ensaioArchive for the ‘’ Category

Engado do ritmo

17 de Setembro de 2009

 

manuel_da_costa

El ojo que ves no es
ojo porque tú lo veas;
es ojo porque te ve.

Ás veces, os poetas, levados polo engado do ritmo, equivócanse. Machado dedicou esa rara consideración dos seus Proverbiosrara para ese peixe de arriba, sen ir máis lonxe— a Ortega y Gasset, autor do ensaio “Vida como ejecución (El ser ejecutivo)”. É probábel que alguén a usase xa para falar da superación hermenéutica da fenomenoloxía, asunto no que un reflexionaba en agosto perante certo queipo con xardas (mortas). Así que o problema maior da conciencia parece ser o problema da diferenciación entre vida e morte. Como Machado non tiña nada de barroco, pensou pouco nos ollos dos mortos e lembrou só os ollos dos vivos. Así, malia algún espello que mediou entre el e algún reflexo, teorizou a mirada. O problema da conciencia acaso sexa tamén o da priorización da vida propia sobre toda morte allea. O problema da desaparición. Aínda que a morte sexa a dunha xarda e o ollo dela quede convertido en centro que reclama  os ollos nosos? Si.

[Fotografía do brasileiro Manuel da Costa. As xardas, aquí]

 

O Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego

12 de Decembro de 2008

Hoxe presentouse no Consello da Cultura Galega o Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego, coordinado por Andrés Torres Queiruga e Manuel Rivas García. Trátase dun proxecto complexo, plural, de longa e laboriosa execución, cunha comprensión ampla do que sexan a filosofía, o pensamento sistemático e a reflexión ensaística nos moi diferentes contextos e disciplinas nos que os nosos pensadores deixaron marca e discurso. Agora é máis necesario que nunca lembrar, recoñecer, situar e someter a permanente debate esa produción que somos propensos a valorar como dispersa e discontinua.
[Ánxel Huete, Composición]