espazo públicoArchive for the ‘’ Category

O desigual combate

17 de Setembro de 2009

tabernas-11

Seguramente será que non dou aprendido o oficio. O de galego. Ou será que levo sangue das dúas Castelas, de Flandes, de Cataluña e de Cantabria como mínimo, alén dunha proporción (considerábel) de sangue do país, sexa isto o que for. De sangue e do resto de líquidos corporais, claro. Bile incluída. Ou quizais sexa que, como se di agora no xardín Moncloa-Palas, eu xa teño colmadas as miñas aspiracións políticas despois de ser presidente consorte da comunidade de viciños do edificio no que vivo. Razón esta pola que non tería nada que perder, pois nin aspiro a columnista ben pagado nin a insignia de ningunha clase. E ademais os búlgaros cáenme ben. Igual é iso. Igual é que me importan menos que nada a pompa e o carnaval. Igual é que distingo aos que pretenden tumbar a cultura do meu país para proceder logo a facer a autopsia a todos os que confundían o sentido institucional e a dignidade coa sumisión. O cal resta mérito, pode que si, a esta vontade de falar claro polo menos uns minutos ao día. Pero quen falou aquí de méritos?

O combate é desigual. Uns tocan o cornetín de ordes de Sabón con chulería subsidiaria mentres deitan chumbo ardente desde o castelo do seu señor, que aí atrás marcou a toda a tropa a folla de ruta para o curso político 2009-2010 , e outros fan discursos firmes pero abstractos, xustificatorios e nada apostróficos  (por tanto, sen marcar quen é o destinatario coa claridade que o caso reclamaba) nos que malia ficar claro (para algúns, só para algúns) que o que se está a facer é responder ao insulto previo e á tosca e mendaz caricatura reiterada de Roberto Blanco Valdés pois resulta que este nome, o do cornetín, non sae por ningures. Non pido que se mente ao dono, Freixanes, pero si polo menos a quen lle coida a porta e o insultou a vostede e aos seus compañeiros aducindo as máis estrafalarias imaxes e as máis falaces  argumentacións que un soñaría escoitar nunca na boca dun publicista demócrata ou simplemente na dun señor cultivado. E engado algo. O que acabo de indicar non me interesa en absoluto como anécdota: o problema é que me interesa como categoría. Iso é, iso está a ser no meu país a categoría! Ou non nos queremos dar conta?

A partida, seino, xógase case sempre fóra da casa. Eu só digo isto: o espazo público, o logro de alcanzarmos algún día en Galiza unha opinión pública libre, digna e politicamente madura só se concretará se chamamos ás cousas polo seu nome, se declaramos sen veos nin danza a quen estamos a responder cos nosos argumentos e se contraatacamos o bombardeo artilleiro que pretende borrarnos do mapa co calibre proporcionado a esa agresión e sen sordina. Se fai falta, desde outra tribuna, pois hai máis (e censuran menos).

[Rúa Tabernas, na Cidade Vella da Coruña. A foto é de xornalcerto e vén de Flickr]

 

Dixitopuntura

30 de Agosto de 2009

 

Falouse algo por aquí do uso do furabolos na esfera pública (sobre a súa rendibilidade na esfera privada non é preciso ofrecer detalles). Hoxe sería ben ampliar algo a mirada para atender outros planos. En especial, despois de sabermos que a conselleira de Sanidade dedicou unha parte das súas vacacións de agosto a reler a terceira encíclica de Ratzinger, Caritas in veritate (2009). O cal, como é lóxico, a nós nin nos vai nin nos vén. En todo caso, trátase dun texto que se le en menos dunha hora, polo que cabe imaxinar que Pilar Farjas tería tempo para ler ou reler, ademais, outras pezas teolóxicas ou de literatura fantástica e pode que incluso algún ensaio de certo nivel intelectual.

Ler encíclicas non é un pracer para quen suscribe, pero algunha teño lido. En xeral, as últimas parécenme sobreabundantes de soberbia e prepotencia moral e deficitarias en racionalidade. Nada raro, pensarán as lectoras. Certo, porque as relixións funcionan basicamente como corsés vantaxistas da razón e como correas de control social e político para a administración do que seguen chamando (faino de novo Roma) a verdade.

wojtyla-e-cardenalA primeira fotografía que incorpora esta anotación está na memoria de toda persoa de certa idade. Karol Wojtyla, na súa chegada a Managua en 1983, reprendía publicamente ao ministro de Cultura e sacerdote Ernesto Cardenal á vista de todo o mundo (de todos os televidentes do planeta) pola súa implicación coa revolución sandinista e quen sabe por que motivos máis. En fin, algo si que se sabe sobre esas razóns complementarias. Serían seguramente as mesmas que poucas horas despois proclamou o Papa de Roma nunha misa diante de bastante máis de medio millón de persoas, talvez a terceira parte da poboación de toda Nicaragua. Cardenal ten contado que a idea daquela homilía do Papa polaco era someter desde a autoridade espiritual a revolución en marcha. E resulta evidente que algo diso houbo revisando agora o texto. O caso é que entre o público emerxeu unha resposta firme que incomodou a aquel home visionario vestido de branco: “Poder popular!! Poder popular!!”. Isto berraban os fieis contra as palabras de quen pasou de inmediato a reclamarlles silencio. Non podo evitar asociar estas escenas coas de Ceaucescu en Bucarest tres ou catro días antes de ser fusilado; non, naturalmente, porque as historias sexan paralelas senón polo xeito no que as masas ditan sentencia ás veces dun xeito imprevisto pola dirección de escena.

Joseph Ratzinger di que en Caritas in veritate fixa a doutrina social da igrexa católica. E di tamén algo que coincide en moi alta medida co dito por Wojtyla en Managua. Que quen manda e marca o rumbo en cuestións de fe e de actuación pública dos membros desa igrexa (sacerdotes, congregacións e laicos) é Roma. Pilar Farjas, vese que estimulada por eses principios, pronunciou na Semana de Teoloxía e Pastoral celebrada estes días na Coruña unha conferencia titulada “El compromiso político vivido desde la fe“. Probabelmente, non o sei, puido glosar algúns contidos da encíclica que estudou para preparar a súa conferencia e que leu e releu (isto indica que non ten moita memoria a conselleira de Núñez Feijóo: a encíclica tivo saída pública o día 7 de xullo pasado, de modo que non puideron pasar nin cincuenta días desde a primeira lectura). Contidos como estes, por exemplo, que semellan fulcrais na articulación argumentativa —digámolo, piamente, así— dos 79 apartados da encíclica de Joseph Ratzinger e que aparecen nos puntos 28 e 56 (as reiteradas cursivas pertencen ao propio texto):

28. Uno de los aspectos más destacados del desarrollo actual es la importancia del tema del respeto a la vida, que en modo alguno puede separarse de las cuestiones relacionadas con el desarrollo de los pueblos. Es un aspecto que últimamente está asumiendo cada vez mayor relieve, obligándonos a ampliar el concepto de pobreza y de subdesarrollo a los problemas vinculados con la acogida de la vida, sobre todo donde ésta se ve impedida de diversas formas.

La situación de pobreza no sólo provoca todavía en muchas zonas un alto índice de mortalidad infantil, sino que en varias partes del mundo persisten prácticas de control demográfico por parte de los gobiernos, que con frecuencia difunden la contracepción y llegan incluso a imponer también el aborto. En los países económicamente más desarrollados, las legislaciones contrarias a la vida están muy extendidas y han condicionado ya las costumbres y la praxis, contribuyendo a difundir una mentalidad antinatalista, que muchas veces se trata de transmitir también a otros estados como si fuera un progreso cultural.

 

 

56. La religión cristiana y las otras religiones pueden contribuir al desarrollo solamente si Dios tiene un lugar en la esfera pública, con específica referencia a la dimensión cultural, social, económica y, en particular, política. La doctrina social de la Iglesia ha nacido para reivindicar esa «carta de ciudadanía» de la religión cristiana. La negación del derecho a profesar públicamente la propia religión y a trabajar para que las verdades de la fe inspiren también la vida pública, tiene consecuencias negativas sobre el verdadero desarrollo. La exclusión de la religión del ámbito público, así como, el fundamentalismo religioso por otro lado, impiden el encuentro entre las personas y su colaboración para el progreso de la humanidad. La vida pública se empobrece de motivaciones y la política adquiere un aspecto opresor y agresivo. Se corre el riesgo de que no se respeten los derechos humanos, bien porque se les priva de su fundamento trascendente, bien porque no se reconoce la libertad personal. En el laicismo y en el fundamentalismo se pierde la posibilidad de un diálogo fecundo y de una provechosa colaboración entre la razón y la fe religiosa. La razón necesita siempre ser purificada por la fe, y esto vale también para la razón política, que no debe creerse omnipotente. A su vez, la religión tiene siempre necesidad de ser purificada por la razón para mostrar su auténtico rostro humano. La ruptura de este diálogo comporta un coste muy gravoso para el desarrollo de la humanidad.

