hermenéuticaArchive for the ‘’ Category

O erro Berg

19 de Agosto de 2009

 

kristina-berg1Kristina Berg equivócase facendo o préstamo que fai para a demolición do que foron as galescolas do goberno anterior. Un préstamo por outra banda innecesario, porque o mundo está cheo de galiñas azuis (a da Universidade de Delaware, por exemplo), non sempre asociadas en termos simbólicos ao mesmo que o conselleiro Jesús Vázquez —ignórase se tras inspirarse en Cirlot ou en Eranos, ou ficando só nunha lectura algo perversa, oportunista e cínica do conto de Carlos Casares— atribúe atropeladamente á pita celeste e desideoloxizada. Así que xa temos icona nova para a rede que Vázquez e Mato rescatan do gulag entre lapsus, coñas e desidia estival, con sol moi torero e rojigualdo sobre a nube azul ao fondo do cartaz (por certo, o sea). Documéntase  todo de modo suficiente nestes vídeos da Axencia Galega de Noticias que rexistrarán para a historia, sen deixar espazo á incredulidade de quen veña tras nós, en que consistiu exactamente en fondo e formas este Goberno Feijóo.

Berg non só cedeu aquilo que non se acaba de ver por que motivo é materia de cesión (a diferenza cromática?, a diferenza articulatoria que xa tratou Platón no Crátilo?); que non se acaba de ver fóra dunhas circunstancias socio-culturais como as nosas, claro. Como as nosas postas do revés, patas arriba, dándolle a volta ao escrito por Casares, algo que a estas alturas é evidente que tonifica a libido de quen manda no país. Moi alén da cesión non lucrativa de dereitos, Berg tomou parte no acto gubernativo e acompañou na mesa aos conselleiros Mato e Vázquez, quen, obviamente, utilizaron esa marca (a marca Casares) dun xeito que poderá cualificarse como se queira pero nunca como desinteresado.

A estratexia é, máis unha vez, perceptíbel e barata. Cáptase lexitimidade galeguista (individual, faniliar, institucional…) mediante acordos non descritos nin publicitados, probabelmente tácitos. Deconstrúese, en paralelo e sen rubor ningún, a cerna estruturante do ideario nacionalista, presentando por exemplo a Castelao, diante da súa tumba!, como un rexionalista estetizante. E así sucesivamente por academias, clubes e consellos.

Berg decidiu libremente incorporarse ao traxecto Feijóo, a esa planificación trazada ao milímetro por estrategas que ninguén debe menosprezar na súa capacitación técnica e que case todos sabemos cara onde dirixen a máquina, malia os erros e os despistes concretos dalgúns subalternos no aparato, como os penosísimos na dicción e na formación do conselleiro Vázquez  na súa intervención de onte (a ver o que di a Conferencia Episcopal cando escoite iso de que o obxectivo da Consellería de Educación do Goberno Feijóo é “formar dende o berce a cidadáns librepensadores”, 43-45″ do vídeo ligado; se iso o di noutro tempo o agora vicesecretario da Mesa do Parlamento veriamos a Martínez Camino con escordadura de larinxe terminal) ou outras veces do propio Feijóo, presunto xefe dun goberno obsesionado con muíños de vento.

Kristina Berg, en fin, faría ben en ler o escrito por Damián Villalaín no último A Nosa Terra baixo o título “Piñeiro, Feixóo e o galeguismo“. Na versión impresa do semanario este artigo ocupou enteira a páxina 6 e viña ilustrado precisamente cunha foto na que Piñeiro escoita unha intervención do propio Carlos Casares (a foto pertence ao Arquivo Familiar Casares-Berg). Déixenme concluír co penúltimo parágrafo de Villalaín. Teño a impresión de que vén ao caso:

Se Núñez Feixóo ten algún respeto por Ramón Piñeiro, e eu non quero dubidar de que isto é así, debería ser máis coidadoso á hora de esgrimir o seu nome con finalidades completamente alleas ás causas ás que Piñeiro dedicou toda a súa menesterosa vida. E calquera que coñeza un pouco a obra do de Láncara, sabe que entre esas causas nunca estivo a desprotección da lingua galega nin o bilingüismo harmónico, ese mítico constructo de pai descoñecido por cuxa definición precisa seguimos agardando moitos galegos.

