iconografíaArchive for the ‘’ Category

Furabolos

25 de Agosto de 2009

 

blanco-e-hernandez-competindo-cos-dedinhos

A xente do común non o sabe, pero a unidade temática 3 do célebre De Viris Illustribus in the Age of Media (New Haven, Punctum Press, 2001), do consultor e profesor estadounidense Francis Petraccioni, dedica todo un apartado a un tema fundamental na vida pública e na vida empresarial sometida a foco baixo o epígrafe (traduzo) “Como sinalar co furabolos sen parecer imbécil”.

Toda a nosa clase pública, intúo que a través dunha especie de prontuario alegal fotocopiado (tiven oportunidade de ver eses folios), tirado desa biblia da comunicación aplicada á icónica do poder, accede na semana inmediatamente posterior ao seu nomeamento a unha especie de inmersión neses mesteres: un cursiño acelerado e básico para manter diante do público ou perante a masa de votantes unha presenza e unha auctoritas entre viril e estatuaria fundamentada no uso e disfrute do furabolos (apartado 3.2.1., “Razón áurea e angulística do furabolos: entre a verticalidade e os 15º, cunha amoestación sobre a inconveniencia performativa de ultrapasar esa inclinación”).

O dedo estirado serviu tradicionalmente a pintores e escultores como marca diso, da autoridade do patriarca (e ás pombas urbanitas serviulles asemade para pousar na estatuaria civil de porte dixital e defecar alí tranquilamente sobre o espazo público cando a calva do prócer resulta invisitábel para o seu non moi esixente sentido do aseo público). Petraccioni aduce mesmo razóns psicanalíticas de fondo, e baixa a indagar á fase anal dos políticos USA (isto non é difícil en termos de campo), para explicar o que el chama “furor furabólico”, consistente no abuso do aceno e explicado en termos prácticos co caso do gobernador dun pequeno estado da costa atlántica, quen cada vez que intuía o clic dunha cámara experimentaba unha pulsión dixital irreprimíbel, unha incontinencia eréctil do furabolos (digital priapism) que nunha ocasión tivo consecuencias clínicas (nun mitin preelectoral o gobernador aloumiñaba á súa esposa e cativos para as cámaras e entre a falta de práctica real desa proxémica e a hiperabundancia de clics fotográficos acabou metendo compulsivamente o dedo na órbita esquerda da dona e do fillo maior, até o punto de que aquilo semellaba ao final unha peli gore algo desagradábel) e supuxo a fin da carreira pública do político, agora empregado como guía turístico nunha coñecida empresa da Gran Mazá.

Por aquí, na BHR (Blue-Hen Region), un señor que con probabilidade tivo acceso á versión orixinal do libro de Petraccioni é o director xeral dunha caixa de aforros do norte. Faino relativamente ben o tipo, o de estirar o dediño á menor previsión de punctum, acompañando ese xesto adoito cunha elevación do queixo, entre 20 e 35 graos, que minora o papo e acentúa o corte de pelo entre casual e de tipo-en-idade-provecta-que-lanza-a -mensaxe-de-que-puido-vivir-máis-intensamente-do-que-o-fixo-pero-agora-xa-foi.

Hai outros espécimes rexionais, miñasxoias, que aínda non asimilaron plenamente a doutrina Petraccioni. Entre eles, estes dous mandatarios da foto de arriba, un ministro e un conselleiro de obras públicas. Coa pasta que terán e aínda con fotocopias… Ocorreulles esa mañá, con todo, o peor que lle pode ocorrer a un político cando se atopa con outro de signo contrario (descúlpese a falta de precisión ontolóxica). O caso aparece descrito por Petraccioni nun subapartado da unidade temática 3 (o 3.4.5.2) onde se reclama absoluta precaución co rigor dixital en circunstancia de espectacularización agonística, casco incluído. E non é só que a competencia furabólica de signo contrario propenda á anulación fáustica, que si, senón que a xente arredor pois se distrae e non acompaña debidamente a dramatización dese momento pretensamente histórico e a la postre inane. Pode, en casos como o actual, que por estaren todos preocupados pola fotoxenia do casco. Na foto de AI, por exemplo, os adláteres políticos e técnicos diversos das dúas administracións —con colaboración escénica dos poderes locais— confusos polo cruce dixital e a hibridación de auctoritas (nin os galóns distintivos no casco de Blanco, nin a severidade relativa do rictus entre ministerial e chacineiro, nin a superior verticalidade do dedo de seu abondan para desequilibrar a partida), acaban ollando, indebidamente, un panel ministerial do horizonte inmediato que indica o mes e o ano da finalización desas obras do AVE que case todo o mundo chama accesos a Galiza cando é obvio que o que son é accesos á meseta e a Madrid. Por iso sorrín os polos arredor, contribuíndo sen querer, ou querendo, á ridiculización de ambos xefes. Pois nada hai máis patético nesta vida que estender o dedo ou outras partes do corpo do varón ilustre e que ninguén preste atención a esa desmesura iluminada.

