escolaArchive for the ‘’ Category

6 x 1

15 de Xuño de 2009

urna

 

 

 

Isto… Desculpen que insista, amigo Vázquez, amigo Lorenzo, amigo Feijóo, xa saquei o asunto o outro día. E non acabo de velo, con franqueza. Non acabo de ver por que razón o meu criterio a propósito do uso das linguas oficiais no ensino ten a sexta parte do valor que ten o criterio do Sr./Sra. X, el(a) con seis fillos en idade escolar e eu cun único fillo nesa situación?

 

A sexta parte, si. Porque a el/ela tráenlle seis cuestionarios da escola e a min só un (se mo traen, cousa que aínda non ocorreu). E logo, cando se faga o cómputo (porque eu créoos a vostedes e penso que si, que realizarán o cómputo), está claro que o criterio de X contabilizará seis veces máis que o meu, isto con independencia dos criterios respectivos de X e meu, que agora mesmo non vén ao caso tratar (ou pode que si, ou pode que si, he he…).

 

Podería explicarme alguén —insisto— por que debo contentarme con estas raras regras? Quen me ampara? O Valedor? Algún ministro? ZP, que hoxe recibe a Feijóo? O Constitucional? Santa Rita? Blanco Valdés, sempre tan recto e ecuánime?

 

Só isto, señores. Non entro noutras miudezas neste momento —e podería!—, pero iso penso humildemente que vostedes deben explicalo un pouquecho. Non? Á marxe, naturalmente, de que como xa explicaron vostedes isto é unha simple consulta, un chirifú de nada.

 

Claro que, reconsiderado o asunto, tamén podemos ampliar ese criterio a calquera proceso decisorio de xorne democrático. Por exemplo, nas comunidades de viciños. Ou nas comisións que interveñen nunha oposición para corrixir os tests dos opositores. Ou nas eleccións sindicais. Ou para elixir ao representante patrio en Eurovisión. Ou como norma de decisión no Parlamento Galego. Tes tres fillos? Votas tres veces na investidura. Non tes ningún? Pois non votas. Mmm… Interesante, interesante isto de ter tropa pequena na casa.

 

 

[Urna vella do terzo familiar]

 

 

Linguas e culturas na escola

2 de Marzo de 2009


O GRULI (Grupo de Linguas da Universidade de Santiago de Compostela, dirixido por María Teresa Díaz) organizou o sábado 28 o simposio Linguas, culturas e escola, no que participaron case 300 persoas e que contou con moi interesantes achegas para a reflexión sobre novo alumnado e novas pedagoxías. A eficiencia das organizadoras revélase no feito de que dous días despois da celebración do evento dispomos dos materiais desenvolvidos e debatidos neste encontro científico. Desde a páxina web do grupo accédese ás presentacións de apoio de relatorios e comunicacións breves sobre a diversidade lingüística e cultural na escola portuguesa, os modelos de educación plurilingüe en Galiza, a pedagoxía intercultural no ensino secundario, os estímulos para a comunicación verbal, as dificuldades de aprendizaxe en relación co eixe grafema-morfema, a aprendizaxe da lingua e da cultura galegas para estudantes de fóra do país e o conto como recurso para a educación intercultural no ensino primario.

[Logo do Grupo Linguas USC]