episcopaliaArchive for the ‘’ Category

Dixitopuntura

30 de Agosto de 2009

 

Falouse algo por aquí do uso do furabolos na esfera pública (sobre a súa rendibilidade na esfera privada non é preciso ofrecer detalles). Hoxe sería ben ampliar algo a mirada para atender outros planos. En especial, despois de sabermos que a conselleira de Sanidade dedicou unha parte das súas vacacións de agosto a reler a terceira encíclica de Ratzinger, Caritas in veritate (2009). O cal, como é lóxico, a nós nin nos vai nin nos vén. En todo caso, trátase dun texto que se le en menos dunha hora, polo que cabe imaxinar que Pilar Farjas tería tempo para ler ou reler, ademais, outras pezas teolóxicas ou de literatura fantástica e pode que incluso algún ensaio de certo nivel intelectual.

Ler encíclicas non é un pracer para quen suscribe, pero algunha teño lido. En xeral, as últimas parécenme sobreabundantes de soberbia e prepotencia moral e deficitarias en racionalidade. Nada raro, pensarán as lectoras. Certo, porque as relixións funcionan basicamente como corsés vantaxistas da razón e como correas de control social e político para a administración do que seguen chamando (faino de novo Roma) a verdade.

wojtyla-e-cardenalA primeira fotografía que incorpora esta anotación está na memoria de toda persoa de certa idade. Karol Wojtyla, na súa chegada a Managua en 1983, reprendía publicamente ao ministro de Cultura e sacerdote Ernesto Cardenal á vista de todo o mundo (de todos os televidentes do planeta) pola súa implicación coa revolución sandinista e quen sabe por que motivos máis. En fin, algo si que se sabe sobre esas razóns complementarias. Serían seguramente as mesmas que poucas horas despois proclamou o Papa de Roma nunha misa diante de bastante máis de medio millón de persoas, talvez a terceira parte da poboación de toda Nicaragua. Cardenal ten contado que a idea daquela homilía do Papa polaco era someter desde a autoridade espiritual a revolución en marcha. E resulta evidente que algo diso houbo revisando agora o texto. O caso é que entre o público emerxeu unha resposta firme que incomodou a aquel home visionario vestido de branco: “Poder popular!! Poder popular!!”. Isto berraban os fieis contra as palabras de quen pasou de inmediato a reclamarlles silencio. Non podo evitar asociar estas escenas coas de Ceaucescu en Bucarest tres ou catro días antes de ser fusilado; non, naturalmente, porque as historias sexan paralelas senón polo xeito no que as masas ditan sentencia ás veces dun xeito imprevisto pola dirección de escena.

Joseph Ratzinger di que en Caritas in veritate fixa a doutrina social da igrexa católica. E di tamén algo que coincide en moi alta medida co dito por Wojtyla en Managua. Que quen manda e marca o rumbo en cuestións de fe e de actuación pública dos membros desa igrexa (sacerdotes, congregacións e laicos) é Roma. Pilar Farjas, vese que estimulada por eses principios, pronunciou na Semana de Teoloxía e Pastoral celebrada estes días na Coruña unha conferencia titulada “El compromiso político vivido desde la fe“. Probabelmente, non o sei, puido glosar algúns contidos da encíclica que estudou para preparar a súa conferencia e que leu e releu (isto indica que non ten moita memoria a conselleira de Núñez Feijóo: a encíclica tivo saída pública o día 7 de xullo pasado, de modo que non puideron pasar nin cincuenta días desde a primeira lectura). Contidos como estes, por exemplo, que semellan fulcrais na articulación argumentativa —digámolo, piamente, así— dos 79 apartados da encíclica de Joseph Ratzinger e que aparecen nos puntos 28 e 56 (as reiteradas cursivas pertencen ao propio texto):

28. Uno de los aspectos más destacados del desarrollo actual es la importancia del tema del respeto a la vida, que en modo alguno puede separarse de las cuestiones relacionadas con el desarrollo de los pueblos. Es un aspecto que últimamente está asumiendo cada vez mayor relieve, obligándonos a ampliar el concepto de pobreza y de subdesarrollo a los problemas vinculados con la acogida de la vida, sobre todo donde ésta se ve impedida de diversas formas.

La situación de pobreza no sólo provoca todavía en muchas zonas un alto índice de mortalidad infantil, sino que en varias partes del mundo persisten prácticas de control demográfico por parte de los gobiernos, que con frecuencia difunden la contracepción y llegan incluso a imponer también el aborto. En los países económicamente más desarrollados, las legislaciones contrarias a la vida están muy extendidas y han condicionado ya las costumbres y la praxis, contribuyendo a difundir una mentalidad antinatalista, que muchas veces se trata de transmitir también a otros estados como si fuera un progreso cultural.

