espectacularizaciónArchive for the ‘’ Category

Tumbas e periódicos vellos

26 de Agosto de 2009

 

tumba-de-shakespeare

Falouse algunha vez por aquí de epitafios. Entre o de Shakespeare e o de Huidobro quedo francamente co primeiro. O do poeta chileno, en Cartagena (Valparaíso), invita aos visitantes a remexer no sepulcro para atopar aló no fondo o mar. Mala cousa, porque hai quen fai unha hermenéutica plana e mete alí os fuciños por descubrir apenas terra. O de Shakespeare, no lugar onde naceu, é algo máis tradicional. Advirte con toda claridade a prosmas e gobernantes (valla a redundancia de ser preciso): largo de aquí, non se vos ocorra mover esta pedra nin tocar un só metacarpiano da osada. Non digo nada disto por Lorca, créase. Nin tampouco non por Castelao, agora que se fan os 25 anos daquel episodio. A razón é ben máis simple. Dei cun xornal vello, de setembro de 2007, no que se fala dos poetas chilenos que quixeron que os enterrasen a carón de praias (algo máis complicado do que poida parecer, tendo á vista o mapa de Chile). Desde hai anos dedico parte de agosto a ler periódicos vellos que non lin no seu día. Non hai motivación ningunha que teña racionalizada, nin para gardalos nin para recuperalos anos despois. Podería andar entre a síndrome de Dióxenes e algunha outra patoloxía da culpa. Que importa. Ou tamén cun sentido peculiar do paso do tempo e do que Filgueira Valverde chamaría “gozo eterno” (unha boa columna xornalística, unha boa reportaxe, unha boa análise…  gózanse moito máis fóra do tempo orixinal, créase; canto á chamada información, tanto ten lela do día como conxelada). O caso é que naquel xornal collido no cuarto dos xornais vellos (un é rico e pode permitirse esta clase de distribución do espazo) falaba diso, de epitafios e de tumbas de escritores. A de Huidobro é fea a rabiar e por iso non a reproducirei aquí. E o seu epitafio non está á altura do que o poeta quixo ser e  acaso foi. A foto de arriba corresponde ao lugar onde quedaron os restos mortais de Shakespeare. Tómase de Flickr. Lese sen maior dificuldade o que o epitafio advirte. Pero advirte máis a sinxeleza da pedra.

 

Furabolos

25 de Agosto de 2009

 

blanco-e-hernandez-competindo-cos-dedinhos

A xente do común non o sabe, pero a unidade temática 3 do célebre De Viris Illustribus in the Age of Media (New Haven, Punctum Press, 2001), do consultor e profesor estadounidense Francis Petraccioni, dedica todo un apartado a un tema fundamental na vida pública e na vida empresarial sometida a foco baixo o epígrafe (traduzo) “Como sinalar co furabolos sen parecer imbécil”.

Toda a nosa clase pública, intúo que a través dunha especie de prontuario alegal fotocopiado (tiven oportunidade de ver eses folios), tirado desa biblia da comunicación aplicada á icónica do poder, accede na semana inmediatamente posterior ao seu nomeamento a unha especie de inmersión neses mesteres: un cursiño acelerado e básico para manter diante do público ou perante a masa de votantes unha presenza e unha auctoritas entre viril e estatuaria fundamentada no uso e disfrute do furabolos (apartado 3.2.1., “Razón áurea e angulística do furabolos: entre a verticalidade e os 15º, cunha amoestación sobre a inconveniencia performativa de ultrapasar esa inclinación”).

O dedo estirado serviu tradicionalmente a pintores e escultores como marca diso, da autoridade do patriarca (e ás pombas urbanitas serviulles asemade para pousar na estatuaria civil de porte dixital e defecar alí tranquilamente sobre o espazo público cando a calva do prócer resulta invisitábel para o seu non moi esixente sentido do aseo público). Petraccioni aduce mesmo razóns psicanalíticas de fondo, e baixa a indagar á fase anal dos políticos USA (isto non é difícil en termos de campo), para explicar o que el chama “furor furabólico”, consistente no abuso do aceno e explicado en termos prácticos co caso do gobernador dun pequeno estado da costa atlántica, quen cada vez que intuía o clic dunha cámara experimentaba unha pulsión dixital irreprimíbel, unha incontinencia eréctil do furabolos (digital priapism) que nunha ocasión tivo consecuencias clínicas (nun mitin preelectoral o gobernador aloumiñaba á súa esposa e cativos para as cámaras e entre a falta de práctica real desa proxémica e a hiperabundancia de clics fotográficos acabou metendo compulsivamente o dedo na órbita esquerda da dona e do fillo maior, até o punto de que aquilo semellaba ao final unha peli gore algo desagradábel) e supuxo a fin da carreira pública do político, agora empregado como guía turístico nunha coñecida empresa da Gran Mazá.

Por aquí, na BHR (Blue-Hen Region), un señor que con probabilidade tivo acceso á versión orixinal do libro de Petraccioni é o director xeral dunha caixa de aforros do norte. Faino relativamente ben o tipo, o de estirar o dediño á menor previsión de punctum, acompañando ese xesto adoito cunha elevación do queixo, entre 20 e 35 graos, que minora o papo e acentúa o corte de pelo entre casual e de tipo-en-idade-provecta-que-lanza-a -mensaxe-de-que-puido-vivir-máis-intensamente-do-que-o-fixo-pero-agora-xa-foi.

Hai outros espécimes rexionais, miñasxoias, que aínda non asimilaron plenamente a doutrina Petraccioni. Entre eles, estes dous mandatarios da foto de arriba, un ministro e un conselleiro de obras públicas. Coa pasta que terán e aínda con fotocopias… Ocorreulles esa mañá, con todo, o peor que lle pode ocorrer a un político cando se atopa con outro de signo contrario (descúlpese a falta de precisión ontolóxica). O caso aparece descrito por Petraccioni nun subapartado da unidade temática 3 (o 3.4.5.2) onde se reclama absoluta precaución co rigor dixital en circunstancia de espectacularización agonística, casco incluído. E non é só que a competencia furabólica de signo contrario propenda á anulación fáustica, que si, senón que a xente arredor pois se distrae e non acompaña debidamente a dramatización dese momento pretensamente histórico e a la postre inane. Pode, en casos como o actual, que por estaren todos preocupados pola fotoxenia do casco. Na foto de AI, por exemplo, os adláteres políticos e técnicos diversos das dúas administracións —con colaboración escénica dos poderes locais— confusos polo cruce dixital e a hibridación de auctoritas (nin os galóns distintivos no casco de Blanco, nin a severidade relativa do rictus entre ministerial e chacineiro, nin a superior verticalidade do dedo de seu abondan para desequilibrar a partida), acaban ollando, indebidamente, un panel ministerial do horizonte inmediato que indica o mes e o ano da finalización desas obras do AVE que case todo o mundo chama accesos a Galiza cando é obvio que o que son é accesos á meseta e a Madrid. Por iso sorrín os polos arredor, contribuíndo sen querer, ou querendo, á ridiculización de ambos xefes. Pois nada hai máis patético nesta vida que estender o dedo ou outras partes do corpo do varón ilustre e que ninguén preste atención a esa desmesura iluminada.

 

[O ministro Blanco e o conselleiro Hernández en pugna dixital. Foto de AI en El País, 22 de agosto de 2009]