festaArchive for the ‘’ Category

Enfeite diferencial

31 de Agosto de 2009

 

bernabeu

A día de hoxe un dos lugares e momentos nos que con maior nitidez se concreta en que consiste España desde o punto de vista dos sentimentos primarios paréceme a min que sexa o Estadio Santiago Bernabeu cando o Real Madrid xoga contra os equipos que, en certo imaxinario sólido e amplamente asentado na capital, representan por unha ou outra razón a anti-España. Hai moitos anos que teño a convicción de que ese público é quen mellor interpreta o significado histórico daquelas nacionalidades (tres?) despois baleiradas de diferenza política que os “pais da Constitución” recoñeceron a finais dos anos 70 entre memoria da lexitimidade republicana, os axustes orzamentarios da conxuntura, os sempre complexos encaixes de fueros / huevos con navarros e vascos, o medo á comparecencia militar nalgún entreacto do que non se sabía aínda se ía ser sainete, entremés, traxedia, comedia burguesa ou happening e as ensoñacións neorrománticas de carrete solto alimentadas daquela e aínda hoxe polos cataláns, por unha maioría importante dos cataláns.

Ignoro que pensará sobre o asunto Bautista Álvarez, madridista tan confeso coma discreto (agás subidón incontrolado, seica), pero algo de estimulante hai no momento, triste e non infrecuentemente inxusto en estritos termos futbolísticos, no que o Real Madrid se adianta con algunha carambola raulina no marcador do Bernabeu contra o meu equipo ou contra outros dous moi concretos se falamos da actual nómina de conxuntos da primeira división. Refírome a Deportivo, Barcelona e Athletic Club, claro. Volveu a ocorrer o pasado sábado durante o partido inaugural da liga 2009-2010, Madrid-Dépor. O fenómeno descríbese así: baixo certas circunstancias ambientais de expectativa histórica, tensión hormonal e cálculo infinitesimal, en canto os de branco cobran vantaxe no marcador abrocha en miles de gorxas (pero en moitos miles de gorxas) o cántico que un afastado serán de 1973 percorreu por vez primeira as meninxes ubérrimas de Manolo Escobar & Bros. Si, xusto; ese Y Viva España que todos sabemos de cor tras tanto chute en vea por chiringuitos e festas populares.

Tan reiterado como esta pulsión antropolóxica do estadio de Chamartín (máis vibrante canto máis medo previo pasou o madridismo no partido ou no que agora os necios chaman a previa) é o silencio asociado e case sempre cómplice dos locutores da radio e a televisión públicas (dos privados xa nin falo) encargados da información, o cal conduce a pensar que existan indicacións claras da superioridade sobre a inconveniencia de subliñar ese feito, ese enfeite diferencial co que por pasiva agasalla Madrid, rompeolas machadiano de las Españas, ás “nacións periféricas” do Estado. Porque é claro que o que fan os mexanacamas que pretenden saber de tácticas e que en realidade se limitan a machacarnos con patolóxicos orneos, insensatez cúbica e infantil fachenda expostfactista (do tipo “isto xa o dicía eu no minuto 3 e tal e cal...”) é, no fundamental, interviren como coro da excelencia atribuída aos protagonistas (deportivos, financeiros, mediáticos) de branco. Malia estar afeito un tras tantos anos a esas e a outras regras do xogo non deixa de causar enorme vergonza allea comprobar ano tras ano que nós, os branquiazuis, somos como moito figurantes, ou peor: tenros e dóciles años para a Gran Festa do Sacrificio Merengue. Pero non era dese descaro nin desas feblezas do que hoxe ía falar, certamente.

