escatoloxíasArchive for the ‘’ Category

Tumbas e periódicos vellos

26 de Agosto de 2009

 

tumba-de-shakespeare

Falouse algunha vez por aquí de epitafios. Entre o de Shakespeare e o de Huidobro quedo francamente co primeiro. O do poeta chileno, en Cartagena (Valparaíso), invita aos visitantes a remexer no sepulcro para atopar aló no fondo o mar. Mala cousa, porque hai quen fai unha hermenéutica plana e mete alí os fuciños por descubrir apenas terra. O de Shakespeare, no lugar onde naceu, é algo máis tradicional. Advirte con toda claridade a prosmas e gobernantes (valla a redundancia de ser preciso): largo de aquí, non se vos ocorra mover esta pedra nin tocar un só metacarpiano da osada. Non digo nada disto por Lorca, créase. Nin tampouco non por Castelao, agora que se fan os 25 anos daquel episodio. A razón é ben máis simple. Dei cun xornal vello, de setembro de 2007, no que se fala dos poetas chilenos que quixeron que os enterrasen a carón de praias (algo máis complicado do que poida parecer, tendo á vista o mapa de Chile). Desde hai anos dedico parte de agosto a ler periódicos vellos que non lin no seu día. Non hai motivación ningunha que teña racionalizada, nin para gardalos nin para recuperalos anos despois. Podería andar entre a síndrome de Dióxenes e algunha outra patoloxía da culpa. Que importa. Ou tamén cun sentido peculiar do paso do tempo e do que Filgueira Valverde chamaría “gozo eterno” (unha boa columna xornalística, unha boa reportaxe, unha boa análise…  gózanse moito máis fóra do tempo orixinal, créase; canto á chamada información, tanto ten lela do día como conxelada). O caso é que naquel xornal collido no cuarto dos xornais vellos (un é rico e pode permitirse esta clase de distribución do espazo) falaba diso, de epitafios e de tumbas de escritores. A de Huidobro é fea a rabiar e por iso non a reproducirei aquí. E o seu epitafio non está á altura do que o poeta quixo ser e  acaso foi. A foto de arriba corresponde ao lugar onde quedaron os restos mortais de Shakespeare. Tómase de Flickr. Lese sen maior dificuldade o que o epitafio advirte. Pero advirte máis a sinxeleza da pedra.

 

Escatoloxía de π

14 de Marzo de 2009

Falou aquí esoutro día un distinto parroquiano desta casa sobre poesía e escatoloxía feminina, traendo tal marbete a conto desde certos discursos críticos, distantes coa incorporación da diferenza semántica e pragmática no texto de autoría feminina (parler femme e tal) e en particular coa clase de resposta articulada polas poetas mulleres ao que desde os renacentistas, ou xa antes con Godofredo de Vinsauf, recoñecemos como brasón. Xa se sabe, a descrición convencional máis ou menos pormenorizada e usufrutuaria de determinados lugares do corpo da muller; todos sabemos cales e todos sabemos tamén que entre eles non figuran polo regular axilas, xionllos, moas, esfínteres, calcaños, duodenos… e que tampouco adoitan incorporarse nel referencias maiores á menstruación, ás mamografías ou á histerectomía, nin sequera ao recorte da penuxe púbica nin a outras porcarías da clase das testemuñadas nunha auditoría popular por Berenguela.

O peculiar dalgunhas desas distancias críticas consiste para min no feito, creo que probado, de que a escatoloxía, nos dous sentidos desta sofrida palabra, é algo no que os varóns, a partir dos tres ou catro anos, non cesamos de sumar méritos, tanto privados como públicos (boa mostra no que ao blogger concirne é o actual post). Por non ridiculizar a ninguén diferente de min mesmo direi que aínda hoxe, onde vai que deixado atrás il mezzo del cammin di nostra xeira, sorrío con aceno sandeu e chego incluso, baixo determinadas condicións meteo-ambientais, a pingar algo de baba cada vez que lembro certo episodio dos meus once anos, altura na que comezaba a intentar resolver, como todos os cativos daquel tempo, pequenas ecuacións e outros problemas alxebraicos.
No dormitorio-taller do meu avó paterno, reloxeiro na cidade vella coruñesa, el, que estaba ao tanto dos progresos matemáticos do neto dixo que me ía poñer un exercicio para comprobar se a intelixencia da estirpe estaba asegurada. Sentei con protocolo na súa cama de cabeceiro metálico gris e collín papel e lapis. Sen alzar a vista da mesa de traballo, con aquela lupa prodixiosa montada sobre o cristal dereito das súas propias lentes, ditou o problema (para min, o reto). Falou lento, coa dicción grave dos seus 66 anos, e eu copiaba aquel enunciado, aquela proba: “Dada la estrella polar […pausa…] y el coeficiente de π […pausa…] averiguar si es aquí […pausa…] donde se puede cagar”.

[Os comezos de π]

Sofá-patria

13 de Outubro de 2008

O bo que ten un sofá-patria é que un pode recollelo cando a patria non é imprescindíbel ou cando non hai visitas coñazo. En cambio, se polo que sexa un ten necesidade, pois tira de panca e voilà. Que vén un cuñado de Ferrol, un curmán catedrático en Sevilla ou a directiva dunha asociación de vítimas do terrorismo e a conversa se demora co asunto do cambio climático ou coa primeira comuñón de Borja? Pois se colle o sofá-patria e alí fica a durmir quen faga falta, como é natural e de sentido común. Que España se desfai e en plena cea de Noiteboa nota como un ictus na parte bulbar ou lle acode unha alferecía ou, por poñernos brandos, arde nun prurito anal? Pois o mesmo… Ou é que o estado que lle entra a Fraga na cabeza non vai poder acomodarse todo e indiviso no sofá-patria dun rexistrador da propiedade? Que aparece Arsenio Fernández de Mesa coa macana de que lle explique outravolta a diferenza entre meridiano e paralelo? Globito terráqueo pal nene e a mimí. Que al alba irrompe Federico Trillo acompañado do Estado Maior salvadoreño/hondureño que tanto monta monta tanto porque entre súcubos xa se sabe? Pois, jaima larga e en decúbito, como dios manda! Que aparecen catro bispos para a liada do chiculate con churros vespertino e logo lles entra o pitangüé e remolonean e non queren voltar ás dióceses de cadaquén? Pois se tira do sofá-patria con claridade meridiana (meridiana, non paralela, Arsenio, por compaixón!) e alá eles logo como se entendan con mitras e báculos nos 4 m2 de colchoneta, que un fai o que pode. Que aparece o embaixador Aguirre dando o coñazo e pide un sitio pequecho, mesmo unha cama turca, para ir tirando mentres a crise calca nos Estados Fundidos e o mundo non se fai de vez multipolar? Pois ídem e tal, como faría todo español decente, e a fumarse un puro. Que o partido non ten onde meter os hilillos que o desfiañan e dos navarros non consigo máis que espárragos cojonudos? Pois toda a panda para a casa de Mariano! Porque somos unha nación e queremos celebralo durmindo todos xuntos. Ora, a cabra lexionaria, por moita pindárica que eu lle leve escrito desde os quince anos, nin de coña, mimadriña, que logo Viri non dá apañado os conguitos e se coan até debaixo dos sentimentos máis nobres e profundos.