institución literariaArchive for the ‘’ Category

Escoitar e mirar

20 de Agosto de 2009

 

assessment_workshop

Cando, a finais da primavera pasada, asistín a un dos penúltimos actos literarios nunha algo abafante tardiña compostelá, fun testemuña dun episodio que acaso non sexa tan singular como a min me pareceu aquel día. Na mesa do acto situábanse catro persoas. Dúas delas falaron bastante e o acto demoraba o remate, previsto aproximadamente segundo os cánones para as 21 h. Na sala estabamos unhas vinte persoas, eu na parte central da sala, algo á dereita. Na fila anterior á miña un individuo non moi ben encarado duns cincuenta anos facía acenos que deixaban ver que se sentía incómodo coa duración das peroratas. Ao primeiro con discreción, posteriormente con certo afán de protagonismo. Pero o que desexo relatar aquí é o que ocorreu entre medias. Digamos que eu estaba situado detrás deste señor, nun ángulo duns 255 graos (o equivalente ás 00:43 h. que agora mesmo está a marcar o meu reloxio). Diante do individuo aquel, dúas filas por diante para ser máis exacto (por tanto, tres por diante da miña posición na sala, e desculpen que isto vaia camiño de La Jalousie, pero o detalle é preciso), exactamente na súa vertical,  considerada esta como paralela á parede da dereita, estaba unha muller nova de longa cabeleira negra e fermosa figura. Tardei case media hora en ver o seu rosto desque reparei na súa presenza. De feito só o cheguei a ver con detalle cando abandonou a sala, dez minutos despois de facelo, ás 21:36 h., o individuo que sentaba entre ela e eu. Algo chegaba a percibir da forma da súa orella esquerda, certo é, algo do óvalo facial, pero nada máis ca iso, descontado o movemento delicado dun abano sostido coa man esquerda. En cambio, por estar relativamente libre de público a zona na que todos tres sentaramos, e por ficarmos situados en termos relativos ela e eu no ángulo citado de 255 graos pero máis ou menos ao triplo de distancia existente entre o individuo malhumorado e eu —tamén por facilitalo a clase de cadeiras da sala, que eran como as dos vellos cafés—, o certo é que a liña de visión de talle, van, coxas e nocellos era inmellorábel. Vestía unha blusa branca e unha saia de flores negras. A medida que o acto literario se facía algo pesado reparei en algo insólito. O individuo do bigotiño louro levaba uns minutos gravando co móbil a intervención do terceiro orador (imaxinei que podía ser amigo seu, incluso que podía ser seu pai). De entrada, non prestei maior atención ao que facía por estar eu concentrado nesa altura no cálculo do ritmo co que a moza cambiaba a posiciónpes dos pés, acaso no punto exacto no que o tedio impide deixalos quietos. Entre vintecinco e corenta e tres segundos, calculei. As sandalias eran negras e as unllas estaban pintadas en cor escura tamén, polo menos as do pé esquerdo. No nocello do mesmo lado, caendo ao peito do pé, crin apreciar unha pequena tatuaxe, un motivo ornitolóxico creo, acaso unha rara galinácea de cor turquesa. Nese momento ela moveu a melena cun aceno algo brusco, como se fose xirar o corpo para procurar coa mirada algo situado detrás dela. Acaso eu mesmo, considerei durante nanosegundos. Pero o que quería sinalar, o relevante desta historia, é que xusto en paralelo con ese xesto non completado de ollar ela para a parte posterior da sala o individuo xirou tamén con precipitación o corpo, un corpo, non o dixen antes, vulgar, tanto ou máis que o meu, aínda que conservaba todo o pelo o tipo. En fin, pasou ese instante algo vertixinoso e eu fiquei sorprendido por aquel contrapunto. Faltaban aínda uns dez minutos para que o do bigotiño loiro se levantase e abandonase a sala (cando o fixo, cando se levantou, pensei por un momento que ía dar voces contra alguén da mesa). O caso é que o cabrón do tipo, constateino sen resquicio ningún de dúbida inmediatamente, o que estaba a gravar en realidade era á rapaza, o depravado. Zoom diante zoom atrás percorreu a súa anatomía posterior enteira deténdose onde mellor lle parecía e chegando incluso (podería xuralo) a forzar unha toma a carón despois de simular unha caída das chaves. Eu, a un metro escaso e malia que deixara os lentes na casa, puiden seguir todo o proceso na pantalliña do móbil. De arriba abaixo o langrán, cunha delectación miserábel, particularmente na curva do van e no ombreiro dereito, algo máis descuberto, non tanto na canle que baixo a blusa debuxaban as lumbares, e aí discrepamos. Cando aquel obseso se sentiu satisfeito pechou a rodaxe e se levantou como un lóstrego. O cuarto orador acababa de indicar algo ao parecer relevante e polémico, non prestei atención; os murmurios na sala marcaron certa tensión dialéctica e xusto entón o tipo do bigote, baixote e loiro el, largou con aquel tesouro pixelado deus sabe con que finalidade inconfesábel. Aos dez minutos ergueu tamén a moreniña. Resultou ser de faciana pouco agraciada e de andar torpe, de modo que a descompensación entre isto que sinalo e as proporcións corporais resultaba chamativa á vista, inxusta. Pensei entón no depravado e decidín saír eu tamén antes de acabar o acto. Seguina durante dez ou quince minutos para asegurarme de que non había ren que temer e logo fumei un charuto á saúde da autonomía do campo e dos intelectuais facundos.

