elecciónsArchive for the ‘’ Category

A opinión pública e o voto

22 de Xuño de 2009

 

tourino-audi-360Segundo pode verse nun post moi lúcido e clarificador de Calidonia, o Centro de Investigaciones Sociológicas vén de facer público o informe correlativo a unha enquisa feita en Galiza tras as eleccións do 1 de marzo. As datas exactas da consulta foron do 7 ao 31 dese mes de marzo. Todos os datos son relevantes e non creo que eu poida engadir nada ao anotado por Calidonia. Acaso só algún subliñado reiterativo: a diferenza de votos para a consecución do escano decisivo foi moi escasa e a batalla decidiuse nos últimos días da campaña en zonas urbanas moi específicas, xusto aquelas nas que o dominio e control da opinión pública por parte de La Voz de Galicia son absolutos. Este medio facía ostentación hai uns días desa influencia á hora de orientar o voto: un 45,6% da poboación galega prefire ese xornal para informarse segundo os datos do CIS. Os efectos da manipulación co asunto do Audi e co asunto do iate estaban ben calculados. O mesmo que o xogo dos tempos e a propia coordinación, en días consecutivos, entre a manifestación en Compostela de Galicia Bilingüe e o manifesto “Yo protesto” do editor Rey Fernández-Latorre.

Se neste blog se fai tanto fincapé nesta zona do problema político que temos enriba é por algo. Alén das percepcións persoais e das distancias éticas, insisto, é por algo. E resulta evidente que o problema nunca se solucionará se non se logra reducir como mínimo nun terzo a influencia sociocultural e política deste xornal, a súa pegada, o cal non é tarefa doada se se consideran os intereses económicos e doutro tipo que ten detrás como sustento da súa hexemonía. Un complemento ilustrativo: segundo a enquisa do CIS, o medio que segue en influencia a La Voz de Galicia sería Faro de Vigo, pero a enorme distancia, pois a porcentaxe de seguimento resulta ser neste caso de só o 16,8%, pouco máis dun terzo que a correspondente a LVG. Este dato e os complementarios, referidos a outros medios, quedan reflectidos no informe mencionado (que pode descargase aquí) do xeito que se amosa máis abaixo. Podería pensarse, e é certo, que as distancias ideolóxicas entre os medios relacionados nesta nómina son a miúdo escasas ou incluso nulas. A cuestión, aquí e en calquera outro lugar que se desexe considerar, radica como é evidente na conversión da opinión pública nun xoguete en mans de quen exerce o poder. Iso é o que permite construír a realidade. Iso é o determina tamén a percepción dos dereitos individuais e colectivos. Eis o detalle dos datos referidos á pregunta 13 da enquisa do CIS:

  

Pregunta 13ª

 

¿Y qué periódico prefiere Ud. para informarse? (Respuesta espontánea)

 

  

El País 8.6

El Mundo 2.4

ABC .6

La Razón .2

Público .4

El Correo 1.1

La Voz de Galicia 45.6

El Ideal Gallego .9

La Opinión .7

Xornal de Galicia .5

El Correo Gallego 3.5

Diario de Bergantiños .1

Diario de Pontevedra 1.8

Faro de Vigo 16.8

Atlántico .1

Diario de Arousa .1

El Progreso 4.7

La Región 5.2

Periódicos digitales .1

Periódicos económicos .1

Periódicos gratuitos 1.5

Todos .6        

Otras respuestas 1.3

N.S. .1

N.C. 3.0

 

(N) (1770)

 

  

 [Na fotografía, Touriño saíndo do célebre Audi, non sei se recordan]

  

Falou o oráculo

17 de Xuño de 2009

rbv

Invístese de autoridade técnica e de inmaculada asepsia xurídica, pero o que elabora é un discurso plenamente ideolóxico, con moi importante carga de violencia simbólica contra quen considera os seus adversarios políticos. Estes son, a día de hoxe, segundo o que el mesmo se encarga de reiterar á mínima oportunidade, todos os que non comparten un ideario conservador e radicalmente nacionalista na defensa da identidade e da esencia española, entendida esta nun sentido ahistórico e, nos seus fundamentos xurídicos, claramente preconstitucional. De modo que o noso constitucionalista está desconstitucionalizado. 

 

O seu programa é ultraconservador en cuestións sociais e políticas. Ten pleno dereito a emprender esa ruta, desde logo, e a facelo con teimosía e cegueira xurídica; ou, noutro plano, servindo os intereses que serve. Pero non ten dereito ningún a concretar un día si e outro tamén un intolerábel e perverso ideoloxema, xermolo potencial do autoritarismo máis perigoso: “Os que non pensan o que eu penso son violentos e exercen con violencia a súa intervención política”. Isto é o que Roberto Blanco Valdés di hoxe na súa columna de opinión. Iso é o que di unha e outra vez. E iso é inadmisíbel.

 

Os trucos para manter tal liña de argumentación son intelectualmente obscenos e, porén, bastante eficaces en relación co nivel medio de formación dos lectores dun xornal como La Voz de Galicia. Isto é o que a min me preocupa. O certo é que non teño interese ningún en polemizar no plano persoal con Blanco Valdés, o que me parece urxente é contribuír a parar esa maquinaria criminalizadora de todo o que se sitúe uns centímetros despois da socialdemocracia galeguista. No artigo de hoxe, por exemplo, fala de “auténtica intifada” para referirse ás moi cívicas e pacíficas accións de protesta contra a consulta a pais e nais argallada polo Goberno Núñez Feijóo. Tirou alguén aquí algunha pedra? Deixando agora á marxe o valor semántico que este home outorgue á palabra, como se atreve a falar de intifada? A min paréceme que o seu discurso si é violento, porque forza de vez a verdade e forza seguido a realidade, a que está aí fóra, na rúa, no mundo laboral, na convivencia cotiá. Iso si é tirar pedras: tiralas desde a súa posición de constitucionalista e de algo non desemellante ao rol de editorialista do xornal no que publica. Por iso falo de violencia simbólica, por equiparacións como a de hoxe, cando afirma que a normalización lingüística non é máis que “el cambio, mediante la imposición, de los hábitos lingüísticos de la sociedad”. Isto si é violencia e, alén diso, creo que constitúe unha mostra bastante pura de cinismo social. Pero o máis relevante é que converte en criminais, ou en algo moi próximo a iso, a todos os que interpretan i) que o castelán ten en Galiza unha posición de superioridade abrumadora sobre o galego na práctica totalidade dos usos institucionais e no uso lingüístico por parte de instancias dos distintos poderes actuantes na vida pública e ii) que os falantes de galego se ven a diario na obriga de facer cesión dos seus dereitos constitucionais para manteren a través desa renuncia a paz social e un mínimo de sosego persoal. 

 

Asemade, Blanco Valdés auspicia coas súas palabras a conversión en sospeitosos de non-se-sabe-que de todos os que empregan a lingua galega para estabelecer unha comunicación interpersoal ou social. O ideoloxema de base é simple: falar castelán e defender a súa hexemonía é natural, falar galego é defender a súa normalización como lingua de comunicación é político. Asociado a isto, na práctica discursiva deste columnista é relativamente usual introducir algúns termos en lingua autóctona. Un día un por aquí, outro día esoutro por acolá. Fáganme un favor: sigan eses usos e intenten detectar a súa fundamentación pragmática ou performativa. En termos menos técnicos: fíxense en que circunstancias mete algunha palabra en galego no marco da súa argumentación. Descubrirán que a norma non tan oculta é bastante sinxela e que de novo obedece un patrón ideolóxico reaccionario, promotor da subalternidade da que o vixente Estatuto define como lingua propia do país. Aí vai completamente da man co patrón Rey Fernández-Latorre e o sostén do autonoxo que pagamos cada un de nós cos nosos impostos co destino ficticio de normalizar o uso do galego nos medios de comunicación. Prevaricación e cinismo todo revolto. De novo o intolerábel asumido e aceptado por case todos. Por unha maioría, aquí si, pois nada efectivo se fai para conseguir que esa vergonza remate.

 

O furibundo nacionalista que é Roberto Blanco Valdés interpreta ademais, día si e día tamén, que en Galiza existe algo semellante a aquela maioría natural da que falaba Fraga Iribarne. E iso é tamén falso, rotundamente falso. O pobo falou o 1 de marzo, acéptese. E curiosamente para naturalistas como Fraga e como Blanco, a maioría social (real) non coincidiu exactamente coa maioría natural (suposta), porque houbos máis votos á esquerda que á dereita (poucos máis, si, pero máis), por usarmos eses termos que favorecen que nos entendamos e que, en realidade, son parte constitutiva da ficción política que, de novo con violencia simbólica incesante, publicistas como Blanco Valdés contribúen a manter activa desde posicións moi poderosas para a conformación e control da opinión e do espazo públicos (“El ojo público”, rotula sen rubor o columnista a súa colaboración, tamén aquí disfrazando de criterio o que adoita ser simple doutrina).

 

Por último, Blanco Valdés, con contumacia talvez efectista pero de novo intelectualmente reprobábel e eticamente abeirada á infamia,  insiste en considerar que toda acción política contra os seus intereses de clase ou contra as súas crenzas políticas ou académicas obedecería a unha planificación en mans dun extremismo que identifica coas siglas BNG, o cal convertiría en satélites e autómatas só aptos para a consigna a todos os que nos declaramos contra a concepción do Estado que este constitucionalista menor defende con visceralidade, falacias e vellos trucos sofísticos, un deles pensar que os que discrepamos somos minoría activa mentres que el e os seus (os seus lectores, o seu patrón, os seus correlixionarios…) son a maioría silenciosa, segundo o título da súa columna proclama hoxe. Era boa!

