ideoloxíaArchive for the ‘’ Category

O erro Berg

19 de Agosto de 2009

 

kristina-berg1Kristina Berg equivócase facendo o préstamo que fai para a demolición do que foron as galescolas do goberno anterior. Un préstamo por outra banda innecesario, porque o mundo está cheo de galiñas azuis (a da Universidade de Delaware, por exemplo), non sempre asociadas en termos simbólicos ao mesmo que o conselleiro Jesús Vázquez —ignórase se tras inspirarse en Cirlot ou en Eranos, ou ficando só nunha lectura algo perversa, oportunista e cínica do conto de Carlos Casares— atribúe atropeladamente á pita celeste e desideoloxizada. Así que xa temos icona nova para a rede que Vázquez e Mato rescatan do gulag entre lapsus, coñas e desidia estival, con sol moi torero e rojigualdo sobre a nube azul ao fondo do cartaz (por certo, o sea). Documéntase  todo de modo suficiente nestes vídeos da Axencia Galega de Noticias que rexistrarán para a historia, sen deixar espazo á incredulidade de quen veña tras nós, en que consistiu exactamente en fondo e formas este Goberno Feijóo.

Berg non só cedeu aquilo que non se acaba de ver por que motivo é materia de cesión (a diferenza cromática?, a diferenza articulatoria que xa tratou Platón no Crátilo?); que non se acaba de ver fóra dunhas circunstancias socio-culturais como as nosas, claro. Como as nosas postas do revés, patas arriba, dándolle a volta ao escrito por Casares, algo que a estas alturas é evidente que tonifica a libido de quen manda no país. Moi alén da cesión non lucrativa de dereitos, Berg tomou parte no acto gubernativo e acompañou na mesa aos conselleiros Mato e Vázquez, quen, obviamente, utilizaron esa marca (a marca Casares) dun xeito que poderá cualificarse como se queira pero nunca como desinteresado.

A estratexia é, máis unha vez, perceptíbel e barata. Cáptase lexitimidade galeguista (individual, faniliar, institucional…) mediante acordos non descritos nin publicitados, probabelmente tácitos. Deconstrúese, en paralelo e sen rubor ningún, a cerna estruturante do ideario nacionalista, presentando por exemplo a Castelao, diante da súa tumba!, como un rexionalista estetizante. E así sucesivamente por academias, clubes e consellos.

Berg decidiu libremente incorporarse ao traxecto Feijóo, a esa planificación trazada ao milímetro por estrategas que ninguén debe menosprezar na súa capacitación técnica e que case todos sabemos cara onde dirixen a máquina, malia os erros e os despistes concretos dalgúns subalternos no aparato, como os penosísimos na dicción e na formación do conselleiro Vázquez  na súa intervención de onte (a ver o que di a Conferencia Episcopal cando escoite iso de que o obxectivo da Consellería de Educación do Goberno Feijóo é “formar dende o berce a cidadáns librepensadores”, 43-45″ do vídeo ligado; se iso o di noutro tempo o agora vicesecretario da Mesa do Parlamento veriamos a Martínez Camino con escordadura de larinxe terminal) ou outras veces do propio Feijóo, presunto xefe dun goberno obsesionado con muíños de vento.

Kristina Berg, en fin, faría ben en ler o escrito por Damián Villalaín no último A Nosa Terra baixo o título “Piñeiro, Feixóo e o galeguismo“. Na versión impresa do semanario este artigo ocupou enteira a páxina 6 e viña ilustrado precisamente cunha foto na que Piñeiro escoita unha intervención do propio Carlos Casares (a foto pertence ao Arquivo Familiar Casares-Berg). Déixenme concluír co penúltimo parágrafo de Villalaín. Teño a impresión de que vén ao caso:

Se Núñez Feixóo ten algún respeto por Ramón Piñeiro, e eu non quero dubidar de que isto é así, debería ser máis coidadoso á hora de esgrimir o seu nome con finalidades completamente alleas ás causas ás que Piñeiro dedicou toda a súa menesterosa vida. E calquera que coñeza un pouco a obra do de Láncara, sabe que entre esas causas nunca estivo a desprotección da lingua galega nin o bilingüismo harmónico, ese mítico constructo de pai descoñecido por cuxa definición precisa seguimos agardando moitos galegos.

 

[Kristina Berg nunha fotografía tomada por Xoán Carlos Gil na Fundación Carlos Casares en 2008]

Restar para eliminar

10 de Xuño de 2009

linguassuman1

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística está a facer algo positivo e estimo que, na medida da súa capacidade, eficaz en relación coa consulta programada pola Consellería de Educación a propósito do uso das linguas no ensino: decidir constituírse en interlocutora e falarlle ás nais e aos pais chamados a participar na enquisa. Faino deixando tan clara a súa opción como a perspectiva aplicada na argumentación, que é técnica e profesional, non ideolóxica. A Coordinadora vai repartir un tríptico: as linguas suman. Fai o que debe facer.

Hai, porén, entidades, institucións e administracións que non están facendo o que deben. É probábel que nalgúns casos isto sexa así por prudencia orzamentario-contábel; noutros porque se espera ao resultado da consulta para falaren elas despois. Da primeira motivación nin paga a pena falar (refírome aos fitos de Láncara e demais retablos das marabillas). A segunda constitúe desde o meu punto de vista un craso erro de cálculo. Ou, o que é peor, algo que aspira a ocultar a inexistencia de criterio ou que alimenta con luz e taquígrafos unha cesión irresponsábel ao derrotismo histórico. Poderiamos falar, en fin, do feito de que quizais noutro país con algún sentido da dignidade civil algunhas institucións farían, talvez, un chamamento formal ao boicot, unha declaración a prol da abstención, se non directamente unha convocatoria pola resistencia nalgunha vertente eficaz (esta palabra, asúmase de vez, é capital, resulta  irrenunciábel no programa político de quen teña e queira ter conciencia democrática e conciencia nacional), nalgunha vertente que podería implicar mesmo algo semellante a unha sabotaxe cívica e pacífica do protocolo Feijóo-Vázquez para eliminar o galego da vida pública. E, por seguir pensando na dignidade, quizais noutro país esas institucións ás que apelo decidisen coordinarse, falar quizais non solemnemente pero si dignamente cun único discurso, breve, directo, claro. Unha voz institucional contra o abuso, unha voz polos dereitos fundamentais, unha voz pola nación, que naturalmente se sumaría a outras voces e a outros discursos provenientes doutras coordenadas do espazo público.

Existen, con todo, outros posíbeis niveis de intervención que suporían mesmo unha vía para a paralización externa (vouno dicir así sabendo que o uso é impropio) dunha consulta anómala e alegal por varias razóns. Unha, algo máis que técnica, é que se vai converter á parella de proxenitores en emisor único de opción e decisión —de voto, dixo o conselleiro Vázquez nun lapsus que nin se parou a matizar—, o cal contravén o sentido profundo da democracia e presupón unha unanimidade que non por probábel converte en lixeiro o asunto. Outra, tamén algo máis que técnica e coa que é probábel que estea encantada a parte Opus do actual goberno, consiste en que dado que o alumno/a é o elemento de engarce “democrático” da decisión, parece que os pais e nais con varios fillos acabarán emitindo opinión (voto) por cada un deles, así que o meu voto, por exemplo, podería valer a cuarta parte que o do meu viciño do 2º F se este tiver catro fillos en idade escolar e eu só un. Ninguén aclara isto. Ninguén aclara nada. E o caso é que do que de aí resulte sairá a base retórica para o preámbulo do decreto alternativo que a nova administración, por moito que o negue, ten precociñado e articulado, ignoro se en forno Opus, en forno FAES ou en forno Génova (tripartito?, pentapartito?, hai avances nese terreo da unidade do goberno?, seguro?).

Non hai tanto tempo, un entendera non-sei-que-exactamente a propósito do referendo que ía activar o goberno Ibarretxe. Son niveis diferentes incluso na óptica dos autodenominados partidos constitucionalistas, é certo. Pero a argumentación xurídica de fondo con aplicación ao referendo vasco non só debería ser igualmente aplicábel á consulta Vázquez-Lorenzo senón que ademais tería que ser corrixida e aumentada para a ocasión. A ausencia de autoridade para levar a cabo unha consulta desa clase (que con medias palabras se presenta como vinculante, como se tal cousa couber), súmase unha palmaria e case diría  ostentosa ausencia de garantías, con diversos mediadores e transportadores da enquisa no periplo Consellería-Nais e Pais-Consellería. Existen con certeza máis garantías en procesos de elección de cargos ou representantes para asuntos triviais na vida comunitaria, ou aínda nunha conxuntural participación como espectadores-votantes de TV para determinar algunha nimiedade. E hai algo máis, que non concorría no caso vasco. Será chamada a opinar sobre este asunto, capital para a cidadanía toda e para o futuro do país, só unha parte da poboación galega, unha parte bastante reducida, aínda que iso non é agora a cerna do asunto, porque o que importa é xustamente iso, que é unha parte: a configurada polos cidadáns que teñen fillas ou fillos escolarizados.