 

 

56. La religión cristiana y las otras religiones pueden contribuir al desarrollo solamente si Dios tiene un lugar en la esfera pública, con específica referencia a la dimensión cultural, social, económica y, en particular, política. La doctrina social de la Iglesia ha nacido para reivindicar esa «carta de ciudadanía» de la religión cristiana. La negación del derecho a profesar públicamente la propia religión y a trabajar para que las verdades de la fe inspiren también la vida pública, tiene consecuencias negativas sobre el verdadero desarrollo. La exclusión de la religión del ámbito público, así como, el fundamentalismo religioso por otro lado, impiden el encuentro entre las personas y su colaboración para el progreso de la humanidad. La vida pública se empobrece de motivaciones y la política adquiere un aspecto opresor y agresivo. Se corre el riesgo de que no se respeten los derechos humanos, bien porque se les priva de su fundamento trascendente, bien porque no se reconoce la libertad personal. En el laicismo y en el fundamentalismo se pierde la posibilidad de un diálogo fecundo y de una provechosa colaboración entre la razón y la fe religiosa. La razón necesita siempre ser purificada por la fe, y esto vale también para la razón política, que no debe creerse omnipotente. A su vez, la religión tiene siempre necesidad de ser purificada por la razón para mostrar su auténtico rostro humano. La ruptura de este diálogo comporta un coste muy gravoso para el desarrollo de la humanidad.

De todo o que en Caritas in veritate manifesta Ratzinger, nunha prosa obscenamente tautolóxica alén de manipuladora e falseadora da verdade empírica nalgúns momentos, o máis preocupante parece a determinación coa que se afirma a necesidade de participar Deus (en fin, deus, os deuses e demais postulacións confesionais) na esfera pública. Particularmente na súa dimensión política! Deus na esfera pública no século XXI falando pola voz das xerarquías eclesiásticas e esixindo ser parte nas decisións políticas que afectan á comunidade. Pero de verdade será alemán este home? E Farjas, a Farjas que, por suposto deixando á marxe a súa condición de membro do goberno (como se fará iso?), dixo cousas —en público!!— como que “Es pecado limitar el uso de un elemento de comunicación como la lengua”, será de Teruel ou será de Marte?  Será turolense ou será marciana a máxima responsábel da farjas_pilar_toma_posesion2sanidade pública galega cando di en público que “el ateísmo deja a la gente sin fuerza moral”? Someteranos a dixitopuntura para curarnos, aos ateos? Será obrigatorio vacinarse contra o ateísmo e comungar con rodas tautolóxicas king-size antes de pasar a consulta? Instalará confesionarios nos corredores do antigo Hospital Juan Canalejo? Carafio, ese señor si que tiña forza moral; eh, Farjas! Pasará a noción de “pecado” ao novo estatuto de rexión? Que sei eu, algo deste estilo: “Artigo 1. Galicia, rexionalidade histórica, constitúese en Comunidade Autónoma para acceder ó seu autogoberno, de conformidade coa Constitución Española, o Concordato e co presente Estatutiño, que é a súa norma institucional básica despois do Catecismo”; “Artigo 5. A lingua propia de Galicia é o castelán. Será pecado venial falar galego. Será pecado mortal insistir en falar galego, particularmente fóra de usos folk ou das encherolas do día do patrón cos ancestros rurais”.

Algún día chegará no que a clase de discurso da conselleira de Sanidade perda a escasa lexitimidade que conserva e conleve en consecuencia, pronunciado en voz alta nun lugar público por un responsábel gubernativo, o inmediato cese nas súas funcións (ocorrería xa, por certo, se Farjas fose parroquiana doutras peñas, khariíta p.e.). Iso non acontecerá, con todo, mentres teñan vixencia os acordos de xaneiro de 1979 entre os estados español e vaticano, pero eses papeis, como todo, teñen data de caducidade. Chegará o día. O día no que as diferentes igrexas e confesións “regularicen a súa situación”, por empregarmos nós a frase coa que Wojtyla fixo dixitopuntura no ollo dun xenuflexo poeta de pelo cano nun lugar de Centroamérica en 1983.

 

[Na foto en branco e negro Wojtyla reprende a Ernesto Cardenal en branco e negro no aeroporto de Managua, 1983. Abaixo, en coloríns de entretempo litúrxico, a conselleira Pilar Farjas e a súa perruqueira (esta última in absentia) xuran en 2009 o  cargo no goberno. O que semella crucifixo confesional de ouro na parte inferior esquerda desta fotografía de EFE é en realidade un crucifixo confesional dourado]

A razón prostética na Quintana dos mortos

28 de Maio de 2009

O adxectivo tómase da psicanálise freudiana vía Hal Foster, por suposto. A razón como prótese. A racionalidade como aquilo que incorporamos ou non aos nosos actos físicos, ás nosas construcións mentais e simbólicas, ás nosas relacións cos outros e co mundo, en función de non sabemos exactamente que clase de escolla. Razón e pel, difícil mestura, ou algo así, di Jarabe de Palo nunha canción. Iso por exemplo. Pero non falo agora de amor, non dese amor. Falo de relixión. 

