Fátima MendonçaArchive for the ‘’ Category

Lupenáutica

9 de Marzo de 2009

Chámanme para, nesa política ecuménica e de axuste administrativo, ofrecerme a Consellería de Agri & Cultura, Medio Rural, Medio Ambiente, Ensino Medio e Fifty-Fifty. Dígolles que o pensarei, pero que hai persoas máis capacitadas ca min. Sen saírmos do clube de fans, menciono o nome de Lupe Gómez, que mañá por certo presenta ás 20 h. Diario dun bar —o seu primeiro texto para o teatro— na Libraría Pedreira de Compostela. Seica a ela xa llo ofreceran antes ca min. Díxolles non.

Diario dun bar sae en Laiovento, o cal significa que Francisco Pillado aposta por el, por algo que, sen lelo, intúo que poida dar continuidade a esa escritura a-xenérica de Lupe. Hai case cinco anos, en setembro de 2004, comezara eu a escribir un Dicionairo para lupenautas a raíz da presentación na Sargadelos compostelá de Levantar as tetas. A intervención tituláraa Onda o skyline de Fisteus, rótulo que naquela altura pensaba que acabaría dando para un pequeno ensaio. Porén, a vida enrédase nas silveiras de oficinas e batas brancas. Hoxe recupero algo daquilo, só algo do introito e tamén algunha das voces que redactei naquel outono. Outro día, como en fascículos setembrinos, entrego aquí máis voces, se callar:

Por deformación profesional, o natural sería facer hoxe de crítico e proceder á contextualización de Levantar as tetas na produción poética galega actual. Non o vou facer. A cambio, instado en parte polas palabras de Lupe cando me convidou a presentarlle o libro, momento en que falou dun acto festivo e lúdico con intervención do canto e do baile, pensei en preparar un glosario catalogado como interactivo porque está destinado a que se faga entre todos. É evidente que non está rematado, de modo que moitas entradas —case a totalidade— ficaron en branco e deberán agardar pola vosa propia participación en tanto lectores.

O único que convén facer explícito é que este libro representa unha continuación da poética iniciada en Pornografía (1995) e nos outros dous libros de poemas de Lupe, Os teus dedos na miña braga con regra (1999) e Poesía fea (2000). Ela mesma ten manifestado en numerosas ocasións algo irrefutábel: a súa descrenza nos xéneros. Lupe trata coa literatura como se fose unha canteira, talvez non unha canteira de granito ou de lousa, senón máis ben unha canteira como as de caolín nas terras próximas a Fisteus de Lanzá, en Mesía, onde Fraga soterrou a finais do ano 2000 varios centos de vacas tolas. A arxila de Lupe é para as vacas vivas e místicas nas que ela se olla, é para a vida e para as tellas, para retellar o espazo onde aspira a morar como nun continuum vital-textual propicio ao movemento perpetuo e a confusión de discursos, xéneros e seres, tal se fose unha Exeria ou unha Adosinda Gutiérrez do día metida nunha road-movie. Levantar as tetas, xa desde o propio título —impensábel nos anos 80 ou 70, cando ao máximo que se podería ter chegado sería a un “Alzar os seos” ou a un “Soerguer o peito”, este máis próximo ao espírito de ERGA, aquel máis en liña con Corporación Dermoestética e con algunhas poéticas ditas “do erotismo”—, xa desde o propio título, digo, supón unha invitación, un reclamo, que acaso aceptase mesmo conxugación plural, ao xeito dun Levantarmos as tetas, e que para min é claro que pode traducirse como un “izar as velas” en feminista, decididamente na liña do “eu/nós tamén navegar”. Entón este é acaso un libro máis performativo, máis político, máis dirixido ás mulleres atravesadas por unha patria, anuncio —pode ser— doutro libro que está para saír, O útero dos cabalos, con seguridade tamén revulsivo e provocador, nada timorato nin reservón. Se Lupe Gómez estudase en Hogwarts, a carón de Hermione Granger, Ron Weasley e Harry Potter, está claro que non faría maior caso do lema da escola, aquel “Draco dormiens nunquam titillandus” ou “Nunca lle fagas cóchegas ao dragón que dorme”, porque esa de espertar conciencias adormecidas é unha das súas máis sentidas querencias.