 

  [Roberto Blanco Valdés, columnista de La Voz de Galicia e catedrático da USC]

 

 

A democracia e a intervención do poder

21 de Maio de 2009

 No número 143 da revista Tempos Novos (abril 2009, pp. 30-35) apareceu unha entrevista que me fixo Belén Puñal e que ilustraron as fotografías de Tamara de la Fuente. O marco foi o dosier que a revista titulou “1-M. Estratexias políticas e mediáticas”. Agora a entrevista publícase tamén en formato dixital (TemposDixital).

tourino-e-rey-bn1A conversa foi longa e pausada. Arredor dunha hora. Talvez algúns aspectos tiven ocasión de analizalos e desenvolvelos un pouco máis polo miúdo do que aparece no texto da entrevista, pero no básico iso que se recolle é o que dixen e é tamén o que penso. O meu criterio non variou en ningún dos aspectos tratados, aínda que é certo que desde o 27 de marzo, día no que mantivemos o encontro, foron numerosas as incidencias rexistradas na política galega e no seo dos tres partidos representados no Parlamento. Como tamén na esfera estatal, coa crise de goberno que supuxo, entre outros asuntos sen tanta confluencia co tratado na entrevista, o acceso de José Blanco ao Ministerio de Fomento.

Reproduzo de seguido o texto tomado de TemposDixital:

Que significado ten para vostede o 1-M?

Aínda non hai consciencia do que significa isto. No que se refire ao proxecto nacional, o feito de que o estatuto quede aparcado ou pase a ser unha cuestión secundaria na axenda paréceme dunha gravidade extrema. Coido que os medios, especialmente os máis implicados co mundo económico, financeiro, industrial, eólico,… aprenderon moitísimo desta experiencia. Fixeron un cursiño moi acelerado, e para eles moi produtivo, sobre como manexar a opinión pública. E a opinión pública galega é moi manexábel por feblezas emocionais.

Estas eleccións situáronnos ante un mapa do voto inédito no país. Se falamos de Galicia como realidade, en que estadio coida que estamos?

É un momento moi determinado pola situación económica internacional, de expectativa, de indefinición industrial, cunha cantidade de postos de traballo no aire extraordinaria. No terreo político, Galicia unha vez máis opta pola subsidiariedade, pola subordinación. Polo que Fraga chamaría “facerlle un servizo a España”. Por non ter axenda propia. E iso é nefasto.

Aínda non está Galicia madura para un proxecto propio?

Non me convence esa expresión. A cuestión non é esa, senón de liberdades. Admitimos e fomentamos unha hipoteca das liberdades públicas, e o Goberno bipartito non fixo nada para cambiar a situación. Estamos permanentemente condicionados a que opinen por nós os medios e as empresas, a que non exista unha boa articulación da opinión pública, a que non haxa debate público, a que se criminalicen determinadas posicións políticas. Blanco Valdés está permanentemente identificando independentismo e terrorismo, e paréceme inadmisíbel. O bipartito fixo bastante ben a xestión, pero a min non me chegou un discurso político no sentido nobre que ten a política de construír realidades e discurso. Descreo de que iso se deba a unha falta de conexión entre dúas sensibilidades políticas. Están afastados nos discursos públicos, pero non tanto no resto de cuestións, e nese sentido falta política.

E se falamos de Galicia como proxecto, cara a onde debemos ir?

Hai unha palabra básica, que define os momentos fundamentais da historia de Galicia. É “dignidade”. Nas eleccións, houbo unha renuncia clara á dignidade, no sentido de saber dar resposta aos infundios, á irrupción do poder con maiúsculas, de deixarse enganar por cantos de sereas de ínfimo nivel. Da mesma maneira que o Prestige serviu para reactivar as vitaminas de moita xente, agora hai un movemento en marcha coma reacción á manipulación política que debería tamén render resultados, non só electorais, senón tamén sociais e culturais. Galicia ten que recuperar a dignidade cultural e política, e iso só se fai falando en pé de igualdade co poder.

Cales son as dificultades, internas e externas, para un proxecto baseado na liberdade e na dignidade?

Autoconvencernos da nosa identidade nacional e establecer cal sería o noso papel no escenario histórico que se abre para o Estado español. Se goberna o partido que goberna, a nosa aproximación tenderá a ser ao modelo Murcia. Se gobernan as alternativas, e se nos convencemos de que a única alternativa ao goberno pasa por un bo entendemento e unha boa xestión da colaboración a partir dos concellos e deputacións e do que se teña, a partir de aí eu creo que haberá que decidir entre o modelo Murcia e o modelo Cataluña.

Por que o discurso de Galicia Bilingüe arramplou con todo o que se consideraba politicamente correcto dende hai vinte anos?

Por unha banda, ter dotado a Galicia Bilingüe dun estatuto de interlocución no debate público retroalimentou as súas forzas, e iso é algo ao que todos contribuímos nalgunha medida. E por outra, teño a impresión de que Galicia Bilingüe talvez non tiña unha programación tan exacta do que ía acontecer no futuro, canto aos seus propios contactos e pactos, como o que finalmente o propio proceso activou. Creo que algunhas persoas tiñan bastante calculados os movementos, e Galicia Bilingüe foi un peón relevante nese proceso. As últimas semanas, que corresponden á campaña electoral, estiveron moi pautadas por unha serie de movementos mediáticos. E iso só se resolve ben, coa precisión coa que se fixo, se hai técnicos e cálculos demoscópicos moi finos detrás.

Movementos pautados mesmo até na propia xornada de reflexión…

Absolutamente. E isto é algo que non se debe esquecer. De feito, estamos vendo que nestas últimas semanas a actuación de Touriño responde a unha especie de toma de terra. Parece que todo o seu carácter, que nunca antes saíra, o sacou despois das eleccións. Isto obedece tamén a outros condicionantes, basicamente á soberbia política e a unha certeza de que as cousas estaban consolidadas, cando obviamente non o estaban. O reparto da dereita e da chamada esquerda, no país, está moi equilibrado. Hai que ser moi conscientes de que os últimos días son moi importantes, non tanto polo que digan os políticos –é un discurso ao que non se lle presta maior atención pública–, como polos movementos mediáticos.

Coida que iso de que a prensa é o cuarto poder quizais nunca quedou tan claro en Galicia como agora?

Claro. Por falar de La Voz de Galicia, a prima donna deste concerto, todos temos máis ou menos na memoria momentos anteriores da súa traxectoria. Todos sabemos que puido representar a dirección de Pillado no seu momento ou a toma de posición con Augusto Assía en relación cos pactos do mundo sindical. Moito máis fresco temos o primeiro momento en relación co Prestige e todos tamén, a pouco que nos fixemos, temos capacidade de análise para saber cales son as circunstancias e os operativos que fan variar a suposta posición editorial de La Voz de Galicia.

Cales son para vostede esas circunstancias?

O reparto eólico foi o factor fundamental, a aspiración a que se reformule ese reparto, e a que determinadas opcións non recibisen a súa parte da torta. Pero hai outro factor, a aparición en escena do partido de Rosa Díez, de Unión Progreso y Democracia (UPyD). Non son analista para determinar a que condicionantes corresponde esa extraordinaria emerxencia dunha forza política que chega a alcanzar os 25.000 votantes practicamente sen traballar nin coñecer o terreo, a través da fulguración mediática de Savater ou Díez. Estou convencido de que ten apoios importantes no mundo empresarial e político galego, se cadra como factor de recambio. O meu razoamento é que algunhas figuras da política galega coma Francisco Vázquez non son alleas a ese movemento de fichas.

Falaba no seu blog do entrismo, como esa actitude de certos conformadores de opinión, en aparencia de esquerda ou centro esquerda, que á hora da verdade acaban servindo estratexias conservadoras…

Iso foi unha broma da linguaxe trosquista.

Por que ese pudor a manifestarse abertamente nunha liña explicitamente conservadora, tanto de La Voz como doutros medios e sectores intelectuais?

La Voz de Galicia é no país o xornal único para moita xente que non necesita facer un esforzo de matización dentro do abano político. Ademais non ten competidores no outro lado do campo, e polo tanto aspiran a que sexa un xornal que lea todo o mundo, e aparentemente neutro. Tamén é o xornal das esquelas a día de hoxe. É un medio que a xente, sobre todo certos lectores, manexa apenas para a información local directa, ou pouco máis. Como proxecto histórico perdeu o rumbo. Alén diso, o seu nivel de autoesixencia profesional está en mínimos.

Pero tamén hai certos intelectuais que están nesa liña. ac1

O que nos xogabamos estas eleccións era moitísimo e nese sentido eu non podo entender que haxa colaboradores simplemente galeguistas –non vou dicir nacionalistas–, ou que se sitúan na esquerda, que nunca digan nada en relación coas posicións públicas de carácter político que toma o medio no que eles están intervindo. Paréceme un acto de covardía.

Entrando en responsabilidades concretas, cales son as de Touriño e Quintana?

Absolutas. Aí non hai matices, son os responsábeis do que pasou e cargarán toda a vida cunha responsabilidade política por este erro colosal que cometeron. Porque ademais toda a súa estratexia, todo o pacto de goberno e todo o que se tivo que aguantar desde posicións máis ou menos de esquerdas, foi sobre a base de que este era o inicio, e polo tanto, tiña que facerse ao ralentí. Ese ralentí levou a que o camiño que se quería andar fose moito menor do previsto, e a partir de aí, foi un fracaso colosal, de cálculo, ritmos, discursos…, que está a ter un efecto pertubador extraordinario para o futuro.

Sendo como foron as marxes de esquerda e dereita tan pequenas, a perda dunha parte do seu electorado de esquerdas foi especialmente grave para o bipartito…

Si, sen dúbida, e moitas veces por cuestión simbólicas. Outro erro moi grave da fase final do proceso foi que a presidenta do Parlamento acudise a un acto relixioso como o que supón a translación dos restos do apóstolo Santiago o 30 de decembro. Ela representa o poder popular. Non pode participar nesa teatralización lexitimadora que equipara poder civil e poder relixioso, en diálogo público, cun representante dunha institución político-relixiosa. Fíxese: iso ten unha forza desmoralizadora extraordinaria.

Que cuestións cre vostede que frustraron máis as bases sociais críticas nestes anos de xestión do bipartito?

No PSdeG-PSOE decepcionou moito, ao comezo, que Touriño confiase en exceso en tecnócratas, en xente de perfil político limitado, para o labor de goberno, opción que evidentemente respondía a una estratexia política. Esa percepción das bases trasladouse despois ao conxunto da sociedade, porque a parte socialista do goberno demostrou de maneira fidedigna carecer de discurso político. No campo do nacionalismo, o problema fundamental das bases foi de ritmos, de non aceptar que o ritmo non puidese incrementarse.

