colonizaciónsArchive for the ‘’ Category

Feijóo no CCG, ou eloxio da alienación

18 de Xullo de 2009

goberno-galego

 

O discurso do Presidente Alberto Núñez Feijóo no acto solemne que conmemorou en Raxoi os 25 anos do Consello da Cultura Galega foi obxecto de controversia en varios lugares e moi probabelmente será lembrado no futuro como un dos momentos máis irresponsábeis do seu mandato, que desexo breve, bastante breve.

Anotarei algo: non sei como tratar un asunto desta entidade. Un asunto que percibo como de extraordinaria importancia política e que porén chega á cidadanía a través dos medios como unha especie de minucia protocolaria e festiva á que non hai que prestar maior atención. E malia todo, este discurso de Feijóo podería estudarse en calquera escola de retórica como paradigmático en varios planos: discursivos, performativos e ideolóxicos. En particular en tres dimensións. A primeira é a  narrativa: cómo chegamos a ser o que somos e non outra cousa distinta. A segunda é a patética, referida á lectura emocional da nosa condición periférica en Europa. A terceira e última e a argumentativa, e aquí é onde o pensador que lle escribe o conto a Feijóo fala do provincianismo dos procesos de construción nacional (pero non de todos, claro: só dos diferentes ao lexitimado pola existencia do Estado, pois o discurso naturaliza a postulación nacional de España, fóra de  cuestión e nunca provinciana) fronte ao divino cosmopolitismo. A peza oratoria leva a quen a ature á peculiar conclusión de que os máis cosmopolitas son os grandes escritores que abrazaron para expresarse unha lingua  diferente da súa orixinal ou materna. Así, Joyce, Kafka, Beckett, Kundera (sic). O anterior non é tan exacto como poda parecer, pero ese non é o asunto hoxe. De todos modos haberá que voltar a todo isto porque considero que aí reside a mandorla conceptual do discurso de Feijóo no CCG.

Pero hai máis. Hai, por exemplo, unha inelegante, maleducada incluso, deslealdade institucional, pois todos sabemos que non se vai a unha celebración á que se nos invita co único obxectivo de augar a festa aos anfitrións. E hai de porparte unha tamén inelegante deslealdade persoal co presidente do Consello da Cultura, polo uso perverso e intelectualmente obsceno de dúas citas descontextualizadas que, resulta obvio, Ramón Villares nunca poñería ao servizo da causa argumentativo-ideolóxica defendida por quen sabía que despois del ninguén podería retrucar. E o caso é que esas dúas citas son as efectivas e reais chaves vertebradoras do discurso todo de Núñez Feijóo ese día. Ese día que foi á casa daquel seu amigo, quen alén dese dubidoso privilexio é a terceira autoridade do país segundo os protocolos oficiais sancionados pola Xunta de Galicia.

Algo máis? Abofé que si. Porque non falei aínda desa pílula de diámetro superior ao da gorxa de calquera ser humano. Voltarei a ela con detalle. Menciono só que se trata dese canto a alienación cultural na que se abandeirou no Consello da Cultura  ese señor que nos preside. Apréciase agora a grave e onerosa realidade que nos caeu enriba pola incompetencia táctica de Touriño e de Quintana e pola intromisión tamén táctica do poder financeiro-estratéxico-mediático vinculado co triángulo escaleno Iñás-Piazza di Spagna-Sabón.

Así, pois, o texto de Feijóo pasará ás máis extravagantes antoloxías sobre o revisionismo histórico, sobre a colonización e a alienación culturais, sobre os conceptos de  resistencia cultural, hibridación, aculturación…, pois este home que a min antes me parecía intelectualmente limitado ten que ter acceso a algunha esotérica e potente tradición teórica, talvez recadada nos sotos da FAES ou noutro templo do saber. Direino directamente e xa sen ironías: constitúe un inaturábel insulto á intelixencia que un licenciado universitario manexe algúns conceptos de cultura xeral como o fixo Alberto Núñez Feijóo nese lugar que o texto estatutario de noso destaca nos termos que o fai.

