Iacobus Von der SteinArchive for the ‘’ Category

Pacto

20 de Xuño de 2009

corpo-estrado5Hai uns anos o amigo Carlos Quiroga incluíu este poema meu nunha escolma que preparou para a revista Mealibra (nº 13, 2003-2004), publicada en Viana do Castelo polo Centro Cultural do Alto Minho. Fora grata a compaña dos poetas que iamos xuntos. Agora reviso a nómina e entre todos os nomes hai un, o de Luísa Villalta, que reconduce o ánimo a outros espazos. Pensaba, e este é o caso neste post de hoxe, en qué modo a (orto)grafía recoloca a palabra poética e algunhas cousas máis. Pensábao en relación con algún texto que escribín para ocasións festivas ou lúdicas en portugués ou en castelán. Algún día hei recuperalos aquí, talvez. Pero o curioso é que no poema de hai anos, o de Mealibra, do que houbo que lembre agora versión anterior publicada nun encarte, comparecen un par de asuntos sobre os que reclamo a atención lectora se non é moito pedir. Ante todo polo que supoñen de vínculos premonitorios con este sitio chamado, coma min, Lándoas. Ou Ländoas, como por gralla se lle foi nun comentario hoxe mesmo a Von der Stein. Que curioso, volto aos nomes, ese intrusismo xermánico. Non o de Von der Stein, porque el é máis da casa ca min. Digo o dos lander. Ou o lánd-oas, que aquí, en galego, é terra de fóra, terra do límite, inculta. O que estaba a indicar antes de que se entrometese a digresión era que Inone Depretto andaba xa arredor e que, como na identidade desta paxinuca, había tamén polo texto un ser-do-ente. Pero hai máis. Ese texto ten orixe na percepción tantas veces reiterada de que a vida, cando se fai morte, é un rexistro aberto e aleatorio sobre o que circula o tránsito de terceiros logo (os recordos, o que fica, todo aquilo que Valente meteu nun poema que titulou “Criptomemorias”). Alegorizaba cos animais mortos na estrada e cun erotismo algo surreal, de xeada e seme. Os animais atropelados, que van imprimíndose como un texto sobre asfalto a medida que pasan as horas, os días, os camións. Cada un de nós, pasando por riba do cadáver esmagado do can, somos demiúrgos que corrixen o texto na páxina do tempo. As vísceras acaban estradas en quince ou trinta metros de contacto neumático. As nosas mans conducen e deciden. Mentres hai líquido no corpo hai desesperanza, grafía.

  

 

 

  

Pacto com o Fazedor

   

A Inone Depretto, no esgoto de Liubliana

 

1.

A geada deita-se nos cômaros na melhor tradiçom dum ready-made pactado com o Fazedor.

 

*       *       *

*       *       *

*       *       *

*       *       *

*       *       *

*       *       *       *       *       *       *

*       *       *       *       *       *       *       e assi sucessivamente.

 

O escrivám deitava a mirada nos teus olhos, e dormias mentres. Dormes ainda deitado/a nele. Abraça o teu corpo deitado e casa prósulas que inscreve na curva da nádega, irremediavelmente pletórico de afectos. A confusom derrama-se na doçura do ser.

[TODOS: —Quanta angústia e erotismo!]

 

Pingotas agora, ilativas:  ·  ·  ·    ·      ·      ·         ·         ·            ·           ©

 

Corpo deitado, cantai.

[TODOS: —Corpo deitado! A cadela na estrada!!]

 

(Dasein. Fulgor e golpe).

(A publicidade está a chegar) /… / (E chega).

 

 

2.

O anseio: ficardes vazios da escultura vossa. // A morte: infusom na doçura do nada.

ESCRITURA: CANTO: GLOTE, cuida o escrivám.

Esvaziará-se o vosso deus na lomba do seu fracasso? // E tu, amor, erguerás da estrada quando cante?, erguerás do leito? // Que hino vai soar?

 

 

3.

Na latitude das vísceras derramadas: existência, desvairo. Litoral morto*. A confusom das musas no asfalto —km 73—: prósula vermelha que instala o acaso.

Cantai-lho aos que se deitam na inópia do ser doente.

 

[TODOS: —Corpo deitado! A cadela na estrada!! Um ready-made pactado com o Fazedor!!!]

  

 

   _____________________________________________

* G. Trakl: “um litoral morto em silencioso mar” (op. cit.).