De todo o que en Caritas in veritate manifesta Ratzinger, nunha prosa obscenamente tautolóxica alén de manipuladora e falseadora da verdade empírica nalgúns momentos, o máis preocupante parece a determinación coa que se afirma a necesidade de participar Deus (en fin, deus, os deuses e demais postulacións confesionais) na esfera pública. Particularmente na súa dimensión política! Deus na esfera pública no século XXI falando pola voz das xerarquías eclesiásticas e esixindo ser parte nas decisións políticas que afectan á comunidade. Pero de verdade será alemán este home? E Farjas, a Farjas que, por suposto deixando á marxe a súa condición de membro do goberno (como se fará iso?), dixo cousas —en público!!— como que “Es pecado limitar el uso de un elemento de comunicación como la lengua”, será de Teruel ou será de Marte?  Será turolense ou será marciana a máxima responsábel da farjas_pilar_toma_posesion2sanidade pública galega cando di en público que “el ateísmo deja a la gente sin fuerza moral”? Someteranos a dixitopuntura para curarnos, aos ateos? Será obrigatorio vacinarse contra o ateísmo e comungar con rodas tautolóxicas king-size antes de pasar a consulta? Instalará confesionarios nos corredores do antigo Hospital Juan Canalejo? Carafio, ese señor si que tiña forza moral; eh, Farjas! Pasará a noción de “pecado” ao novo estatuto de rexión? Que sei eu, algo deste estilo: “Artigo 1. Galicia, rexionalidade histórica, constitúese en Comunidade Autónoma para acceder ó seu autogoberno, de conformidade coa Constitución Española, o Concordato e co presente Estatutiño, que é a súa norma institucional básica despois do Catecismo”; “Artigo 5. A lingua propia de Galicia é o castelán. Será pecado venial falar galego. Será pecado mortal insistir en falar galego, particularmente fóra de usos folk ou das encherolas do día do patrón cos ancestros rurais”.

Algún día chegará no que a clase de discurso da conselleira de Sanidade perda a escasa lexitimidade que conserva e conleve en consecuencia, pronunciado en voz alta nun lugar público por un responsábel gubernativo, o inmediato cese nas súas funcións (ocorrería xa, por certo, se Farjas fose parroquiana doutras peñas, khariíta p.e.). Iso non acontecerá, con todo, mentres teñan vixencia os acordos de xaneiro de 1979 entre os estados español e vaticano, pero eses papeis, como todo, teñen data de caducidade. Chegará o día. O día no que as diferentes igrexas e confesións “regularicen a súa situación”, por empregarmos nós a frase coa que Wojtyla fixo dixitopuntura no ollo dun xenuflexo poeta de pelo cano nun lugar de Centroamérica en 1983.

 

[Na foto en branco e negro Wojtyla reprende a Ernesto Cardenal en branco e negro no aeroporto de Managua, 1983. Abaixo, en coloríns de entretempo litúrxico, a conselleira Pilar Farjas e a súa perruqueira (esta última in absentia) xuran en 2009 o  cargo no goberno. O que semella crucifixo confesional de ouro na parte inferior esquerda desta fotografía de EFE é en realidade un crucifixo confesional dourado]

Furabolos

25 de Agosto de 2009

 

blanco-e-hernandez-competindo-cos-dedinhos

A xente do común non o sabe, pero a unidade temática 3 do célebre De Viris Illustribus in the Age of Media (New Haven, Punctum Press, 2001), do consultor e profesor estadounidense Francis Petraccioni, dedica todo un apartado a un tema fundamental na vida pública e na vida empresarial sometida a foco baixo o epígrafe (traduzo) “Como sinalar co furabolos sen parecer imbécil”.

Toda a nosa clase pública, intúo que a través dunha especie de prontuario alegal fotocopiado (tiven oportunidade de ver eses folios), tirado desa biblia da comunicación aplicada á icónica do poder, accede na semana inmediatamente posterior ao seu nomeamento a unha especie de inmersión neses mesteres: un cursiño acelerado e básico para manter diante do público ou perante a masa de votantes unha presenza e unha auctoritas entre viril e estatuaria fundamentada no uso e disfrute do furabolos (apartado 3.2.1., “Razón áurea e angulística do furabolos: entre a verticalidade e os 15º, cunha amoestación sobre a inconveniencia performativa de ultrapasar esa inclinación”).

O dedo estirado serviu tradicionalmente a pintores e escultores como marca diso, da autoridade do patriarca (e ás pombas urbanitas serviulles asemade para pousar na estatuaria civil de porte dixital e defecar alí tranquilamente sobre o espazo público cando a calva do prócer resulta invisitábel para o seu non moi esixente sentido do aseo público). Petraccioni aduce mesmo razóns psicanalíticas de fondo, e baixa a indagar á fase anal dos políticos USA (isto non é difícil en termos de campo), para explicar o que el chama “furor furabólico”, consistente no abuso do aceno e explicado en termos prácticos co caso do gobernador dun pequeno estado da costa atlántica, quen cada vez que intuía o clic dunha cámara experimentaba unha pulsión dixital irreprimíbel, unha incontinencia eréctil do furabolos (digital priapism) que nunha ocasión tivo consecuencias clínicas (nun mitin preelectoral o gobernador aloumiñaba á súa esposa e cativos para as cámaras e entre a falta de práctica real desa proxémica e a hiperabundancia de clics fotográficos acabou metendo compulsivamente o dedo na órbita esquerda da dona e do fillo maior, até o punto de que aquilo semellaba ao final unha peli gore algo desagradábel) e supuxo a fin da carreira pública do político, agora empregado como guía turístico nunha coñecida empresa da Gran Mazá.

Por aquí, na BHR (Blue-Hen Region), un señor que con probabilidade tivo acceso á versión orixinal do libro de Petraccioni é o director xeral dunha caixa de aforros do norte. Faino relativamente ben o tipo, o de estirar o dediño á menor previsión de punctum, acompañando ese xesto adoito cunha elevación do queixo, entre 20 e 35 graos, que minora o papo e acentúa o corte de pelo entre casual e de tipo-en-idade-provecta-que-lanza-a -mensaxe-de-que-puido-vivir-máis-intensamente-do-que-o-fixo-pero-agora-xa-foi.

Hai outros espécimes rexionais, miñasxoias, que aínda non asimilaron plenamente a doutrina Petraccioni. Entre eles, estes dous mandatarios da foto de arriba, un ministro e un conselleiro de obras públicas. Coa pasta que terán e aínda con fotocopias… Ocorreulles esa mañá, con todo, o peor que lle pode ocorrer a un político cando se atopa con outro de signo contrario (descúlpese a falta de precisión ontolóxica). O caso aparece descrito por Petraccioni nun subapartado da unidade temática 3 (o 3.4.5.2) onde se reclama absoluta precaución co rigor dixital en circunstancia de espectacularización agonística, casco incluído. E non é só que a competencia furabólica de signo contrario propenda á anulación fáustica, que si, senón que a xente arredor pois se distrae e non acompaña debidamente a dramatización dese momento pretensamente histórico e a la postre inane. Pode, en casos como o actual, que por estaren todos preocupados pola fotoxenia do casco. Na foto de AI, por exemplo, os adláteres políticos e técnicos diversos das dúas administracións —con colaboración escénica dos poderes locais— confusos polo cruce dixital e a hibridación de auctoritas (nin os galóns distintivos no casco de Blanco, nin a severidade relativa do rictus entre ministerial e chacineiro, nin a superior verticalidade do dedo de seu abondan para desequilibrar a partida), acaban ollando, indebidamente, un panel ministerial do horizonte inmediato que indica o mes e o ano da finalización desas obras do AVE que case todo o mundo chama accesos a Galiza cando é obvio que o que son é accesos á meseta e a Madrid. Por iso sorrín os polos arredor, contribuíndo sen querer, ou querendo, á ridiculización de ambos xefes. Pois nada hai máis patético nesta vida que estender o dedo ou outras partes do corpo do varón ilustre e que ninguén preste atención a esa desmesura iluminada.

 

[O ministro Blanco e o conselleiro Hernández en pugna dixital. Foto de AI en El País, 22 de agosto de 2009]

 

Ideario Feijóo

24 de Xullo de 2009

Día a día o Presidente Núñez Feijóo configura malgré lui un discurso propio que afecta á esfera identitaria. É evidente que esa non era unha das súas arelas vitais nin sentimentais. Faino forzado polo feito de a historia saírlle ao paso, pois a historia e os feitos non se retiran ao paso dos poderosos. Fican. E resulta que el ten que falar. E fala.

castelaoConcretei en análises anteriores algunhas notas sobre o que vai comparecendo nesas alocucións. Hoxe parece mesmo urxente abundar no asunto. Parécemo polo día no que andamos e porque Feijóo volveu falar noutro lugar de forte carga simbólica e incorreu de novo nesa práctica deshonesta de terxiversar textos e ideas alleos.

Pode crerse que para min representa un esforzo non menor dedicar tempo a isto. Non experimento ningún pracer tratando de escudriñar o que en realidade vén dicir este señor. Pois, en definitiva, desde unha perspectiva semiótica e de análise do discurso, un sabe que se dispón a falar do espectáculo de quen aspira a se (re)presentar a si mesmo como a nada, como alguén que postula a conveniencia escénica de non ser e non pensar nada, de quen hoxe se abandeira nun raro furor populista, o de  reducir a cero o respecto xa non á realidade histórica e ao presente senón ante todo á racionalidade humana. A cada paso máis preto daquela norma de Franco, facer como que un non está en política para facer política de vez.

Leo o discurso seu de hoxe en Bonaval, perante o féretro de Castelao, e teño presente de novo o texto de hai dúas semanas no Consello da Cultura. En esquema digo:

1. Feijóo aspira a promover dous ideoloxemas constitutivos de todo o sistema de coordenadas do seu “pensamento” político: un é a súa noción de liberdade, o outro é a súa noción de pobo.

2. A acepción Feijóo de liberdade incorpora como antónimo de uso o termo imposición. Mentres que a acepción Feijóo de pobo sitúa como antitética a idea de elites culturais.

3. Para Feijóo e para quen inspiren o seu discurso oficial, que talvez non sexan exactamente os seus subordinados no Gabinete, as liberdades corresponden ao pobo innominado, mentres que as imposicións corresponden ao exercicio e á intervención das elites culturais.

