HeideggerArchive for the ‘’ Category

Darlle a volta

28 de Xullo de 2009

  

 

 

bouffardwhite

Entre nós, os de aquí do NW, a arte dos contrafacta sempre tivo bastante éxito. Lembro en particular un dos cánticos nas manifestacións posteriores ao afundimento do buque Prestige. A xente cantaba cunha música bastante ben sabida, a de Guantanamera, unhas cousas relativas á idade do máximo mandatario da Xunta naquela hora e a non sei que máis sobre a esperanza de vida nesta parte de Occidente. Non lembro ben o retrouso, que era ao único que se limitaba o que en orixe foi unha composición poética de José Martí encol do traballo, da vida, da camaradaxe e da morte. Porque si, hai que recoñecer que o poema de Martí fala dun señor algo lírico (“mi verso es un ciervo herido” e así) que anceia morrer cara ao sol e non sei que máis (pensen que, desde a intervención de Pete Seeger, a Guantanamera se converteu nunha das cancións máis contrafeitas do mundo). Volvendo a 2002, o que o pobo cantaba (o pobo, Feijóo, o pobo; ou sería cousa de pérfidos intelectuais e da elite transgresora e manipuladora?), o que cantaba o pobo, era isto: “Hai que ir correndo, / Manolo, hai que ir correndo!, / hai que ir correeeeeendo, / Manolo, hai que ir correndo!…” (con algo burda sinalefa queir). En fin, algo así, non estou seguro, xa digo que a miña memoria non é a que foi noutra altura.

O procedemento poético é de tanto interese hipertextual que agora o aplican no think tank de San Caetano para devolver aquel favor e fervor das camadas populares. Con efecto, Feijóo vai aos sitios e solta a música tradicional que se solta nos sitios pero con letra nova. Un pouco en plan surreal, e hippy-oulípico, porque de colleita propia San Caetano cola nos contrafacta das albas de groria mitemas peculiares sobre a conversión do Obradoiro nun melting pot, como convidando á peregrinaxe toda a montar alí mesmo a tenda e a reproducirse ipso facto para hibridar de vez o fogar de Breogán e fomentaren eles a natalidade interracial e intercultural. En ocasións, dado que neses sitios (panteóns, catedrais, consellos, iñases, balcóns, banquetes, parlamentos…) a xentiña está adormecida, resulta difícil decatarse de que é o que se dixo exactamente. Nada!, dirán os máis prudentes. Que se vai dicir? Nada! Pero, si, algo se di e algo se fai. Faise o contrafactum que reconverte Alba de Groria en Alba de Gloria e, en definitiva, equipara Castelao con Lago, ás elites co que o think tank sucursalista de San Caetano deu en chamar, e non é problema de imaxinación (élles outra cousa) pobo.

Ocorría algo similar a todo o anterior na interpretación que de cativos faciamos de determinadas letras de cancións que andaban na radio. A min sempre me quedou na cabeza como cantaba eu aquela Bambola de Pattty Pravo ca. 1968. A versión castelá dicía (no meu criterio): “Baratillo soy…” (meus pais dábanme daquela dous reais para pasar o sábado) e non “Para ti yo soy…” (ollo: non pasen a isto se non o consideran estritamente imprescindíbel para a verosemellanza do conto e non están vacinados contra todo; é simplemente unha proba de que algo de razón levaba o neno Lándoas). Tanto me gustou, de sempre, o procedemento da contrafactoría que cheguei a poñelo en práctica sobre textos propios. Sen maior éxito de público, a verdade. Direi só que en certa ocasión me pediron algo para un suplemento literario dun xornal de sona no país e eu remitín uns contrafacta do meu primeiro e francamente esquecíbel libro de poemas, titulado Sombra de unidade. E agora que o digo, permitirán que lembre algo que ocorreu noutro suplemento tamén dun xornal de renome co que eu me meto aquí ás veces (non creo que sexa por resentimento con aquilo, con isto que agora direi). Resulta que nestoutro xornal publicou alguén que aínda anda por alí unha recensión do meu segundo libro de poemas, só algo mellor que o primeiro. O libro tituleino Pedra de Nadir e resulta que alguén tivo a ocorrencia de rotular, seguro que por mandato directo do editor Rey Fernández-Latorre, do seguinte xeito a recensión: “Os poemas de Arturo Casas pasan pola pedra de Nadir”. Aquel día, non hai por que reservalo, pois pasaron xa case quince anos e durante ese tempo ninguén escoitaría unha queixa en voz alta de quen soubo sufrir en silencio, aquel día, digo, algo se moveu no meu interior, creo que entre o duodeno e o colon transverso, non sabería localizar exactamente onde (está nas hemerotecas, é verídico; o titular, digo), algo que me conmoveu por dentro e me fixo repensar durante polos menos quince minutos a pertinencia da escritura poética en tempo tan menesteroso como aquel era, case tanto coma este.