Mais ás bases tamén lles custou aceptar determinadas políticas realizadas dende o goberno. Talvez así o amosa a baixada do BNG en Ferrol, onde puido ser clave a oposición a Reganosa…

En Ferrol hai outra cuestión que cómpre ter en conta, a aparición de Terra Galega. Case todos os votos de Terra Galega, uns 18.000, están en Ferrolterra. A morneza en relación con fenómenos como Reganosa seguramente pasou factura. Tamén entendo que as bases do BNG probabelmente nunca chegaron a entender se compensaba facer tanto esforzo eólico para quedarse cunha porción que aproximadamente era a metade da inicialmente considerada polo propio BNG como innegociábel. A xente percibe talvez un exceso de protagonismo do BNG en cuestións simbólicas pero vaiamos a cuestións orzamentarias e vexamos a descompensación que se produciu entre o simbólico e o económico.

O PP mantén unha gran forza social. Onde radica?

O PP non ten inimigos naturais de suficiente tamaño no campo mediático e ademais sabe que calquera pequeno fallo que cometa a esquerda será sobredimensionado. O PP vive cómodo e relaxado na súa biosfera. Os predadores, no medio que habita e controla, non lle fan maior pupa. Nese sentido presupoño que o blogomillo pode constituírse en catalizador: ten moito que facer nos anos vindeiros, e para iso eu coido que ten unha capacidade grande de convocatoria, de mobilización, de facer ruído e chegar a máis capas sociais.

Unha das grandes perdas da esquerda estivo no voto mozo e urbano. Ponnos ante un mapa sociolóxico novo?

Hai que ter en conta unha vez máis a situación económica. Iso supón que a xente que accede ao voto nunha situación de inestabilidade, de falta de seguridade, etc. pense nas alternativas.

Por onde coida que debe ir a procura de novos líderes tanto no PSdeG-PSOE como no BNG?

O grave da situación actual é que existe unha percepción moi xeneralizada de provisionalidade nas decisións que se tomen nos vindeiros meses. E iso en termos políticos é nefasto, sempre se acaba pagando un prezo.

Dáse por suposto que existen tapados…

Planea a idea de provisionalidade, á espera da aterraxe dalgunha gran figura, e cando falamos de gran figura en relación co PSOE todo o mundo sabe a quen me refiro. Iso pasaría por unha adxudicación inicial da carteira de Obras Públicas a José Blanco. No BNG non hai ese referente externo, esas plataformas mediáticas, sociais e culturais que pode proporcionar a televisión do Estado, e todo se ten que cociñar doutra maneira. Creo que se están dando movementos en falso, que se están equivocando por todas partes, coido que aínda non se sabe quen será o líder nin que líder se necesita. Ningún dos que até este momento se mencionaron ten a forza que puido ter no seu día Quintana. E para ir para atrás realmente non sei se fai falta moverse.

Son compatíbeis as culturas políticas do PSdeG-PSOE e do BNG?

Non só non son incompatíbeis, senón que teñen puntos de converxencia moi marcados e hai que darse conta de que o futuro necesariamente pasa por aí. Non hai outra alternativa, non hai ningunha posibilidade de maioría absoluta para ningunha destas dúas forzas políticas no curto prazo

No BNG fálase da necesidade urxente de refundar a organización…

É unha evidencia.

O debate xira arredor da posibilidade tanto de conformarse en partido como de centrar a solución no volver a conectar cos movementos sociais. Para vostede, cal é a vía?

Non o sei. O tempo histórico do frontismo entendido como o entende a UPG pasou. Porén, estamos nun tempo histórico no que abrochan as converxencias de plataformas distintas con sensibilidades parciais. Aí entramos no debate un pouco habermasiano arredor de se a multiplificación de perspectivas e de forzas na esquerda non é un acto de servizo á dereita, que creo que en certa medida si o é. Parcializar a intervención a partir de claves como o compromiso ecolóxico, de xénero, reparto da riqueza, colaboración cos países en desenvolvemento…, nunha multiplicación de perspectivas, compromete a existencia dun discurso único de reacción contra a dereita. E a dereita ten un discurso único, tívoo sempre. Observe a xestión que fai do que lle digo a Igrexa católica. Aí está o paradigma.

Pasa entón o futuro do BNG pola renuncia ao frontismo?

Non sei se o futuro do Bloque debería pasar pola renuncia ao frontismo. Dende logo ten que pasar pola renuncia ao frontismo entendido nun sentido estalinista, no sentido tutelar do calibre do control que exerce a UPG, como unha especie de referente case moral tras de cada acto, de cada elección, de cada nome Pero iso significa renunciar a outro tipo de construción de plataformas plurais? Non. Agora, deixar unha plataforma plural para pasar a ser outro tipo de plataforma plural é un acto político de extrema indefinición e perigoso para a propia cohesión do Bloque, e aí nace a posibilidade da escisión, o que para min en termos simplemente políticos non sería unha desgraza.

Ao PP veulle ben que existira UPyD… Nese sentido, cre que ao BNG lle viría ben que aparecese un partido á súa esquerda?

Non lle viría ben, pero é certo que hai moita xente que está á esquerda do BNG en termos económicos e de políticas sociais, e sobre todo nun sentido que poderiamos chamar ético, de non aceptación de tutelas e de autoridades pre-políticas.

Para vostede non sería dramática esa posibilidade?

Non. Incluso podería axudar a que se reperfilasen nalgún sentido as posicións editoriais dos medios. A tutela da UPG é a día de hoxe o motivo fundamental que poden ter persoas situadas no espectro do centro para non botar BNG. Non sei o que podería pasar se aparecese unha forza política que aglutinase sensibilidades de esquerdas e que soubese prescindir de calquera tutelaxe. Dende logo estou seguro de que a primeira vista á dereita iso encantaríalle. A min, dígoo con claridade, ese reparto non me parecería unha situación tan vantaxosa para a dereita no medio prazo. Non o contemplo como algo apocalíptico.

Canto tempo lle queda a Galicia Bilingüe?

Está claro que o movemento Galicia Bilingüe será fagocitado de inmediato por parte do PP e dos medios que o apoiaron porque a súa persistencia sería un elemento de desequilibrio extraordinario para un goberno da dereita. Canto ao discurso de Galicia Bilingüe, se se exerce en sentido programático tal e como eles o declararon, e se o sacamos do ámbito da educación e o levamos ao xurídico, sanitario, etc., creo que moitos asinaríamos esa opción. Garántame vostede que vou ter un xuíz e procuradores que me van permitir intervir en galego a todas horas e en calquera lugar. Garántame que a administración central do Estado me vai atender en galego se quero. Claro, iso está fundamentado no cinismo: unha cousa é o que se di e outra é o que se quere. O PP fixo un programa no que defendía algo que en realidade non quería. O que quere é outra cousa moi elemental, que é a que quere tamén La Voz de Galicia e Santiago Rey Fernández Latorre: laminar por completo a cultura galega se non pasa polo aro da docilidade e a subordinación.

Na cultura xógase unha parte importante do espectro ideolóxico. Fálase de que, no novo goberno, Cultura será unha consellería única xunto con Educación e Política Lingüística…

Non me fai falta coñecer onde vai estar Cultura para saber o que quere facer coa cultura galega a xente do PP. Coñezo ben a traxectoria de Pérez Varela, sei o que significou, sei que iso é o antónimo absoluto do que eu chamo dignidade, e por tanto creo que é iso do que temos que estar pendentes.

Coida vostede que o decreto do galego será finalmente derrogado?

Non se atreverán. Creo que saben que se fan iso terían para a totalidade da lexislatura aí o talón de Aquiles. E saben que a capacidade de mobilización da Galicia actual por razóns simbólicas deste calibre é extraordinario.

Como están as forzas dos movementos sociais galegos?

Temos un bo estado físico e anímico no ámbito cultural e social. A capacidade que ten o mundo cultural e o mundo social de mover as máquinas é moita, e aí hai moito que facer, e se vai facer, máis aló de xestos. Unha chamada de atención ao mundo cultural para min sería romper coa simple satisfacción que pode dar facer un xesto puntual e despois esvaecerse nese ronsel de autocompracencia. O blogomillo e o mundo das ciberturbas, os novos medios, xogarán un papel importante, primeiro para desenmascarar todo o que pasou nos últimos meses, e a partir de aí para a intervención permanente, no día a día, e facer que o goberno do PP non o teña fácil.

Estas eleccións foron síntoma ou consecuencia?

Foron consecuencia, e foron consecuencia dunha intervención directa e brutal do mundo económico, financeiro e mediático na realidade política do país. Os galegos e as galegas temos que comprometernos con nós mesmos a tomar nota, a non esquecelo nunca e a saber quen é cadaquén.

   [Na fotografía superior Emilio Pérez Touriño e Santiago Rey Fernández-Latorre nunha fotografía de arquivo que reproduce Tempos Novos na anteportada do dosier indicado. Na outra fotografía, de Tamara de la Fuente, o entrevistado no seu lugar de traballo]

 

Terrorismo e democracia

21 de Maio de 2009

iniciativa-internacionalissta1

O Tribunal Constitucional podería consumar dentro de poucas horas o que Xabier Cordal describe como ilegalización das ideas, o cal sería o mesmo que consumar a ilegalización das liberdades.

Máis unha vez a democracia xoga á exclusión e máis unha vez faino forzando as regras propias, convertendo o que son basicamente prexuízos, percepcións e conviccións gubernativas en supostas probas irrefutábeis. Obviamente, Iniciativa Internacionalista. A solidariedade entre os pobos non é ETA. Obviamente, a pretensión é de novo acalar a voz dunha esquerda real, que eu non estou a identificar neste momento (só) coa plataforma política que se pretende ilegalizar. Obviamente, o Estado aspira a extremar outravolta a represión institucional de proxectos soberanistas.

Coa lei na man e asumindo en sentido pleno, como o fai a candidatura II, a resolución política dos conflitos sociais e nacionais en Europa, o TC debe atender as razóns expostas no recurso que recibe tras a resolución (só por maioría, non unánime) do Tribunal Supremo. Veremos que ocorre.

Medir os tempos

9 de Abril de 2009


Segundo xa se sostivo por aquí, dereita e esquerda nominal diferéncianse hoxe nalgunhas pautas, si. Unha delas, das máis destacadas, é no xeito de medir os tempos de intervención/comunicación á hora de combatir ao contrincante político. Sempre me irritou a inversión anotada por Michel Foucault a partir do apotegma de Karl von Clausewitz, segundo a cal a política sería a guerra desenvolvida e continuada con outros medios —Clausewitz dixérao ao revés no célebre Vom Kriege (1832), do que se dispón en liña dunha tradución ao inglés. A fin de precisar argumentos, engadirei que esa torsión sintáctica molesta máis no sentido intelectual que no ético. Desde logo, asumo a exactitude de fondo do quiasmo foucaultiano: a dominación consiste moi a miúdo en facer que o abuso sexa percibido como pacto. Por aí derivariamos á noción gramsciana de hexemonía, segundo é ben sabido; ou mesmo ao Zygmunt Bauman que en Liquid Modernity, tendo presentes conflitos como o balcánico ou o iraquí (o primeiro, o de 1990), reformula a Clausewitz para indicar que a guerra hoxe é a promoción do libre comercio mundial por outros medios. Novos matices quedarán para posterior ocasión.

O asunto entra hoxe no blog a propósito dunha das últimas comparecencias de Pérez Touriño como presidente do goberno. Interrogado polos xornalistas en relación coas declaracións de Baltar das que se informou aquí nun post hai un par de días, Touriño volveu ás andadas: dixo que iso non era novidade e acabou na vella linguaxe formularia da peor resignación antropolóxica. “Éche o que hai”, esa é a fórmula por el aplicada tamén cando o acusaron disto e do outro, nuns momentos nos que a partida estaba en xogo e nada fora decidido aínda. Esa combinación melancólica de suficiencia moral, soberbia intelectual e desgana física para baixar ao ring da argumentación foi o que derrotou ao bipartito o 1 de marzo. Esa abulia, ese baixar os brazos, esa convicción sobre o feito de estar á marxe da loita política, esa indolencia que tanto lembra ao último Felipe González na Moncloa, xa a partir de 1993, resulta por completo inadmisíbel en quen aspira a gobernar un país. Iso é o que abre a porta á reacción, esa entrega desmoralizadora, irresponsábel. Certo, é probábel que Baltar, cando compareza perante un tribunal (que creo que esta vez non escapa), xure e farfalle que el non dixo tal e que todo se debeu a unha mala interpretación do reporteiro e tal e cal e agora imos tomar unha de callos xuntos vosté e mais eu, e eu son incombustíbel e guapo, un campeón e tumba e dalle. Si, e que? E que, Touriño? Todos sabemos o que ese individuo leva anos e anos facendo cando hai eleccións, en efecto, pero até agora non se dera unha circunstancia tan favorábel como esta para conducilo perante a xustiza por delictos libremente confesados contra as leis, incluída aí a electoral. Se a conversa está rexistrada (difícil, porque Baltar non é parvo) algo debería pasar, algo tería que pasar.

Alén do anterior, a dereita de sempre non actuaría así. Funciona coa pauta do can de presa. Sabe calcular o momento preciso para trabar e facer dano. Por exemplo, a dereita non largaría agora, antes da constitución do novo goberno e en plenas vacacións de pascua, o escándalo Hernández. A dereita esperaría a que o tipo fose conselleiro de Obras Públicas. E cobraría así unha peza de caza maior, non un paspallás ou unha miñoca. Naturalmente, estou a pensar na dimensión mediática de todo este asunto, que si, é tamén venatorio, polo menos venatorio xa que non bélico no sentido Clausewitz-do-revés. Porque se concederá que non é o mesmo forzar a renuncia dun deputado que forzar a dun membro do goberno. E que non se dan conta? Cal é o motivo para facer política como hermanitas de la caridad cando un ten fronte a si todo o que o PP ten neste país noso (o que ten á vista e o que ten camuflado como paisaxe)? Alguén entende a esta xente? Esta sedicente finesse d’esprit que en realidade non é máis que panfilismo e dervichia basal, autismo político.

[A ilustración tómase da páxina http://www.myspace.com/coachisrael]

A democracia aparente

7 de Abril de 2009

Leo o capítulo VIII da vixente Lei Electoral, “Delitos e infracciones electorales”. Leo despois as declaracións de José Luis Baltar a Xornal de Galicia o domingo 5 de abril. Pregunta o xornalista ao presidente da Deputación de Ourense se o carrexo é un invento seu. Responde Baltar: “Lo hacemos todos, pero nosotros ganamos. Hay que trabajar. En todas las elecciones voy a Nogueira para vigilar cómo va la cosa. Vi a una pareja y tuve dudas. Le pregunté si me darían el voto, me dijeron que sí y entonces les cambié las papeletas que llevaban en la mano por unas del PP. Los acompañé hasta la mesa y luego comprobé que le iban a votar al PSOE”.
Vai pasar algo? Que fai a fiscalía?
Resulta obvio: iso que declara Baltar é un episodio que sabemos mínimo. O tipo, fachendoso como é, pletórico na súa estatura moral, ardido na hiperestesia ocasionada pola vitoria e por saberse co control absoluto de cada centímetro cadrado da provincia de seu, afeito ao vaivén hormonal do trombón fálico-retórico (burrada colosal seguida de inmediata retracción da vara; infamias persoais seguidas de calculadísimas peticións de desculpas), no límite último da súa lenta retirada da vida pública institucional, confesa algo. O tipo confesa algo mínimo. Mínimo, si. Sabemos que iso que di Baltar representa na escala dos mapas etopolíticos deste self-made man unha minucia, un nanocouso, un retallete do catálogo brutal de sometemento a intereses propios e de partido da bendita democracia, desta democracia tamén lenta del e do seu partido. En efecto, mínimo o acto do tipo na xornada electoral, mínimas as consecuencias. Pero a fiscalía non pode ignoralo. Ten a obriga constitucional de intervir. Máis aínda por ocupar Baltar o cargo que ocupa. E non debería agardar a que ninguén, particulares ou partidos políticos, promova nada.
A fiscalía ten que observar se hai ou non hai delicto no que Baltar confesa que fixo o día 1 de marzo. De habelo, terá que concretar aínda en que número. Cantos son os delictos confesados nesas palabras mínimas polo presidente da Deputación?
[Baltar no seu gabinete da Deputación de Ourense. Fotografía de Suso Arjomil publicada en Xornal de Galicia]

Terceto atopado nun Citroën

30 de Marzo de 2009

Por conduto malabar, chega a nós unha rectificación dos tres versos de peche para o soneto interruptus do outro día enviados polo ínclito lírico tudense Artemio P. Canorrio, cuxos ancestros por parte de nai chegaron hai cinco xeracións de terras sardas, vía marítima, ignórase exactamente con que propósito. Malia a calidade xeral das achegas recibidas para o que en orixe non era concurso de ideas senón simple astrinxencia palatal do autor do texto —e debe indicarse expresamente, tamén malia o prodixio rupturista métrico-rimante perceptíbel no estro inxel mas invulgar do vate togado Iacopo di Reccatello, alquitara a súa na que destilan, pinga a pinga, verso a verso, uvas petrarquistas de alta escola hispalense con delicados taninos alvariño(sic)-mindonienses—, o xuri, reunido nun taxi Citroën C4 Sedán, atopa de xeito inexplicado un sobre con remite do devandito Sr. Pérez Canorrio alí no chan vehicular, como se conta!, un envelope pisado, desairado e obliterado por clientes anteriores, dirixido a Lándoas & Asociados. Aberta, en consecuencia rauda, tal misiva, e contrastada inter pares a aquilatada contundencia épico-ilírica daquela maxistral execución, non exenta de pulsión profética, de impares hendecasílabos esdrúxulos (impares pola orde, pois en realidade son dous, os esdrúxulos), o xuri, integrado por tres destacadas plumas locais da parte esta das Mariñas dos Condes, en plenitude de faculdades gustativas e sen mediar inxesta ningunha de substancias delicuescentes do xuízo estético nin outra caste de mecanismos compensatorios por débitos cruzados non impropios, todo hai que dicilo, da vida trobadoresco-institucional, o xuri, digo, dicimos!, decide por maioría de tres cuartos (o taxista acabou sumándose e non se considerou dolosa para as musas a súa proposición), decide, dicimos, outorgar o I Premio Completa un soneto e pasa unha fin de semana onde xa tiñas pensado facelo ao texto intitulado “Terceto atopado nun Citroën”, o cal resultou ser obra do eximio vate e profesor reformado de Tui, don Artemio Pérez Canorrio, da xeración dos Fastos Edelweiss. Complétase así, xa que logo, até o catorceno límite natural o soneto de marras, que fica agora para os séculos vindeiros deste xeito que se enuncia e publicita co obxecto de proporcionar coñecemento e lecer a case todos e todas, acaso coa única excepción dos utentes da celebrada colonia Eau d’Été, tan popular na Cidade das Burgas desque a Deputación a introduciu no pack de felicitación das tradicionais festas de Natal, a carón dun bocal de trombón usado e un par de condóns benditos polo bispo coas inopinadas siglas PPPP, trasunto posíbel segundo algunhas obscenas e reviradas mentes da fortaleza viril de non sabemos que militancia baixo que clase de estímulo carrexo-electoral [Dise isto en Betanzos dos Cabaleiros, a tal de tal de tal, asinan… (ilexíbel) tres sabios locais e un taxista que vive na Condesa]:

Demandas, oh Feijóo, o transo breve
do outro que che ocupa o Monte Pío,
e advirtes que non toquen nin un fío
das teas e enxovais que aquilo leve.

Remoo na memoria o mesto prebe
das
últimas funcións do teu plantío
de saldos e mercés que esquece a plebe
agora que
o estipula o vocerío.

“Negoocios son negoocios, meu ruliño”,
apréndenche os mentores ideolóxicos
que saben de enerxía máis que o Miño.

Lanzáronte á carreira, ornitolóxicos,
seis corvos camaradas do Mesquiño.
Os froitos han de ser teratolóxicos!

[Taxi!]

A realidade explicada a nenas e nenos

12 de Marzo de 2009

Pasou algo de tempo desde o 1 de marzo. Abondo para formular de modo sumario —dentro das limitacións de quen asina— unha análise directa do acontecido fundamentada en datos e por suposto tamén en percepcións e valoracións persoais, como é natural discutíbeis:

1. O reparto de votos entre o que convencionalmente denominamos esquerda e dereita resulta ser a día de hoxe en Galiza 1:1.

