calughadasArchive for the ‘’ Category

Educar a un presidente

8 de Setembro de 2009

 

celanova-casa-dos-poetasAnoto con brevidade uns apuntamentos relacionados cos acontecementos recentes de Celanova:

1) Algunhas persoas e institucións, tras unha longa fase de reflexión, tomaron a decisión de asumir as súas responsabilidades. Magnífico.

2) Algúns membros do séquito do presidente puxeron caras mentres escoitaban as “imprudencias” que Xosé R. Barreiro, presidente da Real Academia Galega, dirixía ao presidente da Xunta. Algunha prensa di que amosaban o seu malestar.

3) Algúns medios silenciaron ou ocultaron o acontecido. Outros operaron coa calculada diplopia empresarial que lles é propia. Outros magnificaron o significado do episodio. Por aquí está o combate.

4) Sobre os actos institucionais caben dúas clases de pactos tácitos. Óptase en ocasións por unha neutralización ritual do discurso (a fin de non dicir nada novo e de que todo fique en harmonización sonora). Óptase outras veces por elaborar un discurso de fundamentación incoativa: “propoñémonos facer tal cousa”. O que resulta claramente inapropiado e abusivo é empregar un acto institucional para agredir verbalmente determinadas conviccións e programas, en particular se se presupoñen abrazados por unha maioría do público presente.

5) A terceira opción foi a de Feijóo desque agarrou o temón do poder. Cunha especificidade: fíxoo en contextos moi definidos, os que teñen a ver coa política cultural e lingüística. De modo que nunha serie de actos institucionais de toma de contacto ou de celebración cívica e simbólica fixou como pauta vertebradora das súas intervencións afear en público certos compromisos, certas traxectorias, certos consensos, certas políticas. Feijóo subiuse a si mesmo, ao seu cargo, para rifar e agredir a quen lle petou, basicamente aos que non pensan como el, que en Galiza somos maioría, por certo.

6) O pasmo paralizante e irresponsábel de moitos en actos como os indicados non fixo senón incrementar a autoestima que en xeral padece de forma tan patolóxica coma irrisoria case todo individuo da especie humana que accede a cotas de poder relevantes (isto increméntase exponencialmente en casos de persoas intelectualmente capitidisminuídas e/ou hiperhormonadas, máis aínda se elas mesmas foran conscientes, nalgunha fase previa de mínima lucidez, da súa mediocridade mental e/ou moral; véxase o caso paradigmático de Aznar).

7) Educar ao príncipe posmoderno é de novo tarefa do pobo. Eu, modestamente,  estaba a consolidar entre os meus achegados a que iamos chamar “Columna Levante”, cuxo operativo principal consistiría en acudir a actos oficiais nos que se anunciase a plática de Feijóo ou do seu mariachi mediático-administrativo sobre materia cultural para, en plan bastante Gandhi, coller e erguer un a un de xeito educado e digno á mínima faltada do presidente, como nunha respectuosa procesión de caladiños, pero sen tambor nacional nin cilicio na virilla. É mágoa que Barreiro, nalgunha medida, fane a iniciativa ao activar —por fin— algo que malia todo o que se diga só as institucións son quen de activar. Ou non a fana e podemos seguir coa Columna Levante imaxinando que o exemplo cunde e que toda Galiza se ergue e se vai do salón?

8 ) Señor*s: Dignidade e forza contra a impostura! Sátira e firmeza contra a institucionalización da mendacidade e a alienación campante! Linguaxe contra o orneo! Érganse e ábranse se os insultan ou insultan ao país! Basta de contemporizar coa mediocridade, a falsificación e a angostura mental! Somos o que somos non por Marta Rivera de la Cruz nin polas levitacións de Farjas nin polas cotizacións empresariais (acolá) do conselleiro de Economía!! 

 

[Barreiro e Feijóo no acto de entrega á RAG do XXV Premio Celanova Casa dos Poetas. Fotografía de El Correo Gallego]

 

O erro Berg

19 de Agosto de 2009

 

kristina-berg1Kristina Berg equivócase facendo o préstamo que fai para a demolición do que foron as galescolas do goberno anterior. Un préstamo por outra banda innecesario, porque o mundo está cheo de galiñas azuis (a da Universidade de Delaware, por exemplo), non sempre asociadas en termos simbólicos ao mesmo que o conselleiro Jesús Vázquez —ignórase se tras inspirarse en Cirlot ou en Eranos, ou ficando só nunha lectura algo perversa, oportunista e cínica do conto de Carlos Casares— atribúe atropeladamente á pita celeste e desideoloxizada. Así que xa temos icona nova para a rede que Vázquez e Mato rescatan do gulag entre lapsus, coñas e desidia estival, con sol moi torero e rojigualdo sobre a nube azul ao fondo do cartaz (por certo, o sea). Documéntase  todo de modo suficiente nestes vídeos da Axencia Galega de Noticias que rexistrarán para a historia, sen deixar espazo á incredulidade de quen veña tras nós, en que consistiu exactamente en fondo e formas este Goberno Feijóo.