robert_gober_einleitung1

De relixión, crenzas, ideoloxía, teodiceas. Algo que a Foster (Prosthetic Gods, 2004) interesa como exploración psicanalítica, e á vez como crítica dela, por aplicación á cultura artística masculina da modernidade e da posmodernidade. O problema diso é a condución a relato da produción artística, de instalacións como esta, Sen título (1997), de Robert Gober en Los Angeles Museum of Contemporary Art. No capítulo final de Deuses prostéticos Foster fai algo necesario á hora de presentar a instalación aos seus lectores: conta o que había en torno dela e que as fotografías non poden amosar de xeito directo e completo. A virxe, de bastante máis altura que o que poida parecer nestas fotografías, atopábase sobre un gran rexistro de augas pluviais, a escaleira que está ás súas costas e que na foto superior enmarca tronco e cabeza conducía a un cadoiro de auga (650 litros por minuto caendo), a través das maletas víase unha outra corrente nunha piscina na que un home camiñaba levando no colo un cativo (só se vían as pernas), etc., etc. Titula Foster o capítulo “Enigmas, redencións, malleiras”.

robert-gober1194025431

Esquecía indicar que debaixo do rexistro había, seica, outra piscina. Nela, enormes penes humanos movidos pola corrente, outra corrente de auga. Por que lembrar isto a propósito do asunto que hoxe debatimos en tres capítulos sucesivos? Insinúo algo sobre a correlación dos chanzos de Gober e a escalinata que ascende da Quintana dos mortos á Quintana dos vivos? Propoño alegorizar a morte entre as maletas de San Paio e a Porta Santa acaso? Por que tantas correntes verticais e horizontais? Alguén pode axudarme a dicir o que querería dicir? Falo de relixión e de prótese teolóxica? De fe e razón? De violacións e abortos? De oración e argumentación (minutaxe: 7-9 en particular, onde Cañizares, o cardeal, bota contas: a cantas violacións dá dereito un aborto? Uf, uf, uf, ufff…)? Tamén por referencia á ideoloxía?

quintana

De vivir o tipo que asoma inexplicadamente nesa ventá do edificio a carón da Casa da Parra acaso el…, acaso el sabería contar mellor ca Foster o porque do tubo que atravesa á Virxe encima do gran cemiterio líquido de falos humanos tallados, ou simplemente desprendidos? E o deán, como nolo contaría o deán do cabildo compostelán todo isto?

Isto dos delictos e das impunidades, isto do misterio mariano do tubo helicoidal que atravesa o útero sen mácula?

Iso xustamente, todo iso. O do tubo salomónico tamén (hai violacións…, hai abortos…, total: fifty-fifty e todos pa’casa, non si, cardeal?). Ah, Salomón, canta sabedoría no tubo e nas hélices. Claro, o nome é SaloMÓN, de aí a autoridade. Se o rei Salomón se chamase Crispín, sería tan sabio? Ca! Todo iso, todo iso, todo iso. Pero sen esquecer Irlanda nin o rexistro nin as maletas nin as correntes nin as monxas misioneiras do Informe O’Donohue nin as contas (a como sae cada violación anal?, a canto a felación?, a canto a eterna impunidade?). Pero que non esqueza o tubo, por favor. O tubo é importantísimo. E o tipo da fiestra tamén.

A mitra do escaravello

28 de Maio de 2009

manuel_vilarinho-fragmanuel_vilarinho-frag-inv

Coa anotación anterior pretendín introducir un asunto para a reflexión que me parece capital. Existen para min agora mesmo dous eixes que merecen absoluta atención nas coordenadas nas que estamos: un é o da impunidade, outro é o da eficacia da linguaxe-razón. No fondo, son o mesmo problema, desde logo. Interésame pensar nese marco a construción social dos imaxinarios e tamén outras cousas igualmente grandes. Pero neste momento interésame reflexionar sobre a entidade argumentativa da blogosfera, do blogomillo, como movemento de contributo político para o desenvolvemento dunha acción racional no espazo público. A cuestión principal pode formularse así: en que modo aprisiona a linguaxe pública a toma de conciencia sobre a realidade? Xa se sabe que noutros momentos apareceron propostas, incluso no ámbito da estética, para a activación dunha dialéctica negativa. No campo artístico isto conduciu a repensar a vellísima noción de mímese, e aí o expresionismo alcanzou metas que non se deben menosprezar. Como usar a linguaxe e a razón nas coordenadas de campo actuais (aquí, digo aquí, non penso noutro lugar agora mesmo)? Como des-figurar e des-montar o habitus cultural que conduce a entender como normal (aquí, tamén aquí) que xeracións e xeracións de cativos socialmente desprotexidos fosen material sexual funxíbel para o catolicismo irlandés, para os sacerdotes católicos irlandeses, sistematicamente ao longo do tempo, sistematicamente ao longo do tempo… e non pase nada de nada? Por que razón se reduce iso a excepcionalidade? Por que motivo se acepta como normal a permanente intromisión política da xerarquía eclesiástica católica nas estruturas de goberno e da administración, na capacidade de decisión política sobre como vivir e como morrer, tamén por tanto na realidade diaria dos cidadáns, e non pasa nada e non se cambia nada?