Feijóo no CCG, ou eloxio da alienación

18 de Xullo de 2009

goberno-galego

 

O discurso do Presidente Alberto Núñez Feijóo no acto solemne que conmemorou en Raxoi os 25 anos do Consello da Cultura Galega foi obxecto de controversia en varios lugares e moi probabelmente será lembrado no futuro como un dos momentos máis irresponsábeis do seu mandato, que desexo breve, bastante breve.

Anotarei algo: non sei como tratar un asunto desta entidade. Un asunto que percibo como de extraordinaria importancia política e que porén chega á cidadanía a través dos medios como unha especie de minucia protocolaria e festiva á que non hai que prestar maior atención. E malia todo, este discurso de Feijóo podería estudarse en calquera escola de retórica como paradigmático en varios planos: discursivos, performativos e ideolóxicos. En particular en tres dimensións. A primeira é a  narrativa: cómo chegamos a ser o que somos e non outra cousa distinta. A segunda é a patética, referida á lectura emocional da nosa condición periférica en Europa. A terceira e última e a argumentativa, e aquí é onde o pensador que lle escribe o conto a Feijóo fala do provincianismo dos procesos de construción nacional (pero non de todos, claro: só dos diferentes ao lexitimado pola existencia do Estado, pois o discurso naturaliza a postulación nacional de España, fóra de  cuestión e nunca provinciana) fronte ao divino cosmopolitismo. A peza oratoria leva a quen a ature á peculiar conclusión de que os máis cosmopolitas son os grandes escritores que abrazaron para expresarse unha lingua  diferente da súa orixinal ou materna. Así, Joyce, Kafka, Beckett, Kundera (sic). O anterior non é tan exacto como poda parecer, pero ese non é o asunto hoxe. De todos modos haberá que voltar a todo isto porque considero que aí reside a mandorla conceptual do discurso de Feijóo no CCG.

Pero hai máis. Hai, por exemplo, unha inelegante, maleducada incluso, deslealdade institucional, pois todos sabemos que non se vai a unha celebración á que se nos invita co único obxectivo de augar a festa aos anfitrións. E hai de porparte unha tamén inelegante deslealdade persoal co presidente do Consello da Cultura, polo uso perverso e intelectualmente obsceno de dúas citas descontextualizadas que, resulta obvio, Ramón Villares nunca poñería ao servizo da causa argumentativo-ideolóxica defendida por quen sabía que despois del ninguén podería retrucar. E o caso é que esas dúas citas son as efectivas e reais chaves vertebradoras do discurso todo de Núñez Feijóo ese día. Ese día que foi á casa daquel seu amigo, quen alén dese dubidoso privilexio é a terceira autoridade do país segundo os protocolos oficiais sancionados pola Xunta de Galicia.

Algo máis? Abofé que si. Porque non falei aínda desa pílula de diámetro superior ao da gorxa de calquera ser humano. Voltarei a ela con detalle. Menciono só que se trata dese canto a alienación cultural na que se abandeirou no Consello da Cultura  ese señor que nos preside. Apréciase agora a grave e onerosa realidade que nos caeu enriba pola incompetencia táctica de Touriño e de Quintana e pola intromisión tamén táctica do poder financeiro-estratéxico-mediático vinculado co triángulo escaleno Iñás-Piazza di Spagna-Sabón.

Así, pois, o texto de Feijóo pasará ás máis extravagantes antoloxías sobre o revisionismo histórico, sobre a colonización e a alienación culturais, sobre os conceptos de  resistencia cultural, hibridación, aculturación…, pois este home que a min antes me parecía intelectualmente limitado ten que ter acceso a algunha esotérica e potente tradición teórica, talvez recadada nos sotos da FAES ou noutro templo do saber. Direino directamente e xa sen ironías: constitúe un inaturábel insulto á intelixencia que un licenciado universitario manexe algúns conceptos de cultura xeral como o fixo Alberto Núñez Feijóo nese lugar que o texto estatutario de noso destaca nos termos que o fai.