O Delegado do goberno central declarou algo hoxe aos medios. Pero aquí non é unha declaración política o que corresponde. Un inciso: entre outras razóns coadxuvantes, o PP activou o seu plan de destrución da convivencia social e cultural porque nin o PSOE nin o PSdeG emitiron previamente sinais suficientes de advertencia para que non o fixese. En fin, o goberno Rodríguez Zapatero está na obriga de defender os dereitos constitucionais de galegos e galegas. O Ministro do Interior, en particular, tamén. Rubalcaba debería lembrar aquilo de que “No hay que ser un genio del Derecho para conocer las tachas de inconstitucionalidad”. Debería lembrar esa frase esgrimida contra o referendo paralizado no País Vasco e tamén que existe, que segue a existir, o Tribunal Constitucional. Debería lembrar que as leis, os Estatutos de autonomía, as Constitucións e todo iso están para cumprirse.

Son moitas as razóns sociais, políticas e tamén xurídicas para deter unha consulta que vai supoñer unha quebra de enorme envergadura no país e que está destinada con absoluta claridade a que un dos poucos elementos que garanten un principio de igualdade de dereitos fundamentais sexa conculcado con aparencia democrática. O Conselleiro de Educación e o Presidente Feijóo, que interveñen como se a maioría do seu grupo parlamentario fose similar á que perfilan as cifras do concello ourensán de Avión nas recentes eleccións europeas (sobre un 90% de votos para o PP), esquecen que e só un o escano que lles outorga a lexitimidade para gobernar o país. Pero non é esa a cuestión principal que hoxe é preciso tratar aquí. O relevante é que o operativo Feijóo-Vázquez-Lorenzo, o operativo PP, está destinado a preservar o feito de que unha parte da poboación galega desenvolva a súa actividade cidadá e a totalidade da súa participacións na vida social e cultural absolutamente á marxe dunha das dúas linguas oficiais do país. Iso é algo que hoxe xa se pode facer coa única reserva (sobre o papel, non na realidade) da esfera do ensino. Á inversa é obvio que resulta imposíbel.

E por seguir indagando nas inversións, pregunto: que ocorrería se un goberno afín a outro nacionalismo (non ao español) impulsase unha consulta como a que a finais desta semana se vai activar en Galiza? Que pasaría se un goberno, por exemplo monocolor do BNG ou de CiU, empregase esas mesmas preguntas con intercambio dos lugares de aparición das dúas linguas oficiais do país en cuestión, Galiza ou Cataluña? Interviría nese caso o Ministerio do Interior? Non pregunto polo que dirían os xornais de Madrid, de Valencia ou de Ferrol; tampouco polas declaracións na COPE ou noutras emisoras de radio e televisión. Pregunto polo que faría Interior, polo que faría a fiscalía, polo que faría o Constitucional.

 

ps. Véxase AQUÍ o documento asinado o día 10 de xuño por doce sindicatos e organizacións do ámbito do ensino contra a consulta da Consellería de Educación, a ausencia de garantías e a manipulación tendenciosa vehiculada nas preguntas do inquérito. Asinan o documento: CIG · CCOO · CSI-CSIF · FETE-UGT · STEG · CAE · ASPG · Nova Escola Galega · Asociación de Directores e Directivos de IES de Galicia · Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra · Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística · A Mesa pola Normalización Lingüística. Préstese especial atención ás recomendacións sobre as implicacións das respostas  posíbeis (10 06 2009).

 

A democracia e a intervención do poder

21 de Maio de 2009

 No número 143 da revista Tempos Novos (abril 2009, pp. 30-35) apareceu unha entrevista que me fixo Belén Puñal e que ilustraron as fotografías de Tamara de la Fuente. O marco foi o dosier que a revista titulou “1-M. Estratexias políticas e mediáticas”. Agora a entrevista publícase tamén en formato dixital (TemposDixital).

tourino-e-rey-bn1A conversa foi longa e pausada. Arredor dunha hora. Talvez algúns aspectos tiven ocasión de analizalos e desenvolvelos un pouco máis polo miúdo do que aparece no texto da entrevista, pero no básico iso que se recolle é o que dixen e é tamén o que penso. O meu criterio non variou en ningún dos aspectos tratados, aínda que é certo que desde o 27 de marzo, día no que mantivemos o encontro, foron numerosas as incidencias rexistradas na política galega e no seo dos tres partidos representados no Parlamento. Como tamén na esfera estatal, coa crise de goberno que supuxo, entre outros asuntos sen tanta confluencia co tratado na entrevista, o acceso de José Blanco ao Ministerio de Fomento.

Reproduzo de seguido o texto tomado de TemposDixital:

Que significado ten para vostede o 1-M?

Aínda non hai consciencia do que significa isto. No que se refire ao proxecto nacional, o feito de que o estatuto quede aparcado ou pase a ser unha cuestión secundaria na axenda paréceme dunha gravidade extrema. Coido que os medios, especialmente os máis implicados co mundo económico, financeiro, industrial, eólico,… aprenderon moitísimo desta experiencia. Fixeron un cursiño moi acelerado, e para eles moi produtivo, sobre como manexar a opinión pública. E a opinión pública galega é moi manexábel por feblezas emocionais.

Estas eleccións situáronnos ante un mapa do voto inédito no país. Se falamos de Galicia como realidade, en que estadio coida que estamos?

É un momento moi determinado pola situación económica internacional, de expectativa, de indefinición industrial, cunha cantidade de postos de traballo no aire extraordinaria. No terreo político, Galicia unha vez máis opta pola subsidiariedade, pola subordinación. Polo que Fraga chamaría “facerlle un servizo a España”. Por non ter axenda propia. E iso é nefasto.

Aínda non está Galicia madura para un proxecto propio?

Non me convence esa expresión. A cuestión non é esa, senón de liberdades. Admitimos e fomentamos unha hipoteca das liberdades públicas, e o Goberno bipartito non fixo nada para cambiar a situación. Estamos permanentemente condicionados a que opinen por nós os medios e as empresas, a que non exista unha boa articulación da opinión pública, a que non haxa debate público, a que se criminalicen determinadas posicións políticas. Blanco Valdés está permanentemente identificando independentismo e terrorismo, e paréceme inadmisíbel. O bipartito fixo bastante ben a xestión, pero a min non me chegou un discurso político no sentido nobre que ten a política de construír realidades e discurso. Descreo de que iso se deba a unha falta de conexión entre dúas sensibilidades políticas. Están afastados nos discursos públicos, pero non tanto no resto de cuestións, e nese sentido falta política.

E se falamos de Galicia como proxecto, cara a onde debemos ir?

Hai unha palabra básica, que define os momentos fundamentais da historia de Galicia. É “dignidade”. Nas eleccións, houbo unha renuncia clara á dignidade, no sentido de saber dar resposta aos infundios, á irrupción do poder con maiúsculas, de deixarse enganar por cantos de sereas de ínfimo nivel. Da mesma maneira que o Prestige serviu para reactivar as vitaminas de moita xente, agora hai un movemento en marcha coma reacción á manipulación política que debería tamén render resultados, non só electorais, senón tamén sociais e culturais. Galicia ten que recuperar a dignidade cultural e política, e iso só se fai falando en pé de igualdade co poder.

Cales son as dificultades, internas e externas, para un proxecto baseado na liberdade e na dignidade?

Autoconvencernos da nosa identidade nacional e establecer cal sería o noso papel no escenario histórico que se abre para o Estado español. Se goberna o partido que goberna, a nosa aproximación tenderá a ser ao modelo Murcia. Se gobernan as alternativas, e se nos convencemos de que a única alternativa ao goberno pasa por un bo entendemento e unha boa xestión da colaboración a partir dos concellos e deputacións e do que se teña, a partir de aí eu creo que haberá que decidir entre o modelo Murcia e o modelo Cataluña.

Por que o discurso de Galicia Bilingüe arramplou con todo o que se consideraba politicamente correcto dende hai vinte anos?

Por unha banda, ter dotado a Galicia Bilingüe dun estatuto de interlocución no debate público retroalimentou as súas forzas, e iso é algo ao que todos contribuímos nalgunha medida. E por outra, teño a impresión de que Galicia Bilingüe talvez non tiña unha programación tan exacta do que ía acontecer no futuro, canto aos seus propios contactos e pactos, como o que finalmente o propio proceso activou. Creo que algunhas persoas tiñan bastante calculados os movementos, e Galicia Bilingüe foi un peón relevante nese proceso. As últimas semanas, que corresponden á campaña electoral, estiveron moi pautadas por unha serie de movementos mediáticos. E iso só se resolve ben, coa precisión coa que se fixo, se hai técnicos e cálculos demoscópicos moi finos detrás.

Movementos pautados mesmo até na propia xornada de reflexión…

Absolutamente. E isto é algo que non se debe esquecer. De feito, estamos vendo que nestas últimas semanas a actuación de Touriño responde a unha especie de toma de terra. Parece que todo o seu carácter, que nunca antes saíra, o sacou despois das eleccións. Isto obedece tamén a outros condicionantes, basicamente á soberbia política e a unha certeza de que as cousas estaban consolidadas, cando obviamente non o estaban. O reparto da dereita e da chamada esquerda, no país, está moi equilibrado. Hai que ser moi conscientes de que os últimos días son moi importantes, non tanto polo que digan os políticos –é un discurso ao que non se lle presta maior atención pública–, como polos movementos mediáticos.