Berg non só cedeu aquilo que non se acaba de ver por que motivo é materia de cesión (a diferenza cromática?, a diferenza articulatoria que xa tratou Platón no Crátilo?); que non se acaba de ver fóra dunhas circunstancias socio-culturais como as nosas, claro. Como as nosas postas do revés, patas arriba, dándolle a volta ao escrito por Casares, algo que a estas alturas é evidente que tonifica a libido de quen manda no país. Moi alén da cesión non lucrativa de dereitos, Berg tomou parte no acto gubernativo e acompañou na mesa aos conselleiros Mato e Vázquez, quen, obviamente, utilizaron esa marca (a marca Casares) dun xeito que poderá cualificarse como se queira pero nunca como desinteresado.

A estratexia é, máis unha vez, perceptíbel e barata. Cáptase lexitimidade galeguista (individual, faniliar, institucional…) mediante acordos non descritos nin publicitados, probabelmente tácitos. Deconstrúese, en paralelo e sen rubor ningún, a cerna estruturante do ideario nacionalista, presentando por exemplo a Castelao, diante da súa tumba!, como un rexionalista estetizante. E así sucesivamente por academias, clubes e consellos.

Berg decidiu libremente incorporarse ao traxecto Feijóo, a esa planificación trazada ao milímetro por estrategas que ninguén debe menosprezar na súa capacitación técnica e que case todos sabemos cara onde dirixen a máquina, malia os erros e os despistes concretos dalgúns subalternos no aparato, como os penosísimos na dicción e na formación do conselleiro Vázquez  na súa intervención de onte (a ver o que di a Conferencia Episcopal cando escoite iso de que o obxectivo da Consellería de Educación do Goberno Feijóo é “formar dende o berce a cidadáns librepensadores”, 43-45″ do vídeo ligado; se iso o di noutro tempo o agora vicesecretario da Mesa do Parlamento veriamos a Martínez Camino con escordadura de larinxe terminal) ou outras veces do propio Feijóo, presunto xefe dun goberno obsesionado con muíños de vento.

Kristina Berg, en fin, faría ben en ler o escrito por Damián Villalaín no último A Nosa Terra baixo o título “Piñeiro, Feixóo e o galeguismo“. Na versión impresa do semanario este artigo ocupou enteira a páxina 6 e viña ilustrado precisamente cunha foto na que Piñeiro escoita unha intervención do propio Carlos Casares (a foto pertence ao Arquivo Familiar Casares-Berg). Déixenme concluír co penúltimo parágrafo de Villalaín. Teño a impresión de que vén ao caso:

Se Núñez Feixóo ten algún respeto por Ramón Piñeiro, e eu non quero dubidar de que isto é así, debería ser máis coidadoso á hora de esgrimir o seu nome con finalidades completamente alleas ás causas ás que Piñeiro dedicou toda a súa menesterosa vida. E calquera que coñeza un pouco a obra do de Láncara, sabe que entre esas causas nunca estivo a desprotección da lingua galega nin o bilingüismo harmónico, ese mítico constructo de pai descoñecido por cuxa definición precisa seguimos agardando moitos galegos.

 

[Kristina Berg nunha fotografía tomada por Xoán Carlos Gil na Fundación Carlos Casares en 2008]

Tomarse un Sosegón®

5 de Marzo de 2009

Son contrario aos efectismos postelectorais cando se concretan de forma automática e mecánica en función do cómputo de votos e escanos e das subsecuentes decepcións ou euforias, fóra de foco ou perante as cámaras de televisión. Considero que esa clase de operativos, de novo pensados para a conversión a espectáculo da política, conducen a miúdo a afondar e extremar erros previamente cometidos. A nefasta reinterpretación da política en sentido mediático asume a vella lei de que o tempo é un ben escaso que se esgota sen tempo para a pausa e o sosego.
Pois ben, considero un deber rexeitar esa norma. O efecto postelectoral trae consigo un movemento expansivo e distensivo como consecuencia da retracción ideolóxica que adoito marca a competencia por iso que se chama “o espazo do centro político”. Pasada a representación, todo volta un pouco máis ao seu. Por iso é perigoso falar en voz alta nestes días. Todo predispón a extremar posicións e xuízos. Se no PP non se impón unha contención de proclamas e xestos, se non controlan o discurso de dirixentes e xefes de negociado, a cousa pinta negra. Poderían atoparse con movementos de aviso antes do remate da primavera.
Ocorre o mesmo noutros lugares. José Blanco acelerou os motores para evitar que o ritmo llo marcasen outras instancias. Probabelmente elixiu un líder para un deserto. Tamén un líder contra o que a Confraría do Istmo puidese promover de seu: un Moreda, por caso. Alguén con perfil nidiamente urbano, afeito ao trato cos poderes fácticos, que a día de hoxe son os mesmos de sempre coa única excepción (até certo nivel) do exército. É dicir, oligarquía, medios e igrexa. E no BNG tamén se dan pasos que semellan precipitados, cando o certo é que antes se conseguiu gobernar polos pelos e agora tamén se perdeu polos pelos.
Eu recuperaría estes días aquela frase necesaria que xa se citou no blog aí atrás: “Descanse un poquito, Prisidente!“. Descansen, reflexionen, practiquen o aquilo-naquilo, calen uns días, ho. Iso que Quintana chama “a xente” precisa tamén acougo, distancia. Sobre todo porque virán tempos duros e non hai que perder a forza toda pola boca.

