min paréceme ben, tan lexítimo como facer o contrario, tan gallardo, tan dialéctico…, máis arriscado. Si, tamén mais arriscado. En especial, por que hai máquinas varrendo o espazo exterior. Ora, a idea de presentarse como lándoas supuxo nalgún momento para min a posibilidade de extirpar a cerna do que, para a maioría dos que me len, sexa eu. Na miña familia directa ou no meu vecindario, nas asociacións ás que me ligo ou nos cenáculos nos que conspiro, ninguén sabe que ando por aquí. No 99% das comunidades que len/fan blogs en Galiza tampouco non se sabe. Nalgún 1% restante, ou menos, si. E para esa porción o meu nome real ten un significado bastante preciso que eu, en cambio, non me atribúo a min mesmo como eixe de ren. O nick sería entón todo o contrario dunha máscara, ou sería unha máscara tal como a puido entender só algunha clase de dramaturxia moi antiga.
Iso é: o nick como alegación de pluralidade na propia máscara, no seu aceno invariábel posto aí á dereita, na convexidade da kettle. Como reclamación en voz baixa de sermos varios os que levamos o nome real que nos puxeron (e isto non é Pessoa, ou é Pessoa moi pero moi poluído por Bakhtín). De fastío sobre a autoridade atribuída e de fastío sobre o orneo estepario. De querencia de fratria sorora e de sororidade fraterna, en horizontalidade, en compañía, sen xerarquía, sen púrpura nin desprezo. Na diferenza, habitándomos a diferenza e cuestionando a certeza. Dando e recibindo xénero de toda caste, en pé de igualdade. Leña e rosas só se for en pé de igualdade. Como algúns medievais que debatían e bebían, partimen-vai-partimen-vén a catro ou nove bandas. Rindo, porque o riso iguala (ás veces, non sempre, claro). Querencia de irredutibilidade, si. De novo esa palabra, de novo esa idea necesaria. Aínda que (certo, pero non sempre) a fiinda é só dun, o dono do local, que diría Fragmentos, digo Juan Luis.

[A fotografía tomeina doutro blog que agora non podo concretar]

Aberto por resurrección?

16 de Novembro de 2008


De quen é un blog? Esa era a cuestión da sexta feira. Preguntaba por non telo claro. Non se trataba dunha pregunta retórica, nin moito menos. E tampouco se non trataba dun residuo das numerosas atencións recibidas polo blogueiro que hai vinte días pechou por defunción e semella agora abrir por resurrección. Todo está por ver. Todo está por vir. Non hai nada certo e nada se sabe. Un quere pechar, en particular pechar esta fórmula, esta inercia, esta poética. Pero sería frívolo ignorar algúns consellos, algunhas recomendacións, algunhas esixencias de quen tamén fixeron blog (este blog), como traslocen as palabras recentes de Fra Vernero e de Igor. O certo é que un blog permite cousas como a que agora emprendo: complementar e compartir o dito noutro lugar, precisalo, abrilo a un público amplo. E Fra Vernero ten toda a razón, a facelo, quéirase ou non, coa autoridade asumida por un xefe de pista, que o problema é que logo se aplica —a autoridade— sobre troianos e tirios, sobre trols e conmilitóns. Xurdio asunto para unha comedia este da autoridade centrípeta do blogger! Velaí outra das obsesións no peche de outubro.