Pero regresemos ao conto. Titulei o xogo contrafáctico para o outro xornal, localizado noutra ría do país, máis meridional, “Montadito lumbar. Pola unidade da sombra”. A persoa á que llo enviei, a quen quero e valoro moito, nunca me dixo nada sobre o particular. Pasaron xa moitos anos e nunca máis me dixo nada. Eu a el tampouco, por suposto (a finais dos 70 fixera un curso en Mariñán de “Hermenéutica do silencio”, impartido por uns señores da Complutense e un poeta reservado pero moi didáctico).

O caso é que insistín na teima, como Feijóo, que cada día nos larga unha amplificatio nova coa carallada do Medulio. Total, que remitín o feito e refeito para unha antoloxía posterior, varios anos posterior, que se ía publicar en Portugal. Que se ía publicar… e non se publicou na fin pois a iniciativa acabou igualmente fanada. Hai xente que le isto e non me deixará mentir. Agora o contrafactum que presento xa remeda en pouca cousa os poemas de orixe. Pero algo hai deles. Reproduzo o poema en homenaxe a min mesmo, á resistencia propia, xa que agora está en desuso. Tamén como manifesto adiado de estima hormonal por Pattty Pravo, o seu xeito de mover as mans no escenario, mesmo en circunstancia tan dura como a de ter diante depredadores da clase do que comparece no segundo vídeo. As italianas con carácter sempre foron para min o único salvábel de Italia, entre o que non sexa restrita natureza morta. Que país! En fin, deixémolo, que xa abonda de onfaloscopia confesional e isto vai acabar onde acaban tantos e tantos blogues que polo mundo hai. O título do poema é “HLU”, que significaba segundo creo lembrar Historia da literatura universal. Consiste nisto (inédito até hoxe, primicia por tanto):

  

 

—E díganos, poeta:

 

 

Bancadas interminábeis nun estadio sen fondo, cru­ces, pértigas e insignias abandonadas no centro do cena­rio, súbito eclipse e silencio das aves que, deso­rientadas, deixan a ría e se acollen na torre?

 

[TODOS: Nación!!!!]

 

Angustia por se sentir encrucillada na adivinación da morte ou na resolución dun capítulo da historia?

 

[ALGÚNS ILUSTRADOS: Télos!!!]

 

Busca do rastro propio nun espello que­brado ao que se furta­ (oh, cruel envite) aquilo que se nomeou “presenza”?

 

[VARIOS: Identidade!! Encontro!!]

 

Céfiro mesto entre a basa inerte e a gándara de estrelas?

 

[UNS POUCOS: Sacrificio! Amor! Corpo!]

 

Asíntota que lambe o carrusel dos signos?

 

[OUTROS, AFÓNICOS: Babel, xogo, perda…]

 

 

 

 

O poema é a política futura

29 de Xuño de 2009

 

oswiecim

20 de abril

As palabras da Literatura só se acomodan co alarido da dor, co alarido do pracer.

A consistencia dun poema non pode ser medida máis que por esa concordancia coa materia.

Articular o alarido, introducilo dentro das palabras, esa explosión. Non poder, aproximarse, facelo.

O poema é a política futura.

A política futura é o real.

O real son os habitantes do poema.

Os habitantes da Literatura son anónimos, un pobo futuro.

 (Chus Pato, “Mentres escribo”, Secesión, 2009)

 

No cadro de Van Gogh nin sequera podemos dicir onde están estes zapatos. Arredor deste par de zapatos de labrego non hai nada que marque pertenza ou correspondencia, hai só un espazo indeterminado. Nin sequera hai adheridos a eles terróns da leira ou do camiño, algo que cando menos puider constituír para nós un indicio do seu uso. Un par de zapatos de labrego e máis nada. E, porén…

Na escura boca do luído interior bocexa a fadiga dos pasos laboriosos. Na ruda gravidez do zapato está representada a tenacidade da lenta marcha a cruzar longos e monótonos sucos da terra labrada, sobre a que zoa un rouco vento. No coiro está todo o que ten de húmido e graxo o chan. Baixo as solas escorrega a soidade do camiño que perdura na tardiña a caer. No zapato vibra a tácita chamada da terra, a súa repousada ofrenda do trigo que madura e o seu enigmático rexeitamento no ermo campo do vougo invernal.