4. O pobo é galeguista. As elites culturais do país propenden ao nacionalismo. Galeguismo e nacionalismo han de promoverse desde o discurso do poder como concepcións antagónicas. O mesmo que pobo e elites culturais.

5. O pobo en Feijóo caracterízase, alén do anonimato, pola aceptación mansa do que sobrevén de fóra en forma de superestrato cultural ou de dominación. As elites son o Medulio, é dicir, un reduto enclaustrado que se limita a exercer a resistencia perante os ritmos naturais da historia.

6. El, Feijóo, intentará no seu mandato dous logros históricos que na súa linguaxe non pública poderían definirse como “definitiva despolitización da esfera pública” e “sometemento tras rendición, e posterior tutela, dos resistentes do Medulio”. Esa é a tarefa histórica de Feijóo. En tradución libre a unha linguaxe adulta, permítome transcribila nestoutros termos: populismo sustentado nun pacto financeiro-mediático de non agresión entre o poder institucional e os poderes efectivos ou reais e logro dunha definitiva rexionalización da nación (aténdase a un punto feble deste equilibrio inestábel: a posibilidade de que a rexionalización político-cultural levada ás súas últimas consecuencias supoña algunha clase de restrición da autonomía do poder económico e/ou mediático do país).

7. Un mecanismo que merece optimizarse é o da manipulación ou terxiversación, mesmo deconstrutiva, de mitos e símbolos identitarios, entende Feijóo. Esa é unha tarefa que el interpreta que debe afrontar directamente: incidindo nas institucións e nos lugares nalgún sentido sacralizados polas elites culturais nacionalistas ou simplemente galeguistas (se estas se excederen nalgún momento por algunha razón, mesmo desde dentro do PP).

8. No Consello da Cultura, o pasado día 9 de xullo, Feijóo golpeou até cansar no fígado identitario diso que algúns chamaron “criterio filolóxico” (algo que, serei claro, merece revisión desde un punto de vista empírico e sociolóxico, con total franqueza) e outros describiron como “filoloxización da cultura”. Veu dicir alí, en definitiva, que a cultura galega non ten por que facerse en galego. Aínda máis: que pode ser máis galego culturalmente alguén que se exprese en castelán que alguén que se exprese en galego. E aínda isto: que Valle-Inclán é máis galego que por exemplo Rodríguez Mourullo ou Guerra da Cal (por poñer nomes, xa sei que é probábel que  Feijóo non lese nada deles, de ningún deles, de ningún dos tres, quero dicir). E vaia, só por procurar un punto de encontro e animar a rebotica, até entraría un nese debate… Pero, claro, só a condición de… (isto, outro día).

9. Hoxe, no Panteón de Galegas Ilustres, Feijóo fixo outras cousas, moi na liña de usar a conveniencia propia o dito por terceiros, o discurso de outros, en especial se nel detecta algunha plusvalía simbólica. Moi na liña tamén de saírse do guión institucional e, non sei se por entender mal aquilo de se poñer á defensiva, acabar na mala educación e no vicio máximo de calquera acto retórico: ignorar por completo o sentido empático e suasorio do kairós. Malia todo o cal, tamén debe recoñecerse que pronunciou unhas certas palabras de Castelao, nada menos que da Alba de Groria de 1948 (escribo groria por non escribir gloria e evitar así irmos todos con Lancelot xusto alí en data tan sinalada como esta). Si, Feijóo falou do que na edición anotada que eu manexo Castelao enunciou comobeckett “substractum insobornable da patria galega”. Iso aparece máis ou menos así no texto que esta vez si remitiu Presidencia ou polo menos o partido aos medios de comunicación e que eu recupero sen anotación marxinal ningunha (polo de agora). Un texto co  algo aparatoso marbete de “manifesto” ao que accedín hai unhas horas polo favor dun amigo xornalista. Será posíbel iso do substractum etc.? Diríao de veras? Pois si, díxoo. Curiosamente, creo que un Touriño, por caso, nunca repetiría esas palabras de Castelao, nin na intimidade. Pero igual me equivoco.

10. Entón, que está a acontecer aquí? O que ocorre é que Feijóo usa de novo un lugar emblemático para seguir castigando o fígado identitario como unha especie de adaíl antielitista e rexionalista. Para alén das modificacións que introduciu na cita de Castelao (quen por certo atuaba ao seu público naquel 25 de xullo bonaerense, nun texto algo modificado ou normativizado na cita usada) e para alén doutras cuestións menores, o que Feijóo fixo hoxe foi deconstruír por completo a mensaxe de Castelao de 1948, que non esquezamos que era un canto á irmandade no exilio político e na emigración social ademais dunha homenaxe aos galeguistas, republicanos e en xeral demócratas asasinados desde 1936, e sobre todos eles unha homenaxe a Bóveda. De forma que Feijóo usa a Castelao, cita a Castelao, expele mesmo o que nel é un simple flatus voci (“patria galega”). E non como substractum senón como superestrato discursivo e ideolóxico, como un xogo cínico entre pastiche e cambalache para así reformular e negar o pensamento de Castelao. Como se dixo por aquí hai pouco, para espetar de novo onde máis doe. Por que? Acaso é malévolo Feijóo? Non nos precipitemos. Diso tratarase no punto 12, derradeiro de hoxe.

11. Alba de Groria foi un emotivo discurso (persoalmente, tería algo que engadir a esa valoración pero non o farei aquí) articulado, tras un moi interesante exordio, en dúas partes: unha, a final, centrábase en efecto no pobo (nese pobo reconducido a espírito e a unha aparente —en Castelao, só aparente— mansedume, que tanto chifla ao Presidente Feijóo) e outra, a inicial, referíase aos nomes propios, aos nomes históricos, ás elites… (horreur, Rueda, Varela!) encabezadas por Prisciliano e con colofón (vaia!) no nome de Valle-Inclán. Era o que Castelao chamou de modo acaso inconveniente pero acaído ao acto cívico daquel día naquel exilio “Santa Compaña inmorredoira” (polo medio, Xelmírez, Pardo de Cela, Faraldo, Rosalía e moitos máis, algún deles tamén presente a carón do lugar que ocupaba hoxe o orador). Por tanto, de novo, Feijóo furta unha parte substantiva da mensaxe e do texto: todo o que lle sobra ou estorba: as elites, os intelectuais, os ideólogos e idealistas, os que soñaron e fixeron a nación. E con que fica? Con iso que el soletrea como p-o-b-o e que Castelao chamou tamén, por conmover á xente, “a espranza celta”, “xermes incorruptibles da nosa futura hestoria” e demais.

12. Non esquivo a pregunta. É Feijóo malo? Por que nos trata así? Sabe o que fai? Como conxectura técnica, diría que Feijóo non ten nin puta idea de cara onde vai, que non se dá conta en absoluto de todo o que se está a cargar, que se sente como un Harry Potter benévolo que poñerá as cousas no seu sitio: o das liberdades e o pobo, o do pobre neno que experimenta a imposición de ter que chamar “conxunto baleiro” ao que propiamente se ve que é un “conjunto vacío”. Cada vez máis, Fraga —de novo por dar un nome—, o que Fraga Iribarne representou, esváese da súa memoria. Pouco ten que ver xa con el nin co sentido institucional de quen a estas alturas arelaba ser conserxe do Izelig1nstituto de Vilalba (e isto si que empeza a ser canalla, o de non nomealo conserxe a don Manuel e darlle a oportunidade de concluír os seus servizos ao Estado como sempre quixo) e ten que andar recibindo condecoracións do carniceiro de Guiné Ecuatorial. Pero Feijóo si ten algo na cabeza (algo, apenas algo, non extrememos os xuízos) no marco identitario e na súa planificación do que ten de ser a Galiza futura e a política cultural que a tal ideación corresponda: i) a bandeira da liberdade debe tapar a do dereito e a lei; ii) os dereitos explícitos dos cidadáns sométense a unha noción tácita, esencial, abstracta e nunca continxente do comodín liberdade; iii) en canto oio falar de cultura saco o DOG e amanso o patio; iv) todo intelectual ten un prezo (barato); v) toda cita e todo símbolo son susceptíbeis de sometemento á lei do calcetín; vi) a esfera pública pode e debe reconducirse a casino ou no peor dos casos a taberna (por aquí a andrómena do harmónico, o cordial e outras variantes que frivolizan o conflito); vii) o pobo ten a palabra e para iso se fan inquéritos e periódicos, para que a teña; viii) a identidade é dos que veñen, nós non a precisamos e limitámonos a asimilar a dos que veñen a vernos (como Kundera!, como Beckett!, como Zelig!); ix) a identidade é unha deconstrución e, como debeu dicir Píndaro e non dixo xustamente por ser elite cultural, hai que chegar a ser o que non somos, coma min e como a oposición.

Todo o anterior está a facer o seu efecto. As cartografías xa son outras, é certo. Feijóo malia non saber exactamente onde quere ir está logrando algo: un desarme, un certo decaemento, algúns actos de reacción mal calibrados e con carencias tácticas penosas. Pero os montes seguen onde estaban, incluído o Medulio e todos os significados que anden na órbita dese nome como mínimo eufónico. Reaccionemos!

 

Como comunicar?

22 de Xullo de 2009

 

dsc00208

 

A propósito de certas formas de intervención na esfera pública, un meu compañeiro seguidor das prosas que aquí se acumulan comentaba este día comigo que o problema é sempre localizar unha linguaxe e unha zona común de argumentación que habiliten non xa un consenso de análise senón, antes ca iso, o feito mesmo de fundar a posibilidade de comunicármonos con algunha posibilidade de éxito non limitada ao cenáculo inmediato da xente próxima nas esferas ideolóxica ou afectiva.

