coñecemento do medioArchive for the ‘’ Category

O barco de Skye

26 de Xullo de 2009

 

travel20-20motoring20in20isle20of20skye2

Teño interese en ver se funciona correctamente en aberto o acceso a ligazóns de Spotify (reservo aínda algunhas invitacións sen usar: xa saben…, e xa contarán de paso se se escoita Over the Sea to Skye na frauta do irlandés James Galway, que creo que non é outra cousa que unha versión de The Skye Boat Song). Isto de arriba é en efecto a illa de Skye, Quiraing e o Needle baixo as nubes. Desde hai quince anos pode cruzarse en coche porque construíron unha ponte sobre Bass Rock, de modo que xa non fai falta ir en barco. Nunca vin chover como chovía naquel lugar a tarde na que cheguei vindo de Plockton, onde me ocorrera algo no que aínda hoxe non logro acreditar. Lembro, sobre todo entre Ashaig e Luib, aqueles ríos verticais baixando das montañas. Falei deles por extenso hai pouco cunha amiga de anos idos, Isabel. Lembrei tamén unha pelexa súbita e brutal nun pub de Portree. Veume á memoria falando e levei a man á cara. Observei aquela noite naquel pub que neses casos o normal nas Hébridas era permanecer impasíbel na barra, como se nada acontecese, e así o fixen mentres varios tipos non fracos comezaron a intercambiar afectos. Algún cristal fíxome sangue debaixo dun ollo, seguro que por iso levei a man á cara ao lembralo coa miña amiga. O menos escuálido daqueles hébridos caeu contra min nun momento dado. A cadeira e a perna doéronme durante vinte días. Por fortuna, todo se resolveu axiña, en menos de dous minutos. Logo seguimos bebendo bastantemente. Todos agás un deles que marchara falando nunha lingua que pareceu estranxeira, estranxeira a todos os efectos. Mentres iso ocorría e un tipo de longas barbas apañaba os copos rotos do chan, consideraba eu o prodixio da mente humana: o pouco que tarda un individuo (eu, poñamos por caso) en se decidir pola mirada ovina ou pola simulación case perfecta da ascética dun quelonio disecado. Case non atopo lugar para dormir aquela noite en Portree, pero nin sequera entón ollei para outro lugar que non fose o norte.

 

[Quiraing, paraxe de An t-Eilean Sgitheanach, ou Skye, das Hébridas ditas interiores]

 

Coñecemento do medio

15 de Xuño de 2009

familia-zolavazquez1senora-siberiana-cos-9-fillos

Olla atentamente para estas tres fotografías de unidades familiares. Despois, le con atención o cuestionario que a Consellería de Educación acaba de facilitarche para que, con garantías e total reserva persoal e familiar, túa nai e teu pai, ou quen sexa, o cubran e o reintegren logo ao centro escolar, preferibelmente sen sobre nin nada, total para que. Ben, ruliñ@, pois agora, tendo á vista o cuestionario e as fotografías da familia (paralela) Zola, da familia desta señora siberiana da dereita que sorrí ou o que sexa pensando na que lle caeu a ela e ao seu tovarich se aínda se ten en pé (igual está en decúbito detrás deles) e a da familia unipersoal do señor que aparece na terceira imaxe (a do medio), casualmente conselleiro da cousa arestora na Xunta de Galicia, indica cantos votos/cuestionarios calculas que cada un deles podería depositar na consulta-chirifú posta en marcha, esa que os teus fillos, se algún día os tes, estudarán como un dos grandes fitos da trapallada, do cinismo e da infamia locoglobais ou globolocais, que tanto ten.

Marca cun circuliño a túa resposta para cada un dos tres casos. Cantos cuestionarios calculas que entregará, onde sexa, a quen sexa e como sexa, cada unha destas tres unidades familiares?

Caso 1, os Zola: 0 – 1-  2 –  entre 5 e 7 – 9 – mogollón – todos.

Caso 2, os Madialevich: 0 -1 -2 – entre 5 e 7 – 9 – mogollón – todos. 

Caso 3, o Vázquez: 0 -1 -2 – entre 5 e 7 – 9 – mogollón – todos.

Un gran Fito na nosa HC

18 de Maio de 2009

fitopaez

Exacto. Iso foi o que dixo o presidente Barreiro, o da RAG, en relación coa nova etapa que o Temoneiro Feijóo pactou en Láncara con non se sabe quen. O Pacto e Aparición de Láncara! Eis: espéranos, da man do novo goberno do PP, un Fito na Nosa Historia Cultural. Así o dixo Barreiro e así o anuncian as fotos. Da man, digo, porque iremos dela, da súa man provisora e tutelar, sen imposicións. Confiados, ledos e absortos polos camiños da terra mentres no horizonte de Fisterra emerxe ou afunde un grandísimo ovo astral cun 33% inscrito na casca. Non se sabe de que. Pero todos ficamos unxidos, acaso untados, pola idea da pax lingüística, pola idea do pacto que deixa fóra a Gloria e o seu mariachi.

Virá logo por fin Fito Páez ao Xacobeo 2010? Pasou o tempo das rancheiras no Monte do Gozo? Iso ten que ser!!

E se non se trata diso, que tal se empezan a tratarnos a todas e a todos como cidadáns libres, maiores de idade, dotados dunha intelixencia (emocional) como mínimo parangonábel coa súa propia de seu? Que tal se contan algo do que se coceu (ou fritiu, ou pasou na grella) ao longo dos últimos dez días? Que tal se nos asubían os nomes e os cargos que pactaron e de que andrómenas consideran estar seguros nas institucións chamadas a Raxoi? E, en fin, sen ánimo de amolar, que tal se nos permiten, non só aos 63.929 da manifestación de onte, a reserva da dúbida en relación co que Feijóo promete e compromete? Somos parvos… todos?

