cuestionariosArchive for the ‘’ Category

Restar para eliminar

10 de Xuño de 2009

linguassuman1

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística está a facer algo positivo e estimo que, na medida da súa capacidade, eficaz en relación coa consulta programada pola Consellería de Educación a propósito do uso das linguas no ensino: decidir constituírse en interlocutora e falarlle ás nais e aos pais chamados a participar na enquisa. Faino deixando tan clara a súa opción como a perspectiva aplicada na argumentación, que é técnica e profesional, non ideolóxica. A Coordinadora vai repartir un tríptico: as linguas suman. Fai o que debe facer.

Hai, porén, entidades, institucións e administracións que non están facendo o que deben. É probábel que nalgúns casos isto sexa así por prudencia orzamentario-contábel; noutros porque se espera ao resultado da consulta para falaren elas despois. Da primeira motivación nin paga a pena falar (refírome aos fitos de Láncara e demais retablos das marabillas). A segunda constitúe desde o meu punto de vista un craso erro de cálculo. Ou, o que é peor, algo que aspira a ocultar a inexistencia de criterio ou que alimenta con luz e taquígrafos unha cesión irresponsábel ao derrotismo histórico. Poderiamos falar, en fin, do feito de que quizais noutro país con algún sentido da dignidade civil algunhas institucións farían, talvez, un chamamento formal ao boicot, unha declaración a prol da abstención, se non directamente unha convocatoria pola resistencia nalgunha vertente eficaz (esta palabra, asúmase de vez, é capital, resulta  irrenunciábel no programa político de quen teña e queira ter conciencia democrática e conciencia nacional), nalgunha vertente que podería implicar mesmo algo semellante a unha sabotaxe cívica e pacífica do protocolo Feijóo-Vázquez para eliminar o galego da vida pública. E, por seguir pensando na dignidade, quizais noutro país esas institucións ás que apelo decidisen coordinarse, falar quizais non solemnemente pero si dignamente cun único discurso, breve, directo, claro. Unha voz institucional contra o abuso, unha voz polos dereitos fundamentais, unha voz pola nación, que naturalmente se sumaría a outras voces e a outros discursos provenientes doutras coordenadas do espazo público.

Existen, con todo, outros posíbeis niveis de intervención que suporían mesmo unha vía para a paralización externa (vouno dicir así sabendo que o uso é impropio) dunha consulta anómala e alegal por varias razóns. Unha, algo máis que técnica, é que se vai converter á parella de proxenitores en emisor único de opción e decisión —de voto, dixo o conselleiro Vázquez nun lapsus que nin se parou a matizar—, o cal contravén o sentido profundo da democracia e presupón unha unanimidade que non por probábel converte en lixeiro o asunto. Outra, tamén algo máis que técnica e coa que é probábel que estea encantada a parte Opus do actual goberno, consiste en que dado que o alumno/a é o elemento de engarce “democrático” da decisión, parece que os pais e nais con varios fillos acabarán emitindo opinión (voto) por cada un deles, así que o meu voto, por exemplo, podería valer a cuarta parte que o do meu viciño do 2º F se este tiver catro fillos en idade escolar e eu só un. Ninguén aclara isto. Ninguén aclara nada. E o caso é que do que de aí resulte sairá a base retórica para o preámbulo do decreto alternativo que a nova administración, por moito que o negue, ten precociñado e articulado, ignoro se en forno Opus, en forno FAES ou en forno Génova (tripartito?, pentapartito?, hai avances nese terreo da unidade do goberno?, seguro?).

Non hai tanto tempo, un entendera non-sei-que-exactamente a propósito do referendo que ía activar o goberno Ibarretxe. Son niveis diferentes incluso na óptica dos autodenominados partidos constitucionalistas, é certo. Pero a argumentación xurídica de fondo con aplicación ao referendo vasco non só debería ser igualmente aplicábel á consulta Vázquez-Lorenzo senón que ademais tería que ser corrixida e aumentada para a ocasión. A ausencia de autoridade para levar a cabo unha consulta desa clase (que con medias palabras se presenta como vinculante, como se tal cousa couber), súmase unha palmaria e case diría  ostentosa ausencia de garantías, con diversos mediadores e transportadores da enquisa no periplo Consellería-Nais e Pais-Consellería. Existen con certeza máis garantías en procesos de elección de cargos ou representantes para asuntos triviais na vida comunitaria, ou aínda nunha conxuntural participación como espectadores-votantes de TV para determinar algunha nimiedade. E hai algo máis, que non concorría no caso vasco. Será chamada a opinar sobre este asunto, capital para a cidadanía toda e para o futuro do país, só unha parte da poboación galega, unha parte bastante reducida, aínda que iso non é agora a cerna do asunto, porque o que importa é xustamente iso, que é unha parte: a configurada polos cidadáns que teñen fillas ou fillos escolarizados.

