EuropaArchive for the ‘’ Category

Feijóo no CCG, ou eloxio da alienación

18 de Xullo de 2009

goberno-galego

 

O discurso do Presidente Alberto Núñez Feijóo no acto solemne que conmemorou en Raxoi os 25 anos do Consello da Cultura Galega foi obxecto de controversia en varios lugares e moi probabelmente será lembrado no futuro como un dos momentos máis irresponsábeis do seu mandato, que desexo breve, bastante breve.

Anotarei algo: non sei como tratar un asunto desta entidade. Un asunto que percibo como de extraordinaria importancia política e que porén chega á cidadanía a través dos medios como unha especie de minucia protocolaria e festiva á que non hai que prestar maior atención. E malia todo, este discurso de Feijóo podería estudarse en calquera escola de retórica como paradigmático en varios planos: discursivos, performativos e ideolóxicos. En particular en tres dimensións. A primeira é a  narrativa: cómo chegamos a ser o que somos e non outra cousa distinta. A segunda é a patética, referida á lectura emocional da nosa condición periférica en Europa. A terceira e última e a argumentativa, e aquí é onde o pensador que lle escribe o conto a Feijóo fala do provincianismo dos procesos de construción nacional (pero non de todos, claro: só dos diferentes ao lexitimado pola existencia do Estado, pois o discurso naturaliza a postulación nacional de España, fóra de  cuestión e nunca provinciana) fronte ao divino cosmopolitismo. A peza oratoria leva a quen a ature á peculiar conclusión de que os máis cosmopolitas son os grandes escritores que abrazaron para expresarse unha lingua  diferente da súa orixinal ou materna. Así, Joyce, Kafka, Beckett, Kundera (sic). O anterior non é tan exacto como poda parecer, pero ese non é o asunto hoxe. De todos modos haberá que voltar a todo isto porque considero que aí reside a mandorla conceptual do discurso de Feijóo no CCG.

Pero hai máis. Hai, por exemplo, unha inelegante, maleducada incluso, deslealdade institucional, pois todos sabemos que non se vai a unha celebración á que se nos invita co único obxectivo de augar a festa aos anfitrións. E hai de porparte unha tamén inelegante deslealdade persoal co presidente do Consello da Cultura, polo uso perverso e intelectualmente obsceno de dúas citas descontextualizadas que, resulta obvio, Ramón Villares nunca poñería ao servizo da causa argumentativo-ideolóxica defendida por quen sabía que despois del ninguén podería retrucar. E o caso é que esas dúas citas son as efectivas e reais chaves vertebradoras do discurso todo de Núñez Feijóo ese día. Ese día que foi á casa daquel seu amigo, quen alén dese dubidoso privilexio é a terceira autoridade do país segundo os protocolos oficiais sancionados pola Xunta de Galicia.

Algo máis? Abofé que si. Porque non falei aínda desa pílula de diámetro superior ao da gorxa de calquera ser humano. Voltarei a ela con detalle. Menciono só que se trata dese canto a alienación cultural na que se abandeirou no Consello da Cultura  ese señor que nos preside. Apréciase agora a grave e onerosa realidade que nos caeu enriba pola incompetencia táctica de Touriño e de Quintana e pola intromisión tamén táctica do poder financeiro-estratéxico-mediático vinculado co triángulo escaleno Iñás-Piazza di Spagna-Sabón.

Así, pois, o texto de Feijóo pasará ás máis extravagantes antoloxías sobre o revisionismo histórico, sobre a colonización e a alienación culturais, sobre os conceptos de  resistencia cultural, hibridación, aculturación…, pois este home que a min antes me parecía intelectualmente limitado ten que ter acceso a algunha esotérica e potente tradición teórica, talvez recadada nos sotos da FAES ou noutro templo do saber. Direino directamente e xa sen ironías: constitúe un inaturábel insulto á intelixencia que un licenciado universitario manexe algúns conceptos de cultura xeral como o fixo Alberto Núñez Feijóo nese lugar que o texto estatutario de noso destaca nos termos que o fai.