É posíbel que moito do que se di aquí e acolá respecto dos problemas importantes e dos non tan importantes quede reducido, en efecto, a desafogo emocional ou intelectual, inatendido en definitiva polas maiorías e tamén polas minorías ás que pensamos que de entrada nos diriximos. Voltamos así ao complexo asunto da eficacia da acción política e do debate no espazo público. Voltamos mesmo ao asunto da incidencia social e política da blogosfera.

Para min, e aquí coincido coa análise do colega e amigo, esa é a cerna de todo o que hai por diante. Será que un exceso de elitismo, unha sobredose de brillantez, un esteticismo político… creban calquera posibilidade de conexión con quen decide? Será que no que Debord comezou a definir hai moito tempo como sociedade do espectáculo importa máis un zapato que voa que cen argumentos ben articulados pero raseados? Sen dúbida, hai moito disto. Os populismos de dereita e de esquerda atoparon resposta e lograron canalizar vontades. Hai que reflexionar sobre o modo no que as mensaxes se constrúen e chegan onde está previsto que cheguen, onde se quere que cheguen. Obviamente, hai un aspecto crucial neste asunto: vén dado pola simple idea de rede. Aí está a potencialidade inmensa que aínda non soubemos calibrar. Pero cada día mudan as coordenadas.

E mudan a favor. O simple feito da desafección do público novo polo que significan os medios de comunicación tradicionais, en particular a TV, é de extraordinaria relevancia. Arume dos Piñeiros falaba hai pouco das súas reflexións mentres contemplaba o tratamento dado nun telexornal a unha violación en grupo, falaba diso e por suposto de moito máis: a distancia que se abre entre información e telespectadores por causa da manipulación indisimulada e dun exceso de cesións socioculturais en mente de todos. Así é: unha experiencia común. Cada día máis.

Eu mesmo teño dito aquí que a forza de moitos xornais galegos de implantación digamos non estritamente local (non falemos xa dos xornais de vocación só local) é debida a que prestan algúns servizos demandados por sectores poboacionais decisivos e que ninguén máis ca eles presta. Ás veces —na ducha, conducindo…—, ocórreseme matinar que na perspectiva de poñer límite á hexemonía de La Voz de Galicia, Faro de Vigo e outras cabeceiras poderosas do país, talvez exista unha posibilidade máis eficaz que a de crear medios alternativos. Imaxinen un gratuíto de distribución diaria, con forte implantación urbana, vilega e rural,  limitado só ás esquelas. Imaxinen que iso se puidese lograr. Imaxinen a incidencia no mercado dos medios tradicionais que adoutrinan e gobernan. Imaxino, imaxinen, un gratuíto só de esquelas. Nesta imaxinación está tamén o retrato do país, ou polo menos de cómo un le o país.

 

[A foto remitiuma en 2002 un dos meus curmáns montevideanos, Julio Rey. Fíxoa nalgún lugar de México, onde traballou varios anos. Ignóroo todo sobre que sexa ese organismo que promove a campaña de aforro de auga no plano doméstico, ese/a CAPAT]

Materiais para unha clínica da alienación

19 de Xullo de 2009

 

feijoo-con-varela

Avancemos algo na análise de onte. Sempre é importante coñecer que é o que di aquel contra quen queremos intervir dialéctica ou politicamente. E ese traballo ás veces non se fai, por desleixo ou por aborrecemento coas razóns dos demais. Esa é a motivación que, con sentido político, me leva a fornecer algunhas ferramentas retóricas con compromiso didáctico. Fágoo no arquivo que propoño para relermos o discurso do Presidente Núñez Feijóo no Consello da Cultura Galega o pasado 9 de xullo. Quen sabe se tamén para facer prácticas escolares cando chegue o tempo. Porque os cidadáns e cidadás, os maiores e os menores de idade, debemos coñecer cara a onde nos queren levar. É unha obriga civil estarmos ao tanto diso.

E a análise do discurso tamén serve para eses mesteres. Serve, por exemplo, para mostrar que un pretendido discurso sport de defensa do cosmopolitismo e de rectificación das políticas culturais de base identitaria pode ser intelectualmente vacuo e perigoso en termos sociais e políticos alén de innobre e malintencionado na utilización das citas e das fontes ou autoridades que se suxire refrendarían a posición propia, cousa que no discurso Feijóo – Varela non se dá, non se dá case nunca, como eles saben perfectamente. E non só a propósito de Villares. Tampouco existe correspondencia entre o que Milan Kundera di en Le Rideau (2005) e a oposición provincianismo – cosmopolitismo tal como é construída no discurso de Feijóo. E o curioso é que Kundera é xunto con Villares a autoridade que o Presidente habilitou como fundamento basal do discurso sobre o que el entende por cultura e identidade. Pois ben, nin o pensamento de Villares está representado só coas citas que del se toman nin Kundera di o que Feijóo semella adxudicarlle, ese estrafalario argumento segundo o cal o cosmopolitismo radica en instalarse noutra lingua e noutra cultura. Kundera nin di iso no capítulo titulado “O provincianismo dos pequenos” nin tampouco no titulado “O provincianismo dos grandes” (por que Feijóo se referiría no seu argumentario só ao sinalado no primeiro e non ao sinalado no segundo?, por que será?). E algo máis: Kundera despreza a noción e a voz Mitteleuropa, a usada por Risco, segundo pode lerse en varias das súas obras e entrevistas. De modo que esta clínica da alienación ten unha vía en paralelo, que non me parece esaxerado describir como unha clínica da terxiversación. Nada sorprendente, concedo, para quen escoitou falar a Feijóo do parque móbil da Xunta de Galicia ou da imposición lingüística do galego no noso país.

A análise do discurso serve tamén, por exemplo para elaborarmos a cartografía dos valores que o PP e o Goberno actual, e con eles todos os seus valedores financeiro-mediáticos, postulan para nós, cidadáns e contribuíntes galegos. O documento que se pode descargar aquí ten un obxectivo non tan humilde, por tanto: ver como se constrúe o discurso cultural do poder galego, cales son as súas ideas-forza, qué é o que propón. E a partir de aí, o arquivo e as anotacións pretenden levarnos á reflexión sobre os mecanismos acaídos contra esa intervención da dereita nacionalista española na esfera cultural (e insisto en algo básico que outras veces incorporei neste blog: a cultura é máis que a lingua, moito máis que a lingua; a cultura é máis que a literatura, moito máis que a literatura). Unha intervención que no plano epitelial é equivalente, en efecto, a un perezvarelismo con foulard, pero que no fondo aspira a un avance sen volta atrás nun proceso estúpido e irresponsábel de alienación e destrución cultural que nin sequera é compartido pola totalidade dos dirixentes actuais dese partido, nin moito menos polas súas bases e votantes. O seu é un proceso con operativos estratéxicos doutro tempo que xa non se usan en ningún sitio. Porque estes gobernantes, alén de cínicos e insensatos, son bastante iletrados.

Hai que paralos. Imos paralos.

 

[Continuará nesta pantalla en forma lacónico-aforística. Moi en breve]

Feijóo no CCG, ou eloxio da alienación

18 de Xullo de 2009

goberno-galego

 

O discurso do Presidente Alberto Núñez Feijóo no acto solemne que conmemorou en Raxoi os 25 anos do Consello da Cultura Galega foi obxecto de controversia en varios lugares e moi probabelmente será lembrado no futuro como un dos momentos máis irresponsábeis do seu mandato, que desexo breve, bastante breve.

Anotarei algo: non sei como tratar un asunto desta entidade. Un asunto que percibo como de extraordinaria importancia política e que porén chega á cidadanía a través dos medios como unha especie de minucia protocolaria e festiva á que non hai que prestar maior atención. E malia todo, este discurso de Feijóo podería estudarse en calquera escola de retórica como paradigmático en varios planos: discursivos, performativos e ideolóxicos. En particular en tres dimensións. A primeira é a  narrativa: cómo chegamos a ser o que somos e non outra cousa distinta. A segunda é a patética, referida á lectura emocional da nosa condición periférica en Europa. A terceira e última e a argumentativa, e aquí é onde o pensador que lle escribe o conto a Feijóo fala do provincianismo dos procesos de construción nacional (pero non de todos, claro: só dos diferentes ao lexitimado pola existencia do Estado, pois o discurso naturaliza a postulación nacional de España, fóra de  cuestión e nunca provinciana) fronte ao divino cosmopolitismo. A peza oratoria leva a quen a ature á peculiar conclusión de que os máis cosmopolitas son os grandes escritores que abrazaron para expresarse unha lingua  diferente da súa orixinal ou materna. Así, Joyce, Kafka, Beckett, Kundera (sic). O anterior non é tan exacto como poda parecer, pero ese non é o asunto hoxe. De todos modos haberá que voltar a todo isto porque considero que aí reside a mandorla conceptual do discurso de Feijóo no CCG.

Pero hai máis. Hai, por exemplo, unha inelegante, maleducada incluso, deslealdade institucional, pois todos sabemos que non se vai a unha celebración á que se nos invita co único obxectivo de augar a festa aos anfitrións. E hai de porparte unha tamén inelegante deslealdade persoal co presidente do Consello da Cultura, polo uso perverso e intelectualmente obsceno de dúas citas descontextualizadas que, resulta obvio, Ramón Villares nunca poñería ao servizo da causa argumentativo-ideolóxica defendida por quen sabía que despois del ninguén podería retrucar. E o caso é que esas dúas citas son as efectivas e reais chaves vertebradoras do discurso todo de Núñez Feijóo ese día. Ese día que foi á casa daquel seu amigo, quen alén dese dubidoso privilexio é a terceira autoridade do país segundo os protocolos oficiais sancionados pola Xunta de Galicia.