[O Fito de Láncara]

Aquí nada se perde (2)

18 de Maio de 2009

A anotación que segue subiuse ao vello blog Lándoa o 14.05.2009 ás 00:48 h. Despois dela figuran os dezanove comentarios recibidos.

 acios

Hoxe, xa onte en realidade, fun testemuña dun episodio singular sobre o que non informarei de xeito completo porque non desexo facelo. Pero si direi algo, aínda que só sexa para ilustrar sobre algunhas das condicións nas que se desenvolve a vida política. Estaba cun bo amigo nun restaurante de Compostela e pouco despois de nós sentar, a iso das tres, entrou un conselleiro do goberno Feijóo. Unha muller agardaba por el nunha mesa inmediata á nosa. Non prestei atención particular á conversa deles. Pode crerse que iso non supuxo esforzo ningún, nin para min nin para o meu colega. Interesábanos moito máis falar do noso e intercambiar opinións sobre cuestións gastronómicas (xarda, agulla…) e académicas (muros, sistemas…). O conselleiro fixo algunha chamada telefónica. E recibiu outras. O relevante é que unha desas chamadas foi para falar co que axiña será novo secretario xeral de Política Lingüística, a quen pediu absoluta discreción sobre o nomeamento mentres este non se faga público no consello de hoxe xoves e co que compartiu algunha información digamos que reservada, reservada cando menos até o domingo 17. Naturalmente, saíu o nome desa persoa. E nós ouvímolo. Talvez o conselleiro pensou que nese restaurante non había ninguén máis ca el e a súa acompañante loira. Talvez por iso falaba alto e transmitía a idea de que a caixa dos xoguetes era súa. Talvez non nos viu, malia nós estarmos a carón del. O poder é o que ten. E as orellas é o que teñen.

[Natureza e cultura]

 

Mario disse…
Non o vaia contar, eh? Aver se vamos perder a emoción.

14-05-2009 1:36

 

 Rue Valette disse…
Paradoxo: despois de ‘morto’, este blog fala novamente para dicir que ten algo moi importante(?) que contar pero que non vai contarnos nada! Que retorcido é o mantedor, que neosalomónico, ou sexa, talvez barroco! O que estaría ben saber, sexa quen sexa ese xa elexido persoeiro ou -eira, é se o de natureza vai polas orellas ou vai polos políticos, e idem o de cultura, porque non acabo de telo claro visto o visto. E por último, lémbrolle que é xa ésta cando menos unha súa segunda resurrección, que xa está ben a cousa, non se queixará vostede.

14-05-2009 7:42

 

 arume dos piñeiros disse…
Coñecendo ao mantedor, o nome da persoa xa está dito. A cuestión é atopalo.

14-05-2009 8:41

 

 Rue Valette disse…
Arume, vou darlle unha pista: mire as páxinas de Galicia d’El País. Creo que todo o mundo vai ó mesmo restaurante ou, poidera ser tamén, o mantedor déixase sobornar.

14-05-2009 9:07

 

 r.r. disse…

¡Lede ben entre liñas! Cando descubrades o nome saíde ó mundo e estará xa na prensa. Xúrovos por deus (o que non me costa moito esforzo, confeso) que a verificación de palabra é “nonsabbe”. Adxunto imaxe.

AQUÍ

O poder fai das máis das xentes vulgares elementos divertidos para a contemplación (moito menos divertidos para sufrir as súas ordes)

14-05-2009 9:20

 

 SurOeste disse…
Que sorte, tamén che poñen caixa de xoguetes no despacho. Así calquera se resiste!
E na Feijooneta, tamén haberá xoguetes e minibar?

14-05-2009 9:50

 

 Lándoas disse…

Alto aí, irmáns serapións, que o blogue está pechado e a miña boca tamén.

14-05-2009 9:59

 

 arume dos piñeiros disse…
É vostede un Anxo, amigo Lándoas.

14-05-2009 10:35

 

 apicultor disse…
A.L.

Supoño que xa saiu na prensa, que aínda non lin.

14-05-2009 12:28

 

 hoanking disse…
Señor Lándoa: creo que o Conselleiro en cuestión ten un fino sentido do humor. Primeiro filtra a noticia á prensa, para que a difunda na edición de hoxe, e logo, na comida ad hoc para celebrar a solución do problema, bérralla a vostede desde a mesa do lado para que faga o propio, aínda que castigándoo co temor á indiscreción. Conclusións:
1. é vostede unha boa persoa, diso non cabe dúbida.
2. é vostede, malia todo, unha persoa discreta.
3. o tal Feijoo non pensaba gañar as eleccións, por iso fixo a campaña que fixo.
4. agora que as gañou chega o propósito de enmenda
5. que fiche a Anxo Lorenzo e non a Gloria Lago é un éxito do galeguismo.
6. Que se la enmiende también.

14-05-2009 16:33

 

arume dos piñeiros disse…
O número 5 de hoanting é a versión máis divertida que vin do asunto.

14-05-2009 16:40

 

Comentário eliminado
Esta mensagem foi removida pelo autor.

14-05-2009 19:02

 

 abrov disse…
caro arume dos piñeiros, ou candea, ou agullas, se cando menos serve para o pasares ben algo gañamos, triste mundo

14-05-2009 22:21

 

 outrjoy disse…
Arume: Libertad Digital coincide contigo
http://www.libertaddigital.com/sociedad/feijoo-cede-la-politica-linguistica-a-un-defensor-de-la-imposicion-del-gallego-1276359233/

14-05-2009 23:21

 

 Anónimo disse…
A ver, agora que xapasou o conto, ula a solución? Porque eu saquei a referencia ao Anxos, pero o de Lorenzo non o dou atopado e teño aí esa intriga que me quita o sono…

14-05-2009 23:33

 

 Lándoas disse…

Pois tamén vén sendo singular a historieta dos comentarios, xa o creo. Se eu quixese dar tantas pistas como algúns de vostedes procura… acababa antes dicindo o nome completo, non cren?

