CataluñaArchive for the ‘’ Category

Eslavística

6 de Xuño de 2009

estb1

Eslavistas en formación da Universitat de Barcelona, compoñentes dun grupo con xente entre os 18 e os 23 anos, lanzan publicación en liña, a Revista esть. Existen aínda algunhas dificuldades de navegación (comprobo que con navegadores distintos), pero hai xa bastante información e ligazóns de interese que afectan campos complementarios, desde a tradutoloxía aos estudos lingüísticos e filolóxicos ou culturolóxicos, tamén sobre blogues referidos a Rusia, aos Balcáns, a Polonia e a outros países e rexións da Europa oriental. 

Semella que o pulo veña da renovación das titulacións filolóxicas tras as pautas marcadas polo EEES e do conseguinte perigo que os eslavistas perciben sobre o futuro inmediato da súa dedicación académica e profesional. Saúdase desde aquí con ledicia a nova. En particular, por dúas razóns: primeiro porque a iniciativa corresponde a persoas moi novas que desexan intervir no debate público e, en segundo lugar, por esa intervención estar dirixida á ampliación das fronteiras de determinadas construcións culturais e mentais (a identidade europea, por exemplo) que esixen permanente axuste e para as que propostas coma esta funcionan como recordatorio incluso político. Porque Europa é algo máis que o que adoito se nos di que é.

Blogs literarios e remediación

28 de Marzo de 2009


Blogomillo vén sendo a catosfera como Galiza é a Cataluña. Máis ou menos, porque con certeza existen especificidades das blogosferas galega e catalá que resultan irredutíbeis entre si. Publicouse hai case un ano o libro que aparece aquí á dereita, La catosfera literària 08, unha escolma de anotacións vinculadas nalgún sentido á noción cultural de literatura, que a día de hoxe segue a ser unha noción inevitabelmente cruzada pola categorización xenolóxica, como ben deixa ver (oír) este vello podcast de Catalunya Ràdio correspondente ao programa L’Internauta. Quero dicir, que seguimos sendo incapaces de pensar a literatura sen facer pasar o concepto polos xéneros ou as agrupacións de xéneros consolidadas pola tradición (os célebres arquixéneros). Nese sentido, era esperábel a pregunta qué é un blog literario?, e igualmente era previsíbel que a resposta pasase polos arquixéneros consolidados. Un blog literario sería, segundo o anterior, un blog asemellado ás formas narrativas, poéticas, ensaísticas… literarias. Indicarei que non me convence (aínda me convencería menos pensar a noción en perspectiva “calidade”, “estilo literario” ou similares). E engadirei que non estou nada seguro de que o que con Paul Levinson chamariamos remediación blog-libro (ou blog literario – libro literario: blook, en definitiva) teña excesivo interese. Na tertulia de Catalunya Ràdio marcada arriba saen argumentos importantes contrarios ao que nalgún sentido postulo. Un deles, quizais o de maior ensulla, consiste en apelar ao feito de que moitos lectores de libros son por completo alleos á lectura de blogs (ou blocs, que os cataláns andan a voltas coa escolla). O primeiro que se me ocorre é que nese avance existe en realidade un pulo retro, unha especie de re(tro)mediación. En termos conceptuais, non tería nada que obxectar. O mesmo que nada teño en contra de que a partir dun filme se escriba unha novela, invertindo o proceso transdutivo máis frecuente. Tampouco quero suxerir con isto que o paso cinema-novela ou o paso blog-novela, por exemplo, sexan en si mesmos conservadores ou limitativos en sentido semiótico ou en xeral comunicativo (simplemente pola minoración de códigos e linguaxes en xogo). Non é iso. Máis ben, o que ocorre é que un blog vén caracterizado por unha nota moi específica: a interacción, o axuste, o dialoxismo que introduce a presenza virtual e efectiva de quen le e coa voz de seu responde, concorre, matiza, insulta, gaba, acompaña, bloquea, motiva, rebenta, sabotea, complementa, suscita, ri, canta, cala, venga, flanea, entende, acorda, agarda, sotela, arrouta, deserta, confesa, lembra, sobreestima, asea, irriga, figura, busca, agravia, lisca, tupe, fica, nace, medra, copula e palma… Así… como pasa un arrouto do blog ao libro? Como se remedia? Como pasa, permítaseme a vaidade, o hiperWitz ou Witz linqueiro (algo p.e. do estilo da ligazón anterior) ao libro? Como pasa un chucho verbalizado (muaaac) do blog ao libro? O blog é a comunidade que nel mora, o circuíto de razóns, sentimentos e linguaxes-mundos que son órbita súa, coido. A remediación é admisíbel, claro. Pero nela só vai algo. Como en todas.