Algo máis? Abofé que si. Porque non falei aínda desa pílula de diámetro superior ao da gorxa de calquera ser humano. Voltarei a ela con detalle. Menciono só que se trata dese canto a alienación cultural na que se abandeirou no Consello da Cultura  ese señor que nos preside. Apréciase agora a grave e onerosa realidade que nos caeu enriba pola incompetencia táctica de Touriño e de Quintana e pola intromisión tamén táctica do poder financeiro-estratéxico-mediático vinculado co triángulo escaleno Iñás-Piazza di Spagna-Sabón.

Así, pois, o texto de Feijóo pasará ás máis extravagantes antoloxías sobre o revisionismo histórico, sobre a colonización e a alienación culturais, sobre os conceptos de  resistencia cultural, hibridación, aculturación…, pois este home que a min antes me parecía intelectualmente limitado ten que ter acceso a algunha esotérica e potente tradición teórica, talvez recadada nos sotos da FAES ou noutro templo do saber. Direino directamente e xa sen ironías: constitúe un inaturábel insulto á intelixencia que un licenciado universitario manexe algúns conceptos de cultura xeral como o fixo Alberto Núñez Feijóo nese lugar que o texto estatutario de noso destaca nos termos que o fai.

Cando cunha mistura de desleixo e estupefacción accedín hai unha semana aos breves apuntamentos sobre o acto recollidos en prensa —na inane, na pérfida, na lexíbel e na outra—, acudín case de inmediato ás webs institucionais da Xunta en procura do texto. Porque un pensa, fíxense vostedes, que os textos pronunciados en ocasións solemnes da índole da que aquí se comenta deberían ser de acceso público. Por simple respecto aos cidadáns e cidadás, ou aos contribuíntes, palabra esta que cada vez máis penso que hai que recuperar para a esquerda cando se fala destas cousas. E é que non todo o mundo recibe un convite insstitucional para acudir a eses actos; non todo o mundo ten acomodo na pequena e incómoda sala magna do Consello da Cultura Galega, atafegante a partir de maio e insufríbel en termos acústicos polo inconsútil fío musical que chega desde a escaleira de Xelmírez dos pulmóns dun gaiteiro (incombustíbel e artísticamente menor) ao que habería que pagar de inmediato, entre todos, o plus que lle falte para alcanzar unha pensión digna que goce rodeado dos seus.

Falando xa moi en serio, sinalo isto: os discursos dun Presidente do Goberno en ocasións da entidade institucional que aquí se comenta son os que marcan políticas, son os definitorios dun rumbo, son os que estabelecen e aclaran unha cartografía e anuncian unha forma de intervención. Este de Feijóo o día 9 de xullo de 2009 de maneira absolutamente incontestábel.

Por iso mesmo, celebrei que o Consello da Cultura decidise pendurar onte o vídeo do acto, que incorpora tamén o discurso do Presidente Feijóo entre os minutos 43 e 57. E celebrei hoxe á maña, así mesmo, que a partir dese vídeo a dirección de Galicia Hoxe decidise que os seus redactores o transcribisen (“O Presidente no CCG“) para llelo ofrecer aos lectores, o certo é que con poucas grallas ou modificacións en relación co que en efecto pronunciou Feijóo (ningunha delas substancial e case todas por simple conmiseración lingüística, se ben hai unha de signo inverso, moi ao comezo da transcrición, porque o poscolonial Feijóo non fala do Obradoiro como “meeting point” senón como “melting pot“). Antes de pasar a unha parte máis analítica do que quero contar, suxiro que lean o texto á vez que teñen á vista as imaxes. Observen as actitudes do orador, fíxense ben nos seus acenos, bastante comedidos pero con algún momento de excepción, atendan tamén á resposta do público, ao meu xuízo inapropiada se temos en conta o que alí se dixo. Claro que ese público era, como diría o Presidente Feijóo, plural; por moito que a min me pareza máis ben singular, tan singular que non creo que en ningún outro lugar do mundo reaccionase así á afrenta recibida: 14 segundos de aplausos para un torpedo dirixido á liña de flotación do buque (un segundo máis que os aplausos que seguiron á intervención de Ramón Villares).

Cansa tanto relatar isto que hoxe xa non o aturo máis. Deixo para un post doutra hora a análise do texto presidencial. Pero por se alguén se animar a estudalo déixoo aquí en pdf, con só unha mínima edición de páxina e sen modificacións sobre o publicado en GH.

Un complemento: o outro día dixen que cómpre saber quen lle escribe estas cousas disparatadas e imprudentes a Núñez Feijóo. Algo avanzamos a día de hoxe. Ese ideólogo/a non é filólogo/a. Con certeza. Diría máis: non sabe gramática. Así que podería ser ese señor que aparece na foto estreitando a man do Presidente tras a toma de posesión do Goberno. Tería lóxica, lóxica orgánica, quero dicir: porque estas materias son da súa incumbencia, da de Varela, visto o asunto desde unha perspectiva conservadora. Ou é que o conselleiro de Cultura alén de saber linguas sabe gramática?

O da gramática dise porque no discurso de Feijóo hai un momento no que se menciona que “nós” (o Nós de Risco e os demais membros da súa xeración e o nós de “nós mandamos”) é un posesivo. E… vaia, como que non. Os posesivos son eles, os señores e señoras da foto da axencia EFE que abre esta anotación. Nós somos sinxelamente persoais, como o pronome nós, e tamén un pouco ambiciosos e testáns. Apropiámonos da lingua e apropiarémonos do futuro. Ñam!

[Continuará nesta pantalla en forma lacónico-aforística. Moi en breve]

Eu: cesura

28 de Xuño de 2009

 

xv-atalaia-goethe-iii

3 de abril

Se cadra poeta é aquel, aquela que fai concordar a súa disposición coa identidade dun idioma. A identidade dun idioma, de calquera idioma, pronuncia o mundo pero as súas declaracións non converxen co mundo.

Quizais (psicoloxía?) ser poeta sexa facerse cargo da cesura, constituírse en secesión, nesta imposibilidade que teñen as linguas para que conflúan as cousas e as palabras. Un poeta asevera eu          eu é un lugar despoboado, un silencio, un corte, unha distancia.

Por ese horizonte pasa o idioma, nesa liberdade pulsa as cordas da lingua (da cítara, do eco, do vento), reverbera o ritmo. Unha poeta escoita a cadencia, as infinitas voces do mundo —as emancipadas, as que son escravas— e que nunca cadran, nin estarán en conformidade co mundo. Un poeta lembra as escrituras que o preceden, as que virán, as que aínda non naceron. Unha poeta admira as imaxes que agroman da veloz materia que é un acorde, un soño, unha voz. Un poeta sabe que as palabras nunca terán poder para harmonizar. Que ningún poema será nunca señor de si, nin do idioma, nin do mundo.

(Chus Pato, “Mentres escribo”, Secesión, 2009)

[Xesús Vázquez, Atalaia Goethe III, 1987] 

A opinión pública e o voto

22 de Xuño de 2009

 

tourino-audi-360Segundo pode verse nun post moi lúcido e clarificador de Calidonia, o Centro de Investigaciones Sociológicas vén de facer público o informe correlativo a unha enquisa feita en Galiza tras as eleccións do 1 de marzo. As datas exactas da consulta foron do 7 ao 31 dese mes de marzo. Todos os datos son relevantes e non creo que eu poida engadir nada ao anotado por Calidonia. Acaso só algún subliñado reiterativo: a diferenza de votos para a consecución do escano decisivo foi moi escasa e a batalla decidiuse nos últimos días da campaña en zonas urbanas moi específicas, xusto aquelas nas que o dominio e control da opinión pública por parte de La Voz de Galicia son absolutos. Este medio facía ostentación hai uns días desa influencia á hora de orientar o voto: un 45,6% da poboación galega prefire ese xornal para informarse segundo os datos do CIS. Os efectos da manipulación co asunto do Audi e co asunto do iate estaban ben calculados. O mesmo que o xogo dos tempos e a propia coordinación, en días consecutivos, entre a manifestación en Compostela de Galicia Bilingüe e o manifesto “Yo protesto” do editor Rey Fernández-Latorre.