Considerei que non debía facelo. Nin dar pistas nin dar o nome de xeito directo. De ser xornalista é probábel que pensase doutro xeito, pero o oficio de blogueiro sitúase nun marco algo diferente, polo menos no sentido no que o experimento eu. E, naturalmente, non saíu de min esa información con destino a ningún medio. De feito, no _País_, Salgado deixa claro que manexou outra clase de referentes. Comento isto polo que de novelesco ten. Non xustifico nin dou reviravoltas. Pero confeso que algo de coña si me fai a colectánea de anotacións que fomos xuntando.

O que me interesaba transmitir non era outra cousa que esta: un individuo indiscreto con certo poder esixe discreción a un terceiro. Ese paradoxo no fondo cotián sobre o que se fundan tantos actos comunicativos na praxe social do tempo noso. O resto de asuntos non me interesou tocalos no post. Tiña e teño unha idea formada de Anxo Lorenzo, claro. Agora non creo que sexa o momento de pronunciarme ao respecto. Engadirei incluso que non sabería pronunciarme sen deixar en claro que son moitas as dúbidas en órbita. Malia todo, o que penso sobre o proceso de problematización partidaria da lexislación en materia lingüística e, en definitiva, sobre os cálculos demoscópicos diso derivados x o expuxen na entrevista que apareceu en _Tempos Novos_ hai agora case un mes. E ademais, carafio, _Lándoa_ está morto. Esta é unha memoria-informe de ultratumba.

Por evitar pesquisas a maiores: non hai referencia ningunha a “Lorenzo” no texto. Arume argallou a lenda urbana da encriptación da miña mensaxe de onte, pero foi cousa súa. Eu non son Cardano e non teño grella ningunha a man. Metín o xogo co nome do novo Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo, tomando o título dunha novela de Rei Ballesteros só para deixar constancia de que non había farol ou invención no que estaba a postar. Gustoume o de Acios, alén diso, non só pola asonancia con ese nome senón tamén por ser aquel o nome do restaurante no que o conselleiro, a dama loira, o meu amigo E. e eu mesmo xantamos o mércores 13 de maio uns a carón dos outros. Unha mensaxe ao conselleiro, esta, por se el pensar que neste blog todo é autoficción? Home, non tanto. Non creo que o conselleiro nos lea, non dá aspecto de lernos, aos blogueiros do blogomillo, digo. Se nos lese… igual non era así. Igual era menos lingoretas, máis humilde. Igual até nos deixaba dar unha volta no triciclo.

15-05-2009 0:25

 

 arume dos piñeiros disse…
Non sei por que Libertad Digital coincide conmigo (cousa que tampouco me quita o sono, dito sexa de paso). Eu simplemente dixen que a apreciación de que o nomeamento de Anxo Lorenzo fose un éxito do galeguismo resultaba divertida. Non por Anxo, a quen coñezo persoalmente e trato case a diario, e cuxo compromiso co galeguismo non ten ao meu ver dúbida algunha, senón por crer que Núñez Feijoo puidese actuar cunha clave galeguista ou atendendo á pulsión galeguista do partido. Se for, xaora, sería sorpresa agradable: pero polo de agora, permítaseme o sorriso.
Dito todo esto, obviamente, co permiso do enterrador deste blog.

15-05-2009 9:12

 

 Anónimo disse…
Cando escribo landoa.blogaliza.com ou landoas.blogaliza.com aparece un páxina en español dun señor ou señora que fala sobre libros. ?????

16-05-2009 13:12

 

 Lándoas disse…

Escuras manobras de mios enemigos malos, don Anónimo.

Menos mal que os de Lándoas UnLtd. & Círculo Semiótico de Vite rexistramos a tempo outros condominios na vastedade azul das esferas.

Paciencia…, que xa imos todos e todas no paquete astral.

16-05-2009 17:38

 

Raptar a realidade

3 de Maio de 2009

 Exactísimo hoxe Suso de Toro na súa columna de El País. Titúlaa “Fuera piel de cordero” e nela describe con precisión os operativos mediáticos do nacionalismo español en relación co Estado ben entendido, que como ocorre sempre nesa esfera arrinca cunha precisa planificación dos usos da linguaxe. Sempre a manipulación comeza por aí, xa se sabe. Primeiro é o dominio da linguaxe e o sometemento previa caricaturización dos enunciadores de mensaxes contrarias ou simplemente diferentes, despois vén o resto, até a claudicación de calquera outredade, até a asimilación de toda diferenza, até a comuñón confesional e única nalgúns principios morais e políticos emanados de quen sabe que cloaca dos poderes de sempre.

 Insistirei en algo postulado noutros momentos neste mesmo lugar: un dos compromisos colectivos básicos que ten por diante todo aquel que se sinta demócrata é axudar a sacar á luz con rigor e sobre todo con eficacia política o secuestro da linguaxe por parte de quen prentende anularnos, algo que comeza por ser sempre un secuestro da razón e un secuestro da realidade.

 O encontro de tres nacionalistas na COPE esoutro día constitúe unha manifestación meridiana de como se monta unha realidade paralela fundamentada na falsificación dos feitos. Entre Pedro J. Ramírez, Federico Jiménez Losantos e un Alberto Núñez Feijóo tacticamente reducido pola corveira COPE a labores de palanganeo radiofónico (e alá el se iso colma o seu ego e a súa folla de servizos) argallaron unha retórica na que unha vez máis se promoveu a confusión entre dominados e dominadores, entre vítimas e vitimarios, entre dereitos e abusos, entre o caos e a lei. Basicamente por referencia á lingua, aínda que non só, porque no mesmo paquete se meteu o asunto do parque móbil e todo o resto de contas do rosario desta xente pía.

 Reitero máis unha vez a cerna do asunto: hai que retar a quen sexa, incluído o actual conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e naturalmente o presidente do goberno, a que nos sinale un só caso na escola galega dos últimos vinte anos no que un neno ou unha nena que no momento de ingresar en Ensino Primario tivese como lingua inicial o castelán modificase por factores sociais, institucionais e ambientais referidos ás estruturas escolares esa opción de uso lingüístico en favor do galego. Déannos un só caso, un só caso que contraste coa realidade esmagadora que dá conta real do proceso inverso, o único que existe, o único documentado: o dos nenos e as nenas que empregando no ámbito familiar e social a lingua galega mudan esa opción tras un par de anos de escolarización (incluso menos tempo en zonas urbanas ou nas vilas). Déannos un só caso de nenos ou nenas que á porta da escola se despidan dos pais en castelán e regresen a casa un curso ou dous despois saudándoos en galego, pedíndolle auga á nai ou ao pai en galego. Un só caso!

