lapsusArchive for the ‘’ Category

O erro Berg

19 de Agosto de 2009

 

kristina-berg1Kristina Berg equivócase facendo o préstamo que fai para a demolición do que foron as galescolas do goberno anterior. Un préstamo por outra banda innecesario, porque o mundo está cheo de galiñas azuis (a da Universidade de Delaware, por exemplo), non sempre asociadas en termos simbólicos ao mesmo que o conselleiro Jesús Vázquez —ignórase se tras inspirarse en Cirlot ou en Eranos, ou ficando só nunha lectura algo perversa, oportunista e cínica do conto de Carlos Casares— atribúe atropeladamente á pita celeste e desideoloxizada. Así que xa temos icona nova para a rede que Vázquez e Mato rescatan do gulag entre lapsus, coñas e desidia estival, con sol moi torero e rojigualdo sobre a nube azul ao fondo do cartaz (por certo, o sea). Documéntase  todo de modo suficiente nestes vídeos da Axencia Galega de Noticias que rexistrarán para a historia, sen deixar espazo á incredulidade de quen veña tras nós, en que consistiu exactamente en fondo e formas este Goberno Feijóo.

Berg non só cedeu aquilo que non se acaba de ver por que motivo é materia de cesión (a diferenza cromática?, a diferenza articulatoria que xa tratou Platón no Crátilo?); que non se acaba de ver fóra dunhas circunstancias socio-culturais como as nosas, claro. Como as nosas postas do revés, patas arriba, dándolle a volta ao escrito por Casares, algo que a estas alturas é evidente que tonifica a libido de quen manda no país. Moi alén da cesión non lucrativa de dereitos, Berg tomou parte no acto gubernativo e acompañou na mesa aos conselleiros Mato e Vázquez, quen, obviamente, utilizaron esa marca (a marca Casares) dun xeito que poderá cualificarse como se queira pero nunca como desinteresado.

A estratexia é, máis unha vez, perceptíbel e barata. Cáptase lexitimidade galeguista (individual, faniliar, institucional…) mediante acordos non descritos nin publicitados, probabelmente tácitos. Deconstrúese, en paralelo e sen rubor ningún, a cerna estruturante do ideario nacionalista, presentando por exemplo a Castelao, diante da súa tumba!, como un rexionalista estetizante. E así sucesivamente por academias, clubes e consellos.

Berg decidiu libremente incorporarse ao traxecto Feijóo, a esa planificación trazada ao milímetro por estrategas que ninguén debe menosprezar na súa capacitación técnica e que case todos sabemos cara onde dirixen a máquina, malia os erros e os despistes concretos dalgúns subalternos no aparato, como os penosísimos na dicción e na formación do conselleiro Vázquez  na súa intervención de onte (a ver o que di a Conferencia Episcopal cando escoite iso de que o obxectivo da Consellería de Educación do Goberno Feijóo é “formar dende o berce a cidadáns librepensadores”, 43-45″ do vídeo ligado; se iso o di noutro tempo o agora vicesecretario da Mesa do Parlamento veriamos a Martínez Camino con escordadura de larinxe terminal) ou outras veces do propio Feijóo, presunto xefe dun goberno obsesionado con muíños de vento.

Kristina Berg, en fin, faría ben en ler o escrito por Damián Villalaín no último A Nosa Terra baixo o título “Piñeiro, Feixóo e o galeguismo“. Na versión impresa do semanario este artigo ocupou enteira a páxina 6 e viña ilustrado precisamente cunha foto na que Piñeiro escoita unha intervención do propio Carlos Casares (a foto pertence ao Arquivo Familiar Casares-Berg). Déixenme concluír co penúltimo parágrafo de Villalaín. Teño a impresión de que vén ao caso:

Se Núñez Feixóo ten algún respeto por Ramón Piñeiro, e eu non quero dubidar de que isto é así, debería ser máis coidadoso á hora de esgrimir o seu nome con finalidades completamente alleas ás causas ás que Piñeiro dedicou toda a súa menesterosa vida. E calquera que coñeza un pouco a obra do de Láncara, sabe que entre esas causas nunca estivo a desprotección da lingua galega nin o bilingüismo harmónico, ese mítico constructo de pai descoñecido por cuxa definición precisa seguimos agardando moitos galegos.

 

[Kristina Berg nunha fotografía tomada por Xoán Carlos Gil na Fundación Carlos Casares en 2008]