Cando cunha mistura de desleixo e estupefacción accedín hai unha semana aos breves apuntamentos sobre o acto recollidos en prensa —na inane, na pérfida, na lexíbel e na outra—, acudín case de inmediato ás webs institucionais da Xunta en procura do texto. Porque un pensa, fíxense vostedes, que os textos pronunciados en ocasións solemnes da índole da que aquí se comenta deberían ser de acceso público. Por simple respecto aos cidadáns e cidadás, ou aos contribuíntes, palabra esta que cada vez máis penso que hai que recuperar para a esquerda cando se fala destas cousas. E é que non todo o mundo recibe un convite insstitucional para acudir a eses actos; non todo o mundo ten acomodo na pequena e incómoda sala magna do Consello da Cultura Galega, atafegante a partir de maio e insufríbel en termos acústicos polo inconsútil fío musical que chega desde a escaleira de Xelmírez dos pulmóns dun gaiteiro (incombustíbel e artísticamente menor) ao que habería que pagar de inmediato, entre todos, o plus que lle falte para alcanzar unha pensión digna que goce rodeado dos seus.

Falando xa moi en serio, sinalo isto: os discursos dun Presidente do Goberno en ocasións da entidade institucional que aquí se comenta son os que marcan políticas, son os definitorios dun rumbo, son os que estabelecen e aclaran unha cartografía e anuncian unha forma de intervención. Este de Feijóo o día 9 de xullo de 2009 de maneira absolutamente incontestábel.

Por iso mesmo, celebrei que o Consello da Cultura decidise pendurar onte o vídeo do acto, que incorpora tamén o discurso do Presidente Feijóo entre os minutos 43 e 57. E celebrei hoxe á maña, así mesmo, que a partir dese vídeo a dirección de Galicia Hoxe decidise que os seus redactores o transcribisen (“O Presidente no CCG“) para llelo ofrecer aos lectores, o certo é que con poucas grallas ou modificacións en relación co que en efecto pronunciou Feijóo (ningunha delas substancial e case todas por simple conmiseración lingüística, se ben hai unha de signo inverso, moi ao comezo da transcrición, porque o poscolonial Feijóo non fala do Obradoiro como “meeting point” senón como “melting pot“). Antes de pasar a unha parte máis analítica do que quero contar, suxiro que lean o texto á vez que teñen á vista as imaxes. Observen as actitudes do orador, fíxense ben nos seus acenos, bastante comedidos pero con algún momento de excepción, atendan tamén á resposta do público, ao meu xuízo inapropiada se temos en conta o que alí se dixo. Claro que ese público era, como diría o Presidente Feijóo, plural; por moito que a min me pareza máis ben singular, tan singular que non creo que en ningún outro lugar do mundo reaccionase así á afrenta recibida: 14 segundos de aplausos para un torpedo dirixido á liña de flotación do buque (un segundo máis que os aplausos que seguiron á intervención de Ramón Villares).

Cansa tanto relatar isto que hoxe xa non o aturo máis. Deixo para un post doutra hora a análise do texto presidencial. Pero por se alguén se animar a estudalo déixoo aquí en pdf, con só unha mínima edición de páxina e sen modificacións sobre o publicado en GH.

Un complemento: o outro día dixen que cómpre saber quen lle escribe estas cousas disparatadas e imprudentes a Núñez Feijóo. Algo avanzamos a día de hoxe. Ese ideólogo/a non é filólogo/a. Con certeza. Diría máis: non sabe gramática. Así que podería ser ese señor que aparece na foto estreitando a man do Presidente tras a toma de posesión do Goberno. Tería lóxica, lóxica orgánica, quero dicir: porque estas materias son da súa incumbencia, da de Varela, visto o asunto desde unha perspectiva conservadora. Ou é que o conselleiro de Cultura alén de saber linguas sabe gramática?

O da gramática dise porque no discurso de Feijóo hai un momento no que se menciona que “nós” (o Nós de Risco e os demais membros da súa xeración e o nós de “nós mandamos”) é un posesivo. E… vaia, como que non. Os posesivos son eles, os señores e señoras da foto da axencia EFE que abre esta anotación. Nós somos sinxelamente persoais, como o pronome nós, e tamén un pouco ambiciosos e testáns. Apropiámonos da lingua e apropiarémonos do futuro. Ñam!

[Continuará nesta pantalla en forma lacónico-aforística. Moi en breve]

Golpe a golpe

11 de Xullo de 2009

 

feijoo

A estratexia está definida e está servida para que a entenda todo o mundo. Procura enunciar os criterios programáticos de intervención no plano cultural e lingüístico alí onde existe un valor simbólico engadido, alí onde presupón que se concentra a sociedade civil e onde se incorporan os que representan, tamén simbolicamente, unha vontade nacional de persistencia e de pacto. Amparado neses lugares por unha posición institucional que non resulta doado contestar ou afear desde o auditorio, fai ditado da súa análise cultural e de paso insulta. Non sempre querendo —ás veces si—, insulta. En ocasións, un pode pensar que busque unha reacción, un xesto de resposta desde o público parangonábel ás célebres garrafas do día da manifestación de Galicia Bilingüe en Compostela. Será iso? Será a impagábel fotoxenia dos cristais rotos? A ira en primeira páxina dos que non aturaron a provocación? Procura iso o Presidente?