 

[O ministro Blanco e o conselleiro Hernández en pugna dixital. Foto de AI en El País, 22 de agosto de 2009]

 

O rito mecánico do Paxaro Pí

15 de Marzo de 2009

Hai menos dun ano que a Fundación Granell presentou a exposición comisariada por Eugenio Castro O Paxaro Pí e a lingua dos paxaros. Son consciente da relación difícil de Granell co discurso prevalente na cultura de noso. Son consciente da complexidade de procurar alternativas a ese problema, que existe e vén de vello. Internacionalismo e nacionalismo, malia todo o que se diga, só conxugan ben cando a razón é libre de lastre. E o curioso é que aí está o horizonte. O único horizonte que temos. De modo que é difícil, xa digo. Logo están as biografías, por suposto. Granell marcha a Madrid para estudar música con só 16 anos cumpridos. Logo vai e vén, naturalmente. Non xustifico nada. Quen son eu? Limítome a apuntar que falei diso con Granell.
Coñecino nos anos 90 en Pontevedra. Rimos moito. Estaba tamén Filgueira Valverde aquel día. Un foi descubrindo que hai vidas e vidas. Nas nosas, en xeral, hai filfa, trienios e moita tutela. Nas deles, en xeral, falo dos antifascistas, houbo capítulos, outra liberdade, valor. Un deses capítulos, por ilustrar, lido nos seus biógrafos e algo máis. Escribo de memoria, sen determe, e podo confundir datos. En 1934, mobilizado no exército que reprime a revolución de Asturias, Granell (22 anos, militante de Izquierda Comunista, un dos partidos que no verán de 1935 converxería no Partido Obrero de Unificación Marxista) recibe ordes de incorporarse a un pelotón de fusilamento. Négase a fusilar obreiros, mineiros. Consello de guerra e condena a morte para el, como era plenamente previsíbel e el propio ben sabía. Vano fusilar, é inminente o momento, pero ignoro se por casualidade a sentencia chega a oídos do xeneral Rogelio Caridad Pita, viciño seu nas proximidades da Praza de Pontevedra coruñesa cando a familia Fernández Granell moraba alí, antes de se trasladar a Compostela. Iso sálvao. A Caridad Pita fusilaríano os fascistas o 9 de novembro de 1936 no castelo de San Filipe, en Ferrol.
Hai un ano, traducín un texto de Granell de comezos dos anos 50, un texto para min extraordinario do vello trotskista (un foi trotskista de belvedere no vasto período 1977-1979, sáibase se se quer). Traducir é un exercicio complexo, un corpo a corpo do que persoalmente podo dicir que nunca saio satisfeito. Quizais un dos días máis felices desas prácticas foi aquel no que me puxen coa prosa poética de Granell El rito mecánico del Pájaro Pí. Está editada como encarte trilingüe (castelán, galego, inglés) no catálogo da exposición (Fundación Eugenio Granell, 2008). Eis a parte final desa prosa en tradución ao galego:

A negrura selvática é propicia á proba suprema. O rito celébrase ás escuras. Nel nunca intervén o Gran Sacerdote. O Gran Sacerdote non é senón a aparencia que serve para agochar unha áspera verdade: A verdade consiste en que os dous pequenos sacerdotes xémeos, axudantes seus, son os posuidores da chave ritual.

No abrente, pasada a gran proba, só permanece un dos dous pequenos sacerdotes. O outro xace exsangüe, se ben aínda palpitante, no porto de laranxas de Valencia. Unha lene lapiña escintílalle no cello. É a marca que aviva o seu enxeño folclorista.

Neste punto xusto procede efectuarse a decapitación póstuma do corpo fornecido. Se xa decapitado, o corpo provisto ausentarase veloz. Entre árbores, flores, insectos e follas medra e ensancha entón unha branca poeirada. Paseniñamente, elevarase o ofidio que cerca nove veces a pirámide sen endexamais a tocar.

A proba suprema, celebrada á noite, careceu de cocuis: por tanto, de luz. Isto quere dicir que ocorreu na data seguinte a unha erupción volcánica, á vista dos cómputos.