 De modo que iso que se recolle na nota da COPE sobre o compromiso de Feijóo para a “reposición de los derechos civiles en los colegios” é un insulto intolerábel á verdade e á intelixencia. O Estado funciona, abofé que funciona cando se trata de impor a idea de que España segue a ser unha. E isto sabémolo requetebén todos, incluídos os tres tartufetes da tertulia matinal do 28 de abril na COPE, os falsificadores da FAES e os seus adlátares, os catedráticos de Dereito Constitucional, os editores dos grandes medios centenarios galegos e o bispo de Compostela, nacionalistas de ben todos eles.

 E un derradeiro apuntamento. Núñez Feijóo é moi libre no plano individual de decidir a quen serve. Nós, as cidadás e cidadáns de Galiza, temos a obriga de lle lembrar sen tregua que alén de chamarse Alberto e ter uns ideais e uns gustos persoais é o presidente do goberno do país e que por dignidade institucional non pode ocuparse das palanganas que lle poñan nas mans en público individuos como Federico Jiménez Losantos.

 [Jiménez Losantos, vocalista]

Toma de terra

23 de Abril de 2009

O novo conselleiro de Cultura e Turismo deixa ver nas entrevistas que van saíndo algunhas notas que haberá que ir considerando. A primeira é que está moi canso. A segunda é que non está excesivamente ao día de case nada do que afecta ao seu departamento. A terceira é que recibiu unha orde moi clara e prioritaria do presidente do goberno. Procedamos con orde.

Está canso Varela Fariña só polo jet lag? Non. Está canso porque Feijóo lle comunicou a súa decisión definitiva apenas vintecatro horas antes de facela oficial e de convocar aos conselleiros para a primeira foto de familia. De modo que o motorista de Monte Pío saíu zumbando polo paralelo 42 adiante en dirección oeste e avisou a Varela Fariña co tempo xusto para pillar un pixama e pouco máis. Esperemos que poida usalo durante a fin de semana. Que durma, que descanse.

Domina o novo conselleiro os temas que pasarán a ser da súa competencia directa? Non, nin moito menos. En xeral contesta con evasivas e di que precisa tempo para ler os informes que lle deixou sobre a mesa Bugallo. Recoñece que dalgúns asuntos non ten a menor idea e destaca en cambio na súa conversa cos xornalistas aqueles outros nos que experimenta maior seguridade, basicamente dous, a xestión cultural e a comunicación institucional. Recoñecerei que iso é algo máis do que se lle presupuña a Varela I, cuxa bagaxe pasaba basicamente pola organización de eventos oligárquico-patrióticos en Madrid e pola redacción de arengas contra a democracia dubitativa dos primeiros 80. Recoñecerei aínda a fotoxenia de Central Park sobre a que poida ter a Cafetería Galaxia. Indubidábel.

Cal me parece a min que sexa a nai de todas as ordes que Varela Fariña recibiu do presidente (e dos que suxiren ao presidente o que hai que facer) e, asemade, a razón pola que foi escollido para o posto? Pois, en función do que vai dicindo este señor, non outra que esta: utilizar os seus coñecementos diplomáticos e de xestión consular internacional para redimensionar a Cidade da Cultura nun sentido basicamente museístico e turístico e promover unha efectiva internacionalización da cultura galega que non se desapegue en exceso desa fórmula (incluída a museización?, incluída). Aparquemos polo de agora a primeira función mencionada e concentrémonos na segunda. Soa ben, non si? Claro, soar soa ben; anotemos con todo un par de observacións a modo de aviso para navegantes sen compás. A primeira remite a algo que aquí xa se comentou con detalle: ao PPdeG non lle interesa nada, pero nada de nada, a proxección exterior da cultura galega tal como por exemplo se veu definindo nos debates do blogomillo; e non só iso, senón que ademais non ten a menor idea sobre en que consista tal cousa. De aí que o seu programa electoral diga as barbaridades que di nese plano. A fundamental, segundo pode constatarse na ligazón recén marcada, é que liga o futuro da presenza exterior da cultura de Galiza ao que se logre alcanzar mediante convenios bilaterais con organismos como o Goethe-Institut e outros homólogos. Reitéroo: n.p.i.

Entón, por que afirmo o que afirmo? Sinxelo, sinxelo e directo como todo o que se negocia nas mesas da dereita. Na misión atribuída a Roberto Varela asúmese algo moi obvio que me fartei de argumentar desde a aparición do blog. A proxección exterior da cultura ten unha vertente efectivamente exterior, que nalgúns casos posúe unha dimensión comercial e/ou ideolóxica importante (pénsese na cultura de masas estadounidense, cos seus vectores de dominación, alienación e neutralización da diferenza cultural) e que noutros moitos permanece nun terreo de interacción cun perfil relativamente limitado ás elites culturais. Pero a proxección exterior das culturas nacionais ten como fundamento principal, cando non se trata de xestionar grandes mercados, algo en principio paradoxal: lograr unha maior cohesión identitaria DENTRO e un certo orgullo de marca efectivamente nacional orientado a alcanzar un parangón con outras culturas nacionais. Proxectarse, por tanto, para cohesionarse cara a uns mesmos e promover así un afortalamento e unha mellor definición da autoimaxe. A cousa é moi sinxela: resulta bastante parecida ao que se fai coas fotos que seleccionamos en Facebook ou en webs persoais para que os demais nos coñezan e nos recoñezan.