Cando cunha mistura de desleixo e estupefacción accedín hai unha semana aos breves apuntamentos sobre o acto recollidos en prensa —na inane, na pérfida, na lexíbel e na outra—, acudín case de inmediato ás webs institucionais da Xunta en procura do texto. Porque un pensa, fíxense vostedes, que os textos pronunciados en ocasións solemnes da índole da que aquí se comenta deberían ser de acceso público. Por simple respecto aos cidadáns e cidadás, ou aos contribuíntes, palabra esta que cada vez máis penso que hai que recuperar para a esquerda cando se fala destas cousas. E é que non todo o mundo recibe un convite insstitucional para acudir a eses actos; non todo o mundo ten acomodo na pequena e incómoda sala magna do Consello da Cultura Galega, atafegante a partir de maio e insufríbel en termos acústicos polo inconsútil fío musical que chega desde a escaleira de Xelmírez dos pulmóns dun gaiteiro (incombustíbel e artísticamente menor) ao que habería que pagar de inmediato, entre todos, o plus que lle falte para alcanzar unha pensión digna que goce rodeado dos seus.

Falando xa moi en serio, sinalo isto: os discursos dun Presidente do Goberno en ocasións da entidade institucional que aquí se comenta son os que marcan políticas, son os definitorios dun rumbo, son os que estabelecen e aclaran unha cartografía e anuncian unha forma de intervención. Este de Feijóo o día 9 de xullo de 2009 de maneira absolutamente incontestábel.

Por iso mesmo, celebrei que o Consello da Cultura decidise pendurar onte o vídeo do acto, que incorpora tamén o discurso do Presidente Feijóo entre os minutos 43 e 57. E celebrei hoxe á maña, así mesmo, que a partir dese vídeo a dirección de Galicia Hoxe decidise que os seus redactores o transcribisen (“O Presidente no CCG“) para llelo ofrecer aos lectores, o certo é que con poucas grallas ou modificacións en relación co que en efecto pronunciou Feijóo (ningunha delas substancial e case todas por simple conmiseración lingüística, se ben hai unha de signo inverso, moi ao comezo da transcrición, porque o poscolonial Feijóo non fala do Obradoiro como “meeting point” senón como “melting pot“). Antes de pasar a unha parte máis analítica do que quero contar, suxiro que lean o texto á vez que teñen á vista as imaxes. Observen as actitudes do orador, fíxense ben nos seus acenos, bastante comedidos pero con algún momento de excepción, atendan tamén á resposta do público, ao meu xuízo inapropiada se temos en conta o que alí se dixo. Claro que ese público era, como diría o Presidente Feijóo, plural; por moito que a min me pareza máis ben singular, tan singular que non creo que en ningún outro lugar do mundo reaccionase así á afrenta recibida: 14 segundos de aplausos para un torpedo dirixido á liña de flotación do buque (un segundo máis que os aplausos que seguiron á intervención de Ramón Villares).

Cansa tanto relatar isto que hoxe xa non o aturo máis. Deixo para un post doutra hora a análise do texto presidencial. Pero por se alguén se animar a estudalo déixoo aquí en pdf, con só unha mínima edición de páxina e sen modificacións sobre o publicado en GH.

Un complemento: o outro día dixen que cómpre saber quen lle escribe estas cousas disparatadas e imprudentes a Núñez Feijóo. Algo avanzamos a día de hoxe. Ese ideólogo/a non é filólogo/a. Con certeza. Diría máis: non sabe gramática. Así que podería ser ese señor que aparece na foto estreitando a man do Presidente tras a toma de posesión do Goberno. Tería lóxica, lóxica orgánica, quero dicir: porque estas materias son da súa incumbencia, da de Varela, visto o asunto desde unha perspectiva conservadora. Ou é que o conselleiro de Cultura alén de saber linguas sabe gramática?