A ineficacia da linguaxe mimética, a ineficacia da razón, a impunidade, o secuestro das liberdades, o cinismo social, a hipocrisía institucional e a súa frivolidade mercantil diante dun corpo violado… Velaí unha axenda aberta, tamén para a blogosfera. Só algunha das súas páxinas, claro. Hai outras. E pode que máis perentorias.

Nada que facer logo? Realmente, nada que facer con só a linguaxe e a razón? Que eficacia podemos ter? Con que grao de intervención nos contentamos?

[Fotografía de Manuel Vilariño, Cruz negra, escarabajo rojo (2001). Fragmento e fragmento con inversión cromática]

Espazo sacro, danza sacra, política de deus, corpo social

28 de Maio de 2009

O Arcebispado e a praza da Quintana. Como tratar este asunto tan vello?  As idas e vindas do festivo, do teatral, da música, do sacrificial e da política entre altares e adros? Mt 21,12-17? Desde logo, e tamén o proceso medieval e a protesta dos poderes ante o exceso de ruído, os camiños de dentro a fóra do templo, entre o drama litúrxico e os moi populares misterios, entre  a festum stultorum e outras variantes xocosas e subversivas de ordes e xerarquías, nas que a xoglaría o o laico facían osmótico o espazo liminar arredor do sagrado e o mundo se puña por momentos do revés e entraba no sagrado sen saber ben a que. Asnos orneando diante do altar, nenos-bispos, a representación do salvaxe exposto á mirada civilizada e redentora da súa natureza espida… O sagrado lese nas palabras de arcebispo e deán, agora, como núcleo centrífugo que gaña de novo terreo á esfera pública e reclama algo que a min me parece relevante: a política faise dentro. Eis a cerna da intervención que insiste sempre en incorporar o institucional-público en actos litúrxicos que deberan ser privados, acolle a voz do poder sedado e domesticado e denuncia, en cambio, o canto de xoglares e bufóns vociferantes arredor do templo. Silencio aí fóra, cidadáns, o poder recóllese a orar e decidir dentro!

Abonde hoxe Martin Codax (con Manuel Vilariño):

 manuel_vilarinho

  

Eno sagrado, en Vigo,

Baylava corpo velido:

Amor ey!

 

En Vigo, no sagrado,

baylava corpo delgado:

Amor ey!

 

Baylava corpo velido,

que nunca ouver’ amigo:

Amor ey!

 

Baylava corpo delgado,

que nunca ouver’ amado:

Amor ey!

 

Que nunca ouver’ amigo,

ergas no sagrad’, en Vigo:

Amor ey!

 

Que nunca ouver’ amado,

ergas en Vigo, no sagrado:

Amor ey!

 

 

   

[Fotografía de Manuel Vilariño, Cruz negra, escarabajo rojo (2001)]

Como se fai unha homilía?

3 de Xaneiro de 2009

A estas alturas da película sei que haberá lectoras que pensen que ao blogueiro arriba asinante le acude una alferecía cada vez que ule ínfulas, kipás, solideos ou burkinis. E non é así, non é así, créase. Trátase simplemente de deixar atrás un lastre que deriva non tanto do documentadísimo feeling histórico entre igrexa(s) e poder(es) como da excesiva ostentación ritual e ideolóxica desa paixón e, en particular, das implicacións imaxinario-simbólicas que dela derivan como freo da historia en marcos como o científico, o xurídico, o político, o educativo ou o sanitario. Trátase apenas, por tanto, de pasarmos páxina nese capítulo, que diría o esgrevio empregado de Murdoch para o patio latino.

Hai un par de días falei da vacuidade intelectual na que adoito bambea o discurso de señores como Barrio en actos litúrxico-políticos como o da dita Ofrenda Nacional de cada 30 de decembro en Compostela. En boa sintonía retórica, o arcebispo non espera outra cousa do oferente que el/a mesmo/a se manteña en similar nivel intelectual e inventivo. Eis o pacto tácito da oferenda: unha especie de anestesia mutua. Non dicir case nada ningún dos dous fóra dos latinorios sabidos sobre o malo que é ser malo e o bo que é ser bo, ás veces ampliados aqueles a unha consideración sobre a iluminación que do apóstolo se espera para cadrar orzamentos autonómicos, evitar o botellón xuvenil na Quintana, mediar nalgún contencioso-administrativo co Altísimo ou emprender a ampliación da AP-9. Seguro? Seguro que só iso? Algunha das dúas partes sobarda o pacto, sempre con boas formas e sorriso pastoral, e deita por aquí e por alá algunhas pingas coercitivas caramelizadas como caritas perante un oferente civil xa en estado semicomatoso por non estar el/a afeito/a a tanto incenso e a tanto frufrú de casullas?

A Igrexa Católica organízase, sabémolo todos, como unha estrutura sólida e moi xerarquizada. Unha manifestación especialmente audíbel da xerarquía católica é a correa de transmisión discursiva que fai que un motu proprio, unha encíclica ou una carta apostólica percorran en cuestión de horas os estamentos todos desde o Vaticano até a última parroquia das fisterras do mundo. Iso garante que a voz papal, as súas análises e tomas de posición, resoen en todos os recunchos. Só se desmarcan diso algúns cregos, escasos bispos e case ningún cardeal. O arcebispo Barrio Barrio, como calquera outro dos que Ratzinger e Suquía controlan de preto, non se sae nunca do guión. E o guión consiste, no básico, en que baixo a aparente nadería anestesiante se vaia ensarillando un discurso ideolóxico que se corresponde punto por punto co pensado, máis ou menos infalibelmente, polo colega de Roma en termos de dogma e en termos políticos.

O arcebispado de Santiago de Compostela non pendurou aínda da súa páxina web o BOAS de xaneiro de 2009, no que axiña se poderá ler a homilía de hai uns días. Pero si temos acceso ao BOAS de xaneiro de 2008, co discurso correspondente ao 30 de decembro de 2007 (pp. 4-8). En poucos minutos de intervención —recoñezo que o da brevidade é un detalle— conto nove citas de textos papais (de dous papas naquela ocasión, Wojtyła e Ratzinger) ou bíblicos, alén de varias outras paráfrases e intertextualidades das que a SGAE nunca pasaría sen largar minuta. A encíclica Spe Salvi, que Ratzinger publicara só un mes antes, foi un dos fíos condutores fundamentais da homilía de Barrio 07. Como tamén o foi o discurso Ratzinger sobre o neopaganismo na homilía Barrio 08. Pero entre soster o báculo coa man dereita e manter as cervicais dereitas por mor da mitra, Barrio non ten xeito de marcar cos dedos en alto —ao babiolo gusto anglosaxón— as citas e pseudocitas que introduce. Por exemplo esta, tomada da encíclica papal xa mencionada: “El presente aunque sea un presente fatigoso, se puede vivir y aceptar si lleva hacia una nueva meta, si podemos estar seguros de esa meta y si esta meta es tan grande que justifique el esfuerzo del camino”. Se puede vivir y aceptar, o presente, se a meta é grande. Todo un programa vital, escatolóxico e político. Que é o de sempre, nin máis nin menos, Villarino. En fin, parabéns por chegar á meta!

[A presidenta do Parlamento, ou pode que aí simplemente Dolores Villarino Santiago, e o arcebispo de Santiago de Compostela, ou pode que aí simplemente Julián Barrio Barrio, en biunívoco arroubo o pasado 30 de decembro. A fotografía tómase do blog de Ana Bande, quen tratou igualmente este tema, o mesmo que Carlos Callón, Occam e seguramente alguén máis]

Villarino perante Barrio: escenificación dunha forma de violencia simbólica

1 de Xaneiro de 2009

A lei ten que limitar dunha vez por todas, moito máis claramente do que xa o fai (Constitución, art. 16: “ningunha confesión terá carácter estatal”), a disposición persoal das autoridades civís que representan a soberanía popular para que esta imaxe non se repita. A presidenta do Parlamento non pode dirixirse nun discurso público enmarcado nun acto litúrxico específico a representacións relixiosas de ningunha confesión. Quen representa a soberanía popular non pode someterse ás análises, consellos ou amoestacións públicas de ningún dignatario relixioso. Por moi abstracto que sexa o que se diga, por vacuo e supostamente aséptico que sexa (nunca o é, quero dicir que nunca é aséptico; no plano conceptual, é sempre vacuo, vacuo até escordar meninxes), iso é violencia simbólica contra a sociedade civil, contra as liberdades e contra os dereitos constitucionais.
Violencia simbólica que nutre con obscena periodicidade a submisión das institucións democráticas a un discurso moral e politicamente marcado. Violencia simbólica que acepta a minoración da lei e o dominio da razón por parte do dogma.

Ignoro cales son os motivos polos que a fiscalía non intervén unha vez que con absoluta obviedade e publicidade mediático-institucional resulta conculcado o principio constitucional de que só caben “relacións de cooperación” coa Iglesia Católica ou con outras organizacións confesionais por parte dos poderes públicos do Estado (Constitución, art. 16 de novo). Ignoro que clase de razón xurídica pode amparar actos desta entidade e que clase de cesión técnica de funcións induza a non intervención da fiscalía. Ignoro por que razón aguantamos tanto.

Chamo a que os demócratas poñamos fin a este rito que nos tutela e nos somete dobremente (no plano político e no plano da intelixencia) dúas veces por ano. Chamo a que ningunha autoridade se someta simbolicamente ao poder relixioso, someténdonos en simultaneidade a todos os cidadáns. Chamo a que non poidan facelo aínda que a título individual o desexen. Chamo a que a lei o prohiba explicitamente. Chamo, en fin, a que a lei penalice a participación de autoridades que representan a orde democrática constitucional en actos confesionais do signo que sexa.

Señora Villarino, garde a súa fe, a súa docilidade ou as súas debilidades persoais para a vida privada. Fale vostede en público ou a soas coa pedra de abalar ou con Alá se quere, practique vudú ou active crótalos mentres recita o hare krishna Hórreo abaixo, pero fágao en horas libres, fágao á marxe das súas altas funcións como presidenta do Parlamento e fágao fóra de foco. E agora, por favor, comece ben o ano: dimita.

