climaArchive for the ‘’ Category

O barco de Skye

26 de Xullo de 2009

 

travel20-20motoring20in20isle20of20skye2

Teño interese en ver se funciona correctamente en aberto o acceso a ligazóns de Spotify (reservo aínda algunhas invitacións sen usar: xa saben…, e xa contarán de paso se se escoita Over the Sea to Skye na frauta do irlandés James Galway, que creo que non é outra cousa que unha versión de The Skye Boat Song). Isto de arriba é en efecto a illa de Skye, Quiraing e o Needle baixo as nubes. Desde hai quince anos pode cruzarse en coche porque construíron unha ponte sobre Bass Rock, de modo que xa non fai falta ir en barco. Nunca vin chover como chovía naquel lugar a tarde na que cheguei vindo de Plockton, onde me ocorrera algo no que aínda hoxe non logro acreditar. Lembro, sobre todo entre Ashaig e Luib, aqueles ríos verticais baixando das montañas. Falei deles por extenso hai pouco cunha amiga de anos idos, Isabel. Lembrei tamén unha pelexa súbita e brutal nun pub de Portree. Veume á memoria falando e levei a man á cara. Observei aquela noite naquel pub que neses casos o normal nas Hébridas era permanecer impasíbel na barra, como se nada acontecese, e así o fixen mentres varios tipos non fracos comezaron a intercambiar afectos. Algún cristal fíxome sangue debaixo dun ollo, seguro que por iso levei a man á cara ao lembralo coa miña amiga. O menos escuálido daqueles hébridos caeu contra min nun momento dado. A cadeira e a perna doéronme durante vinte días. Por fortuna, todo se resolveu axiña, en menos de dous minutos. Logo seguimos bebendo bastantemente. Todos agás un deles que marchara falando nunha lingua que pareceu estranxeira, estranxeira a todos os efectos. Mentres iso ocorría e un tipo de longas barbas apañaba os copos rotos do chan, consideraba eu o prodixio da mente humana: o pouco que tarda un individuo (eu, poñamos por caso) en se decidir pola mirada ovina ou pola simulación case perfecta da ascética dun quelonio disecado. Case non atopo lugar para dormir aquela noite en Portree, pero nin sequera entón ollei para outro lugar que non fose o norte.

 

[Quiraing, paraxe de An t-Eilean Sgitheanach, ou Skye, das Hébridas ditas interiores]

 

Como comunicar?

22 de Xullo de 2009

 

dsc00208

 

A propósito de certas formas de intervención na esfera pública, un meu compañeiro seguidor das prosas que aquí se acumulan comentaba este día comigo que o problema é sempre localizar unha linguaxe e unha zona común de argumentación que habiliten non xa un consenso de análise senón, antes ca iso, o feito mesmo de fundar a posibilidade de comunicármonos con algunha posibilidade de éxito non limitada ao cenáculo inmediato da xente próxima nas esferas ideolóxica ou afectiva.

É posíbel que moito do que se di aquí e acolá respecto dos problemas importantes e dos non tan importantes quede reducido, en efecto, a desafogo emocional ou intelectual, inatendido en definitiva polas maiorías e tamén polas minorías ás que pensamos que de entrada nos diriximos. Voltamos así ao complexo asunto da eficacia da acción política e do debate no espazo público. Voltamos mesmo ao asunto da incidencia social e política da blogosfera.

Para min, e aquí coincido coa análise do colega e amigo, esa é a cerna de todo o que hai por diante. Será que un exceso de elitismo, unha sobredose de brillantez, un esteticismo político… creban calquera posibilidade de conexión con quen decide? Será que no que Debord comezou a definir hai moito tempo como sociedade do espectáculo importa máis un zapato que voa que cen argumentos ben articulados pero raseados? Sen dúbida, hai moito disto. Os populismos de dereita e de esquerda atoparon resposta e lograron canalizar vontades. Hai que reflexionar sobre o modo no que as mensaxes se constrúen e chegan onde está previsto que cheguen, onde se quere que cheguen. Obviamente, hai un aspecto crucial neste asunto: vén dado pola simple idea de rede. Aí está a potencialidade inmensa que aínda non soubemos calibrar. Pero cada día mudan as coordenadas.