O que pediría aos meus lectores e lectoras é que colaboren a aclarar que pasa aquí partindo dos seguintes faits accomplis:

1. Ese cántico, o da canción de Escobar, resérvase rigorosamente no Bernabeu para as conxuncións astrais nas que o Madrid se adianta no marcador sobre equipos vascos, galegos ou cataláns (coa excepción do Español). Non se entoa o YVE contra Racing, Sevilla, Getafe ou Valladolid (creo que tampouco tanto contra Osasuna, pero agardarei por carminha-burana-berto-2004información suplementaria). Así, pois, na mellor tradición Hippolyte Taine: raza +  momento + medio + xionllazo do 7 caído no chan = clímax emerxente en forma épico-lírica. Por suposto, estase a falar aquí unicamente do cántico desde as bancadas, pois é certo que o tema de Escobar se pincha por megafonía antes de dar comezo o partido e ás veces tamén no descanso (ignoro se sempre ou se se trata dunha deferencia exclusiva para determinados contrincantes), incluídos neste caso os encontros da selección española. Un inciso: é para este cronista un arcano o regusto do DJ que goberne esas decisións, pois concatena as veces a copla do almeriense con Carl Orff e  con quen faga falta. Aínda que, agora que o penso, pode que o de Orff fose o outro día unha piscadela patriota aos da AVA (Avícola Católica e Azul), sector histórico.

2. O vigor na interpretación de Chamartín gaña en decibelios e bemol duodenal dependendo dunha serie de algoritmos que aínda non son quen de especificar nos que se entremisturan parámetros como a actualidade deportiva, a actualidade política, a situación económica, a posición na táboa clasificatoria, a retentiva renal de cada siareiro, a diferenza conxuntural no marcador (a máis diferenza de goles a favor do Madrid, pero con certo límite, máis gorxas cantando a peza) e o momento estacional.

3. O estro lírico de Escobar aspirou no seu día a integrar en Y Viva España a diferenza rexional con mención explícita (e exclusiva, por certo) de certas marcas identitarias catalás: a sardana e a Costa Brava, nada menos; todo pasado convenientemente polo pasapuré nacional en combinación con estoutros figuremas de neutralización: a Costa do Sol, o fandango, a hidalguía patria e a corrida (de touros).

4. Que clase de historia efectual (Gadamer) conduciu ás masas merengues a esgrimir o himno de Escobar contra a periferia afastándose así do pulo orixinal panhispánico integrador do xenio de El Ejido? Eh? Acaso o feito de non teren alí, na meseta, unha Rianxeira ou cousa similar? Acaso o ritmo inapropiado do chotis? Pero non hai tamén nesa decisión, en medio dela, unha rara contradición consistente en definitiva en recoñecer ao outro como outro nacional? Como diría García-Sabell, cómpre aprofundar.

 

[Arriba, o Bernabeu nun Madrid – Sporting Ciudad. Abaixo, carátula de Berto (2004) en Aduaneiros sem Fronteiras]

 

cEnsura = bOndade ou nube/fraga de tags (poema transcrito do natural)

26 de Xullo de 2009

 

 

fraga-iribarne

 

 

resistencia non máis     a censura pode ser precisa pode ser precisa precisamos máis censura máis censura censura precisamos en certas condicións a censura pode ser necesaria porque en certas condicións a situación     esixe de todos a censura e o premio pois é o pobo e só o pobo e só o pobo quen premia a situación sitúa a normalidade censura en certas circunstancias censura natural o vello di que se deixe traballar          ao amo que non é tal que precisa censura por sentido común a censura pode ser precisa a censura agora como é natural que                     a censura é precisa porque si iso é certo   coas elites e o  resistencialismo non se vai a ningures o resistencialismo resiste resístese e non permite a violencia cordial de vencelo e anular presenza o pobo ordena censura           iso é ás veces é necesaria a censura (practicada por nós) e vós debedes entendelo debedes entender que é precisa a rendición das elites como Castelao o entendeu ao falar da tradición franqueade as portas á censura da Santa Compaña porque é bo para todos e todas para todos a censura é boa para a cordialidade como é natural a censura nosa xa o estades a ver todos é harmónica e natural a censura a censura si por sentido común e el debe traballar como é natural polo pobo si polo   pobo e punto  sen máis incordio de resistencia.