Se neste blog se fai tanto fincapé nesta zona do problema político que temos enriba é por algo. Alén das percepcións persoais e das distancias éticas, insisto, é por algo. E resulta evidente que o problema nunca se solucionará se non se logra reducir como mínimo nun terzo a influencia sociocultural e política deste xornal, a súa pegada, o cal non é tarefa doada se se consideran os intereses económicos e doutro tipo que ten detrás como sustento da súa hexemonía. Un complemento ilustrativo: segundo a enquisa do CIS, o medio que segue en influencia a La Voz de Galicia sería Faro de Vigo, pero a enorme distancia, pois a porcentaxe de seguimento resulta ser neste caso de só o 16,8%, pouco máis dun terzo que a correspondente a LVG. Este dato e os complementarios, referidos a outros medios, quedan reflectidos no informe mencionado (que pode descargase aquí) do xeito que se amosa máis abaixo. Podería pensarse, e é certo, que as distancias ideolóxicas entre os medios relacionados nesta nómina son a miúdo escasas ou incluso nulas. A cuestión, aquí e en calquera outro lugar que se desexe considerar, radica como é evidente na conversión da opinión pública nun xoguete en mans de quen exerce o poder. Iso é o que permite construír a realidade. Iso é o determina tamén a percepción dos dereitos individuais e colectivos. Eis o detalle dos datos referidos á pregunta 13 da enquisa do CIS:

  

Pregunta 13ª

 

¿Y qué periódico prefiere Ud. para informarse? (Respuesta espontánea)

 

  

El País 8.6

El Mundo 2.4

ABC .6

La Razón .2

Público .4

El Correo 1.1

La Voz de Galicia 45.6

El Ideal Gallego .9

La Opinión .7

Xornal de Galicia .5

El Correo Gallego 3.5

Diario de Bergantiños .1

Diario de Pontevedra 1.8

Faro de Vigo 16.8

Atlántico .1

Diario de Arousa .1

El Progreso 4.7

La Región 5.2

Periódicos digitales .1

Periódicos económicos .1

Periódicos gratuitos 1.5

Todos .6        

Otras respuestas 1.3

N.S. .1

N.C. 3.0

 

(N) (1770)

 

  

 [Na fotografía, Touriño saíndo do célebre Audi, non sei se recordan]

  

Europa: identidade e diferenza

8 de Xuño de 2009

 

repensarmosEntre os vindeiros 8 e 10 de xullo terá lugar na Faculdade de Filosofía compostelá, no marco da Universidade de Verán 2009 da USC , o curso Repensarmos Europa á luz da diferenza. Procesos emerxentes e enclaves culturais, dirixido por Raquel Bello e María do Cebreiro Rábade. A páxina institucional da Universidade de Santiago de Compostela informa sobre o programa do curso e sobre a normativa en materia de bolsas e matrícula (o prazo remata o venres 26 de xuño). Tomo as notas que seguen do blogue do Grupo Alea de Análise Poética (GAAP).

Os obxectivos do curso cífranse en tres: facer visíbeis as implicacións sociais dos fenómenos vinculados ás coordenadas da emerxencia cultural e dos movementos migratorios no contexto europeo, impulsar a análise das manifestacións culturais procedentes de marcos aos que tradicionalmente se adxudica unha representatividade e/ou unha lexitimidade insuficientes e abrir horizontes na investigación interdisciplinar dos fenómenos e procesos emerxentes, incorporando puntos de vista antropolóxicos, de xénero, xeoculturais, sociolóxicos, políticos, económicos, tecnolóxicos, mediáticos, xurídicos ou estéticos.

O curso Repensarmos Europa á luz da diferenza pretende ser non só unha actividade de divulgación, senón tamén un encontro entre especialistas na análise da cultura nos seus diferentes aspectos. En que medida os movementos migratorios están a afectar a redefinición das identidades europeas? Cales son os vínculos, pasados e presentes, entre as culturas europeas e as culturas africanas e latino-americanas? Podemos aínda falar dunha cultura europea? Responden os discursos contemporáneos sobre Europa a unha realidade ou a unha aspiración?

Estas son algunhas das preguntas que servirán como eixe para o desenvolvemento deste curso. A redefinición de conceptos teóricos como os de enclave, fronteira, interculturalidade, identidade ou diferenza será tomada como ferramenta para a análise destes procesos e para explicar en que medida afectan á vida das persoas, así como para estimular a discusión conxunta dalgúns dos debates mais presentes no mundo contemporáneo.

Participarán como relatores Itamar Even-Zohar, Elias Torres Feijó, Nacira Guénif-Souilamas, Xaime Barreiro Gil, José M. Díaz Lage, Carlos Valcárcel, Samuel Rego, Humberto Martins, António Medeiros, Pilar Cagiao e Graziela Moraes da Silva. Alén destes relatorios desenvolverase unha mesa redonda de escritores moderada por María do Cebreiro Rábade, con participación de Limam Boicha, Joaquim Arenas, Chus Pato e Manuel Outeiriño. Varios membros do CIEPE (Raquel Bello, Manuela Palacios e Arturo Casas) presentarán o curso e introducirán algúns dos relatores, como tamén o farán Ánxelo González, do IGADI, e Antón Corbahco Quintela, da Universidade Federal de Goiás. O xoves 9 pola tarde proxectarase o filme de Pedro Costa Juventude en marcha (2006), presentado polo propio director.

A inauguración será o mércores 8 de xullo ás 10 h. a cargo da Vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo. Colaboraron coa organización e o financiamento do curso de verán a propia Vicerreitoría de Cultura, o CIEPE, o Grupo de Investigaçom GALABRA da USC, a área de Teoría da literatura e Literatura comparada da USC, o Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Alliance Française e o Instituto Camões.

 

Móvese o GAAP

29 de Maio de 2009

 

gaap-alt-2O que segue tírase da nota de presentación do GAAP, algo resumida.

O Grupo Alea de Análise Poética (GAAP) formalizou a súa constitución no mes de xaneiro de 2009. Fixa como obxectivo a dinamización da investigación sobre materia poética e sobre os propios procedementos de análise metodolóxica e de decisión sobre de qué hai que falar cando se fala de poesía. Trátase dunha tarefa entendida na súa dimensión participativa no campo literario-cultural. O GAAP aspira a intervir nese campo achegando un discurso teórico e crítico plurívoco, non cinguido a coordenadas apriorísticas e acompañado dun esforzo por documentar da mellor maneira posíbel o curso da poesía contemporánea, a que está viva e ten algunha clase de cometido e presenza na esfera pública.

Forman o GAAP dez investigadoras e investigadores que comparten o interese polo debate metodolóxico na esfera teórico-crítica e comparada pero que no marco das análises que se comprometen a activar como colectivo orientarán o labor con determinación e claridade á produción poética galega, sobre todo á propia dos séculos XX e XXI.

O concepto de produción activado polo GAAP non terá un sentido restritivo nin textualista, de modo que as atencións responderán a un programa aberto e plural que non oculta a súa ambición como tarefa crítica e intelectual, por tanto tamén cultural e conscientemente política.

 Tratarase, pois, de activar a análise sobre repertorios e prácticas, sobre medios e públicos, sobre axencialidade e identidades, sobre a institucionalización e o canon, sobre imaxes e formas, sobre disposición e performatividade. Iso e algo máis.

Inicialmente constitúen o GAAP Iris Cochón, Lorena Domínguez Mallo, Margarita García Candeira, María López Sández, Isaac Lourido, Chus Nogueira, Montse Pena, María do Cebreiro Rábade, Iria Sobrino e Arturo Casas. A serie de logotipos, entre eles o que acompaña esta anotación, débese á X. Carlos Hidalgo.

Espazo sacro, danza sacra, política de deus, corpo social

28 de Maio de 2009

O Arcebispado e a praza da Quintana. Como tratar este asunto tan vello?  As idas e vindas do festivo, do teatral, da música, do sacrificial e da política entre altares e adros? Mt 21,12-17? Desde logo, e tamén o proceso medieval e a protesta dos poderes ante o exceso de ruído, os camiños de dentro a fóra do templo, entre o drama litúrxico e os moi populares misterios, entre  a festum stultorum e outras variantes xocosas e subversivas de ordes e xerarquías, nas que a xoglaría o o laico facían osmótico o espazo liminar arredor do sagrado e o mundo se puña por momentos do revés e entraba no sagrado sen saber ben a que. Asnos orneando diante do altar, nenos-bispos, a representación do salvaxe exposto á mirada civilizada e redentora da súa natureza espida… O sagrado lese nas palabras de arcebispo e deán, agora, como núcleo centrífugo que gaña de novo terreo á esfera pública e reclama algo que a min me parece relevante: a política faise dentro. Eis a cerna da intervención que insiste sempre en incorporar o institucional-público en actos litúrxicos que deberan ser privados, acolle a voz do poder sedado e domesticado e denuncia, en cambio, o canto de xoglares e bufóns vociferantes arredor do templo. Silencio aí fóra, cidadáns, o poder recóllese a orar e decidir dentro!

Abonde hoxe Martin Codax (con Manuel Vilariño):

 manuel_vilarinho

  

Eno sagrado, en Vigo,

Baylava corpo velido:

Amor ey!

 

En Vigo, no sagrado,

baylava corpo delgado:

Amor ey!

 

Baylava corpo velido,

que nunca ouver’ amigo:

Amor ey!

 

Baylava corpo delgado,

que nunca ouver’ amado:

Amor ey!

 

Que nunca ouver’ amigo,

ergas no sagrad’, en Vigo:

Amor ey!

 

Que nunca ouver’ amado,

ergas en Vigo, no sagrado:

Amor ey!

 

 

   

[Fotografía de Manuel Vilariño, Cruz negra, escarabajo rojo (2001)]

Que é Poéticas de Resistencia?

31 de Marzo de 2009

Poéticas de Resistencia é unha rede internacional de investigadores e produtores literarios e culturais de Europa, América Latina e Estados Unidos. A rede atópase en fase de constitución mediante encontros e debates centrados xustamente na especificidade das nocións de resistencia e de intervención artístico/cultural. Asúmese de xeito normal a procesualidade desas discusións e acéptase a idea de que os encontros serven para reflexionar en voz alta e en marcha. Cun compromiso crítico e tamén de debate teórico e metodolóxico.

Como se activa a produción artística, literaria, cultural… no momento histórico presente? En que modo a intervención cultural estabelece hoxe relacións de interdependencia con dinámicas sociais, políticas e económicas? Cal é a a marxe de manobra para lograr desestabilizar a axenda política e económica do neoliberalismo, para resistir e vencer a hexemonía exercida e abrirmos paso ao cambio histórico? En que medida son efectivas as poéticas de resistencia? En que modo se vinculan resistencia e poder?