[…]

aldea: sinónimo de mundo e antónimo do non-lugar. O futuro “pacto de civilizacións” do que se falou estoutro día na ONU será un pacto entre aldea, nomadismo, exilio e non-lugar ou non será. Na “Autopoética” que abre Levantar as tetas fálase da luz da aldea: “Aquela luz encheume para sempre e sempre sentirei nostalxia daquel mundo”. En qué medida haxa aquí un correlato do vello topos horaciano-luisiano-guevariano do menosprezo de corte e alabanza de aldea non é asunto para hoxe. Pero é obvio que a aldea é Ítaca e placenta sempre, polo que forma parte do réxime verbal de “regresar”. Nunha entrevista que lle fixo Emilio Araúxo, Lupe dixo a maiores: “Eu son dunha aldea, un cosmos de violencia e dignidade”.

alegría: en Lupe, atallo nominal para esquivar Schopenhauer e o apelativo romanceado da futura raíña de España. Para Spinoza, que tamén se escribe con z, a alegría era unha base da razón, da sensualidade e do amor. A alegría de Lupe deconstrúe en grises a ledicia lela e multicolor dos anuncios de compresas e salva-slips.

amor: o amor é o tema principal na poética de Lupe Gómez. Éo a carón da liberdade, pero en realidade amor, liberdade e sexo son nela nomes da mesma cousa. O amor non sempre garda congruencia digamos xeométrica co sexo. Hai territorios comúns e hainos disxuntos. O amor en Lupe ten raíz cosmogónica antes que antropolóxica, erótica ou biolóxica. Conecta co orfismo e ten algún ritual, algúns ritmos. Tamén consoa co sentimento que chamamos piedade. E co fervor. Non é un amor vis-à-vis nin tampouco bis-a-bis ou ter-a-ter nin totum revolutum e tutti quanti. O amor non esixe copresencia nin tampouco corporalidade, aínda que non lle sobre. O amor ten unha dimensión case sacral e panteísta, é carnal pero tamén contemplativo. Bebe dos pitagóricos, da mística cristiá, dos grandes heresiarcas, do zen e do surrealismo. É do momento, do pracer, antes que de longue durée ou, como diría Otero Pedrayo, tamén bergsonianamente, de sereno e grave gozo. O amor en Lupe, de consistir en sexo, maniféstase constante e inconstante á vez. Ten algo de exercitación, de maré. “Amo / moito, / como unha nena / aburrida”, “Gústanme / os homes, / para xogar / con eles, / para enredarme / nos seus corpos”, lese en LAT. Haberá quen diga que este tipo de poemas son algo perigosos, que locen nos suplementos, que soan correyeros e pelín perversos, que garanten un lugar nas Historias abreviadas da literatura pola súa fotoxenia, pero en México existe unha editora institucional que se chama CONACULTA e ninguén se despeitea por iso.

bipolar: ser bipolar ou multipolar é o normal. O hieratismo do heroe grego e da épica western convencen á maioría do contrario. Os psiquiatras saben que o que non ten cura é ser simple.

bo gusto: sobre isto sería mellor lerdes Bourdieu.

braga: o eu que fala nos poemas de Lupe Gómez equipara o acceso ao discurso coa posibilidade de prescindir da braga. A braga é a mordaza. Falar é amar. Pero a braga ten así mesmo outra valencia, de novo comunicativa. Vale como código e déixase interpretar. Nun poema de LAT Lupe di mercar moitas bragas diferentes: plurilingüismo, multiculturalismo.

[Fátima Mendonça, Bem-vindo à cidade da paz, e Lupe Gómez nunha fotografía de Fra Angelico, 1448]