covardíaArchive for the ‘’ Category

cEnsura = bOndade ou nube/fraga de tags (poema transcrito do natural)

26 de Xullo de 2009

 

 

fraga-iribarne

 

 

resistencia non máis     a censura pode ser precisa pode ser precisa precisamos máis censura máis censura censura precisamos en certas condicións a censura pode ser necesaria porque en certas condicións a situación     esixe de todos a censura e o premio pois é o pobo e só o pobo e só o pobo quen premia a situación sitúa a normalidade censura en certas circunstancias censura natural o vello di que se deixe traballar          ao amo que non é tal que precisa censura por sentido común a censura pode ser precisa a censura agora como é natural que                     a censura é precisa porque si iso é certo   coas elites e o  resistencialismo non se vai a ningures o resistencialismo resiste resístese e non permite a violencia cordial de vencelo e anular presenza o pobo ordena censura           iso é ás veces é necesaria a censura (practicada por nós) e vós debedes entendelo debedes entender que é precisa a rendición das elites como Castelao o entendeu ao falar da tradición franqueade as portas á censura da Santa Compaña porque é bo para todos e todas para todos a censura é boa para a cordialidade como é natural a censura nosa xa o estades a ver todos é harmónica e natural a censura a censura si por sentido común e el debe traballar como é natural polo pobo si polo   pobo e punto  sen máis incordio de resistencia.

 

 

 

 

 

 

 

 [Manuel Fraga Iribarne fotografado por Benito Ordóñez]

Véxase aquí unha prosificación do anterior. Calíbrese, tras vela, a inmediata influencia da Doutrina Lándoas-Kruschov sobre Cando-se-Debe e Cando-se-Non-Debe Aplaudir un discurso supostamente institucional reconvertido a ataque directo contra un(s) que está(n) no público ou, noutras variantes, a groseira declaración partidista ou mesmo a apoloxía do fascismo. De ser exacto o que relata Xornal de Galicia, só de ser escrupulosamente exacto, ben por Laxe e ben por Touriño. Agasallo para eles (allegro moderato). Deshonra para os felóns (por certo esta palabra encantáballe usala a ese señor a finais dos 80).

  

Feijóo no CCG, ou eloxio da alienación

18 de Xullo de 2009

goberno-galego

 

O discurso do Presidente Alberto Núñez Feijóo no acto solemne que conmemorou en Raxoi os 25 anos do Consello da Cultura Galega foi obxecto de controversia en varios lugares e moi probabelmente será lembrado no futuro como un dos momentos máis irresponsábeis do seu mandato, que desexo breve, bastante breve.

Anotarei algo: non sei como tratar un asunto desta entidade. Un asunto que percibo como de extraordinaria importancia política e que porén chega á cidadanía a través dos medios como unha especie de minucia protocolaria e festiva á que non hai que prestar maior atención. E malia todo, este discurso de Feijóo podería estudarse en calquera escola de retórica como paradigmático en varios planos: discursivos, performativos e ideolóxicos. En particular en tres dimensións. A primeira é a  narrativa: cómo chegamos a ser o que somos e non outra cousa distinta. A segunda é a patética, referida á lectura emocional da nosa condición periférica en Europa. A terceira e última e a argumentativa, e aquí é onde o pensador que lle escribe o conto a Feijóo fala do provincianismo dos procesos de construción nacional (pero non de todos, claro: só dos diferentes ao lexitimado pola existencia do Estado, pois o discurso naturaliza a postulación nacional de España, fóra de  cuestión e nunca provinciana) fronte ao divino cosmopolitismo. A peza oratoria leva a quen a ature á peculiar conclusión de que os máis cosmopolitas son os grandes escritores que abrazaron para expresarse unha lingua  diferente da súa orixinal ou materna. Así, Joyce, Kafka, Beckett, Kundera (sic). O anterior non é tan exacto como poda parecer, pero ese non é o asunto hoxe. De todos modos haberá que voltar a todo isto porque considero que aí reside a mandorla conceptual do discurso de Feijóo no CCG.