A primeira reunión celebrouse hai agora un ano na Universidade de Leeds, organizada por Ben Bollig e Cornelia Gräbner. Acudira daquela á cidade inglesa unha representación galega, analistas e poetas, relativamente nutrida. Os días 16 e 17 de abril terá lugar na Universidade de Santiago de Compostela unha segunda reunión. Esta páxina web informa sobre programación e actividades do II Simposio Poéticas de Resistencia.

[Colaxe de Xosé Luís Mosquera Camba que ilustra cartaces e web do simposio. O texto tómase parcialmente do texto de presentación da reunión de Leeds]

Algo máis do Dicionario para lupenautas

9 de Marzo de 2009

Iso. Algunhas entradas máis dese Dicionario para lupenautas (2004) inédito.

automatismo: Lupe ten escrito que nos comezos practicaba unha especie de escrita automática de filiación surreal, algo que supostamente tería ido abandonando devagar. O automatismo estaría conectado cun saber pasivo non racionalizado nin verbalizado, de carácter pre-conceptual. Escribiu en Poesía fea: “Eu non sei nada, / escribo o que me sae, / o que me vén de / dentro correndo”. Non estou tan seguro diso. Intúo que existe unha gran canteira textual conformada por un corpus groso de palabras, cartas, intervencións, anotacións, conversas… que se foron xuntando e que a presentación última consiste nun labor que ten algo que ver co do escultor: extraer da masa informe a forma plena e, por tanto, desbotar, eliminar, suprimir. De fondo queda a aporía, unha de tantas no quefacer po(i)ético de Lupe: existe unha expresividade irreprimíbel, un falar desatado, que porén acaba manifestándose nunha expresión reducida ao mínimo, en versos que algúns —eu non o farei— comparan co haiku. É a dialéctica das pezas escultóricas de Eduardo Chillida: entre os volumes colosais e os baleiros, entre o espazo e o oco, entre o discurso e o silencio. Este tipo de aporías son moitas veces incomprendidas por un público que non é quen de achegarse con humildade e desde unha aproximación sentimental á obra. En Xixón está instalada unha das pezas máis grandes de Chillida, o Elogio del horizonte, que a xente de Cimadevila chama El water de King-Kong. Non sei como chamarán os libros de Lupe en Curtis, por exemplo alí onde se cruzan a Avenida del Generalísimo e a Avenida de José Antonio —si, ho, alí pretiño do Café Español e da cabina da Compañía Telefónica Nacional de España, non sabes?, é que agora con tanto tócame-roque de momenclátor urbano e tanto nacionalismo xa se perde unha… Con franqueza, non o sei. Non sei como os nomeará calquera que non se achegue a eles con algo daquel fervor, daquela humildade. O automatismo ten tamén que ver co motor da escrita. Confesou Lupe varias veces que escribe para non suicidarse e para compartir o suicidio, e que non existe para ela ningunha separación entre o que vive e o que escribe. O automatismo da escrita, pois, como o devir da existencia.

autopoética: Lupe adoita encabezar os seus libros con autopoéticas. Non o fixo en Fisteus era un mundo, pero si en todos os libros de poemas, incluído LAT. Por que? Acaso por un temor a que a palabra poética non garanta de xeito suficiente o acto comunicativo que se estabelece. Isto significaría a existencia dunha vontade non só de dicir senón tamén de intervir e de ser entendida. Todas as súas autopoéticas son importantes. Tamén o son as entrevistas, moitas delas publicadas a instancias dos redactores de “Revista das Letras”, Soedade Noia e Antón Lopo, outra publicada no libro de Emilio Araúxo Do lado dos ollos. Outro aspecto relevante é o carácter autopoético ou metapoético ás veces dos seus poemas. N’Os teus dedos na miña braga con regra aparece isto: “Quería ver poesía / chea de merda / e fun esa poeta maldita / chea de merda”.

autorrepresentación: numerosos textos poéticos de Lupe son atribucións, construcións atributivas con verbos como ser e estar destinados a declarar unha identidade. Lese en LAT: “Estou alegre / e non estou preñada”. Ou “Non son guapa / nin fea. / Son violenta”. A palabra de Lupe presupón, neste sentido, unha poética da identificación e da definición, que se estende alén do eu que fala en composicións como estas: “O pasado / é / unha feira” [toda unha filosofía da historia, extraordinario], “Escribir / é / violación”, “Os poemas / son / mulleres”. Resulta evidente que esta clase de propostas só teñen sentido se propugnaren unha verdade non asumida. Neste sentido, a poesía de Lupe dista de ser tautolóxica e aspira a se fundamentar como revolucionaria e aporética (“Quero / chegar / a ser / unha vaca”). Isto último porque a definición e a identificación constitúen con algunha frecuencia un recoñecemento sobre o non-saberse: “Teño vintecatro anos / e non sei de memoria / como me chamo” ou “Eu dubidaba sempre. / Incluso me preguntaba / se eu sería eu” (Os teus dedos na miña braga con regra). A autorrepresentación en Lupe é asemade un proceso ao autocoñecemento e á presenza autorizada: “Saco as bragas nas editoriais galegas que me permiten falar” (limiar a Poesía fea).

Azul: é a cor da felicidade terreal. Lupe, que é nominalista-voluntarista como Guillerme de Ockham, asina agora Lupeazul ou Lupeverdiazul. Así sábese feliz e enteira. Un poema de LAT comeza así: “El é azul / como o meu interior / borracho”.

Decúbito porno: “Quero correr / diante dun coche / que corra moitísimo” (Pornografía).

[Eduardo Chillida, Elogio del horizonte (1990), e Paula Rego, Branca de Neve e a madrasta (1995)]

Ledo e a heteroimaxe

8 de Febreiro de 2009

Teño falado aquí dos ritmos da Academia, dos usos da cooptación e da opinión que iso me merece. Hoxe saúdo a entrada de Margarita Ledo polo que representa en relación coas pautas aquelas. A Academia prima sempre unha liña de tradición nas súas escollas e iso seguramente é consubstancial ao seu estrito marco institucional. Pero hai que recoñecer que con Ledo entran algunhas notas novas. Baixará algunha centésima a media de idade dos académicos (asunto serio, créase) pero sobre todo supón abrir algo máis a casa para a entrada de aires non filolóxicos. Un non ten nada contra a filoloxía se esta é consciente das súas forzas e méritos, do que representa na sociedade actual. Ora, se intervén desde a impostación anacrónica e a imposición dun discurso lento, como fai adoito, entón si que convén abandonar a posición do loto. Así, Ledo representa prestar atención a outras chaves: ao fílmico, á fotografía e á visualidade, aos imaxinarios, ao xornalístico. Iso ademais do feito de ser muller (a quinta na Academia) e á marxe da literatura, por suposto. Na medida na que isto último sexa relevante na súa traxectoria, que o é, en particular no eido da narrativa.

Interesoume o que declarou o outro día sobre a conveniencia de sabermos administrar a nosa heteroimaxe fóra. Incidirmos na imaxe que os demais teñen de nós e que, certamente, depende nunha proporción non doada de estabelecer dos desequilibrios e impugnacións que nós saibamos e desexemos introducir nos paveros e ríxidos estereotipos que nos definen na mirada do outro. No que a min respecta, son testemuña de que a día de hoxe nós, por exemplo, somos en xeral bastante máis claros e decididos que os que nos xulgan indecisos. Xestionar determinados asuntos axuda a velo claro. Somos máis directos que outros habitantes da península ou do continente. Asegúroo.
A imaxe do peirao e a emigración, de Manuel Ferrol, dicía Ledo que non podía seguir constituíndo a tarxeta de visita dos galegos no mundo. Iso crin entender. Eu apúntome a esa idea. A todo o que supoña dinamizar a autoimaxe e a heteroimaxe. Xestionarmos a heteroimaxe, a imaxe que os outros concretan sobre nós, é unha tarefa que importa. Nunca se controla totalmente esa ficción pactada e consensuada en procesos de longa duración histórica, pero o problema comeza a ser serio cando nós mesmos aceptamos e cremos como verídica unha imaxe que se nalgunha altura puido ter algo de validez agora mesmo carece de sentido e de precisión. Iso é sen dúbida o peor que teñen os estereotipos. Non que falseen a realidade, que tamén. Falo fundamentalmente da súa renuncia, por definición, ao axuste, á dialéctica do tempo, ao cambio.

[Margarita Ledo Andión nunha fotografía tomada do soportal AVG]

Privacidades

27 de Xaneiro de 2009

Un dos parámetros que se move a maior velocidade entre os que dan conta do que somos en termos culturais é o da delimitación privacidade / publicidade. Este mesmo parámetro, por certo, parece moi importante asemade para informar sobre o blog como discurso que reformula ou actualiza as escritas do eu e procura dalgún xeito o territorio social da intersubxectividade.

A delimitación que menciono ten un correlato nesta outra: espazo privado / espazo público, cruzada hoxe pola idea que Marc Augé fixo célebre coa etiqueta non-lugar.

Falando hai un momento con persoas novas, detectei un par de observacións formuladas con naturalidade. A primeira relacionábase coa inestabilidade dos non-lugares na percepción que deles teñen as novas xeracións, para as que me parece probábel que o concepto sexa inoperativo e aínda pintoresco. Detectei mesmo a posibilidade dun movemento conceptual de inversión coa idea de lugar, de xeito tal que unha praza pública podería ser percibida por algúns, non agora pero si talvez nun futuro non lonxano, precisamente como paradigma da transitoriedade e da funcionalidade espida, dúas das marcas asignadas por Augé aos non-lugares. A outra observación, marcada igualmente por un aceno nalgún sentido nihilista, ou acaso por unha crítica nada cínica dos imaxinarios da memoria, referíase ao testemuño histórico e por extensión á historicidade. Ao testemuño experiencial, directo, ao que pode ser verbalizado polos protagonistas auténticos dos sucesos vividos. Con referencia a Vonnegut e ao seu coñecido relato sobre os brutais bombardeos sofridos por Dresde cando a Alemaña nazi estaba xa derrotada —pero non necesariamente entroncada co xiro lingüístico e pragmático das ciencias sociais—, a idea que surxiu era bastante simple. Para que (precisamos) a historia?