Cando cunha mistura de desleixo e estupefacción accedín hai unha semana aos breves apuntamentos sobre o acto recollidos en prensa —na inane, na pérfida, na lexíbel e na outra—, acudín case de inmediato ás webs institucionais da Xunta en procura do texto. Porque un pensa, fíxense vostedes, que os textos pronunciados en ocasións solemnes da índole da que aquí se comenta deberían ser de acceso público. Por simple respecto aos cidadáns e cidadás, ou aos contribuíntes, palabra esta que cada vez máis penso que hai que recuperar para a esquerda cando se fala destas cousas. E é que non todo o mundo recibe un convite insstitucional para acudir a eses actos; non todo o mundo ten acomodo na pequena e incómoda sala magna do Consello da Cultura Galega, atafegante a partir de maio e insufríbel en termos acústicos polo inconsútil fío musical que chega desde a escaleira de Xelmírez dos pulmóns dun gaiteiro (incombustíbel e artísticamente menor) ao que habería que pagar de inmediato, entre todos, o plus que lle falte para alcanzar unha pensión digna que goce rodeado dos seus.

Falando xa moi en serio, sinalo isto: os discursos dun Presidente do Goberno en ocasións da entidade institucional que aquí se comenta son os que marcan políticas, son os definitorios dun rumbo, son os que estabelecen e aclaran unha cartografía e anuncian unha forma de intervención. Este de Feijóo o día 9 de xullo de 2009 de maneira absolutamente incontestábel.

Por iso mesmo, celebrei que o Consello da Cultura decidise pendurar onte o vídeo do acto, que incorpora tamén o discurso do Presidente Feijóo entre os minutos 43 e 57. E celebrei hoxe á maña, así mesmo, que a partir dese vídeo a dirección de Galicia Hoxe decidise que os seus redactores o transcribisen (“O Presidente no CCG“) para llelo ofrecer aos lectores, o certo é que con poucas grallas ou modificacións en relación co que en efecto pronunciou Feijóo (ningunha delas substancial e case todas por simple conmiseración lingüística, se ben hai unha de signo inverso, moi ao comezo da transcrición, porque o poscolonial Feijóo non fala do Obradoiro como “meeting point” senón como “melting pot“). Antes de pasar a unha parte máis analítica do que quero contar, suxiro que lean o texto á vez que teñen á vista as imaxes. Observen as actitudes do orador, fíxense ben nos seus acenos, bastante comedidos pero con algún momento de excepción, atendan tamén á resposta do público, ao meu xuízo inapropiada se temos en conta o que alí se dixo. Claro que ese público era, como diría o Presidente Feijóo, plural; por moito que a min me pareza máis ben singular, tan singular que non creo que en ningún outro lugar do mundo reaccionase así á afrenta recibida: 14 segundos de aplausos para un torpedo dirixido á liña de flotación do buque (un segundo máis que os aplausos que seguiron á intervención de Ramón Villares).

Cansa tanto relatar isto que hoxe xa non o aturo máis. Deixo para un post doutra hora a análise do texto presidencial. Pero por se alguén se animar a estudalo déixoo aquí en pdf, con só unha mínima edición de páxina e sen modificacións sobre o publicado en GH.

Un complemento: o outro día dixen que cómpre saber quen lle escribe estas cousas disparatadas e imprudentes a Núñez Feijóo. Algo avanzamos a día de hoxe. Ese ideólogo/a non é filólogo/a. Con certeza. Diría máis: non sabe gramática. Así que podería ser ese señor que aparece na foto estreitando a man do Presidente tras a toma de posesión do Goberno. Tería lóxica, lóxica orgánica, quero dicir: porque estas materias son da súa incumbencia, da de Varela, visto o asunto desde unha perspectiva conservadora. Ou é que o conselleiro de Cultura alén de saber linguas sabe gramática?