O cometido encomendado a Roberto Varela Fariña por Alberto Núñez Feijóo e polos seus superiores/protectores, na miña percepción e análise do que se vai facendo e do que nos medios afíns se vai dicindo, é o seguinte: utilizar a proxección exterior para proxectar DENTRO xustamente a súa idea de Galiza, asociada esta tamén no marco cultural á secundarización da lingua e dos produtos máis directamente asociados a ela como vehículo ou soporte (literatura, teatro e certa música sobre todo). Aposto unhas birras a que Varela Fariña asumiu un decálogo que comeza con algo semellante a isto: 1) hai que proxectar en particular as formas culturais que non precisan da lingua como soporte (pintura, escultura, arquitectura, certa música, certo cinema, certas outras artes visuais, certa BD…), 2) cando se proxecten formas e produtos culturais de base lingüística farase con fundamentación no bilingüismo que antes foi harmónico e agora o PP denomina “cordial” (ou era hepático?, ou duodenal?), 3) a igualación oficial dos textos exportábeis estará ao servizo da idea-marco da política cultural do novo goberno e dos seus inspiradores financeiros e mediáticos, non outra que alcanzar unha minoración definitiva da lingua como elemento identitario e en consecuencia habilitaren unha vaga rexionalizadora que subordine de vez a cultura local (galega) á cultura nacional (española). Isto último significa que dentro dos modelos existentes no Estado, a política da proxección exterior estaría afastada do que fan os institutos Cervantes e Ramon Llull e se aproximaría algo (só algo) ao que se pretendía que fixese o Instituto Etxepare (co novo goberno de Patxi López e o amparo alí do PP pretenderase aínda máis), se ben aquí todo iso se fará sen unha institución homologábel ás que veño de citar e sen que se dean os condicionantes políticos e culturais que no País Vasco conduciron a pensar nunha proxección da cultura vasca de expresión castelá. Sobre este aspecto tamén teño feito comentarios no blog, case sempre por referencia a Valle-Inclán. Calquera pode procuralos e intuír que é o que eu penso sobre o asunto. Orabén, Valle-Inclán non é parangonábel en ningunha orde por exemplo con Marta Rivera de la Cruz ou con Agustín Fernández Mallo (semella que tamén obsesionados co linfoma da imposición lingüística). As circunstancias e as coordenadas de campo eran outras. Non levaría moito tempo explicarllo a un diplomático que le polas noites poemas de Ferrín, pode que mesmo de Heriberto.

Insisto en que o que acabo de formular son, ante todo, suxestións inducidas polo que un vai escoitando e vendo, pero desde logo teñen base tamén no programa electoral do Partido Popular e nas súas prácticas e formas de xestión cultural. Nas deles e, reitéroo, nas dos seus protectores do mundo financeiro-mediático. Ese semella ser o programa, sabémolo de sobra. Pero nós estamos aquí e este estarmos nós aquí non será un problema menor para esa xente nin para a súa planificación do futuro da cultura de noso.

[Bugallo e Varela no recente traspaso de poderes na Consellería de Cultura. Foto tomada de Vieiros]

Apelo

16 de Marzo de 2009


A França possuía um serviço público de ensino superior e de pesquisa de qualidade, gozando de independência, de liberdade e de consideração. Em alguns meses, o governo decidiu, brutalmente e sem concertação, destruí-lo e transformá-lo em uma espécie de mercado do conhecimento, da precariedade e do arbitrário.

Os professores-pesquisadores perdem seus estatutos ; seus horários passam a ser segundo « a vontade do freguês ».

Os postos estatuários diminuem de maneira drástica para dar lugar a empregos temporários, aleatórios e dependentes.

Os doutorandos poderão ser licenciados sem motivo nos seis primeiros meses e serão colocados à disposição de empresas sem reconhecimento nem direitos.

A formação dos professores é saqueada.

As Universidades, tornadas « autônomas » (de fato, sobretudo, concorrentes e sob contrôle estatal reforçado) e sem orçamento suficiente, ver-se-ão evidentemente dentro em pouco constrangidas a tornar pago o ensino e a se submeter aos agentes financeiros de suas regiões.

O CNRS é suprimido e transformado em agência de meios distribuídos por tecnocratas.

Os pesquisadores são avaliados segundo critérios « quantitativos » ineptos e inadaptados, rejeitados por todas as sociedades científicas.

Nós, universitários e pesquisadores de todos os países, reconhecemos nisso medidas burocráticas, venais e perigosas, que se tentou e se tenta impor em outros países.

Por essa razão nós somos solidários aos universitários franceses. Se, no país da Enciclopédia, de Voltaire e de Rousseau, da Declaração dos Direitos do Homem, a educação e a pesquisa são reduzidas ao estado de comércio e submetidas à discreção dos poderes, é a liberdade do mundo inteiro que se encontra ameaçada.

[Cartel de chamamento á mobilización contra a política de educación do goberno Sarkozy. O texto tómase textualmente da versión en portugués do Appel international à tous les universitaires do Institut Camille Jordan da Université de Lyon, en cuxa páxina web poden verse algúns dos textos fundamentais que centran debate e resposta social no momento]

Guindastres

19 de Febreiro de 2009

Falabamos aí atrás da cabalgata de guindastres no Festival de Perfopoesía que organiza en Sevilla estes días a xente de La Revuelta Sureña. Creo que algúns poetas suben aos guinches e fan declamación poética megáfono ou micro en man alí enriba sobre xente que pasea ou anda ás súas actividades cotiás. Poesía peripatética, pois, peripatética, con altofalantes e en contrapicado para a leria e a festa colectiva e para desaxuste individual das cervicais e da distinción dos paseantes menos en forma.

Esa diagonal suprematista levoume a lembrar, non sei por que, El Lissitzky e a Tribuna Lenin, pensada nos primeiros 20 cunha finalidade pode que semellante, moi en débito co soño aquel magnífico do Tatlin piramidal e cilíndrico, tamén espiral, como nunha babel obreira e internacionalista para Leningrado. Pero se un o pensa ben, a idea está xa en capiteis e ménsulas románicos ou góticos. O músico ou o trobador que desde alí arriba di o seu canto, ás veces en performance ben máis construtivista, dinámica, escatolóxica, hormonada e queer que as que agora se estilan. E os medios veñen facendo o mesmo, non si? Doutrina e lecer é a receita desde Horacio. Diso falaba Reixa na radio con Quintela, máis ou menos.