2. Este equilibrio case exacto nas opcións, que ronda os 800.000 votos para cada un deses dous supostos sectores ideolóxicos (non hai tal en realidade, por diferentes causas), presupón que os momentos inmediatos á celebración das eleccións son absolutamente decisivos.

3. De toda a vida, isto sábeo moito mellor a dereita que a esquerda. Sábeo e aplícao. Sábeo e aplícao até as 19:59 horas da xornada electoral mediante todos os procedementos que a lei permite e mediante moitos outros que repugnan á ética democrática aínda que a lei non os penalice de xeito explícito.

4. A dereita domina mellor os tempos políticos e mediáticos que a esquerda. Proba irrefutábel, con implicacións que teñen que ver co punto segundo, foron dous factores recentes: a resolución do controvertido reparto eólico a tres meses das eleccións (unha de dúas: prepotencia obtusa ou temeridade cega nas condicións nas que se fixo, con responsabilidade compartida dos dous socios de goberno) e a aparición simultánea dun novo xornal a comezos de decembro, algo que coa traxectoria tan curta até o 1M era moi evidente que só podía causar problemas, nunca render beneficios, a xestores e promotores directos ou indirectos pola previsíbel animadversión dos outros medios cos que ese xornal pasaba a competir, sobre todo do máis forte, La Voz de Galicia.

5. A dereita, unha vez que se incorpora ao ring electoral, sabe castigar o fígado até o desfalecemento ou o abandono do contrincante. Baltar é un exemplo magnífico do que se apunta. A esquerda nosa, a galega, ignórao todo sobre este aspecto. É pusilánime, piadosa, medrosa e pánfila. Ten incluso algo do espírito do seminarista: considera que se non se pecou o mellor é rumiar en soidade as acusacións que caian, porque o pobo é sabio e non sei cantas outras necidades que Gramsci desmontou sobradamente. Ademais, o socialismo galego nunca soubo promover a figura do segundo malencarado, do defensa central á vella usanza. Esa voz que reparte leña sen excesivas contemplacións, pero que logo asume con disciplina, simulación de acatamento e docilidade de aceno as matizacións que lle faga, entre o desleixo e a reconvención, o número 1. Sobre iso, o PSdeG , ignórao todo. E non será por falta de exemplos dos que beber.

6. A dereita, na súa inmemorial connivencia cos poderes fácticos, non experimenta pudor de ningunha clase no recurso ás mañas extrademocráticas con tal de alcanzar o poder. A dereita, alén diso, sabe poñer en práctica o que con todas as precaucións polo uso figurado da etiqueta, reclamada desde as vellas prácticas trotskistas, chamaremos entrismo. Así, numerosos conformadores de opinión habitualmente considerados de centro-esquerda ou dunha esquerda ornamental serven en realidade estratexias conservadoras. Ás veces non o saben eles mesmos, porque en xeral se fala aquí de individuos de tallaxe intelectual no rango S – M. Pero a maioría das veces si que o saben. Sábeno eles e sábeno as súas nóminas, igualmente entristas.

7. O entrismo, como é natural, non se deu só na esfera mediática no noso país. O caso de Francisco Vázquez (conservador, católico, local-nacionalista, muñidor do máis feroz antigaleguismo coruñés, militante impenitente da medra patrimonial) é paradigmático do que quero indicar: un individuo que pasa por republicano e socialista, guerrista en tempos!, e que impuxo con éxito esa ominosa mascarada a varias xeracións de cidadáns e de compañeiros de partido, deixando ademais unha pegada ideolóxica e imagolóxica brutal no coruñesismo menos democrático.

8. A dereita convive sen problemas coa frivolización da vida pública. Sabe facelo. Ten ese habitus, polo que non precisa esforzo ningún (véxase o escándalo Carrera Pásaro, véxase o sostenuto Baltar, os excesos, o vaivén verbal-caciquil). A esquerda non o ten, carece dese habitus. Cando quere frivolizar cae no ridículo e faino con consciencia de estar a remedar o que non lle corresponde. Quintana debe de estar pensando arreo sobre isto.

9. Estas eleccións gañounas La Voz de Galicia. A súa foi a única intervención decisiva en todo o proceso electoral. Fíxoo en boa medida (pero non só) á luz pública, xustamente polo indicado no punto anterior. A dereita non precisa esconder a maquinaria de guerra, a frivolidade, a instalación no límite exacto da ilegalidade e varios metros alén do que deberían ser as normas éticas e políticas dunha democracia merecedora de tal nome. O feito de que o editor Santiago Rey mantivese na páxina de acceso de LVG en Internet o escrito “Yo protesto” durante a totalidade da campaña electoral, xusto até a xornada de reflexión, cando foi retirado, é dunha gravidade extraordinaria e non debe valorarse só pola incidencia directa que puido ter nos lectores ocasionais. Foi ante todo un xesto fático e performativo: estou aquí, permanecemos aquí e ides ver o que pasa por facerdes o que fixestes. Iso cara a fóra, con fachenda e, insisto, no gume da inmoralidade e do que pode ser admisíbel na intromisión política dos medios como manipuladores da realidade. Cara a dentro, esa exposición permanente do escrito —intelectual e politicamente ruín— significou unha chamada á orde dos empregados da empresa, en todas as súas divisións. E tamén un aviso (mental, político, laboral). Esas divisións do medio mencionado son a día de hoxe cómplices na desactivación dun cambio histórico que era imprescindíbel para Galiza como proxecto nacional. Creo que somos moitos os que nunca o esqueceremos. E, en contra do dito por Barreiro Rivas, isto non foi algo menor, isto non forma parte da atribución de funcións que as institucións e os axentes públicos teñen dereito a exercer ou a poñer en práctica cando o consideran oportuno. En absoluto é iso o que fixo LVG. O que fixo LVG foi, con total claridade, outra cousa.

10. Isto último que se describe, sabido por quen pensou e acaso secuencializou o proceso todo en colaboración directa cos responsábeis da empresa mencionada (infundios, fotografías manipuladas na súa localización temporal e na súa proxección social, selección de datas para cada golpe de efecto, etc.), foi un elemento máis de afortalamento da táctica de derruba do bipartito. Por iso mesmo resulta inverosímil que Francisco Vázquez permanecese alleo á partida.

11. A estratexia á que fago referencia podería estar encamiñada a algo moi concreto a medio prazo: garantir no noso país un abrocho novo, o de UPyD, o partido de Rosa Díez, Savater e algúns outros que contan como lexitimidade curricular principal a de estar ameazados polo terrorismo de ETA (léase o seu programa electoral se se desconfía do que sinalo). Non son moitos, pero son os suficientes como para lograr, por exemplo, que o discurso terxiversador da imposición do galego sobre o castelán (falsificación irreal da verdade contrastada por observadores e técnicos neutrais que, porén, alcanzou un rendemento social e electoral moi apreciábel) movese a cartografía electoral nese ángulo pequeno que era preciso facelo. Ou non tan pequeno ao final. Calculo que polo menos un 20% do electorado tradicional socialista da zona urbana atlántica (Coruña, Ferrol, Vigo, Pontevedra) decidiu nesta ocasión negar o voto ao PSdeG.

12. A soberbia intelectual (?) e política de figuras como o conselleiro Méndez Romeu, e tamén nalgunha medida a da garda pretoriana do presidente Touriño, xunto coa insubstancialidade política e a baixada de brazos nos momentos máis tensos dun amplo sector do Goberno nomeado por aquel, converxeu irresponsabelmente co detallado no punto anterior. De modo que o conselleiro de Presidencia é a día de hoxe a faciana máis obvia do que significa a renuncia ao único xeito posíbel de desaloxar á dereita do poder en Galiza: converxer nalgunha forma co nacionalismo. Isto explica, como é lóxico na lóxica que ambos comparten, os parabéns que recibe por parte de analistas como Blanco Valdés. Reiteraraos, xa se verá, con precisa puntualidade, ás veces revestidos de advertencia. Porque do que se trata é de que desapareza das institucións o nacionalismo que el tilda de independentista á menor ocasión que se lle preste, criminalizando con vileza moral dous paxaros dun só tiro.

13. O papel de articulistas máis ou menos tocados coa marca de “editorialistas” en La Voz de Galicia foi igualmente eficaz para alcanzar os obxectivos trazados. Non falo tanto do que poidan representar os homes da casa, un Ventoso ou un Casal, ocasionalmente brillantes pero case sempre ecoicos, vacuos e tendentes á simpleza de análise e argumentación. Falo doutras sinaturas, falo dos que outorgan á causa de Rey o prestixio académico, a distinción, o fru-fru intelectual. Cumpriron o papel asignado Blanco Valdés, desde un discurso político absolutamente homologábel ao de UPyD, e Barreiro Rivas, nese seu zigzagueo cansino entre o vello espazo electoral dereitista-galeguista e a dependencia de esquemas de análise de xorne centralista e estatalista, pero á vez cunha probada eficacia retórico-homilética aprendida onde mellor se aprenden esas cousas. E digo asignado co dobre valor de auto-asignación e hetero-asignación. Desde logo, para min, as súas non son sinaturas libres. Descúlpenme se me equivoco, porque o asunto é groso. Pero a circunstancia histórica éo aínda máis.

14. Alén da gravidade histórica da manipulación exercida desde La Voz de Galicia neste proceso electoral, existen algúns aspectos que merecen unha atención especial: un é a súa constancia na xestión do cinismo social e político, que alcanza máxima expresión no mencionado manifesto do editor, cun correlato na rúa no papeliño de figurante adxudicado conxunturalmente a Galicia Bilingüe como úvula armada dun movemento destinado —sinalouno noutros termos Manuel Rivas— á extinción definitiva da cultura galega como realidade diferenciada e autónoma, non alienada e non subordinada, non rexionalizada e miniaturizada. Outro aspecto é o factor probatura-rodaxe: Santiago Rey acaba de constatar algo que xa el mesmo intuía, que desde a frivolización política, a instalación nun proto-berlusconismo populista e a soberbia de clase, pode argallarse na cousa pública e pode na práctica un (el) decidir quen presida o Goberno galego. É dicir, aprendeu a conxugar, a escala, os xogos de rol que outros donos de medios moi poderosos levan anos practicando en Madrid. Non entro agora na responsabilidade que o poder lexislativo, executivo e xudicial teñen en que iso se manteña así, en que se favoreza, ás veces entrando directamente na prevaricación, esa necia política en relación coa subvención aos medios. Por que temos que pagar como contribución á normalización lingüística un programa de actuación destinado en realidade a garantir a hexemonía da outra lingua e o mantemento dos seus privilexios? Non é iso prevaricación por parte de quen libra os fondos? Que nome lle poñemos aos receptores deses cartos?