Non estou convencido do que algúns analistas promoven desde diversos espazos de opinión: a idea de que Feijóo estea a utilizar esta fase do seu goberno (a fase inicial é sempre a dos grandes xestos e a das grandes rectificacións da situación herdada) para promocionarse como alternativa pensando nun novo fracaso de Rajoy nas eleccións xerais de 2012 ou de cando sexa. Non. Alguén que accede ao poder de forma tan inopinada como correspondeu a este home non chega a proxectar esa clase de previsión tan axiña. El está aterrando. Está facendo probas. Pero na escala do país. Polo de agora abóndalle, créase. Está testando con eses discursos que non sabemos quen documenta e redacta, pero que mostran impericia, descoñecemento e soberbia moral a partes iguais, até onde aguantará a xente, até onde se soporta no país o insulto, até onde pode desarmar nesa progresiva trivialización de conceptos como liberdade, igualdade, cosmopolitismo e resistencia, nese abandeirarse na falsificación do real (imposición, inmersión, provincianismo…). Vai aos lugares simbólicos, rebaixa aos representantes das institucións culturais, mófase deles ofrecendo orzamento e deixándoos en evidencia con declaracións e fotos risíbeis destinadas a desarmar compromisos, permítese boutades coa historia dos antepasados que ningún gobernante de ningún país administraría dese xeito (proben a mudar Medulio por Numancia, sen ir máis lonxe), ergue unha delirante e ofensiva polaridade entre provincianismo e cosmopolitismo que na súa estrutura profunda significa “cultura desde a identidade e a lingua propia” vs. “cultura desde unha lingua diferente da propia”, lexisla á contra e toma con desleixo algunhas das funcións que lle corresponden como autoridade máxima do país. Para que? Resulta evidente: o programa cultural e político de Feijóo e o dos seus valedores económicos, sociais, ideolóxicos, relixiosos e mediáticos consiste, no plano que aquí estou tratando, en algo que se formula con moi poucas palabras: promover de vez a rexionalización da nación.

Por iso comezaron por onde se comezan sempre estas cousas (tanto nos movementos construtivos coma nos deconstrutivos): polo ensino. E no escenario comparece un aspecto máis, en parte novedoso. Feijóo séntese tan seguro, tras estes meses, que mesmo se comeza a permitir o luxo de prescindir dunha das armas que mellores resultados estaba a dar ás posicións aleccionadas polo Opus Dei, FAES, a catacumba neofranquista e os poderes financeiro-mediáticos locais. Falo evidentemente do cinismo. Que Feijóo necesite cada día menos dese recurso indica moito sobre a recomposición do mapa en tres meses de recuperación do poder.

Algo hai que esperar da nosa dignidade como pobo. Algo que non creo que deba vir atravesado por nada máis que a esixencia de respecto á historia e á nación, alén de á verdade dos feitos. Nada histriónico, por tanto. Nada xestual, bufo ou circense. Hai que esperar, mesmo desde a dereita que con el goberna, un exercicio discreto pero firme e permanente de dignidade. E iso debe comezar, ineludibelmente, desde arriba, desde quen ocupa postos de responsabilidade real ou simbólica. Debe comezar por non rir as grazas de quen se comporta como tirano, debe pasar por non condecoralo, por non acompañalo nin convocalo, debe seguir por non ser séquito nin claque de quen vén decidido contra nós e contra os nosos intereses. O único que limita á cultura galega é a obscena incapacidade e falta de interese dos gobernantes do país para poñerse ao seu servizo.

 

ps. Vídeo do acto de clausura dos actos conmemorativos do XXV aniversario da creación do Consello da Cultura Galega, coa intervención do Presidente Núñez Feijóo á que se fai referencia no post e tamén a de Ramón Villares e outras autoridades e persoas vinculadas coa historia do CCG. A partir dese vídeo, Galicia Hoxe recupera na edición do día de hoxe o texto lido por Feijóo (18 07 2009).

BGL

12 de Xuño de 2009

tollii-porta-1991

Vinte anos e corenta números, algúns deles dobres, do Boletín Galego de Literatura, un soño feito realidade por Anxo Tarrío Varela desde a súa cátedra  de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela. El mesmo lembrou hai unha semana algúns datos e eixes desta traxectoria, de gran mérito e vitalidade, na páxina semanal que escribe para Galicia Hoxe.

Non é doado subsistir vinte anos para unha empresa desta clase nos tempos que vivimos; non é doado, para empezar, se falamos da súa dimensión primaria, a do sustento orzamentario, que é o que permite manter o equilibrio e o rumbo ao longo de tanto tempo. Este é sempre un plano delicado e máis que complexo cando se trata de revistas universitarias. Tarrío soubo conducilo con discreción e talento, o que lle permitiu aplicar pautas en verdade infrecuentes no eido da publicación académica.