 

 

 

 

 

 

 

 [Manuel Fraga Iribarne fotografado por Benito Ordóñez]

Véxase aquí unha prosificación do anterior. Calíbrese, tras vela, a inmediata influencia da Doutrina Lándoas-Kruschov sobre Cando-se-Debe e Cando-se-Non-Debe Aplaudir un discurso supostamente institucional reconvertido a ataque directo contra un(s) que está(n) no público ou, noutras variantes, a groseira declaración partidista ou mesmo a apoloxía do fascismo. De ser exacto o que relata Xornal de Galicia, só de ser escrupulosamente exacto, ben por Laxe e ben por Touriño. Agasallo para eles (allegro moderato). Deshonra para os felóns (por certo esta palabra encantáballe usala a ese señor a finais dos 80).

  

Cóctel

10 de Maio de 2009

Hai uns días, nunha velada literaria non moi estimulante seguida dun cóctel algo máis animado e desde logo bastante mundano, unha dama achegouse á persoa coa que eu estaba a falar, creo que dos nosos respectivos plans para as vacacións, e sen importarlle en absoluto a miña presenza, naquel momento diría que sen considerala sequera (pero logo se verá que esa percepción era errada), fixo a seguinte proposta á miña interlocutora: “Quero que escribas un blog como se foses eu, poñéndote no meu lugar e relatando con xeito o que eu che irei contando”. O que aquela muller solicitaba á miña amiga era que dese forma ás súas impresións e reflexións diarias, aos seus biorritmos, ás súas experiencias xornada a xornada, e que o fixese na primeira persoa que correspondía non á escritora senón a quen fora, a quen iría sendo, suxeito deses acontecementos. Naturalmente, a miña amiga ficou uns instantes pendente dalgún complemento á proposta, recibida por certo de alguén que non coñecía de nada, de alguén que vía por primeira vez pero que declarou auténtica paixón pola forma de entender o literario que asociaba á traxectoria pública de X, a miña amiga. A dama ofreceu unha cantidade importante por anotación e un plus por mes se o blog chegaba a consolidar unha audiencia relevante, fixada de inicio en 350 hits por día antes de se cumprir o primeiro mes desde a activación. Ía mediar na conversa, quizais simplemente para desculparme e para as deixar falar con algo máis de privacidade, pero a muller, que percibiu o aceno, cortou con sequedade algo excesiva e brusca, sen ollar para min: “Vostede cale e escoite. Preciso unha testemuña do que estamos a acordar”. X aceptou. Ten un contrato en prácticas que non dá para moitas alegrías e aceptou o trato daquela dama de ollos grises que se atribuíu a si mesma talento literario pero que dixo carecer de tempo para a escrita e o mantemento periódico do blog. Imaxino que axiña lerei os primeiros resultados desa colaboración, que polo que oín dicir terá fundamento en conversas telefónicas que ambas van manter a primeira hora da mañá martes, xoves e sábados. Comprometinme a non revelar dato ningún do alí falado (penso que o sucinto relato que acabo de ofrecer non supón quebranto da promesa). Engado que a velada e o cóctel referidos non tiveron lugar aquí.

 [Integrantes da Orquestra Cocktail Latino]

Danubio e asno motivado

12 de Xaneiro de 2009


Claudio Magris chega a Ratisbona, ou Regensburg, e fala do Palmsonntag ou domingo de ramos, celebración moi popular na cidade alemá cando menos no momento no que el publica o seu Danubio, creo que en 1986. Eu estiven alí un ano despois con Wolfgang, o amigo das tarxetas ao que se menciona na anotación anterior a esta, pero noutra altura do ano.

