estereotiposArchive for the ‘’ Category

Ledo e a heteroimaxe

8 de Febreiro de 2009

Teño falado aquí dos ritmos da Academia, dos usos da cooptación e da opinión que iso me merece. Hoxe saúdo a entrada de Margarita Ledo polo que representa en relación coas pautas aquelas. A Academia prima sempre unha liña de tradición nas súas escollas e iso seguramente é consubstancial ao seu estrito marco institucional. Pero hai que recoñecer que con Ledo entran algunhas notas novas. Baixará algunha centésima a media de idade dos académicos (asunto serio, créase) pero sobre todo supón abrir algo máis a casa para a entrada de aires non filolóxicos. Un non ten nada contra a filoloxía se esta é consciente das súas forzas e méritos, do que representa na sociedade actual. Ora, se intervén desde a impostación anacrónica e a imposición dun discurso lento, como fai adoito, entón si que convén abandonar a posición do loto. Así, Ledo representa prestar atención a outras chaves: ao fílmico, á fotografía e á visualidade, aos imaxinarios, ao xornalístico. Iso ademais do feito de ser muller (a quinta na Academia) e á marxe da literatura, por suposto. Na medida na que isto último sexa relevante na súa traxectoria, que o é, en particular no eido da narrativa.

Interesoume o que declarou o outro día sobre a conveniencia de sabermos administrar a nosa heteroimaxe fóra. Incidirmos na imaxe que os demais teñen de nós e que, certamente, depende nunha proporción non doada de estabelecer dos desequilibrios e impugnacións que nós saibamos e desexemos introducir nos paveros e ríxidos estereotipos que nos definen na mirada do outro. No que a min respecta, son testemuña de que a día de hoxe nós, por exemplo, somos en xeral bastante máis claros e decididos que os que nos xulgan indecisos. Xestionar determinados asuntos axuda a velo claro. Somos máis directos que outros habitantes da península ou do continente. Asegúroo.
A imaxe do peirao e a emigración, de Manuel Ferrol, dicía Ledo que non podía seguir constituíndo a tarxeta de visita dos galegos no mundo. Iso crin entender. Eu apúntome a esa idea. A todo o que supoña dinamizar a autoimaxe e a heteroimaxe. Xestionarmos a heteroimaxe, a imaxe que os outros concretan sobre nós, é unha tarefa que importa. Nunca se controla totalmente esa ficción pactada e consensuada en procesos de longa duración histórica, pero o problema comeza a ser serio cando nós mesmos aceptamos e cremos como verídica unha imaxe que se nalgunha altura puido ter algo de validez agora mesmo carece de sentido e de precisión. Iso é sen dúbida o peor que teñen os estereotipos. Non que falseen a realidade, que tamén. Falo fundamentalmente da súa renuncia, por definición, ao axuste, á dialéctica do tempo, ao cambio.

[Margarita Ledo Andión nunha fotografía tomada do soportal AVG]

Cartas ao director

1 de Outubro de 2008

No ps2 da anotación inPOSTados (2) mencionei que enviaba unha nota a El País Semanal a propósito dunhas valoracións de Javier Marías sobre a furia galega na súa colaboración do pasado domingo 21 de setembro. Non saíu até agora aquela nota, como non saen a inmensa maioría das cartas a directores/as de medios de comunicación. E tanto ten, por suposto. Non é de cuestións miúdas do que querería falar hoxe. Nin tampouco teño unha lideira especial con este xornal, que creo que atravesa unha das crises cíclicas de soberbia intelectual e política que levo detectado nel desque o leo, por tanto desde o momento da súa saída, na primavera de 1976. Seguramente, por insuficiencias na cabina de mando e por pruritos múltiples (tamén dese tipo, si) na rede de cráneos privilexiados constituídos en choristes da cabeceira.

Cal é a lóxica máis frecuente nas cartas ao director que por aquí e acolá se usan? Creo que, correlativamente ao indicado neste lugar, as cartas utilízanse por moitos medios de comunicación de modo abusivo como cortalumes para marcar un territorio de control de análises e ideas. Convértense así en parapeto, parachoques, aduana. Con todo o respecto para as persoas implicadas, vexo unha boa mostra do que sinalo nas cartas consecutivas á entrevista a Steiner en EPS do 7 de setembro. Unhas liñas contidas e case institucionais de Henrique Monteagudo, unhas suaves observacións de Carlos Garrido, un cándido exabrupto de Inés Rivero de Aguilar Fernández.

Xusto a candidez do lector medio en relación coas cartas ao director é o que o conduce a pensar dúas cousas: 1) que as cartas publicadas representan ás cartas recibidas na redacción e 2) que calquera modificación dos contidos publicados está ligada ao alivio de espazo na maquetación desa sección do xornal ou dos seus suplementos. Nalgún momento puido ser así. Agora non.

Infórmome por aquí, de que Carlos Garrido asinou en realidade tamén co seu segundo apelido, Rodrigues (s final, entendo que porque o herdou ou porque lle peta), desaparecido en combate. E non só iso, senón que, como documenta a nota de AGAL referida, a carta enviada contiña elementos que minoran esa impresión de impo argumentativo que a un lle quedaba lendo a segunda columna da páxina 4 do dominical mencionado. Retiran o segundo apelido para aliviar espazo? Pode. Pero a carta seguinte asínaa unha señora que se chama, como dixen, Inés Rivero de Aguilar Fernández (Fernández, quen o dubida?, é moito máis fashion que Rodrigues). E non só iso, senón que esta lectora incorpora frases como esta: “Me sorprende y enfada que un hombre como Steiner […] haga semejantes declaraciones desvalorizando la literatura de mi tierriña galega” [curs. en orixe].

Para min é evidente a maquinaria política e a poleame imagolóxica que sustentan estas malas prácticas. Gallegos de lluvia y calma, na foto-fixa de Miguel Hernández. Eu, se hai que escoller, case fico coa furia maria(s)na.

[…]
ps1 (5.10.2008). A carta da que se fala no primeiro parágrafo deste post apareceu recollida en EPS o domingo 5 de outubro co título indicado por min mesmo, “Sobre ruidos y furias”. Anoto a casualidade faulkneriana do fío con Marías en “Peste de artistas” , nese mesmo número do dominical. Anoto tamén que se respectou a práctica integridade da mensaxe remitida, que figura case completa e case sen grallas. Debe recoñecerse o que hai, e así o fago. A análise feita segue en pé, naturalmente. Benchegado, pois, ao cortalumes (5 10 2008).
ps2. Steiner, VII Premio Reino de Redonda, foi nomeado Duke of Girona en 2007. Xuíz e parte o Sr. Marías? (15 10 2008).