[A Presidenta do Parlamento le o seu discurso na catedral de Santiago perante o bispo de Compostela o día 30 de decembro pasado, na dita Ofrenda Nacional da Festividade da Traslación dos Restos do Apóstolo Santiago. Faino en representación do Rei de España. A fotografía é de Fernando Blanco para El Correo Gallego]

Cañifobia

26 de Novembro de 2008


Si, co ñ. Quero dicir, co grafema ñ. Porque non se trata de medo aos cans nin de xogo hipogramático ningún por extirpación última de vocal traseira. Con ñ de Cañizares, administrador de fobias, cidadán incendiario, bispiño valetudinario no referido aos equilibrios mínimos que se deban esixir aos miolos que quecen baixo mitra, valedor da mentira. Non é bo xogar cos nomes, non é bo, pero aquí non xogo, aquí constato, como di agora nas súas memorias un certo parente meu ao que si que lle rodou un o apelido abaixo, o Gran Landa.

Haberá logo que esforzarse, porque non toda tregua é lexítima nin se interpreta por todos como prudencia. “Cada caso é un mundo”, seica dixo o xurista Olabarría, do moi confesional nacionalismo vasco. “Que decidan os centros”, di a ministra Cabrera. Están nun erro, nun erro político moi serio. E emiten ademais unha mensaxe cargada de medo, cargada de cinofobia (agora si) polo que ladre e morda o peor recuncho da nosa historia común.

Non creo que haxa debate en termos propiamente xurídicos e constitucionais. E é só aí onde se ten que dirimir calquera controversia relativa aos dereitos fundamentais. Porque tampouco son os centros os encargados de decidir sobre se é aceptábel e lexítimo estudar trigonometría ou sobre se é legal o acoso escolar. O artigo 16 da Constitución vixente ten tamén un apartado 2 que raramente se cita no pseudodebate sobre a presenza dos signos relixiosos nos centros e nos actos públicos nos que está representado o Estado. Di ese apartado que “Ninguén poderá ser obrigado a declarar sobre a súa ideoloxía, relixión ou crenzas”.

A doutrina Cabrera, que vén sendo a doutrina Zapatero e a doutrina Borbón (máis todo o que levamos acumulado por cinofobia desde 1975 a hoxe), conculca ese principio legal. O pai valisoletano que agora está na totalidade dos micrófonos de radios e televisións foi obrigado, na práctica, a declarar sobre ese campo que delimita e ampara o apartado 2 do artigo 16 da Constitución. Eu tamén agora mesmo. Igual que calquera cidadán (alumno, nai, profesor, directora…) que a partir deste momento solicite aos centros, ao abeiro da resolución xudicial de Valentín Sastre e encurralado pola doutrina Cabrera, a retirada de signos relixiosos ou sectarios de lugares tan preeminentes como a parte frontal das aulas de institutos e escolas, muro de carga que sostén a civilización e a racionalidade nas que eu aínda creo.

[A fotografía da estola tómase dunha web “for purity and tradition in catholicism”]

O irreprimido furor prosopopeico da Conferencia Episcopal

21 de Outubro de 2008

Máis unha vez, a Conferencia Episcopal Española solta o brazo para redactar unha nota sobre moral, legalidade, sociedade civil e avances científicos. Neste caso, trátase do que nas súas propias palabras se describe como práctica euxenésica destinada á selección dun bebé para curar o seu irmán, afectado por unha anemia conxénita severa. O título da nota actualiza un paradigma argumentativo moi socorrido na homilética católica e noutras prácticas admonitorias cultivadas durante séculos de vida pastoral. Trátase da fórmula “a, pero non b” posta ao servizo do paradoxismo e sustentada nunha parella antitética. Neste caso: curar — eliminar. Completa, a advertencia-título queda así: “Curar a los enfermos, pero sin eliminar a nadie”.

Da nota da CEE, en todo caso, só vou comentar o que me parece eixe vertebrador. Non só da propia nota, por certo, senón en xeral da totalidade da presenza pública da Igrexa Católica en España e do seu firme propósito de intervir en toda decisión social, política e económica que no Estado se tome. Pero non se pense que sairemos da retórica porque non é así.

A reflexión que agora formulo, aliás, dista de ser un pasatempo máis de blogger ocioso. O certo é que me preocupa seriamente desde hai anos. Cal é a razón de base para unha presenza tan acentuada da voz e da opinión da xerarquía católica na vida pública española? E obsérvese que decido non extenderme agora á consideración sociolóxica ou antropolóxica desa mesma incidencia na esfera privada de cidadáns, familias, comunidades… Gustaríame permanecer nunha análise política e en todo caso referida á semiose (ou produción de significados) social e cultural.