O da gramática dise porque no discurso de Feijóo hai un momento no que se menciona que “nós” (o Nós de Risco e os demais membros da súa xeración e o nós de “nós mandamos”) é un posesivo. E… vaia, como que non. Os posesivos son eles, os señores e señoras da foto da axencia EFE que abre esta anotación. Nós somos sinxelamente persoais, como o pronome nós, e tamén un pouco ambiciosos e testáns. Apropiámonos da lingua e apropiarémonos do futuro. Ñam!

[Continuará nesta pantalla en forma lacónico-aforística. Moi en breve]

Europa: identidade e diferenza

8 de Xuño de 2009

 

repensarmosEntre os vindeiros 8 e 10 de xullo terá lugar na Faculdade de Filosofía compostelá, no marco da Universidade de Verán 2009 da USC , o curso Repensarmos Europa á luz da diferenza. Procesos emerxentes e enclaves culturais, dirixido por Raquel Bello e María do Cebreiro Rábade. A páxina institucional da Universidade de Santiago de Compostela informa sobre o programa do curso e sobre a normativa en materia de bolsas e matrícula (o prazo remata o venres 26 de xuño). Tomo as notas que seguen do blogue do Grupo Alea de Análise Poética (GAAP).

Os obxectivos do curso cífranse en tres: facer visíbeis as implicacións sociais dos fenómenos vinculados ás coordenadas da emerxencia cultural e dos movementos migratorios no contexto europeo, impulsar a análise das manifestacións culturais procedentes de marcos aos que tradicionalmente se adxudica unha representatividade e/ou unha lexitimidade insuficientes e abrir horizontes na investigación interdisciplinar dos fenómenos e procesos emerxentes, incorporando puntos de vista antropolóxicos, de xénero, xeoculturais, sociolóxicos, políticos, económicos, tecnolóxicos, mediáticos, xurídicos ou estéticos.

O curso Repensarmos Europa á luz da diferenza pretende ser non só unha actividade de divulgación, senón tamén un encontro entre especialistas na análise da cultura nos seus diferentes aspectos. En que medida os movementos migratorios están a afectar a redefinición das identidades europeas? Cales son os vínculos, pasados e presentes, entre as culturas europeas e as culturas africanas e latino-americanas? Podemos aínda falar dunha cultura europea? Responden os discursos contemporáneos sobre Europa a unha realidade ou a unha aspiración?

Estas son algunhas das preguntas que servirán como eixe para o desenvolvemento deste curso. A redefinición de conceptos teóricos como os de enclave, fronteira, interculturalidade, identidade ou diferenza será tomada como ferramenta para a análise destes procesos e para explicar en que medida afectan á vida das persoas, así como para estimular a discusión conxunta dalgúns dos debates mais presentes no mundo contemporáneo.

Participarán como relatores Itamar Even-Zohar, Elias Torres Feijó, Nacira Guénif-Souilamas, Xaime Barreiro Gil, José M. Díaz Lage, Carlos Valcárcel, Samuel Rego, Humberto Martins, António Medeiros, Pilar Cagiao e Graziela Moraes da Silva. Alén destes relatorios desenvolverase unha mesa redonda de escritores moderada por María do Cebreiro Rábade, con participación de Limam Boicha, Joaquim Arenas, Chus Pato e Manuel Outeiriño. Varios membros do CIEPE (Raquel Bello, Manuela Palacios e Arturo Casas) presentarán o curso e introducirán algúns dos relatores, como tamén o farán Ánxelo González, do IGADI, e Antón Corbahco Quintela, da Universidade Federal de Goiás. O xoves 9 pola tarde proxectarase o filme de Pedro Costa Juventude en marcha (2006), presentado polo propio director.

A inauguración será o mércores 8 de xullo ás 10 h. a cargo da Vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo. Colaboraron coa organización e o financiamento do curso de verán a propia Vicerreitoría de Cultura, o CIEPE, o Grupo de Investigaçom GALABRA da USC, a área de Teoría da literatura e Literatura comparada da USC, o Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Alliance Française e o Instituto Camões.

