errosArchive for the ‘’ Category

Engado do ritmo

17 de Setembro de 2009

 

manuel_da_costa

El ojo que ves no es
ojo porque tú lo veas;
es ojo porque te ve.

Ás veces, os poetas, levados polo engado do ritmo, equivócanse. Machado dedicou esa rara consideración dos seus Proverbiosrara para ese peixe de arriba, sen ir máis lonxe— a Ortega y Gasset, autor do ensaio “Vida como ejecución (El ser ejecutivo)”. É probábel que alguén a usase xa para falar da superación hermenéutica da fenomenoloxía, asunto no que un reflexionaba en agosto perante certo queipo con xardas (mortas). Así que o problema maior da conciencia parece ser o problema da diferenciación entre vida e morte. Como Machado non tiña nada de barroco, pensou pouco nos ollos dos mortos e lembrou só os ollos dos vivos. Así, malia algún espello que mediou entre el e algún reflexo, teorizou a mirada. O problema da conciencia acaso sexa tamén o da priorización da vida propia sobre toda morte allea. O problema da desaparición. Aínda que a morte sexa a dunha xarda e o ollo dela quede convertido en centro que reclama  os ollos nosos? Si.

[Fotografía do brasileiro Manuel da Costa. As xardas, aquí]

 

Gran Baamonde

5 de Setembro de 2009

 

anton-baamondeUn excelente Baamonde onte no País. Nesa descrición que compara formas de chegar e traxectorias de arranque dos primeiros cen días dos gobernos bipartito (PSdeG e BNG) e monopartito (PP) e na entrevista a Carlos Mella, no mesmo medio o mesmo día, fican retratadas boa parte das condicións e das expectativas que configuran a realidade na que estamos, a realidade que somos en termos políticos e económicos. Velas, non velas…, querer telas presentes ou non para chegarmos a ter a posibilidade de modificar o futuro inmediato de Galiza é outro asunto.

Como en todo, a estratexia das linguaxes é capital. E, como sempre, hai quen o ten asumido no código xenético e hai quen segue a confiar na evidencia da razón ou do amor/compromiso como algo que se enuncia de seu. Non é así. Por iso a dereita manexa sempre tan ben os tempos, con tanto proveito propio. Fala e sobre todo fai e desfai desde o primeiro minuto do partido.

Acerta Antón Baamonde cando suxire que a marca goberno é algo que se xestiona e se rexistra como tal marca neses cen ou cento cincuenta días que en xeral hai tendencia a considerar de cálculo e instalación. O bipartito tenteou e tenteou, inactuou perante o espello, dubidando que roupa poñer para saír a escena. Tanto que chegou á fin da lexislatura e decidiu entón mover pezas de xeito precipitado e imprudente, quizais por rexistrar a marca que antes non fora quen de rexistrar, ou para modificar a que sabía que quedara no imaxinario mediático e social do país: non outra que a do espello fronte ao espello.

Os tempos políticos. Niso non hai dúbida: hai moito que aprender. Indicios de que se asuma esta verdade de caixón na esquerda nosa? Até o día de hoxe, ningún. 

[Na foto, Antón Baamonde]

O erro Berg

19 de Agosto de 2009

 

kristina-berg1Kristina Berg equivócase facendo o préstamo que fai para a demolición do que foron as galescolas do goberno anterior. Un préstamo por outra banda innecesario, porque o mundo está cheo de galiñas azuis (a da Universidade de Delaware, por exemplo), non sempre asociadas en termos simbólicos ao mesmo que o conselleiro Jesús Vázquez —ignórase se tras inspirarse en Cirlot ou en Eranos, ou ficando só nunha lectura algo perversa, oportunista e cínica do conto de Carlos Casares— atribúe atropeladamente á pita celeste e desideoloxizada. Así que xa temos icona nova para a rede que Vázquez e Mato rescatan do gulag entre lapsus, coñas e desidia estival, con sol moi torero e rojigualdo sobre a nube azul ao fondo do cartaz (por certo, o sea). Documéntase  todo de modo suficiente nestes vídeos da Axencia Galega de Noticias que rexistrarán para a historia, sen deixar espazo á incredulidade de quen veña tras nós, en que consistiu exactamente en fondo e formas este Goberno Feijóo.