15. Galicia Bilingüe era un bo nome, en termos publicitarios, para intervir contra o bipartito. Pero é unha pésima marca estando no Goberno o PP. En catro meses máximo, amortizados e disoltos.

16. Os risos máis altos na noite do 1M estou seguro de que se escoitaron en Roma. Co fracaso do bipartito —Touriño chegou a interiorizar o termo bi-gobernación na noite electoral— Vázquez riu de novo. Ecoan aínda eses risos na Piazza di Spagna. Volverá. En realidade, nunca se foi. Pero voltará a María Pita. Calquera expectativa de futuro de UPyD no Estado pasa polo nome de Vázquez. E iso sábeno moitos dos que moven os fíos da cousa pública para se, chegado o caso, Rajoy precisase axuda de infantería e intendencia. A que espera(ba) Vázquez? Desde logo, a isto. Pode que a algo máis, si. Calquera de nós sería quen agora mesmo de redactar o discurso que el fará público ese día, o da volta. Así de previsíbel me parece todo.

17. En relación co punto segundo mencionado no apartado 13, os medios —prensa, radio, TV (e agora vén máis TV)— tomarán nota das posibilidades enormes que teñen na súa man. O país semella aceptar a infantilización, a idiotización e a sedación. Hai unha entrega a esa tutela. E os medios con maior influencia, reitéroo, tomarán boa nota diso. Falta (díxose sempre) sociedade civil, esfera pública, debate. O fracaso neste punto podería parecer definitivo, pero non o é. A rede ten que asumir a responsabilidade que lle corresponde neste ámbito.

18. É imprescindíbel nos vindeiros meses unha demostración de forza. Non direi da esquerda. Direi dos demócratas. En parte, esas mobilizacións han vir pola cuestión da lingua e da educación. Ben está. E ben estaría tamén que algunhas institucións adormecidas levantasen de cando en vez se non a voz cando menos un dediño para pedir turno de palabra a ver se llelo conceden. Virán tamén as mobilizacións polo avance na destrución de emprego industrial e pola crise económica. E pode, en fin, que veñan de novo algún día polo que, tras o Prestige e a xestión que daquilo fixeron entre outros estes Feijóo e Rajoy, acordamos chamar dignidade. Pero eu animaría desde este humildísimo foro a que esa mobilización chegue ao día a día e teñamos moi claro quen serviu en bandexa esta victoria a un partido que ten como un dos seus obxectivos prioritarios desmontar a nosa dignidade como nación, domesticar a nosa dignidade cultural e social e pulverizar a nosa dignidade política.

19. As cuestións nominais para a remuda de dirixentes do PSdeG e BNG non saíron aquí. Non quero entrar nelas agora por simple preguiza e por non anoxar. Pero entendo necesario tratar aos derrotados, aos responsábeis maiores da derrota por seren eles dous quen dirixiron as respectivas forzas políticas e o propio Goberno, con tanto respecto persoal como distancia moral. A súa responsabilidade histórica é enorme, aínda tendo presente o dito aquí sobre a intervención decisiva dos medios e o non dito aquí sobre a guerra suxa non de superficie montada pola dereita, con tres variantes básicas, a viguesa, a ourensá e a coruñesa. Creo que Touriño e Quintana terán bastante con levar ese peso na súa conciencia política e civil. Ambos, é moi evidente, desaparecerán do mapa político en breve. Primeiro Touriño. Despois Quintana. Con esas desaparicións, en todo caso, non debera desaparecer o espírito de colaboración entre as forzas ditas de esquerda. Iso constitúe a única alternativa hoxe por hoxe á eternización no poder do PP. E ademais, deixando á marxe cuestións de convivencia persoal e abrochos esporádicos de momentos de tensión, estes tres anos e medio de goberno de coalición foron exemplares na traslación á sociedade de algo moi evidente: había entendemento e compromiso malia os proxectos seren bastante diverxentes.

20. Algo para rematar en relación con Feijóo. Á marxe de todo o que se vai ter que tragar este home en relación con asuntos de automoción e demais, sería magnífico que nos evitase a vergonza dunha nova toma de posesión con espectáculo público e escenificación do acceso ao poder. Hai tres anos e medio, cando aquel horror de Touriño e Quintana cos tempos medidos no Obradoiro, case como uns Pimpinela relativamente politizados, reflexionei sobre o difícil que resulta aprender, ser cauto, ser discreto nesta clase de momentos. Tamén reflexionei sobre a medida na que os socios de goberno acabarían intentando asimilar certos operativos do fraguismo. En fin, Sr. Presidente de case todos os galegos, tome posesión, agarre logo a feijooneta e traballe arreo sen facer ostentación de nada. Non xogue a ser Obama percorrendo avenidas en Washington nin a ser Fraga entre foles e bandullos. Se quere gaiteiros ou trombonistas ese día, métaos na zona de carga do monovolume ou da C15 de segunda man que estime adquirir e que os músicos lle amenicen a viaxe, pero en privado, por favor, e só entre o Hórreo e Monte Pío. Pase do Obradoiro, faga caso. A partir de aí, ollo! Vai haber moita xente no país que non permitirá un paso atrás en determinados logros históricos e democráticos. Palabra!

[Fragmento do mapa de Domingo Fontán, 1834]

Tomarse un Sosegón®

5 de Marzo de 2009

Son contrario aos efectismos postelectorais cando se concretan de forma automática e mecánica en función do cómputo de votos e escanos e das subsecuentes decepcións ou euforias, fóra de foco ou perante as cámaras de televisión. Considero que esa clase de operativos, de novo pensados para a conversión a espectáculo da política, conducen a miúdo a afondar e extremar erros previamente cometidos. A nefasta reinterpretación da política en sentido mediático asume a vella lei de que o tempo é un ben escaso que se esgota sen tempo para a pausa e o sosego.
Pois ben, considero un deber rexeitar esa norma. O efecto postelectoral trae consigo un movemento expansivo e distensivo como consecuencia da retracción ideolóxica que adoito marca a competencia por iso que se chama “o espazo do centro político”. Pasada a representación, todo volta un pouco máis ao seu. Por iso é perigoso falar en voz alta nestes días. Todo predispón a extremar posicións e xuízos. Se no PP non se impón unha contención de proclamas e xestos, se non controlan o discurso de dirixentes e xefes de negociado, a cousa pinta negra. Poderían atoparse con movementos de aviso antes do remate da primavera.
Ocorre o mesmo noutros lugares. José Blanco acelerou os motores para evitar que o ritmo llo marcasen outras instancias. Probabelmente elixiu un líder para un deserto. Tamén un líder contra o que a Confraría do Istmo puidese promover de seu: un Moreda, por caso. Alguén con perfil nidiamente urbano, afeito ao trato cos poderes fácticos, que a día de hoxe son os mesmos de sempre coa única excepción (até certo nivel) do exército. É dicir, oligarquía, medios e igrexa. E no BNG tamén se dan pasos que semellan precipitados, cando o certo é que antes se conseguiu gobernar polos pelos e agora tamén se perdeu polos pelos.
Eu recuperaría estes días aquela frase necesaria que xa se citou no blog aí atrás: “Descanse un poquito, Prisidente!“. Descansen, reflexionen, practiquen o aquilo-naquilo, calen uns días, ho. Iso que Quintana chama “a xente” precisa tamén acougo, distancia. Sobre todo porque virán tempos duros e non hai que perder a forza toda pola boca.

[Francis Bacon, Home prendendo a luz (1974). Sosegón é marca rexistrada do Laboratorio do Dr. Moskeera, Gures (Mass.)]

inPOSTados (7): ontoloxía mediática

3 de Marzo de 2009

PROBA DE FILOSOFÍA
TEXTO A
En la penúltima conversación que sostuvimos —un tanto tensa para ser entre dos viejos conocidos y tener como testigos a personas tan agradables como Manolo Ameijeiras y Javier Losada— le dije a Emilio Pérez Touriño, al hilo de sus negativas actuaciones sobre Xornal de Galicia, algo así como lo siguiente:
—Emilio, yo ya te hablaba cordialmente cuando no eras nada, sigo haciéndolo ahora que estás en la gloria y lo seguiré haciendo cuando no seas nadie. Otros, que ahora te dan instrucciones, ni siquiera te recibían cuando no eras nadie, y seguramente volverán a hacer lo mismo cuando no seas nada“.
TEXTO B
Así, aínda cando o ser non fose o soporte de ningunha cualidade diferenciada, a nada sería loxicamente posterior, xa que supón ao ser para negalo, dado que a cualidade irredutíbel do non sobreengádese a esa masa indiferenciada de ser para liberala. Isto significa non só que hai que se negar a poñer no mesmo plano ser e non ser, senón tamén que temos que precavernos contra a idea de poñer a nada como un abismo orixinario do que surxiría o ser“.
Cuestións para a autoavaliación
1. Le atentamente os textos anteriores e intenta distinguir, polo ritmo da prosa, cal deles corresponde a Jean-Paul Sartre (O ser e a nada: Ensaio de ontoloxía fenomenolóxica, 1943) e cal outro corresponde a José Luis Gómez (“Emilio ya se nos había ido…“, 2009).
2. Cal destes dous pensadores consideras que reflicte mellor a idea de angustia existencial?
3. Redacta catro liñas sobre a fatuidade do ser. Non redactes ningunha sobre a fatuidade da nada.
4. Subliña, se o atopares, algún fragmento que remita ao que na lección sobre a Ética Nicomáquea de Aristóteles estudamos como andreía ou valentía.
5. A partir dun dos dous textos, o que che pareza máis acaído, correlaciona se podes a tríade conceptual haecceitas (Scoto), privacidade (Arendt) e prurito anal (Freud).
[Sartre]