[Deseño para a Tribuna de Lenin, El Lissitzky, 1920-1924]

ps. Eis o punto de vista de Ferradura en Tránsito en relación coas prácticas referidas, tamén sobre unha posíbel diferenciación entre poesía e actitude poética (23 02 2009).

A reaparición de Wally

21 de Xaneiro de 2009

Cando Ban Ki Mun espertou a Unión Europea seguía alí, onde sempre, en Bruxelas. Nada está a altura das circunstancias históricas que vivimos. Ban é un reputado experto en desaparecer, confesar feblezas anímicas e ameazar pirañas con pompas de xabrón. Reactiva a peor faciana dunha secretaría xeral da ONU desprestixiada e ineficaz (o seu nome nin se cita no recente Informe Anual do IGADI, todo un síntoma). A UE dedícase apenas a botar contas do que toca poñer desta vez para reconstruír as infraestruturas, as escolas e os hospitais que con rigorosa periodicidade Israel destrúe en Gaza. Nós montamos e pagamos e eles desmontan. Esa é a sucesión da maré. Non semella haber espazo para outra cousa. Eles proban armamento novo, de fabricación propia ou surtido desde os cen sotos do mundo, e nós temos que limitarnos a pedir o boicot aos melóns de Haifa e ás epiladys de Tel Aviv.
[Ban Ki Mun na súa visita de onte a Gaza]

Aquel libro escrito en Reboredo

16 de Decembro de 2008


Vaia. O vello e eu xa andamos por Google Books da man. A sensación é de estrañeza. Alegría? Non. Polo menos de entrada e acabado de saber de xeito casual, non. Escribín aquel libro con man solta, con soltura quero dicir, en poucos meses. Logo veu o ano Dieste. Daquela, 1994, non había blogs, pero xa a xente rifaba ao autor polo exceso de discurso, esta facundia. A algún colega ofrecinlle, non con ese libro pero si con outros daquel tempo, despezar o sobrante e deixar a prosa no esencial, que como máis dun saberá (en particular algúns recensionistas) son as lapelas. Vendérase moi ben ese RDeasOLG, lapelas e exceso colateral por xunto. Nunca pensei que se puidese gañar cartos con aquilo. E gañei algo, como unha nómina se tal. Mesmo chegou a ser finalista o libro do premio nacional da crítica de aquí e (case?) do premio nacional de ensaio de acolá (ai, se eu non tivese tan mala memoria para os adaxos e as contas…). Mas a tiraxe fora enorme. E os xuris probos.

Hai dous ou tres anos dixéronme da editorial que o descatalogaban, que se quería exemplares, que o resto iría a un purgatorio. Quixen. A monografía aínda non chegara á maioría de idade. Tiña apenas doce anos, na práctica non fora presentada nin lida no sistema, ou en sociedade, como diría aquel pensador, aquel vicetiple rouco-cómico que pola hora da nacencia de RDeasOLG silabeaba xa ao público os iniciais embustes do primeiro goberno aznarí. En fin, que con eles, cos libros sobros, fixen unha torre e nela morei uns días de hai dous anos. Até que pasou o impo, até encher o lacrimatorio que ela me pasou acolá pola parte da fiestra baldeira. Agora, coa crise do tixolo, non hai torre. E a palabra é gratuíta. Hei falar cos detectives que van ás vodas. Igual, con iso, abonda para pasearmos o río. Non si, vello?

[A foto de Rafael Dieste tomouna Javier Alfaya, pode que mediados os anos 70]

A Fenosíada

1 de Decembro de 2008

Mal título. Debera escoller estoutro: “Unión Fenosa = Uranios”. Esa panda de cíclopes amparados nas malas prácticas polos poderes públicos. Esta panda que chuchou a riqueza da terra de todos, deitou disimulada podremia por riba das cabezas de moitos e incumpre con reiteración os contratos asinados con xente que non tivo, e malamente ten hoxe, outra opción que mercarlles a eles, uranios ineficaces e cínicos, a electricidade que consume.

Cruzados por algunhas liñas de condución eléctrica de alta tensión, nalgún caso entre as de maior capacidade do país, hai concellos galegos nos que á hora de quentar a vivenda os clientes de Unión Fenosa non reciben a voltaxe comprometida en contrato, de modo que é case inútil prender os aparatos eléctricos que máis tiran. Hai casas en pequenos núcleos urbanos ou en zonas rurais, casas que practicamente ven pasar por riba delas esas liñas de alta voltaxe, nas que a cociña eléctrica non permite ferver nin un cazo con auga a determinadas horas do día (nos cimos de consumo, si; e que?) ou en determinados momentos do inverno (digamos que cando a temperatura máxima non supera os 15 graos). Non dan forza os uranios. Tivérona en cambio para estragaren colleitas e frutais de trinta anos acó coa chuvia ácida que manda Meirama cando o suroeste atravesa Barcés, Mendo, Mandeo, Lambre, Eume…, as súas terras, os vales. A peste, di a xente. A peste é o nome.