Pero hai máis. Hai, por exemplo, unha inelegante, maleducada incluso, deslealdade institucional, pois todos sabemos que non se vai a unha celebración á que se nos invita co único obxectivo de augar a festa aos anfitrións. E hai de porparte unha tamén inelegante deslealdade persoal co presidente do Consello da Cultura, polo uso perverso e intelectualmente obsceno de dúas citas descontextualizadas que, resulta obvio, Ramón Villares nunca poñería ao servizo da causa argumentativo-ideolóxica defendida por quen sabía que despois del ninguén podería retrucar. E o caso é que esas dúas citas son as efectivas e reais chaves vertebradoras do discurso todo de Núñez Feijóo ese día. Ese día que foi á casa daquel seu amigo, quen alén dese dubidoso privilexio é a terceira autoridade do país segundo os protocolos oficiais sancionados pola Xunta de Galicia.

Algo máis? Abofé que si. Porque non falei aínda desa pílula de diámetro superior ao da gorxa de calquera ser humano. Voltarei a ela con detalle. Menciono só que se trata dese canto a alienación cultural na que se abandeirou no Consello da Cultura  ese señor que nos preside. Apréciase agora a grave e onerosa realidade que nos caeu enriba pola incompetencia táctica de Touriño e de Quintana e pola intromisión tamén táctica do poder financeiro-estratéxico-mediático vinculado co triángulo escaleno Iñás-Piazza di Spagna-Sabón.

Así, pois, o texto de Feijóo pasará ás máis extravagantes antoloxías sobre o revisionismo histórico, sobre a colonización e a alienación culturais, sobre os conceptos de  resistencia cultural, hibridación, aculturación…, pois este home que a min antes me parecía intelectualmente limitado ten que ter acceso a algunha esotérica e potente tradición teórica, talvez recadada nos sotos da FAES ou noutro templo do saber. Direino directamente e xa sen ironías: constitúe un inaturábel insulto á intelixencia que un licenciado universitario manexe algúns conceptos de cultura xeral como o fixo Alberto Núñez Feijóo nese lugar que o texto estatutario de noso destaca nos termos que o fai.

Cando cunha mistura de desleixo e estupefacción accedín hai unha semana aos breves apuntamentos sobre o acto recollidos en prensa —na inane, na pérfida, na lexíbel e na outra—, acudín case de inmediato ás webs institucionais da Xunta en procura do texto. Porque un pensa, fíxense vostedes, que os textos pronunciados en ocasións solemnes da índole da que aquí se comenta deberían ser de acceso público. Por simple respecto aos cidadáns e cidadás, ou aos contribuíntes, palabra esta que cada vez máis penso que hai que recuperar para a esquerda cando se fala destas cousas. E é que non todo o mundo recibe un convite insstitucional para acudir a eses actos; non todo o mundo ten acomodo na pequena e incómoda sala magna do Consello da Cultura Galega, atafegante a partir de maio e insufríbel en termos acústicos polo inconsútil fío musical que chega desde a escaleira de Xelmírez dos pulmóns dun gaiteiro (incombustíbel e artísticamente menor) ao que habería que pagar de inmediato, entre todos, o plus que lle falte para alcanzar unha pensión digna que goce rodeado dos seus.

Falando xa moi en serio, sinalo isto: os discursos dun Presidente do Goberno en ocasións da entidade institucional que aquí se comenta son os que marcan políticas, son os definitorios dun rumbo, son os que estabelecen e aclaran unha cartografía e anuncian unha forma de intervención. Este de Feijóo o día 9 de xullo de 2009 de maneira absolutamente incontestábel.

