estudos galegosArchive for the ‘’ Category

“Chapuzas gallegas”

17 de Agosto de 2009

 

samos-foto-de-xavier-lombardero

A peculiar fruición coa que La Voz de Galicia rotula o espazo informativo “Chapuzas gallegas” desde hai uns anos podería ser un dos motivos secundarios polos que, como empresa xornalística, recibe subvencións que superan o millón de euros anuais nas sucesivas resolucións dunha convocatoria da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia destinada ao enaltecemento patrio ou cousa semellante. O caso é que o artigo 2º da resolución pola que se convocan esas axudas, segundo se le no Diario Oficial de Galicia do 2 de decembro de 2008 baixo o epígrafe “Actuacións subvencionables”, recolle textualmente o seguinte:

 

1. Poderán solicitar as axudas obxecto desta resolución as empresas que publiquen, ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións orientadas a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a difusión da súa cultura. Na súa produción informativa deberá ter un especial protagonismo o idioma galego.

2. As empresas xornalísticas e de radiodifusión que se acollan ás axudas reguladas nesta resolución comprometeranse a: respectar, nas informacións redactadas en castelán, a lingua das declaracións da fonte ou da persoa entrevistada, sempre que as citas sexan transcritas en estilo directo, e a introducir a oferta positiva establecida no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, cando menos na relación xornalística cos representantes cidadáns e cargos de responsabilidade pública. A oferta positiva consiste na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a empresa e a persoa entrevistada.

 

 

A redacción da convocatoria non esixe demasiado, a que non? Con todo, talvez non incorramos no que Umberto Eco chamaría sobreinterpretación de concluírmos que con esa mornísima prosa oficial autoexcluiríanse da posibilidade de recibir cartos para a promoción da lingua galega só os medios dedicados frontalmente e sen tapuxos ao vituperio dese obxecto de promoción: a lingua, a cultura e a identidade galegas.

Desde logo, a sección “Chapuzas gallegas” de LVG —curiosamente iniciada cun jacuzzi na ligazón arriba marcada— non semella moi orientada ao sentido que a Secretaría de Medios di querer promover. Excepción ou categoría este detalle que se apunta? Categoría, xaora! Iso sabémolo todos: os promotores do decreto, as empresas subvencionadas ano tras ano (sen maiores flutuacións segundo pode comprobarse nas asignacións de 2008 comparadas coas actuais de 2009) e nós. Sabémolo todos agás os fiscais, os xuíces, os defensores do pobo e os grupos parlamentarios que non tiran dos fíos do estado de prevaricación no que nos fomos afacendo a vivir. Todo iso que noutra altura histórica se chamou indecencia.

La Voz de Galicia e a inmensa maioría dos outros medios subvencionados por “alentar a defensa da identidade de Galicia” cumpren coa súa misión histórica. E o Goberno paga relixiosamente ese esforzo seu. Cos nosos impostos, naturalmente. Tamén cos teus, lectora, lector. Claro, esa cifra é moi menor en termos relativos. En realidade, os medios reciben moitísimo máis por outras vías, non sempre públicas. Quen ignora isto? Un millón de euros por ano non é nada. Supón pouco máis que dous Audis de Touriño, por así dicilo. Pouco máis que oito Audis de Touriño nunha lexislatura. Cartos para promover o galego e a nosa identidade… Como nas “Chapuzas gallegas”. Suxiro que a foto inmediata que LVG saque nesa sección sexa a da páxina 13.548 do DOG deste ano, esa táboa coa asignación última recibida por eles, tan parangonábel por certo aos bidés e retretes reconvertidos a testo floral (textos, testos, que máis ten…) de calquera locus amoenus rural.

Porque iso si, as chapuzas que saca este xornal a través do cal podemos entender o que efectivamente somos apuntan sempre cara a un feísmo específico, un feísmo de clase. Non urbano, non de recualificación de solos, non de finanzas, non de Vuitton servido en palangana aurífera, non de moqueta. Non. Aquí, nas páxinas do xornal coruñés, o que mola é o cutre. Polo que devecen estes xornalistas nados en Teixeiro, A Laracha, Arzúa ou a Agra do Orzán é polo cutre a escala menor (só a escala moi menor e sempre cun punto de alienación e falsa conciencia). Revísese a serie. Considérese, asemade, a autoría popular desas fotos, a mirada que as alecciona, a educación cívica e estética recibida con esa mirada, a que mece a conciencia de noso desde as páxinas do xornal de referencia no país.