[Capa do libro compilado por Toni Ibañez La catosfera literària 08, Cossetània Edicions, 2008. Atoparanse datos sobre a historia do libro neste sitio]

Canal 6 de Julio

11 de Marzo de 2009


Moi necesario o traballo do Canal 6 de Julio, fundado en 1988 por Carlos Mendoza, fillo por certo dun exiliado ourensán. Coñezo algún dos documentais desta produtora mexicana polo contacto que manteño con Mario Viveros, correalizador de Zapatistas: Crónica de una rebelión (2004) e Romper el cerco (2006), entre outras producións. Para conmemorar os vinte anos do proxecto, Mendoza preparou o volume Canal 6 de Julio: La guerrilla fílmica. Comunicación alternativa, documental y autogestión, con colaboracións diversas e en verdade interesantes, que inclúen o recoñecemento de alguén con tanta influencia na sociedade mexicana como Carlos Monsiváis. El mesmo, Granados Chapa e outros colaboradores do volume prestan atención especial á persecución destas producións por parte dun poder ansioso non só por impedir o acceso aos circuítos públicos das imaxes senón mesmo pola súa anulación material. O coordinador comenta nas páxinas iniciais do que presenta como unha especie de autobiografía do proxecto que a publicación intenta aclarar tres cuestións: en que medida resulta sostíbel a produción independente e autoxestionada nun país como México, cal é o modus operandi no día a día do grupo de documentalistas e cal é a incidencia efectiva do acoso e da censura sobre o que eles pretenden construír. Destaco unhas palabras de Cuauhtémoc Esquivel sobre o que representa este proxecto:

El Canal 6 de Julio se ha convertido en un doble emblema que, por una parte, recuerda un suceso político repetido durante múltiples ocasiones en nuestro país: el fraude electoral (sea pasado o reciente) y, por otra, señala el fraude en lo político, el fraude en lo social, el fraude en lo económico, el fraude en lo mediático, el fraude en lo moral, destacado por una digna visión que posee uno de los archivos, o quizá el archivo de imágenes más importante de la historia política del país, y que pésele a quien le pese, merece una felicitación tras sus veinte años de largo trabajo y esfuerzo.

O libro será presentado, xunto cunha das producións do Canal 6 de Julio, dentro de pouco máis dun mes en Compostela por Mario Viveros.

[Capa do volume que conmemora os vinte anos de traxectoria do Canal 6 de Julio]

Da Casa del Lago a Translittera

10 de Xaneiro de 2009

Sempre interesante a programación da Casa del Lago en México D.F. Chamo a atención hoxe sobre a sección Poesía en voz alta. Aí, a través do podcast, pode escoitarse a voz do poeta nuyorican Willie Perdomo e moitas outras mostras de polipoesía, accións poéticas e outras variantes do que adoito se adscribe no rótulo poesía en performance ou performance poetry, que por alá move sen tregua os marcos todos entre slam poetry, spoken word e outras variantes, moi a miúdo competitivas nalgún sentido. Si, como as vellas regueifas, as desgarradas minhotas e outros desafíos. Palabra e son apenas na PVA da Casa del Lago, nalgúns casos tamén vídeos. Desigual, atractivo.