A pista para unha resposta fiábel a esa pregunta localízase sen dificuldade na nota á que vai referido este post. Esa nota está asentada, de novo no campo amplo que vai do oxímoro ao paradoxismo de parellas conceptuais, en dous piares que ecoan en dobretes argumentativos sucesivos, como as doas dun colar (motivo polo que o paradoxismo deriva tantas veces ao alegorismo ou á analoxía). Os piares desta nota son os conceptos de vida e morte, reformulados logo como par curación — eliminación, ou tamén, entre outros, dignidade — utilización, procreación — produción, e fin en si mesmo — medio instrumental técnico. Pero o que me interesa agora é transcender esta perspectiva de análise para alcanzar a figuración lóxica de fondo que ampara esas disociacións. E aquí é onde converxemos coas prácticas sociais permitidas e incluso fomentadas polo Estado. Esa tolerancia do Estado, por outra parte, é tamén o que anima á xerarquía católica para proclamar de tanto en tanto a súa incomprensión das respostas de certos poderes públicos cando reaccionan (ou fan que reaccionan) perante algunha declaración política de tal ou cal bispo.

Cal é a figuración lóxica de fondo á que me refiro? Claramente: a prosopopea. No texto da xerarquía episcopal esa prosopopea (personificación, atribución de características humanas a outra clase de seres, pero tamén, atención!, acto a través do cal se atribúe un discurso a algún ser ou persoa ausente) funciona ademais co habitual correlato en negativo, tan caro á oratoria homilética. Ese correlato, que a escultura medieval e a pintura expresionista manexaron con pericia e que máis recentemente a psicanálise e o pensamento feminista reformularon de xeito interesante para reler a pornografía e outras textualidades, chámase cousificación. Funciona de feito como unha inversión da prosopopea, mercé á cal se presenta como cousa ou como animal (ou como mercancía en termos marxistas, entre Lukács e Adorno) o que en realidade é humano. Na nota da CEE a prosopopea funciona en dous niveis complementarios: i) o embrión é un ser humano e ii) a Igrexa fala por ese ser silenciado, eliminado. Así: “La Iglesia desea prestar su voz a aquellos que no la tienen y a los que han sido privados del derecho fundamental a la vida”. E algo parecido en varios lugares máis, en xeral tan obscenos e groseiros na argumentación como este que se sinalou. Doutra parte, a cousificación actívase coa finalidade de presentar o neno que acaba de nacer como simple ferramenta ou instrumento técnico da ciencia, porque “someter la vida humana a criterios de pura eficacia técnica supone reducir la dignidad de la persona a un mero valor de utilidad. […] El hermano que finalmente ha nacido ha sido escogido por ser el más útil para una posible curación. Se ha conculcado de esta manera su derecho a ser amado como un fin en sí mismo y a no ser tratado como medio instrumental de utilidad técnica”.

Deixamos as falacias e imos xa ao que realmente importa: a prosopopea católica na esfera pública. Aquí radica, desde o meu punto de vista, a base da influencia dunha confesión como a católica na vida civil e no ordenamento paralegal do país, tocando de feito, aínda que non de dereito, a maior parte das pezas orgánicas do Estado e, globalmente, a súa manifestación pública como tal Estado. A prosopopea é, neste marco, a fórmula autorizada e legalizada a través da cal a Igrexa fala, postula un estatuto de interlocutora para todo (noutra liña habilitado tamén mediante a COPE) e en alta medida dispón, inflúe, predetermina e estreita a vida pública como unha especie de colesterol moral e ideolóxico. Si, pero antes diso o Estado, malia prohibilo a Constitución, delega na Igrexa Católica a faculdade de expresar opinión e doutrina en actos de altísimo contido simbólico e representativo no que á vida pública e institucional se refere. Faino arreo, despreocupado desa cesión de funcións e ollando sempre para calquera sitio agás para un, a legalidade vixente. Faino con contumacia carneira e sublíñao de maneira moi especial nos grandes acontecementos, aqueles que posúen esa dimensión simbólico-escénica referida, marcadora de habitus, inercial no mantemento dos costumes de sempre, sacralizadora dunha tradición de exclusión do diferene e delimitadora, en fin, dunhas regras do xogo moi no límite ou á marxe da lei.

O exemplo máximo que se pode sinalar do pacto prosopopeico Igrexa – Estado —máximo en canto a vistosidade teatral e forza mediática, non tanto en relación coa eficacia do pacto en por si, porque a eficacia resulta menos telexénica e con frecuencia se desenvolve en espazos tan profanos como o Ministerio de Economía e Facenda— son actos como os que ciclicamente se repiten na catedral compostelá para conmemorar o traslado dos restos do apóstolo ou como celebración do seu padroado, o 25 de xullo. Neses actos o xefe do Estado nomea un delegado rexio que o representa e que ten dous cometidos fundamentais: un é verbalizar en bilingüe un discurso reiterado e vacuo sobre a identidade, os medos e os retos dos españois (ultimamente, tamén dos inmigrantes) e o outro, moito máis relevante en termos simbólicos, é asistir do xeito máis submiso posíbel á prosopopea que neste caso verbaliza e somatiza o bispo de Compostela, como unha especie de transmisor mitrado da voz igualmente bilingüe dunha efixie (o apóstolo, a carón) ou dunha idea (deus, arriba), ás que tamén, de paso, se lles solicitan favores ou se lle encomendan persoas e causas máis ou menos nobres. Estamos, pois, perante un duelo cómplice e simuladamente amábel de dous vicarios. O problema, alén do tedio, consiste en que o Estado se sitúa en disposición de recibir instrucións, amonestacións, consellos… a través dun acto litúrxico e prosopopeico. Enténdase que non me parece que o máis preocupante sexa a utilización da prosopopea para proxectar un Santiago Apóstolo ás veces repelentemente reaccionario e —sempre— conservador, cateto e gris. O máis preocupante, alén dos ideoloxemas que o bispo encadee e das consignas que correspondan, é que ese señor e os seus superiores en Madrid e Roma poden encaixar todo iso no estómago dun Estado sentado, de pé ou xenuflexo (segundo os toques do campaíño litúrxico).

