deporteArchive for the ‘’ Category

Enfeite diferencial

31 de Agosto de 2009

 

bernabeu

A día de hoxe un dos lugares e momentos nos que con maior nitidez se concreta en que consiste España desde o punto de vista dos sentimentos primarios paréceme a min que sexa o Estadio Santiago Bernabeu cando o Real Madrid xoga contra os equipos que, en certo imaxinario sólido e amplamente asentado na capital, representan por unha ou outra razón a anti-España. Hai moitos anos que teño a convicción de que ese público é quen mellor interpreta o significado histórico daquelas nacionalidades (tres?) despois baleiradas de diferenza política que os “pais da Constitución” recoñeceron a finais dos anos 70 entre memoria da lexitimidade republicana, os axustes orzamentarios da conxuntura, os sempre complexos encaixes de fueros / huevos con navarros e vascos, o medo á comparecencia militar nalgún entreacto do que non se sabía aínda se ía ser sainete, entremés, traxedia, comedia burguesa ou happening e as ensoñacións neorrománticas de carrete solto alimentadas daquela e aínda hoxe polos cataláns, por unha maioría importante dos cataláns.

Ignoro que pensará sobre o asunto Bautista Álvarez, madridista tan confeso coma discreto (agás subidón incontrolado, seica), pero algo de estimulante hai no momento, triste e non infrecuentemente inxusto en estritos termos futbolísticos, no que o Real Madrid se adianta con algunha carambola raulina no marcador do Bernabeu contra o meu equipo ou contra outros dous moi concretos se falamos da actual nómina de conxuntos da primeira división. Refírome a Deportivo, Barcelona e Athletic Club, claro. Volveu a ocorrer o pasado sábado durante o partido inaugural da liga 2009-2010, Madrid-Dépor. O fenómeno descríbese así: baixo certas circunstancias ambientais de expectativa histórica, tensión hormonal e cálculo infinitesimal, en canto os de branco cobran vantaxe no marcador abrocha en miles de gorxas (pero en moitos miles de gorxas) o cántico que un afastado serán de 1973 percorreu por vez primeira as meninxes ubérrimas de Manolo Escobar & Bros. Si, xusto; ese Y Viva España que todos sabemos de cor tras tanto chute en vea por chiringuitos e festas populares.

Tan reiterado como esta pulsión antropolóxica do estadio de Chamartín (máis vibrante canto máis medo previo pasou o madridismo no partido ou no que agora os necios chaman a previa) é o silencio asociado e case sempre cómplice dos locutores da radio e a televisión públicas (dos privados xa nin falo) encargados da información, o cal conduce a pensar que existan indicacións claras da superioridade sobre a inconveniencia de subliñar ese feito, ese enfeite diferencial co que por pasiva agasalla Madrid, rompeolas machadiano de las Españas, ás “nacións periféricas” do Estado. Porque é claro que o que fan os mexanacamas que pretenden saber de tácticas e que en realidade se limitan a machacarnos con patolóxicos orneos, insensatez cúbica e infantil fachenda expostfactista (do tipo “isto xa o dicía eu no minuto 3 e tal e cal...”) é, no fundamental, interviren como coro da excelencia atribuída aos protagonistas (deportivos, financeiros, mediáticos) de branco. Malia estar afeito un tras tantos anos a esas e a outras regras do xogo non deixa de causar enorme vergonza allea comprobar ano tras ano que nós, os branquiazuis, somos como moito figurantes, ou peor: tenros e dóciles años para a Gran Festa do Sacrificio Merengue. Pero non era dese descaro nin desas feblezas do que hoxe ía falar, certamente.

O que pediría aos meus lectores e lectoras é que colaboren a aclarar que pasa aquí partindo dos seguintes faits accomplis:

1. Ese cántico, o da canción de Escobar, resérvase rigorosamente no Bernabeu para as conxuncións astrais nas que o Madrid se adianta no marcador sobre equipos vascos, galegos ou cataláns (coa excepción do Español). Non se entoa o YVE contra Racing, Sevilla, Getafe ou Valladolid (creo que tampouco tanto contra Osasuna, pero agardarei por carminha-burana-berto-2004información suplementaria). Así, pois, na mellor tradición Hippolyte Taine: raza +  momento + medio + xionllazo do 7 caído no chan = clímax emerxente en forma épico-lírica. Por suposto, estase a falar aquí unicamente do cántico desde as bancadas, pois é certo que o tema de Escobar se pincha por megafonía antes de dar comezo o partido e ás veces tamén no descanso (ignoro se sempre ou se se trata dunha deferencia exclusiva para determinados contrincantes), incluídos neste caso os encontros da selección española. Un inciso: é para este cronista un arcano o regusto do DJ que goberne esas decisións, pois concatena as veces a copla do almeriense con Carl Orff e  con quen faga falta. Aínda que, agora que o penso, pode que o de Orff fose o outro día unha piscadela patriota aos da AVA (Avícola Católica e Azul), sector histórico.