Pediría hoxe ás fadas do Consello da Cultura que recuperasen e puxesen en liña para todos gozar delas as gravacións que alí conservan do Translittera que coordinara Rafa Xaneiro hai tres anos. O proxecto era dixitalizar as trece horas de gravacións, feitas en cinco fundacións galegas, e sacar logo un DVD. Merece un pulo definitivo a idea. Fora tamén atractiva, desigual.
[Logo do Nuyorican Poets Cafe en Nova York e cartel anunciador do Translittera (2005)]

O blogomillo con Brossa

22 de Decembro de 2008

O vindeiro 30 de decembro cúmprense dez anos da morte de Joan Brossa (1919-1998).
Con ese motivo, L’abloccedari Brossa propón que na mañá dese martes día 30 os blogueiros/as de calquera parte do mundo poñan no blog de seu unha anotación en homenaxe ao poeta e artista catalán: visualidades, poemas, reflexións, imaxes, tactos, vías, travesas, críticas, comentarios, textículos ou varios…

O blogomillo non vai faltar á cita. Outros dous bos lugares para a inspiración: este e estoutro.

[Fotografía de Joan Brossa (1948), por Lluis Riera]

De Steiner a nós

15 de Setembro de 2008

Orixinalmente publicado como anotación n’O levantador de minas (31 de agosto de 2008).

Posteriormente recollido por Brétemas (1 de setembro), polo xornal Galicia Hoxe (6 de setembro) e por Tempos Dixital (8 de setembro).

Non desexo polemizar sobre un asunto que me parece menor ao pé de tantos outros de dimensións máis serias, pero non me resisto a presentar aquí algunhas observacións que talvez fosen xa mencionadas por outras persoas en relación co que comezou sendo “caso Steiner”, derivou axiña a “caso Cruz” e eu estaría interesado en reorientar como “caso nós”. Dado que o espazo é breve, permítome enumerar unhas notas nas que concreto o meu criterio:

1. Non parece apropiado, xusto nin intelixente cualificar a George Steiner de ignorante. Tampouco o é dirixir a artillaría toda contra Juan Cruz polas liñas e as omisións da entrevista nas que hai referencia á lingua e á literatura galegas. Outra cousa é cuestionar a intervención dun e outro en cousas que aos axentes da cultura galega nos afectan de xeito directo ou indirecto.

2. Comezo observando que son excepcionais os casos de comparatistas que entenden a fondo e de verdade de máis de catro ou cinco literaturas. Fóra deses límites, bastante estreitos se temos unha idea non xerarquizada das culturas, o que os comparatistas citan provén adoito dun coñecemento parcial e non directo de textos e contextos, mediado en realidade polo dito por historiadores, críticos, antólogos e polo aprendido en enciclopedias ou a través de traducións (no de mediación emprego a propia terminoloxía de Steiner). Os comparatistas tradicionais, que son case todos incluído o autor de Language and Silence, dialogan en realidade cun canon pre-postulado como universal, trufado se acaso con casuais apuntamentos e contrapuntos menores tomados dalgunha literatura igualmente menor.