Coida que iso de que a prensa é o cuarto poder quizais nunca quedou tan claro en Galicia como agora?

Claro. Por falar de La Voz de Galicia, a prima donna deste concerto, todos temos máis ou menos na memoria momentos anteriores da súa traxectoria. Todos sabemos que puido representar a dirección de Pillado no seu momento ou a toma de posición con Augusto Assía en relación cos pactos do mundo sindical. Moito máis fresco temos o primeiro momento en relación co Prestige e todos tamén, a pouco que nos fixemos, temos capacidade de análise para saber cales son as circunstancias e os operativos que fan variar a suposta posición editorial de La Voz de Galicia.

Cales son para vostede esas circunstancias?

O reparto eólico foi o factor fundamental, a aspiración a que se reformule ese reparto, e a que determinadas opcións non recibisen a súa parte da torta. Pero hai outro factor, a aparición en escena do partido de Rosa Díez, de Unión Progreso y Democracia (UPyD). Non son analista para determinar a que condicionantes corresponde esa extraordinaria emerxencia dunha forza política que chega a alcanzar os 25.000 votantes practicamente sen traballar nin coñecer o terreo, a través da fulguración mediática de Savater ou Díez. Estou convencido de que ten apoios importantes no mundo empresarial e político galego, se cadra como factor de recambio. O meu razoamento é que algunhas figuras da política galega coma Francisco Vázquez non son alleas a ese movemento de fichas.

Falaba no seu blog do entrismo, como esa actitude de certos conformadores de opinión, en aparencia de esquerda ou centro esquerda, que á hora da verdade acaban servindo estratexias conservadoras…

Iso foi unha broma da linguaxe trosquista.

Por que ese pudor a manifestarse abertamente nunha liña explicitamente conservadora, tanto de La Voz como doutros medios e sectores intelectuais?

La Voz de Galicia é no país o xornal único para moita xente que non necesita facer un esforzo de matización dentro do abano político. Ademais non ten competidores no outro lado do campo, e polo tanto aspiran a que sexa un xornal que lea todo o mundo, e aparentemente neutro. Tamén é o xornal das esquelas a día de hoxe. É un medio que a xente, sobre todo certos lectores, manexa apenas para a información local directa, ou pouco máis. Como proxecto histórico perdeu o rumbo. Alén diso, o seu nivel de autoesixencia profesional está en mínimos.

Pero tamén hai certos intelectuais que están nesa liña. ac1

O que nos xogabamos estas eleccións era moitísimo e nese sentido eu non podo entender que haxa colaboradores simplemente galeguistas –non vou dicir nacionalistas–, ou que se sitúan na esquerda, que nunca digan nada en relación coas posicións públicas de carácter político que toma o medio no que eles están intervindo. Paréceme un acto de covardía.

Entrando en responsabilidades concretas, cales son as de Touriño e Quintana?

Absolutas. Aí non hai matices, son os responsábeis do que pasou e cargarán toda a vida cunha responsabilidade política por este erro colosal que cometeron. Porque ademais toda a súa estratexia, todo o pacto de goberno e todo o que se tivo que aguantar desde posicións máis ou menos de esquerdas, foi sobre a base de que este era o inicio, e polo tanto, tiña que facerse ao ralentí. Ese ralentí levou a que o camiño que se quería andar fose moito menor do previsto, e a partir de aí, foi un fracaso colosal, de cálculo, ritmos, discursos…, que está a ter un efecto pertubador extraordinario para o futuro.

Sendo como foron as marxes de esquerda e dereita tan pequenas, a perda dunha parte do seu electorado de esquerdas foi especialmente grave para o bipartito…

Si, sen dúbida, e moitas veces por cuestión simbólicas. Outro erro moi grave da fase final do proceso foi que a presidenta do Parlamento acudise a un acto relixioso como o que supón a translación dos restos do apóstolo Santiago o 30 de decembro. Ela representa o poder popular. Non pode participar nesa teatralización lexitimadora que equipara poder civil e poder relixioso, en diálogo público, cun representante dunha institución político-relixiosa. Fíxese: iso ten unha forza desmoralizadora extraordinaria.

Que cuestións cre vostede que frustraron máis as bases sociais críticas nestes anos de xestión do bipartito?

No PSdeG-PSOE decepcionou moito, ao comezo, que Touriño confiase en exceso en tecnócratas, en xente de perfil político limitado, para o labor de goberno, opción que evidentemente respondía a una estratexia política. Esa percepción das bases trasladouse despois ao conxunto da sociedade, porque a parte socialista do goberno demostrou de maneira fidedigna carecer de discurso político. No campo do nacionalismo, o problema fundamental das bases foi de ritmos, de non aceptar que o ritmo non puidese incrementarse.

Mais ás bases tamén lles custou aceptar determinadas políticas realizadas dende o goberno. Talvez así o amosa a baixada do BNG en Ferrol, onde puido ser clave a oposición a Reganosa…

En Ferrol hai outra cuestión que cómpre ter en conta, a aparición de Terra Galega. Case todos os votos de Terra Galega, uns 18.000, están en Ferrolterra. A morneza en relación con fenómenos como Reganosa seguramente pasou factura. Tamén entendo que as bases do BNG probabelmente nunca chegaron a entender se compensaba facer tanto esforzo eólico para quedarse cunha porción que aproximadamente era a metade da inicialmente considerada polo propio BNG como innegociábel. A xente percibe talvez un exceso de protagonismo do BNG en cuestións simbólicas pero vaiamos a cuestións orzamentarias e vexamos a descompensación que se produciu entre o simbólico e o económico.

O PP mantén unha gran forza social. Onde radica?

O PP non ten inimigos naturais de suficiente tamaño no campo mediático e ademais sabe que calquera pequeno fallo que cometa a esquerda será sobredimensionado. O PP vive cómodo e relaxado na súa biosfera. Os predadores, no medio que habita e controla, non lle fan maior pupa. Nese sentido presupoño que o blogomillo pode constituírse en catalizador: ten moito que facer nos anos vindeiros, e para iso eu coido que ten unha capacidade grande de convocatoria, de mobilización, de facer ruído e chegar a máis capas sociais.

Unha das grandes perdas da esquerda estivo no voto mozo e urbano. Ponnos ante un mapa sociolóxico novo?

Hai que ter en conta unha vez máis a situación económica. Iso supón que a xente que accede ao voto nunha situación de inestabilidade, de falta de seguridade, etc. pense nas alternativas.

Por onde coida que debe ir a procura de novos líderes tanto no PSdeG-PSOE como no BNG?

O grave da situación actual é que existe unha percepción moi xeneralizada de provisionalidade nas decisións que se tomen nos vindeiros meses. E iso en termos políticos é nefasto, sempre se acaba pagando un prezo.

Dáse por suposto que existen tapados…

Planea a idea de provisionalidade, á espera da aterraxe dalgunha gran figura, e cando falamos de gran figura en relación co PSOE todo o mundo sabe a quen me refiro. Iso pasaría por unha adxudicación inicial da carteira de Obras Públicas a José Blanco. No BNG non hai ese referente externo, esas plataformas mediáticas, sociais e culturais que pode proporcionar a televisión do Estado, e todo se ten que cociñar doutra maneira. Creo que se están dando movementos en falso, que se están equivocando por todas partes, coido que aínda non se sabe quen será o líder nin que líder se necesita. Ningún dos que até este momento se mencionaron ten a forza que puido ter no seu día Quintana. E para ir para atrás realmente non sei se fai falta moverse.

Son compatíbeis as culturas políticas do PSdeG-PSOE e do BNG?

Non só non son incompatíbeis, senón que teñen puntos de converxencia moi marcados e hai que darse conta de que o futuro necesariamente pasa por aí. Non hai outra alternativa, non hai ningunha posibilidade de maioría absoluta para ningunha destas dúas forzas políticas no curto prazo

No BNG fálase da necesidade urxente de refundar a organización…

É unha evidencia.

O debate xira arredor da posibilidade tanto de conformarse en partido como de centrar a solución no volver a conectar cos movementos sociais. Para vostede, cal é a vía?

Non o sei. O tempo histórico do frontismo entendido como o entende a UPG pasou. Porén, estamos nun tempo histórico no que abrochan as converxencias de plataformas distintas con sensibilidades parciais. Aí entramos no debate un pouco habermasiano arredor de se a multiplificación de perspectivas e de forzas na esquerda non é un acto de servizo á dereita, que creo que en certa medida si o é. Parcializar a intervención a partir de claves como o compromiso ecolóxico, de xénero, reparto da riqueza, colaboración cos países en desenvolvemento…, nunha multiplicación de perspectivas, compromete a existencia dun discurso único de reacción contra a dereita. E a dereita ten un discurso único, tívoo sempre. Observe a xestión que fai do que lle digo a Igrexa católica. Aí está o paradigma.

Pasa entón o futuro do BNG pola renuncia ao frontismo?

Non sei se o futuro do Bloque debería pasar pola renuncia ao frontismo. Dende logo ten que pasar pola renuncia ao frontismo entendido nun sentido estalinista, no sentido tutelar do calibre do control que exerce a UPG, como unha especie de referente case moral tras de cada acto, de cada elección, de cada nome Pero iso significa renunciar a outro tipo de construción de plataformas plurais? Non. Agora, deixar unha plataforma plural para pasar a ser outro tipo de plataforma plural é un acto político de extrema indefinición e perigoso para a propia cohesión do Bloque, e aí nace a posibilidade da escisión, o que para min en termos simplemente políticos non sería unha desgraza.

