James JoyceArchive for the ‘’ Category

Na tumba de Joyce

23 de Marzo de 2009

Falouse aí atrás de Pound a propósito da poesía de Paulino Vázquez. Nesta fotografía, tomada en Zúrich en 1967, visita a tumba de James Joyce. Para min a de Joyce foi quizais a única lectura “relixiosa” de xuventude. Uso a palabra cun sentido dobre: liturxia no trato e entrega ás páxinas á marxe de calquera marca de racionalidade. Iso demandou, e foi cumprido, un pacto, a camaradaxe. Un colega entón, basicamente, Rogelio, que daquela penso que aínda cursaba Económicas. E nesa clase de entrega tamén resultaba imprescindíbel a figura do precursor, a do explorador que logo transmitía coñecemento aos novos, rapaces case no límite da maioría de idade. O irmao maior del, que vivira o París posterior a maio do 68. Tanto tempo despois, hoxe, escribo tendo á vista un retrato seu na Martello Tower de Sandycove, onde estiven a comezos dos anos 80. Aquel vello cottage ao noroeste do Phoenix Park no que morei unhas semanas, aquela suciedade do cottage, todo aquilo… En Sandycove había, desde logo, vellotes en coiro tomando o seu baño de mar e o sol levísimo quecía un xersei violeta nas penas da torre. Fixen un poema titulado “Virlanda”. Comezaba máis ou menos así:

Cerco sen tregua: o mar.
Non ten modo.

Onde foi Gerty,
que as rochas de Sandycove non teñen máis as súas nádegas anti-
simétricas?


Naquel tempo, o da lectura previa e o do paseo por Sandycove, nada me parecía máis erotizante que unha rapaza coxa. Así de forte era a influencia do Ulysses, do Bloom onane co reloxio parado diante do azul de Nausícaa MacDowell. Hoxe conservo aquela fotoinvención de Joyce á vista, aquí a tres metros, á dereita, e, en boa medida, conservo tamén esa modesta perversión, inconfesada.

[Ezra Pound, Zúrich 1967. Descoñezo autoría]