[Dresde tras os bombardeos aliados de febreiro de 1945]

Cultura europea

24 de Xaneiro de 2009

Entre as rúas de Donas e Vedoría. Abaixo, Afonso IX, e dobrando logo á dereita, a costa da Amargura. Na memoria infantil, este edificio de estraña planta trapezoidal era o lugar de paso entre as casas dos avós paternos e a casa da bisavoa Cinta, entre as rúas de Santa María e da Amargura, pasando polo lateral da colexiata, pola casa na que nacera Menéndez Pidal e polo pazo de Cornide, noutro tempo os Tomasinos, onde estudara meu pai e onde tempo despois, mediante aquelas doazóns sen volta, pasaban algunha noite estival o tirano e a súa dona, logo de viren dalgunha recepción oficial en María Pita ou dalgunha compra nas afamadas xoierías da rúa Real, San Nicolás e outras. A rúa da Amargura, onde vivía o tío Ismael, sen pernas.

Ser neno na Cidade Vella tivo que marcarnos, visto en perspectiva. Tiña que marcarnos máis do que creo que en realidade nos marcou. A quen condicionou definitivamente aquela cartografía e aquela convivencia diaria coa nova orde saída do 36 foi aos avós paternos, sobre todo a ela, a Carmen, membro da Escola Dramática Galega arredor do ano 20 malia nacer e vivir parte da infancia en Santander. E, claro, a Cinta. Supóñoo, en relación con Cinta, porque é pouco o que sei (nada se falaba). O pobre Víctor, os libros da casa a arder mal, o medo insuperado… aínda cando avanzados os 70 pretendín eu pendurar certas iconas levemente revolucionarias no dormitorio familiar. O escenario urbano tiña unha cor definida, moi definida. Era a cor dos uniformes militares. Aquela tea. Aquel olor. Aqueles retais cos que Concha, a Tata, que traballaba para os talleres da Maestranza de Artillería, facía logo algún coxín. Cómo lembro aquel coxín da bisavoa Dolores sentada na mínima cadeira de espadana relendo mil veces non sei se Dumas! Cómo lembro aquel coxín intemporal, pequeno e pobre, por asociación irremediábel co sotaque seu de Lerma, reencontrado trinta anos despois por min nos fríos da Arlanza. Exacto ao que ela mantivo durante toda a vida malia saír ou fuxir de Burgos antes de acabar o século XIX, pode que sen ter cumprida a maioría de idade, con rumbo norte, ao Cantábrico.

Xogabamos ao fútbol á saída do colexio, demorando un momento a hora de xantar, mentres chegaban as nenas do bairro, escolarizadas lonxe, e pasaba un cabo puntualmente, creo que rozando as dúas, cunha bandeixa que levaba a comida dicíase que a un coronel, para que a probase e se tal a aprobase. Ía dun cuartel a outro cuartel, dando a volta por San Francisco. Porque na Cidade Vella, alén de estar as sedes da Capitanía Xeneral da VIII Rexión Militar e do Goberno Militar había infinitos cuarteis. Visto en perspectiva, a Cidade Vella era un cuartel. Era tamén o espazo da Policía Militar patrullando entre Intendencia, Infantería, a Farmacia Militar, a Hípica, as vivendas de oficiais e suboficiais no Campo da Estrada, onde a avoa Carmen levaba a roupa a clareo… Tamén a Caixa de Recluta, da que podería contar algún episodio de sarxentos e brigadas, tenro, malia todo. E o caso é que un viña doutra vida. Da vida inocente e desregularizada de Monte Alto. As rúas Pinares, Camariñas, o espazo aberto ás Lagoas, Washington, Friol, a canteira da que saíu a pedra para o dique, o cárcere e a Torre. O matadoiro, as penas, as ferranchinas, o secadoiro, a fábrica de gafas, os chamados fabriquíns, a praia de San Amaro e se acaso o Orzán, xa lonxe. Os combates entre rúas, a pedradas; as patacas asadas ás oito do serán no inverno nos campos últimos do que a pretensión municipal rotulara como Avenida de Hércules (con todo, nome claro); o pequeno sangue nos xionllos, o fútbol sempre. Once anos aló, outro planeta. Da pedagóxica violencia infantil, ilimitada case nas prácticas tribais e na okupación de espazos abandonados ou semiabandonados para alí constituírmos repúblicas, acracias menores, á violencia simbólica desde logo desapercibida do pánfilo cabo que a diario levaba o prato co rancho para que o coronel dese o prace. Violencia simbólica porque a rúa, na Cidade Vella de entón, era un espazo deles, unha extensión naturalizada da orde e dos quefaceres militares, un lugar de paso entre dependencias lexítima e indiscutibelmente propias. Pouco que ver para min co mundo idílico do cabo Rusty, alén do Campo de Marte, xa só lembrado daquela, cando non sen solemnidade parabamos de chutar contra o paredón ou o portón alcumado da nao capitana e o orbe se detía a observar, pensando nós en Carpanta e naqueles quentapratos nos que el arreo cismaba, as présas do cabo de artillería a levar o seu vindo da antiga ceca medieval pola travesa de San Francisco, camiño da Maestranza. Finais dos anos 60, comezo dunha adolescencia que entón duraba menos que agora.

Pero eu só pretendía dicir hoxe que a iniciativa do Goberno Zapatero para a constitución dun Centro Internacional de Recursos sobre a Cultura Europea na vella sede do Goberno Militar da Coruña me parece ben. Agora só falta pensar algo sobre que sexa a cultura europea. Se existe como tal cousa hoxe. Hoxe digo, e non en Kant ou en Goethe ou aínda en Byron. Se ten hoxe esa dimensión unitaria que o nome quere instaurar sobre a cousa cun sentido eminentemente político e performativo: de construción identitaria nalgún sentido común, unha vez que a Constitución non foi e semella que non irá por moita trampa oculta que os burócratas de Bruxelas e Estrasburgo habiliten. O ministro Molina deixa ver nos seus libros unha noción de cultura bastante definida. Talvez sexa esa a noción que soña para a rede de centros que aspira a instaurar en todos os países da Unión Europea. Documentar e pensar a cultura europea. Magnífica idea. Ora, e sen ánimo de marcar distancia moral co proxecto, imaxino a faciana do ministro británico, ou mesmo a do maltés, por non falar da do francés cando Molina largue o envite. Non converxo sempre co que di o comparatista romano Armando Gnisci sobre a necesidade de pensar poscolonialmente Europa, saíndomos da razón colonial de supremacía de certos valores locais lidos como universais —eurocentrismo— para entender a historia do mundo a partir do século XVI; tampouco con todo o que postulan os teóricos da condición subalterna. Só demando que un proxecto desta clase, de ir, vaia asentado nunha comprensión ampla e non restrinxida do que é a cultura e do que é Europa.

[Sede do Goberno Militar da Coruña, visto aquí na esquina das rúas de Donas e Vedoría. A fotografía de César Quian publícaa hoxe La Voz de Galicia]

Escalímetros

29 de Decembro de 2008

Persoas que saben do que falan recoñecen, a propósito da recente publicación do Dicionario Enciclopedia do pensamento galego, que no país non hai hoxe pensadores do nivel ou da influencia que puideron ter no seu momento Otero Pedrayo, Viqueira, Dieste e outros intelectuais en exercicio nos quince anos anteriores á Guerra Civil. E pode ser certo, aínda que eu non o creo así.
Lonxe do illamento que Bourdieu chamou escolástico, promotor de convivencias grupais homoxeneizantes, caracterizadas por unha distancia intelectual, política e incluso moral coa realidade, aqueles pensadores, que cargaban aínda pesados lastres do século XIX e asimilaban asemade —uns moito máis ca outros— aires e ventos coevos, quixeron converxer coa vida efectiva do país a través da proxección pública dos seus actos. Aspiraron a pensar un mundo, a pensalo nas escalas distintas que esa tarefa esixe sempre. Aspiraron tamén a se facer presentes en exercicio, razoando e debatindo en público, único modo de estar e de intervir nas cousas da polis, como xa deixara dito Sócrates. A diferenza cos pensadores de hoxe talvez radique xustamente niso: na retracción escolástica destes últimos intramuros da academia.
Malia o anterior ser indubidábel, o pensamento de Otero Pedrayo e outros de consistencia intelectual similar preséntase para un sector da poboación galega actual como difuso, fragmentario, carente de concreción fóra de tres ou catro ideas a miúdo simplificadas. Isto é así en boa medida polo éxito que o franquismo asegurou a ese respecto mediante operativos moi firmes destinados a anular a realidade e a ocultar ou deturpar a verdade e a súa memoria. Porque a memoria histórica pode ser complexa de conxugar en termos discursivos, legais ou xurídicos; pero do que non hai dúbida e de que a contraparte desa noción, o borrado histórico, só se mide cunha escala, a da eficacia do esquezo. Franco e o franquismo venceron tamén, e seguen a vencer, nese terreo.

[Columna de hoxe en Xornal de Galicia, na serie “A grella de Cardano”, sección de Cultura. Na fotografía, a EHESS, París]