Ao PP veulle ben que existira UPyD… Nese sentido, cre que ao BNG lle viría ben que aparecese un partido á súa esquerda?

Non lle viría ben, pero é certo que hai moita xente que está á esquerda do BNG en termos económicos e de políticas sociais, e sobre todo nun sentido que poderiamos chamar ético, de non aceptación de tutelas e de autoridades pre-políticas.

Para vostede non sería dramática esa posibilidade?

Non. Incluso podería axudar a que se reperfilasen nalgún sentido as posicións editoriais dos medios. A tutela da UPG é a día de hoxe o motivo fundamental que poden ter persoas situadas no espectro do centro para non botar BNG. Non sei o que podería pasar se aparecese unha forza política que aglutinase sensibilidades de esquerdas e que soubese prescindir de calquera tutelaxe. Dende logo estou seguro de que a primeira vista á dereita iso encantaríalle. A min, dígoo con claridade, ese reparto non me parecería unha situación tan vantaxosa para a dereita no medio prazo. Non o contemplo como algo apocalíptico.

Canto tempo lle queda a Galicia Bilingüe?

Está claro que o movemento Galicia Bilingüe será fagocitado de inmediato por parte do PP e dos medios que o apoiaron porque a súa persistencia sería un elemento de desequilibrio extraordinario para un goberno da dereita. Canto ao discurso de Galicia Bilingüe, se se exerce en sentido programático tal e como eles o declararon, e se o sacamos do ámbito da educación e o levamos ao xurídico, sanitario, etc., creo que moitos asinaríamos esa opción. Garántame vostede que vou ter un xuíz e procuradores que me van permitir intervir en galego a todas horas e en calquera lugar. Garántame que a administración central do Estado me vai atender en galego se quero. Claro, iso está fundamentado no cinismo: unha cousa é o que se di e outra é o que se quere. O PP fixo un programa no que defendía algo que en realidade non quería. O que quere é outra cousa moi elemental, que é a que quere tamén La Voz de Galicia e Santiago Rey Fernández Latorre: laminar por completo a cultura galega se non pasa polo aro da docilidade e a subordinación.

Na cultura xógase unha parte importante do espectro ideolóxico. Fálase de que, no novo goberno, Cultura será unha consellería única xunto con Educación e Política Lingüística…

Non me fai falta coñecer onde vai estar Cultura para saber o que quere facer coa cultura galega a xente do PP. Coñezo ben a traxectoria de Pérez Varela, sei o que significou, sei que iso é o antónimo absoluto do que eu chamo dignidade, e por tanto creo que é iso do que temos que estar pendentes.

Coida vostede que o decreto do galego será finalmente derrogado?

Non se atreverán. Creo que saben que se fan iso terían para a totalidade da lexislatura aí o talón de Aquiles. E saben que a capacidade de mobilización da Galicia actual por razóns simbólicas deste calibre é extraordinario.

Como están as forzas dos movementos sociais galegos?

Temos un bo estado físico e anímico no ámbito cultural e social. A capacidade que ten o mundo cultural e o mundo social de mover as máquinas é moita, e aí hai moito que facer, e se vai facer, máis aló de xestos. Unha chamada de atención ao mundo cultural para min sería romper coa simple satisfacción que pode dar facer un xesto puntual e despois esvaecerse nese ronsel de autocompracencia. O blogomillo e o mundo das ciberturbas, os novos medios, xogarán un papel importante, primeiro para desenmascarar todo o que pasou nos últimos meses, e a partir de aí para a intervención permanente, no día a día, e facer que o goberno do PP non o teña fácil.

Estas eleccións foron síntoma ou consecuencia?

Foron consecuencia, e foron consecuencia dunha intervención directa e brutal do mundo económico, financeiro e mediático na realidade política do país. Os galegos e as galegas temos que comprometernos con nós mesmos a tomar nota, a non esquecelo nunca e a saber quen é cadaquén.

   [Na fotografía superior Emilio Pérez Touriño e Santiago Rey Fernández-Latorre nunha fotografía de arquivo que reproduce Tempos Novos na anteportada do dosier indicado. Na outra fotografía, de Tamara de la Fuente, o entrevistado no seu lugar de traballo]

 

Cadeiras

18 de Maio de 2009

vazquez-e-lorenzo

Lonxe de min non conceder os 100 días famosos. Aínda que ao ritmo que vai o mundo iso é unha frivolidade absoluta. Lonxe de min (logo) conceder os 10 días famosos… Lonxe de min pensar mal de alguén co que aínda xantei o outro día… Lonxe de min entender que un amigo de Facebook se prestaría a un xogo como… Lonxe de min todo iso e máis. Pero, por que carafio esa foto de aí arriba me lembrará tanto aquelas imaxes tan vellas? Si aquelas, esas que poño abaixo. E il quen sería o edecán que dispuxo ese xogo de cadeiras para que Vázquez, que non é máis alto que Lorenzo, poida contemplalo dese xeito tan majestic?

Será que o repousa-occipucio tira del adiante e cara a arriba? Será cousa das cervicais tensas do poder, constrinxidas pola gravata, e máis nada? E Lorenzo, daríase conta da manobra como naquelouta altura se deu Benzino Napoloni? Por que a súa quinésica e mesmo (na parte final deste vídeo) a súa proxémica resultan tan subordinadas á vista se todos sabemos que Feijóo lle garantiu tal e cal xustaposición? Rubirá nalgún momento á mesa de Vázquez?

 

 [kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/5ezvZlYj5Fs" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

 

 [O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez (arriba), e o Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo (abaixo), na conferencia de prensa que ofreceron o luns 18 de maio para explicar que se derrogará o ominoso Decreto para logo "consensuar outro cos afectados" (sic, nota de prensa da Consellería). Máis abaixo aínda, escena dobrada ao castelán pertencente ao filme de Charles Chaplin The Great Dictator (1940]

Toma de terra

23 de Abril de 2009

O novo conselleiro de Cultura e Turismo deixa ver nas entrevistas que van saíndo algunhas notas que haberá que ir considerando. A primeira é que está moi canso. A segunda é que non está excesivamente ao día de case nada do que afecta ao seu departamento. A terceira é que recibiu unha orde moi clara e prioritaria do presidente do goberno. Procedamos con orde.

Está canso Varela Fariña só polo jet lag? Non. Está canso porque Feijóo lle comunicou a súa decisión definitiva apenas vintecatro horas antes de facela oficial e de convocar aos conselleiros para a primeira foto de familia. De modo que o motorista de Monte Pío saíu zumbando polo paralelo 42 adiante en dirección oeste e avisou a Varela Fariña co tempo xusto para pillar un pixama e pouco máis. Esperemos que poida usalo durante a fin de semana. Que durma, que descanse.

Domina o novo conselleiro os temas que pasarán a ser da súa competencia directa? Non, nin moito menos. En xeral contesta con evasivas e di que precisa tempo para ler os informes que lle deixou sobre a mesa Bugallo. Recoñece que dalgúns asuntos non ten a menor idea e destaca en cambio na súa conversa cos xornalistas aqueles outros nos que experimenta maior seguridade, basicamente dous, a xestión cultural e a comunicación institucional. Recoñecerei que iso é algo máis do que se lle presupuña a Varela I, cuxa bagaxe pasaba basicamente pola organización de eventos oligárquico-patrióticos en Madrid e pola redacción de arengas contra a democracia dubitativa dos primeiros 80. Recoñecerei aínda a fotoxenia de Central Park sobre a que poida ter a Cafetería Galaxia. Indubidábel.

Cal me parece a min que sexa a nai de todas as ordes que Varela Fariña recibiu do presidente (e dos que suxiren ao presidente o que hai que facer) e, asemade, a razón pola que foi escollido para o posto? Pois, en función do que vai dicindo este señor, non outra que esta: utilizar os seus coñecementos diplomáticos e de xestión consular internacional para redimensionar a Cidade da Cultura nun sentido basicamente museístico e turístico e promover unha efectiva internacionalización da cultura galega que non se desapegue en exceso desa fórmula (incluída a museización?, incluída). Aparquemos polo de agora a primeira función mencionada e concentrémonos na segunda. Soa ben, non si? Claro, soar soa ben; anotemos con todo un par de observacións a modo de aviso para navegantes sen compás. A primeira remite a algo que aquí xa se comentou con detalle: ao PPdeG non lle interesa nada, pero nada de nada, a proxección exterior da cultura galega tal como por exemplo se veu definindo nos debates do blogomillo; e non só iso, senón que ademais non ten a menor idea sobre en que consista tal cousa. De aí que o seu programa electoral diga as barbaridades que di nese plano. A fundamental, segundo pode constatarse na ligazón recén marcada, é que liga o futuro da presenza exterior da cultura de Galiza ao que se logre alcanzar mediante convenios bilaterais con organismos como o Goethe-Institut e outros homólogos. Reitéroo: n.p.i.