Aprovéitese logo —non evado o outro problema, en todo caso secundario para min— e estabelézase unha consideración antropolóxica (e ecolóxica) sobre o sentido último  das pezas sanitarias reutilizadas como elemento de ornato en hortas e xardíns privados, non necesariamente no sector máis recóndito dos mesmos, o cal resulta tamén significativo. Por que camiño se chegou aí? Por que camiño histórico demos niso? É diferente ese vieiro ao que habilita as vellas potas do caldo para fins análogos? Hai un punto de simple agradecemento polos servizos prestados?, hai un non querer destruír e esquecer senón simplemente xubilar aquilo do que tan preto nos sentimos durante tempo e tempo por vía dixestiva ou epitelial? Hai un factor de xénero nesas decisións? Son os homes ou son as mulleres quen chantan retretes floridos a carón do pozo?

E, xa postos, considérese a chave comparada do asunto. Somos nós os únicos entre os indoeuropeos que o facemos? Esas chapuzas gallegas de LVG son só galegas? Que clase de reminiscencia etno-estética hai detrás? Figurará no Catálogo Aarne de constantes folk? Por que LVG suscita esta exploración xeocultural de xeito tan apaixonado? Sabe algo que nós non saibamos? Que se investigue todo isto, por favor! Que se investigue a fondo. E a propósito de pescudas, nestoutra resolución en DOG do Goberno galego (do anterior, non do monopartito senón do bipartito) poden verse os cartos asignados á investigación básica nas tres universidades galegas, co reparto cuatrienal decidido. Vexan, calculen cantos proxectos de investigación en química orgánica, edafoloxía, inmigración, osteoporose ou acuicultura se poderían soster co millón de euros anuais que LVG recibe por promocionar o galego (a catro anos, 80 proxectos cunha asignación similar á recibida, por exemplo, polo titulado Síntesis de derivados deuterados de la Vitamina D de interés biomédico, que levou segundo o DOG mencionado 50.312€ para o cuatrienio 2008-2011; ou 135 proxectos do tipo do titulado Algoritmos genéticos en problemas de satisfactibilidad: estudio formal y aplicación a answer set programming, que levou un montante de 29.555€ para o mesmo período). Señores, basta xa de imposicións.

 

[Fotografía de Xavier Lombardero tomada na parte de Samos e incorporada á serie “Chapuzas Gallegas” de LVG]

  

 

BGL

12 de Xuño de 2009

tollii-porta-1991

Vinte anos e corenta números, algúns deles dobres, do Boletín Galego de Literatura, un soño feito realidade por Anxo Tarrío Varela desde a súa cátedra  de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela. El mesmo lembrou hai unha semana algúns datos e eixes desta traxectoria, de gran mérito e vitalidade, na páxina semanal que escribe para Galicia Hoxe.

Non é doado subsistir vinte anos para unha empresa desta clase nos tempos que vivimos; non é doado, para empezar, se falamos da súa dimensión primaria, a do sustento orzamentario, que é o que permite manter o equilibrio e o rumbo ao longo de tanto tempo. Este é sempre un plano delicado e máis que complexo cando se trata de revistas universitarias. Tarrío soubo conducilo con discreción e talento, o que lle permitiu aplicar pautas en verdade infrecuentes no eido da publicación académica.