[Francis Bacon, Home prendendo a luz (1974). Sosegón é marca rexistrada do Laboratorio do Dr. Moskeera, Gures (Mass.)]

Sitio no trinque: cando menos un quinto

5 de Xaneiro de 2009

Súmome á campaña de Jaureguizar, Bragado, Callón e outros compañeiros do blogomillo en favor dunha correlación xusta entre a presenza ou visibilidade real do libro galego e o que en termos de mercado representa ese sector para os libreiros do país.

Por virmos ao máis recente e pola precisión da análise, tamén eu recomendarei, como o fai Brétemas, a lectura do artigo de Carlos Callón do pasado día 29 de decembro en Galicia Hoxe e unha visita logo ao seu blog para ler nel a anotación daquel mesmo día sobre o mercado de libros en lingua galega, cunha compilación de sitios para repensarmos entre todos un problema serio, o do 19%, que di Jaureguizar.
A título persoal aplico hai tempo, coa flexibilidade propia dun carácter liberal (que diría Pío pai), unha sinxela norma que anda arredor tamén dese número primo: ou como mínimo un de cada cinco libros do escaparate está en galego ou eu aí non entro.

[Interior da libraría Shakespeare and Company, coido que particularmente ordenada para a foto]

Joan Tardà e a estirpe borbónica

7 de Decembro de 2008

Se hai algo patético na política de pavillón deportivo e xuventudes do partido propio un sábado-noite é o carrete que hai que recoller o día seguinte pola mañá, controlado xa o subidón de adrenalina inducido pola empatía hormonal cos novos e coas novas e cun vermú dominical e unhas luras fritidas ao alcance da man. Tardà non debeu dicir o que dixo onte en Barcelona. Pero case tan grave, ou máis, é a explicación que empeza a circular sobre por que o dixo. Que se Felipe V, que se 1714, que se en realidade quixo dicir “sort al mormó” na lotaría de nadal, que se o berro “Visca la República, mort al Borbó” (enteiro e bimembre?) era tradicional no tempo da Guerra de Sucesión… Patético recoller a vela dese xeito. Patético ese de oca a oca de tempos históricos, ese himpo rouco de adolescente pillado nun renuncio.
Con esa propensión ao xesto fotoxénico e ao histrionismo antimonárquico —que, como diría Pilar Urbano, “encanta en palacio” (o xesto, o exceso, o descontrol)—, Tardà fai un fraco favor á causa republicana. E de porparte pon a cen o rotor caudal dos córvidos que animan a inveterada tendencia hispánica a ralentizar a historia. Bono, plusmarquista mundial no manexo do freo de man, non demorou moito en vestirse de alguacilillo de Las Ventas para perdoarlle a vida ao deputado Tardà e soltar como sen querer algo que non escoitei ben sobre o carácter primario de non sei quen e do que non sei quen represente.
Enviar á historia á monarquía é un deber democrático dos cidadáns e cidadás libres. Parece mentira que haxa que razoalo ou explicalo a estas alturas. De ritmos e de oportunidade é do único que se debería falar entre demócratas. Con sosego, sen circo, lonxe de mítines. Tamén, loxicamente, debería indicarse a rodapé en que clase de república ou repúblicas se pensa.

[A ilustración corresponde a un retrato anónimo de Felipe V pintado contra 1750 e conservado en Bolivia. Tras a independencia nacional, as autoridades bolivianas, decididas a conservar esta prezada obra barroca, ordenaron repintar o retrato para asimilar a faciana e figura do monarca á iconografía propia do Apóstolo Santiago na batalla de Clavijo]

Naipelo

18 de Setembro de 2008

Problemas con Blogger estes días, si. Tranquiliza ao naipelo saber que Mestre Brétemas tamén os ten e pide axuda.