Magris dedica un dos capítulos sobre Ratisbona a falar dos asnos, do maltrato e da humillación non sei se dicir históricos padecidos pola especie. De como nalgunhas celebracións populares do domingo de ramos, e da lembranza do trunfo que supuxo entrar así en Xerusalén, a xente pasa a abusar das condicións da aglomeración e do exceso impune para golpear de xeito máis ou menos brutal ao pobre asno, non me queda claro se tamén na tradición bávara, pero lembro que si na Ilíada, por caso (“o asno preguiceiro”, dise). Na imaxe que ilustra este post é ben curiosa á representación do solípede, asimilado case a cabalo, máis que na morfoloxía xeral na estrutura e proporción de cabeza, corpo e patas.
Lembro que nos anos 70 viaxar no tren de vía estreita entre Ferrol e Xixón significaba basicamente, baixando de Moeche á costa, contemplar un Ortegal e unha Mariña calmos nos que o tótem era o asno solitario e gris e o tabú era a nuclear de Xove (ou sería á inversa?). Magris láiase da sorte cultural do asno en Oriente e Occidente. Lembra o acompañamento heroico que a grei asnal fai de Xesús de Nazareth entre o berce e case a sepultura. Tamén as comparacións entre a resistencia de Aiax contada por Homero e o aguante ilimitado do asno para aturar carga, paos, tortura. Labor, que diría Arendt.
A finalización do capítulo de Magris é, con todo, unha exaltación do curioso priapismo asnal, converxente no seu canto case elexíaco coas máis bulideiras procesións fálicas dos gregos. No asno, por moita erección que sobreveña, manda sempre a gravidade existencial, a melancolía anxélica, unha invencíbel contención na solitude contemplativa que caracteriza o seu xesto e condiciona calquera escenario ao seu redor. Por virmos outravolta aos referentes desta casa, Magris cita Apuleio e tamén Canetti, quen n’As voces de Marrakech falaba da súbita erección dun asno vareado polo amo. Esa vitalidade inexplicábel e pouco verosímil do asno resignado, apadumado, que semella vengar coa aparición quintacolumnista aos dominados todos do mundo, di o mestre triestino (sen tanta hipotipose como a que aquí se fornece). Unha poética outra da resistencia, pois. Non seremos nós quen cuestionemos esa lectura da negritude a caer que sempre pasma, aínda que o desentumecemento ben puidera ser cousa da memoria do tempo ido, acaso menos melancólico e máis marcado pola acción, por regresarmos agora de novo á teoría política de Hannah Arendt.

[Representación da entrada de Xesús en Xerusalén montado nun asno]

Sermos pantasmas do século XX

1 de Outubro de 2008

Hai algo desacougante nesta historia da orquestra París de Oza, algo difícil de entender para quen procede dun século tan distante como o XX, aquel que rematou un 9 de novembro de hai dezanove anos. Talvez sexamos algúns de nós como aquelas pantasmas de tempos idos das que falou Otero Pedrayo para autodescribirse. A París de Oza está obtendo un éxito espectacular na zona das Mariñas. Ao parecer teñen pechados os contratos a moitos meses vista, incluída -seica- toda a tempada estival de 2009. Ningún dos músicos da orquestra PdO é músico en realidade. Sosteñen nas mans guitarras, saxos, trombóns e fan que tocan. Non é que simulen algo pregrabado por eles mesmos nalgún estudo. Estes músicos non saben ren de música. Non saben tocar eses instrumentos que limparon antes na casa con Netol ou algunha réplica recente daqueles pos vellos. Malia tal, a xente adóraos e goza intensamente da verbena. Adóraos sen facer cuestión do simulacro, do engano pactado ao que se someten todos. Abondan os traxes impecábeis, os movementos pautados e sincronizados sobre o escenario, os acenos que arremedan os tics dalgunha estrela, a complicidade da trampa inocente e festiva; festexeira, se se quer. As parellas vedraias e os nenos e nenas debuxan na terra as repichocas de sempre, os vellos boleros e pasodobres dos campos da festa sen cronoloxía. E as preguntas semellan tamén finxidas.