Alén disto, a revista soubo interpretar a finais dos pasados anos 80 algo relevante que mantén absoluta vixencia: a conveniencia dunha expansión e dunha actualización dos Estudos literarios de marca galega en dous sentidos, o dos métodos e o dos obxectos de análise e estudo. Nese sentido, Anxo Tarrío promoveu e brindou con xenerosidade e perspicacia un espazo de diálogo e convivencia para que especialistas en literatura galega compartisen páxinas con colegas especializados noutras tradicións culturais e literarias, un espazo asemade para o intercambio de perspectivas epistemolóxicas e de aplicacións metodolóxicas diversas. Segundo a el mesmo lle aprace explicar, o proxecto corresponde a unha publicación feita en Galiza sobre literatura e sobre literaturas, o cal non é o mesmo que falar dunha publicación sobre literatura galega. O Boletín acolle este campo de estudos, por suposto, pero faino sen exclusividade de atencións, segundo saben moi ben os seus lectores e lectoras. Como tampouco practica exclusividade de ningunha especie en relación cunha lectura restrinxida ou inercial do fenómeno literario. Tarrío, e este paréceme outro dato importante que fala con anxo-tarrio1claridade do seu talante como director da revista e como coordinador do grupo de colaboradores que o acompañou e acompaña no periplo, incorporou así mesmo ampliacións comparatistas e interartísticas, algunhas delas tan inusuais no ámbito académico (de noso ou de radio máis amplo) como as que se concretaron en monográficos sobre banda deseñada, as relacións entre literatura e cinema ou a literatura infantil. A este propósito, a publicación paréceme exemplar. Éo tamén noutros aspectos. Un deles, que todo lector estima, é o exquisito coidado gráfico e a de novo plural nómina artística de debuxantes, gravadores, pintores, fotógrafos… que ilustraron as sucesivas entregas do BGL. Outra faciana tamén interesante é a constituída polas páxinas de peche da publicación, dedicadas á obra literaria de narradores, poetas e dramaturgos, consagrados ou de traxectoria aínda non tan firme, a quen se convida adoito a reflexionar en voz alta sobre esa tarefa creativa súa mercé a unha modalidade complicada pero moi atractiva que chamamos poéticas de autor.

Longa vida, pois, a este proxecto fundamental! Longa vida, desexo hoxe aquí, a unha revista que para quen asina constitúe, non o vou ocultar, unha das referencias centrais e máis queridas da súa peripecia como investigador. Como tamén o é o nome do seu director, o meu profesor e mestre Anxo Tarrío Varela. No Boletín publiquei a instancias súas diferentes traballos a partir de 1991. Unhas veces recensións, noutros casos artigos, e tamén entrevistas, bibliografías e traducións. Creo que un total de dez colaboracións neste tempo xa non tan breve, incluídos dous números monográficos tan laboriosos como satisfactorios. A nova política que se está a emprender por parte do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC permitirá axiña que o Boletín Galego de Literatura e outras revistas da casa poidan consultarse libremente on line, talvez antes de que remate o ano. Unha expansión nova, da que temos que felicitarnos todos porque favorecerá un acceso universal a traballos sobre a nosa cultura e a outros moitos, escritos igualmente en lingua galega, debidos a investigadores e investigadoras de moi plural procedencia sobre literaturas alleas que, por medio de soños como este de Anxo Tarrío, son á vez e de vez nosas.

Parabéns emocionados por estes vinte anos do Boletín e beizóns por tantas e tantas horas de dedicación, caro amigo.

[Augaforte “Porta” (1991), da artista estonia Vive Tolli, publicado na monografía 2 do BGL, e fotografía recente de Anxo Tarrío Varela, tomada do xornal Galicia Hoxe]

Móvese o GAAP

29 de Maio de 2009

 

gaap-alt-2O que segue tírase da nota de presentación do GAAP, algo resumida.

O Grupo Alea de Análise Poética (GAAP) formalizou a súa constitución no mes de xaneiro de 2009. Fixa como obxectivo a dinamización da investigación sobre materia poética e sobre os propios procedementos de análise metodolóxica e de decisión sobre de qué hai que falar cando se fala de poesía. Trátase dunha tarefa entendida na súa dimensión participativa no campo literario-cultural. O GAAP aspira a intervir nese campo achegando un discurso teórico e crítico plurívoco, non cinguido a coordenadas apriorísticas e acompañado dun esforzo por documentar da mellor maneira posíbel o curso da poesía contemporánea, a que está viva e ten algunha clase de cometido e presenza na esfera pública.

Forman o GAAP dez investigadoras e investigadores que comparten o interese polo debate metodolóxico na esfera teórico-crítica e comparada pero que no marco das análises que se comprometen a activar como colectivo orientarán o labor con determinación e claridade á produción poética galega, sobre todo á propia dos séculos XX e XXI.

O concepto de produción activado polo GAAP non terá un sentido restritivo nin textualista, de modo que as atencións responderán a un programa aberto e plural que non oculta a súa ambición como tarefa crítica e intelectual, por tanto tamén cultural e conscientemente política.