3. A literatura galega carece dun espazo propio e definido na cartografía dos comparatistas de prestixio e nas dos máis reputados historiadores das literaturas europeas ou da literatura europea como entidade, sexa isto o que for. En realidade, existe unha dobre alfándega —a portuguesa e a española— que é moi difícil salvar e que se concreta en primeiro lugar na desaparición ou inconcreción das raíces literarias medievais na construción dunha identidade propia (propia para os galegos e propia tamén para os portugueses e para os españois). Pode resultar sorprendente que a romanística non alcanzase a vencer eses atrancos, porén esa é a realidade que temos. Os alumnos portugueses de Bacharelato, p.e., poden chegar a ignoralo todo sobre o que significa Galiza en relación coa súa propia literatura nacional ou a súa nación. Hai poderosísimas razóns simbólicas, históricas e políticas de fondo, claro. Igual que na construción da idea de España. Igual que na da cultura occidental. Construír identidades, postular realidades históricas… ten moito de invención narrativa e de acordo máis ou menos imposto nunha determinada comunidade. Outras veces, ten tamén moito de xustificación e de lexitimación histórica, en particular se manexamos a vara de medir colonial e poscolonial.
4. O problema de fondo do caso Steiner tal como se veu desenvolvendo na prensa e nos blogs galegos semella ser dobre: a nosa representación exterior e a afectación diso sobre a nosa lexitimidade cultural/nacional. Iso é o que verdadeiramente debería interesarnos, alén de leas nas que os asuntos persoais ou corporativos —en sentido positivo ou negativo— desfiguren o debate. Un debate que, por certo, entendo oportuno e que, segundo observan Brétemas, o Levantador de Minas e outros bloggers, podería actuar como catalizador para unha auténtica discusión sobre a planificación da proxección exterior da cultura galega. Aquel dobre problema complícase nos dous discursos combinados na entrevista de Juan Cruz a George Steiner. Parece doer (a algúns) que aquel a quen tacitamente se concede algo semellante ao título de “maior humanista vivo” (MHV) ignore ou minimice a existencia da literatura galega e trivialice ou mesmo criminalice (a través da pouco fina alusión ao concepto de balcanización e da apelación latente á suposta violencia de certas gramáticas) algunhas linguas, algunhas actitudes, algúns dereitos, algunhas leis. Acaso axudase a entendelo, esa reflexión sobre a violencia e as linguas, a lectura das páxinas sobre o alemán de Heidegger e de Celan. Celan, o talismán da súa vida, ten dito Steiner. En segundo plano, parece doer asemade que aquel que algúns presentan como “amigo de Galiza” (p.e. o editorial de Xornal.com) non chegase a mediar nalgún sentido para que a agresividade verbal, moral e política de Steiner ou ben non chegase así a nós (ao público, e iso non é censura) ou ben recibise algunha clase de contraargumentación ou matización minimamente eficaces no contexto da entrevista (previsíbeis se o desprezo se dirixise á cultura española, ou, noutra escala, p.e., á canaria). Un terceiro plano de dor ou de molestia derivaría da comparación: Cataluña e o catalán, si; nós, a nosa lingua e a nosa literatura, non.
5. Vaiamos coa primeira dor ou afrenta. Como se ten observado por parte doutras voces, é evidente que Steiner posúe informacións escasas e terxiversadas sobre a realidade social e cultural galega. Fala de oídas e comete erros grosos na descrición dos feitos e da realidade. É algo común entre os comparatistas europeos cando falan de Galiza e da súa cultura. Non creo que por ser Steiner, talvez oínte da COPE ou lector de El Mundo, debamos prestarlle moito caso máis. E desde logo, discrepo absolutamente de quen propón enviarlle libros ou documentación para “sacalo do erro”. Non logro entender esa asunción aparentemente inxenua de subalternidade nin ese propósito de alcanzar por fin unha mirada xusta, beatífica ou cómplice do MHV. Se xeralizamos esa praxe quedamos sen fondos para a Biblioteca Nacional do Gaiás, pois son moitos os maiores humanistas vivos que xogan na liga de Steiner. Entón: afecta á nosa lexitimidade ou a nosa dignidade nacional a invisibilidade ou a escasa visibilidade coa que somos detectados en certos radares? Radicalmente, non. Temos que contestar como grupo/colectivo/nación esta clase de erros? Entendo que non. É máis, dou por sabido que a maior parte dos que se manifestan publicamente a raíz de episodios coma este, saben que falan no fundamental de portas adentro, para os de dentro, para nós. Steiner disto nin se entera. Cruz, en cambio, si.