O da gramática dise porque no discurso de Feijóo hai un momento no que se menciona que “nós” (o Nós de Risco e os demais membros da súa xeración e o nós de “nós mandamos”) é un posesivo. E… vaia, como que non. Os posesivos son eles, os señores e señoras da foto da axencia EFE que abre esta anotación. Nós somos sinxelamente persoais, como o pronome nós, e tamén un pouco ambiciosos e testáns. Apropiámonos da lingua e apropiarémonos do futuro. Ñam!

[Continuará nesta pantalla en forma lacónico-aforística. Moi en breve]

Europa: identidade e diferenza

8 de Xuño de 2009

 

repensarmosEntre os vindeiros 8 e 10 de xullo terá lugar na Faculdade de Filosofía compostelá, no marco da Universidade de Verán 2009 da USC , o curso Repensarmos Europa á luz da diferenza. Procesos emerxentes e enclaves culturais, dirixido por Raquel Bello e María do Cebreiro Rábade. A páxina institucional da Universidade de Santiago de Compostela informa sobre o programa do curso e sobre a normativa en materia de bolsas e matrícula (o prazo remata o venres 26 de xuño). Tomo as notas que seguen do blogue do Grupo Alea de Análise Poética (GAAP).

Os obxectivos do curso cífranse en tres: facer visíbeis as implicacións sociais dos fenómenos vinculados ás coordenadas da emerxencia cultural e dos movementos migratorios no contexto europeo, impulsar a análise das manifestacións culturais procedentes de marcos aos que tradicionalmente se adxudica unha representatividade e/ou unha lexitimidade insuficientes e abrir horizontes na investigación interdisciplinar dos fenómenos e procesos emerxentes, incorporando puntos de vista antropolóxicos, de xénero, xeoculturais, sociolóxicos, políticos, económicos, tecnolóxicos, mediáticos, xurídicos ou estéticos.

O curso Repensarmos Europa á luz da diferenza pretende ser non só unha actividade de divulgación, senón tamén un encontro entre especialistas na análise da cultura nos seus diferentes aspectos. En que medida os movementos migratorios están a afectar a redefinición das identidades europeas? Cales son os vínculos, pasados e presentes, entre as culturas europeas e as culturas africanas e latino-americanas? Podemos aínda falar dunha cultura europea? Responden os discursos contemporáneos sobre Europa a unha realidade ou a unha aspiración?

Estas son algunhas das preguntas que servirán como eixe para o desenvolvemento deste curso. A redefinición de conceptos teóricos como os de enclave, fronteira, interculturalidade, identidade ou diferenza será tomada como ferramenta para a análise destes procesos e para explicar en que medida afectan á vida das persoas, así como para estimular a discusión conxunta dalgúns dos debates mais presentes no mundo contemporáneo.

Participarán como relatores Itamar Even-Zohar, Elias Torres Feijó, Nacira Guénif-Souilamas, Xaime Barreiro Gil, José M. Díaz Lage, Carlos Valcárcel, Samuel Rego, Humberto Martins, António Medeiros, Pilar Cagiao e Graziela Moraes da Silva. Alén destes relatorios desenvolverase unha mesa redonda de escritores moderada por María do Cebreiro Rábade, con participación de Limam Boicha, Joaquim Arenas, Chus Pato e Manuel Outeiriño. Varios membros do CIEPE (Raquel Bello, Manuela Palacios e Arturo Casas) presentarán o curso e introducirán algúns dos relatores, como tamén o farán Ánxelo González, do IGADI, e Antón Corbahco Quintela, da Universidade Federal de Goiás. O xoves 9 pola tarde proxectarase o filme de Pedro Costa Juventude en marcha (2006), presentado polo propio director.