Ben. Acaso pola incapacidade persoal para desentenderme dun certo trobar clus, é inhabitual que o que os medios me atribúen tras algunha intervención pública garde a semellanza prevista co que eu quixen expresar. A culpa (?) que aí haxa só corresponde ao locutor, non se comparte. No simposio da Asociación Galega de Editores, onde atopei voces do blogomillo tan importantes e queridas como as de Cesare, Manuel Gago ou Fran Alonso, falei durante quince minutos escasos nunha mesa redonda que comezou con retraso, prorrogou practicamente até ás 15 h. e á que se incorporou un cuarto participante en principio non previsto, pero con certeza inexcusábel para a aclaración da cartografía coa que nos xogamos a proxección exterior da cultura de noso, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará (por certo, se non representar moito custo, eu cambiaba o de Creación por outro termo —Produción?— ou directamente eliminábao para a vindeira lexislatura e deixaba o rótulo abreviado en DXdeDF; porque dirixir a creación cultural parece indixesto e anacrónico, e estou seguro de que a sensibilidade dos responsábeis actuais do departamento así o recoñecerá). Presentounos co oficio e xenerosidade que son marca da casa o editor Fran Alonso. Con el e Bará estabamos na mesa tamén Helena González, Xabier Cid e un servidor. O público, numerosísimo, como nas intervencións todas desa mañá frienta. O gaiteiro do Obradoiro-Xelmírez, impenitente, ubicuo, eterno. Propoño ao Consello da Cultura Galega que lle pague unha xubilación anticipada e libere o raciocinio dese pentagrama. Vaticino: dentro duns anos algún antropólogo cultural demostrará que o desenvolvemento histórico das tarefas administrativas e dos debates intelectuais e/ou programáticos do CCG estivo profundamente afectado polo martirio gaiteiro, previsto en orixe para guiris ou peregrinaxe, pero incisivo e letal en realidade na res publica da nación, da usc, do concello, da hostelaría vip e da mesma diócese compostelá. Arma de guerra dos nosos inimigos malos esa gaita de diola!
Logo desta anotación rizomática irá outra máis lineal na que, ao fío das sempre fundamentais observacións de Manuel Bragado sobre a proxección exterior do libro galego, incorporarei unha parte do que dixen ou pensaba dicir no Consello da Cultura Galega o pasado xoves 13. É curioso: na presentación de Fran Alonso frivolicei coa morte morrida de Lándoa e agora, sen cálculo preciso e sen temor á contradición que estou a erguer, abro esta memoria de ultratumba. Que Fran, Chateaubriand e a Providencia, todos tres, o disimulen!
[A ilustración para o cartel do V Simposio O Libro e a Lectura. O libro galego no mundo: presente e futuro é de Abraham Carreiro. O deseño gráfico, de Pepe Carreiro]

De quen é un blog?

14 de Novembro de 2008

[…]

ps. Unha resposta de alguén moi experimentado (16 11 2008).

Medios, analistas e opinión pública

17 de Setembro de 2008

En relación co artigo de hoxe de JL Sucasas en Vieiros, que non fala do que parece e fai ben, desexo suxerir algo. A liberdade de opinión nos medios está enormemente condicionada na Galiza actual por unha serie de pautas que máis ou menos todos recoñecemos sen dificuldades. Pautas ás veces ideolóxicas, desde logo, pero tamén de carácter propiamente empresarial, referidas ao mercado e á financiación a medio prazo.

Existe un cálculo de opinión nos medios e os lectores somos adestrados nesas prácticas. Afacémonos sen maior resistencia a elas. Precisamos isto e podemos/queremos chegar até aquí, calculan os medios. O poder político e o poder económico arbitran a partida: conceden, distribúen, retiran, sancionan. Non é nada novo, aínda que resulta por completo inaceptábel.

Nese vello xogo aparecen as voces singulares, os opinadores libres, cunha función de marca, no sentido medieval do termo. É unha función que conxuga con habelencia cálculo e simulación por parte dos vértices. É unha función-máscara que vira en ocasións a función-mascota. É un xogo cínico aquel, por tanto. Sitúo o mascarón lexitimado e libre que opina sen corda sobre o que quixer e marco con el un territorio, un arredor, un cortalumes-aura, un silencio que me protexe e que exhibo como diploma ou como trofeo. Dentro do círculo, administro, calculo o que se pode dicir, ordeno a finca. E de cando en vez, con patetismo, alzo a voz e marco un exabrupto sobre o un asunto social candente. O sol, por exemplo.

A blogosfera ten unha capacidade extraordinaria: a de poñer todo iso en claro. A de analizar aos analistas e á totalidade do sistema, que Sucasas contempla nun plano de coordenadas progreso – identidade pero que eu suxeriría ampliar a algunha outra dimensión. Pode semellar tarefa para moito tempo, pero esas calendas han chegar. A liberdade xogará entre nós non inscrita nese cálculo. A blogosfera contribuirá a deslindar o espazo para que tal cousa aconteza. Eles xa o saben. Nós precisamos e merecemos outros medios, outra sintaxe e outra opinión.