 Tratarase, pois, de activar a análise sobre repertorios e prácticas, sobre medios e públicos, sobre axencialidade e identidades, sobre a institucionalización e o canon, sobre imaxes e formas, sobre disposición e performatividade. Iso e algo máis.

Inicialmente constitúen o GAAP Iris Cochón, Lorena Domínguez Mallo, Margarita García Candeira, María López Sández, Isaac Lourido, Chus Nogueira, Montse Pena, María do Cebreiro Rábade, Iria Sobrino e Arturo Casas. A serie de logotipos, entre eles o que acompaña esta anotación, débese á X. Carlos Hidalgo.

The Galician Way

25 de Decembro de 2008

A presentación o pasado 16 de decembro da marca identificadora The Galician Way por parte da Consellería de Cultura é merecedora dalgún comentario, que obrigatoriamente ten de selo sobre a constitución e definición da marca e asemade sobre a súa oportunidade.

Comecemos por esta última. Non deixa de ser peculiar o momento no que a idea se concreta formalmente e se presenta en sociedade: só un par de días antes da comunicación por parte do presidente Pérez Touriño da data das eleccións de 2009. Cultura adiou en exceso, semella unha obviedade, a materialización do proxecto. E ademais toma a decisión de publicitalo no derradeiro apurón da lexislatura, como querendo subliñar un compromiso para o futuro inmediato con ese xesto (a estas alturas estamos ante todo perante un xesto). Soa, verdadeiramente, a intento de deixar un recordo do paso pola alameda que conduce ao programa electoral e, talvez, á continuación do labor de goberno.

Outro aspecto interesante relativo á oportunidade da que falamos, e que non pode pasar desapercibido para os seguidores do blogomillo, é o que ten que ver coa receptividade que Cultura amosa en relación cun dos debates que protagonizou o derradeiro trimestre do ano: o referido á proxección exterior da cultura galega. Algo que en realidade non representa outra cousa —esperemos que quedase claro coa anotación anterior a esta, oportunamente matizada por Brétemas— que un reforzamento do traballo destinado a facer presentes os produtos artístico-culturais e os seus artífices no espazo interior, no país. Como? Pois efectivamente mediante un apoio eficaz e continuado ás bibliotecas públicas, iso para empezar. Como ademais? Pois pactando cos libreiros e os xestores de superficies comerciais os mecanismos mínimos para que se fagan visíbeis nos trinques e expositores dos seus estabelecementos públicos o que foi feito por nós mesmos (libros, discos, revistas, filmes, etc.), a miúdo moito máis interesante, máis divertido e de maior entidade que o que o mercado e as grandes empresas editoriais instan a consumir de xeito tan pasivo como alienante en forma de bestseller, lectura-lixo e outras variantes das que a intelixencia debe desconfiar, con independencia da lingua de orixe do subproduto co que nos bombardeen ou da lingua auxiliar da tradución. Porque, resumamos: 1) a proxección exterior do que é exterior (e alleo) a nós é constante e infatigábel, non se detén un minuto; 2) a cultura quen non se proxecta resulta retroproxectada polas culturas concorrentes ou competidoras; 3) proxectarse fóra significa proxectarse dentro, basicamente por tres razóns: i) fortalece a autoestima nacional, ii) iguala as oportunidades dos efectos-rebote (premios e recoñecementos exteriores que se descodifican no interior como se adoita facer), iii) fomenta pontes afectivas e cohesivas entre as dúas culturas básicas de consumo que conviven en Galiza, unha centrada basicamente na lingua galega e a outra centrada só na lingua castelá (isto é tan complicado, ou tan pouco, que precisará outro post).


En consecuencia, a propósito da constitución da marca The Galician Way manifesto o meu acordo absoluto. Era e é necesario ese paso. E o nome en inglés achega de porparte boas vibracións mercé a esa apelación simultánea ao específico (o xeito ou estilo noso, our way), aínda mal coñecido e identificado por aí fóra, e ao sabido internacionalmente sobre nós (a idea de camiño espiritual, a idea do encontro interpersoal e intercultural, a idea de poñerse en marcha como metáfora da vida, a idea de finisterre e a imagoloxía asociada…). Parabéns, pois, por ese paso. Aínda que fose tan a destempo.