A inauguración será o mércores 8 de xullo ás 10 h. a cargo da Vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo. Colaboraron coa organización e o financiamento do curso de verán a propia Vicerreitoría de Cultura, o CIEPE, o Grupo de Investigaçom GALABRA da USC, a área de Teoría da literatura e Literatura comparada da USC, o Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Alliance Française e o Instituto Camões.

 

Eslavística

6 de Xuño de 2009

estb1

Eslavistas en formación da Universitat de Barcelona, compoñentes dun grupo con xente entre os 18 e os 23 anos, lanzan publicación en liña, a Revista esть. Existen aínda algunhas dificuldades de navegación (comprobo que con navegadores distintos), pero hai xa bastante información e ligazóns de interese que afectan campos complementarios, desde a tradutoloxía aos estudos lingüísticos e filolóxicos ou culturolóxicos, tamén sobre blogues referidos a Rusia, aos Balcáns, a Polonia e a outros países e rexións da Europa oriental. 

Semella que o pulo veña da renovación das titulacións filolóxicas tras as pautas marcadas polo EEES e do conseguinte perigo que os eslavistas perciben sobre o futuro inmediato da súa dedicación académica e profesional. Saúdase desde aquí con ledicia a nova. En particular, por dúas razóns: primeiro porque a iniciativa corresponde a persoas moi novas que desexan intervir no debate público e, en segundo lugar, por esa intervención estar dirixida á ampliación das fronteiras de determinadas construcións culturais e mentais (a identidade europea, por exemplo) que esixen permanente axuste e para as que propostas coma esta funcionan como recordatorio incluso político. Porque Europa é algo máis que o que adoito se nos di que é.

Terrorismo e democracia

21 de Maio de 2009

iniciativa-internacionalissta1

O Tribunal Constitucional podería consumar dentro de poucas horas o que Xabier Cordal describe como ilegalización das ideas, o cal sería o mesmo que consumar a ilegalización das liberdades.

Máis unha vez a democracia xoga á exclusión e máis unha vez faino forzando as regras propias, convertendo o que son basicamente prexuízos, percepcións e conviccións gubernativas en supostas probas irrefutábeis. Obviamente, Iniciativa Internacionalista. A solidariedade entre os pobos non é ETA. Obviamente, a pretensión é de novo acalar a voz dunha esquerda real, que eu non estou a identificar neste momento (só) coa plataforma política que se pretende ilegalizar. Obviamente, o Estado aspira a extremar outravolta a represión institucional de proxectos soberanistas.

Coa lei na man e asumindo en sentido pleno, como o fai a candidatura II, a resolución política dos conflitos sociais e nacionais en Europa, o TC debe atender as razóns expostas no recurso que recibe tras a resolución (só por maioría, non unánime) do Tribunal Supremo. Veremos que ocorre.

Urbana

1 de Maio de 2009

Entre o luns 4 e o mércores 13 de maio desenvolverase con sede principal na Faculdade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela o VI Programa Intensivo Urbes Europaeae, identificado nesta ocasión co epígrafe “Cidades europeas perante a globalización: identidade, hibridación e posibilidades da cultura”. A dirección conxunta corresponde nesta ocasión a Javier Gómez-Montero (Departamento de Romanística da Christian Albrechts Universität de Kiel) e Anxo Abuín (Teoría da literatura e Literatura comparada, USC). Ademais das dúas mencionadas, convocan outras catro universidades europeas: Tartu, Padernborn, París 8 e Napoli-L’Orientale.

Manuel del Río, secretario administrativo do seminario e artífice do blog de seguimento IPSantiago, explicou recentemente no suplemento “Artes & Letras Galicia” do xornal ABC algunhas das chaves que axudan a situar a convocatoria e a propia traxectoria do Programa Intensivo promovido e articulado con bo sentido heurístico e didáctico polo profesor Javier Gómez-Montero. Proba do que se afirma son as compilacións que recolle SymCity, órgano online de Urbes Europaeae.