Entón, por que afirmo o que afirmo? Sinxelo, sinxelo e directo como todo o que se negocia nas mesas da dereita. Na misión atribuída a Roberto Varela asúmese algo moi obvio que me fartei de argumentar desde a aparición do blog. A proxección exterior da cultura ten unha vertente efectivamente exterior, que nalgúns casos posúe unha dimensión comercial e/ou ideolóxica importante (pénsese na cultura de masas estadounidense, cos seus vectores de dominación, alienación e neutralización da diferenza cultural) e que noutros moitos permanece nun terreo de interacción cun perfil relativamente limitado ás elites culturais. Pero a proxección exterior das culturas nacionais ten como fundamento principal, cando non se trata de xestionar grandes mercados, algo en principio paradoxal: lograr unha maior cohesión identitaria DENTRO e un certo orgullo de marca efectivamente nacional orientado a alcanzar un parangón con outras culturas nacionais. Proxectarse, por tanto, para cohesionarse cara a uns mesmos e promover así un afortalamento e unha mellor definición da autoimaxe. A cousa é moi sinxela: resulta bastante parecida ao que se fai coas fotos que seleccionamos en Facebook ou en webs persoais para que os demais nos coñezan e nos recoñezan.

O cometido encomendado a Roberto Varela Fariña por Alberto Núñez Feijóo e polos seus superiores/protectores, na miña percepción e análise do que se vai facendo e do que nos medios afíns se vai dicindo, é o seguinte: utilizar a proxección exterior para proxectar DENTRO xustamente a súa idea de Galiza, asociada esta tamén no marco cultural á secundarización da lingua e dos produtos máis directamente asociados a ela como vehículo ou soporte (literatura, teatro e certa música sobre todo). Aposto unhas birras a que Varela Fariña asumiu un decálogo que comeza con algo semellante a isto: 1) hai que proxectar en particular as formas culturais que non precisan da lingua como soporte (pintura, escultura, arquitectura, certa música, certo cinema, certas outras artes visuais, certa BD…), 2) cando se proxecten formas e produtos culturais de base lingüística farase con fundamentación no bilingüismo que antes foi harmónico e agora o PP denomina “cordial” (ou era hepático?, ou duodenal?), 3) a igualación oficial dos textos exportábeis estará ao servizo da idea-marco da política cultural do novo goberno e dos seus inspiradores financeiros e mediáticos, non outra que alcanzar unha minoración definitiva da lingua como elemento identitario e en consecuencia habilitaren unha vaga rexionalizadora que subordine de vez a cultura local (galega) á cultura nacional (española). Isto último significa que dentro dos modelos existentes no Estado, a política da proxección exterior estaría afastada do que fan os institutos Cervantes e Ramon Llull e se aproximaría algo (só algo) ao que se pretendía que fixese o Instituto Etxepare (co novo goberno de Patxi López e o amparo alí do PP pretenderase aínda máis), se ben aquí todo iso se fará sen unha institución homologábel ás que veño de citar e sen que se dean os condicionantes políticos e culturais que no País Vasco conduciron a pensar nunha proxección da cultura vasca de expresión castelá. Sobre este aspecto tamén teño feito comentarios no blog, case sempre por referencia a Valle-Inclán. Calquera pode procuralos e intuír que é o que eu penso sobre o asunto. Orabén, Valle-Inclán non é parangonábel en ningunha orde por exemplo con Marta Rivera de la Cruz ou con Agustín Fernández Mallo (semella que tamén obsesionados co linfoma da imposición lingüística). As circunstancias e as coordenadas de campo eran outras. Non levaría moito tempo explicarllo a un diplomático que le polas noites poemas de Ferrín, pode que mesmo de Heriberto.

Insisto en que o que acabo de formular son, ante todo, suxestións inducidas polo que un vai escoitando e vendo, pero desde logo teñen base tamén no programa electoral do Partido Popular e nas súas prácticas e formas de xestión cultural. Nas deles e, reitéroo, nas dos seus protectores do mundo financeiro-mediático. Ese semella ser o programa, sabémolo de sobra. Pero nós estamos aquí e este estarmos nós aquí non será un problema menor para esa xente nin para a súa planificación do futuro da cultura de noso.

[Bugallo e Varela no recente traspaso de poderes na Consellería de Cultura. Foto tomada de Vieiros]

Intelectuais e manicura

22 de Abril de 2009

“¡Intelligentsia, dame / el nombre exacto de las cosas!”. Ou non era exactamente así o arrinque do poema de Juan Ramón? Xa non o lembro ben agora que releo algunhas pezas breves de Alfonso Sastre, como El intelectual y su sombra e Diálogo para un teatro vertebral, onde se fala do poder metafórico da Numancia cervantina, da alegorese, de autos sacramentais (de que me soará a min isto?). Quen outorga o nome ás cousas? Que instancia do poder ou dos contrapoderes? Quen conforma iso que alguén denominou o colexio de intelectuais? Por que un fiscal considera que a ideoloxía se agocha só nas accións dos outros, do outro político? Dos outros que seguen consignas dalgunha intelligentsia dadora de nomes e estruturas… mentres que a lei e o dereito están limpos, carecen de ideoloxía, como unha estatua nun parque público, a de Millán Astray na Coruña, por caso. A de Unamuno en Salamanca, tamén. Como unha pomba que voa e se detén sobre a cabeza que pensa ou sobre a cabeza que só actúa… e alí defeca. Alí, xusto alí, sobre o cráneo militar ou sobre o cráneo do filósofo.

Quixera hoxe retomar algún fío do escrito onte a propósito de Millán Astray. Claro, é imposíbel non pensar naquel acto universitario, con Miguel de Unamuno como reitor en Salamanca, cos lexionarios na sala, as forzas vivas todas, a idea da hispanidade imperial de fondo na celebración do 12 de outubro, José María Pemán empoleirado no seu rechouchío lírico, Carmen Polo de Franco presente (algúns sinalan que por fortuna para a integridade fisica do intelectual que falecería só dous meses despois, o derradeiro día daquel ano). “¡Coja el brazo de la señora!“. Desde logo, a foto de abaixo, tomada á saída de Unamuno daquel acto demostra algo. Todos coñecemos aquel episodio. Todos e todas recoñeceremos que hai que estar feito dunha pasta especial para resistir naquel momento de guerra e represión a mirada ominosa do xeneral golsando o seu “¡Muera la inteligencia!“. Non todos o resistirían. Non todos. Foi entón cando a Pemán se lle escapou o flato larínxeo, o matiz: “¡Viva la inteligencia! ¡Mueran los malos intelectuales!“. Un prodixio da nanooratoria.
Ocorréuseme máis dunha vez, hoxe mesmo, que aínda que só fose como memoria daqueles feitos, daquel día no que se opuxo a morte á luz da razón e da cultura, algún outubro do terceiro milenio, digo, só algún e non necesariamente con protocolo de maceiros nin grandilocuencia de armadanzas locais, podería convocarse o acto de inauguración oficial do curso académico nas universidades galegas polos tres reitores do país diante da estatua de Millán Astray na praza de Millán Astray. Disfrazados mesmo, por reutilizar o fraseo lexionario que onte saíu no blog. Disfrazados de reitores, si, e acompañados da corporación municipal coruñesa, das autoridades civís e militares, do delegado do goberno central e do macrodelegado da Xunta na cidade (porque entendo que xa non o é na provincia, non si?), acompañados tamén do abade da colexiata, dos directores xerais de caixas e bancos, das asociacións de amas de casa, dos choqueiros das Atochas, da nanoburguesía loira de mesa petitoria e tutti quanti antes de acabar todos logo no Tarabelo ou na Traída. Iso apenas, simplemente iso. En voz baixa. Para que ningún fiscal se anoxe coa intelixencia ou coa ideoloxía. Só iso. Sen serradura de pernas. E entón, nesa altura, soaría desde o cuartel de Infantería ou desde un quinto piso das vivendas militares inmediatas (de oficiais?, suboficiais?, ignórase…) a voz cega que vén do íleon da historia, ¡Cojan el brazo de la señora!, e un psicoterapeuta de Mar del Plata con consulta na Praza de España que casualmente levara a cadela ao green Astray por mor da diaria dexección canina dirá polo bajinis “huuuui, que perversión!”.

[Estatua de Unamuno en Salamanca, de Pablo Serrano (1968), e fascistas increpando ao reitor salmantino á saída do Paraninfo despois do seu enfrontamento con Millán Astray o 12 de outubro de 1936]

A realidade explicada a nenas e nenos

12 de Marzo de 2009

Pasou algo de tempo desde o 1 de marzo. Abondo para formular de modo sumario —dentro das limitacións de quen asina— unha análise directa do acontecido fundamentada en datos e por suposto tamén en percepcións e valoracións persoais, como é natural discutíbeis:

1. O reparto de votos entre o que convencionalmente denominamos esquerda e dereita resulta ser a día de hoxe en Galiza 1:1.

2. Este equilibrio case exacto nas opcións, que ronda os 800.000 votos para cada un deses dous supostos sectores ideolóxicos (non hai tal en realidade, por diferentes causas), presupón que os momentos inmediatos á celebración das eleccións son absolutamente decisivos.

3. De toda a vida, isto sábeo moito mellor a dereita que a esquerda. Sábeo e aplícao. Sábeo e aplícao até as 19:59 horas da xornada electoral mediante todos os procedementos que a lei permite e mediante moitos outros que repugnan á ética democrática aínda que a lei non os penalice de xeito explícito.

4. A dereita domina mellor os tempos políticos e mediáticos que a esquerda. Proba irrefutábel, con implicacións que teñen que ver co punto segundo, foron dous factores recentes: a resolución do controvertido reparto eólico a tres meses das eleccións (unha de dúas: prepotencia obtusa ou temeridade cega nas condicións nas que se fixo, con responsabilidade compartida dos dous socios de goberno) e a aparición simultánea dun novo xornal a comezos de decembro, algo que coa traxectoria tan curta até o 1M era moi evidente que só podía causar problemas, nunca render beneficios, a xestores e promotores directos ou indirectos pola previsíbel animadversión dos outros medios cos que ese xornal pasaba a competir, sobre todo do máis forte, La Voz de Galicia.

5. A dereita, unha vez que se incorpora ao ring electoral, sabe castigar o fígado até o desfalecemento ou o abandono do contrincante. Baltar é un exemplo magnífico do que se apunta. A esquerda nosa, a galega, ignórao todo sobre este aspecto. É pusilánime, piadosa, medrosa e pánfila. Ten incluso algo do espírito do seminarista: considera que se non se pecou o mellor é rumiar en soidade as acusacións que caian, porque o pobo é sabio e non sei cantas outras necidades que Gramsci desmontou sobradamente. Ademais, o socialismo galego nunca soubo promover a figura do segundo malencarado, do defensa central á vella usanza. Esa voz que reparte leña sen excesivas contemplacións, pero que logo asume con disciplina, simulación de acatamento e docilidade de aceno as matizacións que lle faga, entre o desleixo e a reconvención, o número 1. Sobre iso, o PSdeG , ignórao todo. E non será por falta de exemplos dos que beber.

6. A dereita, na súa inmemorial connivencia cos poderes fácticos, non experimenta pudor de ningunha clase no recurso ás mañas extrademocráticas con tal de alcanzar o poder. A dereita, alén diso, sabe poñer en práctica o que con todas as precaucións polo uso figurado da etiqueta, reclamada desde as vellas prácticas trotskistas, chamaremos entrismo. Así, numerosos conformadores de opinión habitualmente considerados de centro-esquerda ou dunha esquerda ornamental serven en realidade estratexias conservadoras. Ás veces non o saben eles mesmos, porque en xeral se fala aquí de individuos de tallaxe intelectual no rango S – M. Pero a maioría das veces si que o saben. Sábeno eles e sábeno as súas nóminas, igualmente entristas.

7. O entrismo, como é natural, non se deu só na esfera mediática no noso país. O caso de Francisco Vázquez (conservador, católico, local-nacionalista, muñidor do máis feroz antigaleguismo coruñés, militante impenitente da medra patrimonial) é paradigmático do que quero indicar: un individuo que pasa por republicano e socialista, guerrista en tempos!, e que impuxo con éxito esa ominosa mascarada a varias xeracións de cidadáns e de compañeiros de partido, deixando ademais unha pegada ideolóxica e imagolóxica brutal no coruñesismo menos democrático.

8. A dereita convive sen problemas coa frivolización da vida pública. Sabe facelo. Ten ese habitus, polo que non precisa esforzo ningún (véxase o escándalo Carrera Pásaro, véxase o sostenuto Baltar, os excesos, o vaivén verbal-caciquil). A esquerda non o ten, carece dese habitus. Cando quere frivolizar cae no ridículo e faino con consciencia de estar a remedar o que non lle corresponde. Quintana debe de estar pensando arreo sobre isto.

9. Estas eleccións gañounas La Voz de Galicia. A súa foi a única intervención decisiva en todo o proceso electoral. Fíxoo en boa medida (pero non só) á luz pública, xustamente polo indicado no punto anterior. A dereita non precisa esconder a maquinaria de guerra, a frivolidade, a instalación no límite exacto da ilegalidade e varios metros alén do que deberían ser as normas éticas e políticas dunha democracia merecedora de tal nome. O feito de que o editor Santiago Rey mantivese na páxina de acceso de LVG en Internet o escrito “Yo protesto” durante a totalidade da campaña electoral, xusto até a xornada de reflexión, cando foi retirado, é dunha gravidade extraordinaria e non debe valorarse só pola incidencia directa que puido ter nos lectores ocasionais. Foi ante todo un xesto fático e performativo: estou aquí, permanecemos aquí e ides ver o que pasa por facerdes o que fixestes. Iso cara a fóra, con fachenda e, insisto, no gume da inmoralidade e do que pode ser admisíbel na intromisión política dos medios como manipuladores da realidade. Cara a dentro, esa exposición permanente do escrito —intelectual e politicamente ruín— significou unha chamada á orde dos empregados da empresa, en todas as súas divisións. E tamén un aviso (mental, político, laboral). Esas divisións do medio mencionado son a día de hoxe cómplices na desactivación dun cambio histórico que era imprescindíbel para Galiza como proxecto nacional. Creo que somos moitos os que nunca o esqueceremos. E, en contra do dito por Barreiro Rivas, isto non foi algo menor, isto non forma parte da atribución de funcións que as institucións e os axentes públicos teñen dereito a exercer ou a poñer en práctica cando o consideran oportuno. En absoluto é iso o que fixo LVG. O que fixo LVG foi, con total claridade, outra cousa.

10. Isto último que se describe, sabido por quen pensou e acaso secuencializou o proceso todo en colaboración directa cos responsábeis da empresa mencionada (infundios, fotografías manipuladas na súa localización temporal e na súa proxección social, selección de datas para cada golpe de efecto, etc.), foi un elemento máis de afortalamento da táctica de derruba do bipartito. Por iso mesmo resulta inverosímil que Francisco Vázquez permanecese alleo á partida.

11. A estratexia á que fago referencia podería estar encamiñada a algo moi concreto a medio prazo: garantir no noso país un abrocho novo, o de UPyD, o partido de Rosa Díez, Savater e algúns outros que contan como lexitimidade curricular principal a de estar ameazados polo terrorismo de ETA (léase o seu programa electoral se se desconfía do que sinalo). Non son moitos, pero son os suficientes como para lograr, por exemplo, que o discurso terxiversador da imposición do galego sobre o castelán (falsificación irreal da verdade contrastada por observadores e técnicos neutrais que, porén, alcanzou un rendemento social e electoral moi apreciábel) movese a cartografía electoral nese ángulo pequeno que era preciso facelo. Ou non tan pequeno ao final. Calculo que polo menos un 20% do electorado tradicional socialista da zona urbana atlántica (Coruña, Ferrol, Vigo, Pontevedra) decidiu nesta ocasión negar o voto ao PSdeG.

12. A soberbia intelectual (?) e política de figuras como o conselleiro Méndez Romeu, e tamén nalgunha medida a da garda pretoriana do presidente Touriño, xunto coa insubstancialidade política e a baixada de brazos nos momentos máis tensos dun amplo sector do Goberno nomeado por aquel, converxeu irresponsabelmente co detallado no punto anterior. De modo que o conselleiro de Presidencia é a día de hoxe a faciana máis obvia do que significa a renuncia ao único xeito posíbel de desaloxar á dereita do poder en Galiza: converxer nalgunha forma co nacionalismo. Isto explica, como é lóxico na lóxica que ambos comparten, os parabéns que recibe por parte de analistas como Blanco Valdés. Reiteraraos, xa se verá, con precisa puntualidade, ás veces revestidos de advertencia. Porque do que se trata é de que desapareza das institucións o nacionalismo que el tilda de independentista á menor ocasión que se lle preste, criminalizando con vileza moral dous paxaros dun só tiro.

13. O papel de articulistas máis ou menos tocados coa marca de “editorialistas” en La Voz de Galicia foi igualmente eficaz para alcanzar os obxectivos trazados. Non falo tanto do que poidan representar os homes da casa, un Ventoso ou un Casal, ocasionalmente brillantes pero case sempre ecoicos, vacuos e tendentes á simpleza de análise e argumentación. Falo doutras sinaturas, falo dos que outorgan á causa de Rey o prestixio académico, a distinción, o fru-fru intelectual. Cumpriron o papel asignado Blanco Valdés, desde un discurso político absolutamente homologábel ao de UPyD, e Barreiro Rivas, nese seu zigzagueo cansino entre o vello espazo electoral dereitista-galeguista e a dependencia de esquemas de análise de xorne centralista e estatalista, pero á vez cunha probada eficacia retórico-homilética aprendida onde mellor se aprenden esas cousas. E digo asignado co dobre valor de auto-asignación e hetero-asignación. Desde logo, para min, as súas non son sinaturas libres. Descúlpenme se me equivoco, porque o asunto é groso. Pero a circunstancia histórica éo aínda máis.