 

Estremas, culturas

6 de Maio de 2009

No programa intensivo Urbes Europaeae que se mencionou aquí o pasado 1 de maio participa o catedrático de Literatura Comparada da Universidade de Tartu (Estonia) Jüri Talvet. Talvet é un vello amigo de Galiza e tamén un amigo persoal deste blogueiro. Con el tiven ocasión de promover de par doutros soños, non sempre concretados, unha antoloxía trilingüe da poesía contemporánea do seu país no orixinal estonio e tamén en linguas galega e inglesa. Tituláramola Vello ceo nórdico (2002) e incorporaba poemas de Hando Runnel, Andres Ehin, Jaan Kaplinski, Paul-Erik Rummo, Juhan Viiding, Ene Mihkelson, Mari Vallisoo, Hasso Krull, Triin Soomets e o propio Jüri Talvet, con fermosas ilustracións de Vive Tolli. Lembro con particular saudade os días nos que nos xuntamos Manuela Palacios, Manuel Barbeito, Jüri e eu mesmo nunha das salas do Círculo Semiótico de Vite, que outros chaman Camerata Cúbica e aínda con fruición Faculdade de Filoloxía.

Un ano antes, en 2001, fíxenlle unha entrevista para o Boletín Galego de Literatura, que por certo tivo continuidade en sentido inverso na revista Akadeemia só un ano despois (“Galicia ja galeegid”), complementada con traducións ao estonio de textos literarios de Méndez Ferrín, Xosé María Álvarez Cáccamo, Emma Couceiro e Chus Pato debidas ao propio Jüri Talvet. Recupero agora un par das preguntas formuladas hai oito anos no BGL coas correspondentes respostas de Talvet:

A.C.: Desde unha perspectiva cultural vostede mesmo ten escrito que a especi­ficidade do seu país non se entende se non é como manifestación do que poderia­mos denominar a súa condición fronteiriza. A produción literaria estonia dialogou historicamente sobre todo coas culturas xermáni­ca, escandi­nava e rusa. Xa nun nivel menor destacan os referentes letón e lituano. A influen­cia do pensamento filosófico e literario alemán foi forte desde o século XVIII. En que medida mudou a situa­ción nos últimos tem­pos?