Orabén, ese acto non se limita a dúas festividades por ano en Compostela. E, por suposto, non se formula e se reactiva só en Galiza. O acto a través do cal o Estado admite tragar o discurso e a ideoloxía católicos é absolutamente ubicuo e constante, descoñece a tregua. Vai desde os funerais de Estado até a promesa ou xuramento dos cargos públicos e as tomas de posesión, se solemnes e públicas, dos simples funcionarios de carreira. Vai desde as disposicións sobre a presenza do ensino relixioso nos centros escolares até a obrigación de contribuír con taxas e impostos ao sostemento dunha organización non pública. Vai desde a utilización do exército e a policía como figurantes en celebracións relixiosas alegais que interrompen o tránsito até a existencia dun vicario xeneral castrense que cobrará unha pasta ou mil e unha capelanías para os momentos finais nos hospitais públicos e tal e tumba. Ubicuo e constante ese acto-placenta, na vida e na morte. E, sempre, coa contribución pánfila ou calculada dos poderes públicos, situados fóra da Constitución sen que nada pase (a responsabilidade dos cargos públicos, aos que interpreto que debería dirixirse a fiscalía, será asunto para outro post, pero resulta evidente que a opción acudir / non acudir dista moito de ser persoal).

Unha consecuencia da aceptación desa prosopopea escenificada é que o Estado ten difícil o estabelecemento de límites para os días laborais. É complicado aceptar algo como isto: sitúome diante de ti para que nos domingos e outros días sinalados nos marques unha pauta e verbalices a doutrina papal, divina ou da patroa local (hui, o que nos entra por aquí!!), pero a partir do luns cada un no seu sitio. A Igrexa, resulta comprensíbel, non entende ese parchís. Non entende (a Igrexa é mestra en non entender ou en facer que non entende) esa comenencia do Estado. E, claro, fala. Fala para facer audíbel a voz dos infelices-e-intanxíbeis-irmáns-in-vitro eliminados do neno que acaba de nacer para salvar a vida doutro irmán tanxíbel (“El nacimiento de una persona humana ha venido acompañada de la destrucción de otras, sus propios hermanos, a los que se les ha privado del derecho fundamental a la vida”) e fala para facer oír a voz dun deus ventrílocuo, quietista na doutrina, espilido en contabilidade, voraz en catequese e educación, temerario en cuestións de ciencia, sexo e saúde e abruptamente carca no social e no político.

inPOSTados (4)

15 de Outubro de 2008

“Realista é aquel que recoñece a realidade na palabra de Deus”. [Papa Bento XVI na XII Asemblea Xeral do Sínodo de Bispos, Vaticano, 2008]

Complicado, moi complicado en termos discursivos e de semántica extensional. Primeiro foi o realismo burgués, logo o realismo social, logo o surrealismo, o neorrealismo, despois o realismo máxico… Obviarei douscentos máis, que agora temos o realismo papal.

A realidade non é que estea no mundo empírico, non. Nin tampouco non nas representacións que del se fagan, por idealistas que elas sexan. Benvido Plotino ao cadrado, a emanación alucinóxena e, of course, única e anti-(post-)moderna! O realismo está na aprehensión (enténdese que graciosa, facilitada, doada) do real na palabra divina. Que epokhé nin que partinost nin que Cunqueiro engaiolante! Seguro que será por iso o da eficacia do silencio de Pío XII diante do holocausto. Mágoa non erguerse Federico da noite atroz e acalada nos foxos da historia para vos dicir lenta e dignamente, sínodo de bispos, “Grito hacia Roma”. El si foi realista por todos nós, os que nunca agarramos así os evanxeos.

Facerse un Eko

15 de Setembro de 2008
“José María Aznar ha dado instrucciones a sus abogados para que de manera inmediata estudien emprender todas las acciones legales contra quienes han vertido tales falsedades o quienes se hagan eco de ellas”.
[FAES, setembro 2008]

En que consiste exactamente facerse (un) eco? En termos xurídicos non pode ser o mesmo ca en termos informativos ou en termos semióticos. É un eco a tradución? É un eco a fotografía? A cita, é un eco? Pero, sobre todo, que almorza un bispo?