A explicación fornecida sobre o que pretende configurar The Galician Way, un marco unificador da produción cultural, artística e literaria de noso, semella apropiada e responde cabalmente a unha urxencia improrrogábel. Do que se trataría é de habilitar unha marca de orixe e de fábrica que á vez permite agrupar os operativos de difusión e presenza exterior para os libros (Galician Books), a música (Galician Tunes), as artes visuais (Galician Art), o audiovisual (Galician Films) e as artes escénicas (Galician Shows). Na estratexia da Consellería incorpórase alén diso unha estreita colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), activada hai só seis meses coa estrutura actual, e a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural que conduce Luís Bará.

A programación de The Galician Way por parte da conselleira Bugallo e o seu equipo, e incluso o adianto dunha serie de actuacións vinculadas ao programa Focus GZ para o bienio 2009-2010, fai pensar no mesmo que antes dixemos. Pero non está mal ese voluntarismo aplicado á planificación e á continuación do moi importante labor feito, por moito que estea claro a estas alturas do partido que haberá fichaxes e repartos novos de tarefas (tamén parece suxerirse que, en calquera caso, Cultura ten ben delimitado o seu perfil orgánico e político-administrativo de non alcanzar o PP os 38 escanos que lle darían a maioría absoluta no Parlamento o día 1 de marzo de 2009).

Benvido, en suma, The Galician Way, para o que en todo caso me disgusta a simboloxía do paraugas, empregada na presentación, e tamén a rotulación dalgunha das pezas constituíntes (sobre todo, Galician Shows, na que vibra a reminiscencia dun axente festexeiro e lerdo, na mellor tradición JPV & Asociados). Benvida tamén a páxina web da iniciativa, áxil e equilibrada, malia as carencias en todo o relacionado coas parcelas até agora non desenvolvidas, todas agás Galician Tunes e Galician Books. Non estaría mal por outra banda, e resulta extraordinariamente barato, ampliar como mínimo ao francés as opcións lingüísticas á hora do acceso. Pénsese que segue existindo un mercado amplísimo no mundo francófono, localizado en varios continentes, que podería sentirse atraído pola literatura, a música ou a produción fílmica galegas.

Outro asunto é o relativo a se eses cinco frentes completan o abano do que no momento presente podemos chamar cultura (penso que non). E aínda se eses cinco expositores son os únicos que interesa mostrar ao mundo desde a web institucional e tamén, xa en directo, nos festivais, feiras e resto de eventos de repercusión internacional. Teño algunha dúbida tamén a ese respecto.

Téñoas así mesmo sobre o engarce literatura/cultura, que aquí seguimos lendo baixo estrito prisma identitario, excesivamente gobernado por unha visión teleolóxica da cultura nacional como ferramenta de liberación histórica. Isto complica algunhas decisións. Unha delas xa a tratei timidamente neste blog. É difícil explicarse en pouco espazo. Haberá interpretacións nesgadas e redutoras do que aquí se formula. Para entendernos: Valle-Inclán, por exemplo, non pode seguir sendo unha anomalía para a cultura galega. É un erro desentenderse del, da súa obra, que é plenamente nosa agás na dimensión lingüística. Iso non ten nada que ver coa súa inclusión na historia literaria galega. Xa sabemos que iso está descartado, pero é que a historia literaria non me parece que represente hoxe o que representou noutra altura: non pode ser a peneira universal, non pode ser a exclusiva alfándega identitaria. Abandónese de vez esa omnidependencia historicista da literatura, ou polo menos alixeirémola, levémola de paseo. Situémonos polo menos de cando en vez en dimensión culturolóxica: pensemos a cultura como algo máis que lingua, porque sendo lingua é algo máis que lingua.

En fin, isto, a lexislatura e o post, rematan. As eleccións están á volta dun par de follas do calendario. É tanto o que queda por facer no que afecta á proxección interior/exterior da cultura de Galiza que non queda outra que felicitar á conselleira Ánxela Bugallo e ao Goberno en conxunto por botar a andar a nova iniciativa.

E por último, unha mínima reserva. Imaxino que The Galician Way, a través da colaboración funcional pactada entre a AGADIC e a Dirección Xeral que podería ser de Produción (*Creación) e Difusión Cultural, non presupón a renuncia ao comprometido Instituto Rosalía de Castro. Imaxínoo, pero non o sei.