Alén disto, a revista soubo interpretar a finais dos pasados anos 80 algo relevante que mantén absoluta vixencia: a conveniencia dunha expansión e dunha actualización dos Estudos literarios de marca galega en dous sentidos, o dos métodos e o dos obxectos de análise e estudo. Nese sentido, Anxo Tarrío promoveu e brindou con xenerosidade e perspicacia un espazo de diálogo e convivencia para que especialistas en literatura galega compartisen páxinas con colegas especializados noutras tradicións culturais e literarias, un espazo asemade para o intercambio de perspectivas epistemolóxicas e de aplicacións metodolóxicas diversas. Segundo a el mesmo lle aprace explicar, o proxecto corresponde a unha publicación feita en Galiza sobre literatura e sobre literaturas, o cal non é o mesmo que falar dunha publicación sobre literatura galega. O Boletín acolle este campo de estudos, por suposto, pero faino sen exclusividade de atencións, segundo saben moi ben os seus lectores e lectoras. Como tampouco practica exclusividade de ningunha especie en relación cunha lectura restrinxida ou inercial do fenómeno literario. Tarrío, e este paréceme outro dato importante que fala con anxo-tarrio1claridade do seu talante como director da revista e como coordinador do grupo de colaboradores que o acompañou e acompaña no periplo, incorporou así mesmo ampliacións comparatistas e interartísticas, algunhas delas tan inusuais no ámbito académico (de noso ou de radio máis amplo) como as que se concretaron en monográficos sobre banda deseñada, as relacións entre literatura e cinema ou a literatura infantil. A este propósito, a publicación paréceme exemplar. Éo tamén noutros aspectos. Un deles, que todo lector estima, é o exquisito coidado gráfico e a de novo plural nómina artística de debuxantes, gravadores, pintores, fotógrafos… que ilustraron as sucesivas entregas do BGL. Outra faciana tamén interesante é a constituída polas páxinas de peche da publicación, dedicadas á obra literaria de narradores, poetas e dramaturgos, consagrados ou de traxectoria aínda non tan firme, a quen se convida adoito a reflexionar en voz alta sobre esa tarefa creativa súa mercé a unha modalidade complicada pero moi atractiva que chamamos poéticas de autor.

Longa vida, pois, a este proxecto fundamental! Longa vida, desexo hoxe aquí, a unha revista que para quen asina constitúe, non o vou ocultar, unha das referencias centrais e máis queridas da súa peripecia como investigador. Como tamén o é o nome do seu director, o meu profesor e mestre Anxo Tarrío Varela. No Boletín publiquei a instancias súas diferentes traballos a partir de 1991. Unhas veces recensións, noutros casos artigos, e tamén entrevistas, bibliografías e traducións. Creo que un total de dez colaboracións neste tempo xa non tan breve, incluídos dous números monográficos tan laboriosos como satisfactorios. A nova política que se está a emprender por parte do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC permitirá axiña que o Boletín Galego de Literatura e outras revistas da casa poidan consultarse libremente on line, talvez antes de que remate o ano. Unha expansión nova, da que temos que felicitarnos todos porque favorecerá un acceso universal a traballos sobre a nosa cultura e a outros moitos, escritos igualmente en lingua galega, debidos a investigadores e investigadoras de moi plural procedencia sobre literaturas alleas que, por medio de soños como este de Anxo Tarrío, son á vez e de vez nosas.

Parabéns emocionados por estes vinte anos do Boletín e beizóns por tantas e tantas horas de dedicación, caro amigo.

[Augaforte “Porta” (1991), da artista estonia Vive Tolli, publicado na monografía 2 do BGL, e fotografía recente de Anxo Tarrío Varela, tomada do xornal Galicia Hoxe]

Europa: identidade e diferenza

8 de Xuño de 2009

 

repensarmosEntre os vindeiros 8 e 10 de xullo terá lugar na Faculdade de Filosofía compostelá, no marco da Universidade de Verán 2009 da USC , o curso Repensarmos Europa á luz da diferenza. Procesos emerxentes e enclaves culturais, dirixido por Raquel Bello e María do Cebreiro Rábade. A páxina institucional da Universidade de Santiago de Compostela informa sobre o programa do curso e sobre a normativa en materia de bolsas e matrícula (o prazo remata o venres 26 de xuño). Tomo as notas que seguen do blogue do Grupo Alea de Análise Poética (GAAP).

Os obxectivos do curso cífranse en tres: facer visíbeis as implicacións sociais dos fenómenos vinculados ás coordenadas da emerxencia cultural e dos movementos migratorios no contexto europeo, impulsar a análise das manifestacións culturais procedentes de marcos aos que tradicionalmente se adxudica unha representatividade e/ou unha lexitimidade insuficientes e abrir horizontes na investigación interdisciplinar dos fenómenos e procesos emerxentes, incorporando puntos de vista antropolóxicos, de xénero, xeoculturais, sociolóxicos, políticos, económicos, tecnolóxicos, mediáticos, xurídicos ou estéticos.