O Delegado do goberno central declarou algo hoxe aos medios. Pero aquí non é unha declaración política o que corresponde. Un inciso: entre outras razóns coadxuvantes, o PP activou o seu plan de destrución da convivencia social e cultural porque nin o PSOE nin o PSdeG emitiron previamente sinais suficientes de advertencia para que non o fixese. En fin, o goberno Rodríguez Zapatero está na obriga de defender os dereitos constitucionais de galegos e galegas. O Ministro do Interior, en particular, tamén. Rubalcaba debería lembrar aquilo de que “No hay que ser un genio del Derecho para conocer las tachas de inconstitucionalidad”. Debería lembrar esa frase esgrimida contra o referendo paralizado no País Vasco e tamén que existe, que segue a existir, o Tribunal Constitucional. Debería lembrar que as leis, os Estatutos de autonomía, as Constitucións e todo iso están para cumprirse.

Son moitas as razóns sociais, políticas e tamén xurídicas para deter unha consulta que vai supoñer unha quebra de enorme envergadura no país e que está destinada con absoluta claridade a que un dos poucos elementos que garanten un principio de igualdade de dereitos fundamentais sexa conculcado con aparencia democrática. O Conselleiro de Educación e o Presidente Feijóo, que interveñen como se a maioría do seu grupo parlamentario fose similar á que perfilan as cifras do concello ourensán de Avión nas recentes eleccións europeas (sobre un 90% de votos para o PP), esquecen que e só un o escano que lles outorga a lexitimidade para gobernar o país. Pero non é esa a cuestión principal que hoxe é preciso tratar aquí. O relevante é que o operativo Feijóo-Vázquez-Lorenzo, o operativo PP, está destinado a preservar o feito de que unha parte da poboación galega desenvolva a súa actividade cidadá e a totalidade da súa participacións na vida social e cultural absolutamente á marxe dunha das dúas linguas oficiais do país. Iso é algo que hoxe xa se pode facer coa única reserva (sobre o papel, non na realidade) da esfera do ensino. Á inversa é obvio que resulta imposíbel.

E por seguir indagando nas inversións, pregunto: que ocorrería se un goberno afín a outro nacionalismo (non ao español) impulsase unha consulta como a que a finais desta semana se vai activar en Galiza? Que pasaría se un goberno, por exemplo monocolor do BNG ou de CiU, empregase esas mesmas preguntas con intercambio dos lugares de aparición das dúas linguas oficiais do país en cuestión, Galiza ou Cataluña? Interviría nese caso o Ministerio do Interior? Non pregunto polo que dirían os xornais de Madrid, de Valencia ou de Ferrol; tampouco polas declaracións na COPE ou noutras emisoras de radio e televisión. Pregunto polo que faría Interior, polo que faría a fiscalía, polo que faría o Constitucional.

 

ps. Véxase AQUÍ o documento asinado o día 10 de xuño por doce sindicatos e organizacións do ámbito do ensino contra a consulta da Consellería de Educación, a ausencia de garantías e a manipulación tendenciosa vehiculada nas preguntas do inquérito. Asinan o documento: CIG · CCOO · CSI-CSIF · FETE-UGT · STEG · CAE · ASPG · Nova Escola Galega · Asociación de Directores e Directivos de IES de Galicia · Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra · Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística · A Mesa pola Normalización Lingüística. Préstese especial atención ás recomendacións sobre as implicacións das respostas  posíbeis (10 06 2009).

 

FAQ 1

31 de Xaneiro de 2009

Coñece vostede alguén que non sexa independentista?

Coñece vostede alguén que postule en termos políticos a dependencia nacional?

Coñece vostede alguén que non sexa nacionalista? Cal é a súa nacionalidade (a del/dela, a do non nacionalista)?

Que significa hoxe ter e manter con(s)ciencia de nación?

Substitúe a declaración pública á política?

Que é (para vostede) (hoxe) a política?

Cal é a incidencia performativa (histórica) dunha declaración sobre unha toma de posición política propia cando esta se reconduce, por asfixia mediática, á esfera do privado?

Substitúe o testemuño á acción?

Conserva algunha lexitimidade social o que noutra altura histórica se chamou “intelectual”?

Cantos intelectuais por km2 son admisíbeis nas condicións de ilegalización do pensamento que estamos a experimentar en termos culturais e mediáticos?

Dependería a resposta á cuestión anterior do grao de autonomía nacional e do grao de autonomía do campo de produción ideolóxica de que se trate?

Só intelectuais, artistas e outros suxeitos catalogábeis dentro do marco do chamado exotismo histórico manteñen a prerrogativa de declararse algo en termos de verbalización pública?

Son o mesmo discurso público e verbalización pública?

Hai posibilidade dun discurso público non verbalizado?

Como medirmos a eficacia das declaracións públicas?

A opción que queda é posibilismo raso e calculador vs. estatuaria pública nunha historia posíbel/improbábel?

Que facermos con tanto papel?

[Furtivos nunha praia. Fotografía de La Voz de Galicia]