[Na fotografía de Antonio Hernández para El Correo Gallego, sitúanse de esquerda a dereita César Galdo, Xavier Campo, Ánxela Bugallo e Luís Bará na presentación á prensa de The Galician Way o pasado 16 de decembro]

O legado de González-Millán

19 de Decembro de 2008


Hai un mes publiquei aquí mesmo unha anotación na que lembraba o sexto aniversario do pasamento de Xoán González-Millán (1951-2002) e lamentaba á desaparición de referencias á súa persoa e á súa obra en Internet. Confeso que levei unha moi agradábel e conmovedora sorpresa ao ver que en moi pouco tempo se produciu unha resposta que demostraba que os blogs son unha ferramenta útil e que o afecto e respecto por Xan seguían máis que vivos. Acumuláronse así sucesivos complementos ao post, até un total de nove, cada un deles con información recuperada ou de nova redacción, todos de interese innegábel.

Pero iso non abonda. Faise preciso dar algúns pasos máis. Pasos que teñen que orientarse nun sentido non só afectivo, pasos non limitados ao rexistro dunha personalidade irrepetíbel nas vertentes humana e académica. Debido a que a memoria e a influencia da obra de González-Millán persisten hai, no momento actual, algúns investigadores e estudosos que desexarían ver materializadas algunhas respostas. Unha delas é a puramente académica. Consiste no rescate das súas ideas como reto para a análise da realidade socio-cultural galega e como planificación dos Estudos galegos no seu conxunto. Cónstame que, mercé á implicación persoal de varios colegas coordinados por Gabriel Rei-Doval, profesor da Universidade de Wisconsin-Milwaukee, haberá un panel de relatorios dedicados á análise do pensamento teórico-crítico de González-Millán no IX Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, que terá lugar en xullo de 2009 coa colaboración das tres universidades do país.

Pero hai un aspecto máis que preocupa a todos. Falo agora dunha memoria física e documental, a relativa aos seus libros, aos seus arquivos, aos proxectos que fanou a morte e que resulta crucial recuperar, ordenar e poñer a disposición dos investigadores presentes e futuros. Non habería mellor servizo á memoria do Prof. González-Millán que garantir que esa recuperación é factíbel e pode materializarse nun prazo razoábel de tempo, dous ou tres anos como moito.

Para iso é imprescindíbel a xenerosidade dalgunhas persoas e a implicación das institucións públicas. É conveniente por tanto a cooperación leal entre quen herdaron lexitimamente un legado e as institucións que representan un país moderno decidido a preservar e custodiar con intelixencia e sentido do que é o servizo público uns bens que xa son de todos. O Goberno galego, institucións como o Consello da Cultura ou a Real Academia, as Universidades, os discípulos directos do profesor falecido, o Concello do Grove e a familia de González-Millán deberían procurar a opción idónea que asegure continuidade no tempo para o que de seu é un feito: a enorme vitalidade e fertilidade intelectual que atesouran os escritos de Xoán González-Millán.

[Itamar Even-Zohar escoita a intervención de Antón Figueroa no Simposio Entre o nacionalismo literario e a literatura nacional, celebrado en honor de Xoán González-Millán no Graduate Center da City University of New York o 5 de setembro de 2003]

O Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego

12 de Decembro de 2008

Hoxe presentouse no Consello da Cultura Galega o Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego, coordinado por Andrés Torres Queiruga e Manuel Rivas García. Trátase dun proxecto complexo, plural, de longa e laboriosa execución, cunha comprensión ampla do que sexan a filosofía, o pensamento sistemático e a reflexión ensaística nos moi diferentes contextos e disciplinas nos que os nosos pensadores deixaron marca e discurso. Agora é máis necesario que nunca lembrar, recoñecer, situar e someter a permanente debate esa produción que somos propensos a valorar como dispersa e discontinua.
[Ánxel Huete, Composición]

Con Marcos Valcárcel, nas súas escalas todas

29 de Novembro de 2008

Un azar tráxico prívame de acudir hoxe á homenaxe a Marcos Valcárcel que organizaron en Ourense algúns dos seus moitos amigos e compañeiros. Unha homenaxe que conta coa adhesión entusiasta de varios centenares de persoas que, por admiración, respecto e agarimo, quixeron reunirse arredor de Marcos nunha cea neste frío sábado de novembro.