14. Alén da gravidade histórica da manipulación exercida desde La Voz de Galicia neste proceso electoral, existen algúns aspectos que merecen unha atención especial: un é a súa constancia na xestión do cinismo social e político, que alcanza máxima expresión no mencionado manifesto do editor, cun correlato na rúa no papeliño de figurante adxudicado conxunturalmente a Galicia Bilingüe como úvula armada dun movemento destinado —sinalouno noutros termos Manuel Rivas— á extinción definitiva da cultura galega como realidade diferenciada e autónoma, non alienada e non subordinada, non rexionalizada e miniaturizada. Outro aspecto é o factor probatura-rodaxe: Santiago Rey acaba de constatar algo que xa el mesmo intuía, que desde a frivolización política, a instalación nun proto-berlusconismo populista e a soberbia de clase, pode argallarse na cousa pública e pode na práctica un (el) decidir quen presida o Goberno galego. É dicir, aprendeu a conxugar, a escala, os xogos de rol que outros donos de medios moi poderosos levan anos practicando en Madrid. Non entro agora na responsabilidade que o poder lexislativo, executivo e xudicial teñen en que iso se manteña así, en que se favoreza, ás veces entrando directamente na prevaricación, esa necia política en relación coa subvención aos medios. Por que temos que pagar como contribución á normalización lingüística un programa de actuación destinado en realidade a garantir a hexemonía da outra lingua e o mantemento dos seus privilexios? Non é iso prevaricación por parte de quen libra os fondos? Que nome lle poñemos aos receptores deses cartos?

15. Galicia Bilingüe era un bo nome, en termos publicitarios, para intervir contra o bipartito. Pero é unha pésima marca estando no Goberno o PP. En catro meses máximo, amortizados e disoltos.

16. Os risos máis altos na noite do 1M estou seguro de que se escoitaron en Roma. Co fracaso do bipartito —Touriño chegou a interiorizar o termo bi-gobernación na noite electoral— Vázquez riu de novo. Ecoan aínda eses risos na Piazza di Spagna. Volverá. En realidade, nunca se foi. Pero voltará a María Pita. Calquera expectativa de futuro de UPyD no Estado pasa polo nome de Vázquez. E iso sábeno moitos dos que moven os fíos da cousa pública para se, chegado o caso, Rajoy precisase axuda de infantería e intendencia. A que espera(ba) Vázquez? Desde logo, a isto. Pode que a algo máis, si. Calquera de nós sería quen agora mesmo de redactar o discurso que el fará público ese día, o da volta. Así de previsíbel me parece todo.

17. En relación co punto segundo mencionado no apartado 13, os medios —prensa, radio, TV (e agora vén máis TV)— tomarán nota das posibilidades enormes que teñen na súa man. O país semella aceptar a infantilización, a idiotización e a sedación. Hai unha entrega a esa tutela. E os medios con maior influencia, reitéroo, tomarán boa nota diso. Falta (díxose sempre) sociedade civil, esfera pública, debate. O fracaso neste punto podería parecer definitivo, pero non o é. A rede ten que asumir a responsabilidade que lle corresponde neste ámbito.

18. É imprescindíbel nos vindeiros meses unha demostración de forza. Non direi da esquerda. Direi dos demócratas. En parte, esas mobilizacións han vir pola cuestión da lingua e da educación. Ben está. E ben estaría tamén que algunhas institucións adormecidas levantasen de cando en vez se non a voz cando menos un dediño para pedir turno de palabra a ver se llelo conceden. Virán tamén as mobilizacións polo avance na destrución de emprego industrial e pola crise económica. E pode, en fin, que veñan de novo algún día polo que, tras o Prestige e a xestión que daquilo fixeron entre outros estes Feijóo e Rajoy, acordamos chamar dignidade. Pero eu animaría desde este humildísimo foro a que esa mobilización chegue ao día a día e teñamos moi claro quen serviu en bandexa esta victoria a un partido que ten como un dos seus obxectivos prioritarios desmontar a nosa dignidade como nación, domesticar a nosa dignidade cultural e social e pulverizar a nosa dignidade política.

19. As cuestións nominais para a remuda de dirixentes do PSdeG e BNG non saíron aquí. Non quero entrar nelas agora por simple preguiza e por non anoxar. Pero entendo necesario tratar aos derrotados, aos responsábeis maiores da derrota por seren eles dous quen dirixiron as respectivas forzas políticas e o propio Goberno, con tanto respecto persoal como distancia moral. A súa responsabilidade histórica é enorme, aínda tendo presente o dito aquí sobre a intervención decisiva dos medios e o non dito aquí sobre a guerra suxa non de superficie montada pola dereita, con tres variantes básicas, a viguesa, a ourensá e a coruñesa. Creo que Touriño e Quintana terán bastante con levar ese peso na súa conciencia política e civil. Ambos, é moi evidente, desaparecerán do mapa político en breve. Primeiro Touriño. Despois Quintana. Con esas desaparicións, en todo caso, non debera desaparecer o espírito de colaboración entre as forzas ditas de esquerda. Iso constitúe a única alternativa hoxe por hoxe á eternización no poder do PP. E ademais, deixando á marxe cuestións de convivencia persoal e abrochos esporádicos de momentos de tensión, estes tres anos e medio de goberno de coalición foron exemplares na traslación á sociedade de algo moi evidente: había entendemento e compromiso malia os proxectos seren bastante diverxentes.

20. Algo para rematar en relación con Feijóo. Á marxe de todo o que se vai ter que tragar este home en relación con asuntos de automoción e demais, sería magnífico que nos evitase a vergonza dunha nova toma de posesión con espectáculo público e escenificación do acceso ao poder. Hai tres anos e medio, cando aquel horror de Touriño e Quintana cos tempos medidos no Obradoiro, case como uns Pimpinela relativamente politizados, reflexionei sobre o difícil que resulta aprender, ser cauto, ser discreto nesta clase de momentos. Tamén reflexionei sobre a medida na que os socios de goberno acabarían intentando asimilar certos operativos do fraguismo. En fin, Sr. Presidente de case todos os galegos, tome posesión, agarre logo a feijooneta e traballe arreo sen facer ostentación de nada. Non xogue a ser Obama percorrendo avenidas en Washington nin a ser Fraga entre foles e bandullos. Se quere gaiteiros ou trombonistas ese día, métaos na zona de carga do monovolume ou da C15 de segunda man que estime adquirir e que os músicos lle amenicen a viaxe, pero en privado, por favor, e só entre o Hórreo e Monte Pío. Pase do Obradoiro, faga caso. A partir de aí, ollo! Vai haber moita xente no país que non permitirá un paso atrás en determinados logros históricos e democráticos. Palabra!

[Fragmento do mapa de Domingo Fontán, 1834]

Goebbels e Klemperer

20 de Febreiro de 2009


Faise indixesto, duro de veras, escoitar a Esperanza Aguirre recitar o célebre texto de Martin Niemöller atribuído a Brecht (“Cando os nazis viñeron para levarse aos comunistas…“) co propósito que ela o usou onte no Parlamento da Comunidade de Madrid. Esa falta de proporción, esa ausencia absoluta de decoro institucional, esa actitude cínica permanente por ela elevada a imperativo categórico, a bandeira de confusión que se abraza na circunstancia que sexa… A condución da política a sainete, lastre orixinal no ascenso de Aguirrre ao poder en Madrid despois do escándalo Tamayo en 2003, augura o peor para a política estatal caso de consumar esta muller con éxito as operacións todas nas que anda. Preludia unha berlusconización por goteo, implacábel na instauración dunha farsa substitutoria da democracia que podería conducir, de levarse a extremo, a algo non tan desemellante ao que Victor Klemperer estudou en Lingua tertii imperii (LTI) como preparativos da linguaxe pública para a asimilación de todo o desastre moral, social e político que representou o nazismo. Porque é así: primeiro se mobiliza a linguaxe e despois se lanza o control como unha rede mansa. Hoxe segue sendo imprescindíbel reafirmarse nunha resistencia intelixente e eficaz contra a falsificación do real, contra a manipulación das conciencias e da linguaxe, contra a máquina da hexemonía no sentido que a entendeu Gramsci. Dígoo tendo nas mans un fermoso e pequeno libro que me chega de Girona, da amizade de Antoni Martí Monterde, prologuista desta compilación, Assaigs, de Victor Klemperer, en edición da Universitat de València. No máis breve dos tres ensaios que inclúe o libro, titulado “El paper de l’intel·lectual en la societat” (1946), Klemperer escribiu que fronte ao lema de Goebbels “Temos que nos converter nun pobo de fanáticos!” el opuña estoutro: “Temos que nos converter nun pobo de intelectuais!”. Son expresións que farán lembrar aquel momento tenso no paraninfo salmantino entre Unamuno e Millán Astray (1936). Klemperer, comparatista e catedrático de Romanística na Universidade de Dresde, salvou a vida grazas ao bombardeo aéreo desa cidade do leste alemán (algo do que se falou aquí hai uns días a propósito de Vonnegut), cando era case inmediata a súa deportación con destino Auschwitz. É probábel que hoxe se perciba como altisonante esa réplica a Goebbels. En realidade, a idea do romanista xudeu, autor duns Diarios valorados entre os máis importantes contributos en lingua alemá nese xénero de escrita, era que os intelectuais deberan manter en todo momento a liberdade de pensamento e permanecer sempre alertas perante calquera intento de impoñer o instinto e a atención mostrenca ao inmediato sobre un distanciamento reflexivo e ponderado, atento á complexidade da vida e do que entendemos como realidade, irredutíbel a doutrina, irredutíbel tamén a ideoloxía.