E mudan a favor. O simple feito da desafección do público novo polo que significan os medios de comunicación tradicionais, en particular a TV, é de extraordinaria relevancia. Arume dos Piñeiros falaba hai pouco das súas reflexións mentres contemplaba o tratamento dado nun telexornal a unha violación en grupo, falaba diso e por suposto de moito máis: a distancia que se abre entre información e telespectadores por causa da manipulación indisimulada e dun exceso de cesións socioculturais en mente de todos. Así é: unha experiencia común. Cada día máis.

Eu mesmo teño dito aquí que a forza de moitos xornais galegos de implantación digamos non estritamente local (non falemos xa dos xornais de vocación só local) é debida a que prestan algúns servizos demandados por sectores poboacionais decisivos e que ninguén máis ca eles presta. Ás veces —na ducha, conducindo…—, ocórreseme matinar que na perspectiva de poñer límite á hexemonía de La Voz de Galicia, Faro de Vigo e outras cabeceiras poderosas do país, talvez exista unha posibilidade máis eficaz que a de crear medios alternativos. Imaxinen un gratuíto de distribución diaria, con forte implantación urbana, vilega e rural,  limitado só ás esquelas. Imaxinen que iso se puidese lograr. Imaxinen a incidencia no mercado dos medios tradicionais que adoutrinan e gobernan. Imaxino, imaxinen, un gratuíto só de esquelas. Nesta imaxinación está tamén o retrato do país, ou polo menos de cómo un le o país.

 

[A foto remitiuma en 2002 un dos meus curmáns montevideanos, Julio Rey. Fíxoa nalgún lugar de México, onde traballou varios anos. Ignóroo todo sobre que sexa ese organismo que promove a campaña de aforro de auga no plano doméstico, ese/a CAPAT]

Cortadoría

6 de Xullo de 2009

 

corta

Hai algo de patafísico, creo que non aínda plenamente de oulípico, na concepción da política por parte da nova administración galega. Algo que se asemella ás holorrimas: construcións seriais que soan igual ou case igual pero que din cousas diferentes, bastante diferentes!, totalmente diferentes!! Holorrimaren caetanamente: silabeo e fraseo detrás de todo, sport, moi sport e ponible, como xa en Alphonse Allais. A vella arte cisoria medieval. Cortar sílabas, entrecortar dediños ou mans á talibana, tallar ou reducir cabezas á moda xíbara pero cun punto de anestesia, aos poucos e sempre cun sorriso no morro. Hoxe caes ti, mañá esoutro nacho, a semana que vén tal programa, así até a capitulación final deles, desmembrados, escorrentados. E é que non hai cartos porque os bífidos activos espirriados liquidaron os orzamentos en tres meses. Repitan comigo: “li-ber-da-de”. E todo ecoa nos corredores do poder caetano: “bi-ver-da-de”. A biverdade! A biverdade bilingüe e bimembre. Ostitú! Eis a aletheia da hora nosa, mon dieu!! Como xa no cristal de Campoamor? Equilicuá, pero máis alá, máis alá, coleguiña!

Ilenia Ducombe, agora traballando en Wuppertal, no sushi-bar do Institut für Klima, remite dúas holorrimas de seu, non moi doadas de traducir ao galego, tamén é verdade. A primeira en tres movementos (explora-torio, minxi-torio, limina-torio). A segunda en só dous movementos (inspira-torio, expira-torio). Mentres a primeira composición foi lida pola hermenéutica sushi como impromptu relativo ao feito biográfico de Ilenia ser belga de orixe (e padecer en consecuencia continuas deslocalizacións laborais e identitarias), a segunda apuntaría con claridade a unha retrospectiva ludo-vitalista do turismo sexual feminino na idade madura tirando a senil, feita aquela baixo prisma decúbito supino (agosto e mar Caribe na memoire), o que xustificaría tanto a metaforización da aparataxe muscular que sobrevén ao suxeito lírico (a caniza invocada) como o punto climático terminal (interxectivo pero pos-tónico, sen perda da compostura antes mencionada). Reprodúcense xa:

  

I

 

Adú Ana?

Adúa na

aduana.

 

II

 

A idade mecaniza a doca?

Ai, dádeme caniza ad hoc [aaah!]