Ewa WłochArchive for the ‘’ Category

Grafar a nada

3 de Xuño de 2009

tormento

 

Hai quen non o entende. O tormento da escritura, que non hai motivo para pensar que sexa menor cando se trata de grafar o pensamento, a análise, e non obrigadamente iso que alguén denominou hai tempo belezaarte verbal, poesía. […] O corpo a corpo retórico, observabas… Ti, xaora, un pronome bastante persoal. Pero quen anda nisto sabe que esa é só unha parte do asunto. Unha parte que pervive o instante estrito que dura a grafía e o tacto recorda. Concordarei cos vellos cirenaicos que denunciaron a trivialidade da indagación, o suplicio de acudir á escrita, como indicio de malversación de algo —a vida— ou como simple rasto da antiga vaidade humana. Concordo con quen considera que todo remate neste instante (era preciso mencionalo). Falo apenas do oficio de escribir. Neste tempo.

 

5 aforismos de Ewa Włoch

14 de Outubro de 2008

Non hai pano no escenario escuro que precedeu á roedura do sangue:

A mazá póstuma xirará na cruz da saia verde e vén o corvo que fertiliza o aire:

Estanques do pracer dentro que desfigure a boca que non bebe:

Abrir o mar por incendiar o pozo:

O riso acróbata da infancia: centeo lento da Pomerania, maré horizontal, o tacto azul de teu:

[Fotografía de Manuel Vilariño, Natureza morta con cúrcuma, 1999]

Distanasia

9 de Outubro de 2008

 

Tres aforismos de Ewa Włoch (1911-1949), a da morte lenta, en tradución de Katarzyna Modrzewski. Pertencen ao opúsculo Wyrazy, de 1948 [Ilustración: A dor de EW, por Maria Jarema, 1953]:

Sombra húmida da grafía da dor sobre o corpo igual que un tenro cadáver:
Aire na grafía do corpo a caer poldras o xardín do calvario paxaros de Dresden:

Entras a min como litoral de carne expúlsasme sempre de min: