glosaArchive for the ‘’ Category

Pintar a historia

13 de Outubro de 2008

Para Arume

No Museo del Prado inaugúrase pasado mañá día 15 a exposición Rembrandt, pintor de historias, con 35 teas e 5 gravuras que amosarán o oficio do pintor de Leiden para contar a Biblia, e outros relatos vigorosos, só con imaxes, sombras e o portentoso escorzo de vida en movemento que caracteriza un inxenio artístico irrepetíbel. Ignoro se entre os gravados seleccionados por Alejandro Vergara, comisario da exposición madrileña, figurará este de arriba, que glosa con detalle narrativo e descritivo a resistencia dun Xosé portentosamente conmovido perante o furor e a manteiga da muller de Putifar, o capitán da guarda do faraón que o mercara como escravo aos agarenos (Xén. 39). Pero intúo que non estará, pois a cultura oficial propende ao pudor.

Delas, da gravura e da emerxencia erótica, falou en Compostela, hai algo máis de dous anos, Mieke Bal. A profesora e vídeo-artista/documentalista holandesa (atención a Un trabajo limpio, Teté e colegas de PI!), ilustrou a súa charla con referencias non só á Biblia senón tamén a dous lugares máis nos que se menciona a historia (a tórrida historia, que din agora algúns pánfilos): o Corán e a serie Xosé e os seus irmáns, de Thomas Mann. Falárase logo tamén do contrapunto doméstico, un pouco burgués e nada erotizante dese penico de cámara visíbel no hipotálamo, ao pé do cobertor. O caso é que a Biblia en ningún momento recoñece outra cousa máis que a castidade de Xosé, obviando calquera referencia a unha represión dos seus desexos por causa moral ou por temor ao castigo do amo. O Corán, por contra, si menciona as emocións do fermoso fillo de Xacobe: “Ela desexábao e el desexouna” (sura XII). Pero os dous textos sagrados coinciden en recoñecer que Xosé intentou safarse da paixón da dama nun dos encontros de máis acesa voluptuosidade. O Corán fala da camisola desgarrada pola muller de Putifar (nunca recibe nome de seu) mentres que a Biblia alude a un manto: “Entón, ela agarrouno polo manto, dicindo: ‘Déitate comigo!'”. O manto: metonimias, xa se sabe. Rembrandt, cando menos neste caso, fixo algo máis que pintar unha historia. Nalgún sentido emprendeu o comentario, a glosa, a impugnación ou subversión do relato canónico sobre o anxélico Xosé. A gravura en cuestión é de 1634. Vivía aínda Lope de Vega, quen poetizara no seu día agarradas só aparentemente menos firmes ou máis mansas, revestidas no seu caso de cándida zoofilia pastoril.