J.T.: En efecto, a nosa cultura absorbeu influencias de todos e cada un dos países e nacións que nos dominaron historicamente, ademais da proveniente dos finlandeses, os nosos tradicionais e fraternos veciños, falando en termos étnicos. Como cultura e nación, desenvolvímonos no ambiente báltico-alemán (pois, mesmo baixo o réxime zarista, os que na práctica mandaban sobre o pobo campesiño autóctono eran os poderosos terratenentes báltico-alemáns). Despois houbo unha grande apertura intelectual durante a I República, pero eses vinte anos escasos foron curtos de máis como para establecermos contactos coas culturas europeas máis afastadas de nós. É o caso das pirenaicas: observe que as primeiras traduccións directas de obras españolas non se realizaron antes de mediados dos anos 30. A Primeira Parte do Quixote traduciuse integramente só en 1939-1940. Supoño que o pobo estonio da I República non estaba “preparado” para a recepción do discurso filosófico occidental, malia a existencia dalgunas tentativas tamén nese sentido. Durante o case medio século da época soviética o campo filosófico foi o máis censurado e vixiado de todos. Prohibíronse as traduccións da filosofía occidental moderna. Cando en 1972 apareceu en estonio Le Mythe de Sisyphe, de Albert Camus, vivímolo como un milagre excepcional. Tivo unha gran repercusión na nosa intelectualidade e foi lido por todos os sectores despertos da sociedade. Nesta liña, o alto número de traducións de obras filosóficas occidentais na Estonia novamente independente marcou –aplicando a terminoloxía lotmaniana– unha explosión e un salto auténticos. Sen dúbida. Quero subliñar, sen embargo, que tal salto fora preparado paulatinamente pola actividade intelectual mantida, non sempre de xeito visíbel nin público, nos corenta anos de dominación soviética.
A.C.: O peso da tradición oral estonia foi moi importante na etapa román­tica, con peculiaridades que aos galegos nos resultarían familiares en relación co noso Rexurdi­mento. Como marcou esa nota de oralidade a producción literaria posterior e con que clase de matices en función dos xéneros, a procedencia social dos autores, as particulari­dades rexio­nais ou outros parámetros?
J.T.: A partir da segunda metade do século XIX fíxose en Estonia un traballo enorme (e abondo meticuloso) de recompilación, reprodución e arquivo da riquísima tradición da creación oral do pobo. Contamos con grandes coleccións e edicións da poesía tradicional, que reflicten unha gama amplísima de matices no tratamento dos temas e motivos comúns segundo as diferentes rexións de procedencia dentro do país. Do mesmo xeito, coleccionáronse, para sistematizalos posteriormente con metodoloxía científica, numerosos contos, lendas e refráns tradicionais. Todo este tesouro consérvase na actualidade en manuscritos custodiados polo Museo da Literatura Estonia, radicado en Tartu. A máxima expresión da continuidade desta tradición folclórica son os festivais de canto. As súas orixes están na cultura alemana do século XIX, cando se celebrou a primeira Festa da Canción en Estonia (1869). Non embargantes, mentres que en Alemaña tal tradición está extinguida desde hai ben tempo, en Estonia as Festas da Canción celebráronse case sen interrupción durante máis dun século. Estes eventos culminan na Festa Xeral da Canción, convocada unha vez cada catro anos: na altura correspondente congréganse en Tallinn, a capital do país, cantantes vellos e mozos de todas as rexións de Estonia, vestindo para a ocasión traxes tradicionais que locen mentres cantan xuntos nunha enorme praza, baixo un teito acústico especialmente adaptado. Para nós é unha auténtica festa nacional, que adoita presentarse como un espectáculo cheo de colorido, que emociona aos nacionais e causa admiración nos turistas e visitantes estranxeiros.

Malia todo, a influencia desta tradición oral na literatura culta case que desapareceu xa a partir de comezos do século XX. Friedrich Reinhold Kreutzwald, o autor da nosa epopea nacional (Kalevipoeg, de 1861), aínda usaba esa métrica tradicional, común para os pobos finougrios. Entendo que a traducción estonia (1939) da Kalevala finlandesa figura entre as mellores versións estranxeiras da magna obra de Elias Lönnrot, xa que o traductor, o sabio August Annist, apoiándose na semellanza das dúas linguas e tradicións, seguiu a métrica orixinal e soubo transmitir toda a riqueza léxica e fónica da epopea. Na poesía estonia de rexistro culto, emporiso, dominou cedo o sistema silábico-acentual, que é o propio da poesía alemana, entre outras. Isto aconteceu, en especial, logo da renovación de Martin Opitz, a principios do século XVII. Os primeiros poemas cultos en estonio foron escritos por pastores luteranos báltico-alemáns, que aprenderan a lingua autóctona, o maakeel –a “lingua do país”–, como adoitaban chamar ao seu propio idioma os estonios ata o “Espertar Nacional” da segunda metade do século XIX. E é que en estonio maa significa asemade “campo”, “país” e “terra”, mentres que keel é “lingua”. Atópanse as entoacións lixeiras propias da poética tradicional na poesía de Juhan Liiv (1864-1913), un dos nosos maiores poetas líricos. Pero en xeral non permaneceu moito desa influencia.[Jüri Talvet na fotografía incorporada no blog do programa UE, onde figura tamén unha ficha biobibliográfica do poeta e profesor de Pärnu. Algúns dos traballos académicos da súa autoría poden lerse en versión castelá na revista Entretextos, dedicada á Escola Semiótica de Tartu-Moscova e dirixida desde Granada por Manuel Cáceres. Recomendarei hoxe a lectura de “Tartu como signo” (2003) ]