Non vou, pero estou. Con Marcos, o profesor, o investigador e estudoso, o historiador e analista cultural, o documentalista, o columnista e blogueiro, o activista cultural, o crítico, o editor literario. Con Marcos, mestre nestas e en tantas outras dedicacións orixinadas na súa inesgotábel curiosidade intelectual, na súa dignidade cívica, na perseveranza do estudo, no compromiso fecundo con Ourense e con Galiza. Con Marcos, que sabe xuntar como ninguén en torno á razón, ao rigor e ao coñecemento mans e voces, miradas e vontades. Co propiciador tamén de mil e unha maiéuticas menores ou maiores para que os lectores incondicionais d’As uvas na solaina aprendamos, gocemos, lembremos, riamos e nos emocionemos, asintamos, discrepemos… no teatro das ideas e dos mundos que en tonalidade variábel, como o ceo do outono, se reinventa día a día para ser festa do diálogo a distancia, xema dun dialoxismo blogueiro lúdico e até sarcástico, e porén intelectualmente honesto e cabal. Festa, si. Festa súa e dos amigos e amigas que noutro momento chamei senado máximo da Gallaecia, ese xuntoiro virtual que Marcos preside con suma discreción e elegancia. A que debera posuír e case nunca posúe un presidente de parlamento, ou de parladoiro.
De entre as lecturas de Marcos Valcárcel agroma hoxe na memoria, moi en particular, o limiar seu para a edición que preparou en 1997 d’O libro dos amigos, o volume que Ramón Otero Pedrayo publicara en Bos Aires en 1953 para facer balance sentimental e civil dos seus vínculos de amizade, camaradaxe e colaboración con preto de corenta homes protagonistas da nosa historia no tempo auroral dos anos 20 e a Segunda República. Nunha nota de presentación do volume compilatorio Pé das Burgas, que Marcos Valcárcel deu ao prelo hai agora dez anos, escribira Bieito Iglesias trazando unha ponte afectiva c’O libro dos amigos que unha das angueiras que se propuña para a vida era a de merecer a condición de socio dun clube cordial similar ao de Otero, actualizado no tempo noso con centro no nome claro de Marcos Valcárcel.
No estudo introdutorio á edición do libro que Otero Pedrayo madurou durante anos en Trasalba, o investigador logra culminar unha tarefa complexa, quizais só ao alcance de quen atesoura a capacidade de combinar a mirada do historiador, a do estudoso da prensa e das revistas culturais e a do profesor de literatura. Nese limiar vibra con forza dialéctica e eficacia expositiva, e mais con claridade didáctica e con profundidade analítica, a palabra de Marcos Valcárcel, a de sempre. Esa escritura que acumula oficio e que ao tempo se estimula a si propia polo goce indisimulado de precisar nun estilo directo e diáfano as chaves do acontecer histórico, a atención en diversa escala cartográfica ás duracións diferentes, aos feitos grandes e pequenos, a todo canto desvelar verdade histórica. Marcos Valcárcel escribe así no prólogo ao Libro dos amigos oteriano:

As imaxes da dor e do sufrimento, da barbarie e da crueldade inútil son omnipresentes en toda a obra, pese á prudencia obrigada do momento político. A guerra é sobre todo o fracaso dos soños e das esperanzas doutrora. O escritor está a narrar a destrucción dunha xeración de idealistas: tal é o adxectivo aplicado a Blanco Torres, retratado “no calabozo, xa pertiño da morte, agardando un faiscar xeneroso”, ese faiscar que nunca chegaría para Blanco Torres, nin para Bóveda, nin para Arturo Noguerol, nin para Ánxel Casal nin para Víctor Casas, entre moitos outros.

A distancia temporal non minguou aínda a dor producida pola barbarie. Así, na semblanza dedicada a Marcelo Macías, Otero evoca con gran sensibilidade a cruel realidade dos primeiros anos da posguerra, coa sospeita das traicións e o medo instalado nos corazón de tódalas xentes.


[A fotografía de Marcos Valcárcel tómase do seu propio blog, As uvas na solaina, e é da autoría de Miguel Ángel. Publicouse en La Región o 29 de novembro de 2008. A capa do libro Pé das Burgas (Ourense, Obra Social de Caixa Galicia, 1998) é de Siro López. A fotografía de Otero fíxose en Betanzos en 1952. Figura no volume Teoría de Galicia de Otero Pedrayo (Santiago de Compostela, Alvarellos e Galaxia, 2007)]