O curso Repensarmos Europa á luz da diferenza pretende ser non só unha actividade de divulgación, senón tamén un encontro entre especialistas na análise da cultura nos seus diferentes aspectos. En que medida os movementos migratorios están a afectar a redefinición das identidades europeas? Cales son os vínculos, pasados e presentes, entre as culturas europeas e as culturas africanas e latino-americanas? Podemos aínda falar dunha cultura europea? Responden os discursos contemporáneos sobre Europa a unha realidade ou a unha aspiración?

Estas son algunhas das preguntas que servirán como eixe para o desenvolvemento deste curso. A redefinición de conceptos teóricos como os de enclave, fronteira, interculturalidade, identidade ou diferenza será tomada como ferramenta para a análise destes procesos e para explicar en que medida afectan á vida das persoas, así como para estimular a discusión conxunta dalgúns dos debates mais presentes no mundo contemporáneo.

Participarán como relatores Itamar Even-Zohar, Elias Torres Feijó, Nacira Guénif-Souilamas, Xaime Barreiro Gil, José M. Díaz Lage, Carlos Valcárcel, Samuel Rego, Humberto Martins, António Medeiros, Pilar Cagiao e Graziela Moraes da Silva. Alén destes relatorios desenvolverase unha mesa redonda de escritores moderada por María do Cebreiro Rábade, con participación de Limam Boicha, Joaquim Arenas, Chus Pato e Manuel Outeiriño. Varios membros do CIEPE (Raquel Bello, Manuela Palacios e Arturo Casas) presentarán o curso e introducirán algúns dos relatores, como tamén o farán Ánxelo González, do IGADI, e Antón Corbahco Quintela, da Universidade Federal de Goiás. O xoves 9 pola tarde proxectarase o filme de Pedro Costa Juventude en marcha (2006), presentado polo propio director.

A inauguración será o mércores 8 de xullo ás 10 h. a cargo da Vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo. Colaboraron coa organización e o financiamento do curso de verán a propia Vicerreitoría de Cultura, o CIEPE, o Grupo de Investigaçom GALABRA da USC, a área de Teoría da literatura e Literatura comparada da USC, o Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Alliance Française e o Instituto Camões.

 

ProTexta: unha referencia

13 de Febreiro de 2009


Sae o número 9 de ProTexta, agora coordinado e algo máis por Ana Salgado, con edición a cargo de Aurelio Castro. A publicación repártese con algúns xornais o sábado 14 e vén co número de febreiro de Tempos Novos, a casa matriz. Pero, como é sabido, é accesíbel tamén en pdf cos seus contidos íntegros, igual que os números anteriores (o número actual, en breve). Algo que se agradece moito e que constitúe de seu un importante valor engadido para lectores e investigadoras, calquera que sexa o seu lugar de traballo.

Paréceme excelente este novo número. Sólido e áxil á vez. Sen dúbida, unha referencia crítica de primeira orde para a literatura galega e para as traducións que nela se incorporan (unha parte máis do sistema, por suposto). Nunha ollada inicial resulta difícil destacar algo no mapa xeral atendido, pero direi que a entrevista da coordinadora a Manuel Rivas é intelixente, seria e eficaz.

Penso que hai unha chave de moito interese para explicar o éxito de ProTexta: a camaradaxe, o propósito colaborativo e igualitario que vén xa da etapa de Iago Martínez, e que, malia o que estas palabras poderían suxerir a algúns, achega de seu unha profesionalidade exemplar. Un traballo de mérito e altura que merece parabéns e beizóns. Van os meus para o novo equipo.

[Capa do número 9 de ProTexta]

ps. Sobre a entrevista de Salgado con Rivas, hai un apuntamento do novelista relativo á noción de “sistema literario”. Son varias as voces relevantes, sobre todo as relevantes (e isto é algo significativo de seu) que manifestan desleixo ou distancia conceptual-intelectual, pero sobre todo biocultural e sociolóxica, coa noción de sistema. Creo que é polo mal uso que dela se fai. Pero tamén pode ser por unha especie de sedimento estético. Haberá que facer algo. Xógome ese vaso con Rivas (14 02 2009).

J’accuse no jacuzzi

12 de Febreiro de 2009

Seguir falando do fracaso da convocatoria de Galicia Bilingüe é un erro. Talvez teña algún sentido táctico ou emocional facelo. O problema é chegar a crelo.