Doce meses despois das cartas de reclamación que seguiron ás queixas verbais, hai casas en Oza dos Ríos e en moitos outros lugares desa franxa entre as centrais térmicas de Meirama e As Pontes, habitadas moitas por anciáns sen recursos, que nin resposta formal recibiron da empresa urania tras a queixa tramitada, tras os gastos orixinados polo incumprimento de contrato, tras a información cuberta por prensa, radio e televisión no xaneiro último. Ningunha resposta en todo un ano. Nin da empresa, nin do Valedor do pobo, nin do alcalde Peón de Oza dos Ríos, nin do delegado de Industria Barcia, nin do conselleiro Blanco, nin do vicepresidente Quintana, nin do presidente Touriño. De ningún deles. De ningún!! E outro inverno co mesmo. Outro inverno igual. Co frío nas casas. Outro inverno máis sen a tensión eléctrica contratada e pagada. Timados legalmente os vellos, mentres tipos como o de arriba á esquerda nin se decatan, ou decátanse e mandan ornear a algún voceiro propio ou a algún eco pardo da consellería de Industria (do concello hai que esquecerse) que o problema deriva da moita construción levada a termo sen os papeis en regra ou con luz de obra alegalmente consumida por familias que ocuparon as novas vivendas. E que? E que?
Presidente Touriño, decátese vostede e o seu goberno do que non se decata López Jiménez! Abra os ollos e as orellas e resolva o problema xa! Ábraos tamén vostede, Vicepresidente Quintana! Os vellos de Oza e de bastantes lugares máis poden quecer os pés bailando repichocas, si, pero prefiren quecelos coa electricidade que pagan e non teñen. Abran as orellas e deixen de poñer esa cara. Ábranas de vez, acaben co abuso e fagan cumprir os contratos e a lei. Ábranas e defendan á xente humilde que xa nin pereiras ten porque llas levou a peste urania.

[Na fotografía superior, Pedro López Jiménez, presidente de Unión Fenosa. Tómase do xornal ADN.es. Na outra fotografía, procedente de Interempresas, López Jiménez con Pérez Touriño diante da central térmica de Sabón]

Fin de época

7 de Outubro de 2008

Ao fío do comentario de Hermann Stefánsson ao post anterior a este, recupero e maqueo levemente un comentario lixeiro que enviei á anotación “Outra saca no millo”, de Arume dos Piñeiros, hai uns días. Interésame reflexionar, na medida das miñas parvas posibilidades, sobre a afectación doméstica da crise económica mundial e sobre as implicacións para a propia marca nacional de mercados e estados, isto último no sentido que agora abrocha en Islandia, por exemplo.

Até esta de agora un tendía a considerar que as crises económicas en macroescala (financeiras, bolsistas, cambiarias, dos seguros…) eran no fondo reaxustes sistémicos cunha funcionalidade clara: mover o tronco para producir a caída das follas menos firmes e así revitalizar arreo as máis fortes, predispostas pola propia natureza do sistema capitalista a nutrirse da seiva liberada.

En relación coas clases medias e medias altas, os mercados, entre outras pericias, atraían bolsas de aforro desatentas, e a iso seguía adoito un período de reaxuste no que sempre perdían os mesmos: aqueles que confiaran na bonanza e nunha estabilidade ficticia. Doutra banda, a economía neoliberal promoveu en todas partes, con éxito a partir da crise cambiaria de 1993, a idea posibilista dun consumo permanentemente ao límite e dun endebedamento máis que temerario nas clases traballadoras a fin de rendibilizar ao máximo esa marxe estreitísima que vai da subsistencia ao afogo das economías menores.

Codicia? Sen dúbida, pero non no sentido moral, senón estritamente na lóxica do capital. A teorización do choque por Naomi Klein presupón tamén mecanismos sistémicos do capitalismo para forzar situacións límite sobre as que proxectar solucións de urxencia que conteñen sempre reducións de liberdades e de dereitos laborais. Porén, a caída de bancos e aseguradoras de dimensións colosais nestas semanas leva a pensar que hai elementos novos na dinámica histórica das crises do capitalismo.

A crise das hipotecas, acentuada e en boa medida inducida pola aceleración brutal nos prezos da enerxía, ten conexións evidentes coa crise ou crack medio-ambiental e coa inseguridade sobre as reservas e prezos de alimentos básicos. Todo converxe para min nunha cuestión: o famoso pico hubbertiano da dispoñibilidade enerxética do petróleo e a vertixe perante a insuficiencia das alternativas reais para manter a maquinaria do capital. Tamén, claro está, na partida sobre a hexemonía global, cada día máis acelerada nos movementos sobre o taboleiro que van marcando os mercados emerxentes, os fondos soberanos e outros axentes de dimensión colosal. Entretanto, saio polo pan e en cen metros de beirarrúa vexo que nos últimos seis meses pecharon (ou están nesas) cinco estabelecementos comerciais. E avanzo cen metros máis e ollo nas montras dunha tenda de roupa para xente moza os prezos de blusas e bulsas. Non baixan dos cento cincuenta euros e non semellan constituír nada exorbitado na apreciación do común da xente.

O campo de concentración da Magdalena

6 de Outubro de 2008

Agradezo a Ana Bande, moi atenta no seu blog e en flickr ao destino do campo de concentración de Camposancos (A Guarda, Pontevedra), o seu comentario á anotación de onte sobre o campo brigantino da Magdalena e as análises que nel se conteñen. Súmome sen retirar unha coma a todo o que Ana di. E volto aínda a algúns fíos. Que sabemos os galegos sobre os campos de concentración e os cárceres especiais utilizados polos sublevados fascistas a partir de 1936? Que sabemos en realidade do acontecido en Cedeira, A Guarda, Santa Isabel (Compostela), Rianxo, Ferrol, Padrón, Oseira, Oia, San Simón, Monforte…? Non falo só dos historiadores (que tamén), falo en especial dos cidadáns e dos seus representantes políticos nos diferentes niveis nos que se organiza unha sociedade democrática. Que conciencia hai de todo isto? Que saben as autoridades civís actuais, despois de 70 anos, sobre eses lugares de represión, tortura e morte? E as autoridades relixiosas que cederon concertadamente centros escolares e mosteiros para favorecer a represión? Que fixeron todos eles até agora? Que fan?

Incorporo hoxe no blog tres imaxes do mesmo lugar da Magdalena: un gravado algo posterior a 1883, unha fotografía de 1984 e outra moi recente que representa ben o estado actual do contorno. As dúas fotos son de Alfredo Erias e serviron a Juan Mª García Otero para ilustrar o seu iluminador traballo sobre o bairro, ligado xa na anotación anterior a esta.