 (Martin Heidegger, Der Ursprung des Kunstwerkes, 1952) 

 

[Zapatos en Auschwitz. Fotografía de Paweł Strykowski]

ps. Ana Romaní fala con Chus Pato sobre o libro Secesión no Diario Cultural da Radio Galega (07 07 2009).

Maside teórico

6 de Abril de 2009
Co fío do texto de onte, saen outros no taller do blogueiro. Entre eles a dimensión teórica de Maside, que analicei en traballos de hai case quince anos e que hoxe sinto algo alleos nalgún punto da argumentación, pero sobre todo na linguaxe crítica aplicada. Vía entón conexións claras entre o movemento renovador da plástica galega de preguerra e a estética fenomenolóxica. As liñas conducían a Ortega, a Heidegger, ou ao Hartmann que se coñecería bastante despois… Mesmo a Adorno nalgún punto. Pensei tamén no interese de Maside por verse e situarse como signo para si propio (como nestas fotos). Algo sobre o que sen dúbida tivo que falar por extenso con Dieste, el mesmo afectado por esa doenza non só posmoderna da autoficción, en especial nun libro como o Félix Muriel. Recupero, traducidos e levemente abreviados, uns parágrafos escritos quizais contra 1995:
Resulta constatábel en Ortega y Gasset e en Rafael Dieste a consi­deración da obra artística como unha opera­ción fenomenolóxica, como instru­mento de visión ou logos herme­néuti­co destinado ao desvelamen­to do ser. No que afecta a Dieste esa reflexión é moi recu­rrente, se ben dous dos lugares en que mellor se manifiesta son “Análisis de una breve nota de Masi­de”, texto non destinado a publicación e utilizado para a preparación dunha conferencia, e a propia conferen­cia aludida, cuxo título foi “La estética pictórica de Carlos Maside (con alusiones a otros pinto­res gallegos coetáneos)”, lida na Galería Sargadelos de Madrid o 23 de maio de 1975.

As glosas de Dieste decla­ran o grao de proxi­mi­dade teórica entre el mesmo e Carlos Maside —o máis raciona­lista dos reno­vadores, o máis metafísico e entregado á meditación sobre o transcendente, segundo o escritor rianxeiro—, vínculo que os conduciu a pensar de forma conxunta no Vigo prerre­publicano todo un sistema de problemas interre­lacio­na­dos relativos á arte.

Para Maside a arte consistía precisamente en realizar o irrealizábel, acto equi­va­lente a un crear da nada, e que, sobre a transposición da serie de elementos sensíbeis do obxecto represen­tado en canto imaxe tería que vir definido pola incorpo­ra­ción das sensacións suprasensíbeis, encargadas en fin de inte­graren á ficción do cadro os funda­mentos do ser, da cousa, e que, concretamente, opera­rían por negatividade ou oposición para amosar na fugacidade e transito­riedade do ser a súa presenza eter­nal, a súa perduración no tempo como tal ser (o repouso expresa ou suxire así o move­mento, a vida fai o propio coa morte, etc.). Exactamente nese punto radicaría para Maside o que denominou o fundamento do aparecer.

Agrego simple­mente que o comen­ta­rio de Dieste matiza algunhas impreci­sións concep­tua­is e nominais do texto de Maside, pero asume os seus criterios sobre a ficción artísti­ca, sobre a verdade e sobre esa dobre visión, tan próxima aos pos­tulados de Nicolai Hartmann (á marxe da chave negati­vista, que á súa vez ha lembrar desenvolvementos debidos a Adorno). Na conferencia, Dieste lamenta, por outra parte, o pouco que deixou escrito Maside, e suxire a posibilidade de que nalgún momento decidise desfa­cerse da súa obra teórica. A teoría estética que reconstrúe ten a súa base, pois, en discusións, comentarios e exames de obra comparti­dos no decenio anterior á Guerra Civil, sobre todo nos anos nos que coinci­diron en Vigo.
[Maside en dúas fotografías das que descoñezo autoría e data]