Por iso mesmo, celebrei que o Consello da Cultura decidise pendurar onte o vídeo do acto, que incorpora tamén o discurso do Presidente Feijóo entre os minutos 43 e 57. E celebrei hoxe á maña, así mesmo, que a partir dese vídeo a dirección de Galicia Hoxe decidise que os seus redactores o transcribisen (“O Presidente no CCG“) para llelo ofrecer aos lectores, o certo é que con poucas grallas ou modificacións en relación co que en efecto pronunciou Feijóo (ningunha delas substancial e case todas por simple conmiseración lingüística, se ben hai unha de signo inverso, moi ao comezo da transcrición, porque o poscolonial Feijóo non fala do Obradoiro como “meeting point” senón como “melting pot“). Antes de pasar a unha parte máis analítica do que quero contar, suxiro que lean o texto á vez que teñen á vista as imaxes. Observen as actitudes do orador, fíxense ben nos seus acenos, bastante comedidos pero con algún momento de excepción, atendan tamén á resposta do público, ao meu xuízo inapropiada se temos en conta o que alí se dixo. Claro que ese público era, como diría o Presidente Feijóo, plural; por moito que a min me pareza máis ben singular, tan singular que non creo que en ningún outro lugar do mundo reaccionase así á afrenta recibida: 14 segundos de aplausos para un torpedo dirixido á liña de flotación do buque (un segundo máis que os aplausos que seguiron á intervención de Ramón Villares).

Cansa tanto relatar isto que hoxe xa non o aturo máis. Deixo para un post doutra hora a análise do texto presidencial. Pero por se alguén se animar a estudalo déixoo aquí en pdf, con só unha mínima edición de páxina e sen modificacións sobre o publicado en GH.

Un complemento: o outro día dixen que cómpre saber quen lle escribe estas cousas disparatadas e imprudentes a Núñez Feijóo. Algo avanzamos a día de hoxe. Ese ideólogo/a non é filólogo/a. Con certeza. Diría máis: non sabe gramática. Así que podería ser ese señor que aparece na foto estreitando a man do Presidente tras a toma de posesión do Goberno. Tería lóxica, lóxica orgánica, quero dicir: porque estas materias son da súa incumbencia, da de Varela, visto o asunto desde unha perspectiva conservadora. Ou é que o conselleiro de Cultura alén de saber linguas sabe gramática?

O da gramática dise porque no discurso de Feijóo hai un momento no que se menciona que “nós” (o Nós de Risco e os demais membros da súa xeración e o nós de “nós mandamos”) é un posesivo. E… vaia, como que non. Os posesivos son eles, os señores e señoras da foto da axencia EFE que abre esta anotación. Nós somos sinxelamente persoais, como o pronome nós, e tamén un pouco ambiciosos e testáns. Apropiámonos da lingua e apropiarémonos do futuro. Ñam!

[Continuará nesta pantalla en forma lacónico-aforística. Moi en breve]

Vidas minadas

13 de Xuño de 2009

gervasio-sanchez-vidas-minadas1

Recibo de Xesús González Gómez, por correo electrónico, o recordatorio do discurso de Gervasio Sánchez o pasado día 7 de maio en Madrid con motivo da recepción do Premio Ortega y Gasset de Fotografía. O proxecto Vidas Minadas asóciase a unha exposición itinerante e á edición dun volume coas fotografías que Gervasio Sánchez tomou dos desastres causados polas minas antipersoa e da recondución das vidas por parte das vítimas que lograron sobrevivir. Recóllese neste lugar unha presentación co discurso do xornalista premiado, que polos seus contidos non foi ben recibido polas autoridades presentes no acto nin tampouco suficientemente dado a coñecer despois polos medios de comunicación. A foto que se reproduce arriba foi a premiada. Nela vese a Sofia Elface Fumo coa súa filla Alia.

Sofia foi unha das vítimas das minas antipersoa, arma esta que España produciu e exportou no pasado. Segundo lembrou o fotógrafo o 7 de maio perante as autoridades e o público, esa situación concreta non persiste a día de hoxe, pero agora mesmo o goberno de Rodríguez Zapatero segue permitindo a exportación a gran escala doutras armas de efectos semellantes ás minas antipersoa. Entre estas, as minas de acio.