Velaquí como foi o acontecido en plena paréntese nocturna: O sacerdote axudante fornicou coa sacerdotisa axudante, que sempre fora presentada e tratada como sendo outro sacerdote macho secundario. A proba suprema, cabería dicilo, realízase ás cegas. Aspirando, con obxecto de propiciar o dobre encontro. Apalpando, para trocar amor en sacrificio. Despois do coito, o sacerdote arrinca o sexo á sacerdotisa, servíndose para isto de finísima folla de obsidiana. Vibra e fosforece. É un cocui, o único na inmensidade interminábel do escuro. Servíndose agora dunha fina culleriña de xade érgueo até os seus labios, untados previamente co óleo de polpa de aguacate. Xa se pode interpretar o porvir. ¡Albízaras, albízaras! Así o sacrificio convértese en aloumiño.

Namentres, no frío silencio que nace da noite, o Paxaro Pi manipula o resorte vexetal que funde ao diurno o nocturno; a máquina que serve para atizar ciclóns e grazas á cal mesmo se pode, de así querelo, borrar a memoria.

Todo se renova. Todo continúa. Todo se repite. Todo segue igual. O ciclón é ciclón, o volcán terremoto, a selva é o río, o río é o volcán, o día é o ciclón, a noite xa non é máis noite ou si o é aínda. Ao manexar a máquina de seu, o Paxaro Pi extasíase. Fica envolto nun turbillón de miraxes que xuntan nos aires as cúpulas urbanas de Coria, Burgos, Guanaxuato, Soria, Manila, Charleston, Valparaíso, Lima, Bogotá e Xerez da Fronteira baleiro de dentistas e ciganos.

Reina a máis estrita orde lóxica.

Unha vez fecundado o Paxaro Pi, que é paxaro-nube, que é paxaro-chuva, que é paxaro-pedra, que é paxaro-puma, que é paxaro-espello, a súa varonil palmeira capital rega as terras. A maquinaria de follas, raíces, aves e luces non fai máis que engulipar luscofuscos e auroras.

Se bate as ás, o Paxaro Pi abanea o volcán.

[Eugenio F. Granell, Pájaro Pí, 1954]

Iconografía electoral

7 de Febreiro de 2009

Chamoume a atención o feito compartido polos tres candidatos a presidir o Goberno: ningún deles olla á espectadora, ao votante, nestes primeiros carteis da precampaña. Nesa iconografía prostética ou prostática (Hal Foster?), que herdamos da modernidade e que aspira á concreción dun home novo, é sempre interesante agardar polos modos nos que a maquinaria electoral decide a primeira fórmula de contacto antes de solicitar directamente o voto, algo delimitado segundo a lei aos días da campaña. Entón, observo.

Feijóo opta por un contacto co público novo, dinámico, urbano. Contempla algo, nun plano inferior ao dos ollos, entre abstraído e concentrado, pode que algo atribulado, ao jamesdean , pero ao tempo sport, seguro, con causa. Talvez olla o programa das oposicións á xudicatura, un estado de contas vido do Caribe ou o bíceps femoral. Non dou atopado o cartel para poñelo aquí, pero vostedes sabén do que falo.


Quintana sorrí contido e semella ensoñar un paradiso new deal de terceiras idades desprexuizadas en adosados luminosos co híper preto mentres atura con dignidade igualmente escandinava unha otite na parte esquerda, xa caendo á moa superior do xuízo, e lembra aínda o cocido do martes na Paradanta. Hai ausencia de verdadeira concentración nese escoitar / mirar seu, acaso pexado un chisco pola cruz institucional sobre o ombreiro dereito ou pola dixestión demorada de xenos e costela.

Touriño emerxe ex machina sobre fondo negro e considera riscos globais ollando a esquerda e dereita da espectadora, ora ledo (malia sen saber por que) ora grave pero espilido. Vémolo poste si poste non nas estradas todas do país, marcando territorio e tuneladoras. Pondera entremedias, entre poste e poste telefónico, cánto se pasou a xefatura de campaña co xogo case anarcoide (ou non, obámico!, iso, obámico!) de negros e vermellos sobre os que aluca el en indisimulado pero tenue contrapicado, o presidente que nos une a todos/as, pero en particular aos maiores de 50, pois para eles e elas, para nós, vai este primeiro tiro seu, que os novos nin perciben.

[A fotografía de Hans Bellmer supoño que sexa de mediados dos anos 30. As outras son de setenta anos despois]