Edgar A. PoeArchive for the ‘’ Category

Poe na Granell

26 de Maio de 2009

cartel-maraton-092

Mañá mércores desenvolverase na Fundación Granell de Compostela a xa tradicional maratón de lectura que organizan sempre por estas datas de maio. Nesta ocasión o autor homenaxeado e lembrado será Edgar A. Poe. Penso ir por alí e talvez ler algo da prosa crítica do bostoniano. Se me deixan, claro. Recoñezo que pode resultar raro facelo nun acto deste tipo, pero non só os contos son interesantes, non só os poemas. Igual leo a “Filosofía da moblaxe”, onde Poe compara a maneira de entender a decoración interna de diversos pobos europeos e dos propios norteamericanos (di por exemplo que os rusos deixan as habitacións sen móbeis; e di que os españois abusan das cortinaxes, ao que engade esta frase pouco morna: “segundo corresponde a unha nación de verdugos”). Claro, todo iso, refírome á cuestión xeral da ocupación dos espazos habitacionais, ten repercusión logo na configuración dos interiores nos que ocorren cousas, cousas como que un corvo entre no cuarto dun poeta (con cortinas de seda, por certo) e vaia pousarse sobre un busto de Palas, cousas como as que ocorrren na sobrecargada Casa Usher.

Resulta simpática esa percepción dos estereotipos nacionais, xa tan cultivada no século XVIII, entre outros polo case sempre serio Emmanuel Kant en tratadiños como as Observacións sobre o sentimento do belo e do sublime. Neste libro lese, por voltarmos ao de antes, que os españois son tan temperamentais como extravagantes, motivo polo que carecerían de capacidade para o cultivo das artes e tamén das ciencias. Como en Poe anos despois, en Kant non é doado falar de España sen referirse á cor do sangue, por iso saen de inmediato no seu discurso as referencias esperábeis: corridas, duelos e autos de fe. Curiosamente, todo o que tamén retomarían de mil e unha maneiras na súa narrativa tanto Granell coma… Valle.

E é que si, en efecto. Como as cousas son sempre azarosas a propósito dun surrealista debo engadir algo notábel que me aconteceu aínda onte. Xantei apacibelmente con Dru Dougherty, prestixioso valleinclanista e profesor en Berkeley, e comentei con el os plans para o mércores. El decidiu sumarse ao acto da Fundación Granell se remataba antes uns compromisos. E despois acabou contándome unha historia que ten algo de inverosímil pero que é rigurosamente exacta: a orixe da súa aproximación a Valle-Inclán nos anos 60 nun college do norte de Nova York (lecturas das Sonatas) e o feito, estraño, de naquel momento ler el e estudar naquel lugar La novela del Indio Tupinamba (1959) a primeira das tres que escribiu Granell. Non só iso: a persoa que o levou a facelo, a persoa que conduciu a Dougherty a esas lecturas, foi Elton Anglada Segarra, o fillo que Amparo Segarra tivo antes de partir ao exilio. Amparo, si, a compañeira de Granell.

Creo que non mencionei que das paredes das habitacións da Casa Usher penduran grandes tapices. É curiosa a correlación entre tales tecidos e o sangue sacrificial en Poe. Como tamén o é en Granell a brutalidade dos clérigos e a súa permanente proximidade á idea do sacrificio, a súa bestialidade. Sacerdotes, bruxos, xamáns… como os do Paxaro Pí. Velaí ese Fraile de Zurbarán (1946) do cartaz, a súa animalidade entre entomolóxica (mantis?), metamórfica en dirección arbórea e pre-(post-)Disney. Non lembro ben agora mesmo se no Pazo de Bendaña hai cortinas. Dá algo de medo pensalo. 

[Cartaz da maratón de lectura E.A. Poe na Fundación Granell, mércores 27 de maio de 2009]

 

ps. Pois todo transcorreu segundo o previsto. Veu tamén connosco outro californiano, Mark, que leu o relato “O gato negro”. Dru leu, tamén na lingua orixinal, o poema “As campás”. E eu lin, por non me desmarcar tanto deste blog, algo da prosa crítica de “Marginalia”. Interesante onde Poe retruca a Montaigne ou a Novalis, sempre para reforzar a entidade autorial, a figura do control absoluto do artificio verbal (razón ou beleza segundo se trate, respectivamente, de contos ou de poemas). O autor existe, Poe non o dubida. E non só existe. Ademais, exerce autoridade, dominación sen paliativos sobre os lectores, sobre cada lector. De modo que, contra Novalis, o tema non se impón nunca ao autor; e contra Montaigne: se non se sabe exactamente o que se pensa e como se pretende desenvolver na escrita o mellor é non escribir. A literatura en Poe: cálculo infinitesimal. Sempre mo pareceu. E iso, agora, distánciame del algo máis que  antes. Engado algo: estiven pendente no tempo que alí pasamos de en cantos textos dos lidos por outras persoas aparecían cortinaxes. Alcanzo unha conclusión sobre isto. Sen cortinas e tapices Poe non sería Poe (27 05 2009).