  

Terceto atopado nun Citroën

30 de Marzo de 2009

Por conduto malabar, chega a nós unha rectificación dos tres versos de peche para o soneto interruptus do outro día enviados polo ínclito lírico tudense Artemio P. Canorrio, cuxos ancestros por parte de nai chegaron hai cinco xeracións de terras sardas, vía marítima, ignórase exactamente con que propósito. Malia a calidade xeral das achegas recibidas para o que en orixe non era concurso de ideas senón simple astrinxencia palatal do autor do texto —e debe indicarse expresamente, tamén malia o prodixio rupturista métrico-rimante perceptíbel no estro inxel mas invulgar do vate togado Iacopo di Reccatello, alquitara a súa na que destilan, pinga a pinga, verso a verso, uvas petrarquistas de alta escola hispalense con delicados taninos alvariño(sic)-mindonienses—, o xuri, reunido nun taxi Citroën C4 Sedán, atopa de xeito inexplicado un sobre con remite do devandito Sr. Pérez Canorrio alí no chan vehicular, como se conta!, un envelope pisado, desairado e obliterado por clientes anteriores, dirixido a Lándoas & Asociados. Aberta, en consecuencia rauda, tal misiva, e contrastada inter pares a aquilatada contundencia épico-ilírica daquela maxistral execución, non exenta de pulsión profética, de impares hendecasílabos esdrúxulos (impares pola orde, pois en realidade son dous, os esdrúxulos), o xuri, integrado por tres destacadas plumas locais da parte esta das Mariñas dos Condes, en plenitude de faculdades gustativas e sen mediar inxesta ningunha de substancias delicuescentes do xuízo estético nin outra caste de mecanismos compensatorios por débitos cruzados non impropios, todo hai que dicilo, da vida trobadoresco-institucional, o xuri, digo, dicimos!, decide por maioría de tres cuartos (o taxista acabou sumándose e non se considerou dolosa para as musas a súa proposición), decide, dicimos, outorgar o I Premio Completa un soneto e pasa unha fin de semana onde xa tiñas pensado facelo ao texto intitulado “Terceto atopado nun Citroën”, o cal resultou ser obra do eximio vate e profesor reformado de Tui, don Artemio Pérez Canorrio, da xeración dos Fastos Edelweiss. Complétase así, xa que logo, até o catorceno límite natural o soneto de marras, que fica agora para os séculos vindeiros deste xeito que se enuncia e publicita co obxecto de proporcionar coñecemento e lecer a case todos e todas, acaso coa única excepción dos utentes da celebrada colonia Eau d’Été, tan popular na Cidade das Burgas desque a Deputación a introduciu no pack de felicitación das tradicionais festas de Natal, a carón dun bocal de trombón usado e un par de condóns benditos polo bispo coas inopinadas siglas PPPP, trasunto posíbel segundo algunhas obscenas e reviradas mentes da fortaleza viril de non sabemos que militancia baixo que clase de estímulo carrexo-electoral [Dise isto en Betanzos dos Cabaleiros, a tal de tal de tal, asinan… (ilexíbel) tres sabios locais e un taxista que vive na Condesa]:

Demandas, oh Feijóo, o transo breve
do outro que che ocupa o Monte Pío,
e advirtes que non toquen nin un fío
das teas e enxovais que aquilo leve.

Remoo na memoria o mesto prebe
das
últimas funcións do teu plantío
de saldos e mercés que esquece a plebe
agora que
o estipula o vocerío.

“Negoocios son negoocios, meu ruliño”,
apréndenche os mentores ideolóxicos
que saben de enerxía máis que o Miño.

Lanzáronte á carreira, ornitolóxicos,
seis corvos camaradas do Mesquiño.
Os froitos han de ser teratolóxicos!

[Taxi!]

Iacobus Von der Stein recibe en Recatelo un poema (frouxo) de Robert Walser traducido por Lándoas e bagulla conmovido

6 de Xaneiro de 2009

A tradución é en efecto para Iacobus Von der Stein, que quere que o blogueiro cale.
Poeta e noiva
Un poeta díxolle á súa noiva:
“Sabes ben que son un xenio
e que por iso non podo evitar
vivir ao día como un inutle.
Iso é o que fixeron todos
os que se sentiron chamados a algo superior.
Os da miña estirpe non nos resignamos
a sermos dilixentes e traballadores,
iso é algo que deixamos para os burgueses”.
De seguido, a rapaza respondeu:
“Creste por ventura máis ca o resto?
Deberas avergoñarte por seres tan fachendusco.
Se es verdadeiro poeta,
leme o que tes aí escrito.
O conto de Nonnosresignamos
mellor contasllo a outra.
A soberbia e as ousadas frases feitas
non abondan para facer un poeta!”
El amosoulle o último
poema e dixo: “Levoume catro semanas
escribilo”. “Que?”, exclamou ela. “Catro que?”
Leuno, e cando rematou
riuse diante da súa cara e guindou
o poema ao chan:
“Estes versos son horríbeis,
quen os compuxo
que se afaste de contado da miña vista”.
O poeta ficou doído,
pasou a man pola cabeza
e dixo: “Non mo tomes a mal”,
deulle un bico e recolleu
o poema, buscou un bo
oficio e converteuse axiña nun home honrado,
e os dous foron moi felices
e amáronse, tiveron fillos
e non fixeron ren que non fose sensato.

[Robert Walser nunha célebre fotografía tomada en Berlín en 1905. O poema tradúcese da versión castelá incluída no libro de Walser La habitación del poeta. Prosas y poemas inéditos, Madrid, Siruela, 2003]