6. Segunda dor, segunda afrenta. Con independencia do xuízo persoal que Juan Cruz merecese a cada un de nós antes do episodio —algo excesivamente presente nalgunha columna de opinión e na nota pública do PEN (por que dedicaría a metade da nota a presentarse?)—, nesta película el é un actor secundario. A súa actitude como entrevistador só debería molestar a quen considere que alguén co seu perfil público está para defender ou amparar referencias a terceiros, a terceiros coma nós, por poñer un caso (porque nós somos terceiros nos operativos mediáticos que Cruz xestiona; ou alguén ignora isto?). Malia Cruz, en efecto, formar parte dunha empresa e duns intereses determinados, en absoluto creo que nesta partida iso constitúa un referente fundamental das regras do xogo ou da estratexia de fondo. Orabén, hai outras facetas á marxe do acto e do momento da entrevista, outras prácticas, outros habitus… Hai unha traxectoria. Hai un aceptarse e postularse como interlocutor privilexiado coas provincias. Hai un sentirse cómodo co papel de canonizador do extrarradio. Hai un regusto aduaneiro. Hai unha funcionalidade apaciguadora, redutora e redutiva da pluralidade que hai fóra. Só pasan uns poucos, e de un en un. Cruz, un tipo simpático, seica, un tipo que vén de dicir que se sente ferido polo PEN galego, fala con algúns intelectuais e escritores, preséntaos no centro, delimita mesmo antecámaras nas que pode ir situando suplentes como Bieito Iglesias, un crack. A Cruz gústalle conversar, gústanlle as historias. Préstalle o ambiente Verines, como a moitos dos nosos autores e axentes. Naqueles mesmos días fala, tamén en El País, de Galiza = Praia de Santa Cristina e escolle informantes: Rivas, Reixa, un restaurador… Ve o que ve. Procura o sabor local, folcloriza, cata lagostinos… O método non variou tanto no que vai de Pardo Bazán (De mi tierra) para aquí. Hai quen contemporiza con isto. Hai quen asente. Para o que fai e quere facer Juan Cruz non precisa máis. Ás empresas ás que se debe tamén lles é abondo porque conflúen con Cruz na lei básica da partida: o centro é rico, plural e irredutíbel, non admite limitación a un par de nomes; os outros centros son homólogos en riqueza e pluralidade; nas marxes rexionalizadas abonda con sinalar unha representación en singular, o seu mundo é menos rico, máis uniforme, é un complemento (isto asúmeo tamén a prensa local e actívao como mecanismo permanente de representación da realidade cultural). Esta é a política, non só en PRISA, claro, non só en España, non só en Galiza. Todo centro exerce ese control porque, se non, non é centro. Todo centro aspira a asimilar e metabolizar o que os seus vixías sinalan como valioso no extrarradio, e se de paso se consegue minorar iso que era alleo e se fai propio pois mel na filloa (v.g.: “100 escritores en español [Manuel Rivas, Carme Riera, Bernardo Atxaga e outros…] eligen los 100 libros que cambiaron su vida”, EPS). Quen descoñece estas regras?
7. Terceira molestia: que eu saiba Steiner ten seis libros traducidos ao catalán, entre eles o último da súa produción. A produción traducida forma parte da produción cultural. Steiner é xuíz e parte neste caso. Que eu saiba Steiner non ten libros traducidos ao galego nin ao éuscaro. Os límites da súa linguaxe ou das súas linguas —as que sabe, as que entende, as que lle menciona o seu axente— son tamén nel os límites do seu mundo. Parece ser que nunca estivo aquí, onda nós. En Barcelona si estivo, non hai moito. E foi ben recibido e moi celebrado. Unha súa conferencia transmitiuse en directo nunha web municipal. Pero, ollo, non creo que agora sexa tempo de pensar en invitalo a que veña. Atención, AELG: nin cantigas nin agarimos, por favor.


8. O caso somos nós. Paga a pena pechar o suplemento dominical e entrar con forza na segunda feira para tomar decisións adiadas durante excesivo tempo por institucións, medios e gobernos: como identificarse e autorrepresentarse?, como proxectarse e dialogar coas representacións que as outras culturas fan de nós?, como xestionar o noso desigual legado cultural e literario (da Idade Media ao século XIX) e a excelente hora presente (séculos XX e XXI)?, como convencer(nos) de que tras o hiato histórico de séculos seguimos sendo nós e somos tamén outros?, que interlocutores elixirmos?, que medios?, como dialogar coa Galiza que non se identifica con esa tradición?, como suxerir a comparatistas como Claudio Guillén que se Rosalía fala mal de Castela e da súa paisaxe non é porque tautoloxicamente renuncie a calquera experiencia do outro senón porque existía a sega e existía a historia?, como marcarse un rumbo serio e firme e non entreterse con Steiner nin con Cruz nin co sexo políglota dos anxos?