A idea de ben público

21 de Abril de 2009

Conta Vieiros algúns pormenores do xuízo celebrado na Sala Primeira do Penal coruñesa por atentado contra un ben monumental da cidade ao que xa nos temos referido aquí outras veces. A verdade é que todo o acontecido e dito no xulgado se revela como unha morea de despropósitos, difícil de comprender e imposíbel de xustificar. Dunha banda, fiscal e Concello da Coruña, doutra unha asociación de lexionarios, doutra o avogado defensor, doutra os tres imputados. Faltou que se personase a Fundación Xoán Piñeiro, aínda que moito me parece que esta obra non será das que na Fundación queiran que deixe memoria viva da dedicación á obra pública do escultor de Hío.

Algún dos momentos referidos pola prensa lémbranme un episodio verídico que tivo lugar aos poucos días de inaugurada a estatua en homenaxe ao xeneral fascista e en desprezo aos valores democráticos. Nunha tasca da rúa Capitán Troncoso, próxima a María Pita e por tanto tamén á praza de Millán Astray, alguén dixo que parecía mentira que acabada de instalar a estatua do xeneral xa lle faltase un brazo. Algúns parroquianos manifestaron incredulidade e un par de vasos de cigales máis tarde decidiron cruzar o pequeno túnel baixo as vivendas ás que se entra pola rúa Xeneral Alesón e encamiñárense así á Praza de Millán Astray subindo polo xardín traseiro do pazo municipal. Regresaron pouco despois sen ter clara a cuestión e seguiron bebendo mentres alguén ría con discreción na barra.

Tampouco ten clara a cuestión o goberno municipal da cidade, que pide oito mil euros de multa para cada un dos tres inculpados e nada menos que vintedous meses de cárcere tamén para cada un deles. Na curiosa percepción do fiscal, que a actuación dos acusados se vinculase cunha determinada ideoloxía aclara e agrava os feitos. A asociación de lexionarios pensa que por iren aqueles “disfrazados” a pena debe ser superior. Hai algúns extremos singulares nestes razoamentos que semellan ter cancha no noso estado de dereito. Unha é que eses lexionarios xubilados son os primeiros en se vestir con roupas estrañas á menor oportunidade, e desde logo cada vez que acoden á praza para homenaxear ao fundador da Lexión. Outra é que o estado favorece sen rubor aparente esa clase de indumentaria en actos oficializados, sen irmos máis lonxe nos que se produce colaboración coa igrexa católica, en especial durante a dita semana santa, cando incluso se chegan a producir simpáticos indultos e outras colaboracións confesionais pintorescas entre os poderes públicos e a xente dos capirotes e das mitras. Pero, por reiterar unha posición que aquí foi exposta en máis dunha ocasión, o peor do asunto é que, en función do estipulado con absoluta claridade pola lei, ese ben patrimonial da cidade coruñesa non só non debería seguir onde segue senón que a súa presenza nese sitio, nese espazo público que é de todos e formula significado político dirixido tamén a todos, constitúe de seu un atentado permanente contra a dignidade democrática e contra as liberdades públicas, alén por suposto dun recordatorio sobre un sistema de valores infernal no que cultura e intelixencia ocuparían un chanzo criminalizado, varios metros por debaixo da bota militar. De modo que, en fin, é posíbel que resulten encarcerados tres cidadáns que, de xeito tan inapropiado como ineficaz, intentaron deixar á pata coxa o bronce que nos insulta a todos día tras día desde hai moitísimos anos.

A pregunta é sempre a mesma: a que espera o fiscal ao que corresponda intervir para inculpar ao alcalde Losada Aspiazu? É máis grave intentar serrar a perna dunha estatua que non retirala do espazo público cando por lei ten que facerse?

[A estatua en homenaxe ao xeneral Millán Astray na Coruña, obra de Xoán Piñeiro Nogueira, e procesión católica de semana santa con lexionarios portando a cruz]