FAQ 2

2 de Marzo de 2009

Sabe vostede se existe algunha lei de proporcionalidade directa entre os metros cadrados de bandeira de iate e os milleiros de votos glu-glú?
Cantos deses milleiros de votos glu-glú pensa que caeron polas cores da bandeira no encadre de babor?
Cantos deses milleiros pensa que se perderon polo tamaño da bañeira do iate?
Cantos deses milleiros de votos pensa que fixeron glu-glú pola suxestión implícita de corrupción política vinculada co concurso eólico?
Coñece vostede o nome da empresa de publicidade que deseñou e secuencializou o dispositivo foto-iconográfico de La Voz de Galicia para estas eleccións?
Estará limitada a operación de La Voz de Galicia a estrangular os medios que lle fan a competencia na área de influencia coruñesa-compostelá ou transcenderá a ese operativo por incorporar algunha clase de contrato político-mercantil coa forza que venceu nas eleccións?
Esquecerá vostede algún día a deslealdade institucional e a afrenta nacional causada polo PNV e o lehendakari Ibarretxe por fixaren parasitariamente a data de celebración das eleccións vascas o mesmo día que Touriño determinara para as galegas?
Que idade mental atribúe vostede ao socialismo galego acollido baixo as siglas PSdeG-PSOE?
Considera vostede apropiado que máis da metade dun goberno careza de discurso político?
Cederá de novo o PSdeG tras a retirada do seu actual secretario xeral ás vellas tensións de sempre?
Sabería vostede estimar a porcentaxe de novos parlamentarios cun discurso político minimamente coherente que poida ser articulado ademais nun rexistro lingüístico e nun nivel argumentativo á altura do esixido na selectividade?
É posíbel que algunha vez exista un líder político na esquerda galega que combine formación, carácter, sentido da realidade e capacidade de diálogo?
Consiste a sucesión nos postos de mando do PSdeG simplemente no resultado dun pulso entre Francisco Vázquez e José Blanco?
É vostede consciente do poder que conserva Vázquez no istmo coruñés, entendendo por tal accidente xeocultural o poder económico e mediático máis determinante no país?
Cantos telexornais lle quedan ao alcalde Losada se non tritura o acordo co nacionalismo no concello da Coruña?
Cantas veces releu Losada desde onte o manual LVG para fundir alcaldes en quince meses (ed. orix., 1981)?
Que papel reservan as providencias ao ministro Caamaño en relación coa fonda crise do socialismo galego?
Tomará nota sobre o acontecido a esquerda nacionalista extraparlamentaria ou continuará pensando que o seu papel histórico queda cuberto coa consecución de 4.500 votos cada catro anos?
Teremos por fin un estatuto de rexión?
A canto tempo asinamos esta hipoteca?
Podería vostede explicar en menos dun minuto e con palabras sinxelas por que carallo se lle chama a isto “a festa da democracia”?

[Pezas]

Ámena menos, úsena máis

22 de Febreiro de 2009


“1. Manifestamos nuestro máximo respeto por las dos lenguas oficiales de Galicia, el gallego y el castellano. Ambas forman parte del patrimonio cultural de Galicia y por ello merecen ser objeto de nuestro reconocimiento y protección.

[…/…]

3. La Administración debe abstenerse de imponer hábitos lingüísticos a los ciudadanos, y de establecer cuotas mínimas de hablantes. Cualquier coacción o imposición en este sentido debe ser rechazada, por constituir una clara vulneración de su libertad individual”.

[Galicia Bilingüe, Declaración de Principios, puntos 1 e 3]

“Protesto porque el idioma que antes fue negado ahora se quiere imponer sin contemplaciones ni concesiones al sentido común. Y la lengua se parece en esto al amor. Si nadie por la fuerza pudo retirarla, nadie por la fuerza podrá tampoco imponerla”.

[Santiago Rey Fernández-Latorre, “Yo protesto”, La Voz de Galicia, manifesto presente na edición dixital do xornal desde a data da súa primeira aparición, o 7 de febreiro de 2009]

“No pasaré nunca, reitero, por el aro de la imposición lingüística, porque las lenguas ni se prohíben ni se imponen, se aman, se aprecian y se valoran, —porque— son instrumentos de unidad […] Quiero una Galicia sin adoctrinamientos de ningún tipo, no gobernaré a cualquier precio. Mi precio es alto: se llama Galicia y nunca se deberá a nada que no sea Galicia y los gallegos, y quiero ser y seré el presidente de todos y, sino, tenéis mí palabra y no lo seré; trabajaré para todos sin colores ni distinciones”.

[Emilio Pérez Touriño nun mitin en Noia o 22 de febreiro de 2009, segundo La Voz de Galicia, edición dixital do mesmo día baixo o título “Touriño quiere ser un presidente sin ataduras y no gobernará a cualquier precio”, co destacado en subtítulo da frase citada (os erros ortográficos proceden do orixinal)]

[Xirafa bastante monolingüe rumiando no xardín de Monte Pío, xusto no momento no que se detén a considerar en que medida a historia se repite e os presidentes cansan, mentres lle vén á memoria aquela dramática frase, algo timorata en todo caso, pronunciada no hemiciclo do Hórreo en altísima ocasión histórica (outubro de 2004): “Descanse un poquito, Prisidente”]

Adeus ao Instituto Rosalía de Castro

18 de Febreiro de 2009

“Consonte co devandito, a cultura galega deberá asumir nos vindeiros anos o reto da súa internacionalización. Trátase de ubicar no mundo unha cultura con personalidade propia a través de programas de difusión e produtos de gran calidade técnica e moi alto valor simbólico, capaces de falarlle ao mundo dende unha perspectiva específica e particular. O Instituto «Rosalía de Castro» de Cooperación Cultural, que creará o novo goberno, será o instrumento axeitado para vehicular a presenza de Galicia no exterior, principalmente naqueles lugares de Europa e América que foron destinos preferentes da nosa emigración. O Instituto «Rosalía de Castro», en colaboración co Instituto Cervantes, ocuparase de difundir e promover o coñecemento da lingua e da cultura galegas, así como de colaborar activamente coas entidades e asociacións galegas do exterior e de recuperar e conservar o rico patrimonio material e inmaterial creado ao longo do tempo pola Galicia emigrante”.

“Impulsaremos a colaboración co Instituto Cervantes para que se difunda a nosa lingua e cultura por todo o mundo”.

En letra azul o que dicía o programa electoral do PSdeG para as eleccións de 2005 (p. 68) sobre a creación dun Instituto específico para a proxección exterior da cultura galega. En vermello o que di o programa deste mesmo partido (p. 210) para as eleccións do 1 de marzo de 2009.

Seremos a única nación da península sen un organismo deste tipo? Se o PSdeG goberna semella claro que si. Se o PP goberna habería algo máis de ambición que no caso anterior. Obsérvese o que a este respecto fabula o seu programa para as eleccións do 1 de marzo:

Colaboración co Instituto Cervantes para promoción e divulgación da cultura galega, pero tamén ca o Instituto Goethe, British Institute, …etc. [requetesic en relación con todo o que se acaba de ler, incluído o peculiar sistema de puntuación, o recouso morfolóxico, a idiocia bipolar e a referencia a organismos de dubidosa existencia, a non ser que o PP fale en realidade do British Institute of Osteopathy e se equivocasen ao colalo aquí en vez de facelo no epígrafe de saúde; por certo, cada vez que neste programa se fala de cultura ou de lingua galegas abrocha o que en uroloxía se denomina incontinencia adversativa severa, pásalles mesmo cando non teñen que contrapesar nada grave, como neste caso, no que é evidente que o cinismo de fondo en toda a argumentación sobre a lingua conduce ao delirio, porque, por dicilo con serenidade: que carallo pensan no PP que vai facer o Goethe-Institut por promover a cultura galega por exemplo en Eslovenia?, a que clase de votantes pensan que enganan con esas mistificacións?]

E se goberna o BNG? O seu programa (p. 155) compromete o seguinte sobre a proxección exterior:

Creación do Instituto Castelao de Lingua e Cultura Galega, co obxectivo de promover internacionalmente a identidade, lingua e cultura de Galiza, centralizando e coordinando todas as políticas de apoio á lingua e cultura galega no exterior.

En fin, botando os cálculos demoscópicos de rigor, adeus ao Instituto Rosalía de Castro. Hai medo a activalo. O PSdeG-PSOE ten medo a crealo e cede á presión dos jacuzzis e do zurro que sae de certas cortes. Para que logo digan que o de Galicia Bilingüe foi un fracaso! Simularán talvez no PSdeG, se alguén pregunta, co retrouso da crise. E haberá quen os crea. Este blog, non. Este blog, que fixo da causa da proxección exterior da cultura galega (lémbrese Steiner alá en setembro) unha das razóns da súa activación e existencia, entra hoxe en semicoma polas emanacións gaseosas deses programas electorais repasados sen a prevención necesaria. Aínda vai ter o mantedor que chamar aos redactores contrarreformistas do PP (contrarreformistas da reforma Albor-Fraga, enténdase) para ver se o reaniman cun “, …etc” con xenebra.