Sofá-patria

13 de Outubro de 2008

O bo que ten un sofá-patria é que un pode recollelo cando a patria non é imprescindíbel ou cando non hai visitas coñazo. En cambio, se polo que sexa un ten necesidade, pois tira de panca e voilà. Que vén un cuñado de Ferrol, un curmán catedrático en Sevilla ou a directiva dunha asociación de vítimas do terrorismo e a conversa se demora co asunto do cambio climático ou coa primeira comuñón de Borja? Pois se colle o sofá-patria e alí fica a durmir quen faga falta, como é natural e de sentido común. Que España se desfai e en plena cea de Noiteboa nota como un ictus na parte bulbar ou lle acode unha alferecía ou, por poñernos brandos, arde nun prurito anal? Pois o mesmo… Ou é que o estado que lle entra a Fraga na cabeza non vai poder acomodarse todo e indiviso no sofá-patria dun rexistrador da propiedade? Que aparece Arsenio Fernández de Mesa coa macana de que lle explique outravolta a diferenza entre meridiano e paralelo? Globito terráqueo pal nene e a mimí. Que al alba irrompe Federico Trillo acompañado do Estado Maior salvadoreño/hondureño que tanto monta monta tanto porque entre súcubos xa se sabe? Pois, jaima larga e en decúbito, como dios manda! Que aparecen catro bispos para a liada do chiculate con churros vespertino e logo lles entra o pitangüé e remolonean e non queren voltar ás dióceses de cadaquén? Pois se tira do sofá-patria con claridade meridiana (meridiana, non paralela, Arsenio, por compaixón!) e alá eles logo como se entendan con mitras e báculos nos 4 m2 de colchoneta, que un fai o que pode. Que aparece o embaixador Aguirre dando o coñazo e pide un sitio pequecho, mesmo unha cama turca, para ir tirando mentres a crise calca nos Estados Fundidos e o mundo non se fai de vez multipolar? Pois ídem e tal, como faría todo español decente, e a fumarse un puro. Que o partido non ten onde meter os hilillos que o desfiañan e dos navarros non consigo máis que espárragos cojonudos? Pois toda a panda para a casa de Mariano! Porque somos unha nación e queremos celebralo durmindo todos xuntos. Ora, a cabra lexionaria, por moita pindárica que eu lle leve escrito desde os quince anos, nin de coña, mimadriña, que logo Viri non dá apañado os conguitos e se coan até debaixo dos sentimentos máis nobres e profundos.

Identidades a cores

8 de Outubro de 2008

Un dos momentos máis delicados do día en todo proceso de construción (ou deconstrución) nacional é o paso nun telexornal das noticias do mundo real, participadas adoito con semblante grave ou polo menos serio, ás noticias do mundo deportivo (relaxación, sorriso, o “sí, sí” de Sauca, aquel ósculo patrio acorante do que xa falei, a audiencia in crescendo, a publicidade lista, etc.). De aí a transcendencia do que aconteceu o outro luns entre Ana Blanco e Jesús Álvarez, cando este comentou que a da véspera “non fora unha xornada boa para os equipos españois”, para referir con iso a derrota por goleada do Atlético de Madrid perante o Barcelona e o empate na casa do Real Madrid co Español, o outro equipo barcelonés da liga BBVA, ou primeira división. Nisto dos lapsus linguae, igual que no moito menos cívico dos lapos linguae, eu sigo mercando en Froiz. Con todo, nese vídeo que acabo de marcar hai moitos elementos significativos máis para a comprensión da complexa dinámica identitaria que na península se está a xestionar. Nese par de minutos hai moito que ver. Por exemplo, a entradiña-embrague que dá a propia Blanco e que serve de pista de despegue ao seu compañeiro: a noticia son os resultados dos equipos de Madrid; fálase mesmo da “goleada do Atlético”. A noticia, pois, non é a goleada do Barça nin o empate conseguido polo Español, a noticia é iso dado a volta. A noticia é a perspectiva do acontecido. De aí aquilo do final do vídeo, “el otro Raúl”. Alteridades na RTVE. De porparte, o peor dun erro é sempre o intento posterior de minoralo, explicalo, rescatalo, disfrazalo, banalizalo. A policía adoita obter proveito desa lei universal, moito máis universal que o segundo principio da termodinámica. A xustificación e os paratextos corporativos para explicar o lapsus de Álvarez son definitivamente patéticos. Sobre todo porque caen nun erro moito más grave: considerar estúpida á audiencia, á totalidade da audiencia que a televisión amamanta. E aí entra tamén ese sector do Bernabeu ou do Calderón que cando reciben en Madrid ao Barça, á Real Sociedad e tamén, en menor escala, ao Dépor (pero non, atención!, ao Sevilla, ao Rácing, ao Numancia ou ao Valencia, contribuindo dese xeito a unha estimulante aclaración do concepto en cuestión) propende a alentar ao seu equipo e a si mesmo como colectivo coa consigna “¡España, España, España…!”. En cálculos sen fundamento técnico, pero coas orellas e a intelixencia despexadas, un internista amigo meu sitúa entre un 50% e un 65% do aforo deses estadios a emerxencia do pulo duodenal que alimenta o brado identitario irreprimido e que explica tantas pero tantas cousas. Entre elas o lapsus de Álvarez.

[…]
ps1. A moi peculiar idiosincrasia do Bernabeu no aspecto racial (13 10 2008).
ps2. A moi peculiar idiosincrasia do Calderón no aspecto racial (14 10 2008).
ps3. Durante o partido co Real Madrid no Caldeón o Frente Atlético homenaxeou ao neofascista austríaco Jörg Haider, falecido hai uns días. Non é doado localizar documentos gráficos ou en vídeo sobre o minuto de silencio ou a pancarta que indicaba “Haider DEP” (20 10 2008).