2. O vigor na interpretación de Chamartín gaña en decibelios e bemol duodenal dependendo dunha serie de algoritmos que aínda non son quen de especificar nos que se entremisturan parámetros como a actualidade deportiva, a actualidade política, a situación económica, a posición na táboa clasificatoria, a retentiva renal de cada siareiro, a diferenza conxuntural no marcador (a máis diferenza de goles a favor do Madrid, pero con certo límite, máis gorxas cantando a peza) e o momento estacional.

3. O estro lírico de Escobar aspirou no seu día a integrar en Y Viva España a diferenza rexional con mención explícita (e exclusiva, por certo) de certas marcas identitarias catalás: a sardana e a Costa Brava, nada menos; todo pasado convenientemente polo pasapuré nacional en combinación con estoutros figuremas de neutralización: a Costa do Sol, o fandango, a hidalguía patria e a corrida (de touros).

4. Que clase de historia efectual (Gadamer) conduciu ás masas merengues a esgrimir o himno de Escobar contra a periferia afastándose así do pulo orixinal panhispánico integrador do xenio de El Ejido? Eh? Acaso o feito de non teren alí, na meseta, unha Rianxeira ou cousa similar? Acaso o ritmo inapropiado do chotis? Pero non hai tamén nesa decisión, en medio dela, unha rara contradición consistente en definitiva en recoñecer ao outro como outro nacional? Como diría García-Sabell, cómpre aprofundar.

 

[Arriba, o Bernabeu nun Madrid – Sporting Ciudad. Abaixo, carátula de Berto (2004) en Aduaneiros sem Fronteiras]

 

Jeanne Rozerot

14 de Xuño de 2009

jeanne-rozerot

En febreiro de 2005 visitei Chalon-sur-Saône. Trasladárame alí nun día libre desde Dijon, onde pasaba unha tempada por motivos de traballo. O motivo fundamental era coñecer un pouco mellor o sur da Borgoña e aproveitar o día para visitar o museo Nicéphore Niépce de fotografía. Regresei a Dijon con folletos e algúns libros e catálogos. Un deles, un caderno en realidade, titúlase Émile Zola Photographe. Zola, ao parecer, descubriu a fotografía contra 1888. Viviu con paixón esa nova forma de expresión e de rexistro da vida social e natural a partir de 1895. Até o punto de xuntar oito cámaras e sete mil placas desde ese momento até o da súa morte, en setembro de 1902. Levaba entón uns catorce anos de relación con Jeanne Rozerot, moza natural do Morvan (non lonxe de Chalon-sur-Saône) que entrara como costureira ao servizo da dona de Zola cando contaba apenas vinte anos de idade. No caderno que menciono hai algunha foto de Jeanne Rozerot fotografando ela mesma escenas familiares con outra cámara.

Talvez a fotografía que segue a tomase ela. Ou talvez sexa do propio Zola, autor de moi numerosos autorretratos. Co escritor están os dous fillos que tivo con Jeanne, Denise e Jacques. O retrato de Rozerot que figura arriba é sen dúbida obra de Zola, nun tempo no que el, próximo a cumprir os 50 anos, e completamente obsesionado coa negra cabeleira da moza, emprendeu… Pero… pero isto que é? Un blogue literario, un serio caderno de viaxes, un simple truco para me apropiar da lingua de todos ou que? En fin, eu só quería engadir que Zola empezou a facer deporte cando o de Jeanne Rozerot. Iso. Bicicleta, se for preciso engadir máis datos, por todo Médan arriba e abaixo, se é que naquela parte cha dos Yvelines houber tal cousa. Tumba e dálle, todo o día para baixar peso e parecer máis novo a ollos da súa namorada… En calquera caso, en calquera caso, o Morvan si que é por completo delicioso e costento, con tanta montaña e tanto val. E, ademais, Alexandrine Meley, a esposa de Zola, a quen este retratou tamén con frecuencia malia levar adoito ela o pelo recollido, tivera algo con Cézanne e por riba sobreviviu ao raro accidente no que o novelista perdeu a vida afogado nas emanacións de monóxido de carbono provocadas polo feito de a cheminé da alcoba matrimonial non tirar alá moi ben, seica, aínda que non falta quen asegura que se tratou en realidade dun asasinato político… , porque ben se sabe que non todos os j’accuse son j’accuse de jacuzzi. Algúns, no canto de se cobrar, páganse. Bicicleta aos 50, si! Que carafio! Ou é que imos poñernos agora tal…? Home, por favor!