 

[Kristina Berg nunha fotografía tomada por Xoán Carlos Gil na Fundación Carlos Casares en 2008]

O poema é a política futura

29 de Xuño de 2009

 

oswiecim

20 de abril

As palabras da Literatura só se acomodan co alarido da dor, co alarido do pracer.

A consistencia dun poema non pode ser medida máis que por esa concordancia coa materia.

Articular o alarido, introducilo dentro das palabras, esa explosión. Non poder, aproximarse, facelo.

O poema é a política futura.

A política futura é o real.

O real son os habitantes do poema.

Os habitantes da Literatura son anónimos, un pobo futuro.

 (Chus Pato, “Mentres escribo”, Secesión, 2009)

 

No cadro de Van Gogh nin sequera podemos dicir onde están estes zapatos. Arredor deste par de zapatos de labrego non hai nada que marque pertenza ou correspondencia, hai só un espazo indeterminado. Nin sequera hai adheridos a eles terróns da leira ou do camiño, algo que cando menos puider constituír para nós un indicio do seu uso. Un par de zapatos de labrego e máis nada. E, porén…

Na escura boca do luído interior bocexa a fadiga dos pasos laboriosos. Na ruda gravidez do zapato está representada a tenacidade da lenta marcha a cruzar longos e monótonos sucos da terra labrada, sobre a que zoa un rouco vento. No coiro está todo o que ten de húmido e graxo o chan. Baixo as solas escorrega a soidade do camiño que perdura na tardiña a caer. No zapato vibra a tácita chamada da terra, a súa repousada ofrenda do trigo que madura e o seu enigmático rexeitamento no ermo campo do vougo invernal.

 (Martin Heidegger, Der Ursprung des Kunstwerkes, 1952) 

 

[Zapatos en Auschwitz. Fotografía de Paweł Strykowski]

ps. Ana Romaní fala con Chus Pato sobre o libro Secesión no Diario Cultural da Radio Galega (07 07 2009).

Rotring

4 de Maio de 2009


Hoxe, procurando entre vellas carpetas, atopei unha azul que dicía PROSAS. Nela están algúns contos (primeiros 80), o comezo dunha novela (anos 70), materiais diversos e algúns debuxos que fixen cuns Rotring que merquei a finais dos anos 70 e que aínda teño porque me resulta difícil desfacerme de nada. Aparece mesmo na parte posterior da caixa de cartón tamén conservada isto: “Oferta ‘Promoción Escolar’ Limitada 1.600 Ptas”. Boto contas e decido que iso naquel tempo era unha fortuna importante. Podía equivaler á metade da parte que un estudante universitario paga hoxe por compartir piso con outros compañeiros/as. Divertíame debuxar naquel tempo. Agora ollo para estas dúas cuartillas e véñense á memoria moitos fíos: a mesa naquel terceiro de Santiago de Chile, as protestas contra as axencias inmobiliarias pola carestía dos pisos, as amizades idas… Ollo para os debuxos e sei que pouco diso entra neles. Fago hermenéutica do propio. Intento saber daquela hora, marzo e abril de 1980 polo que está anotado ao pé doutros debuxos da serie. Intento recoñecerme no trazo. Logo atendo o voo nervoso dunha lavandeira no patio. Nunca antes as vira aí. Onte, xantando en Cecebre, falamos das moitas que había na estrada na que xogabamos. Era agosto.

[Restos]

Frío sistémico

5 de Decembro de 2008

[Serán frío de sexta feira outonal. A acción transcorre neste blog. Fálase a distancia e a pantalla divídese como naquela película de Abel Gance. Esquerda e dereita as da lectora a xirar].


María do Cebreiro.— Ola, Arturo. Deume que pensar o post do outro día, o titulado “Desencaixes”.