O programa do encontro compostelán, ampliado con outras informacións no blog citado, onde se poden consultar así mesmo resumos dos relatorios e currículos dos participantes, resulta verdadeiramente atractivo. Desenvolve unha concepción dinámica, interactiva e moi plural en distintos planos (académico, artístico, temático e metodolóxico en particular), na que os alumnos de Romanística de Kiel son os principais pero non únicos beneficiarios desa intensa etapa itinerante da súa formación filolóxica.

[Un momento do encontro Urbes Europaeae celebrado en París, coa intervención de Evelin Banhard mentres Jüri Talvet escoita, e cartaz da mesma convocatoria, de 2008]

Apelo

16 de Marzo de 2009


A França possuía um serviço público de ensino superior e de pesquisa de qualidade, gozando de independência, de liberdade e de consideração. Em alguns meses, o governo decidiu, brutalmente e sem concertação, destruí-lo e transformá-lo em uma espécie de mercado do conhecimento, da precariedade e do arbitrário.

Os professores-pesquisadores perdem seus estatutos ; seus horários passam a ser segundo « a vontade do freguês ».

Os postos estatuários diminuem de maneira drástica para dar lugar a empregos temporários, aleatórios e dependentes.

Os doutorandos poderão ser licenciados sem motivo nos seis primeiros meses e serão colocados à disposição de empresas sem reconhecimento nem direitos.

A formação dos professores é saqueada.

As Universidades, tornadas « autônomas » (de fato, sobretudo, concorrentes e sob contrôle estatal reforçado) e sem orçamento suficiente, ver-se-ão evidentemente dentro em pouco constrangidas a tornar pago o ensino e a se submeter aos agentes financeiros de suas regiões.

O CNRS é suprimido e transformado em agência de meios distribuídos por tecnocratas.

Os pesquisadores são avaliados segundo critérios « quantitativos » ineptos e inadaptados, rejeitados por todas as sociedades científicas.

Nós, universitários e pesquisadores de todos os países, reconhecemos nisso medidas burocráticas, venais e perigosas, que se tentou e se tenta impor em outros países.

Por essa razão nós somos solidários aos universitários franceses. Se, no país da Enciclopédia, de Voltaire e de Rousseau, da Declaração dos Direitos do Homem, a educação e a pesquisa são reduzidas ao estado de comércio e submetidas à discreção dos poderes, é a liberdade do mundo inteiro que se encontra ameaçada.

[Cartel de chamamento á mobilización contra a política de educación do goberno Sarkozy. O texto tómase textualmente da versión en portugués do Appel international à tous les universitaires do Institut Camille Jordan da Université de Lyon, en cuxa páxina web poden verse algúns dos textos fundamentais que centran debate e resposta social no momento]