Berg non só cedeu aquilo que non se acaba de ver por que motivo é materia de cesión (a diferenza cromática?, a diferenza articulatoria que xa tratou Platón no Crátilo?); que non se acaba de ver fóra dunhas circunstancias socio-culturais como as nosas, claro. Como as nosas postas do revés, patas arriba, dándolle a volta ao escrito por Casares, algo que a estas alturas é evidente que tonifica a libido de quen manda no país. Moi alén da cesión non lucrativa de dereitos, Berg tomou parte no acto gubernativo e acompañou na mesa aos conselleiros Mato e Vázquez, quen, obviamente, utilizaron esa marca (a marca Casares) dun xeito que poderá cualificarse como se queira pero nunca como desinteresado.

A estratexia é, máis unha vez, perceptíbel e barata. Cáptase lexitimidade galeguista (individual, faniliar, institucional…) mediante acordos non descritos nin publicitados, probabelmente tácitos. Deconstrúese, en paralelo e sen rubor ningún, a cerna estruturante do ideario nacionalista, presentando por exemplo a Castelao, diante da súa tumba!, como un rexionalista estetizante. E así sucesivamente por academias, clubes e consellos.

Berg decidiu libremente incorporarse ao traxecto Feijóo, a esa planificación trazada ao milímetro por estrategas que ninguén debe menosprezar na súa capacitación técnica e que case todos sabemos cara onde dirixen a máquina, malia os erros e os despistes concretos dalgúns subalternos no aparato, como os penosísimos na dicción e na formación do conselleiro Vázquez  na súa intervención de onte (a ver o que di a Conferencia Episcopal cando escoite iso de que o obxectivo da Consellería de Educación do Goberno Feijóo é “formar dende o berce a cidadáns librepensadores”, 43-45″ do vídeo ligado; se iso o di noutro tempo o agora vicesecretario da Mesa do Parlamento veriamos a Martínez Camino con escordadura de larinxe terminal) ou outras veces do propio Feijóo, presunto xefe dun goberno obsesionado con muíños de vento.

Kristina Berg, en fin, faría ben en ler o escrito por Damián Villalaín no último A Nosa Terra baixo o título “Piñeiro, Feixóo e o galeguismo“. Na versión impresa do semanario este artigo ocupou enteira a páxina 6 e viña ilustrado precisamente cunha foto na que Piñeiro escoita unha intervención do propio Carlos Casares (a foto pertence ao Arquivo Familiar Casares-Berg). Déixenme concluír co penúltimo parágrafo de Villalaín. Teño a impresión de que vén ao caso:

Se Núñez Feixóo ten algún respeto por Ramón Piñeiro, e eu non quero dubidar de que isto é así, debería ser máis coidadoso á hora de esgrimir o seu nome con finalidades completamente alleas ás causas ás que Piñeiro dedicou toda a súa menesterosa vida. E calquera que coñeza un pouco a obra do de Láncara, sabe que entre esas causas nunca estivo a desprotección da lingua galega nin o bilingüismo harmónico, ese mítico constructo de pai descoñecido por cuxa definición precisa seguimos agardando moitos galegos.

 

[Kristina Berg nunha fotografía tomada por Xoán Carlos Gil na Fundación Carlos Casares en 2008]

Silencio administrado

23 de Xaneiro de 2009


Creo que este venres sairá na edición galega de El País algo sobre os autores que calan. En fin, todo o que se convoca coa expresión “preferiría non facelo”, xa moi ecoica e impostada pero aínda enigmática pola asimilación cultural prevalente da figura do escritor, a quen poden adxudicárselle unha pluralidade grande de veleidades, pero raramente a da discreción, a da vontade de non ser percibido como voz ou conciencia. A xente pensa que escritoras e escritores sempre queren estar. Mesmo estar antes que ser. Por diferentes motivos, Melville, Rimbaud, Kafka, Joe Gould, Oreiro, Salinger, Vila-Matas e todas as tanxencias que saen da postulación dun eu que fala procuran logo algunha forma de ocultamento dos discursos e do suxeito, na vida persoal ou na figuración dun personaxe de ficción. Abandono das quintelas literarias, silencio administrado. Quintelas: Beatriz, Anxo. A pares, Paulino, a pares. Incontábeis pero contados, porque logo están os que non se contan. Espero que M exculpe algo que talvez saia o venres no xornal mencionado: calar porque alguén entendeu (e publicou) que un desexaba calar; non contradicir esa interpretación; facer diso un compromiso. Ou velo todo como unha miraxe entre os espellos, un terceiro home que pasa. Compénsese iso entón cunha poética para un proxecto fanado. Foi escrita hai catro anos, pero algo conservará do que daquela puido haber de certo:

Se non resultase histriónica e excesiva a palabra para case calquera balance, se non parecese letra de tango ou reclamo dunha atención que non desexo, diría, como en forzada conversa de ascensor, que o poeta do meu nome fracasou en todos os obxectivos que algún día fixo propios. E dado que só subo até o segundo andar e le temps s’en va, declaro, a xeito de apeo das leiras de meu, isto que segue: asumín en Sombra de unidade (1990) un discurso próximo a un esencialismo metafísico e abstracto no que as quietudes místicas e os non-rostos pintados por De Chirico foron referente principal (RD diría que quixen facer poesía a-confesional e estatuaria, con demouca do eu); concretei nas circungrafías de Momentum (1997) unha historia non desemellante sobre o eu/ti inalcanzábeis, que quixo ser tamén gravura e danza sobre un taboleiro de xadrez/corpo para explorar o descentramento das identidades e o abismo que sempre representan as accións de coñecer ao outro, autocoñecerse e despois contalo. En Pedra de Nadir (1995) acougara na lírica para ollar a morte e a oquedade. Conmovido acaso polo tango aquel e non sabendo dominar o silencio, a poesía —escasa— que escribín nos últimos dez anos non me parece outra cousa que a impugnación —pode que algo cínica e oportunista— do previamente dito.

[Carátula do DVD da edición alemá do filme Blast of Silence (1961), de Allen Baron]

ps1. Saíu o anunciado en EP. O texto é de Daniel Salgado (23 01 2009).
ps2. Complemento imprescindíbel de Helena González en Das orixes de marzo: “Elas e a síndrome de Rimbaud” (31 01 2009)

Quandoque bonus…

15 de Outubro de 2008

Un dos misterios da arte é o dos malos pasos. Homero adormecía nalgún hexámetro e algo semellante aconteceu a Petrarca, a Garcilaso, a Schiller ou a Maiakovski algunha vez. Quen está libre diso? No verso de feitura clasicista, pola tensión do ritmo e os múltiples axustes que modelan a expresión, o descoido alcanza unha perceptibilidade case exponencial, de xeito que queda como ecoando na memoria de quen leu e acusa ao autor con crueldade. Nas formas poéticas fundamentadas na creba aparente de convencións rítmicas e nas abertas a tropoloxías novas existe, de primeiras, a sensación de que o erro, o descoido como tal, queda excluído, un pouco “por (xogar a) ser todo descoido”. Mais non é así, ca. De ningún modo é así, e esta é unha das miraxes que máis confunden ao escritor/a que comeza. Ramiro Fonte teimaba moito niso, non sen razón

O único que acontece é que algunhas sondas lectoras non captan o erro. Hai agora por aquí, sen irmos máis lonxe, un blog recente de randeeiras para o despece, un blog que compila poemas fracasados, algo que un sempre tivo ilusión de facer (non como blog e non tampouco como arma de combate, só como perversión privada). En fin, con independencia do criterio “gusto”, tan difícil de homologar, hai pistas que falan de desaxustes, de faltas contra o que o vello Horacio nomeou decoro, termo hoxe inutilizábel porque a semántica lle moveu os marcos e que basicamente está ligado a un principio de selección. E a ese respecto diría algo máis: hai obras completas —traxectorias nalgún caso abertas e en marcha— que eu non podo deixar de ver como un erro global. Algunhas corresponden a moi ilustres e canonizados escritores. E non son quen de lles atopar paliativos.

Asumo como certo que unha boa educación literaria é aquela que capacita para detectar o erro nunha primeira lectura, case de forma automática (así funcionan, seica, moitos xuris aos que abruma o material asignado para a peneira inicial: dous erros grosos nunha páxina, fóra!). O interesante do erro nos grandes escritores, nos que hai consenso en valorar dese xeito —e sei que todo isto é moi problemático e merecería moi extenso rodapé—, é a certeza de que o mal paso pode analizarse en relación non tanto co oficio ou o despiste autoriais como coa poética de fondo, entendendo por tal unha serie non excesivamente ampla de criterios de marca (entre eles, p.e., a posición estética e a posición política desde as cales se fala; porque, isto é relevante, é imposíbel falar desde un non-lugar estético/político), que desde logo van alén do que algúns chamarían estilo. Tamén desexaría incidir en que o erro non sempre ten unha manifestación concisa, limitada a unha mala frase ou construción. Ás veces sobarda esa dimensión, incluso con codicia famenta.

Pensaba isto lendo hoxe o que desde hai moitos anos é para min un agasallo insuperábel. O dietario mensual do Bieito Iglesias en Tempos Novos. Por que non funcionan esas doas do exilio vasco? Por que non van? Creo que o teño claro e, desde logo, non me estou a referir á triste anécdota de base senón ao que antes sobrevoei como simple poética. Pero agora teño que ir espantar os centos de estorniños que me atordan no tellado.