fenomenoloxía da citaArchive for the ‘’ Category

Texto impropio

9 de Outubro de 2008

“Este libro, ao seu xeito, tenta demostrar que non existe propiedade ao usarmos a palabra. Case todas as citas, agás esta, incorporan desvíos significativos con respecto a toda copia” (María do Cebreiro, Cuarto de outono, 2008).

Noutro lugar: “Non hai cita, non hai copia. A boca non. A boca non!”.

Antoloxía consultada 1936

5 de Outubro de 2008

Saúdo emocionado a edición, por parte de Xesús Alonso Montero e Ana Acuña, dos materiais básicos que Xosé Filgueira Valverde xuntou a partir de 1935 para conmemorar o centenario de Rosalía de Castro cunha antoloxía consultada da poesía daquel tempo culturalmente glorioso, o da Segunda República. A riqueza informativa do volume e o propio proxecto de Filgueira, próximo a outros coevos noutras literaturas, demandan a maior atención lectora e constitúen un reclamo para calquera investigador interesado por aquela conxuntura histórico-cultural. O volume, coeditado polo Museo de Pontevedra e a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales supera as 300 páxinas e incorpora respostas e (en case todos os casos) obra de trinta e dous poetas entre Eladio Rodríguez e Xosé María Álvarez Blázquez, pasando por Otero Pedrayo, Antón Zapata, Cunqueiro, Carballo Calero, Celso Emilio e outros nomes fundamentais daquel tempo. Todos de varóns, por certo.

O que haxa de exactitude na noción non sempre clara de “antoloxía consultada” aplicada ao proxecto de Filgueira Valverde ou ao de Fernández del Riego en 1955 é asunto para outro marco. A ausencia de diálogo, frecuente por aquí, entre o que se publica e o xa publicado a propósito do mesmo asunto cerra vías de debate e fai que algúns, só algúns, os menos preclaros, deban rebobinar e rebobinar carretes para complementar o traballo sen dúbida preciso e encomiábel de investigadores ou publicistas. Cousas das academias (reais, republicanas, nacional-populares…), quen o dubida? Por certo, ao fío deste xúbilo, case experimenta un a curiosidade por saber quen viría despois dos 26 poetas da Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000, publicada por TrisTram en 2003, 712 páxinas, e que, obsérvese, incluía tamén ela a produción de Álvaro Cunqueiro.