Costa da MorteArchive for the ‘’ Category

Illa en terra

31 de Maio de 2009

 maria-lado-fotografada-por-hector-fernandez

María Lado publicou hai agora un ano o seu cuarto libro de poemas, titulado Nove, unha especie de parábola na que combina con decidida implicación narrativa os feitos que foron e mais os feitos esquecidos axiña sobre cómo foi aquilo da illa-mundo visitada pola besta de nome Prestige. Alegoría entón da catástrofe que leva o nome dun buque e de todo o que veu despois? Non creo que só alegoría, porque no relato de Nove aparecen outras pezas, outras liñas de forza ou puntos de fuga; con tendencia simbolizante, sen dúbida, pero ao tempo cun sentido descritivo e narrativo no que o pequeno e continxente, todo o azaroso humano, comparte escenario coa fabulación mítica dun espazo case fóra da historia. E iso presupón outro lugar enunciativo para cartografar a alegorese, para dicir “ti” ou “eu” e logo dicir “mundo”; tamén, por suposto, unha certa ironía no trato coa categorización do histórico, ás veces minimizada diante do íntimo dun círculo de sentimentos fugaz entre actores ou entre eles e público, diante dunha peripecia de ollos ou pel que cruza a páxina e a crónica non sabida como un cormorán con piche nas alas. Porque no fondo a parábola éo sobre amizades e sobre temporalidades, sobre a épica (menor) de poñer remedio ao que nin sequera foi a natureza ou a historia quen desfixo (como un coloso en último extremo eficaz), senón a besta outra de teléfono e informe diante das cámaras, a da xestión do apocalíptico e a dos heraldos seus, ridiculizados polo esforzo titánico de nomes para sempre olvidados por case todo o mundo, porque é certo que as marés fan o seu oficio e os ventos mudan e, logo, o recordado é diverso do vivido e do esculpido sobre pedras e mares. Nunha entrevista en Vieiros, coa fotografía debida a Héctor Fernández que abre esta anotación, xuntou a poeta detalles da súa traxectoria e sobre a composición do libro. Poño un lugar del, o poema número trece, onde acaso entren os fíos que tecen a lectura dita agora: 

 

aínda novembro por un momento en calma, detido en bálsamo

e o sono do cetáceo destila profundo desespero.

 

somos estación derrotada, admito.

somos e así doe.

porque a terra é escasa. e prados mínimos

non enchen as bocas de miles de cabalos de prata.

 

cada unha destas bestas -sábeo-

mesmo consumidas pola escaseza,

busca entre nós a quen cargar cortando a chaira

como bisturí de pálida brisa.

 

cordas e coitelos colgan dos abrigos

para que lamentar a despedida.

xa nada acala a dor senón o abismo,

estrema última á que esta viaxe se dirixe.