Lándoas.— Ola, María. Había que retomalo para completarmos ideas soltas.

MdC.— A pregunta inicial era se a literatura ten hoxe a relevancia que a xente chamada da cultura e os sistemas educativos vixentes no mundo lle outorgan. Iso, na escala mundo e na escala local.

L.— E logo facía outras consideracións sobre a historia literaria. En realidade, a intención era apenas falar disto último, da historia literaria, da xa feita e da por facer.

MdC.— Eu formularía outro plano tamén. Importa a literatura demasiado ou en realidade importa demasiado pouco? Amais de desprazar o foco da teoría crítica cara a cuestions coma as que apuntas no post, non sería posible (tamén) rescatar os textos de certos usos?

L.— Concordo.

MdC.— Ou, por formulalo dun xeito se cadra máis romántico, non sería posible (aínda) liberar os textos dos seus usos institucionais por medio dunha renovación do traballo crítico?

L.— Si, si. Creo que algunha vez comentamos o que significa o labor crítico entendido como corpo a corpo político. Iso interésame moito, pero sen que presupoña aceptar posicións como as que xurdiron pola parte de popa en setembro de 2006, naquela xornada da crítica da AELG que tivo lugar no Consello da Cultura, nin tampouco o que poida representar a conexión Nietzsche-Deleuze-Derrida sobre a suplementación, o non-fóra-de-texto e demais. Teño reservas sobre todo isto, e á vez recoñezo que resulta atractivo para min.

MdC.— A cousa é que cada vez me parece máis apremiante facer falar os textos dende lugares de resistencia a esa doxa do “sistema literario”, e poñer a énfase aí, nas novas roupas para os problemas vellos. Volver á lectura como actividade crítica e mesmo política. Preocúpame que, finalmente, a literatura quede unicamente nas mans dos que din “amar a literatura”.

L.— En que sentido?
MdC.— Ese amor pola literatura (do presente e do pasado) debería traducirse en xestos e en olladas críticas, ao meu ver irredutibles ao traballo de edición académica dos textos do pasado ou aos ditados das políticas culturais do presente.

L.— O reto sería cómo pensarmos a contigüidade, a colateralidade entre texto crítico (entendido en tanto texto sobre textos) e texto autónomo (non me agrada nada esta expresión). Repasarei o que souben sobre topoloxía e paradoxos, pero non quero esquecer aos sociólogos. A doxa sistémica xa sabes que a min me resulta útil. O certo é que a súa lectura da crítica en tanto acto resulta rasa. Coherente, pero rasa. Insuficiente por tanto.

MdC.— Preocúpame que o interese por novos obxectos, sendo como é tan necesario, nos faga desertar dun espazo necesitado de pensamento profundo.

L.— Vai moito frío polo Lindemagus?
MdC.— Vai.

[Split screen aínda. Saen xuntos do plano, cada un nunha cidade. Río que desemboca. Non música ou case]

[A fotografía é de black_lava (Flickr, 2007). A cidade é Zúrich]

Marxes de textos

16 de Setembro de 2008

As tarefas poden ser ollar, escoitar e experimentar textos. Maiores ou menores, talvez sobre todo os menores. Facelo acaso en posición-lándoa. Pero non tanto en decúbito, máis ben de pé, como lándoa tridimensional. Onde remata, onde comeza, onde muda o texto e pasa o aire. Semiótica recreativa? Si. Só textos? Non, textos e postextos. E arredores, intertextos ou lándoas ou recintos na esfera inmediata e nos reflexos minerais. Texto como construción? Si. Texto como destrución? Tamén. Por tanto, texto como intervención. E a cuestión do fóra-de-texto? Haino? Depende. Suxeitos do comercio de signos? Claro, e tamén a interacción e o intercambio. E os códigos de circulación. E os xuíces. E o público. En que tonalidade? Na que corresponda, como diría o mandatario. Autoridade? Iso negóciase. Linguaxe? Non técnica. Como de vulgata artúrica? Mmm.