zola-cos-fillos

Crise, deporte e nomenclatura

7 de Abril de 2009


Vendo a Rodríguez Zapatero comentar a crise de goberno e situala como apéndice do plano secuencia da súa semana de gloria internacional, con foto en tres cidades distintas da man de Obama, vendo o aceno aínda xuvenil de persoa oufana por sentar na mesa onde se decide o rumbo do mundo, anoto o que me vén á cabeza sobre a reconfiguración do Goberno do Estado:

1. Resulta clara a mensaxe que Zapatero quere deixar en termos históricos como presidente. Chámase igualdade e pasa pola equiparación definitiva de homes e mulleres. Non é pouco, hai que recoñecelo. As dúas primeiras vicepresidentas son mulleres, o terceiro vicepresidente é varón. Na foto de mañá nas escaleiras da Moncloa flanquearán ao presidente dúas mulleres: pola dereita Fernández de la Vega e pola esquerda Salgado. A foto é a mensaxe, considero. Salgado será a primeira ministra de Economía na historia de España. Primeira ministra de Defensa hóuboa xa antes. Está claro, a día de hoxe, que o xefe de goberno intentará promover unha muller como sucesora súa cando el canse.

2. Resulta tamén claro o propósito de blindar colexiadamente o núcleo duro de decisión. Será o partido quen entre apretado á melé da crise económica. Ignoro se coa mesma estratexia que os da foto de arriba. Era precisa máis política, dise. Si, e tamén menos responsabilidade persoal se a cousa fracasar. Obsérvese: nunca antes estiveran nun goberno do Estado o secretario xeral do partido, o vicesecretario e o presidente. Ou moito me equivoco, ou nunca antes (Glorioso Movimiento Nacional á parte, claro).

3. O famoso organigrama ten bastante de carambola. A verdade é que eu non acabo de crer que haxa organigrama. Desde logo non na proxección que se traslada á sociedade. Descoñécese esa cousa, dentro e fóra. A distribución queda así, e podería quedar doutro xeito, de calquera outro xeito. Nas primeiras informacións, a iso das 13,3o h. de hoxe, escoitei nomes curiosos de ministerios, que polo de agora non existirán. Por exemplo, Fomento y Vivienda como un único ministerio. Educación…, que dicir de Educación? Era un ministerio diso, de Política Social y Deporte. Sen Universidades. Agora será de Educación a secas. Ou de Educación a Secas? Díxose que de Educación y Universidades, pero na páxina de Moncloa di só Educación, se ben coa Secretaría de Estado de Universidades dentro. Zapatero non sabe que facer con Universidades. Agora mete a un catedrático de metafísica a dirixir o asunto. Tamén hai unha latinista en Cultura. Son novidades curiosas. Como persoa de Humanidades, a min preocúpame un pouco tanta presenza do gremio. González-Sinde non perde o tempo: xa ten clube de fans. Piden que sexa cesada antes de tomar posesión (P2P e esas cousas…). Por certo, Política Social agora pasa a ser, con Trinidad Jiménez, Políticas Sociales. Curioso tamén. Talvez haxa dúas no canto de só unha. Non hai organigrama? Non, non hai organigrama. Hai reaxuste e adaptación ao medio. Serán tres as vicepresidencias (algo como mínimo antiestético) pola entrada como ministro de Política Territorial de Chaves (na páxina web da Moncloa, asegúroo!, até hai uns minutos dicía que sería ministro de Cooperación Territorial; pero igual se queixou Moratinos a ZP, porque el é de Asuntos Exteriores y Cooperación…, demasiada cooperación, carafio, pensaría ese home un chisco diletante de máis). Raro igualmente isto de deixar a presidencia dunha comunidade autónoma como Andalucía para entrar como ministro no goberno central. E cando aínda non se cumpriran trece meses desde aquelas eleccións autonómicas. Non semella moi respectuoso cos andaluces. En fin: tres vicepresidencias, diciamos. Podían ser máis, é certo. Podían ser oito, ou once. Podían? Podían! E podía haber un ministerio de Vivienda, Universidades, Avecrem y Medio Ambiente? Abofé que si!! Con circunstancias ad hoc, abofé que si.