Un indicio de que non hai tal fracaso é o xeito no que algúns reaccionaron estes días a todo o proceso que conduciu até a manifestación do pasado domingo en Compostela. Galicia Bilingüe e a conexión que representa con UPyD, o partido de Rosa Díez, e outras plataformas conservadoras ou fascistoides da súa trastenda non fracasan desde o momento no que están forzando tomas de posición e declaracións de terceiros para delimitar un espazo ideolóxico e mediático de cara ás eleccións do 1 de marzo. Non fracasan desde o momento en que acollen significadas adhesións por parte de responsábeis políticos e cargos públicos do PP. Porque é evidente que a cuestión ten unha dimensión que transcende ao debate sobre o modelo lingüístico da educación ou da vida pública. Isto é innegábel. Que noutra zona do ángulo parlamentario e do reparto de poder, dirixentes políticos como José Blanco cheguen a sentir a necesidade táctica de lanzar unha mensaxe de rebelión (sic) contra a imposición de falar galego é un indicio do que se sinala.

Pero moito máis relevante que todo iso é a manobra manifestaria de Santiago Rey no seu xornal, ese “Yo protesto” que na edición dixital de La Voz de Galicia abriu páxina durante nada menos que catro días e que agora mesmo segue sendo accesíbel nunha posición menos destacada da web. Rey, co soporte dalgunhas persoas do mundo empresarial e profesional coruñés, dun catedrático de Dereito Constitucional da USC e dun intelectual, asumiu en realidade co seu manifesto, en forma e fondo, as posicións de Galicia Bilingüe e todo o cinismo social que vai no seu guiñol. Fixo coincidir ademais a publicación dese texto coa celebración da manifestación do pasado domingo, como querendo subliñar unha concordancia de fondo e unha empatía coas consignas. Imaxino que os membros de GB estarán moi satisfeitos con ese apoio.

Trátase dun erro de colosais dimensións nunha persoa da súa traxectoria empresarial e política. Un erro de análise e un erro estratéxico, acaso derivados dunha inquietude puramente contábel e conxuntural. Pero ante todo, e isto é o único que desexo destacar hoxe aquí, estamos perante un desafío á sociedade civil galega e á legalidade. Un desafío que se dirixe de modo especial ao campo da cultura galega. Unha declaración pública desa entidade, no que é estritamente o plano lingüístico-cultural que incorpora, non debera quedar sen resposta social nin, atención!, resposta institucional. Non se pode amosar conivencia nin fraqueza moral con esta clase de asuntos. Non se deben rir estas supostas grazas a quen paga ou convida. As institucións están para algo e é perentorio que cumpran co seu deber. Como tales institucións, loxicamente. Porque non estamos diante das reflexións dun columnista calquera un día calquera. Estamos diante doutra cousa moi distinta.

[Fotografía da manifestación de Galicia Bilingüe o 8 de febreiro en Compostela. Tomada da páxina web da asociación]

Desencaixes

3 de Decembro de 2008

Quizais o problema da anotación anterior provén dunha encrucillada cultural/institucional na que andamos todos. Bastante precisa e máis controvertida do que a priori concedemos (algúns). Con significación distinta se se pensa en realidades culturais consolidadas no plano institucional e político (culturas sostidas por un Estado) e en realidades culturais minorizadas, emerxentes, excluídas, colonizadas…, todas en fin as que non teñen un Estado como soporte seguro e continuado ao longo dun tempo histórico suficiente.

Formularíaa así a encrucillada: ten a literatura hoxe a relevancia que sitios como este blog, os ministerios de cultura e os sistemas educativos vixentes no mundo lle outorgan? Ou tamén así: entenden os axentes que participan no mundo social e económico que a literatura é tan importante e está tan necesitada de protección institucional como nós consideramos? E aínda así: cumpre hoxe a literatura a mesma función política e ideolóxica que cumpriu no momento en que os Estados modernos entenderon que debía ser incorporada ao currículo escolar como materia de estudo? Ou así: sabemos e lembramos que esa incorporación curricular que viña a substituír outras aproximacións escolares ou académicas ao literario moi diverxentes da activada de inicio conta con só dous séculos de traxectoria e que basicamente se conformou como a actualización dunha estratexia dirixida de xeito fulcral ao logro da cohesión social e política das novas nacións modernas, e dalgunha excepción premoderna, co socorro dunha comprensión laxísima do literario? Ou: lembramos e sabemos que esa perspectiva obedeceu sempre e en todo lugar a un programa político nacionalista e que consecuentemente optou, de acordo cos referentes románticos e historicistas de base, por un entendemento do literario visto estritamente á luz da historia literaria nacional constituída como metarrelato (digo da historia literaria nacional, non da historia nacional, non da historia)?