[Isidro de Benito e Francisco Clivilles, Rosalía de Castro (1917), no Parque da Alameda de Compostela ]

Fantasmagorías

16 de Febreiro de 2009

Que boa é esta imaxe de Jaureguizar na Ronda da Muralla! Esa lectura súa da metaplasia posmoderna! Pero, en fin, ía falar doutra cousa, aínda que tamén desa, claro. Ía falar de fantasmagorías. E para iso Hamlet é perfecto. Logo ocorre que na vida ocorren estas cousas das coincidencias, que tanto interesaron aos surrealistas. Por exemplo, o mércores pasado acudín á presentación do acordo Google – Galaxia e alí coincidín con moitos amigos. Fomos algúns despois do acto tomar unha cervexa e acabamos nun lugar ao que non estaba previsto acudir. Foi curioso xa ese dato. Pasando ao carón do Monroy, en Fonseca, comentei que alí escoitara eu un discurso de Arias Navarro que en 1976, tras morrer Franco, quería enlazar con aqueloutro famoso do espírito do 12 de febreiro. Espírito, diso ía eu falar aquí. Espíritos e pantasmas. Pasaron como 33 anos daquela noite no Monroy. E pasaban 35 anos xusto esa noite en relación co 12 de febreiro de 1974 e eu non era consciente exactamente dese paso entre tantos febreiros. O feito é que entre os contertulios da cervexa a carón do Monroy estaba Xesús Constela, o autor de Shakespeare destilado. Con el fomos tamén Marilar Aleixandre, Anxos Sumai, Xosé Monteagudo e eu mesmo. Houbo unha epifanía moi lúdica cando Constela, co que falamos moito sobre Irlanda, descubriu que eu era Lándoas. Dixo que me lía con frecuencia e engadiu que pensou que era unha muller, algo por certo que nunca cheguei a descartar. Pero non sei por que razón a lío tanto. Seguro que por falar con prosistas. O caso é que ao día seguinte tiven unha conversa prodixiosa con MB no que algúns chaman a Fuck. Prodixiosa, polo dicilo sen vaidade, porque basicamente me limitei a escoitar a MB. Falábame de T.S. Eliot, do seu ensaio sobre os problemas de artellamento funcional do Hamlet e da súa idea de que no comezo desa traxedia pasaba algo extraordinario, vaticinante. Algo que Eliot, sen chegar a precisalo, cifraba como o momento de máxima manifestación do xenio dramático do autor inglés. Xa se sabe, ese instante do cambio da garda en Elsinor no que a pantasma do rei morto está e non está entre os soldados que fan garda no pazo real. MB conecta ese momento coa crise da ecuación “identidade = subxectividade”, introducida da man da apelación á pantasma do rei morto e fundamental para entender o que significou o paso á modernidade. Non me estendo tampouco nisto nin na súa conexión con algo que Eliot non chega a explicitar no seu coñecido ensaio “Hamlet and His Problems”, de 1922. Pero regreso xa ao correlato obxectivo do blog nestes días: o jacuzzi, claro. Por certo, e vou parecendo Tristram Shandy, que hoxe no chat de El País con quen desde Madrid nese xornal chaman con perseveranza biblica, malia telo en nómina, Suso del Toro hai unha consideración sobre o propósito último do xa celebérrimo manifesto (pregunta 13, formulada por Mortimer): para Suso non outro que o de forzar un entendemento PP-PSOE, con acomodo exacto á doutrina Vázquez. Concordo. Pero iamos a outra zona, seica. A das coincidencias. Resulta que un dos comentarios que entrou aquí no post arriba mencionado, xusto a noite antes á conversa con MB, preparaba unha teatralización dos acontecementos destes días fixando precisamente Hamlet como hipotexto [Unha mañá de domingo. Dereita e esquerda as dos lectores de xornais. Un tipo en chándal contempla o porto da Coruña. Chámase Arana. Outro está nun jacuzzi, e saca os pés por fóra. Repártense as dúas metades do escenario. Vaise a luz na parte dereita, a que ocupa o tipo do jacuzzi. Na Coruña vira o vento a Noroeste. Vai fedendo na sala mentres quince autobuses entran en escena e cruzan por diante do tipo do chándal, Arana, quen acaba de recibir unha chamada do tipo do jacuzzi, alporizado porque en Oleiros se foi a luz]. Chama a atención o nome do autor dese comentario: Ventoso. Que non será o subdirector de La Voz, supoño, senón outra persoa interesada igualmente na evolución do concurso eólico. O caso é que Ventoso retomou ao día seguinte a súa proposta de teatralización da intervención política de Galicia Bilingüe, nun interesante travestimento burlesco (Genette, Palimpsestes) da primeira escena da obra de Shakespeare que aquí andamos a citar:

O TIPO DO JACUZZI.- Quen anda aí?
ARANA.- Son eu quen pregunta, que por algo recibín a chamada e son o delegado.
O TIPO DO JACUZZI.- Viva o bilingüismo!
ARANA.- Zoliñas, es ti!
O TIPO DO JACUZZI.- E logo, quen vai ser?
ARANA.- Chamas cando dixeches.
O TIPO DO JACUZZI.- Veña, que son as 12. Tes listos aos antidisturbios?
ARANA.- Claro, non vou ter? O caso é que me doe o lombo con esta friaxe.
O TIPO DO JACUZZI.- Foi ben a garda?
ARANA.- Aquí non se move un furelo sen que eu o saiba.
O TIPO DO JACUZZI.- Veña, come on!
ARANA.- Se ves a Gabi dille que bula.

[Entra Gabi]

ARANA (saíndo).- Alto, quen vai?
GABI.- Amigos desta terra.

Como é posíbel todo isto, Jaureguizar, Constela? Non dou creto. En particular a esa reelaboración da fantasmagoría, correlativa en fin da persecución que sofre o castelán na Galiza e das tribulacións que algúns pasan por causa diso. Pantasmadas? Que diría Eliot, rico e conservador pero intelectualmente honrado? Que diría MB a propósito da recondución espect-acular e espect-ral da pantasma como saída posmoderna e local(ista) á quebra definitiva de calquera fío condutor entre subxectividade e individualidade?

[Na fotografía Jaureguizar na Ronda da Muralla de Elsinor o pasado xoves (Cortesía de Plásticos Santi)]

A terra quere pobo, en efecto

14 de Febreiro de 2009

Ben interesante, non como adoito nesta caste de simulacro do chateo “ente conspicuo” – “masa disforme”, o encontro dixital das lectoras e lectores con Xosé Luís Barreiro Rivas onte venres na Voz de Galicia. Nun comentario ao post noso do día 12 sinala Tío Pepín que lle pareceu raro que ningunha pregunta das dirixidas a Barreiro se referise á posición Rey, ao j’accuse de jacuzzi do que vimos falando. Desde logo, semella un pouco curiosa esa ausencia. Pero é evidente que non se pode contestar a todo e que non todas as preguntas pasan da portería.

Na figura pública de Barreiro existen na miña percepción algunhas notas chamativas, algunhas contradicións que fan atractiva a súa imaxe e en particular o seu discurso. Quizais porque, sendo un home conservador, proxecta uns hábitos de pensamento que saen dese marco, e tamén porque os seus escritos plasman un proxecto reformista que de se ter aplicado durante a os longos lustros de pax fraguiana terían determinado algo semellante a unha reinvención polo menos administrativa do país (ás veces a reinvención nacional é cousa dos reformistas, por moito que escoza).

Aliás, raras veces verbalizou Barreiro en público, que eu saiba, unha das cuestións máis persoais que figuran no chat de onte: a da súa expulsión da vida pública e a das tentativas (diversas) de reincorporación á esfera política e ao exercicio do poder. Cinguireime a iso en seguida, pero antes quero concretar algunha outra nota de contextualización. Por exemplo, a súa opción lingüística no chat. O uso exclusivo do galego nas respostas do encontro, mesmo nas respostas feitas a preguntas formuladas en castelán. Anótoo, simplemente. Anótoo polo contraste coa súa práctica de anos como columnista nese mesmo medio. E anótoo tamén por contraste coas cousas que vimos tocando estes días a propósito de Galicia Bilingüe (incluído o tic José Blanco) e da entrada desa plataforma na campaña ás eleccións do 1 de marzo, confesada como tal pola súa voceira Gloria Lago sen lugar a dúbidas nin a reservas de ningunha especie (“Estamos consiguiendo que los partidos se muevan“). Segundo indica Tío Pepín, é evidente que Barreiro se implica nese debate, que toma partido nel e que se distancia, aínda que sexa con cautela, da posición Rey. Mesmo que se desmarca do abuso mediático destinado á manipulación informativa e ideolóxica pola que se sobredimensiona a deriva violenta (o momento “cristal”) que puido funcionar como séquito ou como testemuño de resistencia (existen valoracións) á marcha dos mil e pico por Compostela (por certo, que Nós-UP pida a ilegalización de GB resulta para min tan inescrutábel como un tratado de teoloxía positiva).

O que me confirma tamén este encontro co politólogo é algo que hai moito tempo teño como certo. Percibo de sempre a xa longa xeira do Barreiro columnista na Voz como unha demorada Brief an den Vater, ou Carta ao Pai, pendente de algo que sería redutivo concretar na liña culpa-perdón, pero que desde logo está absolutamente inscrito na sombra de Manuel Fraga (e nunca, ou case nunca, na de Fernández Albor, por certo). Percibo as análises de Barreiro como lúcidas e asemade como seriamente pexadas por algo que levan enriba, unha laxe pesadísima procedente da súa expulsión da vida pública mediante operativos político-xurídicos que si terían merecido na súa sazón algún j’accuse, e non dos de salón nin dos de cuarto de baño precisamente. En Barreiro hai tamén algo de tráxico-shakespeareano, que no meu entender explicaría a aceptación (resignación) dun exilio académico con tanxencias ao público. Naturalmente, non diría nada disto se non fose porque creo que excede en moito o sentido do privado, porque creo mesmo que atravesa de les a les un libro como A terra quere pobo.

Velaquí xa o que mencionei arriba sobre o pathema da expulsión:

—Sr. Barreiro, no sé si me contestará a la pregunta. Mi opinión es la siguiente, dado el bajo nivel de la clase política gallega -en general-, creo que una persona como Vd. daría un buen Presidente de la Xunta. Es posible retomar su carrera política hacia tal fin, o lo tiene descartado. Un saludo.

—A política e os políticos non son elementos illados do contexto social, económico, organizativo e cultural dunha sociedade, e cometería unha equivocación quen carente de unha organización adecuada e dun contexto cultural necesario para plantexar unha etapa de rexeneración política se lanzase á area confiando só nas súas forzas. Cando a min me botaron fora da política cunha maniobra evidente que o PP debería explicar agora e cando o conxunto da cidadanía me negou o pequeno apoio que necesitaba para aguantar non se perdeu só a miña carreira persoal senón que se perdeu tamén en honor e gloria de Fraga un instrumento de acción política coma era o nacionalismo centrista que hoxe sería unha maravilla para dinamizar e elevar de categoría o nivel da nosa política. Nas actuais circunstancias a miña volta á política sería coma se Springsteen subira ao escenario sen amplificación ou sen destellos de luz, ou se Messi saíra a xogar con equipo formado por dez inexpertos e máis el. Iso sería melancolía pero non sería música nin fútbol e algo así sería tamén a miña volta á política que sería un bó espectáculo pero estéril.

[Barreiro Rivas nunha fotografía tomada da páxina web que incorpora o encontro dixital mencionado]