Goebbels e Klemperer

20 de Febreiro de 2009


Faise indixesto, duro de veras, escoitar a Esperanza Aguirre recitar o célebre texto de Martin Niemöller atribuído a Brecht (“Cando os nazis viñeron para levarse aos comunistas…“) co propósito que ela o usou onte no Parlamento da Comunidade de Madrid. Esa falta de proporción, esa ausencia absoluta de decoro institucional, esa actitude cínica permanente por ela elevada a imperativo categórico, a bandeira de confusión que se abraza na circunstancia que sexa… A condución da política a sainete, lastre orixinal no ascenso de Aguirrre ao poder en Madrid despois do escándalo Tamayo en 2003, augura o peor para a política estatal caso de consumar esta muller con éxito as operacións todas nas que anda. Preludia unha berlusconización por goteo, implacábel na instauración dunha farsa substitutoria da democracia que podería conducir, de levarse a extremo, a algo non tan desemellante ao que Victor Klemperer estudou en Lingua tertii imperii (LTI) como preparativos da linguaxe pública para a asimilación de todo o desastre moral, social e político que representou o nazismo. Porque é así: primeiro se mobiliza a linguaxe e despois se lanza o control como unha rede mansa. Hoxe segue sendo imprescindíbel reafirmarse nunha resistencia intelixente e eficaz contra a falsificación do real, contra a manipulación das conciencias e da linguaxe, contra a máquina da hexemonía no sentido que a entendeu Gramsci. Dígoo tendo nas mans un fermoso e pequeno libro que me chega de Girona, da amizade de Antoni Martí Monterde, prologuista desta compilación, Assaigs, de Victor Klemperer, en edición da Universitat de València. No máis breve dos tres ensaios que inclúe o libro, titulado “El paper de l’intel·lectual en la societat” (1946), Klemperer escribiu que fronte ao lema de Goebbels “Temos que nos converter nun pobo de fanáticos!” el opuña estoutro: “Temos que nos converter nun pobo de intelectuais!”. Son expresións que farán lembrar aquel momento tenso no paraninfo salmantino entre Unamuno e Millán Astray (1936). Klemperer, comparatista e catedrático de Romanística na Universidade de Dresde, salvou a vida grazas ao bombardeo aéreo desa cidade do leste alemán (algo do que se falou aquí hai uns días a propósito de Vonnegut), cando era case inmediata a súa deportación con destino Auschwitz. É probábel que hoxe se perciba como altisonante esa réplica a Goebbels. En realidade, a idea do romanista xudeu, autor duns Diarios valorados entre os máis importantes contributos en lingua alemá nese xénero de escrita, era que os intelectuais deberan manter en todo momento a liberdade de pensamento e permanecer sempre alertas perante calquera intento de impoñer o instinto e a atención mostrenca ao inmediato sobre un distanciamento reflexivo e ponderado, atento á complexidade da vida e do que entendemos como realidade, irredutíbel a doutrina, irredutíbel tamén a ideoloxía.

[Capa dunha tradución francesa da obra de Klemperer LTI]

Cultura europea

24 de Xaneiro de 2009

Entre as rúas de Donas e Vedoría. Abaixo, Afonso IX, e dobrando logo á dereita, a costa da Amargura. Na memoria infantil, este edificio de estraña planta trapezoidal era o lugar de paso entre as casas dos avós paternos e a casa da bisavoa Cinta, entre as rúas de Santa María e da Amargura, pasando polo lateral da colexiata, pola casa na que nacera Menéndez Pidal e polo pazo de Cornide, noutro tempo os Tomasinos, onde estudara meu pai e onde tempo despois, mediante aquelas doazóns sen volta, pasaban algunha noite estival o tirano e a súa dona, logo de viren dalgunha recepción oficial en María Pita ou dalgunha compra nas afamadas xoierías da rúa Real, San Nicolás e outras. A rúa da Amargura, onde vivía o tío Ismael, sen pernas.

Ser neno na Cidade Vella tivo que marcarnos, visto en perspectiva. Tiña que marcarnos máis do que creo que en realidade nos marcou. A quen condicionou definitivamente aquela cartografía e aquela convivencia diaria coa nova orde saída do 36 foi aos avós paternos, sobre todo a ela, a Carmen, membro da Escola Dramática Galega arredor do ano 20 malia nacer e vivir parte da infancia en Santander. E, claro, a Cinta. Supóñoo, en relación con Cinta, porque é pouco o que sei (nada se falaba). O pobre Víctor, os libros da casa a arder mal, o medo insuperado… aínda cando avanzados os 70 pretendín eu pendurar certas iconas levemente revolucionarias no dormitorio familiar. O escenario urbano tiña unha cor definida, moi definida. Era a cor dos uniformes militares. Aquela tea. Aquel olor. Aqueles retais cos que Concha, a Tata, que traballaba para os talleres da Maestranza de Artillería, facía logo algún coxín. Cómo lembro aquel coxín da bisavoa Dolores sentada na mínima cadeira de espadana relendo mil veces non sei se Dumas! Cómo lembro aquel coxín intemporal, pequeno e pobre, por asociación irremediábel co sotaque seu de Lerma, reencontrado trinta anos despois por min nos fríos da Arlanza. Exacto ao que ela mantivo durante toda a vida malia saír ou fuxir de Burgos antes de acabar o século XIX, pode que sen ter cumprida a maioría de idade, con rumbo norte, ao Cantábrico.