4. Chama a atención que a Secretaría de Estado de Deportes e o Consejo Superior de Deportes pasen a depender directamente de Presidencia do Goberno. Será que Gabilondo non o quixo? Ca! Máis ben terá que ver con algo que ocorrerá en outubro deste ano 2009. A posíbel designación de Madrid como cidade olímpica en 2016. Úloo, so iso. De non estar Chicago na carreira até pensaría que esa fose unha das postais intercambiadas con Obama. Pero Chicago é Chicago, talvez outra aposta persoal. Ou é que en Chicago xa decidiron que non poden cargar con iso ou que non cadra coa austeridade autoaplicada? De calquera xeito, o deporte sempre se enuncia con sorriso, como ben saben nos telexornais. Nunca entenderei por que, pero iso é o que ocorre.

5. Blanco toma posicións para entrar na carreira de fondo pola Xunta en 2013. Este home, creo que con Corcuera e Corbacho o único ministro socialista da Restauración sen título universitario (acabou Dereito pola UNED?), é calculador. Todo era previsíbel, pero agora fica confirmado un dos elos do conto que nós mesmos nos contamos. Semella verosímil. Aí, por outra parte, concordo con Rajoy e con Feijóo (horreur!): será moi doado facelo mellor que Magdalena Álvarez.

6. Catro galegos nun total de dezasete ministros. Imaxino que iso precipitou a saída de Molina, ou que polo menos contribuíu a darlle porta tras un par de anos de servizos. Catro galegos, si, e polo menos tres con peso político no gabinete. Pode ser interesante. Veremos.

7. Last but not least, máis da metade dos membros do novo goberno son máis novos ca min. Non acabo de entender como pasan estas cousas.

[Partido de rugby con tocamento Francia-Australia (2008). Fotografía de Tim Wimborne]
ps. Cando o vicepresidente nono prometeu o cargo o crucifixo seguía alí. Un aseguraría que incluso máis grande (08 04 2009).

Manifesto contra a natación sincronizada

4 de Decembro de 2008

Hai algo de perverso-pop e sobre todo de incómodo-camp nese inopinado deporte olímpico-kitsch nominado, de maneira impropia, “natación sincronizada”. Algo desacougante que cando a exhibición cinético-húmida é por parellas remite inevitabelmente ao tema do dobre literario, cunha parte escura e oculta (a que fica baixo a superficie da auga), e que cando en grupo reenvía a mente ociosa a reconsiderar a serialidade artística ou textual, de novo natura abscondita, tanto na súa formalización de exacta reiteración —á maneira das irmás Cholmondeley das que onte falaba con Paula no café— coma naquelas outras que incorporan algunha clase de variación ludo-lela perceptíbel, no cromático ou no xestual. Ao xeito de Warhol, sen irmos máis lonxe. Natación? Non o acepto. Sincronizada? Sen dúbida. Deporte? Tanto me ten. Sexista? Xaora que si.

Desde a modestia discrónica de quen non sabe levar o paso, maniféstome a prol da retirada inmediata do estatuto olímpico a esta modalidade pseudo-natatoria. Ou, como mínimo, demando das autoridades competentes que se eleve á mesma condición unha outra variante igual de plástica pero que evita ao público a exposición á letal polaridade moño-sorriso (tamén serial e funámbula por sobre o cabo aquel da máscara sardónica sostenuta de por vida). Soño, e ben podería ser indicio de neurose senil ou tamén de homoerotismo larvante…, soño —digo— coa alternativa do lanzamento de martelo sincronizado. Calculo: seis finlandeses serios e vestidos de modo exacto branquiazul coa crux desperationis onde a bolsa escrotal, guindando acolá cadanseus 7,2 kg de martelo, os seis acenos exactos de abdutores a rubir até o hipotálamo (coa variante awarholante do “lanzamento nulo”, se se quer), as seis bolas caendo á vez en parábola homologante e seis xuíces seis de branco clown a correr en perfecta sincronía circense para cantaren todos seis, asemade, as seis medidas, 80 metros cada quen, tamén idénticos e cholmondelentes.

[Na fotografía superior, Gemma Mengual e Andrea Fuentes, prata nos Xogos Olímpicos de 2008. Na outra, Juha Tiainen, ouro nos de 1984]