Observarase na primeira fotografía que o estado de conservación de hai un cuarto de século non era malo. Bastou só con derrubar as cubertas e pouco máis para que a fábrica e os seus patios alcanzasen o estado de abandono actual, que inclúe a aproximación sen pausa de novos bloques de vivendas (na foto apréciase un depósito de propano diante do vello acceso). A fábrica de curtidos da Magdalena, que non foi a única en funcionar en Betanzos, supuxo a continuidade dun vello oficio que a mediados do século XVIII ocupaba a quince artesáns na zona das Cascas, así chamada seguramente pola utilidade que a casca triturada de carballo ofrecía para o curtume das peles. A comezos do segundo terzo do século XIX eses labores organizáronse con sentido industrial e víronse favorecidos cun comercio que funcionou moi ben até a I Guerra Mundial. De aí o tamaño e a relevancia da vella fábrica dos Etcheverría. Durante a Guerra Civil e os primeiros anos da posguerra os fascistas deron á fábrica o uso que xa se comentou. Ignoro cantas persoas foron recluídas neste campo de concentración. Parece ser, leo nun traballo recente de Xosé Manuel Suárez Martínez, que a maioría dos presos foron cataláns.

Lugares como este da Magdalena, polo seu valioso significado histórico, industrial e simbólico podían ter un presente distinto. Teríano de certo nun país atento ás súas raíces e non solidario co abuso e o terror (como di Ana Bande). Lugares como este da Magdalena podían servir para que nenos e adultos procedentes de calquera lugar entendesen máis a fondo o que somos e fixemos, e tamén o testemuño vivo que certos recintos gardan ou conservan entre as súas pedras.

Coa intervención na Magdalena o resultado alcanzado foi o mesmo que nestes días outros procuraron ao desfaceren algo tan único como a Casa Gótica do número 5 da rúa da Cerca brigantina. E con ela o seu grácil arco conopial. Aquela vella casa edificada no século XV polo rexidor Lope García de Vilousaz. Perante actos desta clase, e perante a ineficacia dos poderes públicos e a propia lixeireza da lei, debera erguerse outravolta a vontade liberadora e dignificadora que atopou expresión de firmeza no berro nunca máis!
[…]

Terrorismos consentidos

3 de Outubro de 2008

Non hai palabras. Nunca as hai cando un atentado rebenta o peito e os soños de individuos e comunidades. En quente non hai palabras. A análise, para máis tarde.

Cartas ao director

1 de Outubro de 2008

No ps2 da anotación inPOSTados (2) mencionei que enviaba unha nota a El País Semanal a propósito dunhas valoracións de Javier Marías sobre a furia galega na súa colaboración do pasado domingo 21 de setembro. Non saíu até agora aquela nota, como non saen a inmensa maioría das cartas a directores/as de medios de comunicación. E tanto ten, por suposto. Non é de cuestións miúdas do que querería falar hoxe. Nin tampouco teño unha lideira especial con este xornal, que creo que atravesa unha das crises cíclicas de soberbia intelectual e política que levo detectado nel desque o leo, por tanto desde o momento da súa saída, na primavera de 1976. Seguramente, por insuficiencias na cabina de mando e por pruritos múltiples (tamén dese tipo, si) na rede de cráneos privilexiados constituídos en choristes da cabeceira.

Cal é a lóxica máis frecuente nas cartas ao director que por aquí e acolá se usan? Creo que, correlativamente ao indicado neste lugar, as cartas utilízanse por moitos medios de comunicación de modo abusivo como cortalumes para marcar un territorio de control de análises e ideas. Convértense así en parapeto, parachoques, aduana. Con todo o respecto para as persoas implicadas, vexo unha boa mostra do que sinalo nas cartas consecutivas á entrevista a Steiner en EPS do 7 de setembro. Unhas liñas contidas e case institucionais de Henrique Monteagudo, unhas suaves observacións de Carlos Garrido, un cándido exabrupto de Inés Rivero de Aguilar Fernández.

Xusto a candidez do lector medio en relación coas cartas ao director é o que o conduce a pensar dúas cousas: 1) que as cartas publicadas representan ás cartas recibidas na redacción e 2) que calquera modificación dos contidos publicados está ligada ao alivio de espazo na maquetación desa sección do xornal ou dos seus suplementos. Nalgún momento puido ser así. Agora non.

Infórmome por aquí, de que Carlos Garrido asinou en realidade tamén co seu segundo apelido, Rodrigues (s final, entendo que porque o herdou ou porque lle peta), desaparecido en combate. E non só iso, senón que, como documenta a nota de AGAL referida, a carta enviada contiña elementos que minoran esa impresión de impo argumentativo que a un lle quedaba lendo a segunda columna da páxina 4 do dominical mencionado. Retiran o segundo apelido para aliviar espazo? Pode. Pero a carta seguinte asínaa unha señora que se chama, como dixen, Inés Rivero de Aguilar Fernández (Fernández, quen o dubida?, é moito máis fashion que Rodrigues). E non só iso, senón que esta lectora incorpora frases como esta: “Me sorprende y enfada que un hombre como Steiner […] haga semejantes declaraciones desvalorizando la literatura de mi tierriña galega” [curs. en orixe].

Para min é evidente a maquinaria política e a poleame imagolóxica que sustentan estas malas prácticas. Gallegos de lluvia y calma, na foto-fixa de Miguel Hernández. Eu, se hai que escoller, case fico coa furia maria(s)na.

[…]
ps1 (5.10.2008). A carta da que se fala no primeiro parágrafo deste post apareceu recollida en EPS o domingo 5 de outubro co título indicado por min mesmo, “Sobre ruidos y furias”. Anoto a casualidade faulkneriana do fío con Marías en “Peste de artistas” , nese mesmo número do dominical. Anoto tamén que se respectou a práctica integridade da mensaxe remitida, que figura case completa e case sen grallas. Debe recoñecerse o que hai, e así o fago. A análise feita segue en pé, naturalmente. Benchegado, pois, ao cortalumes (5 10 2008).
ps2. Steiner, VII Premio Reino de Redonda, foi nomeado Duke of Girona en 2007. Xuíz e parte o Sr. Marías? (15 10 2008).