Xogabamos ao fútbol á saída do colexio, demorando un momento a hora de xantar, mentres chegaban as nenas do bairro, escolarizadas lonxe, e pasaba un cabo puntualmente, creo que rozando as dúas, cunha bandeixa que levaba a comida dicíase que a un coronel, para que a probase e se tal a aprobase. Ía dun cuartel a outro cuartel, dando a volta por San Francisco. Porque na Cidade Vella, alén de estar as sedes da Capitanía Xeneral da VIII Rexión Militar e do Goberno Militar había infinitos cuarteis. Visto en perspectiva, a Cidade Vella era un cuartel. Era tamén o espazo da Policía Militar patrullando entre Intendencia, Infantería, a Farmacia Militar, a Hípica, as vivendas de oficiais e suboficiais no Campo da Estrada, onde a avoa Carmen levaba a roupa a clareo… Tamén a Caixa de Recluta, da que podería contar algún episodio de sarxentos e brigadas, tenro, malia todo. E o caso é que un viña doutra vida. Da vida inocente e desregularizada de Monte Alto. As rúas Pinares, Camariñas, o espazo aberto ás Lagoas, Washington, Friol, a canteira da que saíu a pedra para o dique, o cárcere e a Torre. O matadoiro, as penas, as ferranchinas, o secadoiro, a fábrica de gafas, os chamados fabriquíns, a praia de San Amaro e se acaso o Orzán, xa lonxe. Os combates entre rúas, a pedradas; as patacas asadas ás oito do serán no inverno nos campos últimos do que a pretensión municipal rotulara como Avenida de Hércules (con todo, nome claro); o pequeno sangue nos xionllos, o fútbol sempre. Once anos aló, outro planeta. Da pedagóxica violencia infantil, ilimitada case nas prácticas tribais e na okupación de espazos abandonados ou semiabandonados para alí constituírmos repúblicas, acracias menores, á violencia simbólica desde logo desapercibida do pánfilo cabo que a diario levaba o prato co rancho para que o coronel dese o prace. Violencia simbólica porque a rúa, na Cidade Vella de entón, era un espazo deles, unha extensión naturalizada da orde e dos quefaceres militares, un lugar de paso entre dependencias lexítima e indiscutibelmente propias. Pouco que ver para min co mundo idílico do cabo Rusty, alén do Campo de Marte, xa só lembrado daquela, cando non sen solemnidade parabamos de chutar contra o paredón ou o portón alcumado da nao capitana e o orbe se detía a observar, pensando nós en Carpanta e naqueles quentapratos nos que el arreo cismaba, as présas do cabo de artillería a levar o seu vindo da antiga ceca medieval pola travesa de San Francisco, camiño da Maestranza. Finais dos anos 60, comezo dunha adolescencia que entón duraba menos que agora.

Pero eu só pretendía dicir hoxe que a iniciativa do Goberno Zapatero para a constitución dun Centro Internacional de Recursos sobre a Cultura Europea na vella sede do Goberno Militar da Coruña me parece ben. Agora só falta pensar algo sobre que sexa a cultura europea. Se existe como tal cousa hoxe. Hoxe digo, e non en Kant ou en Goethe ou aínda en Byron. Se ten hoxe esa dimensión unitaria que o nome quere instaurar sobre a cousa cun sentido eminentemente político e performativo: de construción identitaria nalgún sentido común, unha vez que a Constitución non foi e semella que non irá por moita trampa oculta que os burócratas de Bruxelas e Estrasburgo habiliten. O ministro Molina deixa ver nos seus libros unha noción de cultura bastante definida. Talvez sexa esa a noción que soña para a rede de centros que aspira a instaurar en todos os países da Unión Europea. Documentar e pensar a cultura europea. Magnífica idea. Ora, e sen ánimo de marcar distancia moral co proxecto, imaxino a faciana do ministro británico, ou mesmo a do maltés, por non falar da do francés cando Molina largue o envite. Non converxo sempre co que di o comparatista romano Armando Gnisci sobre a necesidade de pensar poscolonialmente Europa, saíndomos da razón colonial de supremacía de certos valores locais lidos como universais —eurocentrismo— para entender a historia do mundo a partir do século XVI; tampouco con todo o que postulan os teóricos da condición subalterna. Só demando que un proxecto desta clase, de ir, vaia asentado nunha comprensión ampla e non restrinxida do que é a cultura e do que é Europa.