[Capa dunha tradución francesa da obra de Klemperer LTI]

FAQ 1

31 de Xaneiro de 2009

Coñece vostede alguén que non sexa independentista?

Coñece vostede alguén que postule en termos políticos a dependencia nacional?

Coñece vostede alguén que non sexa nacionalista? Cal é a súa nacionalidade (a del/dela, a do non nacionalista)?

Que significa hoxe ter e manter con(s)ciencia de nación?

Substitúe a declaración pública á política?

Que é (para vostede) (hoxe) a política?

Cal é a incidencia performativa (histórica) dunha declaración sobre unha toma de posición política propia cando esta se reconduce, por asfixia mediática, á esfera do privado?

Substitúe o testemuño á acción?

Conserva algunha lexitimidade social o que noutra altura histórica se chamou “intelectual”?

Cantos intelectuais por km2 son admisíbeis nas condicións de ilegalización do pensamento que estamos a experimentar en termos culturais e mediáticos?

Dependería a resposta á cuestión anterior do grao de autonomía nacional e do grao de autonomía do campo de produción ideolóxica de que se trate?

Só intelectuais, artistas e outros suxeitos catalogábeis dentro do marco do chamado exotismo histórico manteñen a prerrogativa de declararse algo en termos de verbalización pública?

Son o mesmo discurso público e verbalización pública?

Hai posibilidade dun discurso público non verbalizado?

Como medirmos a eficacia das declaracións públicas?

A opción que queda é posibilismo raso e calculador vs. estatuaria pública nunha historia posíbel/improbábel?

Que facermos con tanto papel?

[Furtivos nunha praia. Fotografía de La Voz de Galicia]

Ruritania, Sr. Blanco Valdés?

19 de Decembro de 2008


Antes de que algún día dos vindeiros escriba algo sobre o artigo amabelmente remitido por Roberto Blanco Valdés, querería falar con brevidade do limiar que hai tres anos escribiu Fernando Savater para o seu libro Nacionalidades históricas y regiones sin historia. A propósito de la obsesión ruritana (Madrid, Alianza Editorial, 2005).

Gustaríame indicar que neste debate imprevisto a propósito da cuestión da lingua, e en definitiva da cuestión nacional, non me move outra cousa que a declarada, desde os inicios deste blog, a propósito da finalidade priorizada: comentar textos e marxes de texto. E tamén, como indiquei no perfil inicialmente redactado para Blogger “baixar fumes”. Todos necesitamos que alguén nos baixe os fumes. De feito, considero que ese debería ser un oficio en alza na sociedade actual: o de rebaixador de fumes. Por saúde, só por iso.

Entón, pego neste asunto máis ben como observador e analista de discursos alleos. Aquilo da semioloxía aplicada, porque diso se trata, de ver como se articula un discurso e como se conxugan os significados para procurar certos efectos críticos, cohesivos, políticos. Performativos, en suma. Ou sexa, dirixidos a mobilizar unha determinada actitude social e ideolóxica de resposta perante un suposto ataque á identidade supostamente común. Non me move de feito en todo isto a procura dunha controversia antinacionalista. A min éme indiferente o nacionalismo de Savater ou o de Blanco Valdés, que ignoro se son homologábeis, pero que en calquera caso aparentan selo. Interveño lendo a dimensión pragmática e ideolóxica de discursos pretendidamente brancos (e non é un xogo de palabras, créase).

Aliás, eu mesmo non teño conciencia de intervir como nacionalista. Con franqueza, desconfío que o sexa, aínda que non faltará quen pense que o son. En fin, ese non é o asunto hoxe. O asunto é estoutro: como se constrúen os discursos que terxiversan a realidade? Centrémonos niso.

Tomemos, pois, o título do libro de Blanco Valdés (esquezamos o subtítulo, ou deixemos para outra hora a anotación sobre a obsesión ruritana). Observemos o mecanismo retórico que o título mobiliza, pero non quedemos no isocolon nin na néboa antitética, nin sequera na ironía que a algúns parecerá fina e a outros —entre os que me conto— grosa. Transcendamos dese nivel, abandonemos a esfera trópica e entremos nos termos reais da alternancia. Os termos reais da ironía de Blanco Valdés son ben coñecidos: o uso e abuso da expresión “nacionalidade histórica” para referirse a tres comunidades autónomas do Estado que antes da sublevación fascista contra a Segunda República someteran cadanseu estatuto de autonomía ao voto cidadán. Probabelmente, con certeza!, a aplicación do adxectivo “histórica” é burda nese marco. A min paréceme desde sempre, antes ca outra cousa, unha falta de imaxinación e de rigor lingüístico. En termos políticos, de ter ese uso, unha arma descargada, inocua, inane como vehículo de expresión dalgunha clase de distinción. Para min é obvio que ese adxectivo funciona entre a xente baleiro de calquera contido semántico-político: “histórica” aí, sen selo en orixe, virou a un pseudo-epíteto desprovisto de significado. É como dicir “nacionalidade T”, en definitiva. Aínda que T significa, e non hai por que esquecelo, “con estatuto votado antes do 18 de xullo de 1936”. Pero vale, T, sinxelamente T, ou Z… Ou pensa alguén por aquí ou por onde sexa que Castela, Murcia, Extremadura, Navarra ou mesmo Madrid ou o Val de Arán non teñen historia? Claro que a teñen, xaora! E claro que Blanco Valdés sabe que todos pensamos e asumimos que a teñen (incluído, por exemplo, Arzallus ou calquera outro daimon)! Quen vai ser tan parvo para negar iso?

Entón? O xogo de linguaxe do título do libro de Blanco Valdés, alén da relativamente lexítima operación comercial que presupón, consiste en principio en empregar a ironía só para desmontar unha suposta estolidez connatural aos outros nacionalismos (os diferentes do propio). En principio, digo. Porque é doado verificar cal resulta ser a descodificación común desa ludopatía, instada xa a voces desde o prólogo por ese señor que non escribe prólogos e animada desde espazos de opinión impresa e radiofónica con extraordinaria capacidade de convocatoria, inversamente proporcional por certo ao respecto á intelixencia da especie e mesmo á das súas específicas audiencias.

Insta ese título, e con el o libro todo, a pensar exactamente iso que todo o mundo está pensando: Blanco Valdés axita a escura ideación (performativa, ideolóxica, nacionalista hasta las cachas) de que os nacionalismos periféricos reclaman en exclusividade a existencia dunha historia propia e negan, correlativamente, non só a historiografía común senón mesmo que os outros suxeitos históricos presentes no territorio chamado desde hai algúns séculos (non todos) España posúan historia propia, teñan unha historia de seu. Iso é o que promove o título. Ou non?

E é xusto ese movemento? E leal á verdade e á realidade ese órdago, esa argucia? Esquiva a mendacidade como declaración de intencións e como epítome? Modestamente, penso que non. Diría incluso que supera a esfera do enredo lóxico-festivo dirixido á cohesión patética (no sentido etimolóxico deste último termo) da tribo propia e que penetra, non sen furor, no territorio do falaz, no límite exacto da manipulación.

Blanco Valdés elixiu para iso un magnífico portaestandarte. O prologuista Savater, en só tres paxinucas de nada, desenvolve estas notas: 1) dá pábulo incontinente á gracia irónica do título: todos temos historia, incluídos os que sempre a fixeron/-mos; 2) España entrou nun proceso de descuartización controlado polas burocracias locais e rexionais co obxectivo de obteren un privilexio legal (privilexio < “lei privada”) e desmontar así o estado de dereito; 3) o proceso reformador dos estatutos iniciais non interesa á cidadanía, interesa unicamente aos nacionalistas, “a quienes por definición no puede contentar porque su ideología consiste en buscar eximirse de lo común mientras que la tarea del Estado —de cualquier Estado de Derecho— es legislar para todos” (p. 14); 4) son minoría os nacionalistas que aspiran á independencia, “aunque vivan de suspirar por ella en la cordialidad etílica que sigue a bodas y bautizos” (15); e 5) os nacionalismos aspiran só a “acorazar su caciquismo contra cualquier ingerencia del Estado” (15). Non se pense que escolmo o groso e que oculto algún apuntamento de cordura patente. Non, non é iso. Trátase só de que ese é o pensamento de Savater, aínda que debo aclarar que o uso que el fai do termo “nacionalismo” está dirixido con exclusividade ao “nacionalismo outro” (os nacionalistas son sempre os outros, lembran?). Que pode esperarse da argumentación dun libro presentado deste xeito e rotulado daquel outro? Consiste nisto o constitucionalismo español lido en termos políticos e académicos? Por fortuna, creo que non.

E un apuntamento final sobre a alteridade e a exclusión mórbida. Pregúntome por que motivo Blanco Valdés amosa delectación calzando aquí ou acolá algún sic pexorativo cando cita construcións ou usos lingüísticos inapropiados de certos monstros do pensamento (p.e. a propósito de Artur Mas na páxina 55), e en cambio tolera sen sic colateral ningún a ingerencia arriba mencionada do prologuista e pensador Fernando Savater. En realidade, non me pregunto nada a ese respecto. E case nada respecto a outros que aí converxen. Só boto en falta o rigor.

[Na fotografía, Fernando Savater, catedrático xubilado de Filosofía na UCM e impulsor do Manifiesto por la lengua común (2008)]