Ou: é máis útil á polis hoxe o estudo da historia literaria narrativa (nacional) que a formación noutras disciplinas ausentes dos currículos (linguaxes audiovisuais, ecoloxía, dereito, domótica, gastronomía, tai-chi…, que sei eu)? En fin: por que nos importa tanto iso —a literatura reducida a historia literaria— que á inmensa maioría da poboación mundial non lle importa nada? En fin: por que illamos como obxecto de estudo supostas realidades históricas sistémicas que, antes de proceder, limpamos convenientemente de todo canto de sistémico teñan para deixalas espidas nesa abstracción moderna do dito “nacional”? En fin: por que se tan sistémicos somos atribuímos o plus da sistematicidade a todo menos ao que é ineludíbel para a constitución do sistema (lectores, institucións, canonicidade, contradición, loita dos axentes polo dominio e administración da polaridade centro/periferia, repertorios contrapostos, mercados, mediadores, distribuidores, premios…)? En fin: por que pensamos que o sistema é un bombón para adozar e aggiornare a boca e ha de ficar logo limitado á sacrosanta morea quieta e xerarquizada de obras e autores maiores nese circuíto teleolóxico consistente en chegar a ser quen xa eramos? Por que dicimos sistema cando queremos dicir retorta? Por que falamos de rede cando en realidade queremos falar de fíos? Por que simulamos interese pola loita e a interacción de elementos sistémicos se só nos preparamos para falar e saber de equilibrios?

Naturalmente, ningunha destas preguntas está dirixida só a nós. Pero si tamén a nós.
[Nas fotografías unha retorta para un espectáculo de maxia (1940) e un recente encontro da conselleira Ánxela Bugallo, o editor Manuel Bragado e o escritor Manuel Rivas en Compostela. Descoñezo autorías]

Cadáveres exquisitos frustrados

3 de Outubro de 2008


A adaptación posmoderna de prácticas artísticas ou literarias correspondentes ás vangardas históricas concreta nalgunhas ocasións resultados intelixentes e eficaces en termos etoestéticos, culturais ou políticos. Outras veces, fracasa. A comercialización dun imaxinario listo-para-levar-e-pendurar-na-salita modula como flatus voci venerábeis iconas merecedoras de mellor sorte, algunhas previstas xa como despropósito polo vello e comedido Horacio cando instaba a poetizar ou representar con decoro artístico.

Unha das prácticas artístico-literarias das vangardas históricas máis maltratada é a do cadáver exquisito. A trivialización dese xogo de autorías cruzadas e de deslocalización de tempos responde en ocasións a unha rendibilidade creativa apropiada e digna de encomio, por exemplo no terreo didáctico. O alumnado de ensino primario obtén moita satisfacción e aprende técnicas colaborativas de indudábel utilidade. Aprende tamén a sistematizar os ímpetos creativos e a dominar os tempos e as esperas. Existen ademais iniciativas máis ou menos lúdicas adaptadas aos novos medios. Outras veces, os resultados, e a propia interpretación da fábrica, son lamentábeis.

Un caso, que un preferiría non ter que comentar, é o da serie aínda aberta que os subscritores da colección Poesía de Espiral Maior reciben cos envíos periódicos da editorial. Comezou hai xa bastantes anos cun verso de Manuel María (“A vida non é recta: ¡é espiral!”) e pervive a día de hoxe cunha sucesión de versos-apotegmas que poden ter algunha validez como unidades rítmicas ou como tactos trópicos pero que fracasan sen paliativos en tanto práctica. Empezando xa polo feito do coñecemento público de todos e cada un dos sucesivos banzos e, o que é moito peor, polo feito da derivación a glosa na restra de hendecasílabos e asociados. O texto final resulta así, a penas, unha especie de comentario do escrito e sancionado polo poeta que abriu a fórmula. Nada a ver coa exploración surrealista de azares e de elos fortuítos nin con ningunha proxección valiosa desa idea (porque os autógrafos tampouco a salvan). A miña recomendación é que se apague de vez esa suposta luz e con ela o nada fúlxido tormento dunha lírica definitivamente caduca e aínda infame. Ningún dos poetas que colaboraron no artefacto merece quedar exposto así á historia. E se parece excesivo o xuízo, léase o comezo do conto, acaso o seu momento menos infeliz:

A vida non é recta: é espiral,
maré que se derrama en ondas cegas,
leve concavidade onde bebe o silencio
antes de se irradiar albor primeiro.

Certeza de semente en desmesura
que prende no areal do noso adentro
co alento impaciente da erosión.

“¡Espiral tamén es ti!”, así di o verso,
en árdora e música inflamado.


And so on.

Cooptación e esperanza de vida

16 de Setembro de 2008

No plano institucional, é unha cuestión grave. Por fortuna, a esperanza de vida experimenta modificacións á alza. Faino sen tregua e iso afecta a todo o mundo. En particular, ao mundo acomodado. En que sentido toca iso ás academias, aos consellos nos que non existe un límite de idade para o exercicio dun compromiso executivo e de intervención política e cultural? As circunstancias de excepcionalidade non interesan aquí. Fálase só de aritmética, de medias, de modas estatísticas. Fálase de eficacia social, non de vaidades nin de lexitimacións. E fálase tamén da exclusión. I saw the best minds of my generation e das seguintes facendo roteiros literarios.