[Sede do Goberno Militar da Coruña, visto aquí na esquina das rúas de Donas e Vedoría. A fotografía de César Quian publícaa hoxe La Voz de Galicia]

Islandia, dúas FADESAs

20 de Outubro de 2008

Islandia, independente de Dinamarca desde 1944, tres veces máis próxima a Groenlandia que a Noruega, máis preto de Escocia que A Coruña de Barcelona, membro fundador da OCDE e case fundador da OTAN —se ben ausente da Unión Europea e, por suposto, do espazo euro—, até hai pouco e segundo datos do Fondo Monetario Internacional undécimo país do mundo en PIB por habitante (España está no posto 28 e Portugal no 40), sen bases militares estadounidenses no seu territorio desde hai un par de anos, cunha poboación total (310.000) moi similar á censada en Vigo, cunha segunda cidade (Keflavík) cos mesmos habitantes que Betanzos (13.000), cunha extensión equivalente a pouco máis que tres Galizas, cunha inflación do 30% en poucas semanas…, Islandia, dicíase, precisa un préstamo semella que imposíbel de alcanzar e que para recobrar un mínimo de confianza andaría no contorno dos 4 ou 5 mil millóns de euros, aproximadamente o dobre do que Fernando Martín pagou a Manuel Jove por FADESA hai agora un par de anos ou do que o Estado investirá en Galiza durante 2009, aproximadamente a vinteava parte do que o goberno Bush inxectou na aseguradora AIG para salvala do colapso hai menos dun mes, aproximadamente o prezo de 25 CristianoRonaldos segundo o que por el pediu hai nada o Manchester United.

O que chamamos Europa, esa entidade que tantos e tantos fracasos acumula en política exterior común nos últimos vinte anos, parece ignorar o colosal problema social que a crise islandesa supón. Un problema que en certa medida alberga no seu núcleo a posibilidade mesma da volatilización do país (unha porcentaxe elevadísima da poboación en idade laboral pensa xa en emigrar), porque xa non existen bois como os que Gefjon trouxera da terra dos xigantes para arrancar a Gylfi e a Suecia unha porción de terra e asentala mar adentro como a danesa Selund.

O que chamamos Europa contribúe incluso, da man de Gordon Brown e o goberno británico, a afundir máis e máis a cabeza de Islandia baixo as augas frías do Atlántico. As ameazas de confiscación de activos islandeses no Reino Unido, non sempre vinculados ao Estado islandés ou de forma directa a empresas desa nacionalidade implicadas na maquinaria do colapso, como resposta ás perdas ocasionadas pola pésima administración e xestión dos bancos islandeses actuantes en territorio británico é completamente improcedente e, con certeza, ilegal. Entre outros motivos por aplicar disposicións de excepcionalidade na loita antiterrorista a unha situación que nada ten a ver con esas coordenadas nin con ese delirio. Resulta decepcionante a tolerancia da UE con esta clase de prácticas, en si mesmas cargadas dun enorme poder desestabilizador tamén cara a dentro das fronteiras comunitarias e que agochan intereses e apetencias nacionais pode ser que defendíbeis pero agora mesmo innobres, insolidarios e incendiarios.